Zooplancto

Tradicionalmente dividiuse a comunidade planctónica en fitoplancto ou plancto vexetal e en zooplancto ou plancto animal.[1]

Denomínase zooplancto[2] á fracción do plancto constituída por seres que se alimentan por inxestión, de materia orgánica xa elaborada. Intégrana protozoos, é dicir, protistas diversos, fagótrofos que engloban o alimento fagocitándoo, e tamén por larvas de animais máis grandes, como esponxas, vermes, equinodermos, moluscos ou crustáceos e doutros artrópodos acuáticos, así como formas adultas de pequeno tamaño de crustáceos como copépodos ou cladóceros, rotíferos e fases xuvenís de peixes.

Son heterótrofos que oupan na cadea trófica as primeiras posicións de consumidores, alimentándose dos produtores primarios (compoñentes do fitoplancto), de organismos descompoñedores (como bacterias) ou doutros compoñentes do zooplancto. Algúns se alimentan de residuos orgánicos particulados.

En moits casos os integrantes do zooplancto gardan unha gran proximidade sistemática con outros do fitoplancto, ás veces incluso son do mesmo xénero. Por exemplo, moitas algas unicelulares flaxeladas simultanean ou alternan a fotosíntese coa inxestión de alimentos orgánicos.

Meganyctiphanes norvegica2
Un eufausiáceo (krill).

Integrantes do holoplancto

  • Protozoarios
  • Pluricelulares
    • Medusas: Unha medusa pode ser un estado de desenvolvemento doutro pluricelular sésil, é dicir, que non ten mobilidade, polo que se relaciona co bentos, ou ser un organismo libre adulto. Logra a súa flotación grazas á súa forma de paracaídas. O seu corpo está formado fundamentalmente por auga (até o 98 %).
    • Sifonóforos: Entre outras especies, as do xénero Physalia (fragata portuguesa).
    • Copépodos: Son crustáceos que constitúen case o 70 % do zooplancto. Posúen dous pares de antenas (como todos os crustáceos), e o tórax está dividido en seis segmentos, cada un cun par de apéndices aplanados, e o abdome presenta cinco segmentos desprovistos de apéndices.
    • Eufausiáceos: Nalgunhas latitudes forman o que se coñece co nome de krill (principal alimento das baleas).

Integrantes do meroplancto ou plancto temporal

  • Larvas de invertebrados (non crustáceos nin equinodermos)
    • Trocófora (moluscos, poliquetos)
    • Veliger (moluscos)
  • Larvas de crustáceos
    • Nauplio, zoea, megalopa, cipris etc.
  • Larvas de equinodermos
    • Pluteus

Notas

  1. zooplancto no dicionario da RAG.
  2. Do grego ζωον zōon, "animal", e plancto.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Anomalópidos

Os Anomalópidos (Anomalopidae) ou ollos de lanterna son unha familia de peixes mariños teleósteos, incluída na orde Bericiformes (Beryciformes). Distribúense por augas tropicais, principalmente do Índico e Pacífico.

Bacterioplancto

O bacterioplancto son as comunidades bacterianas do plancto e que se moven na columnas de augas doces ou salgadas.

O bacterioplancto ocupa un amplo rango de nichos ecolóxicos nos sistemas acuáticos. Moitos son saprófitos e obteñen a enerxía consumindo materia orgánica disolta, que fora producida por outros animais. Poden consumir o material orgánico disolto por estar este disolto e polo tanto accesible ou por se asociar poder asociar a ese material particulado, como é no caso da neve mariña. Moitas outras especies de baterioplancto son autotróficas, ben fotosintétizadoras ou quimiosintetizadoras. Este último grupo sóese clasificar como picofitoplancto, por seren de entre 0.2 e 2 μm de tamaño celular. O picofitoplancto inclúe grupos como os Prochlorococcus e Synechococcus.

O baterioplancto xoga papeis importantes nas rutas ecolóxicas de fixación de nitróxeno, a nitrificación e a desnitrificación, a remineralización e metanoxénese.

Como moito plancto de pequeno tamaño, o bacterioplancto é depredado polo zooplancto, de xeito corrente protozoos, e o tamaño poboacional das comunidades pola infección de bacteriofagos.

Caparazón

O caparazón, casca ou carapa é unha cuberta dura e ríxida (casca) que posúen numerosos animais que, entre outras funcións, serve para protexer as partes brandas dos mesmos. Neste sentido, sería sinónimo de exoesqueleto.

É o caso da maioría dos crustáceos e moluscos, nos que é de natureza calcaria, de todos os artrópodos, nos que está constituído por queratina (nos crustáceos reforzada por sales cálcicos) e dos quelonios (tartarugas), nos que é de natureza ósea e córnea.

Centrales

A Orde Centrales é unha subdivisión parafilética tradicional das algas heterocontófitas coñecidas como diatomeas, inda que actualmente esta tradicional orde Centrales correspóndese coa clase Coscinodiscophyceae.

. A orde recibe o nome pola forma das paredes celulares (ou válvulas ou frústulas) de diatomeas céntricas, que son circulares ou elipsoidais en visión valvar. As valvas mostran habitualmente ornamentos radialmente simétricos e que poden parecer puntos cando se observan en microscopía óptica. Algunhas tamén presentan espiñas nas súas valvas, que fai que teñan maior superficie celular e menor probabilidade de afundirse e que tamén eviten ser consumidas polo zooplancto. Como diferenza coas diatomeas pennadas, nunca presentan rafes (fisura ao longo do eixo lonxitudinal).

En relación co ciclo vital, a reprodución vexetativa das células é diploide e prodúcese por unha mitose durante a división celular normal. Nas especies sexuais, a meiose oogámica produce gametos haploides, tanto células espermáticas como ovos. A fusión destes produce o cigoto que se expandirá para desenvolver unha auxóspora a partir da cal todas as células vexetativas completas se producen.

Nalgúns marcos taxonómicos as diatomeas céntricas coñécense como a Orde Coscinodiscophyceae. Noutros casos como a orde Biddulphiales.. Porén, a taxonomía de diatomeas está a mudar polo desenvolvemento de técnicas de análise molecular.

Cirrípedes

Os cirrípedes (Cirripedia, Burmeister, 1834) son unha infraclase de crustáceos mariños da infraclase dos maxilópodos denominados comunmente percebes pero que inclúen outras especies como o arneiro ou o percebe da madeira. A especie representativa é o percebe común (Pollicipes pollicipes).

Son de hábitos sésiles (viven fixos sobre o substrato) polo que durante séculos foron considerados moluscos. Foi ó coñecer o ciclo biolóxico e estudar a morfoloxía das larvas, tipo cipris, cando se admitiu que se trataba de crustáceos cunha estrutura moi modificada.

Poden dispoñer dun pedúnculo, co que se fixan ó substrato, ou non, pero en calquera caso teñen o corpo protexido por placas calcáreas.

Copépodos

Os copépodos son un numerosísimo grupo de pequenos crustáceos, normalmente de menos de 1 mm de lonxitude, pero que representan ó redor do 80% do zooplancto mariño.

A maioría dos copépodos son mariños, pero hai moitas especies dulciacuícolas e unhas poucas que viven entre a vexetación húmida e nas películas de auga na terra. Tamén hai moitas especies parasitas de diferentes animais mariños e dulciacuícolas, especialmente de peixes.

Crustáceos

Os crustáceos (Crustacea) son un extenso subfilo de artrópodos, con máis de 67 000 especies (e sen dúbida aínda faltan por descubrir até cinco ou dez veces este número).O subfilo inclúe varios grupos de animais tan coñecidos como as lagostas, as centolas, os camaróns, os cangrexos, as nécoras e os percebes.

Os crustáceos son fundamentalmente acuáticos e habitan en todas as profundidades, tanto no medio mariño, como nas augas salobres e doces; uns poucos colonizaron o medio terrestre, como as cochinillas da humidade (isópodos) e certos cangrexos.

Constitúen un dos grupos zoolóxicos con maior éxito biolóxico, tanto polo número de especies viventes como pola diversidade de hábitats que colonizan; dominan os mares, como os insectos dominan a terra.

A ciencia que estuda os crustáceos coñécese como carcinoloxía.

Eutrofización

En ecoloxía, chámase eutrofización ao incremento dos

nutrientes químicos (especialmente fósforo e nitróxeno) nun ecosistema, normalmente unha masa de auga, como un río, lago ou baía máis ou menos fechada. A eutrofización pode ser natural ou artificial neste último caso causada polos efluíntes agrícolas, urbanos ou industriais.

Estas substancias son os principais nutrientes do fitoplancto (as "alga" microscópicas que viven na auga), que se reproduce en grandes cantidades, tornando a auga verdosa ou acastañada. Canto estas algas comezan a morrer, e con elas o zooplancto que delas se alimenta, a súa descomposición pode tornar a masa de auga pobre en osíxeno, provocando a morte de peixes e outros animais e a formación de gases tóxicos ou de cheiro desagradábel.

Cando isto acontece, a eliminación das causas da contaminación pode levar o ecosistema de novo a unha situación saudábel mais, se for un sistema fechado, as especies que que desapareceran poden non volver aparecer.

A eutrofización é a causante do chamado "verdín" en charcas e encoros, aínda que tamén pode aparecer en lagoas e ríos de pouca corrente, e é debido ás cianobacterias.

A eutrofización recoñeceuse como problema ecolóxico nos lagos e encoros europeos e norteamericanos a mediados do século XX. Desde entón tense estendido alí onde aumenta a actividade industrial. Son eutróficos o 54% dos lagos de Asia, o 53% de Europa, o 48% de América do Norte, o 41% de Sudamérica e o 28% de África.

Fitoplancto

O fitoplancto é un grupo diverso e polifilético de microorganismos planctónicos unicelulares e coloniais fotoautótrofos . Fórmano protistas fotosintetizadores (dominio Eukarya) e cianobacterias (domino Bacteria). O nome provén das palabras gregas φυτόν fitos 'planta' e πλαγκτός planctos 'o que vai á deriva'.

A meirande parte das especies son unicelulares e microscópicas. Mostran un amplo rango de formas e tamaños: van dos 0,4 aos 200 μm . Algunhas especies forman colonias de ata 1 cm, como o fai a cianobacteria filamentosa Trichodesmium. Os principais grupos eucaríoticos do fitoplancto son as diatomeas, os dinoflaxelados e os haptófitos, xa que son os responsables das floracións nas augas polares e temperás . Grazas a posuír clorofila e outros pigmento biolóxico|pigmentos]] accesorios, como ficobiliproteínas ou xantofilas, o fitoplancto dálle cor ás augas que ocupan. Caracterízaos o ciclo de vida parcial ou totalmente adaptado aos ambientes peláxicos de océanos e de lagos, así como doutras augas doces continentais.

A aparición evolutiva do fitoplancto supuxo a osixenación da atmosfera terrestre e unha mudanza dos ciclos bioxeoquímicos dos océanos e da atmosfera . Son unha peza fundamental dos actuais ciclos do carbono, o nitróxeno e o fósforo, entre outros , e das redes tróficas acuáticas.

Migración animal

Chámase migración animal a cada un dos desprazamentos periódicos, estacionais ou permanentes, de especies animais dun hábitat a outro.

Son moitos os animais que realizan migracións. O tipo de migración que efectúan é moi distinto en mamíferos, aves, peixes como os salmóns e as anguías, os invertebrados como as lagostas (Locusta migratoria) ou as bolboretas monarca (Danaus plexippus), ou os microorganismos do zooplancto. O caso dos movementos masivos non periódicos dalgúns animais que se produza nun intervalo de poucos anos adoita chamarse emigración ou invasión.

Toda migración animal implica un movemento activo por parte do individuo migrante, a miúdo durante moitos días. Porén, os animais máis pequenos, como os do plancto, os anfibios e as lagostas, aproveitan as correntes de auga ou aire, mentres que as aves aproveitan os ventos alisios e as correntes de aire ascendentes.

A migración cumpre distintas finalidades. Hai especies que o fan para afastarse do seu hábitat en inverno, cando este é extremadamente rigoroso, ou en verán, nas zonas tórridas; outros fano buscando un lugar apropiado para a súa reprodución, ou para fuxir dos seus depredadores; outras especies fano para procurarse alimentos.

Mosquito

O mosquito, cínfano ou cínife, é un insecto da familia Culicidae. Coma os outros membros da orde Diptera, os mosquitos teñen un par de ás e un par de halteres. As características da súa familia inclúen un corpo esguío e patas longas. O tamaño varía pero raramente supera os 15 mm. O peso dos mosquitos é só de 2 a 2.5 miligramos. Conseguen voar de 1.5 a 2.5 km/h. Os mosquitos existen desde hai 170 millóns de anos (Xurásico medio).

Os xéneros dos mosquitos inclúen Anopheles, Culex, Psorfora, Oclerotatus, Aedes, Stegomyia,Sabetes, Culiseta e Haemagoggus. Existen 35 xéneros en total con máis de 2.700 especies recoñecidas.

O mosquito pasa por catro fases distintas no seu ciclo vital: ovo, larva, pupa e adulto. O tamaño que alcance nas tres primeiras etapas depende do seu especie e da temperatura.

Mugil cephalus

O Mugil cephalus é unha especie de peixes mariños eurihalinos da familia dos muxílidos, un dos varios peixes desa familia que se chaman muxe, cabezudo ou limoso.É unha especie costeira especialmente diúrna que a miúdo entra en estuarios e ríos. Adoita formar bancos en fondos areosos ou de lama, alimentándos de zooplancto. Os peixes adultos normalmente aliméntanse de algas en auga doce. As especie é eurihalina, o que significa que o peixe pode aclimatarse a diferentes niveis de salinidade.

Ostrácodos

Os ostrácodos (Ostracoda), do grego όστρακον, óstrakon, 'cuncha' e ειδής, eidés, 'con aspecto de', son unha clase de crustáceos da que se identificaron unhas 70.000 especies, das cales só 13.000 existen actualmente, agrupadas en varias ordes. Son crustáceos de pequeno tamaño, normalmente de 1 mm de longo, pero poden variar de 0,2 a 30 mm (no caso de Gigantocypris). Os seus corpos son aplanados lateralmente e están protexidos por unha "cuncha" quitinosa ou calcaria de dúas valvas. A bisagra entre as dúas valvas está na parte superior (dorsal) do corpo. Os ostrácodos agrúpanse para a súa clasificación segundo a súa morfoloxía básica, pero os grupos poden non ser monofiléticos, e as súas filoxenias moleculares permanecen ambiguas.Ecoloxicamente os ostrácodos mariños poden formar parte do zooplancto, pero o máis común é que forman parte do bentos (animais do fondo mariño). Moitos ostrácodos, especialmente os Podocopida, tamén se encontran na auga doce, e coñécense especies terrestres de Mesocypris do solos de bosques húmidos de Suráfrica, Australia e Nova Zelandia. Teñen dietas moi variadas, e o grupo inclúe carnívoros, herbívoros, preeiros e filtradores.

En 2008 coñecíanse unhas 2.000 especies e 200 xéneros de ostrácodos non mariños. Porén, unha gran porción da súa diversidade aínda está por describir, localizada en puntos quentes de biodiversidade non documentados de hábitats acuáticos temporais de África e Australia. Da diversidade específica e xenérica coñecida dos ostrácodos non mariños, a metade (unhas 1.000 especies e 100 xéneros) pertencen a unha familia (de entre un total de 13 familias), a dos Cyprididae. Moitos Cyprididae ocoren en corpos de auga temporais e teñen ovos resistentes á seca, reprodución mixta/partenoxenética, e a capacidade de nadar. Estes atributos biolóxicos preadaptáronos para poder orixinar exitosas radiacións neses hábitats.

Ozonosfera

A ozonosfera localízase na estratosfera: preto de 90% do ozono atmosférico está nesta capa, entre 16 a 30 quilómetros de altitude e de preto de 20 km de espesura.

Os gases na ozonosfera son tan raros que, se os comprimísemos á presión atmosférica ao nivel do mar, a súa espesura non superaría os 3 milímetros.

As radiacións electromagnéticas emitidas polo Sol traen enerxía á Terra, entre as cales están a radiación infravermella, a luz visible e unha mestura de radiacións e partículas, moitas destas nocivas.

Gran parte da enerxía solar é absorbida ou reflectida pola atmosfera; se chegase na súa totalidade á superficie do planeta, este esterilizaríase.

A ozonosfera é unha das principais barreiras que nos protexe dos raios ultravioleta. O ozono deixa pasar só unha pequena parte dos raios ultravioleta.

Cando o osíxeno molecular da alta atmosfera sofre interaccións debido á enerxía ultravioleta procedente do Sol, acaba dividíndose en osíxeno atómico; o átomo de osíxeno e a molécula do mesmo elemento únense debido á reionización, e acaban formando a molécula de ozono cuxa composición é O3.

A ozonosfera saturada de ozono funciona como un filtro onde as moléculas absorben a radiación ultravioleta do Sol e, debido a reaccións fotoquímicas, atenúase o seu efecto.

Plancto

En ecoloxía denomínase plancto ao conxunto de organismos de moi pequeno tamaño, principalmente microscópicos, que viven nas augas salgadas ou doces e que, por seren incapaces de nadar contra a corrente, flotan e son arrastrados polas correntes.O plancto tipicamente flúe coas correntes de auga. Mentres que algunhas formas son capaces de realizar movementos independentes e poden nadar verticalmente centos de metros nun só día (comportamento denominado migración vertical diaria), a súa posición horizontal está determinada principalmente polas correntes.

Isto fai que se distinga do necto, o conxunto de organismos que son nadadores activos; do bentos, conxunto dos organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos, e do neusto, conxunto dos organismos que viven na interface ou límite da auga co aire, é dicir, na superficie.

Os organismos que forman o plancto comprenden a todos os animais, plantas, archaea, algas, e bacterias que habitan na zona peláxica de océanos, mares, lagos, ríos ou outros corpos de auga. É dicir, o plancto defínese polo seu nicho ecolóxico, non pola clasificación taxonómica ou filoxenética.

Os organismos que o compoñen proporcionan unha fonte crucial de alimentos a moitos outros organismos acuáticos, grandes ou pequenos, como peixes e baleas, entre outros.

Radiolarios

Os radiolarios ou Radiolaria son un grupo de protozoos ameboides de entre 0,1 e 0,2 mm de diámetro que se caracterizan por producir un complicado esqueleto mineral, que tipicamente consta dunha cápsula central perforada que divide a célula en porción interna (endoplasma) e porción externa (ectoplasma) e uns pseudópodos especiais como variñas chamados axópodos. Forman parte do zooplancto dos océanos, e os seus restos esqueléticos cobren enormes extensións dos fondos oceánicos.

Debido á rápida evolución das súas especies, son importantes fósiles de diagnóstico, que se encontran nos estratos desde o Cámbrico ata os nosos días. Algúns radiolarios fósiles importantes son Actinomma, Heliosphaera e Hexadoridium.

Troita arco da vella

A troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss) é un peixe eurihalino de auga doce e de mar da familia dos salmónidos, distribuído de forma nativa polo norte do océano Pacífico, dende o Xapón pasando polo mar de Bering até Península de Baixa California, en México, aínda que de forma artificial foi introducida polo ser humano en medio mundo.

Ángeles Alvariño

María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetognatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo. A súa seguinte estadía foi a Laboratorio Mariño de Plymouth. Alí converteuse na primeira muller que participou como científica nunha expedición oceanográfica mundial, pois en 1953-1954 participou como investigadora na expedición do buque británico Sarsia. Desde 1956 ata o remate da súa carreira continuou a súa investigación nos Estados Unidos no Instituto Oceanográfico Scripps e no centro de investigación en pesca da NOAA.Ángeles Alvariño recibiu a Medalla de Prata de Galicia en 1993 e foi a figura que escolleu a Real Academia Galega de Ciencias para conmemorar o día 1 de xuño, o Día da Ciencia en Galicia, do 2015. O Instituto Español de Oceanografía botou un buque en 2012 que leva o seu nome.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.