Zona húmida

Unha zona húmida[1] é unha zona de terras, xeralmente planas, cuxa superficie se inunda de maneira permanente ou intermitentemente. Ao cubrirse regularmente de auga, o solo satúrase, quedando desprovisto de oxíxeno e dando lugar a un ecosistema híbrido entre os puramente acuáticos e os terrestres.

A categoría biolóxica da zona húmida comprende zonas de propiedades xeológicas diversas: brañas, lameiros, estuarios, marismas, pantanos, turbeiras, así como as zonas de costa marítima que presentan anegación periódica polo réxime de mareas (fondo das rías e mangleiros, entre outros).

Pantanos de Centla 03
Pantanos de Centla, en Tabasco, México: a zona húmida máis extensa de Norteamérica.
Wetland-marshall-county-indiana
Pequena zon a húmida no condado Marshall, Indiana, Estados Unidos.

Definición

Mokrady Srby 2
Recinto de aves acuáticas na zona húmida de Tuchlovice, na República Checa.
Pantanal, south-central South America 5170
Fotografía aéra do Pantanal Matogrosense, de 195.000 km², que se estende por Brasil, Bolivia e Paraguai.

Segundo o Convención de Ramsar:

"Unha zona húmida é unha zona da superficie terrestre que está temporal ou permanentemente inundada, regulada por factores climáticos e en constante interrelación cos seres vivos que a habitan".

Segundo o artigo 1, parágrafo 1, considéranse zonas húmidas,

"As extensións de marismas, pantanos e turbeiras, ou as superficies cubertas de augas, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cuxa profundidade en marea baixa non exceda de seis metros".

Así mesmo, no artigo 2 parágrafo 1, estipúlase que,

"Poderán comprender as súas zonas ribeirás ou costeiras adxacentes, así como as illas ou extensións de auga mariña dunha profundidade superior aos seis metros en marea baixa, cando se encontren dentro da zona húmida".

O Día Mundial das Zonas Húmidas celébrase cada 2 de febreiro, desde que en 1971 se levara a cabo o Convenio de Ramsar.[2][3]

O carácter distintivo das zonas húmidas está na escasa profundidade do nivel freático, coa consecuente alteración do réxime do solo. A vexetación especificamente adaptada a estas condicións denomínase hidrófita, cando se sitúa sobre zonas inundadas de auga; e freatófita cando estas zonas están sobre zonas de auga oculta (cripto-húmidas); nestes casos substitúe as especies terrestres normais. As peculiaridades do contorno fan que a fauna presente sexa polo xeral endémica e netamente diferenciada da das zonas adxacentes; grandes familias de aves e réptiles están adaptadas unicamente a ambientes deste tipo.

A función principal da zona húmida, á parte de ser un grande ecosistema e un importante hábitat para moits seres vivos, é que actúan como filtradores naturais da auga; isto débese a que as súas plantas hidrófitas, grazas aos seus tecidos, almacenan e liberan auga, e desta forma comenzan co proceso de filtración. Antigamente as zonas húmidas eran drenadas por seren consideradas unha simple (e prexudicial) inundación dos terreos, pero hoxe en día sábese que representan un grande ecosistema e valóranse máis.

Nótese que certos papeis das terras húmidas posúen grande importancia institucional. Por exemplo, os peixes son capaces de migrar longas distancias, traspasando fronteiras nacionais. Consecuentemente, a destrución ou degradación das terras húmidas nun país pode ter impactos directos sobre os recursos biolóxicos doutros. A este respecto cómpre recordar, por exemplo, o conflito palestino-israelí polas augas do río Xordán.[4][5]

A pesar da súa importancia, as terras húmidas en todo o mundo encóntranse ameazadas. Os perigos proveñen da agricultura intensiva ao crecente uso da acuicultura, o desenvolvemento industrial, a cambios hidrolóxicos artificiais ou á degradación por debida á súa explotación excesiva. Este é un dos asuntos máis importantes de cara á súa futura conservación.[6]

Clasificación

Oued massa
Desembocadura do río Massa, no P. N. de Souss-Massa, Marrocos.

Pódense establecer varios criterios para clasificar as zonas húmidas en función dos obxectivos que se perseguen ou dos estudos nos que se baseen: criterio morfolóxico (xeral, principalmente para divulgación), hidroxenético (segundo a orixe e usos da auga, para demandas de auga), funcional (ecolóxico, segundo os seus hábitats, para a conservación medioambiental), ou os criterios estruturais (desde o punto de vista de xestión), etc.

Tipos morfolóxicos

En 1989 foron clasificados máis de trinta zonas húmidas naturais e nove artificiais. A pesar diso é posíbel identificar cinco grandes tipos morfolóxicos de sistemas de zonas húmidas:[7][8]

  • mariños, son aquelas que no son afectados por cursos fluviais. Exemplo delas son os arrecifes de coral e litorais.
  • ribeiráns, son aquelas terras inundábeis frecuentemente polo desbordamento dos ríos. Exemplo delas son os bosques anegados, lagos de meandro e chairas.
  • estuarios, son aquelas onde os ríos desembocan no mar e a auga de estes alcanza unha salinidade media entre a da auga doce e a salgada. Exemplo destas so os deltas, marismas e bancos fangosos.
  • lacustres, son aquelas zonas cubertas de auga permanentemente con baixa circulación. Exemplo delas son os lagos glaciarios de volcáns e as lagoas en xeral.
  • palustres, son aqueles ecosistemas que conteñen case permanentemente auga, como as marismas, pantanos de papiro, brañas e tremedais.

Tipos estruturais

Desde o punto de vista "estrutural", pódense diferenciar os tipos de zonas húmidas baseadas, por unha parte, no criterio hidrolóxico da estrutura externa ou de superficie e, por outra parte, no criterio hidroxeolóxico que comprende a estrutura interna ou de conexión subterránea. Ao conxunto destes 2 aspectos, tamén pode entenderse como criterio "hidrolóxico-estrutural".[9] Son:

Criterio estrutural hidrolóxico (aspectos externos):

  • Hidrohúmido: presentan case sempre lámina de auga aflorante (practicamente durante todo o ano)
  • Higrohúmido: presentan case sempre lámina de auga oculta (practicamente todo o ano)

Criterio estrutural hidroxeolóxico (aspectos internos):

  • Epixénicos: desvinculada a súa estrutura de fluxos subterráneos localizados próximos.
  • Freatoxénicos: vinculada a súa estrutura a fluxos subterráneos localizados próximos.

E dentro das zonas húmidas freatoxénicas, poden subdividirse noutros 3 grupos, segundo os seus ámbitos hidroxeológicos de fluxo:

  • zonas húmidas de recarga' (nos limiares piezométricos localizados de recarga): Navas, charcas de infiltración, tramos de recarga fluviais etc.
  • zonas húmidas de tránsito' (as zonas de circulación de fluxo subpaparelo ao terreo ou tendencia plana): zonas criptohúmidas continentais e litorais, lagoas de lámina aflorante etc.
  • zonas húmidas de descarga' (nas zonas de converxencia de fluxo hidroxgeolóxgico): mananciais encharcados, descargas de fondo, áreas de rezume etc.

Polo que, combinando entre si ambos os conxuntos de nomenclaturas, para senllos criterios externos e internos, resultarían 7 tipos hidrolóxico-estruturais:

  • epixénico exclusivo: salinas costeiras, albufeiras, encoros, entre outras.
  • hidrohúmido de recarga: lagoas de infiltración, arrozais, ríos filtrantes, entre outras.
  • hidrohúmido de tránsito: lagoas esteparias, charcas freáticas, táboas de auga (como as Tablas de Daimiel), entre outras.
  • hidrohúmido de descarga: afloramentos mananciais, lagoas fluviais, charcas mananciais, salinas de interior, entre outros.
  • higrohúmido de recarga: navas de montaña, charcas en ramblas permeábeis, entre outros.
  • higrohúmido de tránsito: zonas criptohúmidas continentais, litorais, entre outras.
  • higrohúmido de descarga: surxencias cársicas estacionais, extrusións cársicas, entre outras.

Conservación

Artigo principal: Zona húmida protexida.
Artigo principal: Convención de Ramsar.

Se ben a conservación das zonas húmidas estivo favorecida até épocas recentes pola dificultade para habitalas, os proxectos de terraformación recentes constitúen un grave risco para as especies endémicas (como o caso do desecamento da lagoa de Antela nos anos 1950). A biodiversidade das zonas húmidas convérteas nun recurso ecolóxico crucial. No ano 1971 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN ou IUCN, súas siglas en inglés) formulou un listado de zonas húmidas ameazadas.

Notas

  1. Definicións no húmida Dicionario da Real Academia Galega e no húmida Portal das Palabras para zona húmida.
  2. "2 de febrero - Día Mundial de los Humedales" Arquivado 04 de novembro de 2016 en Wayback Machine. en Buenos Aiures Provincia. Organismo Provincial para el Desarrollo Sostenible. (en castelán). Consultada o 1 do novembro de 2016.
  3. 2 de febrero - Día Internacional de los Humedales Arquivado 26 de abril de 2017 en Wayback Machine. en Calendario medioambiental. Ambientum.com. (en castelán) Consultada o 1 do novembro de 2016.
  4. El río Jordán en disputa, en UnitedExplanations. (en castelán). Consultada o 1 de novembro de 2016.
  5. Edmundo Fayanás Escuer: El agua en el conflicto palestino-israelí en Rebelion. (en castelán). Consultada o 1 de novembro de 2016.
  6. El proyecto internacional Ecolagunes finaliza tras dos años de trabajo centrado en la conservación de humedales.
  7. The Ramsar Convention (actualizada a 4 de xullo de 2011). The Annotated Ramsar List: Argentina Consultado o 1 de novembro de 2016.
  8. Tipos de Humedales Ramsar. CREHO 2010. (en castelán). Consultado o 1 de novembro de 2016.
  9. Reconocimiento de Humedales hidrológico-estructurales

Véaxse tamén

Bibliografía

  • Banco Mundial. 1986. "Wildlands: Their Protection and Management in Economic Development". Nota Política Operacional, 11.02. Banco Mundial, Washington, D. C.
  • Crisp, P. 1986. Coastal Wetlands. Wellington, Nueva Zelandia: Nature Conservation.
  • Dugan, P.J., ed. 1990. Wetland Conservation, A Review of Current Issues and Required Action. Gland, Suíza: IUCN.
  • Drijver, C.A., y M. Marchand. 1985. Taming the Floods: Environmental Asoects of Floodplain Development in Africa, Leiden, Países Bajos: Centro de Estudios ambientales.
  • Ledec, G., y R. Goodland. 1988. Wildlands: Their Protection and Management in Economic Development. Washington, D.C.: Banco Mundial.
  • Lugo, A.E., y otros. 1989. Forested Wetlands Nueva York: Elsevier Scientific Publications.
  • Scodari, P.F. 1990. Wetlands Protection: The Role of Economics.Washington, D.C.: Environmental Law Institute.
  • Unión Internacional para la Conservación de la Naturaleza. Wetland Conservation and Sustainable Development Gland, Suíza.

Outros artigos

Ligazóns externas

Complexo Intermareal Umia-O Grove

O Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira é un espazo natural terrestre e mariño declarado como catalogado zona especial de conservación e zona de protección de aves desde 1990. Está situado na ría de Arousa e esténdese polos concellos de Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia e a Illa de Arousa, cunha extensión total de 7490 hectáreas. Como espazo comprendido dentro da Rede Natura 2000, inclúe tamén as illas Ons e Onza.

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

O complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un parque natural galego que ampara ao sistema dunar, as marismas e as lagoas do vértice occidental da costa da península do Barbanza, en Ribeira, entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia.

O complexo de Corrubedo é tamén un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC) (Complexo húmido de Corrubedo), unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) (Complexo litoral de Corrubedo), un zona húmida protexida galega (Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo) e un zona húmida de importancia internacional Ramsar (Complexo de Corrubedo). O arquipélago de Sálvora, e o seu mar, así como parte do litoral de Porto do Son atópanse dentro do ZEC do Complexo húmido de Corrubedo, co que se amplía a súa área a 9.264,64 ha. Así é que a costa entre o cabo de Corrubedo e o Castro de Baroña, o mar arredor das illas de Sálvora e as lagoas de Carregal e Vixán quedan baixo a protección do parque natural e a ZEC.

Distrito Kaberamaido

Kaberamaido é un distrito da Rexión Oriental de Uganda, nomeado así pola súa poboación capital, Kaberamaido.

Limita co Distrito Alebtong polo norte, co Distrito Amuria polo nordeste, co Distrito Soroti polo leste, co Distrito Serere polo sueste, co Distrito Buyende polo sur, co Distrito Amolatar polo suroeste e co Distrito Dokolo polo noroeste.

Datos xeográficos:

Área total: 1.644 km2

Área de terras: 1.210 km2 (73.6%)

Área de bosque: 22 km2 (1.3%)

Área de auga: 269 km2 (16.4%)

Área de braña (zona húmida): 143 km2 (8.7%)No ano 2002 tiña unha estimación de poboación de aproximadamente 131.700 habitantes.

Forma parte da subrexión Teso e é a área principal do pobo kumam, ao que pertence a maioría da poboación, no 2008, 99.738 persoas (74.7% da poboación). Os iteso son o seguinte grupo étnica más numeroso do distrito, 27.317 persoas no 2008 (20.5%). Estes dous pobos empregan as linguas kumam e ateso respectivamente, linguas pertencentes á familia nilótica. Os langi con 4.617 individuos (3.5%) son o seguinte grupo étnico en número. Os outros grupos que se poden atopar neste distrito constitúen menos do 1% da poboación do distrito, como son os acholi, bagwere, bakenyi, baruli, mening, basoga, baganda e alur.

Golfo de Fonseca

O golfo de Fonseca, é un entrante protexido do océano Pacífico, ao oeste de América Central, que limita ao noroeste co Salvador, ao nordeste e ao leste, por Honduras, e ao sur por Nicaragua.

Un dos mellores portos naturais do mundo, cunha extensión duns 3.200 km². Entre os portos importantes atópanse La Unión, no Salvador; San Lorenzo, en Honduras; e Puerto Morazán, en Nicaragua.

Lago, Valdoviño

Santiago de Lago é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Valdoviño, na comarca histórica de Trasancos. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 1.139 habitantes (586 mulleres e 553 homes) distribuídos en 21 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.054 habitantes. Conta cunha superficie de 11,8 km². Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Lagoa da Frouxeira

A lagoa da Frouxeira é unha zona húmida do concello de Valdoviño. Localízase ao pé da praia da Frouxeira, na parroquia de Lago, dando orixe ao nome da parroquia. Constitúe un ecosistema de gran valor, no que habitan milleiros de aves, en especial, migratorias, que atopan na lagoa o lugar ideal para descansar e aniñar. Como Lagoa e areal de Valdoviño é considerada Zona húmida de importancia internacional pola Convención de Ramsar (Zona húmida de Importancia Internacional). Ademais foi declarada Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), é lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra) e está incluída no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.

Anualmente a Xunta de Galicia procede a abrir a canle que vai da lagoa ao océano para previr inundacións nas vivendas da zona.

Lagoa de Cospeito

A lagoa de Cospeito é unha zona húmida permanente situada no concello de Cospeito, e é unha das lagoas máis importantes de Galicia. Está situada a uns 25 km da capital provincial, Lugo.

Forma parte da zona especial de conservación (ZEC) Parga-Ladra-Támoga e forma parte da Reserva da Biosfera "Terras do Miño".

Lagoa e areal de Valdoviño

A lagoa e areal de Valdoviño é un espazo natural galego declarado como zona húmida protexida e que ocupa 490 ha. da lagoa da Frouxeira e a praia da Frouxeira, Valdoviño.

Esta zona húmida forma parte da zona especial de conservación (ZEC) "Costa Ártabra" e da zona de especial protección para as aves (ZEPA) da "Costa de Ferrolterra - Valdoviño". É ademais unha das zonas húmidas galegas incluídas na Lista das zonas húmidas de importancia internacional, da Convención de Ramsar..

Mangleiral

O mangleiral é un ecosistema acuático, de transición entre os ambientes terrestre e mariño, unha zona húmida característica de rexións tropicais e subtropicais.

Polo feito de estar asociado ás marxes de baías, enseadas, barras areosas, desembocaduras de ríos e lagoas onde haxa encontro de augas de ríos coa do mar, ou ben directamente exposto á liña da costa, o mangleiral está suxeito ao réxime das mareas e dominado por especies vexetais típicas adaptadas á salinidade, ás que se asocian outros compoñentes vexetais e animais.

Ao contrario do que acontece nas praias areosas e nas dunas, a cobertura vexetal do mangleiral instálase en substratos de lama de formación recente, de pequena declividade, baixo a acción diaria das mareas de auga salgada ou, polo menos, salobre.

Débense distinguir os termos mangleiral (ecosistema) e mangleiro, termo común dado ás especies arbóreas características deses hábitats.

Mar Menor

O Mar Menor é unha lagoa de auga salgada de España, situada xunto ao mar Mediterráneo, na rexión de Murcia. Os seus especiais características ecolóxicas e naturais fan do Mar Menor unha paraxe natural única e o lago de auga salgada maior de Europa.

Marisma

En xeografía, unha marisma é un ecosistema húmido con plantas herbáceas que medran na auga. Unha marisma é diferente dunha zona húmida, que está dominada por árbores no canto de herbáceas. A auga dunha marisma pode ser só de mar, aínda que normalmente é unha mestura de auga mariña e doce, denominada salobre. As marismas adoitan estar asociadas a estuarios, e baséanse comunmente en chans con fondos areosos.As marismas son moi importantes para a vida silvestre sendo un dos hábitats preferidos para criar unha gran variedade de vida; dende pequenas algas planctónicas, até unha abundante cantidade de flora e fauna, fundamentalmente aves.

Pantano

Un pantano é unha zona húmida plana e pouco profunda co fondo xeralmente cuberto de lodo, onde vive vexetación herbácea adaptada, arbustiva e arbórea, que pode ter augas permanentes ou non, doces, salobres ou salgadas. Moitos pantanos orixínanse ao longos dos ríos, en vales e zonas baixas, e zonas abandonadas polos ríos como meandros e leitos fluviais abandonados, pero tamén en zonas costeiras e ribeiras de lagos. As augas dos pantanos flúen lentamente ou están encoradas, polo que neles se acumula materia orgánica e poden crecer bacterias que orixinan o "gas dos pantanos" (metano). En primitivos pantanos orixináronse depósitos que darían lugar á turba e ao carbón. Como o nivel das augas é con fecuencia flutuante, a vexetación ten que estar adaptada a períodos de inundación. As especies dominantes varían segundo o tipo de pantano e a zona do mundo, pero nos pantanos europeos abundan as plantas poáceas, tifáceas, xuncáceas, e ciperáceas, e outras plantas acuáticas. Algunhas das zonas pantanosas máis extensas do mundo atópanse ao longo dos maiores ríos, como o Amazonas, Mississippi, e Congo. Adoitan ter un gran valor ecolóxico.

As zonas similares situadas nas costas inundadas periodicamente pola marea nas que crecen mangleiros e outros seres vivos halófilos, denomínanse mangleirais. Outros pantanos costeiros con influencia das mareas son as marismas.

Parque Nacional das Tablas de Daimiel

O Parque Nacional das Tablas de Daimiel é un parque nacional español que protexe a zona húmida homónima, as Tablas de Daimiel. O parque nacional atópase situado nos termos de Daimiel e Villarrubia de los Ojos, na provincia de Ciudad Real, na comunidade autónoma de Castela-A Mancha. É ademais zona de especial protección para as aves (ZEPA) e parte da Reserva da Biosfera A Mancha Húmida.

As Tablas son un dos últimos representantes dun ecosistema denominado táboas fluviais que se forman ao desbordarse os ríos nos seus tramos medios, favorecidos por fenómenos de semiendorreísmo e a escaseza de pendentes. A zona húmida fórmase na confluencia do río Guadiana e o seu afluente Gigüela e é un dos ecosistemas acuáticos máis importantes da Península Ibérica pola variedade e calidade da fauna e flora que habitan nela, así como por aquelas aves que a empregan nos pasos migratorios.

Con todo, a supervivencia do parque periga debido á sobreexplotación dos acuíferos que provoca que sen achegue artificial de auga, a reserva sufra duras secas. Debido a esta degradación, o 22 de outubro de 2009 a Comisión Europea abre un expediente a España, mentres que a UNESCO xa expresara con anterioridade a posibilidade de retirar a figura de reserva da biosfera.

Praia de Basoñas

A praia de Basoñas é unha praia galega situada na parroquia de San Pedro de Muro, en Porto do Son. Ten unha lonxitude de 2.100 metros e unha anchura de 34 metros. Trátase dunha praia de ámbito virxe, con forma de enseada e ondada moderada. Conta cunha zona húmida formada polas lagoas de Xuño e Muro, onde aniñan grande cantidade de aves

Ría de Ortigueira

A ría de Ortigueira, tamén coñecida como ría de Ortigueira e Ladrido e como ría de Santa Marta de Ortigueira, é unha ría galega situada ao norte da provincia da Coruña, en Galicia, España.

Está formada pola desembocadura do río Mera, as súas augas bañan os concellos de Cariño e Ortigueira. Debe o seu nome á vila de Ortigueira, e conta con dous portos pesqueiros, o de Espasante, actualmente sen apenas actividade pesqueira, e o de Cariño, moito máis importante.

Está catalogada como unha zona especial de conservación (ZEC) e unha zona de especial protección para as aves (ZEPA). Ademais, por ser un importante lugar de paso e invernada de aves acuáticas está dentro do Convenio de Ramsar como zona húmida protexida.

Ría de Ribadeo

A ría de Ribadeo, ou ría do Eo, é formada a partir do río Eo xunto con outros ríos menores, como o río Grande, como un entrante do Cantábrico. Está situada no nordeste de Galiza e oeste de Asturias, actuando como fronteira natural. Ten 10 km de lonxitude e unha largura abondo constante duns 800 m, estreitándose ata os 600 m preto da boca, circunstancia aproveitada para construír sobre ela a Ponte dos Santos, e abríndose abondo máis á altura da enseada de Arnao, xusto á beira da súa boca, ou na enseada da Liñeira, fronte a Ribadeo, ambas na parte oriental.

A ría e o seu espazo natural da parte galega están amparados polas figuras de protección de zona especial de conservación, zona de especial protección para as aves e zona húmida protexida, e a parte asturiana como reserva natural parcial. O conxunto da ría de Ribadeo está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e dentro do programa internacional de zonas húmidas Ramsar.

Río Landro

O río Landro ou Landrove é un curso fluvial galego, pertencente á vertente cantábrica. Segue unha dirección S-N e desemboca na ría de Viveiro. Ten un percorrido de 42 km e a súa bacía esténdese por 268 km².

Zona húmida protexida

As zonas húmidas protexidas son ecosistemas que teñen auga constantemente ou dun xeito estacional e que polo seu interese de protección e conservación son espazos naturais protexidos. Segundo a Convenio de Ramsar, unha zona húmida é unha «área de marismas, esteiros, foces ou turbeiras, tanto naturais como artificiais, nas que a auga é estática ou flúe, é tanto doce, salobre coma salgada, e áreas nas que a auga mariña en marea baixa non ten unha profundidade maior de seis metros». Agás na Antártida, estas zonas están por todo o planeta e son ecosistemas como os de lagoas e ríos, acuíferos subterráneos, marismas, esteiros, turbeiras, deltas, mangleirais, corais ou encoros construídos, entre outros.As zonas húmidas máis destacables do planeta, segundo a UNESCO, son Tonlé Sap (Cambodia), Pantanal (Brasil), Lac Saint-Pierre (Canada), a Ciénaga Grande de Santa Marta (Colombia), Camarga (Francia), a reserva da biosfera de Hara (Irán), o delta do Volga (Rusia), Langebaan (Suráfrica), The Everglades (EEUU) e o delta du Saloum (Senegal).As zonas húmidas Ramsar supera en 2017 as 2200 e cobren o 2,1% da superficie do planeta. En Galicia hai declarados cinco zonas húmidas de importancia internacional.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.