Zona especial de conservación

As zonas especiais de conservación (ZEC) son, segundo a Directiva de Hábitats (92/43/EEC), espazos naturais con interese de conservación polos seus hábitats e especies de interese ou en risco e que declara a Comisión Europea. Protexen a máis de 220 hábitats e máis de 1000 especies catalogadas nos anexos I ou II da directiva.[1][2]

As zonas especiais de conservacións son espazos naturais escollidos polos estados membros da Unión Europea dentro das candidaturas de lugares de importancia comunitaria (LIC) que propuxeron os estados membros. Unha vez declarados, correspóndelle aos estados aplicar as medidas de conservación e protección dos hábitats.

As ZEC, e igual que as zonas ZEPAs para aves, están dentro da Rede Natura 2000 e poden complementar a outras áreas protexidas dentro das redes de conservación de cada estado membro. As ZEC forman parte doutro compromiso de "áreas de especial interese de conservación" da Rede Esmeralda dentro da Convención de Berna: "Convención de conservación da vida salvaxe e hábitats naturais".

Laguna de San Martiño
Lagoa de San Martiño na ZEC de Ortigueira - Mera.

Declaración das zonas de conservación

Fase de proposta de lugares de importancia comunitaria

Os estados membros da Unión Europea, dentro da Directiva Hábitats de 1992 (92/43/EEC) e de Aves, deben avaliar as rexións bioxeográficas ou hábitats de especies con interese de conservación.[1] Correspóndelle aos estados limitar estas rexións e realizar informes técnicos destas áreas. As rexións de interese de conservación para os estados deben levalos como propostas de lugares de importancia comunitaria (pLIC) a consellos científicos da Unión Europea. As comisións científica realizan unha función de avaliación das rexións propostas, os hábitats que conteñen e as especies presentes. As comisións científicas organizaranse por áreas bioxeográficas e determinan a calidade das propostas dos estados membros da unión, identificando as eivas en cada unha.[3]

Fase de lugar de importancia comunitaria

Unha vez os estados propuxeron as candidaturas, eses espazos propostos ante a comisión denomínanse lugares de importancia comunitaria (LIC) (en inglés Site of Community Importance (SCI)). Namentres non finalice o procedemento de selección das áreas obxectivo de conservación a estas candidaturas chámaselles lugares de importancia comunitaria (LIC). Segundo a definición da Comisión Europea na súa Directiva de Hábitats (92/43/EEC), son lugares ou rexións bioxeográficas que contribúen dunha maneira significativa ao mantemento e recuperación dun tipo de hábitat natural ou de especies; e que lles dan coherencia á Rede Natura 2000 coa súa contribución a manter a diversidade biolóxica dentro de rexións bioxeográficas ou rexións de interese.[1][2][3]

Os estados membros avaliarán se procede continuar co recoñecemento da área e lle permiten ao estado membro designala como Zona especial de conservación (ZEC).[3]

Fase de zona especial de conservación

Cando os lugares de importancia comunitaria son aceptados pola Comisión Europea e lles dan autorización, os estado membros debe proceder a declarar esas zonas como Zonas especiais de conservación (ZEC) (en inglés Special Areas of Conservation (SACs)) e cumprir as obrigas de conservación. O período de declaración como ZEC non pode superar os seis anos e a Unión Europea, unha vez declarados, comproba anualmente este cumprimento.[1][3]

Os estados deben velar polo conservación das zonas especiais de conservación e darlle prioridade aos espazos en maior risco de degradación.[1][3]

Zonas declaradas LIC e ZEC

España

En España existen un total de 1.448 áreas protexidas baixo esta denominación,[4] que representan case 12 millóns de hectáreas, un 22.21% do territorio.

Na comunidade de Madrid, o territorio protexido con esta figura representa un 39,89% do territorio da comunidade autónoma; nas Illas Canarias, o 36.90%; na Rioxa, o 33.25%.

Galicia

Artigo principal: Zonas especiais de conservación en Galicia.
Artigo principal: Lugares de importancia comunitaria en Galicia.

A comunidade galega é a que posúe a menor porcentaxe de territorio protexido español coa denominación de Zonas especiais de conservación: 371.868 hectáreas, que representan o 11.61%.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 EUR-Lex, Unión Europea (eds.). "Directiva 92/43/CEE do Conselho, de 21 de Maio de 1992, relativa à preservação dos habitats naturais e da fauna e da flora selvagens" (en portugués).
  2. 2,0 2,1 European Commision, Natura 2000 (eds.). "The Habitats Directive" (en inglés).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 European Commision, Natura 2000 (eds.). "Natura 2000 sites designation" (en inglés).
  4. "La Red Natura 2000 en España".
Baixa Limia - Serra do Xurés

O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés é un parque natural e zona especial de conservación (ZEC) que abrangue tres concellos galegos denominado como tal en 1993, con 20 920 hectáreas e que en maio de 2009 foi declarado conxuntamente co parque limítrofe portugués Reserva da Biosfera pola UNESCO . Está situado no Sur da provincia de Ourense, e estende a súa zona de actuación ás montañas dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, ata a fronteira con Portugal, limitando co Parque Nacional de Peneda-Gerês. Trátase dunha zona de montaña, na que o material xeolóxico predominante é o granito. Dentro dos seus límites están os circos glaciares situados a menor altitude da Península.

Complexo Intermareal Umia-O Grove

O Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira é un espazo natural terrestre e mariño declarado como catalogado zona especial de conservación e zona de protección de aves desde 1990. Está situado na ría de Arousa e esténdese polos concellos de Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia e a Illa de Arousa, cunha extensión total de 7490 hectáreas. Como espazo comprendido dentro da Rede Natura 2000, inclúe tamén as illas Ons e Onza.

Costa de Dexo-Serantes

A Costa de Dexo, ou Dexo-Serantes, é un espazo natural declarado monumento natural e zona especial de conservación (ZEC) que vai desde o faro de Mera ata o porto de Lorbé en Oleiros. É zona de costa de 11 km con cantís, exposta e con matogueiras acostumadas a ambientes halinos e con fortes ventos, que inclúe a todas as illas e illotes próximos á costa. É unha costa de xistos cristalinos e de rochas metamórficas de fácil erosión cun perfil de cantís serrados e fortemente erosionados, con praias encaixadas.Este espazo costeira é dos poucos ben conservados en toda a Costa Ártabra. Como destaca pola súa paisaxe, a súa xeomorfoloxía, e é zona de aniñamento de aves como corvo mariño cristado, a gaivota do Caspio, e o andoriñón real declarouse espazo de interese de conservación e monumento natural. A zona costeira neste lugar está formada por cantís nos que aniñan varias especies de aves mariñas.

Abrangue 266 ha. como monumento natural desde o 2000, e 346.53 ha. como zona especial de conservación en 2014, despois de ser declarada como lugar de importancia comunitaria no 2004.A zona viuse afectada polo desastre do Prestige (2002).

Enseada de San Simón

A enseada de San Simón é a enseada na cabeceira da Ría de Vigo. É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC) e que vai desde o estreito da Ponte de Rande ata as enseadas de San Simón e enseada de Vilaboa, acollendo as salinas de Ulló, a illa de San Simón e as illas Alvedosas.

Estaca de Bares

A Estaca de Bares é un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC) da parroquia na coruñesa de Bares, Mañón. Este cabo é o punto máis setentrional da península Ibérica e o que se considera o punto de división entre o mar Cantábrico e o Atlántico. Nel destaca o faro da Estaca de Bares, construído en 1850.Con 2.500 mm ó ano é unha dos lugares máis chuviosos de Europa.

Illas Estelas

Non confundir coa Ilhas Estelas, do arquipélago portugués das Berlengas.As Illas Estelas, ou As Estelas, son un arquipélago pontevedrés situado fronte á península de Monteferro, Panxón, en Nigrán. O arquipélago é pequeno pero ten uns fondos mariños ben conservados e é un punto de parada de aves con interese de conservación polo que foi declarado como zona especial de conservación (ZEC).

Lagoa e areal de Valdoviño

A lagoa e areal de Valdoviño é un espazo natural galego declarado como zona húmida protexida e que ocupa 490 ha. da lagoa da Frouxeira e a praia da Frouxeira, Valdoviño.

Esta zona húmida forma parte da zona especial de conservación (ZEC) "Costa Ártabra" e da zona de especial protección para as aves (ZEPA) da "Costa de Ferrolterra - Valdoviño". É ademais unha das zonas húmidas galegas incluídas na Lista das zonas húmidas de importancia internacional, da Convención de Ramsar..

Lugar de importancia comunitaria

Os Lugares de importancia comunitaria (LIC) son espazos naturais europeos que foron designados polos estados membros europeos como candidatos a ser declarados zona especial de conservación da Rede Natura 2000.Estes lugares, seguindo a directiva 92/43/CEE da Unión Europea, foron propostos polos estados membros perante un comité científico avaliador. O comité avalía o interese de conservación do espazo, polas súas características dos seus ecosistemas ou a súa biodiversidade, fauna ou flora silvestres; ou do se potencial contribuíndo a restaurar hábitats. Se o proceso de avaliación finaliza de xeito positivo, os lugares de importancia comunitaria poden ser declarados polo estado membro onde se atopa como zonas especiais de conservación (ZEC), o cal significa a súa entrada na Rede Natura 2000. Desde o momento de aprobación polo comité europeo ata a declaración de ZEC polo estado membro non poden pasar máis de seis anos. Unha vez declarado ZEC, a Unión Europea realizará un seguimento continuo do cumprimento de conservación dese espazo natural.

Macizo Central ourensán

O Macizo Central ourensán é un espazo natural montañoso formado pola serra de Queixa, serra de San Mamede, serra do Fial das Corzas e os Montes do Invernadeiro. Este macizo é unha área protexida coa cualificación de zona especial de conservación (ZEC) integrante da Rede Natura 2000 e en proceso cualificación como parque natural.O Macizo Central ourensán esténdese polos concellos do O Bolo, Chandrexa de Queixa, Laza, Manzaneda, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Quiroga, Larouco, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Maceda, Castro Caldelas e Montederramo.

A zona acolle a beira do seu cumio máis alto, Cabeza de Manzaneda (1.780 m), a única estación de esquí de Galicia (Estación de montaña Manzaneda).

Monte Aloia

O monte Aloia é un cumio situado na serra do Galiñeiro, declarado parque natural o 4 de decembro de 1978 e como zona especial de conservación (ZEC). Está situado no concello pontevedrés de Tui e ten unha extensión de 746 hectáreas. A súa vexetación está caracterizada por especies autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal. Posúe restos da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.

Monte Pindo

O monte Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota.O monte Pindo xunto con outros ecosistemas como as praias de Carnota, forma parte da zona especial de conservación (ZEC) de Carnota - Monte Pindo dentro da Rede Natura 2000. Ese ZEC de Carnota - Monte Pindo ten unha superficie de 4 629 ha e abrangue os concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.

Ría de Ortigueira

A ría de Ortigueira, tamén coñecida como ría de Ortigueira e Ladrido e como ría de Santa Marta de Ortigueira, é unha ría galega situada ao norte da provincia da Coruña, en Galicia, España.

Está formada pola desembocadura do río Mera, as súas augas bañan os concellos de Cariño e Ortigueira. Debe o seu nome á vila de Ortigueira, e conta con dous portos pesqueiros, o de Espasante, actualmente sen apenas actividade pesqueira, e o de Cariño, moito máis importante.

Está catalogada como unha zona especial de conservación (ZEC) e unha zona de especial protección para as aves (ZEPA). Ademais, por ser un importante lugar de paso e invernada de aves acuáticas está dentro do Convenio de Ramsar como zona húmida protexida.

Ría de Ribadeo

A ría de Ribadeo, ou ría do Eo, é formada a partir do río Eo xunto con outros ríos menores, como o río Grande, como un entrante do Cantábrico. Está situada no nordeste de Galiza e oeste de Asturias, actuando como fronteira natural. Ten 10 km de lonxitude e unha largura abondo constante duns 800 m, estreitándose ata os 600 m preto da boca, circunstancia aproveitada para construír sobre ela a Ponte dos Santos, e abríndose abondo máis á altura da enseada de Arnao, xusto á beira da súa boca, ou na enseada da Liñeira, fronte a Ribadeo, ambas na parte oriental.

A ría e o seu espazo natural da parte galega están amparados polas figuras de protección de zona especial de conservación, zona de especial protección para as aves e zona húmida protexida, e a parte asturiana como reserva natural parcial. O conxunto da ría de Ribadeo está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e dentro do programa internacional de zonas húmidas Ramsar.

Serra do Cando

A serra do Cando é unha serra galega pertencente á cordilleira dorsal galega que ten montes a unha altura media de entre 600 e 1.000 metros sobre o nivel do mar. Esténdese polos concellos de Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz. Está unida á serra do Candán polos montes de Costoia. Nesta serra nacen os ríos Verdugo e Almofrei. É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC).

A vexetación da serra son as xestas, o mato de toxos, breixos e carqueixas. Hai importantes plantacións de piñeiro e eucalipto. Existe un ecosistema de gran valor nos altos da serra, así como nas carballeiras do río Verdugo e os seus afluentes.

Serra do Candán

A serra do Candán é unha serra galega que se estende ao longo dos concellos de Forcarei, Lalín, Silleda, Beariz e O Irixo. Atópase na dorsal galega e é onde nacen os ríos Lérez, o Umia e varios afluentes do Deza. É unha zona especial de conservación (ZEC).

Serra do Careón

A serra do Careón é unha serra e espazo natural declarada como zona especial de conservación (ZEC) que abrangue as concas dos río Furelos e Seco ata que chegan ao río Tambre polo sur. Así é que a maior área do espazo está nos concellos de Toques, Melide e Santiso, na Terra de Melide. Ten parte na áreas próximas da comarca da Ulloa e de Lugo: en Friol e Palas de Rei.Como así o recoñece o Instituto Xeolóxico e Mineiro, este espazo destaca por ser o máis extenso afloramento de rochas ultrabásicas na península Ibérica, que vai desde Sobrado ata o sur de Melide, e catalogouse como o PIG C-17: Pregamentos tombados no complexo ultrabásico de Melide. Destacan tamén a súas extensas áreas de matogueiras, como nas Gándaras de Melide.

Serra do Xistral

A serra do Xistral forma o núcleo do serras setentrionais de Galiza que separa a Terra Chá do mar, do que irradian os serra da Toxiza cara ao leste, a Carba cara ao poñente, e montes de Buio e dos Cabaleiros, na caída do macizo cara ao litoral. Este conxunto montañoso esténdese polos concellos das Pontes de García Rodríguez, Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo.

É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC).

Zona especial de conservación A Ramallosa

A Ramallosa é un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA). Atópase na desembocadura do río Miñor, entre as parroquias de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona) e San Pedro da Ramallosa (Nigrán).

Zona especial de conservación As Catedrais

As Catedrais é un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC), coa praia das Catedrais declarado como monumento natural e que forma parte da reserva da biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Atópase na costa setentrional de Galicia, entre a praia de San Miguel de Reinante (ao oeste) e a praia de Olga (ao leste) entre Barreiros e Ribadeo.

Espazos protexidos de Galicia
Parque Nacional:
Parque Natural:
Monumento Natural:
Rede Natura 2000:
Zona húmida protexida:
Reserva da Biosfera:
Outros:

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.