Zona de especial protección para as aves

As Zonas de especial protección para as aves (ZEPA), son catalogadas polos estados membros da Unión Europea como "zonas naturais de singular relevancia para a conservación da avifauna ameazada de extinción", de acordo co establecido na directiva comunitaria 79/409/CEE e modificacións subseguintes («Directiva das Aves» da UE).[1]

A convención parte do recoñecemento de que as aves do territorio europeo son patrimonio común e han de ser protexidas a través dunha xestión homoxénea que conserve os seus hábitats. Por iso, nas zonas de protección prohíbese ou limítase a caza de aves, regúlase a posíbel comercialización; e asúmese a obriga dos estados de actuar para conservar os hábitats e preservar as condicións ambientais que as aves precisan para o seu descanso, reprodución e alimentación.[1]

Corrubedo Dunas GDFL 050821 112
Complexo dunar de Corrubedo unha das ZEPAs existentes en Galiza.

España

No estado español hai declaradas 647 ZEPAs, que abranguen a 10,16 millóns de ha. terrestres e 5,18 millóns de ha. mariñas.[2]

Galicia

As ZEPA galegas inclúen os seguintes espazos[3][4]:

Sortable table
Nome Concellos ou Comarcas Superficie (ha.)
A Limia Comarca da Limia e comarca de Allariz - Maceda[5] 6939
Ancares Cervantes, Navia de Suarna 12656
Baixa Limia - Serra do Xurés Comarca da Baixa Limia e Terra de Celanova[6] 31287
Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira Cambados, O Grove, Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo. 2813
Complexo litoral de Corrubedo Ribeira 971
Costa de Ferrolterra - Valdoviño Ferrol, Narón e Valdoviño 4266
Costa da Mariña Occidental Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo 2168
Costa da Morte (Norte) Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica 7962
Esteiro do Miño Guarda, O Rosal 1688
Illa de Ons Bueu 924
Illas Cíes Vigo 990
Pena Trevinca Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo, Manzaneda, O Bolo 22511
Ribadeo Ribadeo, Trabada 625
Ría de Foz Foz, Barreiros 564
Ría de Ortigueira e Ladrido Cariño, Ortigueira 3025
Serra da Enciña da Lastra Comarca de Valdeorras e comarca leonesa de Ponferrada 1787

Na lexislación galega estes espazos protexidos foron unha categoría dentro das "Zonas de especial protección dos valores naturais" (ZEPVN) ata o 2019, cando se retirou esta categoría da lexislación galega.[7] Todos os espazos da rede natura están integrados dentro da estrutura galega de espazos naturais como tal.[7]

Notas

  1. 1,0 1,1 "Natura 2000: Sites - Birds Directive". Consultado o 4/9/2019.
  2. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente. Goberno de España (eds.). "Zonas de Especial Protección para las Aves (ZEPA)".
  3. "Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN)". Consultado o 18/08/2017.
  4. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente - MAPAMA (eds.). "Red Natura 2000 - ZEPA de Galicia".
  5. Abrangue territorio dos concellos de Baños de Molgas, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.
  6. Abrangue territorio dos concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, Quintela de Leirado, Verea.
  7. 7,0 7,1 Presidencia da Xunta de Galicia (Martes, 04 de setembro de 2001). Xunta de Galicia, eds. "LEI 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia." (DOG Núm. 171): 11.754.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Arquipélago Chinijo

O arquipélago Chinijo é un conxunto de illas que se atopan ao nordés das illas Canarias, fronte ás costas do sur de Marrocos. Intégrano as illas maiores de Montaña Clara, Alegranza e La Graciosa (a única habitada con 648 habitantes, INE 2006), así como os pequenos illotes de Roque del Este e Roque del Oeste. O nome procede do vocábulo local chinijo, que quere dicir "pequeno", en alusión á súa condición de miniarquipélago dentro das illas Canarias.

Está situado sobre unha ampla plataforma submarina de menos de cen metros de profundidade, aínda que nalgúns puntos pode chegar a alcanzar os douscentos metros. Posúe unhas 19.270 hectáreas que pertencen ao municipio lanzaroteño de Teguise, na provincia das Palmas.

Conta cos espazos protexidos da Reserva Natural Integral dos Illotes e o Parque Natural do Arquipélago Chinijo. O parque tomou a súa condición de espazo protexido en 1986, e foi reclasificado e recoñecido como zona de especial protección para as aves en 1994.

Este arquipélago constitúe a reserva mariña máis grande de Europa con 700 quilómetros cadrados.

Cabo de Ajo

O cabo de Ajo é o cabo máis setentrional da costa de Cantabria, e un dos máis accidentados.

Localízase no municipio de Bareyo, recibindo o nome da capital, Ajo. O cabo forma parte dunha Zona de Especial Protección para as Aves.

Debido á súa posición xeográfica, desde el pódese ver a baía de Santander ao oeste, a Ría de Castellanos ao leste, e a Cordilleira Cantábrica ao sur.

Posúe o Faro de Ajo, cun raio de luz dunha 17 millas náuticas.

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

O complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un parque natural galego que ampara ao sistema dunar, as marismas e as lagoas do vértice occidental da costa da península do Barbanza, en Ribeira, entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia.

O complexo de Corrubedo é tamén un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC) (Complexo húmido de Corrubedo), unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) (Complexo litoral de Corrubedo), un zona húmida protexida galega (Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo) e un zona húmida de importancia internacional Ramsar (Complexo de Corrubedo). O arquipélago de Sálvora, e o seu mar, así como parte do litoral de Porto do Son atópanse dentro do ZEC do Complexo húmido de Corrubedo, co que se amplía a súa área a 9.264,64 ha. Así é que a costa entre o cabo de Corrubedo e o Castro de Baroña, o mar arredor das illas de Sálvora e as lagoas de Carregal e Vixán quedan baixo a protección do parque natural e a ZEC.

Costa da Mariña Occidental

A Costa da Mariña occidental é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA) que inclúe a costa da mariña lucense entre O Vicedo e Cervo e que está destinada a conservar o seu eulitoral, parte do seu supralitoral e varios illotes. A área de conservación do ZEC ocupa 491,24 ha., dos cales un 5% son mariños, dos concellos lucense de Cervo, O Vicedo, Viveiro, Xove. A área da ZEPA exclúe algún treito lo litoral no interior das rías pero inclúe máis augas abertas, chegando ás 2168.82 ha. e das cales o 83 % son en zona mariña.

Cíes

As Illas Cíes, chamadas no pasado Illas de Baiona forman un arquipélago situado na boca da ría de Vigo, pertencente ás Rías Baixas, na provincia de Pontevedra, Galiza. As illas pertencen ao concello de Vigo, aínda que eclesiasticamente pertencen á parroquia de Santiago de Cangas e Illas Cíes de Cangas. Foron declaradas parque natural en 1980, e están incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza creado o 1 de xullo de 2002. Son tamén unha zona especial de conservación (ZEC) e, polas importantes colonias de aves mariñas, contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves da Rede Natura 2000.

El Carallot

El Carallot (en castelán: El Bergantín) é un illote rochoso mediterráneo, único destacable entre un grupo de dez rochas parte das illas Columbretes, situados ao suroeste da Illa Grossa. Pertence xunto co resto do arquipélago a Castelló de la Plana (España).

A súa altitude é escasa, e practicamente está baixo o mar, fóra da súa cheminea volcánica, que se eleva ata unha reducida altitude de 32 metros sobre o nivel do mar. Posúe ademais illotes de moi reducidas dimensións como Cerquero, Baleato e Churruca, á parte de escollos (pedazos de roca), que se teñen que sortear ao ir en embarcacións.

Está protexido mediante as figuras de parque natural e Zona de especial protección para as aves (ZEPA).

Lagoa da Frouxeira

A lagoa da Frouxeira é unha zona húmida do concello de Valdoviño. Localízase ao pé da praia da Frouxeira, na parroquia de Lago, dando orixe ao nome da parroquia. Constitúe un ecosistema de gran valor, no que habitan milleiros de aves, en especial, migratorias, que atopan na lagoa o lugar ideal para descansar e aniñar. Como Lagoa e areal de Valdoviño é considerada Zona húmida de importancia internacional pola Convención de Ramsar (Zona húmida de Importancia Internacional). Ademais foi declarada Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), é lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra) e está incluída no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.

Anualmente a Xunta de Galicia procede a abrir a canle que vai da lagoa ao océano para previr inundacións nas vivendas da zona.

Lagoa e areal de Valdoviño

A lagoa e areal de Valdoviño é un espazo natural galego declarado como zona húmida protexida e que ocupa 490 ha. da lagoa da Frouxeira e a praia da Frouxeira, Valdoviño.

Esta zona húmida forma parte da zona especial de conservación (ZEC) "Costa Ártabra" e da zona de especial protección para as aves (ZEPA) da "Costa de Ferrolterra - Valdoviño". É ademais unha das zonas húmidas galegas incluídas na Lista das zonas húmidas de importancia internacional, da Convención de Ramsar..

Monte de El Pardo

O Monte de El Pardo é unha zona boscosa situada ao norte do municipio de Madrid, no que se atopa totalmente integrado, xunto co seu apéndice, o Monte de Viñuelas. Supón máis da cuarta parte (o 26,4%) do término municipal da capital.

Está considerado como o bosque mediterráneo máis importante da Comunidade de Madrid e un dos mellor conservados de Europa, tanto no que respecta á súa flora, con 120 especies catalogadas, como á súa fauna, con aproximadamente 200 especies vertebradas. Esténdese ao redor do curso medio do río Manzanares, ao longo de 16.000 hectáreas, e atópase integrado no Parque Rexional da Cunca Alta do Manzanares, onde recibe a máxima protección legal. En 1987, foi declarado zona de especial protección para as aves (ZEPA).

Malia iso, a súa xestión corresponde enteiramente ao Patrimonio Nacional, organismo estatal que regula as posesións que estiveron en mans da Coroa, que mantén unha política altamente proteccionista e restrictiva en relación co bosque. A Lei de 16 de xuño de 1982, que define a actividade do Patrimonio Nacional, establece, no seu artigo cuarto, a súa integración na citada entidade.

A maior parte da súa área (aproximadamente 15.100 hectáreas, o 94,4% da superficie total) atópase cercada, mediante unha vala que percorre o seu perímetro, ao longo de 66 quilómetros. A visita a esta zona está totalmente prohibida. As 900 hectáreas restantes (o 5,6%), onde se localizan algunhas áreas urbanas como os barrios do Pardo e Mingorrubio e deportivas como o complexo de Somontes, posúen un valor ecolóxico inferior. Aquí si é posible o acceso, a través de diferentes senllas e camiños, habilitados a efectos recreativos.

Ademais da súa riqueza medioambiental, o Monte do Pardo reúne un rico patrimonio histórico-artístico, froito da súa estreita relación coa monarquía española, entre os que destaca o Palacio Real de El Pardo.

Parque Nacional das Tablas de Daimiel

O Parque Nacional das Tablas de Daimiel é un parque nacional español que protexe a zona húmida homónima, as Tablas de Daimiel. O parque nacional atópase situado nos termos de Daimiel e Villarrubia de los Ojos, na provincia de Ciudad Real, na comunidade autónoma de Castela-A Mancha. É ademais zona de especial protección para as aves (ZEPA) e parte da Reserva da Biosfera A Mancha Húmida.

As Tablas son un dos últimos representantes dun ecosistema denominado táboas fluviais que se forman ao desbordarse os ríos nos seus tramos medios, favorecidos por fenómenos de semiendorreísmo e a escaseza de pendentes. A zona húmida fórmase na confluencia do río Guadiana e o seu afluente Gigüela e é un dos ecosistemas acuáticos máis importantes da Península Ibérica pola variedade e calidade da fauna e flora que habitan nela, así como por aquelas aves que a empregan nos pasos migratorios.

Con todo, a supervivencia do parque periga debido á sobreexplotación dos acuíferos que provoca que sen achegue artificial de auga, a reserva sufra duras secas. Debido a esta degradación, o 22 de outubro de 2009 a Comisión Europea abre un expediente a España, mentres que a UNESCO xa expresara con anterioridade a posibilidade de retirar a figura de reserva da biosfera.

Parque Nacional de Cabañeros

O Parque Nacional de Cabañeros é un parque nacional de España, situado entre as provincias de Cidade Real e Toledo, en Castela-A Mancha. O territorio conta tamén con outras figuras de protección no marco da Rede Natura 2000: é unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) e un lugar de importancia comunitaria (LIC).

Constituíuse como parque nacional o 20 de novembro de 1995, sendo o segundo de Castela-A Mancha despois do das Tablas de Daimiel. En 1988 xa fora declarado parque natural polo Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha.

O parque alberga unha das mellores representacións españolas de bosque mediterráneo, tanto polo seu elevado grao de conservación, como pola representatividade dos distintos sistemas ecolóxicos asociados. Entre os seus principais valores naturais están os bosques e matogueiras mediterráneos, algúns enclaves relícticos de vexetación atlántica, bosques de ribeira, turberas e herbais, coa flora e fauna asociada a cada uns destes ecosistemas, entre as que se atopan algunhas especies en perigo de extinción como a aguia imperial.

Debe o seu nome ás chozas utilizadas tradicionalmente por pastores e carboeiros como refuxio temporal dos seus labores no campo. Estas cabanas de forma cónica teitábanse utilizando vexetación da contorna e eran usadas polos poboadores dos Montes de Toledo.

Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido

O Parque nacional de Ordesa e Monte Perdido (en aragonés: Parque Nacional d'Ordesa y d'as Tres Serols) está situado no Pireneo central de Huesca, comarca do Sobrarbe, Aragón (España), e está catalogado como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Actualmente ocupa unha superficie de 15.608 ha. Abrangue os concellos de Bielsa, Fanlo, Puértolas, Tella-Sin, Torla-Ordesa e Broto. Recibe unha media de máis de 600 000 visitantes cada ano.

O parque goza de diferentes figuras de protección ademais da de Parque Nacional, xa que en 1977 foi declarado Reserva da Biosfera, en 1988 Zona de especial protección para as aves e en 1997 acadou a distinción de Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Tamén é un Lugar de importancia comunitaria.

Parque Nacional de Timanfaya

O Parque Nacional de Timanfaya atópase nos municipios de Yaiza e Tinajo da illa de Lanzarote, nas Illas Canarias.

Foi declarado Parque Nacional o 9 de agosto de 1974. Ocupa unha extensión de 51,07 km² do suroeste da illa. Trátase dun parque de orixe volcánico. As últimas erupcións producíronse no século XVIII, entre os anos 1730 e 1736. Conta con máis de 25 volcáns, sendo algúns emblemáticos, talles como as Montañas del Fuego, Montaña Rajada ou a Caldera del Corazoncillo. Aínda presenta actividade volcánica, existindo puntos de calor na superficie que alcanzan os 100-120 °C e 600 °C a 13 metros de profundidade.

Este hábitat volcánico atópase nas primeiras etapas da sucesión ecolóxica (en total atópanse unhas 180 especies vexetais), polo que é un lugar excelente para o estudo dos procesos de colonización e sucesión.

En 1993, Unesco outorgoulle a cualificación de Reserva da Biosfera a toda a illa. Tamén é Zona de especial protección para as aves (1994).

Parque Nacional do Arquipélago de Cabrera

O Parque Nacional Marítimo - Terrestre del Arquipélago de Cabrera é un conxunto de illotes españois pertencente ao arquipélago balear que foi declarado Parque Nacional Marítimo Terrestre o 29 de abril de 1991 mediante a Lei 14/1991.Ten un gran valor natural, xa que, debido ao seu illamento ao longo da historia, chegou ata os nosos días practicamente inalterado: a paisaxe litoral de Cabrera pódese considerar un dos mellor conservados das costas españolas, e un dos mellores de todo o Mediterráneo. Acubilla así mesmo importantes colonias de aves mariñas e especies endémicas.

O parque é tamén é zona especial de conservación (ZEC) e, debido á súa riqueza biótica e á abundancia e variedade de aves, unha zona de especial protección para as aves (ZEPA), co cal está integrado na Rede Natura 2000. Ten tamén a categoría de Zona especialmente protexida de importancia para o Mediterráneo (ZEPIM) do protocolo de áreas mariñas protexidas do Convenio de Barcelona para a protección do Mar Mediterráneo.

Parque Natural de ses Salines

O Parque Natural de ses Salines é un espazo natural protexido das Illas Baleares, proclamado por lei do Parlament Balear desde 2001.

O territorio que comprende o parque natural é dunhas 2.838 hectáreas das antigas salinas de Eivisa, en Sant Josep de sa Talaia, e das salinas de Formentera, máis 13.000 hectáreas mariñas de Es Freus, o estreito que separa as dúas illas. Inclúe practicamente unha representación de tódolos ecosistemas que se atopan na illa de Eivisa, especialmente das marismas. Dentro da fauna destaca a ornitolóxica, en concreto os flamengos habitan no parque todo o ano.

Anteriormente á declaración como Parque Natural contaba coas seguintes figuras xurídicas de protección medioambiental:

Zona de especial protección para as aves (ZEPA)

Reserva natural desde 1995

Área Natural de Especial Interese (ANEI) da Lei de Espazos Naturais do Goberno Balear

Zona húmida dentro do convenio RAMSAR

Patrimonio da Humanidade da Unesco (desde 1999)

Rede Natura 2000 da Unión Europea.Durante máis de trinta anos houbo polémicas, a nivel cívico e político, entre os intereses turísticos urbanizadores da zona e os de protección medioambiental.

Pena Trevinca

Pena Trevinca é un pico da serra do Eixe, no macizo de Pena Trevinca, que fai fronteira entre as provincias de Ourense e Zamora. É o maior punto de altitude do territorio galego pois está a 2127 m de altitude.Pena Trevinca é ademais un espazo natural galego declarado zona especial de conservación (ZEC) e parte dunha zona de especial protección para as aves (ZEPA) e que abrangue o macizo montañoso dos vales glaciais galegos que rodean este pico. O ZEC atravesa parte dos concellos de Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo, Manzaneda e O Bolo. O seu interese de conservación é por ser un ecosistema subalpino galego ben conservado. Ademais, a parte zamorana de Pena Trevinca está recoñecida dentro do Parque Natural do Lago de Seabra e o pico ao completo como parte do lugar de interese xeolóxico dentro do "Altiplano da Serra Segundeira", e que se estende por parte da Veiga e de Seabra.

Ría de Ortigueira

A ría de Ortigueira, tamén coñecida como ría de Ortigueira e Ladrido e como ría de Santa Marta de Ortigueira, é unha ría galega situada ao norte da provincia da Coruña, en Galicia, España.

Está formada pola desembocadura do río Mera, as súas augas bañan os concellos de Cariño e Ortigueira. Debe o seu nome á vila de Ortigueira, e conta con dous portos pesqueiros, o de Espasante, actualmente sen apenas actividade pesqueira, e o de Cariño, moito máis importante.

Está catalogada como unha zona especial de conservación (ZEC) e unha zona de especial protección para as aves (ZEPA). Ademais, por ser un importante lugar de paso e invernada de aves acuáticas está dentro do Convenio de Ramsar como zona húmida protexida.

Ría de Ribadeo

A ría de Ribadeo, ou ría do Eo, é formada a partir do río Eo xunto con outros ríos menores, como o río Grande, como un entrante do Cantábrico. Está situada no nordeste de Galiza e oeste de Asturias, actuando como fronteira natural. Ten 10 km de lonxitude e unha largura abondo constante duns 800 m, estreitándose ata os 600 m preto da boca, circunstancia aproveitada para construír sobre ela a Ponte dos Santos, e abríndose abondo máis á altura da enseada de Arnao, xusto á beira da súa boca, ou na enseada da Liñeira, fronte a Ribadeo, ambas na parte oriental.

A ría e o seu espazo natural da parte galega están amparados polas figuras de protección de zona especial de conservación, zona de especial protección para as aves e zona húmida protexida, e a parte asturiana como reserva natural parcial. O conxunto da ría de Ribadeo está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e dentro do programa internacional de zonas húmidas Ramsar.

Zona especial de conservación A Ramallosa

A Ramallosa é un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA). Atópase na desembocadura do río Miñor, entre as parroquias de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona) e San Pedro da Ramallosa (Nigrán).

Espazos protexidos de Galicia
Parque Nacional:
Parque Natural:
Monumento Natural:
Rede Natura 2000:
Zona húmida protexida:
Reserva da Biosfera:
Outros:

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.