Zaragoza

Zaragoza é un concello e cidade española, capital da comunidade autónoma de Aragón, ademais da provincia de Zaragoza e da comarca homónima. Está situada a beiras dos ríos Ebro, Huerva e Gállego e da Canle Imperial de Aragón, no centro dun amplo val. A súa privilexiada situación xeográfica convértea nun importante nó loxístico e de comunicacións; atópase a uns 300 km de Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao e Tolosa.

Cunha poboación de 679.624 habitantes (INE 2012), é a quinta cidade española máis poboada, concentrando máis do 50% da poboación de Aragón.

O seu nome actual procede do seu antigo topónimo romano, Caesaraugusta, que recibiu na honra ao emperador César Augusto no 14 a.C. A súa denominación romana foi evolucionando a través do árabe Saraqusta.

Entre o 14 de xuño e o 14 de setembro de 2008, ano do bicentenario dos Sitios de Zaragoza e centenario da exposición Hispano-Francesa de 1908, Zaragoza acolleu a exposición internacional Expo Zaragoza 2008 dedicada á auga e o desenvolvemento sustentable. En 2010, Zaragoza foi a sexta cidade española con máis turismo.

Coordenadas: 41°39′00″N 0°53′0″O / 41.65000, -0.88333

Zaragoza
Bandera de Zaragoza
Escudo de Zaragoza
Basilica del Pilar-sunset
Localización
Zaragoza en España

Zaragoza
Zaragoza
Zaragoza en Provincia de Zaragoza

Zaragoza
Zaragoza
PaísEspaña España
Comunidade autónomaAragón Aragón
ProvinciaZaragoza
ComarcaZaragoza
Xeografía
Altitude199 msnm
Superficie973,78 km²
Demografía
Poboación679.624 hab. (INE 2012)
Densidade697,92 hab./km²
Xentiliciozaragozano, maño (familiar)
Outros datos
Código postal50.001 - 50.018
AlcaldePedro Santisteve Roche (Zaragoza en Común)
www.zaragoza.es

Historia

Historicamente, o lugar era unha vila ibera chamada Salduie ou Salduba. En época ibérica foron os sedetanos os que ocupaban o territorio. Os sedetanos, ao contrario que os seus poderosos veciños, os ilergetes, apoiaron os romanos na segunda guerra púnica. A primeira mención deste pobo é de Tito Livio, que describe como os romanos, en resposta a un ataque dos ilergetes aos sedetanos, derrotaron os primeiros e mataron os seus xefes. No 195 adC, un dos dous cónsules romanos, Marco Porcio Catón , tivo que ir ao val do Ebro pacificar as tribos íberas que se levantaran contra o imperialismo romano. Gañou as batallas, mais non cumpriu o seu obxectivo: non só non pacificou as tribos íberas, senón que estendeu o problema a territorio celtibero. Catón tamén lle deu nome ao forte vento que sopra no val: cercius, o cierzo. Houbo que agardar a Tiberio Sempronio Graco para que a situación se calmase. Este venceu os celtiberos e deixou guarnicións nas cidades do val, entre as que indubidabelmente estaría tamén Salduie. A calma non durou moito: xa no -141 o sedetano Tongino tivo que se botar ao monte e se converter nun dos primeiros bandidos da Península ibérica. Contra o ano -15, fundábase a cidade romana de Zaragoza, Caesaraugusta. Coincidía coa reorganización das provincias de Hispania por César Augusto tras a súa vitoria nas Guerras Cántabras. Colonia Caesaraugusta era o nome que recibía a nova cidade, que gozaba do privilexio de ostentar o nome completo do seu fundador. Na fundación da cidade, participaron soldados veteranos das lexións IV Macedonica, VI Victrix e X Gemina, licenciados tras a dura campaña contra os cántabros, coa dupla intención de garantir a defensa do territorio e asemade fixar nel a presenza de Roma. Zaragoza contaba co título de Colonia Inmune, o que facía que gozase de determinados privilexios como o dereito a cuñar moeda ou a exención do pagamento de impostos. No proceso de reorganización de territorios hispanos, créanse tres provincias, Tarraconensis, Baetica e Lusitania, divididas de súa vez en conventos xurídicos (distritos menores con funcións xudiciais e administrativas); deles, o rexido por Caesarugusta, o Convento Xurídico Caesaraugustano, era o máis extenso dos sete nos que se dividía a provincia Tarraconense. Caesaraugusta asumiu desde un primeiro momento o papel de cabeceira rexional, substituíndo a colonia Victrix Ivlia Celsa (actual Velilla de Ebro).

O período de auxe da cidade romana (séculos I e II) trouxo moitas das grandes obras públicas que aínda hoxe podemos ver: o foro, o porto fluvial (que converteu a Caesarugusta no principal redistribuidor de mercadorías no val do Ebro), as termas públicas, o teatro, o anfiteatro, a primeira ponte da cidade (situada na localización da actual ponte de Pedra e probabelmente unha obra mixta de pedra e madeira). A auga tamén representou un importante papel na Zaragoza romana, tanto pola súa situación na ribeira do río Ebro e xunto á desembocadura do Huerva e o Gállego como polos seus complexos sistemas de abastecemento e regadío. Xunto ás xa mencionadas termas, documentáronse multitude de alxibes, fontes e diversos treitos de canos de chumbo e esgotos.

No século III, a construción dunha impoñente muralla e o abandono das grandes obras públicas denotan o importante proceso de crise no mundo romano (segunda metade do século III). O comercio e a vida en Caesaraugusta non decaen e axudan ao florecemento cultural da mesma. Contr ano 380 tivo lugar o primeiro sínodo de Zaragoza, no que os bispos hispanos e de Aquitania adoptaron oito cánones relacionados máis ou menos directamente co priscilianismo, a herexía dominante naquela altura. Un segundo sínodo, no ano 592, solucionou problemas prácticos da recente conversión dos visigodos desde o arrianismo. O terceiro sínodo, no 691, resultou en cinco cánones de disciplina.

Ao longo do século V, Caesaraugusta, ao igual que todo Occidente romano, vese inmersa no proceso de desintegración do poder imperial. Desde o 714, a cidade pertence ao Califato de Córdoba e foi un posto avanzado na loita contra os reinos cristiáns do norte. A guerra civil en Córdoba, a principios do século XI, non deixou de afectar á rexión e, como no resto da España musulmá, a fin da dinastía Omeia levou para a constitución dun estado independente ou taifa cuxa capital era Zaragoza. Este reino foi un dos máis brillantes da Al-Ándalus durante case un século. Os tuibís, clientes dos omeias, continuaron sendo os donos da rexión até 1038, ano en que os Banu Hud chegaron ao poder.

A cidade foi conquistada aos musulmáns no 1118 e convertida na capital do Reino de Aragón polo rei Afonso I o Conquistador.

No ano 1591 prodúcense as Alteracións de Zaragoza. A causa das revoltas foi un dos secretarios do reino, gobernado por Filipe II, chamado Antón Pérez. Tras liortas palacianas, Filipe II ordena a detención de Pérez por un asasinato. Antón Pérez, que viviu en Nápoles, por aquel entón pertencente á Coroa Aragonesa, era coñecedor dun dereito particular dos Foros Aragoneses: o dereito de Manifestación. Este dereito era, pois, xurisdición única da xustiza de Aragón. A chegada a Zaragoza de Pérez e a súa chamada ao dereito de manifestación provocou un tumulto na Praza do Palacio de Xustiza, e naquel tumulto faleceu o Xustiza Juan de Lanuza IV (O Vello). Sucedeulle o seu fillo Juan de Lanuza V (O novo) que continuou co proceso de Perez. Desde a capital, Filipe II observaba impotente a situación, polo que tivo que recorrer á Inquisición para controlar o proceso. Así que a Inquisición prendeu a Perez e no palacio da Aljafería. O pobo, ante o arresto, reaccionou violentamente asaltando a Aljafería, tomando a Perez, e póndoo ao dispor do Xustiza de Aragón. O pobo viu na acción do rei unha vulneración dos seus foros e costumes que o Rei xurara cumprir ao subir ao trono. Ante a sublevación xeral de Zaragoza, Filipe II decide empregar a forza e manda un exército para ocupar a cidade. O pobo mal organizado intentoulle facer fronte, pero foi inútil. O exército de Filipe II entrou na capital no final de 1591, prendendo o Xustiza e os xefes da revolta. O desenlace foi a pena de morte para o Xustiza o 20 de decembro de 1591. Aquel día lémbrase como "o máis triste para Aragón". Nas Cortes do ano posterior en Tarazona, Aragón perdeu parte dos seus privilexios.

Durante a invasión napoleónica, a cidade de Zaragoza sufriu dous asedios coñecidos como os Sitios de Zaragoza. A cidade era inicialmente fiel ao rei (e, por tanto, ao exercito francés debido aos pactos entre España e Francia), pero ao coñecer a abdicación de Fernando VII, sublevouse, capturando o castelo da Aljafería, apoderándose das armas que nela había e nomeando o xeneral Palafox comandante. Cando o exército francés tentou ocupar de novo Zaragoza, esta opuxo unha teimosa resistencia, ficando practicamente destruída (de 55.000 habitantes pasou a 12.000).

Demografía

Evolución demográfica de Zaragoza desde 1842
Fonte: INE

Economía

Ademais da vantaxosa situación xeográfica, destaca en Figueruelas (unha localidade próxima) unha factoría de Opel (General Motors). O progresivo declive da economía agraria converteu a OPEL nun dos principais alicerces da economía da rexión. Á fábrica de automóbeis únense como base da economía aragonesa a empresa Balay, centrada na fabricación de electrodomésticos; CAF (Construciones y Auxiliar de Ferrocarriles S.A.) da que saen unidades ferroviarias tanto para o mercado nacional como para o internacional; SAICA e Torraspapel no sector papeleiro e diversas empresas de carácter rexional-nacional como Pikolin ou Lacasa que aos poucos se vai abrindo camiño no mercado internacional.

Actualmente, a economía da cidade está en pleno desenvolvemento debido a proxectos como a Exposición Internacional de 2008 [1], a Plataforma Loxística de Zaragoza (PRAZA), o Parque Tecnolóxico de Reciclado (PTR), así como pola paraxe do tren de Alta Velocidade Española (AVE) desde decembro de 2003, que consolida a cidade como centro de comunicacións.

A relativamente baixa pluviosidade (350 mm/ano) e o uso de auga na zona agrícola que a rodea fan necesarios esforzos para reducir o consumo de auga a pesar de estar á beira do río máis caudaloso de España, tendo baixado o consumo de auga per cápita de 150 litros diarios en 1997 a só 99 L/d en 2012.[1]

Transporte e comunicacións

Estradas

Zaragoza está comunicada con Barcelona, Madrid, Bilbao, Huesca, Teruel e Valencia mediante autovías e autoestradas. A autovía Mudéjar (A-23), chega ata as proximidades de Francia en dirección ao túnel do Somport, aínda que unha vez atravesada a fronteira atopámonos cunha estrada de terceira categoría ata a localidade de Pau debido ás políticas francesas que durante máis de tres décadas negáronse a reformar o traxecto, impedindo unha correcta comunicación entre Zaragoza e Tolosa e Bordeos, a través de Pau.

Aeroporto

Zaragoza Airport
Terminal 2 (T2) do aeroporto.

O aeroporto de Zaragoza, moi próximo á cidade, soportaba escaso tráfico de pasaxeiros até 2004. Desde entón todo mudou: tras a instalación no aeródromo da aeroliña Ryanair, o tráfico de pasaxeiros é máis do dobre que o rexistrado en 2004. No 2005, Ryanair ofertaba un voo diario a Londres e outro a Milán. Ademais, en períodos de ferias tales como verán e Semana Santa continúanse programando voos chárter, destacando os programados por Air Europa. A situación deste aeroporto preto de Cataluña, País Vasco, Navarra, A Rioxa ou mesmo o sur de Francia, fan, por un lado, que as compañías de baixo custo atraian viaxeiros para encher os seus voos, pero, por outro lado, impiden que outras aeroliñas sen subvencións se estabelezan en Zaragoza, xa que a proximidade do aeroporto de Bilbao e do de Barcelona restan área de influencia ao aeródromo zaragozano. Ademais, coa chegada do AVE, Madrid está a só 2h de Zaragoza, o que imposibilita que o aeroporto se especialice en voos nacionais.

Ferrocarril

Zaragoza está comunicada por ferrocarril coas cidades españolas máis importantes. O 11 de outubro de 2003 inaugurouse a liña de alta velocidade Madrid-Zaragoza-Lleida e a extensión da liña ata Barcelona inaugurouse o 20 de febreiro de 2008. O traxecto entre Zaragoza e Madrid realízase en 79 minutos, mentre que a Barcelona tarda 89.

Coa chegada da alta velocidade á cidade, inaugurouse a Estación Intermodal de Zaragoza-Delicias, un edificio de gran envergadura de 18,8 ha e cunha cuberta de 40.000 m². Desde 2007 tamén alberga a Estación Central de Autobuses e en 2010 tivo máis de tres millóns de pasaxeiros.

Desde o 11 de xuño de 2008, con motivo da exposición internacional celebrada nese verán, Zaragoza conta cunha rede de trens de Zaragoza (Cercanías Zaragoza). Actualmente só ten unha liña, entre Casetas e Miraflores, de 16,6 km de lonxitude e con 6 estacións no seu percorrido.

Lugares de interese

0849 pilar ebro 2004
O Pilar, o río Ebro e a Ponte de Pedra.

Zaragoza é unha cidade bimilenaria pola que pasaron a práctica totalidade das civilizacións que dominaron a Península Ibérica, sendo unha importante cidade en diferentes épocas. Debido a iso, hai restos e monumentos de todos os estilos e épocas. A pesar de ter restos e edificios de gran beleza, Zaragoza é aínda unha cidade descoñecida para a maioría dos españois e mesmo zaragozanos. Espérase que coa próxima celebración da Exposición Internacional de 2008 que esta situación mude radicalmente e converta a Zaragoza nun destino preferido no turismo cultural e de interior.

Os 3 grandes lugares de interese obrigados en toda visita a Zaragoza son:

  • O Pilar, unha grande obra relixiosa decorada con pinturas de Goya e o seu cuñado Francisco Bayeu. A praza anexa, a Praza do Pilar, é unha das máis extensas de Europa, con medio quilómetro de longo e unha área aproximada de 2,5 hectáreas.
  • A Sé (Seo) ou Catedral do Salvador, recentemente restaurada e mestura de estilos, desde os seus baseamentos románicos até o barroco, pasando polo gótico e o mudéxar, está construída sobre os restos da mesquita de época musulmá e esta, de súa vez, sobre un templo romano. Non hai que deixar de ver o seu ciborio, ábsida, o retablo do altar maior e o órgano.
  • O Palacio da Aljafería: construción árabe que foi palacio do rei taifa de Saraqusta, de forma temporal do rei Fernando o Católico, que a reformou. Foi sede da Inquisición e actual sede das Cortes de Aragón. Pódese visitar destacando o patio rodeado de arcos de ferradura entrelazados con excelentes xesarías, o mirab, e a planta superior, de factura renacentista, coa grande escaleira de acceso e o salón do trono.

Festas

Zaragoza - Ofrenda de flores
Ofrenda de flores á Virxe do Pilar.

A festa maior da cidade celébrase o 12 de outubro, día da Virxe do Pilar (Piar), coñecida popularmente como "O Pilar". Estas festas son moi coñecidas e atraen un gran número de turistas, principalmente por actos como a ofrenda de flores á Virxe e a grande animación que viven as rúas.

A festa do patrón, San Valero, celébrase o 29 de xaneiro. É costume comer nese día un roscón. Tamén é popular o refrán que di: "San Valero, rosconero y ventolero", xa que é frecuente que sopre con forza o mistral (cierzo) por esas datas.

Outras festividades importantes en Zaragoza son a Cincomarzada, que conmemora a vitoria do pobo zaragozano na primeira guerra carlista, a Semana Santa, San Xurxo e San Xoán.

Notas

  1. esa. "Zaragoza". European Space Agency (en castelán). Consultado o 2019-01-25.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Aeroporto de Zaragoza

O Aeroporto de Zaragoza (IATA: ZAZ, OACI: LEZG) atópase situado a 10 quilómetros da cidade de Zaragoza, preto do barrio de Garrapinillos. Comparte pista e algunhas instalacións coa Base Aérea de Zaragoza.

Con motivo da Exposición Internacional de Zaragoza 2008 levouse a cabo unha renovación total deste aeroporto que consistitiu na construción dunha nova terminal anexa á antiga e varios aparcadoiros. Abriuse ao público en marzo de 2008. A terminal antiga está pechada; trátase dun edificio de certo valor que se conservou, aínda que non está en uso.

En 2008 deu servizo a 594 952 pasaxeiros e rexistrou 21 438 toneladas de carga.

Albert Fert

Albert Fert, nado en Carcasona o 7 de marzo de 1938, é un físico francés. É un dos descubridores do efecto de magnetorresistencia xigante, que permite aos discos ríxidos modernos superaren a barreira de xigabytes, polo que foi agraciado do Premio Nobel de Física de 2007, canda Peter Grünberg.

É profesor na Université Paris-Sud en Orsay, e director científico dun laboratorio asociado ('Unité mixte de physique') entre o Centre national de la recherche scientifique (Centro Francés de Investigación) e Thales Group.

Aragón

Aragón (en aragonés e castelán: Aragón, en catalán: Aragó) é unha comunidade autónoma con estatuto de "nacionalidade histórica" situada no norte de España, resultante do reino histórico do mesmo nome, que abrangue o tramo central do val do Ebro, os Pireneos centrais e as Serras Ibéricas. Limita ao norte con Francia, ao oeste con Navarra, A Rioxa e Castela e León (provincia de Soria), ao sur con Castela-A Mancha (provincias de Guadalaxara e Cuenca) e a Comunidade Valenciana (provincias de Castelló e Valencia) e ao leste con Cataluña (provincias de Lleida e Tarragona).

O Reino de Aragón, canda o Condado de Barcelona, o Reino de Valencia e o Reino de Mallorca, formaron a histórica Coroa de Aragón; e foi un dos reinos que formaron o Reino de España. Dende 1978 é unha comunidade autónoma española, composta polas provincias de Huesca, Teruel e Zaragoza, e que se articulan en 32 comarcas e 1 delimitación comarcal. A capitalidade reside na cidade de Zaragoza, que concentra a metade da poboación da comunidade. O 23 de abril celébrase a festividade de San Xurxo, día de Aragón.

En Aragón fálanse variedades lingüísticas clasificadas dentro de tres idiomas: o castelán, única lingua oficial e maioritaria; o aragonés, lingua orixinal e histórica falada actualmente no norte da comunidade; e o catalán, falada na franxa oriental.

Basket Zaragoza 2002

O Basket Zaragoza 2002 S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Casademont Zaragoza é un club de baloncesto profesional español con sede na cidade de Zaragoza, Aragón. Fundado no ano 2002, é herdeiro do Club Baloncesto Zaragoza desaparecido ese mesmo ano. A nova entidade, denominada Basket Zaragoza 2002, conservou o seu palmarés e dereitos deportivos. Disputa o seus encontros como local no Pavillón Príncipe Felipe, inaugurado o 17 de abril de 1990 e con capacidade para 10 500 espectadores.

Calatayud

Calatayud é un concello e unha cidade española, da comunidade autónoma de Aragón e da provincia de Zaragoza, capital da comarca do mesmo nome, a Comunidad de Calatayud. A poboación do municipio era de 21.040 habitantes no ano 2007, nunha superficie de 154,20 km². Dista 86 km da cidade de Zaragoza.

Copa do Rei de fútbol

O Campionato de España-Copa da Súa Maxestade o Rei, comunmente coñecida como Copa do Rei ou simplemente A Copa, é un torneo futbolístico por eliminación directa que se disputa anualmente entre os mellores clubs de España. Organízao a Real Federación Española de Fútbol.

Foi creada en 1903, a raíz do éxito da Copa da Coroación disputada un ano antes, sendo o torneo nacional de fútbol máis antigo de España. Aínda que a denominación histórica e xénerica da competición é a de Campionato de España, o título da competición modificouse ao longo dos anos en función do Xefe de Estado español, que é quen outorga o trofeo. Foi a Copa do Rei entre 1903 e 1932, a Copa do Presidente da II República entre 1932 e 1936, a Copa da España Libre en 1937, o Trofeo do Xeneralísimo en 1939, a Copa do Xeneralísimo entre 1940 e 1976, e desde 1977 novamente a Copa do Rei.

O campión da 116ª edición foi o Valencia CF, tras gañar na final ao FC Barcelona por 1-2. O equipo con máis títulos é o FC Barcelona con 30 copas, seguido do Athletic Club, con 23.

Fernando Álvarez de Sotomayor

Fernando Álvarez de Sotomayor Zaragoza, nado en Ferrol o 25 de setembro de 1875 e finado en Madrid o 17 de marzo de 1960, foi un pintor académico galego. Boa parte da súa obra destaca por reflectir diversos aspectos da vida de Galicia con luminosidade e colorido.

Marisol Bueno

María Soledad Águeda Bueno Berrío-Ategortua, nada en Zaragoza o 30 de novembro de 1948, é unha empresaria e política galega.

Media distancia Renfe

Media Distancia Renfe é un servizo de transporte de pasaxeiros por ferrocarril fornecido por Renfe Operadora. Cobre distancias medias, comprendidas entre as de Longa Distancia e as de Proximidades.

Desde o ano 2006 está baixo a responsabilidade da Dirección Xeral Servizos de Proximidade e Media Distancia, heredeira da extinta Unidade de Negocio de Media Distancia, anteriormente denominada Rexionais, nome polo cal aínda se lle coñece popularmente.

Navarra

Navarra (en éuscaro: Nafarroa, en castelán: Navarra), oficialmente Comunidade Foral de Navarra (en éuscaro: Nafarroako Foru Komunitatea, en castelán: Comunidade Foral de Navarra), é unha comunidade foral uniprovincial de España, ademais dunha das sete provincias (herrialdes) do histórico País Vasco. Situada no extremo norte da península Ibérica, limita ao norte co Comunidade de aglomeración do País Vasco en Francia, ao leste coas provincias aragonesas de Huesca e Zaragoza, ao sur coa Rioxa e ao oeste coas provincias vascas de Guipúscoa e Áraba.

Está formada por 272 concellos, un deles, Petilla de Aragón, formado por dous exclaves na provincia de Zaragoza. Conta cunha poboación de 636 638 habitantes (2015), dos que aproximadamente un terzo vive na capital e cidade máis poboada, Pamplona (196.166 habitantes), e máis da metade na área metropolitana da mesma (328.511 habitantes).

Navarra apareceu por vez primeira como entidade política propia no século IX coa formación do Reino de Pamplona que a finais do século X está xa consolidado como Reino de Navarra. Ademais do castelán, tamén o éuscaro é lingua oficial na zona vascófona e na zona mixta, territorios situados no norte da comunidade.

Primeira división española 2010/11

A tempada 2010/11 da Primeira División Española de fútbol foi a 80ª edición desta competición. Comezou o 28 de agosto de 2010 e finalizou o 22 de maio de 2011. O FC Barcelona proclamouse campión por terceira tempada consecutiva e logrou a 21ª liga da súa historia, con dúas xornadas aínda por disputarse. O único representante galego foi o Deportivo da Coruña, que acabou perdendo a categoría, e houbo un único árbitro galego, o ascendido ese mesmo ano Ignacio Iglesias Villanueva.

Os azulgrana sentenciaron o seu terceiro título consecutivo na xornada 36ª, conseguindo 96 puntos, a segunda mellor marca da súa historia. Barcelona, Real Madrid e Valencia clasifícanse de xeito directo para a Liga de Campións, e o Villarreal, que xogará a rolda previa. O Sevilla e o Athletic Club clasifícanse para a UEFA Europa League, que tamén xogou o Atlético de Madrid aínda que xogando unha rolda previa. Por outro lado, Deportivo da Coruña, Hércules e Almería perderon a categoría.

Provincia de Huesca

Huesca (en aragónes e cooficial: Uesca; en catalán: Osca) é unha provincia do norte de España, na parte norte da comunidade autónoma de Aragón. Limita coas provincias de Lleida, Zaragoza e Navarra, e tamén con Francia (cos departamentos Pireneos Atlánticos, Altos Pireneos e Alto Garona).

A súa superficie é de 15.626 km². A súa poboación é 228.566 hab. (2010), e a súa densidade de poboación é 14,62 habitantes/km². Está formada por 202 concellos. A súa capital é a cidade de Huesca, onde vive cerca dunha cuarta parte da poboación. Nesta provincia encóntrase o Parque nacional de Ordesa e Monte Perdido.

Provincia de Zaragoza

A provincia de Zaragoza (en aragonés: Zaragoza, en catalán: Saragossa) está situada no norte de España e no centro da comunidade autónoma de Aragón. Abarca unha superficie de 17.274 km². Limita coas provincia de Huesca ao nordés, coas de Lleida e Tarragona ao leste, Teruel e Guadalaxara ao sur, Soria e A Rioxa ao oeste e Navarra ao noroeste.

A cidade de Zaragoza é ao mesmo tempo capital da provincia homónima e da Comunidade Autónoma de Aragón.

En 2005 a poboación era de 912.072 habitantes e a densidad de poboación de 52,96 habitantes/km².

Real Zaragoza

O Real Zaragoza, S.A.D. é un club de fútbol español da cidade de Zaragoza (Aragón). Foi fundado en 1932 da unión do Iberia SC e do Zaragoza CD, os dous clubs máis importantes da cidade naquela época. Actualmente compite na Segunda División, logo de descender na tempada 2012–13.

É o 9º equipo na Clasificación histórica da Primeira División completando 55 tempadas na devandita categoría. Foi subcampión nunha ocasión e conta ademais con 6 títulos de Copa, unha Supercopa de España e, a nivel europeo, unha Recopa e dúas Copas de Feiras, ademais de numerosas participacións para competicións continentais.

O 10 de setembro de 2009, a IFFHS publicou a clasificación dos mellores clubs europeos do século XX, ocupando o Real Zaragoza a posición número 37 debido aos campionatos europeos conseguidos no século XX, a Copa de Feiras de 1964 e a Recopa de Europa en 1995. Actualmente ocupa o posto número 355 na clasificación mundial de clubs da IFFHS e o 59º posto na clasificación histórica do mesmo organismo.Conta cuns 30.000 abonados e un orzamento anual de 36.000.000 €. É o 7º equipo en número de aficionados en España (2,7%), segundo a enquisa do CIS de maio de 2007.

Reino de Aragón

O Reino de Aragón nace en 1035, pola unión dos condados de Aragón, Sobrarbe e Ribagorza na figura de Ramiro I. Prolongarase ata 1707, cando Filipe IV (V de Castela) promulgou os Decretos de Nueva Planta, polos que o reino se integra no Reino de España.

Richard R. Schrock

Richard R. Schrock, nado o 4 de xaneiro de 1945 en Berne, Indiana, Estados Unidos, é un químico e profesor universitario estadounidense galardonato co Premio Nobel de Química do ano 2005.

Sebastián Martínez-Risco

Sebastián Martínez-Risco Macías, nado en Ourense o 19 de xaneiro de 1899 e finado na Coruña o 24 de setembro de 1977, foi un xuíz e escritor galego.

Segunda división española de fútbol

A Segunda División de España, oficialmente La Liga 2 e coñecida como La Liga SmartBank por razóns de patrocinio, é a segunda categoría da Liga española de fútbol, inmediatamente inferior á Primeira División e por riba da Segunda División B.

En xogo dende a tempada 1928-1929, está organizada pola Liga de Fútbol Profesional, sendo unha das dúas ligas profesionais de fútbol existentes no Estado xunto coa Primeira.

Víctor Fernández

Víctor Fernández Braulio, nado o 28 de novembro de 1960 en Zaragoza, é un ex futbolista e actual adestrador de fútbol español. Xogaba de centrocampista. Entre 1998 e 2002 adestrou con éxito o Celta de Vigo.

Capitais de provincias de España

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.