Yitzhak Rabin

Yitzhak Rabin ou Isaac Rabin ( יִצְחָק רַבִּין en hebreo ), nado en Xerusalén o 1 de marzo de 1922 e finado en Tel Aviv o 4 de novembro de 1995, foi un político e militar israelí. Foi o quinto primeiro ministro de Israel entre 1974 e 1977 e de novo entre 1992 e o seu asasinato en 1995, perpetrado por Yigal Amir.

Yitzhak Rabin
Flickr - Israel Defense Forces - Life of Lt. Gen. Yitzhak Rabin, 7th IDF Chief of Staff in photos (11)
Nacemento1 de marzo de 1922
 Xerusalén
Falecemento4 de novembro de 1995
 Tel Aviv
Causaferida por arma de fogo
SoterradoMonte Herzl
NacionalidadeIsrael
EtniaPobo xudeu
Relixiónateísmo
Ocupaciónpolítico, diplomático e oficial
CónxuxeLeah Rabin
FillosDalia Rabin-Pelossof e Yuval Rabin
PremiosRonald Reagan Freedom Award, Premio Nobel da Paz, Premio Félix Houphouët-Boigny, Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional, honorary doctor of Ben-Gurion University e doutor honoris causa pola Universidade Bar-Ilan
Yitzhak Rabin signature
Yitzak Rabin PD
Yitzhak Rabin

Traxectoria

Nado no seo dunha familia sionista, seu pai, Nehemiah era un xudeu americano de orixe ucraína que viñera a Palestina para loitar na Lexión Xudía durante a Primeira Guerra Mundial coa misión de botar os turcos de Israel e súa nai, Rosa, xudía de orixe rusa foi unha das primeiras integrantes da organización paramilitar Haganah. Aínda que nado en Xerusalén, a familia residiu primeiro en Haifa e desde 1923 en Tel Aviv [1]. Yitzhak identificouse co sionismo e o socialismo dende a súa mocidade, estudou na escola agrícola Kaduri de Galilea, onde se graduou con distinción, pouco despois en 1941 entrou na Palmach, a forza de elite da Haganah, dirixida por Igal Alon. A súa primeira acción foi cortar as liñas de teléfono no Líbano [2], entón en mans do goberno de Vichy. Ascendeu rapidamente e xa rematada a guerra, en outubro de 1945 dirixiu unha operación para liberar a refuxiados xudeus do campo de detención de Atlite. Durante a guerra de independencia mandou un rexemento, trala creación do Estado de Israel mantense na carreira militar, e chega a xefe de Estado Maior durante a guerra dos seis días. Deixou o exército en 1968, nomeado embaixador en Italia e nos Estados Unidos. En 1973 entra no Knesset co Partido Laborista e asume o ministerio de traballo, o 2 de xuño de 1974 foi designado líder do partido e sucede a Golda Meir como primeiro ministro, foi o primeiro sabra (nado en Israel) en acceder ao posto. Durante o seu segundo mandato xogou un papel destacado nos Acordos de Oslo, que crearon a Autoridade Palestina e acabou por recoñecer á OLP o 9 de setembro de 1993 logo de Arafat renunciar á violencia. En 1994 recibiu o Premio Nobel da Paz con Shimon Peres e Yasser Arafat.

Notas

  1. David Horovitz (1996)Shalom, Friend: The Life and Legacy of Yitzhak Rabin, Newmarket Press, páx. 26
  2. Libby Hughes (2005) Yitzhak Rabin: From Soldier to Peacemaker , páx. 29

Véxase tamén

Acordos de Oslo

Os Acordos de Oslo, oficialmente chamada Declaración de Principios, acadáronse en Oslo o 20 de agosto de 1993 e asinárono oficialmente, en Washington o 13 de setembro de 1993, Mahmoud Abbas en representación da Organización de Liberación de Palestina, Shimon Peres por Israel, Warren Christopher polos Estados Unidos e Andrei Kozyrev por Rusia e coa presenza do presidente dos Estados Unidos Bill Clinton, o primeiro ministro israelí Yitzhak Rabin e o líder da OLP Yasser Arafat.

Os acordos de Oslo culminaron unha serie de acordos secretos e públicos celebrados dende a Conferencia de Madrid de 1991 e negociación entre o goberno israelí e a OLP en 1993 como parte dun proceso de paz que intentaba resolver o conflito palestino-israelí.

O Acordo de Cisxordania e Gaza, coñecido como de Oslo 2 ou de Taba asinouse o 28 de setembro de 1995 e outorgaba aos palestinos o autogoberno sobre 450 vilas.

A pesar das esperanzas postas nos acordos e na promesa da normalización das relacións entre o mundo árabe, o conflito non se resolveu.

Anwar el-Sadat

Muḥammad Anwar as-Sādāt, en árabe, محمد أنور السادات, transcrito frecuentemente como Anwar el-Sadat ou Anwar Sadat, nado en Mit Abu l-Kum o 25 de decembro de 1918 e finado no Cairo o 6 de outubro de 1981, foi un político e militar exipcio.

Conferencia de Madrid de 1991

A conferencia de Madrid, ideada polo goberno de España e coauspiciada polos Estados Unidos e a URSS, comezou entre 30 de outubro e o 1 de novembro de 1991 e durou tres días. Foi unha tentativa por parte da comunidade internacional de principiar un proceso de paz entre Israel e os palestinos e países árabes como Siria, Líbano, Xordania.

Pouco despois da Guerra do Golfo de 1991, o presidente norteamericano George W. Bush e o seu secretario de estado James Baker formularon os obxectivos e coa Unión Soviética redactaron unha carta de invitación a Israel, Siria, Líbano e os palestinos. Por presión de Israel os palestinos non estiveron representados oficialmente pola OLP senón que se integraron na delegación xordana.

A conferencia pretendía servir como un foro aberto para os participantes e non tiña capacidade para impoñer solucións ou vetar acordos.

Eisaku Satō

Eisaku Satō (佐藤栄作), nado en Tabuse (Kumage, Yamaguchi) o 27 de marzo de 1901 e finado en Toquio o 3 de xuño de 1975, foi un político xaponés, primeiro-ministro de Xapón entre 1964 e 1972. Gañou o Premio Nobel da Paz en 1974.

Guerra dos Seis Días

A guerra dos Seis Días, tamén coñecida como a terceira guerra árabe-israelí, a guerra árabe-israelí de 1967, ou, como a chaman no mundo árabe, a guerra de Xuño, o Contratempo ou o Desastre, foi un conflito armado entre Israel e os seus veciños árabes: Exipto, Xordania e Siria. Trala fin da guerra, Israel pasou a controlar a Faixa de Gaza, a península do Sinaí, Cisxordania, Xerusalén Leste e os Altos do Golán.

O medre das tensións entre árabes e israelís levou a ámbalas dúas partes a mobilizaren cadansúas tropas con anterioridade ó comezo da guerra.

Israel, de acordo cos plans ideados por, entre outros, o Ministro de Defensa Moshé Dayán e o xefe do Estado Maior Yitzhak Rabin, atacou Exipto, Siria e Xordania, conquistando os territorios antes citados.

O causante último da guerra (que comezou o luns 5 de xuño e rematou o sábado 10 de xuño) foi o bloqueo do porto da cidade israelí de Eilat mediante o peche, por parte de Exipto, dos Estreitos de Tirán.

Haganah

A Haganah (hebreo: "Defensa", הגנה) foi unha organización paramilitar xudía que actuou en Palestina entre 1920 e 1948, durante o mandato británico. Coa constitución do Estado de Israel a Haganah constituíu a base do exército israelí.

Hamás

Hamás (en árabe حماس, fervor, e acrónimo de Harakat al-Muqáwama al-Islamiya, حركة المقاومة الإسلامية Movemento de Resistencia Islámica) é unha organización político-relixiosa palestina que pretende a destrución de Israel e a creación dun estado islámico en Palestina.

Hamás fundouna Ahmed Yassin o 14 de decembro de 1987 na faixa de Gaza, coincidindo co levantamento popular, ou intifada, contra a ocupación israelí. Ten relacións estreitas cos Irmáns Musulmáns exipcios. En xaneiro de 2006 accede ao goberno de Gaza logo de vencer con claridade nas eleccións lexislativas.

Henry Kissinger

Henry Alfred Kissinger, nado Heinz Alfred Kissinger en Fürth o 27 de maio de 1923, é un diplomático estadounidense que tivo un papel importante na política estranxeira dos EUA entre 1968 e 1976.

Iasir Arafat

Muhamad Iasir Abdul Rahman Abdul Rauf Arafat (en árabe: محمد ياسر عبد الرحمن عبد الرؤوف عرفات), popularmente coñecido como Iasir Arafat (en árabe: ياسر عرفات), ou polo seu nome kunya Abu Amar (en árabe: أبو عمار), nado en Xerusalén ou no Cairo, o 4 ou 24 de agosto de 1929 e finado en París o 11 de novembro de 2004, foi un líder palestino, presidente da OLP (Organización para a Liberación de Palestina e da ANP (Autoridade Nacional Palestina).

Lester Bowles Pearson

Lester Bowles "Mike" Pearson, nado en Newtonbrook (Ontario) o 23 de abril de 1897 e finado en Otava o 27 de decembro de 1972, foi o décimo cuarto primeiro ministro do Canadá, tendo gobernado o país entre o 22 de abril de 1963 e o 20 de abril de 1968, ademais ganador do Premio Nobel da Paz en 1957.

Menachem Begin

Menachem Begin, nado en Brest, Belarús o 16 de agosto de 1913 e finado en Xerusalén o 9 de marzo de 1992, foi un político israelí e 6º primeiro ministro de Israel en maio de 1977. Baixo o acobillo do entón presidente dos Estados Unidos, Jimmy Carter, Begin negociou en 1978 os acordos de Camp David co presidente de Exipto, Anwar Sadat, polos que Israel devolveu a península de Sinaí a Exipto. Por estes acordos Begin e Sadat recibiron o Premio Nobel da Paz en 1978.

Mohammad Khatami

Seyyed Mohammad Khatami, ou en persa سید محمد خاتمی, nado en outubro de 1943, foi presidente de Irán dende o 2 de agosto de 1997 ao 2 de agosto de 2005.

Mona Juul

Mona Juul, nada en Steinkjer en 1959, é unha oficial no Ministerio de Asuntos Exteriores norueguesa.

Organización para a Liberación de Palestina

A Organización para a Liberación da Palestina (OLP) (En árabe: منظمة تحرير فلسطينية, Munazzamat al-Tahrir Filastiniyyah) é unha organización política e paramilitar de palestinos dedicada ao establecemento dun estado palestino independente. A OLP foi presidida por Yasser Arafat, desde 1969 até a súa morte no 2004, tendo sido sucedido por Mahmoud Abbas (tamén coñecido como Abu Mazen.) En anos recentes, o obxectivo oficial da OLP foi redefinido para consistir apenas da Cisxordania e da Faixa de Gaza, malia que unha parte substancial da organización non obedecer a esta redefinición.

Palmach

A Palmach (en hebreo: פלמ"ח) foi a unidade paramilitar de elite israelí integrada na Haganah. Estableceuse o 15 de maio de 1941, e en 1948 consitía en tres divisións e forzas auxiliares aéreas, navais e de intelixencia. Entre os líderes da Palmach estiveron Moshé Dayán, Itzhak Sadeh, Yigal Allon e Yitzhak Rabin.

A Palmach influíu significativemente na sociedade israelí, os seus membros convertéronse nos altos mandos das Forzas de Defensa Israelís.

Partido Laborista de Israel

O Partido Laborista (העבודה HaAvoda) é un partido político israelí sionista de esquerdas, membro da Internacional Socialista e membro observador do Partido dos Socialista Europeo.

Shimon Peres

Shimon Peres (en hebreo: שִׁמְעוֹן פֶּרֶס, nado como Shimon Persky), nado en Vishniev (entón parte de Polonia, hoxe Belarús) o 2 de agosto de 1923 e finado en Ramat Gan o 28 de setembro de 2016, foi un político israelí, líder do Partido Laborista israelí, foi oitavo primeiro ministro de Israel de 1984-1986 e 1995-1996 e foi o viceprimeiro ministro, dende 2005, baixo Ariel Sharon. En 1994 gañou o Premio Nobel coh Yitzhak Rabin e Yasser Arafat, polos seus esforzos en conseguir a paz que culminaron no acordos de Oslo.

Siria

Siria é un país do Oriente Medio. Limita ó norte con Turquía, o leste e sur con Iraq, ó sur con Xordania e ó oeste con Israel, Líbano e o mar Mediterráneo. A rexión de fronteira con Israel (Altos de Golán) é obxecto de disputa entre ámbolos dous países.

Laureados co Premio Nobel da Paz
1901–1925
1926–1950
1951–1975
1976–2000
2001–

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.