Xustáns, Ponte Caldelas

San Martiño de Xustáns é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. Segundo o INE de 2017 tiña 571 habitantes (283 mulleres e 284 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 601 habitantes.

Coordenadas: 42°23′28″N 08°33′31″O / 42.39111, -8.55861

Xustáns
Xustáns
Igrexa de San Martiño de Xustáns.
ConcelloPonte Caldelas
Área9,1 km²
Poboación571 hab. (2017)
Densidade62,75 hab./km²
Entidades de poboación4

Xeografía

A parroquia ten 9,1 km². Limita ao norte coa parroquia de Tourón, ao sur coa parroquia de Taboadelo e ao leste, coa parroquia de Ponte Caldelas. Cara o leste, tras o monte da Fracha, atópanse as parroquias de Marcón e A Canicouva pertencentes ao concello de Pontevedra.

Distancias a vilas e cidades km
Pontevedra 9,3
Ponte Caldelas 8,3
Vigo 36

O punto máis alto da parroquia é o monte da Fracha (493 metros). Pola parroquia discorren principalmente dous ríos: o río Carballido, que é afluente do río San Vicente. Este, á súa vez é afluente do río Verdugo.

Demografía e servizos

A poboación segue o patrón habitual de comportamento das parroquias da contorna da área urbana de Pontevedra, encadeando lixeiros descensos con subas, pero nun contexto xeral de avellentamento e lenta caída.

A poboación atópase repartida algo igualitariamente entre os catro lugares da parroquia:

Poboación (2017)
Lugar Habitantes % do total
A Aluncía 80 14,0%
Baltar 180 31,5%
O Chan do Casal 195 34,2%
O Sobreiro 116 20,3%

Servizos

A parroquia ten diversos negocios, ademais dunha escola unitaria en activo. O groso dos servizos á poboación atópanse no veciño lugar da Reigosa e na vila de Ponte Caldelas. Os empregadores do sector secundario máis próximos sitúanse no Polígono industrial do Campiño, a tan só un par de quilómetros da capital parroquial.

Patrimonio

CristoRei
Santuario de Cristo Rei.

Igrexa de San Martiño

A igrexa parroquial de Xustáns atópase no lugar do Sobreiro. De estilo barroco (século XVII), é unha igrexa de planta basilical e fachada porticada, cunha torre escalonada do século XX inspirada no barroco compostelán. No seu interior conta cun retablo maior barroco e dous retablos laterais neoclásicos[1]. Nos arredores da igrexa destacan o cruceiro e o cemiterio vello, de comezos do século XX.

Ermida e miradoiro de Cristo Rei

A capela de Cristo Rei érguese no cumio do monte entre os lugares de Baltar e Sobreiro. Trátase dunha pequena ermida do século XX de planta cadrada cunha imaxe do santo en pedra na parte superior. A capela permanece pechada todo o ano salvo na romaría que alí se celebra en xullo.

Xunto á capela atópase o miradoiro homónimo, desde o cal se ten unha boa panorámica da ría de Vigo, así como do resto do concello de Ponte Caldelas e da serra do Suído.

Outros

Ademais destes dous lugares, son destacables as rutas polo monte da Fracha, os diversos cruceiros espallados polos lugares da parroquia, así coma os petróglifos do Outeiro da Cabra, aínda que estes últimos non sexan visitables polo seu estado de conservación.

Festas

As celebracións máis importantes son:

  • Cristo Rei, no lugar de Baltar. Celébrase o primeiro domingo de xullo.
  • San Martiño, patrón da parroquia, día 11 de novembro.
  • San Roque, a finais de setembro.
  • Nosa Señora do Carme, a fin de semana anterior ou posterior ao 16 de xullo.
  • Festa dos Reis, sobre o 6 de xaneiro.

Personaxes de sona

Desta parroquia é Gustavo Dacal, campión de España de lanzamento de xavelina.

Lugares e parroquias

Parroquias de Ponte Caldelas

Véxase tamén

Outros artigos

    A Aluncía, Xustáns, Ponte Caldelas

    A Aluncía é un lugar da parroquia de Xustáns, no concello de Ponte Caldelas. Segundo o INE en 2008 tiña 93 habitantes, catro menos ca en 2007.

    Baltar, Xustáns, Ponte Caldelas

    Baltar é unha entidade de poboación situada na parroquia de Xustáns, no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. Segundo o INE no ano 2015 tiña 181 habitantes (85 homes e 96 mulleres). O que supón un aumento fronte a 2014, cando tiña 173 veciños.

    Cotas, Xustáns, Ponte Caldelas

    Cotas é un lugar da parroquia de Xustáns, no concello de Ponte Caldelas. Na actualidade está deshabitado.

    Atópase a pouco máis de quilómetro e medio do lugar de Baltar.

    Gustavo Dacal

    Gustavo Dacal, nado en Xustáns (Ponte Caldelas) o 30 de marzo de 1977, é un atleta galego.

    O Chan do Casal, Xustáns, Ponte Caldelas

    O Chan do Casal é un lugar da parroquia de Xustáns, no concello de Ponte Caldelas. Segundo o IGE, en 2015 tiña 189 habitantes (98 homes e 91 mulleres). Accédese pola estrada que comunica O Sobreiro e Parada, cruzando o río San Vicente.

    O Sobreiro, Xustáns, Ponte Caldelas

    O Sobreiro é un lugar da parroquia de Xustáns, no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. Ten 112 habitantes (53 homes e 59 mulleres).

    Chégase a través da PO-206 que comunica A Reigosa con Taboadelo e Ponte Sampaio.

    Polígono industrial do Campiño

    O Polígono Industrial do Campiño é unha área industrial situada entre as parroquias de Marcón (Pontevedra) e Tourón e Xustáns (Ponte Caldelas). Sitúase na aba do monte da Fracha, a 7,5 km da cidade de Pontevedra.

    Outras linguas

    This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
    Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
    Images, videos and audio are available under their respective licenses.