Xunta do Reino de Galicia

A Xunta, Xunta Xeral, Xuntas ou Cortes do Reino de Galicia[1] foi a representación do reino de Galicia[2] desde o século XV –cando a asemblea xeral de poderes do Reino uniuse para constituír as irmandades[3]— ata 1834, cando o Reino de Galicia e a súa Xunta Xeral foi oficialmente desmantelado por Real Decreto. A Xunta do Reino de Galicia declarouse a si mesma, como a autoridade suprema do Reino desde o 18 de xuño de 1808, durante a Guerra de Independencia española e debido á abdicación do Rei, e ata que Galicia foi conquistada polas tropas de Napoleón en 1809.[4]

Historia e características

Era un organismo colectivo formado polos deputados que se reunían para tratar asuntos referidos ó conxunto do reino de Galicia. A súa orixe non está clara e hoxe acéptase unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para resolver as cuestións relativas á repartición de tributos e levas militares. Un dos aspectos máis interesantes en relación coa actuación da Xunta foi o tema do voto en Cortes.

Galicia perdera a posibilidade de ter voto nas Cortes da Coroa de Castela, e era a cidade de Zamora a que falaba por ela dende mediados do século XV. Non se sabe con certeza como perdeu este dereito que tiña Galicia. En 1623 grazas ás boas xestións dos diplomáticos galegos Lemos e Gondomar (e o pago de 100.000 ducados) Galicia recupera o voto en Cortes. Este esforzo valeu de pouco xa que é unha época na que as Cortes teñen un papel escaso ou nulo.

A pesar da positiva valoración que da actuación da Xunta do Reino fixeron historiadores como Manuel Murguía, non foi unha institución realmente representativa do conxunto do reino, nin polos asuntos nos que entende e traballa nin polos intereses que defende. Actuou como un órgano intermedio, consultivo, de equilibrio entre as autonomías locais e os desexos rexios ós que case nunca se opuxo. Mantivo unha actitude pouco reivindicativa[Cómpre referencia] e isto estaba causado[Cómpre referencia] pola composición social da Xunta na que predominaban individuos pertencentes á pequena nobreza provincial e ás oligarquías urbanas, é dicir, por elementos da fidalguía intermediaria. A reforma liberal de 1833 acaba coa Xunta do Reino e tamén co Reino de Galicia, e fai aparecer as catro provincias que se manteñen até o presente.

Notas

  1. (De Artaza, 1998, pp. 475–476)
  2. Desde o século XIII unificado co Reino de Castela baixo a mesma Coroa.
  3. Barros, Carlos. "As orixes medievais da Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2005. Consultado o 9 de novembro de 2011.
  4. (De Artaza, 1998, p. XXIX)

Véxase tamén

Bibliografía

  • De Artaza, Manuel María (1998). Rey, Reino y representación. La Junta General del Reino de Galicia. Madrid: CSIC. ISBN 84-00-07779-2.
A Coruña

A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia e bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.850 habitantes (2018); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².

A Coruña é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.A cidade érguese sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da zona urbana espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.

Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.

Antonio Arias Teixeiro (1772)

Antonio Arias Teixeiro, nado en Pontevedra en 1772 e finado en data descoñecida, foi un escritor e político galego.

Diego Sarmiento de Acuña

Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, nado en Astorga o 1 de novembro de 1567 e finado en Haro, Logroño, o 2 de outubro de 1626, foi un nobre galego coñecido como o "Maquiavelo español".

Década de 1830

A década de 1830 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1830 e remata o 31 de decembro de 1839.

Estatuto dos dezaseis

O coñecido como Estatuto dos dezaseis foi un texto redactado en 1979 por unha comisión integrada por representantes de diferentes partidos por iniciativa da Xunta preautonómica presidida por Antonio Rosón Pérez que pretendía dar forma xurídica a prol de Galicia ao dereito á autonomía das nacionalidades e rexións consagrado no artigo 2 da Constitución española de 1978.

Familia Mondragón

Mondragón é unha liñaxe de orixe vasca, con casa señorial en Eremuzketa (Gipúscoa), que pasou a Galicia entroncando con ilustres familias do país, e fundando en diversos sitios casas moi importantes. Entre elas destaca a dos Armada, á que pertencen os marqueses de Santa Cruz de Ribadulla.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Historia da Coruña

A Coruña érguese nunha península situada na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O territorio que abrangue o actual concello da Coruña foi sucesivamente poboado en época castrexa e romana, pero é a comezos do século XIII cando a cidade é refundada no emprazamento orixinal da Cidade Vella ao sueste da península. Co paso dos séculos a cidade estenderase progresivamente a través do tómbolo cara o continente.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Napoleón I de Francia

Napoleone di Bouonaparte ou Napoleón Bonaparte (en francés [napoleɔ̃ bɔnɑpaʁt]), nado en Ajaccio (Córsega) o 15 de agosto de 1769 e finado en Santa Helena o 5 de maio de 1821, foi emperador de Francia a principios do século XIX e o home máis poderoso e influente de Europa. O seu reinado dá nome a toda unha época da historia de Europa, a unha longa serie de guerras, e simboliza a loita entre as correntes liberais da Revolución Francesa e o absolutismo e tradicionalismo do antigo réxime. A súa impronta quedaría na permanencia das súas reformas legais e administrativas, e no recoñecemento unánime do seu prodixioso talento militar.

Pedro Álvarez de Toledo y Leiva

Pedro (Álvarez) de Toledo y Leiva, nado en Úbeda en 1585 e falecido en Mancera de Abajo (Salamanca) o 9 de marzo de 1654, foi un nobre, político e militar español.

Reino de Galicia

O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.

Consolidada Compostela como capital do reino desde o século XI, a separación de Portugal (1128) e a individualización dos reinos de Castela e León tras o ano 1065, delimitaron o seu territorio practicamente ó actual. Mantivo unha soberanía política plena —compartindo rei co reino de León— ata o ano 1230 cando o rei castelán Fernando III usurpou o trono poñendo temporalmente o reino baixo control da coroa de Castela.

Os conflitos sucesorios e as tentativas de independencia mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán de Borgoña (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou Xoán de Gante (1386) permitíronlle gozar de soberanía fáctica ata que en 1486 os Reis Católicos someteron o reino polas armas. Desde entón o reino estivo subxugado á coroa de Castela (1486-1715) e posteriormente á coroa de España (1715-1833), adquirindo a súa Xunta Suprema (1808-1812) amplas liberdades ó ser o único reino peninsular libre de ocupación napoleónica, pouco antes de ser disolto por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias en 1833.

Séculos Escuros

Denomínanse Séculos escuros a un período histórico que abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII. Caracterízase pola ausencia case total de literatura galega e polo estado de prostración e marxinación social da lingua galega a raíz da imposición do castelán. Esta entra nun período de decadencia e perde o seu uso nos rexistros oficiais, e dunha maneira paralela prodúcese unha enorme perda do poder político do reino de Galicia.

Xunta Superior de subsidios, armamento e defensa de Galicia

No ano 1809, despois de que os exércitos napoleónicos foran expulsados de Galicia, a súa presenza en España e a posibilidade dunha nova ofesiva sobre Galicia fixeron que varias personalidades e institucións pensaran que sería oportuno crear unha Xunta en previsión do que puidera ocorrer.Aínda que o conde de Noroña era contrario á instalación desta Xunta, o Goberno de España (Xunta Suprema Central) creu oportuna a súa constitución, tal como solicitaban as forzas vivas do país.

Xunta Suprema do Reino de Galicia

A Xunta Suprema do Reino de Galicia foi unha institución vixente en 1808 no marco da guerra da Independencia española para cubrir a ausencia de poder tralo apresamento do rei Fernando VII.

A Idade Contemporánea ábrese en Galicia coa epopea da guerra da Independencia, na que todo o país se converteu nunha guerrilla contra o invasor francés. A Igrexa entregouse en favor da loita; os clérigos colgaron hábitos e sotanas e empuñaron as armas, e os que por idade (ou pola súa pusilanimidade) quedaron na retagarda, apoiárona desde púlpitos e confesionarios. Os fidalgos, que se consideraban señores naturais dos seus súbditos campesiños, en poucas ocasións como nesta puideron exercer un liderado que lles permitise consolidar o prestixio das familias: os pazos foron cuarteis e almacéns onde os campesiños encontraban, desta vez, de todo, desde armas e municións até prórrogas para o pagamento das rendas. A burguesía das cidades marítimas, despois dunha inicial dúbida sobre que partido tomar, entregouse igualmente á causa achegando diñeiro, enviando os seus fillos ás escolas de cadetes e, sobre todo, asumindo (non desinteresadamente, é certo) as pesadas responsabilidades dunha burocracia militar e civil cada día máis complicada.

Todos colaboraron eficazmente; pero, sobre todo, estivo en primeira liña o campesiñado, que era a maioría da poboación. Quizais desde a gran guerra irmandiña nunca os campesiños galegos se entregaran tan vehementemente a unha causa coma nesta ocasión. A guerra foi, pois, unha epopea popular.

A cidade da Coruña foi, en maio de 1808, a primeira que se levantou en armas contra os franceses, cando os alarmantes rumores sobre a entrega das autoridades, e por tanto do país, a Napoleón inquietaron á poboación. Pouco despois alzouse a de Santiago e, a continuación, todas as demais cidades e vilas seguiron o exemplo das dúas principais urbes galegas, formando Xuntas de goberno que, a instancias da Coruña, acabaron confluíndo e integrando a Xunta Suprema do Reino de Galicia que actuou, durante menos dun ano, apenas seis meses, como soberana xa que, imposibilitado Fernando VII, preso e cativo en Francia, actuou, no seu nome, como o goberno dun reino independente.

Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ou simplemente Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia coma o órgano colexiado do Goberno de Galicia. Está composta polo Presidente, vicepresidentes e conselleiros. Os vicepresidentes e os conselleiros son nomeados polo presidente. Galicia exerce as súas funcións administrativas a través da Xunta e das consellarías. A Presidencia da Xunta de Galicia ten a sede no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

Xunta de Galicia (homónimos)

Xunta de Galicia é o nome de varias estruturas nas que se organizou o poder político en Galicia ao longo da súa historia:

Xunta do Reino de Galicia, institución creada en 1528, que foi a representación do Reino de Galicia cando este formaba parte da Coroa de Castela, e que perdurou, con algunhas interrupcións, até a reforma liberal do Estado, en 1833. Era un organismo colectivo formado polos deputados das 7 cidades ou provincias (Santiago, Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui) que se reunían para trataren asuntos relacionados co conxunto do Reino. A súa orixe non está clara, e hoxe en día acéptase que hai unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para resolver as cuestións relativas ao repartimento de tributos e ás levas militares.

Xunta Suprema do Reino de Galicia ou Xunta Suprema de Galicia, goberno realmente soberano de Galicia durante o ano 1808, ao comezo da Guerra da Independencia, cando Galicia era o único territorio do Reino de España libre (aínda) da presenza do exército francés, e que foi creada para dirixir a loita contra os franceses e manter a orde pública. A Xunta Suprema asumiu funcións militares, lexislativas e de relacións internacionais até a creación da Xunta Central Española.

Xunta Superior de Galicia, creada en decembro de 1809 en canto saíron de Galicia os franceses e se lle encargou, pola Xunta Central ao Capitán Xeneral de Galicia que recuperara o poder que tradicionalmente exercera. Nalgunhas atribucións foi a sucesora da Xunta Suprema (que desapareceu en decembro de 1808), pero sen nigún poder político, sendo máis ben unha delegación da Xunta Central no país.

Xunta Superior de Galicia, xunta que, en 1836, constituíron os carlistas galegos na Coruña, ao comezo da primeira guerra carlista.

Xunta Central de Galicia, constituída en 1843 (pouco despois da supresión da Xunta do Reino de Galicia) e presidida por Xosé Maria Suances, oposta á rexencia de Baldomero Espartero.

Xunta Superior de Galicia, organizada no curso da Revolución de 1846 impulsada por Miguel Solís e fundada en Santiago baixo a presidencia de Pío Rodríguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo; remataría co fusilamento dos Mártires de Carral (Solís incluído).

Xunta de Galicia, órgano do poder executivo de Galicia desde 1978, ao abeiro da Constitución española de 1978 e do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, actualmente vixentes.

Xunta de Goberno

Xunta é o nome dun tipo de institución característica da administración da Monarquía Hispánica do Antigo Réxime, e que se seguiu aplicando a outras da Administración na España da Idade Contemporánea e noutros países de fala española. Algunhas delas tiveron un relevante papel durante a Guerra da Independencia española e nos conflitos da Independencia da América Hispana.

Por Xunta de Goberno ou Consello Directivo enténdese a instancia encargada da dirección colexiada dunha organización pública ou privada. Está composta por número variábel de persoas, electas para tal fin por un período determinado. No seu seo elixe un Presidente da Xunta. Por exemplo, Xunta de Goberno da Universidade, Xunta de Goberno do Colexio de Avogados etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.