Xunta de Galicia (homónimos)

Xunta de Galicia é o nome de varias estruturas nas que se organizou o poder político en Galicia ao longo da súa historia:

Xunta Superior de Galicia

Xunta Superior de Galicia pode referirse a:

A Xunta Superior de Galicia (1809).

A Xunta Superior de Galicia (1836).

A Xunta Superior de Galicia (1846).

Xunta Superior de Galicia (1836)

A Xunta Superior de Galicia de 1836 (non confundir coa Xunta Superior de subsidios, armamento e defensa de Galicia), foi unha xunta constituída na cidade da Coruña polos carlistas galegos, ao comezo da primeira guerra carlista, e que foi presidida por Xosé María Bermúdez Acevedo, Señor de Ramiráns e Vilardefrancos, así como Rexedor Perpetuo de Ferrol.

En 1836 Xosé María Bermúdez que, xunto a súa esposa, Xacoba de Cisneros Puga, máis coñecida como a Condesa de Gimonde, foron dos máis fervorosos partidarios galegos do infante Carlos María Isidro de Borbón, o irmán de Fernando VII, tratou de organizar unhas milicias galegas para proclamar rei de España ao Duque de Molina, o infante Carlos, en detrimento da súa sobriña Isabel II.

Xunta Superior de subsidios, armamento e defensa de Galicia

No ano 1809, despois de que os exércitos napoleónicos foran expulsados de Galicia, a súa presenza en España e a posibilidade dunha nova ofesiva sobre Galicia fixeron que varias personalidades e institucións pensaran que sería oportuno crear unha Xunta en previsión do que puidera ocorrer.Aínda que o conde de Noroña era contrario á instalación desta Xunta, o Goberno de España (Xunta Suprema Central) creu oportuna a súa constitución, tal como solicitaban as forzas vivas do país.

Xunta Suprema do Reino de Galicia

A Xunta Suprema do Reino de Galicia foi unha institución vixente en 1808 no marco da guerra da Independencia española para cubrir a ausencia de poder tralo apresamento do rei Fernando VII.

A Idade Contemporánea ábrese en Galicia coa epopea da guerra da Independencia, na que todo o país se converteu nunha guerrilla contra o invasor francés. A Igrexa entregouse en favor da loita; os clérigos colgaron hábitos e sotanas e empuñaron as armas, e os que por idade (ou pola súa pusilanimidade) quedaron na retagarda, apoiárona desde púlpitos e confesionarios. Os fidalgos, que se consideraban señores naturais dos seus súbditos campesiños, en poucas ocasións como nesta puideron exercer un liderado que lles permitise consolidar o prestixio das familias: os pazos foron cuarteis e almacéns onde os campesiños encontraban, desta vez, de todo, desde armas e municións até prórrogas para o pagamento das rendas. A burguesía das cidades marítimas, despois dunha inicial dúbida sobre que partido tomar, entregouse igualmente á causa achegando diñeiro, enviando os seus fillos ás escolas de cadetes e, sobre todo, asumindo (non desinteresadamente, é certo) as pesadas responsabilidades dunha burocracia militar e civil cada día máis complicada.

Todos colaboraron eficazmente; pero, sobre todo, estivo en primeira liña o campesiñado, que era a maioría da poboación. Quizais desde a gran guerra irmandiña nunca os campesiños galegos se entregaran tan vehementemente a unha causa coma nesta ocasión. A guerra foi, pois, unha epopea popular.

A cidade da Coruña foi, en maio de 1808, a primeira que se levantou en armas contra os franceses, cando os alarmantes rumores sobre a entrega das autoridades, e por tanto do país, a Napoleón inquietaron á poboación. Pouco despois alzouse a de Santiago e, a continuación, todas as demais cidades e vilas seguiron o exemplo das dúas principais urbes galegas, formando Xuntas de goberno que, a instancias da Coruña, acabaron confluíndo e integrando a Xunta Suprema do Reino de Galicia que actuou, durante menos dun ano, apenas seis meses, como soberana xa que, imposibilitado Fernando VII, preso e cativo en Francia, actuou, no seu nome, como o goberno dun reino independente.

Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ou simplemente Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia coma o órgano colexiado do Goberno de Galicia. Está composta polo Presidente, vicepresidentes e conselleiros. Os vicepresidentes e os conselleiros son nomeados polo presidente. Galicia exerce as súas funcións administrativas a través da Xunta e das consellarías. A Presidencia da Xunta de Galicia ten a sede no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

Xunta do Reino de Galicia

A Xunta, Xunta Xeral, Xuntas ou Cortes do Reino de Galicia foi a representación do reino de Galicia desde o século XV –cando a asemblea xeral de poderes do Reino uniuse para constituír as irmandades— ata 1834, cando o Reino de Galicia e a súa Xunta Xeral foi oficialmente desmantelado por Real Decreto. A Xunta do Reino de Galicia declarouse a si mesma como a autoridade suprema do Reino desde o 18 de xuño de 1808, durante a Guerra de Independencia española e debido á abdicación do Rei, e ata que Galicia foi conquistada polas tropas de Napoleón en 1809.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.