Xubi

Xubi é unha mascota galega empregada para promocionar o camiño de Santiago e o Ano Xacobeo. Foi creada en 2010 cando substituíu a anterior mascota, Pelegrín.[1]

Xubi
Creador(es) Alberte Permuy
Información
Sexo varón
Nacemento 2010
Nacionalidade Galicia Galicia

Características

Foi deseñada por ALberte Permuy para a Fundación Ad Sanctum Iacobum Peregrinatio, vinculada á igrexa polo arcebispado de Santiago de Compostela,[2][3] a cal recibiu 800 000 euros da Xunta de Galicia para desenvolver o proxecto.[4]

A súa simboloxía representa a unión de dous dos símbolos do camiño, como son o bastón e a cabaza, combinadas para facer unha personaxe de cor azul e verde, e calzada cunhas zapatillas azuis e vermellas. O nome de Xubi deriva do vocábulo xúbilo, facendo un xogo de palabras co xubileu.[5]

Notas

  1. Cuíña, S. El Correo Gallego, ed. "‘Xubi’ jubila a ‘Pelegrín’ como mascota xacobea.". Consultado o 13 de maio de 2016.
  2. Salgado, Xurxo. Galicia Confidencial, ed. "A Igrexa tenta facerse coa mascota oficial do Xacobeo.". Consultado o 13 de maio de 2016.
  3. Pampín, María. El País, ed. "La Iglesia crea su propia mascota para el Xacobeo.". Consultado o 13 de maio de 2016.
  4. Burns, Walter. "A Xunta dalle 800.000 € ao arzobispado de Santiago.". Galicia Confidencial. Consultado o 13 de maio de 2016.
  5. "Xubi, la nueva mascota religiosa de este año Xacobeo", artigo en La Voz de Galicia, 7 de xuño de 2010.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Alberte Permuy

Alberte Permuy Martínez, nado en Fene o 8 de xullo de 1955, é un deseñador gráfico galego.Formouse como deseñador en Barcelona, e dende 1983 traballa nesa profesión en Santiago de Compostela. Entre as súas obras destaca Xubi, a mascota do Xacobeo dende 2010 ou identidades corporativas para a Xunta de Galicia, o concello de Santiago, entre outros. A súa obra expúxose en colectivas de deseño gráfico en Lisboa, Atenas, Xangai, Beixín, o MARCO de Vigo ou o Reina Sofía madrileño.

Ano Santo Xacobeo

O Ano Santo Xacobeo, tamén chamado Ano Santo Compostelán, é unha celebración católica que ten lugar en Santiago de Compostela os anos que o 25 de xullo, festividade do Apóstolo, cae en domingo. Isto acontece cunha regularidade de 28 anos de 6-5-6-11 anos, o que supón que en cada século haxa catorce Xacobeos.

Camiño Francés

O Camiño Francés ou Camiño Real é a ruta principal entre as distintas variantes que ofrecen os Camiños de Santiago. Recolle os peregrinos procedentes de Europa e percorre o norte da península desde Roncesvalles (Navarra) ou Somport (Huesca) ata Santiago de Compostela. No seu percorrido vai acollendo outras vías que conflúen nesta en diferentes puntos; esta imaxe de diferentes camiños confluíndo nun mesmo destino final quérese ver representada na figura da vieira como símbolo do Camiño.

Pode considerarse como o Camiño de Santiago por antonomasia por ser, con diferenza, a vía máis frecuentada dos diferentes Camiños: en 2016 foi a vía escollida por 176.329 peregrinos rexistrados pola Oficina do Peregrino (un 63,38% do total); en segundo lugar, moi lonxe, estaría o Camiño Portugués, cunhas porcentaxes do 16-18%.. Tamén é a vía mellor sinalizada e a que conta cun maior número de albergues ó longo do seu percorrido.

Como o resto dos Camiños, tivo numerosas ramificacións e rutas alternativas polas que os peregrinos buscaban achegarse ós distintos santuarios que existían ou se foron construíndo ó longo do Camiño ou, simplemente, optar por rutas máis seguras ou máis cómodas.

A Historia Compostelá, escrita pola contorna do bispo Diego Xelmírez a partir do ano 1109 recolle a primeira referencia documentada sobre o número de peregrinos que ían cara a Santiago. Relata o asombro do emir Alí ibn Yúsuf (1083-1143) cando, na súa viaxe a Galicia para falar coa raíña Urraca, observou a marea de peregrinos e preguntou:

O Camiño de Santiago Francés foi declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1993, ampliado ás rutas francesas en 1998. Tamén fora declarado o 23 de o utubro de 1987 "Primeiro Itinerario Cultural Europeo" polo Consello de Europa e está recoñecido como a Rúa Maior de Europa.

Camiño Inglés

O camiño inglés é a vía do camiño de Santiago usada polos peregrinos procedentes das Illas Británicas e doutros portos do norte de Europa, que chegaban ós portos da Coruña e Ferrol para emprende-lo camiño rumbo sur cara a Santiago de Compostela.

Camiño Portugués

Baixo a denominación de Camiño Portugués agrúpanse distintas vías do Camiño de Santiago que, con orixe en Portugal, van cara a Santiago de Compostela. Tradicionalmente, descríbense dúas rutas principais que ascenden desde o sur de Portugal, unha pola costa desde Lagos a Lisboa, Coímbra e Tui; e outra polo interior desde Faro a Évora, Chaves e Verín. Estas dúas rutas principais presentan numerosas variantes locais e comunicacións entre unha e outra formando unha rede de Camiños interconectados cara ao norte. En consecuencia, o acceso a Galicia faise por Valença do Minho a Tui ou por Braga a Ourense, sendo a primeira alternativa a máis utilizada, con diferenza, e a que, xa en Galicia, recibe oficialmente o nome de Camiño Portugués. Mesmo existe unha terceira variante que entra por Caminha á Guarda e ascende pola costa de Pontevedra, que recibe o nome de Camiño Monacal en referencia ó mosteiro de Oia, por onde pasa.

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués comezou a sinalizar e cartografar o Camiño Portugués en 1993, desde Tui. Membros desta asociación cifraban en 500 peregrinos anuais os que seguían esta ruta nos seus inicios, experimentando desde hai anos un crecemento progresivo ata alcanzar os 52.000 do ano 2016, o que o converteu na segunda ruta Xacobea en importancia, aínda que a gran distancia do Camiño Francés. Segundo a Oficina do Peregrino, nos últimos anos accederon a Santiago polo Camiño Portugués un número crecente de peregrinos: 35.494 en 2014 (un 14,92% do total de peregrinos por tódolos camiños), 43.158 en 2015 e 52.190 en 2016., fronte ós 176.329 que chegaron polo Camiño Francés en 2016 (o 63,38% do total). Canto á nacionalidade dos peregrinos, os portugueses representan ó redor do 5% e manteñen ano tras ano un cuarto posto, por detrás de españois (ó redor do 50%), alemáns (8%) e italianos (6,5%).

Para mellorar e aumentar o atractivo desta ruta, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e mais os doce concellos polos que transcorre o Camiño acordaron en 2014 crear unha mesa de seguimento para analizar os problemas detectados, afrontar labores de mantemento e deseñar medidas para potencialo. En setembro dese mesmo ano comezaron os traballos de limpeza e sinalización, cun orzamento dun millón de euros.

Camiño Primitivo

O Camiño Primitivo ou Ruta Xacobea Primitiva, un dos diferentes Camiños de Santiago, comunica a cidade de Oviedo con Santiago de Compostela, cun percorrido total de 343 km . A Xunta de Galicia dálle tamén o nome de Camiño de Santiago do Norte-Ruta Interior .

O cualificativo de Primitivo débese a que foi a ruta utilizada no século IX polo rei Afonso II de Oviedo (Afonso II o Casto) cando coñeceu a noticia do descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago. Trala visita ó sepulcro e a confirmación real de que se trataba dos restos do Apóstolo, mandou construír unha capela no lugar que, tras sucesivas reformas e reconstrucións, converteuse na actual Catedral de Santiago. En conmemoración deste feito, no ano 2010 colocouse na catedral de Oviedo unha placa con esta inscrición:

A maiores, outorgou doazóns e promoveu a creación dunha comunidade monástica que atendese a nova igrexa de Santiago e fomentou, a partir de entón, as peregrinacións ó Apóstolo.

Ata que ben entrado o século X non se asegura a conquista do norte da península, o Camiño Primitivo foi o itinerario seguido polos peregrinos do norte español e europeos. A partir dos séculos X e XI foi entrando en declive ó ser substituído polo Camiño Francés. Aínda así, mantivo sempre certa relevancia polo interese dos peregrinos en visitar as reliquias da catedral de Oviedo: moitos dos que viñan polo Camiño Francés se desviaban en León para visitar a catedral do Salvador e recuperaban logo a peregrinación a Santiago seguindo o Camiño Primitivo, como recolle o dito popular Quen vai a Santiago e non ó Salvador, serve ó criado e esquece ó Señor. Tamén se deu a alternativa de tomar esta desviación no camiño de regreso desde Santiago.

Con este Camiño Primitivo enlazan o Camiño do Norte, que viña de Irún a Santiago bordeando a costa cantábrica, e o Camiño de Santiago Real, que subía desde León ata Oviedo.

Nos últimos anos, os gobernos asturiano e galego esforzáronse en crear e manter camiños para os peregrinos así como na sinalización e na dotación de albergues. Aínda así, estes últimos son escasos (1-2 cada tramo de 15–25 km) excepto o comprendido entre Lugo e Melide.

O número de peregrinos que percorre esta ruta é reducido aínda que se observa un leve incremento ano tras ano. Segundo as estatísticas publicadas pola Oficina do Peregrino, ocupa o cuarto lugar en número de peregrinos, con 12.098 en 2016 .

Camiño de Pequena Polonia

O Camiño de Pequena Polonia (Ruta Xacobea de Pequena Polonia ou Camiño Małopolska) son as vías do Camiño de Santiago que dende Polonia van cara a Santiago de Compostela. O camiño vai dende Sandomierz e pasa por Klimontów, Kotuszów, Szydów, Szczaworyż, Wiślica, Pałecznica, Niegardów, Więcławice, Cracovia. De Cracovia pode ir a Sanka, Oświęcim e, finalmente, á fronteira coa República Checa.

Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.

Camiño do Norte

O Camiño do Norte ou ruta da costa é un dos diversos Camiños de Santiago polo que os peregrinos percorren a península para render culto ó Apóstolo. Este itinerario percorre todo o norte peninsular, bordeando a costa cantábrica, desde Irún ata Ribadeo, para logo entrar en terras galegas cara a Santiago, enlazando co Camiño Francés en Arzúa. Presenta, como é habitual nos Camiños de Santiago, numerosas rutas alternativas dentro do mesmo itinerario así como conexións co Camiño Francés desde distintas localidades.

Recollía, fundamentalmente, os peregrinos que viñan de Europa pola costa occidental francesa e mais os que viñan en barco desde Inglaterra ou distintos puntos da Europa setentrional e desembarcaban en Bordeos, Bermeo, Donostia, Santander ou Xixón, entre outros portos cantábricos. Estes peregrinos, unha vez en terra, seguían o itinerario do Camiño do Norte ou descendían perpendicularmente para enlazar co Camiño Francés: desde Irún a Burgos (Camiño Vasco do Interior), desde Torrelavega a Aguilar de Campoo e Carrión de los Condes ou desde Oviedo a Lugo e Palas de Rei (Camiño Primitivo). Á súa vez, a ruta cantábrica recollía peregrinos que viñan polo Camiño Francés e, desde León, ascendían a Oviedo polo Camiño Real, para visitar a catedral de San Salvador e seguir logo a peregrinación cara a Santiago polo Camiño do Norte.

Entre outros peregrinos célebres que fixeron este itinerario no seu camiño cara a Santiago podemos citar a Francisco de Asís, de quen a tradición conta que fixo a viaxe en 1214; o astrónomo veneciano Bartolomeo Fontana, que o fixo entre 1538 e 1539; ou Filipe I, xa no século XVI.

Segundo a Oficina do Peregrino, o Camiño do Norte ocupa o terceiro lugar en número de peregrinos, con 17.312 en 2016, observando un incremento nos últimos anos .

O Camiño do Norte percorre, bordeando a costa, as provincias de Guipúscoa, Biscaia, Cantabria e Asturias. Entra en Galicia por Ribadeo e pasa por Mondoñedo, Vilalba, Sobrado e conflúe co Camiño Francés en Arzúa.

Como acontece con outras rutas, as distintas guías e fontes que se poden consultar difiren -lixeiramente- en canto o itinerario a seguir, sendo maiores as diferenzas no número e distancia das etapas nas que dividen o Camiño. No presente artigo seguiremos a distribución proposta pola Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, que divide o Camiño en 32 etapas (ata Arzúa). Todos coinciden en que non sofre a masificación do Camiño Francés pero, como consecuencia, a infraestrutura está moito menos dotada en canto á sinalización, mantemento dos camiños e albergues de peregrinos (en número e capacidade).

Códice Calixtino

Este artigo trata sobre o códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, para o libro de poemas de Luz Pozo Garza véxase Códice Calixtino.

O códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus e en galego como Libro de Santiago ou máis comunmente como Códice Calixtino é un conxunto de textos reunidos en Santiago de Compostela nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do papa Calisto II. É o libro referecial do mundo xacobeo e o máis antigo centrado exclusivamente nesta temática.O exemplar máis antigo, datado entre 1150 e 1160, consérvase na catedral de Santiago de Compostela e é copia dun exemplar modelo. A copia que realizou o monxe Arnaldo de Monte en 1173 coñécese como manuscrito de Ripoll e consérvase actualmente en Barcelona.

Parte do manuscrito traduciuse ao galego no primeiro terzo do século XV, coñecido como Miragres de Santiago, recolle partes da Historia Karoli e da Guía do Peregrino. En 2010 publicouse a primeira tradución íntegra ó galego, da man de Xosé López Díaz, editada por Xosé Fernández Puga, director d'A Nosa Terra e ilustrada por Francisco Leiro, se ben xa se realizaran outras traducións parciais do libro anteriormente, como a editada pola editorial Xerais co gallo do Xacobeo do ano 1993 e que consistía nunha tradución ao galego do Libro V e se ocupaba da parte referida á peregrinación e da cal se lanzaron dúas edicións, mais foi descatalogada no 2008 pola editorial.O Códice Calixtino imprimiuse por vez primeira en 1882, nunha edición feita por Fidel Pita. Foi restaurado en 1966 e volvéuselle engadir o Libro IV que estaba fóra do manuscrito dende 1609.

O exemplar máis vello foi roubado da catedral de Santiago de Compostela en xullo de 2011. O martes, día 5 de xullo foi cando os responsables do libro se decataron da súa falta. Foi recuperado un ano despois en bo estado de conservación.

Pelegrín

Pelegrín foi unha mascota galega empregada para promocionar o camiño de Santiago e o Ano Xacobeo. Foi a mascota oficial do camiño entre o Ano Xacobeo de 1993 e o de 2004. É un boneco que leva un bordón con cabaza, dous dos elementos distintivos dos peregrinos.

Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla

A Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea conmemora a chegada por mar do corpo do apóstolo Santiago a Galicia, logo do seu martirio en Xerusalén; ordenou Herodes Agripa I a súa decapitación no ano 44.

A antiga lenda xacobea, recollida nos textos medievais, relata que tralo martirio algúns discípulos de Santiago recolleron o seu corpo decapitado e trasladárono a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia. A travesía fixérona na célebre "barca de pedra"; a tradición conta que foi no Pedrón, unha ara romana dedicada a Neptuno, onde se amarrou a barca do Apóstolo logo da longa viaxe.

Os dous discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e Atanasio, tiveron que andar espelidos para se enfrontar á obstinación da raíña Lupa e a furia dos lexionarios romanos acantoados na cidade de Dugium (preto de Fisterra). No carro de bois que portaba o corpo do Apóstolo, vencidos os perigos, seguiron o seu camiño ata soterraren os seus restos no monte Libredón (Santiago de Compostela).

A conmemoración anual da Translatio Xacobea a través da ría de Arousa, promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, celébrase a finais de xullo ou principios de agosto. Non se lle outorga ó peregrino a Compostela trala realización do percorrido, no canto obtense o Diploma Traslatio Xacobea.

Vía Lemovicensis

A vía Lemovicensis (ou vía do Limousine ou vía de Vézelay) é o nome latino dun dos catro camiños franceses da peregrinación a Santiago de Compostela. A vía pasa por Limoges, de aí o seu nome, mais o verdadeiro lugar de xuntanza e partida é a abadía de La Madeleine en Vézelay. Atravesa o país de etapa en etapa até a localidade de Ostabat, onde se funde coa vía turonensis. O camiño pasa na súa primeira sección por Bourges e Châteauroux. Existe, porén, unha variante máis ao sur por Nevers.

Vía da Prata

A Vía da Prata é unha ruta cultural e histórica de orixe incerta que unía Mérida, capital da Lusitania, con Astorga, capital da Gallaecia astur. Actualmente [cando?] promocionouse unha ruta turística que arrinca de Sevilla e chega ata Xixón.

Un gamallo desta ruta constitúe, cara á actual Galicia, unha das rutas do camiño de Santiago, recoñecida oficialmente pero pendente de delimitación. Desde Chaves entra en Galicia cara a Verín. En Monterrei divídese, cun camiño cara a Xinzo de Limia e outro cara a Laza, para se xuntaren despois de novo.

Do seu interese cultural fala a presenza no seu traxecto de cidades Patrimonio da Humanidade, como Salamanca ou Zamora.

Vía tolosana

A vía tolosana é o nome latino dun dos catro camiños franceses da peregrinación a Santiago de Compostela, a situada máis ao sur. Pasa pola cidade de Tolosa, da cal toma o seu nome, mais o punto de xuntanza e de partida estaba en Arles. Atravesa o país de etapa en etapa e franquea os Pireneos polo paso de Somport. Xa do lado español, o camiño continúa con o nome de Camiño aragonés até a etapa de Puente la Reina, onde se efectúa a unión con o Camiño navarro, que non é senón a prolongación doutros camiños procedentes de Francia. Desde aí, o camiño cara a urbe compostelá prosegue baixo a denominación de Camiño francés.

Na península Ibérica
En Francia
Noutros países

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.