Xosé Ramón Fernández-Oxea

Xosé Ramón Fernández-Oxea, nado en Ourense o 5 de abril de 1896 e finado en Madrid o 2 de maio de 1988, foi un escritor, mestre e investigador galego tamén coñecido como Ben-Cho-Shey ou Xan Fouciño, un intelectual de obra poliédrica que abarca dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación literaria. Colaborou con publicacións como O Tio Marcos d'a Portela, La Zarpa, Nós, A Nosa Terra, Lar, Opinión Gallega, Eufonía, La Temporada en Mondariz, Faro de Vigo, La Noche, Vieiros, Boletín de la Real Academia Gallega, Cuadernos de Estudios Gallegos, El Museo de Pontevedra e Chan. Foi membro das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. En 1986 foi galardoado coa Medalla Castelao.

Xosé Ramón Fernández-Oxea
Medalla Castelao Icona vectorial.svg

Ben-Cho-Shey
Ben-Cho-Shey, en la casa familiar de Ourense, en 1936
Na casa familiar de Ourense, en 1936.[1]
Nacemento5 de abril de 1896
 Ourense
Falecemento2 de maio de 1988
 Madrid
SoterradoCemiterio de San Francisco de Ourense
NacionalidadeEspaña
Relixióncatolicismo
Ocupaciónmestre
PaiPío Ramón Oxea
CónxuxeIsabel Algarra Díaz
FillosMaría Isabel Ramón Algarra
Xénerosensaio, poesía, narrativa
OrganizaciónIrmandades da Fala
Seminario de Estudos Galegos
Partido Galeguista
PremiosMedalla Castelao

Traxectoria

Influenciado polo ambiente familiar —era fillo de Pío Ramón Oxea (Allariz 1869-Ourense 1943), militante nacionalista e mestre da escola normal, e neto de Elixio Oxea quen presidira a Asociación Regionalista Gallega[2]— Ben-Cho-Shey participou activamente moi novo nos movementos galeguistas como as Irmandades da Fala, sociedade na que aparece entre os membros fundadores en Ourense. Nesta época son habituais as colaboracións no xornal voceiro da organización A Nosa Terra, asinadas co pseudónimo Xan Fouciño e móvese dentro do círculo do Grupo Nós.

Anuncio de La Zarpa
Anuncio de La Zarpa.

En 1920 foi destinado a Marrocos onde adoptou o pseudónimo de Ben-Cho-Shey para asinar as crónicas de Guerra do Rif que enviaba ao diario ourensán La Zarpa. Estes textos, posteriores ao Desastre de Annual de 1921, foron logo recompilados e publicados co título de Crónicas de Marruecos: tras la Rota de Annual.

En 1925 é mestre nacional por oposición, pois xa en 1915 tiña acadado a reválida de mestre de ensino primario con premio extraordinario. Exerceu o seu labor no concello coruñés de Cariño e na parroquia ourensá de Santa Marta de Moreiras (O Pereiro de Aguiar). Para este último lugar elaborou un modélico estudo, porén a súa publicación se demoraría ata 1968.

A finais da década de 1920 viaxou por Francia e Bélxica cunha bolsa polas deputacións galegas para perfeccionar a súa formación pedagóxica. Alí comprobou de primeira man o emprego de novas metodoloxías e apreciou a realidade socio-lingüística daqueles países, o que o levará a reflexionar sobre a necesidade da presenza da lingua galega no ensino primario.

En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Dous anos despois fórmase con Manuel Gómez Moreno en Arte e Arqueoloxía. Casou en 1931 con Isabel Algarra, de Linares, Provincia de Xaén. No ano 1931 é un dos membros fundadores do Partido Nazonalista Republicán de Ourense. En 1935 ingresou por oposición na Inspección do Ensino Primario. É destinado a Lugo onde vai presidir o Partido Galeguista.

Cargos contra José Ramón Fernández. Primero, es galleguista.pdf
Cargos contra José Ramón Fernández. Primero: es galleguista…

Pola súa traxectoria galeguista ao comezo da guerra civil as novas autoridades suspendérono nas súas funcións en 1937, e foi desterrado a Cáceres. En 1951 pediu traslado a Toledo e viviu en Madrid. Desde alí impulsou numerosas iniciativas culturais a prol de Galicia. Participou activamente no Centro Galego daquela cidade, mesmo impartindo conferencias en lingua galega, actitude insólita naquel tempo. Así, en novembro de 1952, disertou sobre a vida e obra do polígrafo ourensán Arturo Vázquez Núñez no centenario do seu nacemento. A súa presenza en Madrid foi un soporte fundamental para o galeguismo da emigración e grupos literarios como o Brais Pinto ou, máis tarde, no Club de Amigos da Unesco.[3]

A Real Academia Galega nomeouno membro correspondente en 1943.[4] Foi correspondente, tamén, da Real Academia de la Historia, do Instituto de Coimbra e da Sociedade de Geografia de Lisboa. Xubilouse en 1966. En 1981 foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.[5]

Humorista e literato, é moi coñecido pola maior recolleita feita nunca sobre o barallete, a fala dos afiadores, e máis polo seu epitafio, localizado no cemiterio de San Francisco, en Ourense:

O señor D. Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey). Gran cruz de Montealegre, colector de Barallete, Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. NOTA.- Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan.

Obra

En galego

Ensaio
Poesía
  • Berzas, 1953, edición do autor.
  • A ducia do frade, 1966, edición do autor.
Narrativa
  • Andrómenas, 1954, Editorial Monterrey.
  • Contos do fiadeiro, 1973, Castrelos.
Edicións
  • Cancioneiro e refraneiro de Corme, 1951, Madrid.
  • As cartas de Galicia de Prosper Henri-Devos, 1968, Galaxia.

En castelán

Ensaio

Recoñecementos

A súa figura foi recoñecida co Premio José Cornide do Centro Gallego de Buenos Aires (1960), unha homenaxe no Ateneo de Ourense (1977). o premio vitalicio da Fundación Pedro Barrié de la Maza (1978)[10] e a Medalla Castelao (1986).[5]

Galería de imaxes

Ben-Cho-Shey, de uniforme, en Tetuán, en 1922.
Ben-Cho-Shey, de uniforme, en Tetuán, en 1922. 
Nos seus anos de mocidade.
Nos seus anos de mocidade. 
Suspensión de emprego e soldo, inhabilitación e traslado. 1937.
Suspensión de emprego e soldo, inhabilitación e traslado. 1937. 
Folla de servizos. Escalafón de Inspectores de Enseñanza Primaria.
Folla de servizos. Escalafón de Inspectores de Enseñanza Primaria

Notas

  1. Darriba 2012.
  2. Ermida Meilán, X. R. (5/4/2011). "O bo de Ben-Cho-Shey". Terra e Tempo.
  3. Valcárcel, M. (6/7/2008). "Ben-Cho-Shey contra a diglosia". El Correo Gallego.
  4. Membros da Academia. Correspondentes Real Academia Galega.
  5. 5,0 5,1 Membro de honra. 1981 Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
  6. Iglesias, Xabier. Os libros de Ánxel Casal 6/5/2015.
  7. Ramón e Fernández-Oxea, Xosé (1952). Arturo Vázquez Núñez e o seu tempo. Conferencia lida no Centro Gallego, de Madrid, co gallo do Centenario do seu nacemento o día 15 dos Santos de 1952. Vigo: Monterrey.
  8. Prólogo de López Cuevillas e deseños de Risco, Xaquín Lorenzo e o autor.
  9. Galicia no corazón fragmentos.
  10. "El Premio Vitalicio «Barrié de la Maza», a José Ramón y Fernández Oxea". ABC (en castelán). 5/1/1978. p. 34.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

2 de maio

O 2 de maio é o 122º día do ano do calendario gregoriano e o 123º nos anos bisestos. Quedan (243) días para finalizar o ano.

5 de abril

O 5 de abril é o 95º día do ano do calendario gregoriano e o 96º nos anos bisestos. Quedan 270 días para finalizar o ano.

Cemiterio de San Francisco de Ourense

O Cemiterio de San Francisco é un dos tres camposantos da cidade de Ourense, xunto co de Santiago das Caldas (do antigo concello de Canedo) e o de Santa Mariña. No ano 2000 foi declarado Ben de Interese Cultural con categoría de monumento.

Chan (revista)

Chan foi unha revista publicada en Madrid entre 1969 e 1971 pola comunidade galega na emigración, co subtítulo de La revista de los gallegos.

Club de Amigos de la UNESCO de Madrid

O Club de Amigos de la Unesco de Madrid (CAUM) é unha asociación non gobernamental española.

Eufonía (revista)

Eufonía foi unha revista que se publicou en Buenos Aires entre 1958 e 1959.

Francisco Domínguez Mosquera

Francisco Domínguez Mosquera, nado en San Paio (Lousada, Carballedo) o 2 de abril de 1889 e finado na Habana o 3 de outubro de 1937, foi un emigrante, galeguista e filántropo do primeiro terzo do século XX.

Galicia. Diario de la mañana

Galicia foi un xornal que se editou en Ourense entre 1930 e 1937.

Heraldo Orensano

Heraldo Orensano foi un periódico editado en Ourense entre 1929 e 1930.

Heraldo de Galicia (1930)

Heraldo de Galicia foi un semanario editado en Ourense entre 1930 e 1936.

I Asemblea Nacionalista

A I Asemblea Nacionalista (daquela Asambleia nazonalista de Lugo), celebrada en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 polas Irmandades da Fala, foi a histórica asemblea onde o galeguismo político deixa atrás o rexionalismo e avanza cara o nacionalismo.

Lar (Buenos Aires)

LAR foi unha revista primeiramente bimensual (despois trimestral e finalmente anual) da Asociación Galega de Beneficencia e Mutualidad, adscrita ao «Hospital Gallego» de Buenos Aires (1934-1963).

Manuel Fuentes Canal

Manuel Fuentes Canal, nado en Ourense e finado en Celanova o 16 de agosto de 1936, foi un político galego.

Palmou, Lalín

San Xoán de Palmou é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín. Segundo o IGE en 2011 tiña 167 habitantes (84 mulleres e 83 homes), distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999, cando tiña 225 habitantes.

Pío Ramón Ojea

Pío Ramón Ojea, nado en Allariz o 29 de agosto de 1869 e finado en Ourense en 1943, foi un mestre, pedagogo e político galego.

Sansón

Sansón foi un persoeiro do Antigo Testamento, de forza extraordinaria, que simboliza a loita dos israelitas contra os filisteos. A lenda de Sansón está recollida no Libro dos Xuíces (13-16). Represéntase con longa cabeleira ou cunha columna crebada.

O seu nome procede do hebreo shamash, sol, co significado de fillo do sol.

Santa Marta de Moreiras, O Pereiro de Aguiar

Santa Marta de Moreiras é unha parroquia do concello do Pereiro de Aguiar na comarca de Ourense, na provincia de Ourense. No ano 2007 tiña 984 habitantes, deles 490 eran homes e 494 eran mulleres, o que supón un incremento de 170 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Galardoados coa Medalla Castelao
1984
1985
1986
1987
1988
1989
1990
1991
1992
1993
1994
1995
1996
1997
1998
1999
2000
2001
2002
2003
2004
2005
2006
2007
2008
2009
2010
2011
2012
2013
2014
2015
2016
2017
2018
2019

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.