Xosé María Álvarez Blázquez

Xosé María Álvarez Blázquez, nado en Tui o 5 de febreiro de 1915 e finado en Vigo o 2 de marzo de 1985, foi un escritor galego de poesía, narrativa e ensaio, arqueólogo, investigador e editor galeguista. Foi cronista oficial da cidade de Vigo desde 1976. É unha das figuras máis laboriosas da cultura galega, cunha grande actividade que vai dende a literatura (novela, poesía, teatro) ata a investigación como arqueólogo e a súa tarefa como editor e galeguista. Pertence a unha saga de escritores que ten os seus antecedentes no seu avó Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e compartiu co seu irmán Emilio. É un dos representantes da poesía neotrobadoresca, vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galego-portuguesa. En 2008 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Xosé María Álvarez Blázquez
Xosé María Álvarez Blázquez 1935 Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela
Xosé María en 1935.[1]
Nome completoXosé María Álvarez Blázquez
Nacemento5 de febreiro de 1915
 Tui
Falecemento2 de marzo de 1985 (70 anos)
 Vigo
NacionalidadeEspaña
Alma máterU. de Santiago de Compostela
Ocupaciónescritor e arqueólogo
PaiDarío Álvarez Limeses
NaiMaría Blázquez Ballester
CónxuxeM. ª Luisa Cáccamo Frieben [2]
Fillos6: Xosé Mª, Alfonso, Celso, Berta
IrmánsEmilio Álvarez Blázquez e Darío Álvarez Blázquez
Período1930-1985
XénerosPoesía, novela, teatro, crónica, ensaio
Xosé María Álvarez Blázquez, firma

Traxectoria

Tui 1929. Familia Álvarez Blázquez. De esquerda a dereita Celso, o pai Darío, Darío, a nai María, Álvaro, Alfonso, Emilio e Xosé María de pé
Familia Álvarez Blázquez. De esq. a der.: Celso, o pai Darío Álvarez Limeses, Darío, a nai María, Álvaro, Alfonso, Emilio e Xosé María de pé.[3]

Fillo de Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester, terceiro de seis irmáns, todos homes (entre eles Darío e Emilio Álvarez Blázquez), naceu en Tui, onde estudou o bacharelato, se ben nos veráns ía coa familia a unha casa de campo en Baión (Vilanova de Arousa). En setembro de 1931 foi vivir a Pontevedra para estudar Maxisterio, hospedándose na casa do seu tío, e padriño, Xerardo Álvarez Limeses e permanecendo na cidade até xullo de 1934. Alí funda en 1932, canda Xoán Vidal Martínez, a revista Cristal. En agosto dese ano coñeceu a Federico García Lorca.

En Pontevedra amizou con Alexandre Bóveda, que casara cunha curmá súa. En 1933 comezou a militar na Federación de Mocedades Galeguistas, pasando en 1936 ao Partido Galeguista. O 26 de abril de 1934 leu o manifesto "Berro en lembranza dos heroes de Carral", publicado en texto polas Mocedades. O 26 de maio de 1934 publicou o seu primeiro artigo no voceiro A Nosa Terra, co título "Outro aldraxe".

Tras rematar Maxisterio comeza a estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. En 1935 é destinado provisionalmente como mestre á Guarda, e en 1936 foi trasladado á escola das Olivas en Tui. Logo duns meses, acadou o posto definitivo por oposición na escola de Coia (Vigo), se ben non chegou a tomar posesión por mor do Alzamento nacional.

Xosé María Álvarez Blázquez cuns amigos en Santiago de Compostela, 17 de xuño de 1939
Xosé María Álvarez Blázquez cuns amigos en Compostela. Xuño de 1939.[3]

Depurado por "tener actividades político-sociales de carácter separatista, ya que fue un elemento destacado en la propaganda del Estatuto gallego y en la preparación del plebiscito celebrado",[4] foi desterrado a Coreses (provincia de Zamora),[5] pero tampouco chegou a tomar posesión nesa praza por ter que facer o servizo militar. Exento por mor da miopía, foi destinado ao Hospital Militar de Santiago de Compostela, en San Caetano, primeiro nas oficinas e despois como enfermeiro. Con todo, aos poucos días de ingresar librou no último momento de ir á fronte de Asturias nun camión que tivo un accidente no que morreron os 20 ocupantes. Rematada a guerra civil tomou posesión da súa praza en Coreses, mais en xaneiro de 1941 pediu unha excedencia para regresar coa súa familia, logo de que o seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses fora encarcerado e fusilado o 30 de outubro de 1936.

Cheminea Álvarez Blazquez Nigrán (3)
Cheminea de 30 metros de altura da fábrica de ladrillos de Nigrán.[6]

Venderon a casa familiar en Tui e marcharon a Vigo de alugueiro, na rúa García Barbón. Montou cos seus irmáns unha fábrica de ladrillos e tellas en Nigrán, pero aos poucos meses tiveron que pechala logo dun accidente na fundición de caolín que rematou coa explosión dun forno. Logrou traballo como secretario da confraría de pescadores San Francisco, no barrio do Berbés. En 1945 comezou a saír con María Luísa Cáccamo Frieben, coa que casa o 10 de decembro de 1946 e marchan a vivir ao barrio das Travesas, onde permaneceron até a súa morte. Tiveron seis fillos: María Luísa (nada o 2 de maio de 1948 e finada o 12 de marzo de 1970), Xosé María (1950), Alfonso (1952), María Helena (1954), Celso (1958) e Berta (1963). Tiñan tamén unha casa en Coruxo, xunto á praia da Carrasqueira.

Nesa época frecuenta no café Derry a compañía dos seus irmáns, do pintor Carlos Maside, Valentín Paz-Andrade, Laxeiro, Pedro Díaz, Mario González, Avelino Abilheira ou Luís Viñas Cortegoso. Con este último fundou en 1948 a librería Monterrey, que deu pé en 1950 á Editorial Monterrey.

O 17 de abril de 1949 fora nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, na que ingresou en 1964 como membro numerario,[7] trala morte en 1961 de Aquilino Iglesia Alvariño, a proposta de Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carballo Calero e Fermín Bouza-Brey, lendo o seu discurso de ingreso o 28 de novembro: "Cantares e romances vellos prosificados", respondido por Bouza-Brey.[8]

Fora nomeado comisario de escavacións arqueolóxicas do concello de Vigo. En 1952 iniciáronse as escavacións do Castro de Vigo, no monte do Castro e en 1953 apareceron unhas estelas funerarias romanas na rúa de Pontevedra, que foron trasladadas ao Museo Municipal Quiñones de León, do que foi membro do padroado. Nese mesmo ano participou no III Congreso Arqueológico Nacional, que se celebrou na cidade olívica. En 1956 participou en Porto no I Congreso Internacional de Etnografía e Folclore. Dous anos despois asistiu na mesma cidade ao Coloquio de Estudos Etnográficos Dr. Leite de Vasconcelos. En 1959 participou en Braga no Congresso Histórico de Portugal. Medioevo. Na súa labor como arqueólogo, participou no descubrimento das industrias paleolíticas do Baixo Miño e das Gándaras de Budiño, dunha fábrica romana para a elaboración de aceite de oliva en Teis e dunha cisterna con enxoval funerario da época do bronce en Atios (O Porriño). En 1980 foi nomeado polo ICONA vogal para a conservación dos restos arqueolóxicos das illas Cíes. En 1982 foi nomeado membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Xosé M.ª Álvarez Blázquez, Edicións Castrelos, director-xerente, Vigo
Son ventos da queima. Non
os hai millores
Nota manuscrita de Xosé M.ª Álvarez Blázquez nunha tarxeta de visita [9]

En 1964 fundou, xunto aos seus irmáns Álvaro e Emilo Edicións Castrelos, da que foi director xerente, e na que destaca a súa colección O Moucho, de libros do pobo pra o pobo, uns libriños de baixo prezo e gran difusión que marcaron época nos anos 60 e 70 do pasado século e que contaron cunha grande aceptación por parte dos lectores, como destaca as numerosas reedicións do Catecismo do labrego (de Valentín Lamas Carvajal). O fondo editorial da empresa foi vendido en 1979 a Galaxia.

A comezos de 1966 empeza a traballar en Pescanova como delegado de vendas para Asturias, instalándose en Oviedo. Consegue traballo tamén na empresa de publicidade Gil Luis, polo que en setembro dese ano a familia toda múdase á capital asturiana. Porén, regresan a Vigo en 1967 por mor dunha doenza da súa filla maior, que morreu tres anos despois. En 1968 volve á ensinanza como mestre de formación humanística no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo. Acadou a praza por oposición en 1970, xubilándose en 1983.

No verán de 1969 viaxou a Arxentina, convidado polo Centro Gallego de Buenos Aires, participando en varios actos na capital, en Mendoza e en Mar del Plata. Aproveita para visitar Venezuela, onde estivo con Celso Emilio Ferreiro e co seu sobriño Darío Álvarez Gándara. Despois viaxou a Miami, Florida, onde estivo co seu curmán Xerardo Álvarez Gallego.

En 1981 foille concedido o Pedrón de Ouro. Nas eleccións municipais de 1983 presentouse no último posto das listas do Partido Galeguista en Vigo, do que era secretario o seu sobriño Alfonso Álvarez Gándara.

Na investigación literaria descubriu a égloga Belmiro e Benigno de Nicomedes Pastor Díaz,[10] e realizou contribucións á época chamada da Decadencia (Escolma de Poesía Galega t. II), con investigacións que alcanzan diversos campos desa época, como o teatro, as panxoliñas, a poesía lírica, a prosa político-social, a poesía panfletaria ou o romanceiro etc.

Xosé María Álvarez Blázquez colaborou en diversos medios (Faro de Vigo, La Noche, Radio Vigo (cos programas Cada día tiene un suceso, 1960, Reloj de Sol, 1962, Reloj de arena, 1963-64, e Mar de Historias, de 1965 a 1968), La Voz de Vigo[11] (cos programas Ventana al mar, 1958, e Buenas tardes, Galicia, 1959), BBC de Londres (charlas sobre temas galegos, entre 1953 e 1954), prensa de Portugal e América...) e pronunciou moitas conferencias en España e no mundo.

O 2 de marzo de 1985 faleceu no Hospital Xeral de Vigo, vítima dun infarto de miocardio.

Obra

Xosé María Álvarez Blázquez en Baión en 1934
Xosé María en Baión, en 1934.[3]

En 1932 publicou o seu primeiro libro, o poemario Abril, con poema-limiar do seu tío. En 1936 ía publicar o libro de contos Os ruíns coa Editorial Nós, mais o orixinal desapareceu tralo apresamento e fusilamento de Ánxel Casal e non chegou a ver a luz. En 1945 presentou ao Premio Nadal a novela policial En el pueblo hay caras nuevas, que quedou finalista tras Nada, de Carmen Laforet. A obra foi traducida ao francés (Nogent-sur-Marne, 1969).

En 1947 estreou dúas obras de teatro escritas en castelán xunto co seu irmán Emilio: El zapato de cristal. Cuento escenificado foi estreada o 2 de xaneiro no Teatro García Barbón, e representouse despois na Guarda e en Caudete. O 11 de xuño estreouse no Teatro Jovellanos de Xixón a peza Los pazos altivos. Comedia en tres actos, en verso, coa compañía de Társila Criado. Volveu a representarse en Palencia, Valladolid, Salamanca, Alacant e Palma de Mallorca. En 1949 publica a obra Poemas de ti e de min, nunha edición conxunta co seu irmán Emilio na Colección Benito Soto. En 1950 editou o poemario Roseira do teu mencer (1950), adicado á súa primeira filla, e gaña os Xogos Florais de Vigo co estudo Hechos y figuras de Vigo.

O 28 de decembro de 1953 saíu do prelo o Cancionero de Monfero, presentado como un achado apógrafo da lírica trobadoresca. En 1954 publicou o Romance do Pescador Peleriño e gañou o premio Pondal do Centro Gallego de Buenos Aires co poemario Canle segredo, adicado á súa dona e non publicado até 1976, con gravados de Antón Rivas Briones.

En 1955 aparece a súa terceira novela, Las estatuas no hablan, adicada ao seu irmán Celso. A trama desenvólvese na vila de Valmiñán, trasunto literario de Tui. A súa cuarta novela, Crecen las aguas, obtén nese mesmo ano o Premio Galdós; porén, non chegou a cobrar o premio económico nin recibiu a publicación da obra, que editou ao ano seguinte en Palencia. En 1958 coa obra Martín Códax, cantor del mar de Vigo gañou o Premio Álvarez García de Biografía, outorgado pola Asociación da Prensa de Vigo. En 1960 acadou o Premio López Cuevillas co conxunto de contos Mauro el barquero (inédito), o Premio Blas Agra polo traballo Historia del periodismo vigués e o Premio Ramón Mourente por Datos para la biografía del poeta Añón. Nos Xogos Florais Galego-Portugueses de Guimarães gaña tres premios, cos poemas "Xohaniña", "Lembranza e Loubor da Terra" e "Poema sen voz". Posteriormente foron incluídos no poemario Canle segredo.

En 1964 recibiu o premio Club de Ribadavia. En 1967 o Premio Noriega Varela, e en 1968 o Premio das Letras da Deputación da Coruña.

Algúns dos seus poemas foron musicados polos mestres Luís de Freitas Branco, Rodolfo Halffter, Rogelio Groba Groba e Ignacio Iglesias. Mostras da súa obra poética figuran en antoloxías de Enrique de Arcoaga, Benito Varela Jácome, Francisco Fernández del Riego, Ramón González-Alegre etc.

Poesía

Biblioteca Galega 120
Canle segredo de Xosé María Álvarez Blázquez esta incluído na Biblioteca Galega 120.

Narrativa

  • Os ruíns, 1936 (relatos).

Literatura infanto-xuvenil

  • A pega rabilonga e outras historias de tesouros, 1971, Edicións Castrelos.

Ensaio

  • Poesías galegas de Nicomedes Pastor Díaz (1951).
  • O vencello espiritual dos Fisterres Atlánticos (1951).
  • Industrias paleolíticas do Baixo Miño (1952).
  • Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (1959), Galaxia.
  • O libro na tradición popular galega (1963).
  • Gil Vicente e Galicia: o conto das dúas lousas (1964).
  • Os nomes da terra recollidos do pobo (Editorial Castrelos, 1976. Co pseudónimo de Celso de Baión)
  • Alexandro Bóveda. Apunte biográfico (1982; non distribuído ata 1992, por Ir Indo).[13]
  • A muller na literatura medieval e outras achegas etnográficas (MPG, 2008. Colectánea de varios traballos presentados en congresos en Portugal.

Edicións

  • Escolma de poesía galega I: Escola medieval galego-portuguesa, 1953, Galaxia.
  • Escolma de poesía medieval (1198-1354), 1975, Edicións Castrelos.
  • Luís Amado Carballo. Vida e obra, 1982, Real Academia Galega.

Obras colectivas

Obra en castelán

Narrativa

Colexiata de Santa María de Vigo, reloxo de sol
Unha imaxe do reloxo de sol da Colexiata de Santa María de Vigo ilustra a portada de La ciudad y los días (1960, Monterrey) e a súa versión en galego (2008, Xerais).[14]
  • El crimen de la isla verde, 1941.
  • En el pueblo hay caras nuevas, 1945 (novela en castelán, finalista do Premio Nadal).
  • Una cabaña en el cielo, 1952.
  • Las estatuas no hablan, 1955.
  • Crecen las aguas, 1956.

Poesía

  • Sonetos del alba insomne, 1995, Instituto de Estudios Vigueses.

Ensaio

  • El libro del por qué?, 1945.
  • Arquitectura rural gallega. Un plano de Fray Manuel Caeiro, 1948.
  • Industria paleolítica de la comarca de Tuy, 1949.
  • Vigo, 1950.
  • Romerías gallegas, 1951.
  • Hallazgo de estelas funerarias en Vigo, 1955.
  • Galería de gallegos ilustres, 1956.
  • La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo, 1960, Editorial Monterrey (reeditado en galego en 2008 por Xerais).[14]

Teatro

  • Los pazos altivos, 1947.
  • El zapato de cristal, 1947.

Obras colectivas

Premios

Placa vivenda Xosé María Álvarez Blázquez. Vigo
Placa de homenaxe na vivenda onde residiu na Gran Vía viguesa.
  • Finalista do premio Nadal en 1945, coa novela En el pueblo hay caras nuevas.
  • Premio Historia dos Xogos Florais de Vigo (1950).
  • Primeiro premio de poesía no Concurso dentro de Fillos de Vigo (1954).
  • Premio Pondal de poesía do CEBA (1954).
  • Premio Peréz Galdós de novela (1955).
  • Premio Biografía da Asociación da Prensa de Vigo (1958).
  • Premio Ramón Mourente (1960).
  • Premio Valle Inclán nos Xogos Florais Minho-Galaicos (1960).
  • Premio de novela López Cuevillas no I Certame Literario do Miño celebrado en Lugo (1960).
  • Premio especial Blas Agra sobre a historia do periodismo vigués (1960).
  • Premio Álvares García de biografía (1961).
  • Premio Josefina de Lema (1961).
  • Premio Enrique Lorenzo Docampo (1962).
  • Premio Club de Ribadavia (1964).
  • Premio Noriega Varela (1967).
  • Premio das Letras da Deputación Provincial da Coruña (1968).
  • Premio Cidade de Vigo (1971).
  • Pedrón de Ouro (1977).

Galería de imaxes

Xosé María aos 14 anos.
Xosé María aos 14 anos.[3] 
Xosé María en 1932.
Xosé María en 1932.[3] 
Pliego de cargos contra José Álvarez Blázquez, 30/10/1936.
Pliego de cargos contra José Álvarez Blázquez, 30/10/1936. 
Comunicación de suspensión, inhabilitación e traslado a Zamora.
Comunicación de suspensión, inhabilitación e traslado a Zamora. 

Notas

  1. González Pérez, C. (5/2008). "Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985)". Raigame (28): 99–117.
  2. "Fallece María Luisa Cáccamo..." Faro de Vigo, 24/7/2015.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Bernárdez (2008). Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez.
  4. Pliego de cargos. Pontevedra. 30/10/1936
  5. Comunicación de suspensión, inhabilitación e traslado a Zamora
  6. Martínez, Alejandro (29/4/2008). "Unha rúa recordará o labor de Álvarez Blázquez en Nigrán". La Voz de Galicia.
  7. Membros numerarios. Real Academia Galega
  8. "Cantares e romances vellos prosificados"
  9. EDICIÓNS CASTRELOS. DIRECTOR-XERENTE. G. ARANDA 14 (a rúa G. Aranda foi o nome que levou a rúa viguesa Pi y Margall durante o franquismo).
  10. Égloga de Belmiro e Benigno
  11. La Voz de Vigo (EFE-31)
  12. Canle segredo na páxina da Editorial Galaxia.
  13. Imaxes da portada e contraportada. ISBN 84-7680-075-4.
  14. 14,0 14,1 Imaxe da portada de A cidade e os días

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

1915

1915 foi Ano Santo Xacobeo.

5 de febreiro

O 5 de febreiro é o 36º día do ano do calendario gregoriano . Quedan 329 días para finalizar o ano, 330 nos anos bisestos.

Alfonso Álvarez Cáccamo

Alfonso Álvarez Cáccamo, nado en Vigo o 23 de outubro de 1952, é un escritor e profesor galego.

Bailada

A bailada ou bailía é un subxénero da cantiga de amigo consistente nunha composición destinada ó baile. Segue unha estrutura paralelística, apropiada para a súa dramatización por un grupo de rapazas.

A protagonista ou cantadeira entoa as principais cobras (ou estrofas), mentres que as restantes raparigas, formando unha especie de coro, entoan o refrán (ou estribillo).

Unha das bailadas máis famosas foi composta por Airas Nunes: Bailemos nós já todas três, ai amigas.

Hai outro exemplo dunha bailada, mais neste caso neotradoresca: María Balteira, da saya çintada, de Xosé María Álvarez Blázquez

Berta Cáccamo

Berta Álvarez Cáccamo, coñecida artisticamente como Berta Cáccamo, nada en Vigo o 1 de setembro de 1963 e finada en Coruxo (Vigo) o 11 de maio de 2018, foi unha pintora abstracta galega.

Canle segredo

Canle segredo [sic] é un libro de poesía en lingua galega escrito por Xosé María Álvarez Blázquez. Adicado á súa dona, María Luísa Cáccamo Frieben, gañou o Premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires en 1953, se ben non saíu publicado até 1976.

Celso Álvarez Cáccamo

Celso Álvarez Cáccamo, nado en Vigo o 15 de decembro de 1958, é un escritor e sociolingüista galego.

Darío Xohán Cabana

Darío Xohán Cabana Yanes, nado en Roás (Cospeito) o 19 de abril de 1952, é un escritor galego.

Darío Álvarez Blázquez

Darío Álvarez Blázquez, nado en Tui o 30 de setembro de 1910 e finado en Vigo o 7 de xuño de 1979, foi un médico e escritor galego.

Darío Álvarez Gándara

Darío Álvarez Gándara, nado en Tui o 22 de xaneiro de 1936 e finado en Nigrán o 17 de agosto de 2015, foi un médico e escritor galego.

Darío Álvarez Limeses

Darío Álvarez Limeses, nado en Pontevedra o 10 de novembro de 1877 e finado o 30 de outubro de 1936, foi un médico e xornalista galego.

Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Ata 2019, ano dedicado a Antón Fraguas, 59 autores (4 mulleres e 55 homes) foron homenaxeados nas 57 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).

Editorial Monterrey

Editorial Monterrey foi unha editorial galega fundada en Vigo en 1950 por Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez.

Emilio García Olloqui

Emilio García Olloqui y Vázquez Varela, nado en Vigo o 10 de outubro de 1821 e finado en Alexandría o 3 de agosto de 1893, foi un avogado, diplomático e escritor de poesía e teatro galego.

Emilio Álvarez Blázquez

Emilio Álvarez Blázquez, nado en Tui o 16 de abril de 1919 e finado en Vigo o 22 de decembro de 1988, foi un escritor e editor galego.

Fermín Bouza-Brey

Fermín Bouza-Brey Trillo, nado en Ponteareas o 31 de marzo de 1901 e finado en Santiago de Compostela o 11 de xuño de 1973, foi un escritor galego. En 1992 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Xosé María Álvarez Cáccamo

Xosé María Álvarez Cáccamo, tamén coñecido como Pepe Cáccamo, nado en Vigo o 6 de xullo de 1950, é un escritor galego, crítico literario e profesor de literatura.

Álvarez Blázquez

Os apelidos Álvarez Blázquez fan referencia, ademais doutras persoas, aos fillos de Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester:

Darío Álvarez Blázquez (1910-1979);

Celso Álvarez Blázquez (n. 1913);

Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985);

Alfonso Álvarez Blázquez (n. 1917);

Emilio Álvarez Blázquez (1919-1988);

Álvaro Álvarez Blázquez (1921-2005).

Membros de número da Real Academia Galega
Plenario
actual
Históricos
Árbore xenealóxica

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.