Xosé Manuel Beiras

Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras ou simplemente Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936[1], é un político e catedrático en economía galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas.

Ten sido membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova), asemade ten impulsado coalicións electorais con representación parlamentar como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea. Nese tempo, foi tamén portavoz no Parlamento de Galicia do BNG (1985-2005) e AGE (2012-2016).

No eido profesional ten estado á fronte da cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago (USC). Tamén é un prolífico escritor, ex-numerario da Real Academia Galega (RAG).

Vida persoal

Xosé Manuel Beiras é fillo de Manuel Beiras, sobriño de Antón Beiras e ex-xenro de Domingo García-Sabell[2]. No ámbito da docencia foi profesor de importantes figuras do Partido dos Socialistas de Galicia - PSOE (PSdeG-PSOE) como Emilio Pérez Touriño ou Abel Caballero.

Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado
Xosé Manuel Beiras

Beiras en 2015.

4 de decembro de 2012 – 2 de agosto de 2016

17 de febreiro de 1985 – 26 de abril de 2005

Logo de ANOVA-Irmandade Nacionalista.svg
Portavoz nacional de Anova
2012 – 2017
Precedido por cargo de nova creación
Sucedido por Antón Sánchez

Portavoz nacional do BNG
1985 – 23 de novembro de 2003
Precedido por cargo de nova creación
Sucedido por Anxo Quintana

Secretario Xeral do PSG
1971 – 1977

Datos persoais
Nacemento 7 de abril de 1936 (83 anos)
Santiago de Compostela, (A Coruña) Galicia Galicia
Partido Hoxe:
Anova (2012presente)
En Marea (2016-presente)
Anteriormente:
BNG (19822012)
PSG (1963-1977)
Alcume O Beiras
Profesión Profesor, político, economista e escritor
Alma máter Universidade de Santiago de Compostela
Sitio web O Beiras
Twitter @xmBEIRAS
Facebook obeiras

Traxectoria profesional

Beiras licenciouse en Dereito pola USC en 1957, ano no que se trasladou a París para se matricular na Facultade de Dereito e Ciencias Económicas na Universidade da Sorbona, na que tamén estudou Lingua e Literatura francesa[1].

En 1960 impartiu o seu primeiro curso de Economía Política na Universidade Complutense de Madrid. En 1961 trasladouse a Londres para ampliar os seus estudos en Ciencias Económicas na London School of Economics.[1]

Outros biógrafos sitúan os estudos de Beiras nos anos 1964/65 en Inglaterra do que a posteriori viría uns meses a Galiza (1965/66) para impartir aulas na Escola de Economía Política da Facultade de Dereito de Santiago.

Para o ano académico 1966/67, grazas a unha bolsa de estudos da Fundación Juan March, seguiu un curso de especialización avanzada e investigación con François Perrou no Institut de Science Economique Apliquée (ISEA) de París[1], nos seus anos franceses entrou en contacto coas teses do colonialismo interior desenvolvida por Robèrt Lafont.

No 1967 recibiu o Premio da Casa Galicia de Nova York polo seu libro, publicado ese mesmo ano: O problema do desenrolo na Galiza rural[1]. Xa no ano 1968 volve vivir, xa definitivamente, a Galiza, e comeza a traballar coma profesor de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Económicas. No 1969, colabora nunha obra colectiva Introducción á economía galega de hoxe publicada en Vigo.

No ano 1970 estando uns meses en Madrid, no Colexio Maior Universitario César Carlos, publica a súa tese doutoral sobre o desenvolvemento económico e demográfico en Galiza entre o 1900 e o 1960 co titulo Estructura y problemas de la población gallega[1], co que gaña o Premio Extraordinario de Doutoramento e consegue, tamén, ser profesor adxunto na Cátedra de Estrutura Económica.

No 1972 publica en Vigo O atraso económico de Galiza[3], nese mesmo ano ofrécenlle o posto de Decano en funcións durante as revoltas estudantís e obreiras; posto que reafirmaría anos mais adiante. Dentro das súas colaboracións colectivas xorden no ano 1975, publicadas en Vigo, dúas obras; A Galiza rural na encrucilladae Contaminación industrial e desenvolvimento.

En 1977 encargouse da dirección dunha investigación sobre o proceso de modernización da agricultura galega, cos fondos achegados pola Fundación Pedro Barrié de la Maza e a Universidade de Montpellier.

En 1980 accedeu definitivamente á Cátedra de Estrutura Económica na USC. En 1982 sae a súa publicación O atraso e Nós. Aportación para un debate encol o atraso económico; en febreiro deste mesmo ano é elixido Decano da Facultade de Ciencias Económicas.

Xa metidos no ano 1984, Beiras, na compañía doutros autores, saca ao prelo a obra Dende Galiza: Marx. Homenaxe a Marx no 1º centenario da súa morte. Por si só publica outro libro, Por unha Galiza liberada, obra na que viña traballando dende 1976; neste mesmo ano, xaneiro, é reelixido como decano da facultade.

En 1985 publicou Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista. No transcurso dese ano, Beiras, despois dunha discrepancia coa presidencia da RAG sobre da Lei de Normalización Lingüística, abandona a institución.

No 1987 traduce ao galego a peza teatral Os xustos de Albert Camus, xa tivera varias experiencias neste ámbito da tradución. Froito disto está Cartas a un amigo alemán, tamén do mesmo autor, e as obras de teatro traducidas xunto con Xosé Luís Franco Grande arredor dos anos 1958/59: Antígona, de Jean Anouilh e Non haberá guerra de Troia de Jean Giraudoux. Tamén, e dentro deste mesmo ano, prestou a súa colaboración na Homenaxe ao Mestre Sampedro. Estivo como profesor convidado na Universidade de Tolosa, xa anteriormente estivera na de Coimbra (1976).

No 1988 traduciu do francés a obra de Anne Philipe O tempo dun salaio. Entrados no ano 1991, Beiras publica outro libro: Prosas de combate e maldicer.

Beiras, xunto con Xaime Isla Couto, tamén foi un dos promotores das coleccións Enquisa, Agra aberta e Os percusores da Editorial Galaxia, na que foi director da colección Alén-Nós; desta experiencia fixo a participación na creación de Edicións Laiovento. Colaborou como columnista dominical no xornal Galicia Hoxe, e nas publicacións Grial e A Nosa Terra.

Traxectoria política

1963-1982: Etapa no Partido Socialista Galego e Transición

No ano 1963 foi membro fundador do PSG na clandestinidade[4]; tamén se fai cargo da subdirección da Revista de Economía de Galicia (cargo que deixaría no percorrer do ano 1968). Xa no ano 1964 asume Relacións Internacionais, este posto volveríao asumir no 1970; nesta etapa relaciónase con outras formacións europeas socialistas e co Moviment Socialist de Catalunya de Josep Pallach e Joan Raventós[5]. En 1969 foi relator na elaboración do Documento Conxunto PSG-UPG.

No 1971 asume o cargo de secretario xeral do PSG. No 1977 deixa o cargo de secretario xeral no PSG e abandona o partido[6], despois de encabezar as listas pola provincia da Coruña nas primeiras eleccións xerais da Transición española nas que non conseguiu o escano, para ser designado Académico numerario da RAG, cargo ao que renunciaría tempo máis tarde.

1982 - 2012: Etapa no Bloque Nacionalista Galego

Xosé Manuel Beiras con afiliados BNG
Xosé Manuel Beiras no final da XII Asemblea Nacional do BNG, en 2006.

Corre o ano 1982 e participa na constitución do BNG do cal entra na súa Dirección Nacional e Permanente. Tras as eleccións do 24 de novembro do 1985, Beiras sobe coma deputado ao Parlamento Galego;[7]

O 17 de decembro de 1989 vólvese presentar ás eleccións, e de novo gaña o escano pola provincia da Coruña, xunto con outros 4 representantes, e asume o cargo de portavoz do grupo. Sobre o seu pensamento político e a traxectoria os escritores Francisco Pillado Mayor e Miguel Anxo Fernán-Vello publican un libro titulado Conversas con Xosé Manuel Beiras.

Beiras 25 xullo 2009
Xosé Manuel Beiras no Día da Patria de 2009, en Compostela.

Xa no 1990, en xaneiro, o BNG non secunda unha proposición non de Lei sobre a autodeterminación do PSG-EG por non verlle sentido xa que a Cámara non tiña soberanía por haber grupos españois. Na lexislatura do 1989/1993 foi expulsado varias veces da Cámara por oporse e, mesmo, tentar facerlle unha moción de censura a Manuel Fraga. Nese mesmo período, na proposta do pleno extraordinario de incendios forestais, presentou unha proposta de independencia para Galiza e a reforma da Constitución, votando en contra da proposta de Manuel Fraga sobre a administración única.

O 10 de marzo de 1993 non se amosou de acordo ante a iniciativa do Partido Popular, gobernante en Galiza, de modificar o Regulamento do Parlamento e amosou o seu descontento petando na mesa cun zapato. Amosou unha actitude non conformista durante os debates de relatorio e comisión sobre deste tema que o levaron a ser expulsado da Cámara o 15 e o 17 do mesmo mes cunha sanción dun mes sen dereitos parlamentarios. Beiras recorreu ao Tribunal Constitucional o 12 de xullo do 1993, quen admitiu o recurso o 4 de novembro do mesmo ano. Ademais mantivo unha longa polémica co executivo de Fraga pola compra de dereitos das marcas do Xacobeo'93, ao que acusou de falsidade en documento público, prevaricación e malversación de fondos.

O 17 de outubro de 1993 presentouse por terceira vez na cabeza da candidatura pola Coruña e como candidato a Presidencia da Xunta de Galiza. Consegue a renovación e o seu grupo pasa de 5 a 13 candidatos. Xa metidos de cheo no 1995, Beiras é proposto como Portavoz Nacional do grupo, cargo no que resulta elixido na VII Asemblea; isto viña a apoiar a súa presentación en xaneiro do 1991 e marzo do 1993, nas que obtivo un bo apoio. No decembro do 1995 fai unha viaxe duns días a Arxentina e Uruguai, nas que fai algunhas reunións con representante de centros galegos, dirixentes políticos e sindicais e ofrece algún discurso en varias universidades. Froito disto, publica no 1996 un libro co título O estado da nación, no cal engade os seus discursos dende o ano 1989 a o 1995.

O 19 de outubro de 1997 preséntase de novo como candidato do BNG á Presidencia da Xunta, renova o escano e ve medrar o seu grupo a 18 deputados pasando a ser a segunda forza en Galiza. No 1998 volve a renovar o cargo como voceiro nacional do BNG, así mesmo levou a un irmandamento do seu partido con outras forzas nacionalistas a través da Declaración de Barcelona[8][9]. Isto tivo como consecuencia o pacto co Partido dos Socialistas de Galicia - PSOE nas municipais do 13 de xuño de 1999 para a repartición de alcaldías nalgúns concellos e o primeiro escano do BNG no Parlamento Europeo.

507d01d47b25f-r sam 6511 Beiras, Praza Pública
Beiras nun mitin en Ourense co gallo das eleccións á Xunta de Galicia do ano 2012.

Nas autonómicas do 2001 renova outra volta o seu escano, pero ve como o seu grupo baixa un deputado quedando en 17. O 27 de abril do 2004 asina, xunto co seu compañeiro de grupo, Anxo Quintana, en representación do BNG para dar desenvolvemento ao documento base asinado polo BNG, CiU e EAJ-PNV o 6 de abril dese ano.[Cómpre referencia] O que daría a nova presentación do grupo de formacións políticas "Galeusca-Pobos de Europa" para a celebración da eleccións ao Parlamento Europeo do 13 de xuño de 2004, nas cales este grupo conseguirá 3 escanos.

O 11 de abril do 2005 presentou ante os compañeiros do BNG a súa dimisión coma Presidente do Consello Nacional do BNG e a súa renuncia a formar parte das listas electorais do BNG á Xunta[10]. Todo o panorama político galego amosou a súa mágoa por esta perda.

En 2007, e xunto cun grupo de militantes, Beiras funda o Encontro Irmandiño, colectivo que defendía unha volta aos principios fundacionais do BNG, como a democracia interna, o asemblearismo e a comunicación fluída entre os estamentos da organización. En 2009, logo da perda de poder que supuxeron os resultados das eleccións ao Parlamento galego, esixiu a dimisión de Anxo Quintana como Portavoz Nacional e de todo o Consello Nacional e amosou a súa disposición de volver liderar o BNG.[11]

2012 - Actualidade: Etapa en Anova Irmandade Nacionalista

Tras o congreso de Amio en 2012, abandonou canda outros militantes o BNG[12] para fundar Anova. Concorreu ás eleccións galegas do 2012 como cabeza de lista pola Coruña e candidato á presidencia da Xunta, dentro de AGE. Esta fórmula, froito da alianza con Esquerda Unida e outros grupos, acadou 9 deputados, se ben ao longo da lexislatura dúas deputadas se escindirían para pasar ao grupo mixto. En 2013 foi reelixido portavoz nacional de Anova.[13]

Na mesma liña, en anos posteriores Beiras apoiou a alianza da súa formación con forzas de esquerda estatais, ademais de con EU, con Podemos, resultando así a coalición En Marea. En marzo de 2016 volveu ser expulsado do Parlamento Galego logo dunha discusión co deputado do PP Miguel Tellado, foi ademais castigado a 15 días sen soldo[14]. En xullo de 2016, a coalición transformouse en partido, permanecendo Podemos á marxe. O 7 de agosto de 2016, Beiras anunciou o seu aval á candidatura de Luís Villares para presidir a Xunta e a súa retirada da vida parlamentaria.[15]

Logo da III Asemblea Nacional de Anova, celebrada o 18 de marzo de 2017, foi relevado no cargo de Portavoz Nacional por Antón Sánchez.[16]. En abril dese mesmo ano Beiras declarárase traizoado pola líder de EU Yolanda Díaz após a constitución de En Marea como partido político[17].

Obra

Ensaio

Xosé Manuel Beiras O atraso económico de Galicia
Adicatoria e sinatura de Xosé Manuel Beiras nun exemplar da obra O atraso económico de Galicia, da biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade da Coruña.
  • El problema del desarrollo en la Galicia rural, 1967, Galaxia.
  • Estructura y problemas de la población gallega, 1970, Banco del Noroeste.
  • O atraso económico de Galicia, 1972, Galaxia. 2ª edición de O atraso económico da Galiza (2005) en Laiovento.
  • La economía gallega en los escritos de Pedro Antonio Sánchez (edición), 1973, Galaxia.
  • Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista, 1985, Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
  • Prosas de combate e maldicer, 1991, Laiovento.
  • O Estado da Nación, 1996, Laiovento. 2ª edición aumentada no 2001.
  • A catástrofe do "Prestige". Santiago de Compostela. Edicións Laiovento. 2003. ISBN 978-84-8487-024-3.
  • Economía galega e autonomía política, 2006, Universidade de Santiago de Compostela.
  • De nunca máis a máis alá, 2007, Editorial Compostela.
  • Por unha Galiza liberada e novos ensaios. A Coruña. Espiral maior. 2008. ISBN 978-84-96475-84-7. Primeira edición, de 1984, en Xerais.
  • Exhortación á desobediencia, 2013, Laiovento.
  • O proxecto común da nación galega, 2016, Laiovento.
  • Nuredin o taxista e Amedine o pintor (2019). Laiovento. 116 páxs. ISBN 978-84-8487-440-9.

Obras colectivas

  • ¿Patria ou Terra Nai? Ensaios sobre a cuestión nacional, 1999, Laiovento. Con Antonia Tato Fontaíña e Estrella Tato Fontaíña.
  • A poboación galega no século XX, 2000, Laiovento. Con Abel López Rodríguez.
  • Avilés de Taramancos: A paixón pola terra, 2004, Consello da Xuventude de Galicia.
  • O Tratado da Constitución Europea. Visións desde Galiza, 2005, Baía Edicións.
  • Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade, 2009, Difusora.
  • 15-M: O pobo indignado, 2011, Laiovento.

Tradución

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Xosé Manuel Beiras. Ficha do autor". bvg.udc.es. Consultado o 2017-06-26.
  2. noitabrega (2015-03-09). "Conversas bárbaras con Xose Manuel Beiras: “A Transición foi unha trapallada”". Noitábrega. Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2016. Consultado o 2017-06-26.
  3. Rivas, Manuel (2011-12-16). "Análisis: A odisea de Beiras nun país náufrago". El País (en castelán). Consultado o 2017-06-26.
  4. "Xosé Manuel Beiras Torrado". vello.vieiros.com. Consultado o 2017-06-26.
  5. Maceda, Víctor. ""Ahora mismo, en España, hay un golpe de Estado"". CTXT (en castelán). Consultado o 2017-06-26.
  6. MCNBiografias.com. "Beiras Torrado, Xosé Manuel (1936-VVVV)". www.mcnbiografias.com (en castelán). Consultado o 2017-06-26.
  7. "II lexislatura (17-12-85 ó 24-10-89) - Resultados das eleccións ó Parlamento de Galicia"
  8. "Especial ETA: la dictadura del terror". El Mundo. Consultado o 2017-06-26.
  9. Xavier Navaza - El Correo Gallego. "Galeusca, el retorno de la 'triple alianza'" (en castelán). Consultado o 2017-06-26.
  10. AGENCIAS (2005-04-11). "Beiras dimite como presidente del Consello Nacional del BNG y rechaza ir en las listas". EL PAÍS (en castelán). Consultado o 2017-06-26.
  11. P. M. - La Opinión de A Coruña. "Beiras se ofrece a liderar de nuevo el BNG tras exigir la dimisión de Quintana". Consultado o 2017-06-26.
  12. "Beiras abandona co Encontro Irmandiño o BNG". Galiciaé. Consultado o 12-02-2012.[Ligazón morta]
  13. Mario Beramendi (2013-06-10). "Beiras, reelegido portavoz nacional de Anova". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2017-06-26.
  14. Confidencial, Galicia. "Beiras, castigado sen soldo 15 días tras ser expulsado do Parlamento". Galicia Confidencial. Consultado o 2017-07-07.
  15. Xosé Manuel Beiras en Twitter (7/8/16). "Hoxe presentarei o meu aval á candidatura de @VillaresLuis". Consultado o 8/8/2016.
  16. "Beiras entrega a Antón Sánchez o relevo á fronte de Anova co encargo de unir a esquerda e o nacionalismo". Praza Pública. Consultado o 2017-06-26.
  17. "Yolanda Díaz trata de enfriar las críticas de Beiras, que la acusó de traición". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-04-29. Consultado o 2017-07-07.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Barrera, F., ed. (2002). "Beiras Torrado, Xosé Manuel". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). El Correo Gallego. p. 63. ISBN 84-8064-113-4.
  • Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco Pillado Maior (2000). A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras. Santiago de Compostela. Edicións Laiovento - Espiral Maior. ISBN 84-89896-72-0.
  • Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco Pillado Maior (2004). A estrela na palabra. Novas conversas con Xosé Manuel Beiras. Santiago de Compostela. Edicións Laiovento - Espiral Maior. ISBN 84-8487-066-9.
  • F. Freixanes, Víctor (1976). Unha ducia de galegos. Vigo. Galaxia. ISBN 84-7154-248-X.
  • Á beira de Beiras. Homenaxe nacional, 2011, Galaxia.
  • Rodríguez-Polo, Xosé Ramón (2011): "Beiras Torrado, Xosé Manuel", en DICCIONARIO BIOGRÁFICO ESPAÑOL, Madrid: Real Academia de la Historia.

Ligazóns externas

Predecesor:
-
 
Portavoz Nacional do BNG
 
1982–2002
Sucesor:
Anxo Quintana
7 de abril

O 7 de abril é o 97º día do ano do calendario gregoriano e o 98º nos anos bisestos. Quedan 268 días para finalizar o ano.

A Trabe de Ouro (revista)

A Trabe de Ouro é unha revista galega de pensamento crítico, publicada por Sotelo Blanco Edicións desde 1990 con periodicidade trimestral.Nas súas páxinas hai artigos de análise sociopolítica e pensamento, textos literarios inéditos, crítica de libros, e actualidade cultural. O seu director é o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, e no seu Consello de Redacción aparecen profesores, novelistas, poetas e xornalistas de diferentes xeracións e intereses, como Xosé Manuel Beiras, Olegario Sotelo Blanco ou Antón Figueroa.

Anova-Irmandade Nacionalista

Anova-Irmandade Nacionalista é unha formación política galega, nacionalista e independentista de esquerda, integrada polo Encontro Irmandiño e coa participación da Fronte Popular Galega. O seu portavoz nacional é Antón Sánchez dende o 2017. Ata entón e dende a súa fundación, o portavoz nacional foi o fundador do partido, Xosé Manuel Beiras Torrado. Xorde a partir de Encontro Irmandiño, escisión do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no 2012.

Bloque Nacionalista Galego

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Considérase como unha organización de esquerda (influenciada pola socialdemocracia e o marxismo) e nacionalista, e dende o punto de vista organizativo, defínese como unha fronte de partidos. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza e 7 deputados no Parlamento de Galicia. Tamén chegou a ter un eurodeputado no Parlamento Europeo (Camilo Nogueira), e actualmente conta cun posto na Eurocámara rotatorio entre os seus socios (a representante do BNG é Ana Miranda).

A Voceira Nacional é Ana Pontón, quen desde febreiro de 2016 substitúe a Xavier Vence.

O BNG conta cunha organización xuvenil dende 1988, Galiza Nova, cuxa militancia ten un carácter moito máis independentista que o propio partido.

Compromiso por Galicia

Compromiso por Galicia é unha formación política galega nacionalista, socialdemócrata e progresista constituída en maio de 2012 por Máis Galiza, o Espazo Ecosocialista e Acción Galega (Rafael Cuíña, Teresa Táboas, Xosé Manuel Pérez Bouza), así como outras tamén pequenas formacións, Terra Galega, PNG-PG, PG, PGD e CG. Máis Galiza, algúns integrantes de Acción Galega, e o PNG-PG, proveñen do BNG. Porén, unha das formacións fundadoras, o Espazo Ecosocialista, decidiu posteriormente a súa saída da organización.Formouse tras diferenzas co novo proxecto común liderado polo Encontro Irmandiño, liderado por Xosé Manuel Beiras, que leva outra folla de ruta.O 21 de xuño de 2012, anunciouse a incorporación do colectivo Unidade da Esquerda Galega, grupo escindido do PSdeG-PSOE.. Porén, apenas un mes máis tarde, o seu responsable, Óscar Lomba, abandonaría CxG para integrarse en Anova - Irmandade Nacionalista, a formación de Beiras.

Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia 2012 participou en solitario, despois de fracasaren as negociacións para concorrer con Anova - Irmandade Nacionalista e Esquerda Unida en coalición.O 21 de xaneiro de 2017, tralo segundo Congreso Nacional de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro substituíu a Xoán Bascuas como Secretario Xeral.

Edicións Laiovento

Edicións Laiovento é unha editorial galega rexistrada en Santiago de Compostela. Ten un repertorio máis de 200 libros e ensaios críticos, con cada vez un maior número de traducións.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 1989

As eleccións ao Parlamento de Galicia de 1989 celebráronse o 17 de decembro. O PP gaña as eleccións con maioría absoluta, sendo investido Presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga. En 1991 Centristas de Galicia, que en principio se presentara en coalición co PP, intégrase nel. Ese mesmo ano Partido Socialista Galego-Esquerda Galega transfórmase en Unidade Galega.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 1993

O 17 de outubro de 1993 celebráronse as eleccións da IV Lexislatura ao parlamento de Galicia. Cun censo de 2 293 169 electores, os votantes foron 1 472 017 (64,2 %), con 821.152 de abstencións (35,8 %). O Partido Popular de Galicia gañou novamente por maioría absoluta, e conseguiu o nomeamento do seu candidato, Manuel Fraga Iribarne, como o presidente da Xunta. O PsdeG entra en crise de liderado e perde moitos votos, mentres que o Bloque Nacionalista Galego comezaba a mostrarse como alternativa ao poder. O resto de partidos políticos non obtiveron representación parlamentaria.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2001

O 21 de outubro de 2001 celebráronse as sextas eleccións ao parlamento de Galicia. Cun censo de 2 567 656 electores, os votantes foron 1 544 687 (60,2 %), con 1 022 969 abstencionistas (39,8 %). O Partido Popular de Galicia gañou novamente por maioría absoluta, e conseguindo o nomeamento do seu candidato, Manuel Fraga Iribarne, como o presidente da Xunta. O PsdeG é superada por poucos votos como segunda forza política polo Bloque Nacionalista Galego, que non conseguiu aumentar o número de deputados nin de votos. Isto provocoulles unha crise que se saldaría coa dimisión de Xosé Manuel Beiras. O resta de partidos políticos seguiron sen obter representación parlamentaria.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2012

As eleccións autonómicas de Galicia de 2012 foron as novenas eleccións ao Parlamento de Galicia dende a súa constitución e celébranse a falta de medio ano para o remate da lexislatura.

Encontro Irmandiño

O Encontro Irmandiño é un partido político galego que naceu como colectivo do Bloque Nacionalista Galego no ano 2007. O 12 de febreiro de 2012 deslígase do BNG, rexistrándose pouco despois, o 23 de marzo, como partido político. Encontro Irmandiño liderou o proceso de confluencia do chamado Novo Proxecto Común, que culminou na creación do partido Anova-Irmandade Nacionalista en xullo de 2012.

Francisco Pillado Mayor

Francisco Pillado Mayor, nado na Coruña o 18 de maio de 1941, é un escritor e persoeiro do mundo do teatro galego.

Fundación Galiza Sempre

A Fundación Galiza Sempre é unha fundación constituída en 1999, promovida polo Bloque Nacionalista Galego. Inscrita no Rexistro único de fundacións de interese galego da Xunta de Galicia co número 1999/15 e no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, forma parte do Centre Maurits Coppieters, fundación política europea; da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos; e do Consello Internacional de Arquivos.

Desde entón desenvolve dúas liñas de actuación prioritarias: unha, dirixida á promoción do pensamento socioeconómico, político e cultural de Galiza, e outra adicada á preservación e difusión da memoria histórica de Galiza e especificamente do nacionalismo galego.

No ámbito do pensamento pódense distinguir na súa traxectoria tres eixos temáticos: o mundo das nacións sen estado; a crítica do neoliberalismo, a desigualdade e a exclusión e social; e, en terceiro lugar, as políticas públicas alternativas no ámbito do feminismo, a cultura, a participación cidadá ou as transformacións sociais asociadas ao autogoberno.

Na procura dunha nova cultura política asentada na diversidade, a fundación estendeu o seu campo de acción alén de Galiza mantendo relacións con entidades do País Vasco, Cataluña e Portugal, e participando activamente en redes europeas ou no Foro Social Mundial.

O seu primeiro presidente foi Xosé Manuel Beiras.

Manuel Beiras

Manuel Beiras García, nado en Santiago de Compostela o 10 de abril de 1904 e finado na mesma cidade o 28 de xullo de 1996, foi un intelectual galego e político galeguista. Pai do dirixente nacionalista galego Xosé Manuel Beiras.

Nacionalismo galego

O nacionalismo galego é unha corrente política que reivindica o recoñecemento de Galiza como nación e do dereito de autodeterminación para o pobo galego. Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego definiuno así:

É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e políticas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa época, a formación dun pobo galego e da súa peculiar unidade. A corrente política á que se refire o nacionalismo galego nace a finais do século XIX con movementos culturais que logo foron ós poucos dando o paso a partidos políticos.

O atraso económico de Galicia

O atraso económico de Galicia, título da primeira edición (titulado O atraso económico da Galiza en edicións posteriores), é un ensaio escrito polo intelectual galeguista Xosé Manuel Beiras Torrado.

Partido Socialista Galego

O Partido Socialista Galego ou PSG foi un partido galego nacionalista de esquerdas fundado na clandestinidade en 1963 e fusionado con Esquerda Galega en 1984.

Prosas de combate e maldicer

Prosas de combate e maldicer é un ensaio do intelectual galeguista Xosé Manuel Beiras. Foi publicado en 1991, por Laiovento. O libro consiste nunha escolma de textos publicados en diversos ámbitos e medios, nos anos 1970 e 1980, realizada e anotada por Francisco Pillado Maior.

V Televisión

V Televisión foi unha cadea de televisión privada, fundada pola Corporación Voz de Galicia, de difusión en aberto en Galiza a través da TDT. Comezou a emitir en probas dende o 9 de marzo do 2010 cunha mira de axuste. Nas primeiras medicións de audiencia, a porcentaxe correspondente a este cadea foi do 0,3 %.Dende decembro do 2016, a Corporación Voz de Galicia empezou a desmantelar a cadea, cancelando o seu programa estrela "Vía V", debido ós problemas económicos que tiña debido a saída dalgúns investidores. Durante o 2017 emitía principalmente teletenda e programa repetidos.

Finalmente o 1 de xaneiro de 2018, xusto despois das badaladas, a cadea pasou a negro e deixou de emitir, sen mira de axuste.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.