Xosé Luís Méndez Ferrín

Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938,[1] é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000,[1] e presidente da mesma dende o 23 de xaneiro de 2010[2][3] até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente.[4] O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.[5]

Xosé Luís Méndez Ferrín
Ferrin
Méndez Ferrín durante a entrega do Premio Trasalba en 2007.
Nacemento7 de agosto de 1938
 Ourense
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónescritor e político
CónxuxeMaría Xosé Queizán e Moncha Fuentes
FillosCristal, Roi e Oriana Méndez
XénerosNarrativa, ensaio, poesía
PremiosPremio Nacional de Literatura, honorary doctorate of the University of Vigo e Premio Laxeiro

Traxectoria

De neno viviu na casa materna na rúa da Reza de Ourense. O seu pai, Venancio Méndez Feijóo, era fillo dun comerciante de Vilanova dos Infantes; e a súa nai, María Ferrín Novoa, era filla do mestre e xornalista Ángel Ferrín Moreiras[6]. Na cidade de Ourense fixo o primeiro curso de Bacharelato, e en 1949 trasladouse coa súa familia a Pontevedra, onde rematou os estudos de grao medio no Instituto da cidade. Nesa etapa foi tomando conciencia da realidade lingüística e cultural e do papel que o galeguismo de preguerra, coa silenciada figura de Castelao ao fondo, desempeñara na reconstrución nacional. Alí formouse na biblioteca de Andrés e Jesús Muruais, e publicou os seus primeiros textos na revista Litoral co pseudónimo de Laín Feixoo.

En 1955 a súa familia trasladouse a Vigo, e el foi estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alí tomou contacto co galeguismo cultural nucleado na Editorial Galaxia en torno á figura de Ramón Piñeiro, pero non tardou en reclamar unha nova articulación da oposición política ao franquismo e do propio nacionalismo, o que provocou a súa expulsión, xunto con outros mozos, do Consello da Mocedade. En 1956 foi primeiro premio de poesía nas Festas Minervais de Santiago. En 1957 foi vivir a Madrid e tres anos despois licenciouse en Filoloxía Románica. Nesta cidade mantivo estreito contacto cos focos galeguistas e de esquerda alí localizados. Así, en 1958, creouse o grupo Brais Pinto, constituído en torno á editorial do mesmo nome. En 1961 seguiu un curso de cultura inglesa na Universidade de Oxford, e entre 1963 e 1965 fixo diversas viaxes por Europa. Tras facer o servizo militar nas illas Canarias, entre 1962 e 1964 foi mestre no Colexio Fingoi de Lugo, até que en 1965 obtivo a Cátedra de Lingua e literatura Española do Instituto Santa Irene de Vigo instalándose finalmente nesa cidade.

Debido á súa actividade política foi procesado en tres ocasións -a última, cando xa estaban en vigor as institucións democráticas españolas-, sufrindo torturas e varios ingresos no cárcere.[Cómpre referencia] Durante a súa estancia no penal de El Dueso (Cantabria) escribiu Retorno a Tagen Ata e Antón e os inocentes.

Recentemente xubilou e retirouse do seu posto de profesor de literatura no Instituto Santa Irene. Tamén é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, que ten marcado de xeito notábel na última década o devir da nosa cultura coa difusión de problemas e investigacións sobre cuestións diversas con aproximacións interdisciplinares e baixo unha dupla perspectiva nacional e universal. Ferrín é membro da Real Academia Galega e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. É Doutor en Filoloxía.

Xosé Luís Méndez Ferrín foi proposto ó Premio Nobel de Literatura pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.[7] Foi galardoado con moitos premios coma o Premio da Crítica, Premio da Crítica Española, Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez ou o Premio Eixo Atlántico. No 2008 recibiu o Premio Nacional de Literatura,[8] que integra os Premios Nacionais da Cultura Galega.

Actividade política

Eleccións a Cortes Xerais 2016. Senado Pontevedra
Papeleta dos candidatos ao Senado por Pontevedra nas Eleccións Xerais de 2016.

Xa en 1958 formaba parte do grupo plástico-literario Brais Pinto, de tendencia nacionalista e moi influído pola estética beat. Nas súas viaxes por Francia e Inglaterra tomou contacto co marxismo, un feito transcendental para a súa biografía mais tamén para a evolución do nacionalismo galego na segunda metade do século XX. En sintonía con exiliados coma Luís Soto, Méndez Ferrín xulgou única saída posible para a Galicia contemporánea a fusión entre galeguismo radical e marxismo-leninismo, consonte os movementos de liberación nacional que triunfaban en Cuba, Vietnam ou Alxeria. Este proceso ideolóxico culminou, en 1964, na creación da Unión do Povo Galego. Debido á súa actividade política, Ferrín foi acusado de propaganda ilegal en 1967 e estivo detido na prisión do Príncipe de Vigo. En 1968 foi procesado por rebelión militar pero a causa finalmente foi sobresida. En 1969, durante o estado de excepción, volve ser detido, xulgado e condenado a dous anos de cárcere por propaganda ilegal, dos que cumpriu parte en diversos penais.

En 1972, debido ás folgas de maio e setembro en Vigo, houbo contra el unha orde de busca e captura o que o obrigou a pasar á clandestinidade. En 1977 participou na formación da Unión do Povo Galego-liña proletaria, que se converterá en 1978 no Partido Galego do Proletariado, e en 1979 na Organización de Liberación Nacional Galicia Ceibe. En 1980 foi detido baixo a acusación de tenza de armas, pasou tres meses no cárcere de Segovia antes de ser posto en liberdade, xulgado pola Audiencia Nacional quedou absolto. Na actualidade sostén iniciativas políticas e sociais como as Redes Escarlata e é membro destacado da organización política FPG (Frente Popular Galega).

Vida persoal

En 1962 casou con María Xosé Queizán, e tiveron unha filla e un fillo, Cristal (1964) e Roi. En 1983 casou coa profesora e sindicalista Moncha Fuentes Arias, e foron pais da poeta Oriana Méndez.[9]

Estilo literario

Narrativa

Toda a narrativa de Ferrín réxese, en xeral, por uns mesmos principios que lle confiren certa unidade: no transcorrer da mesma vanse repetindo temas, personaxes, espazos e técnicas narrativas. Asemade toda ela liga coa tradición literaria galega e coa literatura universal do século XX. As principais características son:

  • Preocupación crítica e revolucionaria polos problemas de Galiza.
  • Intertextualidade: repítense personaxes e espazos, e incorpóranse tamén outros pertencentes a outras obras literarias de todos os tempos.
  • Flutuación entre o real e o ficticio.
  • Recorrencia ó mundo onírico, ás veces difícil de distinguir do real.
  • Presenza do misterioso, do inexplicable, e predominio da violencia e a morte.
  • Creación de espazos literarios (Tagen Ata, Terra Ancha...), e abundancia de espazos pechados.
  • Nas tres primeiras obras as personaxes son antiheroes, mentres que a partir de Retorno a Tagen Ata aparecen con frecuencia o heroe revolucionario e os seus antagonistas: o traidor e o inimigo.
  • Ás veces as personaxes sofren metamorfoses e transfórmanse.
  • Desenlaces sorprendentes e paradoxais.

Obras publicadas

Poesía

Narrativa

Literatura infanto-xuvenil

  • Arnoia, Arnoia, 1985, Xerais. Traducida ao castelán en Anaya, no 1990, por Xavier Rodríguez Baixeras.

Ensaio

Artigos xornalísticos

Edición

Conversas

Tradución

  • Canción galega: comedia en prosa dividida en tres actos, de José G. Posada-Curros e Luis de Gálvez Rodríguez, 1991, Vigo.
  • A raposa e as uvas, de Guilherme Figueiredo, 1994, Teatro Keyzán.
  • Nin me abandonarás nunca, de José G. Posada Curros e Luis de Gálvez, 1995, Xunta de Galicia.
  • Taronja de cel de novembre. Laranxa de ceo de novembro, de Lluis Alpera, 1999, 7 i mig, Valencia. Edición bilingüe.

Obras colectivas

  • O porvir da lingua galega, 1968, Círculo de las Artes, Lugo.
  • Catro narracións, 1977, Edicións do Castro.
  • Antoloxía da poesía galega actual. Nordés, 1978, Edicións do Castro.
  • I Festival de Poesía no Condado, 1981, S. C. D. Condado.
  • II Festival da Poesía do Condado, 1982, S. C. D. Condado.
  • III Festival da Poesía no Condado, 1983, S. C. D. Condado.
  • VI Festival da Poesía no Condado, 1986, S. C. D. Condado.
  • VIII Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética, 1988, S. C. D. Condado.
  • Sede central. 1, 1988, Clube Cultural Adiante.
  • IX Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética, 1989, S. C. D. Condado.
  • Celanova, 1989, Ir Indo.
  • Celso Emilio Ferreiro (1912-1979: unha fotobiografía, 1989, Xerais.
  • Sede Central. Relatos 2, 1990, Clube Cultural Adiante.
  • XI Festival da Poesia no Condado, 1991, S. C. D. Condado.
  • Desde mil novecentos trinta e seis: homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade, 1995, Edicións do Castro.
  • Relato contemporáneo, 1995, Xerais.
  • Unha liña no ceo (58 narradores galegos 1979-1996), 1996, Xerais.
  • 16 poemas galegos para Ernesto Che Guevara contra a súa morte (1967-1973), 1997, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Alguén agarda que volva alí, 1998.
  • Clásicos e modernos: tres leituras poéticas, 1999, Universidade da Coruña.
  • Novos exercicios de estilo, 2000, Universidade da Coruña.
  • A poesía é o gran milagre do mundo, 2001, PEN Clube de Galicia.
  • Poetas e narradores nas súas voces. I, 2001, Consello da Cultura Galega.
  • Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, 2003, Tris Tram. Edición ao coidado de Arturo Casas.
  • Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina, 2003, Fundación Araguaney.
  • Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, 2003, Espiral Maior.
  • Xuro que nunca volverei pasar fame, 2003, Difusora.
  • Xela Arias, quedas en nós, 2004, Xerais.
  • De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, 2006, Real Academia Galega. Con Darío Xohán Cabana.
  • Poemas pola memoria (1936-2006), 2006, Xunta de Galicia.
  • Poetízate. Antoloxía da poesía galega, 2006, Xerais.
  • 25 anos. Mostra Internacional de Teatro Ribadavia, 2009, Difusora. Con Inma López Silva e Roberto Pascual.
  • Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade, 2009, Difusora.
  • Erato bajo la piel del deseo, 2010, Sial Ediciones.
  • Á beira de Beiras. Homenaxe nacional, 2011, Galaxia.
  • Tamén navegar, 2011, Toxosoutos.
  • Vieiros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor, 2012, Librería Conde, Celanova.
  • Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohan Xesus González, 2016, Fervenza.
  • Arredor das Irmandades da Fala, 2016, Xerais.
  • 1936. O Estatuto esquecido, 2016, Guiverny.

Premios

  • Accésit no Premio Modesto R. Figueiredo do 1975, por Sibila.
  • Premio da Crítica no 1976, por Con pólvora e magnolias.
  • Premio Álvaro Cunqueiro (1983), concedido pola Xunta de Galicia e rexeitado polo autor por motivos políticos.
  • Premio Celanova, Casa dos Poetas (1985).
  • Premio Pedrón de Ouro en 1987.
  • Premio da Crítica de Galicia de creación literaria no 1988, por Bretaña, Esmeraldina.
  • Lista de honor do IBBY no 1988, por Arnoia, Arnoia.
  • Premio Losada Diéguez de creación literaria no 1991, por Arraianos.
  • Premio da Crítica de narrativa galega (1991) e (1999).
  • Premio da Crítica de poesía galega (1994).
  • Premio Losada Diéguez de creación literaria no 1995, por Estirpe.
  • Premio Eixo Atlántico no 1999, por No ventre do silencio.
  • II premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo de Opinión (2000), por Un escritor nos xornais: artígos periodísticos.
  • Premio Trasalba en 2001.
  • Premio Losada Diéguez de creación literaria no 2006, por Contra Maquieiro.
  • Premio Nacional de Literatura en 2008.
  • Premio Fernández Latorre 2010.[28]
  • Premio Ramón Otero Pedrayo no 2013.
  • Premio Brais Pinto no 2013.
  • Premio Laxeiro no 2018 pola súa traxectoria literaria.
Predecesor:
Xosé Ramón Barreiro Fernández
 Presidente da RAG 
2010–2013
Sucesor:
Xesús Alonso Montero

Notas

  1. 1,0 1,1 Real Academia Galega (ed.). "Páxina adicada a Méndez Ferrín na RAG". Consultado o 13-07-2012.
  2. "Mendez Ferrín opta polo continuísmo" (en galego). Vieiros. Consultado o 13 de xullo de 2012
  3. Real Academia Galega (ed.). "Organización da Real Academia Galega". Consultado o 13-07-2012.
  4. "Méndez Ferrín dimite como presidente da RAG", artigo en Praza Pública, 25 de febreiro de 2013.
  5. Ferrín consuma a súa dimisión e denuncia que a RAG está en perigo
  6. Salgado e Casado, 1989. Páx. 14.
  7. Piden el Nobel para Ferrín, alegando que "sufrió prisión por la defensa del gallego" (en castelán)
  8. "Méndez Ferrín gana el Premio Nacional de Literatura" (en castelán). El País. Consultado o 13 de xullo de 2012.
  9. Blanco, C. (1994): "A espiral permanente: aproximación literaria á figura de X. L. Méndez Ferrín". Anuario de Estudios Literarios Galegos, 1993, 11-45.
  10. Ficha na Biblioteca Virtual Galega
  11. "Contra Maquilero". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  12. Traducida ao éuscaro como Percival, 1989, Hegats; ao inglés como Them and other stories, 1996; e ao castelán como Percival en su bosque, 1997, Alianza.
  13. "Retornu a Tagen Ata". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-25.
  14. "Tagen atarako itzulera". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-25.
  15. "Crónica de nosotros". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  16. Tradución ao castelán no 1990, publicada en Debate, obra de M. Fuentes e Xavier Rodríguez Baixeras. Traducida tamén ao catalán no 1988 como L'Amor del rei Artús i altres relats, publicada na Universitat de València. E tres contos ao francés, L'Amour, le Roi Arthur. Une famille d'arpenteurs. Extinction des contacts, en 1993 publicada en Le Passeur-Cecofop.
  17. Premio Crítica Galicia. Traducida ao castelán en 1987 e ao catalán en 1988, por Xavier Rodríguez Baixeras; e no 1991 ao portugués por José Carlos González.
  18. "Bretaña, Esmeraldina". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  19. "Bretanya, Esmeraldina". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  20. "Bretanha, Esmeraldina". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  21. Premio Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Crítica Española. Traducida ao castelán no 1994 en Ronsel, por Luisa Castro.
  22. "Arraianos. Relatos de la Raya, tierra de nadie". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  23. "Mugaldeko jendea". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  24. "Arraianos". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  25. Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa “Carlos Blanco”. Traducido ao portugués no 2000, como No ventre do silêncio, en Don Quixote.
  26. "No ventre do silêncio". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  27. "En el vientre del silencio". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-23.
  28. fundacionsantiagoreyfernandezlatorre.com

Véxase tamén

Bibliografía

  • F. Freixanes, Víctor (1976). Unha ducia de galegos. Vigo, Ed. Galaxia. ISBN 978847154248X.
  • Salgado, X. M. e Casado, X.-M. (1989): X. L. Méndez Ferrín. Santiago de Compostela, Sotelo Blanco Edicións. ISBN 9788478240209

Outros artigos

Ligazóns externas

7 de agosto

O 7 de agosto é o 219º día do ano do calendario gregoriano e o 220º nos anos bisestos. Quedan 146 días para finalizar o ano.

A Quenlla (grupo musical)

A Quenlla é un grupo galego fundado no ano 1984 por varios músicos, entre os que se atopaban Mini e Mero, ex-compoñentes históricos do grupo Fuxan os Ventos. O proxecto da Quenlla naceu coa intención de elaborar un estilo próximo ao folk e á música tradicional galega, pero sen abandonar a temática social e reivindicativa, un aspecto que Fuxan os ventos viñera descoidando. Á formación inicial, de só tres persoas, fóronse sumando distintos músicos, até acadar a decena.

As letras da Quenlla baséanse en dúas fontes: a música tradicional e os escritores galegos, sendo moi numerosas na súa discografía as adaptacións de diferentes poemas de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Darío Xohán Cabana ou Xosé Luís Méndez Ferrín, así como a inclusión nos discos de textos recitados.

Outra característica do grupo é unha certa tendencia a facer discos temáticos, como xeito de incidir nunha determinada mensaxe. Así Európolis '88 é unha crítica feroz á Unión Europea; A casa que nunca tivemos, unha reflexión metafórica sobre Galiza e o amor á terra; e Namórate da vida, un canto contra os perigos da droga (este disco foi feito en colaboración coa Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente).

En 2010 publicaron Os Irmandiños.O grupo tamén ten colaborado numerosas veces poñendo banda sonora a distintos documentais e outras obras videográficas.

A Trabe de Ouro (revista)

A Trabe de Ouro é unha revista galega de pensamento crítico, publicada por Sotelo Blanco Edicións desde 1990 con periodicidade trimestral.Nas súas páxinas hai artigos de análise sociopolítica e pensamento, textos literarios inéditos, crítica de libros, e actualidade cultural. O seu director é o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, e no seu Consello de Redacción aparecen profesores, novelistas, poetas e xornalistas de diferentes xeracións e intereses, como Xosé Manuel Beiras, Olegario Sotelo Blanco ou Antón Figueroa.

Antón e os inocentes

Antón e os inocentes é unha novela de Xosé Luís Méndez Ferrín escrita en 1970 e publicada en 1976 por Edicións Xistral co título de Antón e os iñocentes.

Arnoia, Arnoia

Arnoia, Arnoia é unha novela de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicado por primeira vez en 1985, e incluído na Lista de Honra do IBBY en 1988. Está dedicado a Oriana, Roi e Cristal. Levaba en 2012 sete edicións, catro delas dentro da colección Fóra de Xogo da editorial Xerais. Foi traducido ao castelán por Xavier Rodríguez Baixeras para a editorial Anaya no 1990.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) constituiuse a partir dunha xuntanza celebrada o 3 de maio de 1980 en Santiago de Compostela por un grupo de escritores, entre os que se contaban Alfredo Conde, Paco Martín, Xosé Manuel Martínez Oca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro, Manuel Rivas, Uxío Novoneyra, Xavier Rodríguez Barrio, Bernardino Graña e Xoán Ignacio Taibo que acordan formar unha asociación que defendese os intereses da práctica escrita en galego seguindo o facho da Asociación de Escritores de Galicia que non puido desenvolver o seu labor polo estoupido da Guerra Civil española pouco despois da súa constitución.

A AELG celebrou o I Congreso de Escritores Galegos en 1981 e participa na organización dos encontros Galeusca con escritores cataláns e vascos. Durante anos estivo enfrontada á Real Academia Galega por considerala unha institución inmobilista que non traballaba a prol da cultura galega. A revista Escrita Contemporánea é o seu voceiro oficial. Está recoñecida pola Academia Sueca para presentar candidatos oficiais ao Premio Nobel de Literatura e forma parte do Congreso de Escritores Europeos.

Ten a súa sede no Edificio de Sindicatos da cidade da Coruña. A 1 de xaneiro de 2019 a asociación contaba con 459 socios, nese ano convocou un Parlamento de Escritoras.

Colección Illa Nova

A colección Illa Nova foi unha colección literaria de Editorial Galaxia creada en 1957 e dedicada a primeiras edicións de literatura contemporánea en lingua galega, nos xéneros teatro, narrativa e ensaio.

Cristal Méndez Queizán

Cristal Méndez Queizán, nada en Vigo o 6 de outubro de 1964, é unha cantante e poeta galega. É filla de Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán.

De Pondal a Novoneyra

De Pondal a Novoneyra é un libro de consulta, de biografías e crítica literaria, de referencia para o estudo da poesía galega contemporánea, obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicado no ano 1984 por Edicións Xerais de Galicia dentro da colección Xerais Universitaria.

Estirpe

Estirpe é un libro de poesía escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín en lingua galega, e publicado por Edicións Xerais en 1994 acompañado de debuxos de Gonzalo Araúxo. Gañou o Premio da Crítica de poesía galega en 1994 e mailo Premio Losada Diéguez de creación poética de 1995.

Moncha Fuentes

Ramona Fuentes Arias, nada en Marín en 1952, é unha escritora, tradutora e profesora galega de lingua castelá.

O crepúsculo e as formigas

O crepúsculo e as formigas é un libro de relatos de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicado en 1961 por Editorial Galaxia. O libro está composto por dez relatos. Está adicado a Nicole Christine, e inclúe un prólogo de Ramón Piñeiro e mais un texto introdutorio do propio autor.

Partido Galego do Proletariado

O Partido Galego do Proletariado (PGP) foi un partido galego independentista e marxista-leninista formado en marzo de 1978 ao adoptar ese nome a Unión do Povo Galego-liña proletaria que se consideraba continuadora da Unión do Povo Galego. O Comité Central actuaba na clandestinidade e os militantes descoñecían a súa identidade. Era partidario da loita armada, que consideraba antiimperialista e antioligárquica. O seu voceiro chamábase Sempre en Galicia.

En 1979 Unidade Galega incluíu como candidatos independentes a militantes do PGP nas eleccións municipais, co que o PGP conseguíu que tres dos seus membros saíran elixidos concelleiros (Santiago de Compostela, Monforte de Lemos e Vilaboa). Tamén constituíu unha plataforma que concorriu ás eleccións municipais no concello de Vigo e que posteriormente se transformou na súa propia fronte asemblearia, Galicia Ceibe-OLN e súa fronte armada, a Loita Armada Revolucionaria, o que provocou que en 1980 a policía detivera a varios dirixentes, entre eles Xosé Luís Méndez Ferrín. Ademais tivo unha notable influencia na Confederación Sindical Galega. O partido deixou de existir en 1980.

Percival e outras historias

Percival e outras historias é un libro de relatos de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicado en 1958 por Editorial Galaxia. Está adicado a Ramón Piñeiro e Ramón Otero Pedrayo, e a primeira edición inclúe un prólogo de Francisco Fernández del Riego.

O libro inclúe catorce relatos: "Percival", "A cancela", "Os ollos de Kelma", "O asesino", "Nhadron", "Lorelai", "O verdugo", "Grieih", "Ocrime do chalet vermello", "Mantis religiosa", "O templo", "Philoctetes", "Triafo e o vento" e "O dique de area".

Premio Antón Losada Diéguez

O Premio Antón Losada Diéguez convócase anualmente desde 1985 polos concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense.

Prémianse obras publicadas no ano anterior de entre as presentadas a concurso polas editoriais. Hai dúas categorías: creación literaria e investigación,

Redes Escarlata

As Redes Escarlata son un colectivo de intervención sociocultural xurdido en Santiago de Compostela no mes de maio de 2001. No seu primeiro manifesto público preséntanse como organización de esquerdas pola independencia de Galicia e contra o neoliberalismo. O colectivo toma o seu nome do libro Bretaña, Esmeraldina, de Xosé Luís Méndez Ferrín

Sotelo Blanco Edicións

Sotelo Blanco Edicións é unha empresa editorial galega, con sede en Santiago de Compostela. Foi creada por Olegario Sotelo Blanco no mes de marzo de 1980 e está especializada en publicacións narrativas, poéticas, infantís e ensaísticas. Ademais encárgase da publicación da revista trimestral A Trabe de Ouro, que acadou os cen números, dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín que inclúe artigos sociopolíticos e textos inéditos desde o ano 1990.

Un mundo de historias

Un mundo de historias é unha serie producida por Pórtico Comunicación que se gravou no ano 2000 e emitiu a TVG no ano 2002. Dirixiuna Antón Dobao e conta as vivencias do cineasta de ficción Hadrián Castiñeira tras a volta á súa terra de orixe logo da morte de seu pai. Cada un dos sete capítulos baséase nun conto da literatura galega dos autores Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Carlos Casares, Rafael Dieste, Xosé Luís Méndez Ferrín, Ánxel Fole, Ramón Otero Pedrayo e Eduardo Blanco Amor.

Xeración de antre dous séculos

A Xeración de antre dous séculos foi nomeada por Xosé Luís Méndez Ferrín e comprendía a tódolos escritores galegos nados entre 1869 e 1879. Estes escritores serían os protagonistas da transición da Literatura galega do século XIX ó século XX.

O nome foi tomado dunha obra de Xerardo Álvarez Limeses que xunto con Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas, entre outros, formarían parte desta xeración.

Membros de número da Real Academia Galega
Plenario
actual
Históricos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.