Xosé Filgueira Valverde

Xosé Fernando Filgueira Valverde, nado en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finado na mesma vila o 13 de setembro de 1996,[2] foi un historiador, arqueólogo, antropólogo e escritor polígrafo galego, de abundante produción literaria e humanística.

Cofundou o Seminario de Estudos Galegos, dirixiu o Instituto Padre Sarmiento e o Museo de Pontevedra. Presidiu o Consello da Cultura Galega e foi membro da Real Academia Galega. Persoa de fonda cultura humanista e de obra extensa e divulgativa nunha época na que as institucións que hoxe cumpren esa función non a cumprían ou non existían.

Adicóuselle o Día das Letras Galegas de 2015 polo seu traballo divulgativo a prol da lingua e da cultura galega.[3] Trátase dunha figura que suscita controversia[4][5][6] e ao mesmo tempo resulta un persoeiro fundamental no decorrer da cultura e literatura galegas ao longo do século XX.

Xosé Filgueira Valverde
Medalla Castelao Icona vectorial.svg
Xosé Filgueira Valverde, 1931
Filgueira en 1931.
Nome completoXosé Fernando Filgueira Valverde
Nacemento1906
 Pontevedra
Falecemento13 de setembro de 1996
 Pontevedra
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago
Universidade de Zaragoza
OcupaciónIntelectual, escritor, político e arqueólogo
CónxuxeM.ª Teresa Iglesias de Oscáriz.[1]
FillosAraceli (1939), José Fernando (1940), María Teresa (1942), Pilar (1944) e Ángeles (1947).
XénerosHistoria, arqueoloxía e antropoloxía.
PremiosGran Cruz da Orde do Mérito Civil, honorary doctorate of the University of Santiago de Compostela e honorary doctorate of the University of Vigo
Firma de José Filgueira Valverde

Traxectoria

Véxase tamén: Cronobiografía de Xosé Filgueira Valverde.
Xosé Filgueira Valverde circa 1907
Xosé Fernando fotografado, aínda de bebé, no colo da nai.

Naceu na praza do Peirao de Pontevedra. Foi fillo de José María Filgueira Martínez (Mourente, 1871-1938), médico en Pontevedra, e Araceli Valverde Yaquero (Ugíjar, Granada, 1870-1946).

Estudou o bacharelato de man de Antón Losada Diéguez. No outono de 1922 comezou os estudos de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela.[7] Desde moi novo estivo involucrado en toda sorte de proxectos culturais. Con 17 anos de idade, o 12 de outubro de 1923, na casa da infancia de Rosalía de Castro en Ortoño, xunto con Fermín Bouza Brey, Wenceslao Requejo Bouet, Xosé Pena e Pena, Lois Tobío Fernández, Ramón Martínez López, Manoel Magariños Negreira, Francisco Romero de Lema e Alberte Vidán Freiría, fundou a terceira grande institución da época de preguerra (tras as Irmandades da Fala, 1916, e o Grupo Nós, 1920), o Seminario de Estudos Galegos,[8] onde dirixiría a sección de Historia da Literatura ata o seu desmantelamento, en 1936.[9] Colaborou en A Nosa Terra e en El Pueblo Gallego. En 1935 comezou a organizar unha escolma da poesía galega de todos os tempos para conmemorar o centenario do nacemento de Rosalía de Castro. Proxéctanse en total nove volumes, e comeza con dous volumes adicados aos autores vivos, desde Noriega Varela e Cabanillas, até os máis novos como Celso Emilio ou Carvalho Calero. Reparte unha enquisa ás persoas que quere incluír na escolma, preguntando polos datos do autor, a súa formación, obra, poética, linguaxe, bibliografía e unhas preguntas xerais sobre a propia escolma.

J.F. Filgueira, a los 17 años.
X.F. Filgueira aos 17 anos.

Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1927 e doutorouse en Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid, coa tese "La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval" dirixida por Armando Cotarelo Valledor, defendida o 15 de novembro de 1935 ante un tribunal constituído polo propio Cotarelo, Juan Hurtado y Jiménez de la Serna, Américo Castro Quesada e Ángel González Palencia.[10] En 1959 diplomouse en Psicoloxía, tamén na USC.

Comezou a súa traxectoria pública en 1928, como secretario da Xunta Provincial de Pontevedra do Padroado Nacional de Turismo, que presidía Daniel de la Sota.[11]

Foi profesor axudante de literatura no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra en 1928, conseguindo a cátedra en 1933. Dous anos máis tarde gaña por oposición a cátedra da mesma especialidade do Instituto Jaime Balmes de Barcelona, para pasar ao de Melilla e, o mesmo ano, ó de Lugo, onde toma posesión da praza o 8 de novembro, vila na que coñeceu a María Teresa Iglesias de Oscáriz (1908-1995), filla dun médico, coma el, coa que casou o 15 de agosto de 1938 e con quen tería cinco fillos: Araceli, José Fernando, María Teresa, Pilar e Ángeles.

Lesteiro, Claudio Losada, Álvaro das Casas e Filgueira Valverde cos Ultreya en Noia 1932
Manuel Lesteiro, Claudio Losada, Álvaro das Casas e Filgueira Valverde cos Ultreya en Noia, retrato en Vida Gallega, 1932.
Museo de Pontevedra
O profesor Filgueira foi o grande impulsor do Museo de Pontevedra.[12]

En 1940 volveu a Pontevedra, ó instituto, que logo se chamaría Instituto Sánchez Cantón, do que sería director desde 1946 até a xubilación, en 1976.

Participou na creación do Museo Provincial de Pontevedra en 1927, do que foi secretario ata 1942, ano no que se converteu no director,[13] mantendo a colaboración ata a fin dos seus días.

Foi proclamado correspondente da Real Academia Galega en 1925 e recibido como académico de número o 27 de xullo de 1941[14] en sesión extraordinaria celebrada na Universidade de Santiago, sucedendo na cadeira a Casto Sampedro y Folgar.[15] O seu discurso de ingreso foi Da épica na Galicia medieval, respondido por Ramón Otero Pedrayo.

Participou sempre do galeguismo, sendo membro desde os comezos do Partido Galeguista. En maio de 1935 encabezou un grupo de militantes deste partido en Pontevedra que abandonan o partido como protesta pola política de pactos coa esquerda, organizando a Dereita Galeguista.

Ocupou cargos públicos no franquismo, como director do Instituto de Lugo[16] ou presidente do Tribunal Tutelar de Menores de Pontevedra ata 1967.

Alcaldía (1959-1968)

O 24 de maio de 1959 finou Luis Suárez-Llanos Menacho, presidente da Deputación de Pontevedra. O alcalde de Pontevedra, Prudencio Landín Carrasco, pasou a ocupar ese cargo, deixando baleira a cadeira no concello, que ocupou, en funcións, José Luis Peláez Casalderrey. O nomeamento de Filgueira como novo alcalde asinouse o 27 de outubro de 1959 polo Ministro da Gobernación Camilo Alonso Vega, a proposta do gobernador civil Rafael Fernández Martínez. Filgueira pronunciou o discurso de toma de posesión o 10 de novembro de 1959[11]. No cargo, estimulou a acción cultural e promoveu numerosas medidas dirixidas á conservación do conxunto histórico e monumental da vila.

DOG 216, 1990, Presidente do Consello da Cultura Galega, recorte
Nomeamento como Presidente do CCG.

Durante o seu mandato anexionouse Ponte Sampaio ao concello en abril de 1960; instalouse a papeleira de Ence en Lourizán, cuxa instalación se decidira entre finais de 1955 e comezos de 1956; co gallo do ascenso do Pontevedra Club de Fútbol a Segunda División na tempada 1959-60, mercáronse á familia de Valentín Paz-Andrade os terreos do Estadio de Pasarón; inaugurouse a nova estación de ferrocarril (o 8 de agosto de 1966); urbanizouse o polígono de Campolongo; construíuse o Pavillón Municipal dos Deportes e asentouse o Centro de Instrución de Recrutas n.º 13 (posteriormente BRILAT) en terreos de Figueirido e Salcedo.[17]

Despois de 1968

Casa natal Filgueira Valverde
Casa natal de Filgueira Valverde.

Foi procurador en Cortes ata 1971[18] e Conselleiro provincial de Belas Artes en 1969.[19] De 1971 a 1981 dirixiu o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos[20]. Formou parte do primeiro padroado do Instituto da Lingua Galega.[21] Tamén chegou a dirixir a Casa Museo Rosalía de Castro.[22]

No eido académico foi, amais, membro correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, nomeado o 28 de xuño de 1971,[23] membro numerario da Real Academia de la Historia desde 1980[24] (co discurso "Ideas y sistema de la historia de Fray Martín Sarmiento" contestado por Antonio Blanco Freijeiro)[25] e membro honorario da Real Academia Galega de Belas Artes desde 1990.[26]

Xa na democracia, no primeiro goberno de Xerardo Fernández Albor, en xaneiro de 1982, foi nomeado Conselleiro Adxunto ó Presidente para a Cultura[27] e, en decembro do mesmo ano, Conselleiro de Cultura,[28] ata 1983.[29] Dende 1990, e por dous mandatos, foi Presidente do Consello da Cultura Galega[30] e en 1995 foi nomeado xuíz protector da Fundación Manuel Ventura Figueroa.[31]

Xosé Filgueira Valverde faleceu na casa familiar da rúa Arcebispo Malvar de Pontevedra o 13 de setembro de 1996, a piques de cumprir os 90 anos de idade.[32]

Obra

Véxase tamén: Lista de obras de Xosé Filgueira Valverde.

Ten unha obra moi extensa, tanto científica coma literaria, fundamentalmente divulgativa, que supera os trescentos títulos entre libros e folletos,[33] máis de mil artigos en xornais e revistas e máis de 1.600 conferencias,[34] en galego e en castelán.[35]

Obra en galego

A primeira obra narrativa foi a recolleita de narracións breves: Os nenos, en 1925, recollida despois en Quintana Viva (Galaxia, 1971).[36] Como articulista publicou numerosas colaboracións en diferentes medios, quedando recollidos 616 artigos na serie Adral, de nove volumes, editada entre 1979 e 1996.[37]

Ensaio

Filgueira Valverde, conferencia, 7 de xuño de 1988
Conferencia do cabodano de Paz-Andrade.
  • A eirexa pre-románica de Francelos (1929), Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Revista Nós, n.º 62, 15 de febreiro de 1929.[38]
  • O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco, con Xosé Ramón Fernández-Oxea, en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, T. V, 1930.[39]
  • Lago González. Arcebispo galego (1934), 40 p, Pontevedra.
  • Da épica na Galicia medieval, discurso de ingreso na RAG en 1941.[40]
Ningunha lírica do medievo románico mellora o número das nosas cancións; poucas poiden ter comparanza con ela na fondura do sentimento e na gama dos seus xeitos Expresivos.

— XFV, Da épica na Galicia medieval, 1934.

  • Con Rosalía de Castro no seu fogar / Con Rosalía de Castro en su hogar (1974). Patronato. Ed. bilingüe.
  • Adral (1979), Sada, Edicións do Castro, 410 pp.[41]
  • A poesía medieval galego-portuguesa fóra dos seus lindeiros (1980).
  • Segundo Adral (1981), Sada, Edicións do Castro, 458 pp.[41]
  • Terceiro Adral (1984), Sada, Edicións do Castro, 405 pp.
  • Cuarto Adral (1987), Sada, Edicións do Castro, 204 pp.
  • O arquivo do Museo de Pontevedra e unha guía sucinta (1988), ISSN 0210-7791.
  • Quinto Adral (1989), Sada, Edicións do Castro, 393 pp.
  • Santiago de Compostela, con fotos de Manuel G. Vicente, ed. trilingüe (1989), Ir Indo, ISBN 84-7680-025-8.
  • Sexto Adral (1990), Sada, Edicións do Castro, 315 pp.
  • O Himno Galego. Da "Marcha do Reino de Galicia" a "Os Pinos" (1991), 41 pp., Caixa de Pontevedra.[42]
  • Sétimo Adral (1992), Sada, Edicións do Castro, 346 pp.
  • Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1925-1987), 1992, Galaxia, ISBN 84-7154-789-9.[43]
  • Octavo Adral (1994), Sada, Edicións do Castro, 254 pp.
  • Noveno Adral (1996), Sada, Edicións do Castro, 249 pp.
  • Arredor do libro: artigos de bibliografía (1996), Santiago, Xunta, ISBN 84-453-1847-0.

Dicionarios

30 O Vigairo, Xosé Filgueira Valverde, Lar, Camilo Díaz Valiño
Cuberta de O vigairo, deseño de Camilo Díaz

Narrativa

Teatro

  • Agromar. Farsa pra rapaces (1936), asinado baixo o pseudónimo J. Acuña.[46][49]
  • Aucto de Santa María [Aucto de como Santa María foi levada aos ceos pra a festa da nosa señora en agosto (refeito con testos dos séculos XIII e XIV)], Grial, n.º 25 (1969).[46]

Poesía

Porque non seca a morte a fonte das cantigas
eu vos chamo, segreles, que veñades cantar
onde os verdes loureiros gardan vellas ermidas,
cabo das sabias ondas sulcadas do luar,
das insuas da ribeira nun antigo lugar,
¡San Cremenço do mar!

—XFV, 6 canciones de mar "in modo antico", 1941.[50][51]

Algunhas das obras poéticas da Filgueira Valverde foron musicalizadas. O compositor ponteareán Rogelio Groba, realizou tres cantatas sobre textos seus: Cantigas de mar (1981-1982),[54] Anxos de Compostela (1989 e outra versión en 2004)[55][56] e Cantata de Maio (1989).[57]

Edicións

  • Cancioneiriño de Compostela (1932), antoloxía poética, Nós, n.os: 103 e 104.[58]
  • Martín Sarmiento (1695-1772): Epistolario do P. Sarmiento (1945), con M.ª Xesús Fortes Alén, CCG.
  • Cancioneiriño novo de Compostela (1969), Pombal, Edicións Castelos, Vigo.
  • Afonso X e Galicia e unha escolma de cántigas (1980), Real Academia Galega.
  • Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), 1984, Real Academia Galega.
  • Antón Losada Diéguez. Escolma. Publicacións da Real Academia Galega. 1985.[59]
  • Enrique Campo (1989), Deputación de Pontevedra.
  • Álvaro Cunqueiro (1991), Publicacións da Real Academia Galega, A Coruña, 71 p.[60]
  • Antoloxía do conto galego de medo (1996), Galaxia, ISBN 84-8288-035-7.
  • Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada (2008), Deputación de Pontevedra, ISBN 978-84-95632-36-4.
Cantigas de Santa María, Rei Afonso X. S. XIII. Página miniada que ilustra la Cantiga CIII en el códice escurialense
Páxina de miniaturas que ilustra a Cantiga 103 (códice escurialense). Filgueira Valverde analizouna polo miúdo na súa tese de doutoramento.

Obra en castelán

Ensaio

  • Guía de Pontevedra (1931), edición de Xerardo Álvarez Gallego.
  • La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (1936), Instituto de Estudios Regionales, USC. Tese de doutoramento defendida en Madrid o 15 de novembro de 1935.
  • Formas paródicas en la lírica medieval gallega (1947), AAEPC, Madrid.
  • "La lírica medieval gallega y portuguesa" no vol. I de Historia General de las Literaturas Hispánicas de Díaz-Plaja (1949). Ed. Barna, Barcelona.[61]
  • El libro de Santiago, con debuxos de J. Sesto (1948), Editorial Nacional.
  • Cervantes en nuestro camino (1949), Revista de la Obra de Protección de Menores, 29 p.
  • Santiago de Compostela. Guía de sus monumentos e itinerarios (1950), Porto y Cía. Editores.
  • La artesanía en Galicia (1953), Ediciones Galicia, Centro Gallego de Buenos Aires.[62]
  • Tierras Hispánicas. Compostela, la ciudad del Apostol (1954).
Frei Martín Sarmiento e Luís de Camões. Filgueira foi un especialista nas súas obras.[63][64] Frei Martín Sarmiento e Luís de Camões. Filgueira foi un especialista nas súas obras.[63][64]
Frei Martín Sarmiento e Luís de Camões. Filgueira foi un especialista nas súas obras.[63][64]
  • Camoens, conmemoración del centenario de "Os Lusiadas" (1958).
  • Pontevedra y el mar, textos para la antología de una tradición (1963).
  • Pontevedra, la tierra y sus gentes (prólogo), con Gerardo González Martín (ep.) (1967).
  • La ascendencia pontevedresa de Camoens (1968). Editado por Tipografía del Hogar Provincial, Pontevedra. 38 páxinas.
  • El viaje a Galicia de Urrabieta Vierge (1880) (1969). Colección "Obradoiro" XI, Bibliófilos Gallegos.
  • Guía breve del Museo de Pontevedra (1970), Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa.
  • Historias de Compostela (1970), Bibliófilos Gallegos, Biblioteca de Galicia XII.[65]
  • Adiciones a la "Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra". Inventario de localidades con hallazgos paleolíticos, con Alfredo García Alén (1975), en El Museo de Pontevedra n.º XXIX.
  • Los canteros gallegos (1976), Asociación de Amigos de los Pazos, ISBN 84-400-1573-9.
  • Galicia (1976), colectiva, canda Ángel Cabo Alonso, José Luis Varela e Chamoso Lamas. Noguer, Barcelona. Publicaciones de la Fund. Juan March. Colecc. Tierras de España.
  • Sobre lírica medieval gallega y sus perduraciones (1977), Bello, Valencia.
  • Manuel Ventura Figueroa, Arzobispo de Laodicea, Patriarca de las Indias, Gobernador del Consejo de Castilla (1978), 32 p.
  • Sargadelos (1978), Cuadernos del Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos, Ed. del castro, ISBN 84-85134-80-X.
  • El almirante pontevedrés Sarmiento de Gamboa: descubridor, cronista, poeta (1980), 49 p.
  • Ideas y sistema de la historia en Fray Martín Sarmiento (1981) discurso contestado por Antonio Blanco Freijeiro.[25]
  • Tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (La cantiga CIII) (1982), Edicións Xerais de Galicia, ISBN 84-7507-057-4.
  • Pontevedreses universales (1985), dous tomos, reeditado no ano 2000 en tres tomos.[66]
  • Baldaquinos Gallegos, con José Ramón y Fernández-Oxea (1987), Fundación Barrié, ISBN 84-85728-57-2.
  • AA.VV. (1991). Historia de Galicia (en castelán). Faro de Vigo. ISBN 84-404-9520-X..
  • La escultura gallega, el centenario de Francisco Asorey (1991), ISBN 84-88051-09-3.
  • La Basílica de Santa María de Pontevedra (1992), Fundación Pedro Barrié de la Maza, ISBN 84-87819-14-1.
  • Camoens (1993), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ISBN 84-453-0641-3.
  • Compostela, camino y estela (1993), Alsa, Oviedo, ISBN 84-604-6362-1.
  • Fray Martín Sarmiento (1695-1772) (1994), Fundación Pedro Barrié de la Maza, ISBN 84-87819-65-6.

Edicións

Recoñecementos

Rúa Filgueira Valverde, Pontevedra
Rúa Filgueira Valverde, na Eiriña, Pontevedra.

Foi amplamente recoñecido con premios, como a Cruz de Honra de San Raimundo de Pañafort (1961),[67] a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil (1964),[68] a Medalla de Ouro da Cidade de Pontevedra (1969), o Premio da Deputación da Coruña (1973)[69], a Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra (1977), a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (1980),[70] a Medalla Castelao (1984), o Premio Otero Pedrayo (1986),[71] o Premio Fernández-Latorre (1989),[72] o Premio Trasalba (1990) da Fundación Otero Pedrayo. Foi nomeado Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica (1995),[73] doutor honoris causa polas universidades de Santiago de Compostela e Vigo (ámbalas dúas en 1996).[74][75] Déronlle o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1996). Foille outorgado o Premio Nacional de Historia de España, de xeito colectivo, por España: Reflexiones sobre el ser de España (1998).[76] Días despois do seu pasamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia pasou a denominarse Centro Superior Bibliográfico de Galicia Xosé Fernando Filgueira Valverde,[77] e en 2007 foi nomeado Fillo Predilecto da Provincia de Pontevedra.[78]

Levan o seu nome rúas en Pontevedra,[79] Santiago de Compostela, Monforte de Lemos e Pastoriza (Arteixo)[80] e a Fundación Filgueira Valverde foi clasificada, en 1984, como de interese galego.[81]

Día das Letras Galegas 2015 e controversia

O 5 de xullo de 2014 foi escollido pola Real Academia Galega como autor a homenaxear no Día das Letras Galegas do ano 2015,[82][83] cos avais de Francisco Díaz-Fierros, Pegerto Saavedra, Ramón Villares e Xosé Ramón Barreiro.

Os outros propostos foron Ricardo Carvalho Calero (apoiado por Manuel González González, Francisco Fernández Rei e Euloxio Ruibal), Celestino Fernández de la Vega (promovido por Rosario Álvarez Blanco, Andrés Fernández-Albalat e Andrés Torres Queiruga), Manuel María (defendido por Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey e Xosé Luís Regueira Fernández) e Xela Arias (defendida por Ramón Lorenzo, Antón Santamarina e Xosé Fernández Ferreiro).[84]

A decisión final resultou polémica e recibiu críticas da Mesa pola Normalización Lingüística[5], Manuel Rivas, Xosé Manuel Carril,[85] Fran Alonso, Bernardo Máiz[86] e Suso de Toro,[87] e mesmo provocou que a comisión executiva da Academia publicase unha nota na que afirmaba que “non tivo máis papel na elección da figura para as Letras Galegas 2015 cá que sinala o Regulamento de Réxime Interno da RAG, isto é, dar trámite ao Plenario das propostas recibidas”.[82]

Notas

  1. Necrolóxica de María Teresa en ABC, 10/5/1995 (en castelán).
  2. El intelectual gallego Xosé Filgueira Valverde falleció ayer... El País, 14/9/1996 (en castelán),
  3. Día das Letras Galegas a Xosé Filgueira Valverde, Real Academia Galega, 4/7/2014.
  4. O historiador galego Lucio Martínez Pereda, nunha entrevista Arquivado 08 de marzo de 2015 en Wayback Machine. realizada pola xornalista Montse Dopico e publicada en marzo de 2015 a teor da publicación do ensaio Medo político e control social na retagarda franquista (Xerais, 2015), contestaba así respecto ao papel de Filgueira Valverde na comisión de substitución de mestres por persoas ideoloxicamente afíns ao réxime:"...o seu papel foi o dunha persoa astuta que tivo o poder suficiente para eliminar probas sobre a súa importantísima colaboración coa ditadura franquista. Como premio polos “servizos prestados” en tres organismos de depuración -bibliotecas, docentes, e revisión de sancións- foi nomeado catro veces procurador nas cortes franquistas".
  5. 5,0 5,1 "A Mesa non apoia dedicar o Día das Letras Galegas 2015 a Filgueira Valverde 6/7/2014.
  6. González Gómez Xesús. "A estraña ausencia de biografías de Filgueira Valverde e outras curiosidades literarias", Biosbardia, 19/3/2015.
  7. Xusto Beramendi: "Filgueira Valverde e o nacionalismo. Polos vieiros da Dereita Galeguista" en Faro da Cultura, Faro de Vigo, 16/5/2015.
  8. Gómez Sánchez, Anxo; Queixas Zas, Mercedes (2001). Edicións A Nosa Terra, ed. Historia xeral da literatura galega (1ª ed.). Vigo. p. 185. ISBN 84-95350-79-3.
  9. Aniversario do Seminario de Estudos Galegos, Real Academia Galega, 15/10/2013.
  10. Ponte Hernando, Fernando: "La tesis doctoral de Filgueira Valverde" El Correo Gallego, 24/5/2015 (en castelán).
  11. 11,0 11,1 "El día que Filgueira dejó el Museo" Faro de Vigo, 11/12/11.
  12. Filgueira Valverde, José Fernando reportaxe de PontevedraTV en YouTube, 22/11/2011.
  13. Persoeiros do Museo, Museo de Pontevedra.
  14. Ficha de membro na páxina da Real Academia Galega.
  15. Ficha de Casto Sampedro y Folgar na páxina da RAG.
  16. Ínsua, Emilio Xosé (10-4-2015). "Sobre Filgueira Valverde".
  17. López Torre, Rafael (2015): Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), Concello de Pontevedra e Faro de Vigo, D.L.: PO 314-2015 (en castelán).
  18. Ficha no Congreso dos Deputados (en castelán).
  19. Orde de 27 de maio de 1969, Villar Palasí, BOE n.º 154, 28 de xuño de 1969.
  20. Historia do Instituto, IEGPS-Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
  21. "40º aniversario da fundación do Instituto da Lingua Galega..." ILG, 21/3/2011
  22. A historia da Casa-Museo, Fundación Rosalía de Castro.
  23. Relación de membros da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando
  24. "Académicos Numerarios da Real Academia de la Historia". Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2013. Consultado o 09 de xullo de 2014.
  25. 25,0 25,1 "Ideas y sistema de la historia de Fray Martín Sarmiento" en Google Books.
  26. Académicos honorarios Real Academia Galega de Belas Artes.
  27. Decreto, DOG. n.º 1 22 de xaneiro de 1982.
  28. Decreto, DOG. n.º 33 17 de decembro de 1982.
  29. Decreto, DOG. n.º 128 16 de setembro de 1983.
  30. Decreto 489/1990, Manuel Fraga Iribarne, DOG n.º 216, de 3 de novembro de 1990.
  31. Decreto 288/1995 Manuel Fraga Iribarne, DOG. n.º 214, de 8 de novembro de 1995.
  32. Pita Andrade, José Manuel (1996): "Necrología del Excmo. Sr. D. José Filgueira Valverde" en Boletín de la Real Academia de la Historia t. CXCIII, c. III p. 373, Madrid.
  33. "A obra de Xosé Filgueira Valverde supera os 300 títulos" La Voz de Galicia, 5/7/2014.
  34. Ferro Ruibal, Xesús. Boletín n.º 361 da RAG Arquivado 15 de xullo de 2014 en Wayback Machine. Ano 2000. ISBN 84-87987-21-4.
  35. Listaxe parcial de artigos, colaboracións e libros de Filgueira Valverde en Dialnet.
  36. Filgueira Valverde, un sabio na corte do Teucro: "O mal" 25/10/2008.
  37. Índices dos nove tomos do Adral
  38. Iglesias, Xabier. Os libros de Ánxel Casal 22/3/2014.
  39. Iglesias, Xabier. Os libros de Ánxel Casal 6/5/2015.
  40. Da épica na Galicia medieval Arquivado 18 de xullo de 2014 en Wayback Machine., discurso de ingreso na RAG en 1941, publicado en 1973.
  41. 41,0 41,1 Reeditado en 2015 por Editorial Galaxia.
  42. Otero, Isaac: Crónicas de la Emigración Arquivado 24 de maio de 2015 en Wayback Machine. 18/5/2015 (en castelán).
  43. Estudios sobre lírica medieval vista previa en Google Books.
  44. 44,0 44,1 Ánxel Casal, un editor para un país Consello da Cultura Galega, 2007.
  45. Reeditado en 2015 ("Reeditan "Os nenos", de Filgueira Valverde, en edición facsímil e ilustrada" Faro de Vigo, 11/4/2015).
  46. 46,0 46,1 46,2 En abril de 2015, Galaxia editou o libro O Vigairo / A monxa-frade / Agromar / Aucto de Santa María, 164 pp, con portada de Ovidio Murguía, ISBN 978-84-9865-602-2.
  47. Quintana viva, prosas de Xosé Filgueira Valverde, imaxe da portada.
  48. Quintana viva (ed. 1990). Vista previa en Google Books.
  49. Descarga dispoñible do orixinal e da versión en galego normativo
  50. Programa do Concerto das Letras Galegas, 2014 (extracto) Círculo das Artes de Lugo, Consello da Cultura Galega.
  51. High-contrast-camera-video.svg Tres pezas audiovisuais con textos de Filgueira Valverde TVG e Xunta de Galicia.
  52. Méndez Fernández, Luz. "Algunhas notas sobre Filgueira Valverde e o neotrobadorismo" en Cinguidos por unha arela común: homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, v. 2, USC, Departamento de Filoloxía Galega, 1999.
  53. Descarga de 6 canciones de mar "in modo antico"
  54. Fundación Rogelio Groba (ed.). "Cantigas de Mar (cantata in modo antico)". Consultado o 16 de maio de 2015.
  55. Fundación Rogelio Groba (ed.). "Anxos de Compostela (cantata in modo antico)". Consultado o 16 de maio de 2015.
  56. Fundación Rogelio Groba (ed.). "Anxos de Compostela (Cantata in modo antico. Versión 2004)". Consultado o 16 de maio de 2015.
  57. Fundación Rogelio Groba (ed.). "Cantata de Maio (in modo antico)". Consultado o 16 de maio de 2015.
  58. Revista Nós, números: 103 (xullo) completo e 104 (agosto) páxinas 151-155
  59. Imaxe da portada
  60. Álvaro Cunqueiro, imaxe da portada
  61. Fernández del Riego, Francisco (1971) [1951]. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Vigo: Galaxia. p. 245.
  62. La artesanía en Galicia en Galiciana. Biblioteca de Galicia.
  63. Loudspeaker rtl.svg Conferencia: "Camoens, clásico español" na voz de Filgueira Valverde 12/06/1980, Fundación Juan March.
  64. Ferro Ruibal, Xesús (2015): Xosé Filgueira Valverde, O noso Adral, 136 pp., La Voz de Galicia, ISBN 978-84-9757-289-7.
  65. Datos da edición de 1970 Arquivado 09 de agosto de 2014 en Wayback Machine. (hai unha edición posterior, de 1982, de Edicións Xerais, ISBN 84-7507-059-0.)
  66. "Los «Pontevedreses universales» de Filgueira, reunidos en tres tomos" Arquivado 22 de xuño de 2015 en Wayback Machine. La Voz de Galicia, 14/10/2000.
  67. Orden de 1 de outubro de 1961, Iturmendi, BOE n.º 251, de 20 de outubro de 1961.
  68. Decreto 1144/1964, Francisco Franco, BOE n.º 102, de 28 de abril de 1964.
  69. Boletín de la Real Academia Gallega nº. 355 Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine. (en castelán).
  70. Real Decreto 514/1980, Xoán Carlos R., BOE n.º 69, de 20 de marzo de 1980.
  71. "El investigador y poeta Filgueira Valverde, ganador del premio Otero Pedrayo" ABC, 15/11/1986 (en castelán).
  72. "Premiados 1989. Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 09 de xullo de 2014.
  73. Do 1978 ao 2012. Fundación Premios da Crítica Galicia
  74. Vídeo, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago Televisión de Galicia.
  75. Doutores e doutoras Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
  76. Orden de 17 de decembro de 1998, Aguirre y Gil de Biedma, BOE n.º 8, 9 de xaneiro de 1999.
  77. Decreto 357/1996 DOG. nº 190, de 27 de setembro de 1996.
  78. Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra 9/3/2007.
  79. Mapa de mobilidade do Concello de Pontevedra 5'25 MB.
  80. Plano rueiro do Concello de Arteixo Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine. 4'1 MB.
  81. Orde DOG. n.º 205, 25 de outubro de 1984.
  82. 82,0 82,1 Nota aclaratoria da Executiva da Academia sobre a elección da figura dedicataria do Día das Letras Galegas 2015, 10 de xullo de 2014.
  83. "Xosé Filgueira Valverde será o protagonista das Letras Galegas en 2015" Diario de Pontevedra, 5/7/2014.
  84. "Filgueira Valverde, no olimpo das Letras Galegas" Faro de Vigo, 6/7/2014.
  85. "Un grupo de académicos de la RAG manifiesta incomodidad por la elección ..." Cadena SER, 7/7/2014.
  86. "Aumenta a polémica pola escolla de Filgueira Valverde para as Letras 2015" Praza Pública.
  87. «Un ano para Filgueira Valverde: burla, loucura ou provocación?» 7 de xullo de 2014.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Predecesor:
Prudencio Landín Carrasco
 Escudo de Pontevedra.svg
Alcalde de Pontevedra
 
1959 - 1968
Sucesor:
Ricardo García Borregón
Predecesor:
non existía
 Escudo de Galicia.svg
Conselleiro de Cultura
 
1982 - 1983
Sucesor:
Alejandrino Fernández Barreiro
Predecesor:
Ramón Piñeiro
 Presidente do Consello da Cultura Galega 
1991 - 1996
Sucesor:
Carlos Casares
Predecesor:
Salvador de Moxó Ortiz de Villajos
 
Coat of Arms of the Spanish Royal Academy of History.svg
Real Academia de la Historia
Medalla 26
 
1980 - 1996
Sucesor:
Alfonso E. Pérez Sánchez
13 de setembro

O 13 de setembro é o 256º día do ano do calendario gregoriano e o 257º nos anos bisestos. Quedan 109 días para finalizar o ano.

A Nosa Terra (1916)

A Nosa Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista, así como para o achegamento a outras nacións. Publicáronse en total 422 números.

Agromar (obra de teatro)

Agromar é unha obra de teatro en lingua galega de Xosé Filgueira Valverde. Apareceu publicada en maio de 1936 co pseudónimo de J. Acuña, impresa no obradoiro de Palacios en Lugo.

Consellería de Cultura e Turismo

A Consellería de Cultura e Turismo é unha consellería da Xunta de Galicia con competencias na xestión e promoción da cultura e do turismo, así como da protección do patrimonio. Tamén se encargou en tempos do fomento do deporte. O seu último titular foi Roberto Varela, cando en 2012 foi fusionada coa consellería de Educación.

Cronobiografía de Xosé Filgueira Valverde

Liña temporal ou cronobiografía de Xosé Filgueira Valverde.

Cuadernos de Estudios Gallegos

Cuadernos de Estudios Gallegos é unha publicación científica, de periodicidade irregular, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC), con sede en Santiago de Compostela.

O primeiro número é de 1944. A temática da revista abrangue áreas como a prehistoria, a arte, a crítica literaria, a filoloxía ou a etnografía e refírese principalmente a Galicia. O idioma empregado é fundamentalmente o castelán. Está dirixida por Eduardo Pardo de Guevara, director do propio IEGPS, cargo que ocuparon anteriormente Francisco Javier Sánchez Cantón e Xosé Filgueira Valverde sucesivamente.

Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Ata 2019, ano dedicado a Antón Fraguas, 59 autores (4 mulleres e 55 homes) foron homenaxeados nas 57 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).

Editorial de los Bibliófilos Gallegos

Bibliófilos Gallegos foi unha editorial galega fundada en Santiago de Compostela en 1949.

El Museo de Pontevedra

El Museo de Pontevedra é a revista do Museo Provincial de Pontevedra, fundada por Xosé Filgueira Valverde, publicada en Pontevedra desde 1942, de periodicidade anual.

Filgueira

O fitónimo galego Filgueira (do latín FĬLĬCARIA, derivado de FĬLIX, -ĬCIS) refírese a un lugar abondoso en fentos. Pode referirse a:

Filgueira, parroquia do concello de Crecente;

Filgueira, parroquia do concello de Lalín;

Filgueira, parroquia do concello de Palas de Rei;

Filgueira, lugar da parroquia de Oíns, no concello de Arzúa;

Filgueira, lugar da parroquia de Vilantime, no concello de Arzúa;

Filgueira, lugar da parroquia de Boimorto, no concello de Boimorto;

Filgueira, lugar da parroquia de Castro, no concello de Cerdedo-Cotobade;

Filgueira, lugar da parroquia de Campo, no concello do Irixo;

Filgueira, lugar da parroquia de San Cosmede de Cusanca, no concello do Irixo;

Filgueira, lugar da parroquia de Filgueira, no concello de Lalín;

Filgueira, lugar da parroquia de Lousame, no concello de Lousame;

Filgueira, lugar da parroquia de Cerqueda, no concello de Malpica de Bergantiños;

Filgueira, lugar da parroquia de Filgueira, no concello de Palas de Rei;

Filgueira, lugar da parroquia da Encomenda, no concello da Pobra de Trives;

Filgueira, lugar da parroquia de Xeve, no concello de Pontevedra;

Filgueira, lugar da parroquia do Porriño, no concello do Porriño;

Filgueira, lugar da parroquia de Novela, no concello de Santiso;

Filgueira, lugar da parroquia do Santa Comba de Bértola, no concello de Vilaboa;

A Filgueira, lugar da parroquia de Carmoega, no concello de Agolada.

A Filgueira, lugar da parroquia de Buxantes, no concello de Dumbría.

A Filgueira, lugar da parroquia da Rubiós, no concello das Neves.

A Filgueira, lugar da parroquia de Ardemil, no concello de Ordes;

A Filgueira, lugar da parroquia do San Pedro de Eume, no concello das Pontes de García Rodríguez.

A Filgueira, lugar da parroquia de Sabucedo, no concello de Porqueira.

A Filgueira, lugar da parroquia de Carreira, no concello de Ribeira.

Filgueira da Devesa, lugar da parroquia de San Mamede do Carballal, no concello de Palas de Rei.

Filgueira de Barranca, parroquia do concello de Oza-Cesuras.

Filgueira de Traba, parroquia do concello de Oza-Cesuras.Amais, como apelido, pode referirse a:

Xosé Filgueira Valverde, historiador e polígrafo galego (1906 - 1996).

Galería de imaxes de Xosé Filgueira Valverde

Galería de imaxes de Xosé Fernando Filgueira Valverde.

Identidade Galega

Identidade Galega (IDEGA) é un partido que se declara galeguista de centro e herdeiro da Dereita Galeguista de Vicente Risco e Xosé Filgueira Valverde, aínda que a orixe dos seus compoñentes era da Cedade Galiza e nas súas candidaturas figuran membros de forzas de ultradereita de ámbito español, como o Movimiento Social Revolucionario.

Mercedes Brea López

María de las Mercedes Brea López, nada na Estrada o 31 de maio de 1950, é unha filóloga galega da área de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela.

Os nenos

Os nenos, é unha colección de relatos breves do pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, publicada en 1925 por Lar.

Quintana viva

Quintana viva, é un libro de narrativa do pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, publicado en 1971 por Editorial Galaxia.

Xesús Alonso Montero

Xesús Alonso Montero, nado en Vigo o 28 de novembro de 1928, é un ensaísta, membro do CCG e da RAG, catedrático de Literatura galega, sociolingüista, poeta e conferenciante galego. Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017.

Xesús Carro

Xesús Carro García, nado en Santiago de Compostela o 24 de decembro de 1884 e finado na mesma cidade o 8 de decembro de 1973, foi un sacerdote, arqueólogo e escritor galego.

Xosé María Díaz Castro

Xosé María Díaz Castro, nado no lugar do Vilariño (Os Vilares, Guitiriz) o 19 de febreiro de 1914 e finado en Lugo o 2 de outubro de 1990, foi un poeta e tradutor galego. O 4 de novembro de 1973 foi nomeado correspondente da RAG e o instituto de Guitiriz IES Poeta Díaz Castro leva o seu nome.

A Real Academia Galega decidiu adicarlle, coincidindo co centenario do autor, o Día das Letras Galegas do ano 2014. Os outros escritores propostos foron Ricardo Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde, Fiz Vergara Vilariño e Ramón de Valenzuela.

Membros de número da Real Academia Galega
Plenario
actual
Históricos
Galardoados coa Medalla Castelao
1984
1985
1986
1987
1988
1989
1990
1991
1992
1993
1994
1995
1996
1997
1998
1999
2000
2001
2002
2003
2004
2005
2006
2007
2008
2009
2010
2011
2012
2013
2014
2015
2016
2017
2018
2019
Onomástica do rueiro de Pontevedra

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.