Xogos florais

Os xogos florais[1] son encontros literarios nos que diversos autores presentan obras ou composicións, onde ademais dunha finalidade literaria, tiveron o obxectivo de espertar o sentimento galego, defender os seus ideais e atender as necesidades sociais, polo que representan o inicio oficial do Rexurdimento das letras galegas.

Orixe e antecedentes

Roma (173 AC – Caída do imperio romano)

Recibiron o nome de Ludi Floreales, naceron como parte do seu calendario de ludi, ou celebracións que se ían facendo ao longo do ano. Actividades periódicas que co paso do tempo se acumularon ata 66 días ao ano. Non obstante, estes xogos nos cales os poetas romanos competían entre si, instituídos no 173 antes de Cristo, pasaron ao esquecemento tras a caída do Imperio.

Francia - Tolosa

Poucos datos existen para poder estabelecer cando se celebraron por primeira vez, mais existe información anterior ao ano 1323. Neste ano é cando sete personalidades reunidas en Tolosa convocan a súa celebración o 1 de maio de 1324. O seu obxectivo era recuperar o estilo trobadoresco dos séculos XII e XIII xa que consideraban a forma e a lingua dese período a chave para unificar a antiga lingua provenzal da poesía trobadoresca, dividida naquel momento en diversos dialectos. Os galardóns representaban flores:

  • Violeta de ouro: Primeiro posto.
  • Eglatina: Segundo posto.
  • Caléndula: Terceiro posto.

A maiores, a quen gañase o primeiro premio convertíano en bacharel da Gaia Ciencia e se alguén gañaba os tres, outorgábanlle a distinción de doutor. Ramón Vidal de Besalú obtivo o primeiro premio no certame de 1324.

O dato curioso é que estes xogos, primeiramente costeados con diñeiro publico, acadaron un maior esplendor cando unha dama francesa cedeu o seu patrimonio coa finalidade de que se celebrasen cada ano.

Barcelona

Fundados no ano 1393 e costeados polo Rei, foron celebrados tomando a base dos franceses, mais perderanse por mor dos acontecementos da época como a guerra e a Peste.

Os xogos foron recuperados no ano 1859, o máis representativo foi o lema baixo o que se celebraron, o “Patri, Fides, Amor”, que representaba os tres premios máis importantes dos que constaba o certame: a Flor Natural, premio de honra ao mellor poema amoroso; a Rosa de ouro, ao mellor poema patriótico, e a Violeta de ouro e prata ao mellor poema relixioso. A recuperación dos xogos cataláns e o seu grande apoio social e político contribuíu a elevar o prestixio da lingua e literatura catalá. Serían os que alentaron a Galiza a promover de forma semellante a literatura e afirmar a súa identidade.

A imitación destes convocáronse tamén en Valencia e tamén en cidades de lingua castelá.

Precursores en Galiza

Moito antes da celebración oficial duns xogos florais, existían xa en Galiza certames organizados por mosteiros, universidades e municipios (séculos XVII e XVIII) co gallo da canonización duns santos, matrimonio dun rei, a memoria dun fundador... En Galiza os máis soados foron os do Colexio de Teólogos de Fonseca para a honra da figura do arcebispo que o creou. Estes consérvanse grazas ao labor de Neira de Mosquera que os deu a coñecer nas súas Monografías Compostelanas publicadas no 1850.

As herdeiras destes certames foron as Festas Minervais que nas décadas dos anos 50 e 60, convertéronse nunha grande actividade literaria, promotora da lingua e literatura galega e que axudaron á resistencia cultural fronte o franquismo.

Xogos florais en Galiza

A Coruña

Álbum de la Caridad.pdf
Album de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861.[2]
Artigo principal: Xogos Florais da Coruña.

Foron impulsados polo mesmo espírito romántico que impulsou os cataláns. Celebráronse o 2 de xullo de 1861, a instancias dos escritores Benito Vicetto e os irmáns Antonio e Francisco María de la Iglesia, baixo o patrocinio de Juana de Vega e costeados por José Pascual López Cortón, quen amosando a súa grande xenerosidade publicou todos os traballos premiados xunto cunha antoloxía de poetas coetáneos nun volume chamado Álbum de la Caridad[3] e doou os beneficios obtidos da súa venta á Asociación da Beneficencia da Coruña.

Pontevedra

Pouco tempo despois dos celebrados na Coruña, celebráronse os primeiros xogos florais de Pontevedra o 11 de agosto de 1861. O tribunal foi formado por sete xuíces mantedores, sendo cada un, dunha das sete cidades máis importantes de Galiza (Santiago, Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo e Tui).

Dentro dos premios outorgados, destacou A noite de Xan Xoán de Francisco Fernández Anciles e a composición A la Patria de Antonio Corzo y Barrera. O accésit foi adxudicado a Vicente Gregorio Aspa pola lectura da súa Oda a la Patria. Tamén foron premios Ricardo Aparicio y Soriano, Luís María de Urcullu e Luís Rodríguez Seoane.

Copiando a idea coruñesa, Pontevedra elaborou o chamado Álbum de las composiciones premiadas en los Juegos Florales de Pontevedra en la noche del 11 de Agosto de 1861.[4] Outras edicións destacábeis dos xogos en Pontevedra foron as dos anos 1880 (co gallo da Exposición Rexional Galega de 1880), 1882, 1884 e 1886.

Santiago

A cidade do apóstolo, tras a súa tradición cos certames das Festas Minervais, celebrou no ano 1875 unha nova edición de xogos florais no que interviron figuras moi destacadas como Manuel Murguía, Valentín Lamas Carvajal e Salvador Golpe Varela. Neste certame participou e foi premiado Ramón María del Valle-Inclán e Bermúdez, pai de Ramón Valle Peña, máis coñecido no mundo literario como Ramón María del Valle-Inclán.

Ourense

Realizados por primeira vez o día 8 de outubro de 1876 na cidade das Burgas, serviron para celebrar o segundo centenario do nacemento de Benito Jerónimo Feijóo y Montenegro. O certame constou de catro premios: O primeiro, que constaba de catro mil reais, era para o que escribise o mellor «Estudio crítico das obras do P. M. Fray Benito Feijóo». O segundo, dotado con mil reais, para o autor da mellor e máis completa biografía do mesmo. O terceiro, consistente nunha Rosa de Ouro, sería para a mellor oda en castelán, que festexou ao pai Feijóo como filósofo. O último premio consistía nun Pensamento de Ouro e Prata, e estaba reservado para o autor da mellor poesía (en galego) dedicada a Galiza.

O primeiro de outubro o xurado reuniuse no salón do Instituto de Segunda Enseñanza para examinar os textos “inéditos e orixinais” presentados ao Certame. Nese mesmo acto chegouse á determinación de invalidar os traballos presentados ao premio da mellor biografía, xa que ningún dos presentados reunía os requisitos exixíbeis.

O día do certame unicamente foron entregados os premios poéticos, concedendo o Pensamento de Ouro e Prata á poesía A Galicia, de Valentín Lamas Carvajal. A Rosa de Ouro foi outorgada a Emilia Pardo Bazán, pola súa Oda a Feijóo.

Vigo

Datan do 24 de xuño de 1883. O discurso de apertura foi pronunciado por Manuel Fernández de Herba e finalizado este, nomeouse aos poetas laureados. Recibiu a Flor Natural José María Ortega Morejón, polo seu poema Numancia. O resto dos premios distribuíronse da seguinte forma:

O poeta Benito Losada Astray foi galardoado coa Escribanía e a Pluma de Prata pola súa lenda A estrela de Vera. A Copa de prata foi entregada ao poeta Daniel Balaciart y Formo pola súa composición A las Glorias de la Marina Española. A Coroa de Loureiro de Prata e Ouro foi para Manuel Martínez González polo seu romance Fernán Pérez Churruchao.

Por outra banda, o xurado decidiu premiar ao poeta vigués, Nicolás Taboada Fernández, pola súa composición A Vigo cunha copa de prata cicelada . Outros poetas premiados foron Manuel Diego Santos, por Al trabajo; Juan Pastor Aycart ou Manuel Comellas, pola súa obra poética A Galicia. O ano anterior, este mesmo poeta, fora laureado na Coruña co poema Cidade de cristal.

Betanzos

Museo das Mariñas Betanzos Antigas Escolas e Movementos 7
"Xogos Froraes" de Betanzos, 1918

A primeira edición tivo lugar en agosto de 1886, mais debido á escasa difusión a data inicial foi posposta. Por outra banda, das oito categorías que había nun principio, máis da metade quedaron baleiras. Fronte a esta falta de tempo e o apuro do realización do certame, houbo diversas críticas, especialmente dos políticos locais.

De todos modos, o certame foi realizado con esmero o día de 17 no edificio do Arquivo de Galiza. O xurado estaba presidido por Daniel Suárez e os secretarios eran Antonio de la Iglesia, José María Montes e Salvador Golpe.

Entre os premiados destacan Enrique Labarta Pose coa Flor Natural e diploma de subscritor polo poema ¡Probe Jan! ¡probe Janiño! ¡probe gaitero de Bayo!; Eduardo Pato y Martínez,por Primavera e Manuel Amor Meilán pola poesía titulada Galicia. Tamén foron laureados autores como Rogelio Cibeira ou novamente Enrique Labarta Pose por unha categoría humorística sobre temas de baile. Na modalidade da mellor lenda dedicada á Virxe o premiado foi Eladio Rodríguez González, pola lenda O Puzo d'o Lago.

La Voz de Galicia elaborou unha ampla crítica do certame días despois, sendo este posteriormente incluído na revista Galicia, dirixida por Andrés Martínez Salazar.

Do mesmo modo que A Coruña publicou o seu Album de la Caridad e Pontevedra o Álbum de las composiciones premiadas, Betanzos publicou Galicia: revista regional, que dirixía Andrés Martínez Salazar.

Ademais desta, tamén son importantes as edicións de 1887 e 1901, entre outras.

Tui

Celebrados en xuño de 1891, este certame provocou un grande impulso na concienciación da identidade galega, tanto no ámbito social coma no político. Nesta data o Rexurdimento xa era unha realidade é os xogos contribuíron a un maior recoñecemento público da lingua e literatura galegas, sendo considerados o primeiro acto público desenvolvido integramente en galego.[5]

No acto participaron, entre outros, os grandes representantes do Rexionalismo[6] naquela época como Manuel Murguía, destacado polo seu discurso enaltecedor da nacionalidade galega, Alfredo Brañas, Salvador Cabeza de León, José Tarrío, Juan Barcia Caballero, Manuel Lago González ou Manuel Carlos Vidal Rodríguez. Premiados:

  • Eladio Rodríguez recibiu a "Rosa Natural" pola súa composición Desperta.
  • Martín Diez Spuch foi galardoado coa "Rama de roble" pola súa composición O Derradeiro Trovador.
  • Juan García Caballero recibiu a "Violeta de prata e ouro".
  • Filomena Dato Muruais gañou o "clavillo" pola súa composición O gaiteiro de Xixón.

Lugo

Aínda que non se sabe con claridade a data en que se iniciaron, suponse que foi na década dos 70 do século XIX. Os xogos florais de Lugo son aínda un misterio historiográfico, practicamente nada é o que se sabe de eles. Hai noticia da celebración de Floralias en Lugo no 1894 e 1896, promovidos por Manuel Becerra e pénsase que a idade de ouro destes certames foi entre 1870 e 1918 aproximadamente. Cómpre destacar tamén que os xogos adoitaban celebrarse no marco das festas do San Froilán.

Filomena Dato Muruais, famosa poeta da época, foi mantedora dos xogos florais lucenses (co incentivo de proclamar e reclamar os dereitos da muller a través dun discurso que tivo repercusión na época). Nos xogos de 1891 os poetas A.J. Pereira e L.González gañaron o premio e o accésit.

Bos Aires

En 1968 a colectividade galega de Buenos Aires organiza,aproveitando a celebración do Día Nacional de Galiza, os Xogos Florais do Idioma Galego. Constaban de 4 premios (“Rosalía”, “Pondal”, “Rañas” e “Cornide”), e foron organizados por Manuel Puente. O seu mantedor foi Xosé Luís Méndez Ferrín. Os principais poetas premiados foron Celso Emilio Ferreiro, Xosé Sesto López e Manuel María Fernández Teixeiro.

Estes xogos non so tiñan unha intención literaria, senón que tamén eran un “enfrontamento” á tiranía brutal que sufría Galiza dende había 30 anos, e unha denuncia da perda da identidade galega por causa da castelanización (tamén un dos principais obxectivos do Centro Gallego de Bos Aires).

Os xogos foron un chamamento a todos os galegos do mundo para defender a propia terra, seguir promovendo esta tradición e continuar coa labor iniciada no Rexurdimento.

Xogos galego-portugueses

As conexións galego-portuguesas vense reflectidas neste contorno, coa celebración en distintas localidades lusas dos xogos florais galego-portugueses. Algunha das edicións con máis repercusión foi a de Guimarães en 1958, na que foi premiado o galego Xosé María Álvarez Blázquez.

Neste aspecto, nos anos 20, destacou a figura de Alfredo Guisado, quen fomentou as relacións entre portugueses e nacionalistas galegos, intervindo en varias publicacións galegas e portuguesas e mostrando un grande apoio á celebración destes xogos.

Actualmente seguen a celebrarse estes certames en distintos lugares de Galiza, en case tódalas localidades mencionadas anteriormente e mantendo sempre o mesmo espírito que motivou o seu nacemento, a defensa e protección da lingua e literatura galegas.

Notas

  1. Véxase no DRAG o apartado de «frases e expresións» da entrada xogo.
  2. Album de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contempornáneos Galiciana. Biblioteca de Galicia.
  3. "Álbum de la caridad (1862)" RAG.
  4. Album de las composiciones premiadas en los juegos florales de Pontevedra la noche del 11 de agosto de 1861 en Galiciana. Biblioteca de Galicia.
  5. Seca, Xoan: "Os Xogos Florais (artigo completo)" 16/2/14 [1] "Os Xogos Florais celebrados no Teatro Principal de Tui o 24 de xuño de 1891, constituíron o primeiro acto público desenvolvido integramente en galego".
  6. "Medalla conmemorativa dos primeiros Xogos Florais do rexionalismo en Tui" RAG.

Véxase tamén

Bibliografía

  • López Cortón, José (ed.): Album de la caridad: Juegos Florales de La Coruña en 1861: seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, Giner, 1989
  • Serrano Alonso, Javier: Lucus Fulget : as festas literarias nos sanfroiláns finiseculares (1899-1901), Concello de Lugo, 2010.
  • Otero Pedrayo, Rámon: Xogos froraes do idioma galego en Buenos Aires: agosto de 1968. Buenos Aires, Revista Nós, 1969.
  • Vales Vía, José Domingo: Anuario brigantino, nº 32, Juegos florales de Galicia (I), 2009, páxs. 433-463.
  • Vales Vía, José Domingo: Anuario brigantino, nº 33, Juegos florales de Galicia (II), 2010, paxs. 393-414.
  • Petar Petrov, Pedro Quintino de Sousa, Roberto López-Iglésias Samartim e Elias J. Torres Feijó (eds.): Avanços em Literaturas e Culturas Africanas e em Literatura e Cultura Galegas, Santiago de Compostela-Faro, Associação Internacional de Lusitanistas (AIL) , Através Editora, 2012.
  • Biblioteca de Galicia. Dispoñíbel en liña en: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/

Ligazóns externas

24 de xuño

O 24 de xuño é o 175º día do ano do calendario gregoriano e o 176º nos anos bisestos. Quedan 190 días para finalizar o ano.

2 de xullo

O 2 de xullo é o 183º día do ano do calendario gregoriano e o 184º nos anos bisestos. Quedan 182 días para finalizar o ano.

Asociación Regionalista Gallega

A Asociación Regionalista Gallega, foi unha organización política rexionalista galega activa entre 1890 e 1892.

Bardo

Entre os antigos celtas, un bardo (do celta *bardos, do PIE *gwerH2 e a través do latín bardus "erguer a voz, louvar") era unha especie de poeta oficial cuxa misión era celebrar os grandes feitos nacionais, especialmente as accións heroicas e as vitorias.

Os bardos da Galia (bardos), Bretaña (barz ou barth) e a Gran Bretaña (bard) constituían unha clase social con privilexios especiais. Continuou a existir en Irlanda (bard) e Escocia, onde na época medieval eran músicos itinerantes, empregados ás veces por un señor para o que compuñan euloxios (ou sátiras, chegado o caso). Hoxe só se pode falar de bardos propiamente en Gales, onde reviviron por mor de xogos florais, coñecidos como Eisteddfodau, que se recuperaron a partir de 1822. No Gales moderno, un bardd é un poeta que participou nunha Eisteddfod.

Os bardos foron idealizados durante o Romanticismo por autores como Walter Scott e polos celtistas. O termo acabou significando "poeta lírico" e aplicóuselle tanto a William Shakespeare como a Eduardo Pondal. Durante o século XX o termo perdeu esa connotación celtista e acabou designando a calquera poeta.

Centro Galego de Barcelona

O Centro Galego de Barcelona xorde no 1892 mediante a fusión de distintos grupos e peñas (a Casa de Galicia e a Sociedad Artística como os máis importantes). Comeza co nome de Casa de Galicia, mais a Guerra Civil acaba con el. Rematará por converterse nunha entidade legal no ano 1923 con sede social no edificio de Las Ramblas onde hoxe segue situado. A súa consolidación chega cos Xogos Florais Galegos (1950) co primeiro número da revista Alborada.

Década de 1850

A década de 1850 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1850 e remata o 31 de decembro de 1859.

Eladio Rodríguez González

Eladio Rodríguez González, nado en San Clodio o 24 de xullo de 1864 e finado na Coruña o 14 de abril de 1949, foi un lexicógrafo, xornalista e escritor galego. Foi un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega, a cal presidiu entre 1926 e 1934; tamén é autor dun dicionario, ó que lle dedicou toda a súa vida, moi valorado polo seu contido etnográfico, que foi editado postumamente.

Enrique Chao Espina

Enrique Chao Espina, nado en Viveiro o 7 de xullo de 1908 e finado na Coruña o 19 de xaneiro de 1989, foi un sacerdote e escritor galego.

José Noguerol y Camba

José Ignacio Noguerol y Camba, nado no século XVII, foi un poeta dos Séculos Escuros. É principalmente coñecido pola súa participacións nos xogos florais da Coruña no ano 1707 e a única obra súa da que se ten constancia é o romance Versos gallegos a Nuestras Señora de Reza.

Manuel Milà y Fontanals

Manuel Milà y Fontanals, nado en 1818 en Vilafranca del Penedès e finado en 1884, foi un filólogo, erudito e escritor. Considérase un dos impulsores da Renaixença, mercé aos seus esforzos na restauración dos Jocs Florals (Xogos florais), e no campo ortográfico.

Manuel Murguía

Manuel Antonio Martínez Murguía, nado no Froxel (Oseiro, Arteixo), o 17 de maio de 1833 e finado na Coruña o 1 de febreiro de 1923, foi un historiador galego que impulsou o Rexurdimento e creou a Real Academia Galega. No ano 2000 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

María del Pilar Maspons i Labrós

María del Pilar Maspons i Labrós, nada en Barcelona o 4 de decembro de 1841 e finada o 31 de xaneiro de 1907, foi unha escritora da Renaixença catalá, que usou o pseudónimo de María de Bell-Iloc.

O Galiciano

O Galiciano foi un periódico semanal galego en galego que se editou en Pontevedra entre 1884 e 1888.

Salvador Golpe

Salvador Golpe Varela, nado en Oza (Oza-Cesuras) o 27 de xullo de 1850 e finado na Coruña o 23 de xuño de 1909, foi un intelectual, xornalista, ensaísta, poeta e político galego. A corrente ideolóxica do rexionalismo galego, movemento galeguista acontecido durante as primeiras décadas do século XX que derivará no nacionalismo, está presente tanto na súa actividade política e cultural como na súa produción literaria.

Xogos florais da Coruña

Os xogos florais da Coruña tiveron lugar o 2 de xullo de 1861 no Teatro Principal (hoxe Teatro Rosalía de Castro) da Coruña, organizados por Juana de Vega (condesa de Espoz e Mina) e Benito Vicetto seguindo o exemplo dos Jocs Florals que se celebraran en Cataluña en 1859 a imitación dos occitanos. Foron os primeiros xogos florais celebrados na Galiza contemporánea.

Xosé María Álvarez Blázquez

Xosé María Álvarez Blázquez, nado en Tui o 5 de febreiro de 1915 e finado en Vigo o 2 de marzo de 1985, foi un escritor galego de poesía, narrativa e ensaio, arqueólogo, investigador e editor galeguista. Foi cronista oficial da cidade de Vigo desde 1976. É unha das figuras máis laboriosas da cultura galega, cunha grande actividade que vai dende a literatura (novela, poesía, teatro) ata a investigación como arqueólogo e a súa tarefa como editor e galeguista. Pertence a unha saga de escritores que ten os seus antecedentes no seu avó Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e compartiu co seu irmán Emilio. É un dos representantes da poesía neotrobadoresca, vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galego-portuguesa. En 2008 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Xoán I de Aragón

Xoán I de Aragón, chamado o Cazador e o Amador de toda xentileza, nado en Perpiñán o 27 de decembro de 1350 e finado en Torroella de Montgrí, Xirona, o 19 de maio de 1396, foi rei de Aragón, Valencia, Mallorca, Sardeña e Córsega, e conde de Barcelona, Rosellón e Cerdaña desde 1387 a 1396.

Foi o fillo e sucesor de Pedro IV de Aragón e da súa esposa Leonor de Trinacria.

Antes da súa entronización ostentou por primeira vez o título de duque de Xirona, instituído polo seu pai para identificar ao príncipe herdeiro da Coroa de Aragón, e que segue sendo utilizado pola monarquía española (como príncipe de Xirona.

Álbum de la Caridad

O Álbum de la Caridad é un volume publicado en 1862 no que se recollen, xunto con outros textos, as composicións poéticas presentadas nos Xogos Florais da Coruña do 1861. A escolma, con poemas en galego e castelán, realizouna o poeta Antonio María de la Iglesia e a edición custeouna José Pascual López Cortón. Un consistorio de sete mantedores e cen adxuntos fixeron realidade este certame, organizado en diversas categorías segundo as temáticas propostas. O Álbum comeza cunha dedicatoria de López Cortón á Asociación de Beneficiarios da Coruña; a seguir enuméranse os mantedores e adxuntos, as actas do certame, as bases e descrición dos xogos, o discurso do presidente do Consistorio, a memoria do secretario, as composicións premiadas e un discurso de José Villa-amil y Castro. Como remate do volume, o Mosaico poético dos poetas contemporáneos galegos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.