Xogos Olímpicos da Antigüidade

Os Xogos Olímpicos da Antigüidade eran un festival relixioso e atlético da Grecia Antiga, que se realizaba de catro en catro anos no santuario de Olimpia, en honra de Zeus. A data tradicional atribuída á primeira edición dos Xogos Olímpicos é -776[1][2].

Os Xogos Olímpicos eran os máis importantes xogos panhelénicos, tendo sido prohibidos polo emperador cristián Teodosio I en 393, por seren unha manifestación de rituais do paganismo.

Unha importante fonte sobre os xogos é Pausanias (século II), autor do libro Descrición de Grecia, unha guía de Grecia baseada nas súas viaxes polo territorio. Outra importante fonte é un tratado sobre a ximnástica de Filóstrato de Lemnos (século II-III).

A escultura e a cerámica gregas representaron non só os atletas senón tamén a propia práctica deportiva. Respecto á escultura, que tiña no bronce e no mármore os materiais predilectos, moitos traballos sobreviviron só como copias da era romana. De algunhas estatuas ficou apenas a base, onde se encontran gravadas inscricións relativas ao atleta, fornecedoras de información. Por último, as moedas cuñadas en determinadas polis retratan determinada modalidade deportiva na cal a cidade destacou.

Orixes

Mitoloxía

Segundo os estudosos da antigüidade de Elis, da época de Pausanias, o templo de Olimpia foi feito polos homes da rexión na época en que Cronos era o rei dos deuses, a chamada Idade de ouro.[3] Cando Rea deixou a Zeus aos coidados dos dáctilos, ou curetes, de Ida,[3] Heracles de Ida, o máis vello, derrotou aos seus irmáns nunha carreira, e foi coroado cun ramo de oliveira.[4] A partir de aí, os xogos pasaron a ser celebrados cada quinto ano, pois eran cinco os irmáns [5](Heracles, Paeonaeus, Epimedes, Iasius e Idas[3]).

Segundo algunhas versións, Zeus derrotou a Cronos en Olimpia, pero outras versións din que el celebrou alí xogos para conmemorar a súa vitoria.[6] O campión de vitorias entre os deuses foi Apolo, que venceu a Hermes na carreira e Ares no puxilismo; por este motivo, a frauta é tocada cando os competidores do péntatlon están na proba de salto, pois a frauta é consagrada a Apolo.[6]

Cincuenta anos despois do diluvio de Deucalión, Clímeno, fillo de Cardis, descendente de Heracles de Ida, veu de Creta para Olimpia e fundou un altar para o seu devanceiro Heracles e os outros curetes.[7] Clímeno foi deposto por Endimión, fillo de Étlio, que deixou o reino para o seu fillo que vencese unha carreira.[7]

Os seguintes en celebraren xogos en Olimpia foron Pélope, Amythaon, fillo de Creteo, os irmáns Neleo e Pelias,[8] Áuxias e Heracles, fillo de Anfitrión.[9] Óxilo foi o último desta era a celebrar os xogos, que non volveron a ser celebrados até o seu descendente Ifito de Ilía.[10]

O lugar

Os Xogos Olímpicos transcorrían no santuario de Zeus en Olimpia, que era feito de mármore cristalizado, situado na rexión occidental do Peloponeso, a cerca de 15 quilómetros do Mar Xónico, próximo da confluencia dos ríos Alfeo e Cladeo. Este santuario tira o seu nome do Monte Olimpo (que se sitúa lonxe do lugar, na Tesalia, no norte da Grecia), punto máis elevado da Grecia continental e que era na mitoloxía grega a residencia das divindades.

O núcleo de Olimpia era o Altis, un bosque sagrado. No centro do bosque existía un templo en estilo dórico dedicado a Zeus, que foi construído entre -468 e -456, en cuxo interior se encontraba unha estatua colosal do deus da autoría de Fidias e que era considerada unha das Sete Marabillas do Mundo Antigo.

Os participantes

Athletes red cup Louvre G639
Atletas.

Non poderían participar nos xogos os estranxeiros (os "bárbaros" segundo a mentalidade grega), os escravos e as mulleres. Cóntase o caso dunha muller que, vestida con roupas masculinas, se disfrazou de adestrador para entrar no ximnasio e ver o seu fillo loitar. O fillo venceu a proba e a nai, celebrando a vitoria, deixou caer o seu disfrace. Descubriron que era muller.

Os atletas eran dunha forma xeral oriúndos das clases máis favorecidas e tiña sido iniciados no deporte desde tenra idade. Non viñan só da Grecia continental, senón de todos os puntos do mundo grego, que na Antigüidade incluía as colonias espalladas polas costas do Mediterráneo e do Mar Negro. Os vencedores eran obxecto da homenaxe da súa cidade: poderían recibir alimentación gratuíta, teren estatuas erguidas na súa honra e seren cantados polos poetas.

Organización

A organización dos xogos foi da responsabilidade da polis de Élide. En -668 Fidón de Argos conquistou Olimpia e entregou o control do santuario á cidade de Pisa, que organizou os xogos até -558, ano en que Élide retomou o control sobre Olimpia grazas á intervención de Esparta.

A tregua sagrada

No ano en que se celebrarían os xogos, Élide enviaba por toda Grecia heraldos que anunciaban a data concreta en que se desenvolverían os xogos e que convidaban aos atletas e aos espectadores a participaren. Os heraldos anunciaban tamén a tregua sagrada, que prohibía a guerra durante o período dos xogos e que intentaba protexer os espectadores e atletas durante a vida, a estadía e o regreso.

Os xuíces

Os Xogos Olímpicos eran supervisados por xuíces, os helanódicas ("xuíces dos Helenos"). Estes xuíces eran oriúndos do seo da nobreza de Élide, sendo escollidos á sorte dez meses antes do inicio do festival; o número de xuíces variou ao longo dos tempos.

Os xuíces eran responsábeis do envío dos arautos. Deberían tamén garantir o bo estado dos edificios do santuario e garantir a seguranza.

Interviñan igualmente nas probas, sorteando os atletas, arbitrando as probas e proclamando os vencedores, aos cales coroaban.

Os xuíces realizaban un xuramento a través do cal se comprometían a xulgar de forma imparcial os concorrentes e a gardar sixilo sobre aspectos relacionados cun atleta. Tamén ordenaban a execución dos castigos aos atletas e adestradores que non cumpriran as regras; estes poderían ser castigados con azoutes en lugar público, algo que entre os gregos encontrábase en xeral reservado aos escravos. No caso de suborno, prevíanse multas elevadas, cuxo diñeiro revertía para pagar estatuas en bronce de Zeus, expostas no santuario.

Os atletas e os adestradores chegaban a Élide cun mes de anticipación para adestraren so a supervisión dos xuíces. Xúlgase que durante este período os atletas que non eran considerados aptos ou que non cumprían os criterios de participación eran excluídos.

Probas

Hoplitodromos Staatliche Antikensammlungen 1471
Carreira con armas

Carreiras pedestres

As carreiras pedestres incluían catro tipos de carreiras: o estadio, o diaulós (ou duplo estadio), o dolichos e o hoplitódromo (ou carreira con armas).

O estadio era a proba máis antiga e de maior prestixio, xa que o seu vencedor daría o seu nome aos xogos. Consistía nunha carreira de 192 metros, o longo do estadio; diaulós correspondía a unha carreira de 384 metros. Canto ao dolichos, era unha carreira que variaba entre os 7 e os 24 estadios. A carreira con armas variaba entre os 2 e os 4 estadios e nela os atletas levaban o casco e o escudo dos hoplitas, o que podería ser penoso dado o peso que representaba este armamento. Para evitar a fraude, os escudos usados polos atletas eran gardados no Templo de Zeus, de modo a evitar que alguén correse cun escudo que fose máis lixeiro.

Carreiras ecuestres

Este tipo de proba incluía as carreiras de carros ou de cabalo de sela. Nas primeiras poderían usarse dous cabalos (bigas) ou catro cabalos (cuadrigas). As cuadrigas terían sido introducidas nos Xogos Olímpicos pola primeira vez en -680. e as carreiras de cabalo de sela en -648. Unha carreira de carros consistía en doce voltas ao hipódromo, tendo cada volta entre 823 e 914 metros; a carreira de cabalo era unha volta do hipódromo.

Non eran os homes que venceran nas carreiras os que recibían as coroas, senón os donos dos cabalos, dado que estes implicaban custos que só os máis ricos poderían soportar. Así, algunhas mulleres con posesións e políticos convertéronse en vencedores destas carreiras, sen nunca teren participado nelas.

Loita, puxilato e pancracio

Boxers Staatliche Antikensammlungen 1538
Vaso que representa unha escena de loita

A loita naceu no Próximo Oriente, tendo sido adaptada polos gregos tal vez na época micénica. Tiña como deus padroeiro a Hermes.

Na loita grega era necesario provocar por tres veces a queda do adversario para se consagrar vencedor. Considerábase que ocorrera unha queda cando as costas, ombros ou peito do adversario tocaban o chan. Antes de iniciaren a loita os concorrentes untaban o corpo con aceite e botaban un pouco de terra para evitar que a pel se tornase escorregadiza. A proba non posuía un tempo límite. Era permitido partir os dedos do adversario, pero non era permitido realizar ataques na rexión xenital ou recorrer a mordeduras. Existían probas reservadas aos homes adultos e aos rapaces.

A práctica do puxilato na Grecia Antiga remonta ao século -VIII. Só se podería atacar cos puños e os concorrentes envolvían os dedos con tiras de coiro. Non existían asaltos nin categorías baseadas no peso dos atletas. O xogo terminaba cando un dos atletas ficaba inconsciente ou colocaba un dedo no ar en sinal de desistencia.

O pancracio era unha combinación da loita e do puxilato, sendo o seu resultado unha proba extremadamente violenta, cuxos concorrentes poderían mesmo chegar a morrer. Todo estaba permitido, con excepción de meter dedos nos ollos, atacar a rexión xenital ou morder. A vitoria ocorría cando un dos atletas xa non conseguía continuar a loitar, levantando un dedo para que o xuíz se apercibise.

Para cada un destes deportes, existían probas reservadas aos homes adultos e aos rapaces.

Péntatlon

AGMA Sauteur
Un atleta realiza o salto de lonxitude con dous halteres

O péntatlon dos Gregos antigos era diferente do péntatlon moderno, sendo composto polo lanzamento de disco, lanzamento de xavelina, salto de lonxitude, a carreira de estadio (semellante aos 200 m) e a loita.

O disco lanzado polos atletas pesaba cerca de 9,5 quilos e podería ser feito de pedra, ferro ou bronce. O vencedor era aquel que conseguía lanzar o disco o máis lonxe posíbel e o vencedor era tamén considerado un heroe. Canto á xavelina posuía a altura dun home e estaba feita de madeira. No salto de lonxitude recorríase a catro halteres que impulsaban o atleta na subida e que eran despois tirados cando este descía.

Caso un atleta tivese vencido as seis primeiras probas do péntatlon, non se realizaban as dúas últimas.

Data de introdución das probas

  • -776: Estadio (stadion).
  • -724: Diaulos.
  • -720: Dolichos.
  • -708: Loita e péntatlon.
  • -688: Puxilato.
  • -680: Carreiras de cuadrigas (tethrippon).
  • -648: Pancracio e carreira a cabalo.
  • -632: Loita para rapaces.
  • -628: Péntatlon para rapaces (rapidamente abandonada).
  • -616: Puxilato para rapaces.
  • -520: Carreira con armas (hoplitodromos).
  • -500: Carreira de carrozas tiradas con mulas (apene).
  • -496: Carreiras con eguas (calpe).
  • -444: As probas apene e calpe son abandonadas .
  • -408: Carreiras de bigas (synoris).
  • -396: Concurso para arautos.
  • -200: Pancracio para rapaces

En itálico - nome da proba en grego

Reconstrución do programa

Día 1

Mañá
  • Cerimonia de xuramento dos atletas e dos xuíces no Buleuterion perante a estatua de Zeus Korkios (Zeus dos Xuramentos)
  • Probas de loita, puxilato e pancracio para rapaces.
  • Consulta de oráculos.
Tarde
  • Palestras públicas de filósofos e historiadores. Recitais de poesía.

Día 2

Mañá
  • Carreiras ecuestres. Os concorrentes entran no hipódromo en procesión.
Tarde
  • Péntatlon
Fin da tarde e noite
  • Cerimonias no santuario de Pélope, identificado pola tradición como o primeiro vencedor dos xogos. Reconstrución das súas cerimonias fúnebres.
  • Desfile no Altis dos vencedores, en honra dos cales se entoan himnos. Banquetes.

Día 3

Mañá
  • Procesión formada por todos os atletas, xuíces e embaixadores das póleis gregas (que transportan vasos de ouro e prata que representan a riqueza das súas localidades) polo Altis. A procesión para enfronte do Grande Altar de Zeus, onde se realiza o sacrificio de 100 bois ofrecido polo pobo de Élide.
Tarde
  • Carreiras pedestres
Noite
  • Banquete no Pritaneo, no cal participan os atletas, os convidados e os espectadores, recorréndose á carne utilizada no sacrificio feito de mañá.

Día 4

Mañá
  • Loita
Mediodía
  • Puxilato e pancracio.
Tarde
  • Carreira con armas.

Día 5

  • Procesión liderada polos atletas vencedores até o Templo de Zeus, onde serán premiados un por un cunha coroa de loureiro atribuída polos xuíces. Os espectadores botan pétalos e follas sobre os vencedores. Á noite, grandes festas e banquetes. No día seguinte os atletas, espectadores e embaixadores inician a viaxe de regreso ás súas terras.

Declive e fin

O período áureo dos Xogos Olímpicos antigos correspondeu ao século -V. As perturbacións que a Guerra do Peloponeso xerou en Grecia terían inevitabelmente consecuencia sobre os xogos: Élide, que até entón tiña mantido unha actitude politicamente neutra, aliouse a Atenas durante este conflito e expulsou os espartanos do evento. En -424, so a ameaza de invasión de Esparta, os xogos tiveron que ser realizados baixo a protección de tropas. Aínda que Esparta non tivese chegado a invadir o santuario, este episodio revela que o concepto da "tregua sagrada" tiña sido esquecido.

En -365 a Arcadia, axudada por Pisa (inimiga de Élide), conquistou o santuario; as dúas cidades organizaron os xogos de -364. Élide tentou recuperar o santuario recorrendo á forza; o conflito xerado levaría á pillaxe dos templos do Altis. Élide acabaría por retomar o control do santuario porque se temía a furia dos deuses, tendo sido consideradas inválidos os Xogos de -364.

En -336, despois de que as cidades gregas foron conquistadas por Filipo II de Macedonia e polo seu fillo Alexandre Magno, foi construído no Altis o Filipeion, un edificio onde se encontraba estatuas de Alexandre e da súa familia feitas de ouro e marfil, materiais que até daquela foran reservados ás estatuas dos deuses.

En -146 Grecia foi conquistada polos romanos. Para financiar a súa guerra contra Mitrídates VI do Ponto, o xeneral romano Sila saqueou o Altis (así como os santuarios de Delfos e do Epidauro). En -80, como forma de celebrar o éxito da súa guerra, Sila transferiu os xogos para Roma, pero despois da súa morte en -78 os xogos regresaron a Olimpia. Durante un breve período da era romana os xogos retomaron a súa vitalidade.

Notas

  1. Crónicas, 70, por Eusebio de Cesarea
  2. Chronicon (Xerome), por Xerome de Estridón
  3. 3,0 3,1 3,2 Pausanias (xeógrafo), Descrición de Grecia, 5.7.6
  4. Pausanias (xeógrafo), Descrición de Grecia, 5.7.7
  5. Pausanias (xeógrafo), Descrición de Grecia, 5.7.9
  6. 6,0 6,1 Pausanias (xeógrafo), Descrición de Grecia, 5.7.10
  7. 7,0 7,1 Pausanias (xeógrafo), Descrición de Grecia, 5.8.1
  8. Pausanias (xeógrafo), Descrición de Grecia, 5.8.2
  9. Pausanias (xeógrafo), Descrición de Grecia, 5.8.3
  10. Pausanias (xeógrafo), Descrición de Grecia, 5.8.5

Véxase tamén

Bibliografía

  • Pereira, Maria Helena da Rocha. Fundação Calouste Gulbenkian, ed. Estudos de Historia da Cultura Clássica. I. Cultura Grega. Lisboa.
  • Swaddling, Judith (2000). University of Texas Press, ed. The Ancient Olympic Games. Texas. ISBN 0292777515.

Ligazóns externas

Alcibíades

Alcibíades Clinias Escambónidas (en grego: Ἀλκιβιάδης Κλεινίου Σκαμβωνίδης), nado c. 450 a. C. na Antiga Atenas e finado no 404 a. C. no Monte Elafos, Frixia, Imperio aqueménida, foi un prominente estadista, orador e estratego (xeneral) ateniense, fillo de Clinias e membro da familia aristocrática dos Alcmeónidas, do demo de Escambónidas, que tivo un papel destacado na segunda fase da guerra do Peloponeso (a guerra arquidámica) como conselleiro estratéxico, comandante e político.

Durante o transcurso da guerra do Peloponeso, Alcibíades cambiou a súa lealdade en varias ocasións. Na súa Atenas nativa, a principios dos anos 410 a. C., defendeu unha política exterior agresiva e foi un destacado defensor da expedición a Sicilia, pero fuxiu a Esparta cando os seus inimigos políticos presentaron cargos de sacrilexio contra el. En Esparta serviu como conselleiro estratéxico, propoñendo ou supervisando importantes campañas contra Atenas. En Esparta, con todo, a Alcibíades tamén lle xurdiron poderosos inimigos e viuse obrigado a desertar a Persia. Alí foi conselleiro do sátrapa Tisafernes ata que os seus aliados políticos atenienses lograron a súa restitución. Foi xeneral (estratego) durante varios anos máis, pero os seus inimigos conseguiron exilialo por segunda vez.

A expedición siciliana foi creación de Alcibíades, e os eruditos modernos teñen argumentado que se esa expedición estivera baixo o mando de Alcibíades en lugar do de Nicias, a expedición non se tería enfrontado ao seu desastroso destino. Nos anos que serviu a Esparta, Alcibíades desempeñou un importante papel na destrución da cidade de Atenas; a captura de Decelia (cf. guerra de Decelia) e as críticas rebelións dalgunhas das cidades e territorios baixo a influencia de Atenas ocorreron instigadas por el ou baixo a súa supervisión.

Unha vez devolto á súa cidade natal, con todo, tivo un papel crucial na serie de vitorias atenienses que levaron a Esparta a solicitar finalmente a paz con Atenas. Elixiu tácticas pouco convencionais, a miúdo gañando polis (cidades) a través da traizón ou a negociación en lugar do asedio.As capacidades militares e políticas de Alcibíades resultaron ser a miúdo moi valiosas para calquera que contase coa súa lealdade, aínda que a súa capacidade para colleitar poderosos inimigos asegurou que nunca permanecese nun mesmo lugar durante moito tempo e, para cando terminou a guerra que axudara a reavivar a principios dos anos 410 a. C., os seus días de relevancia política eran un recordo do pasado.

Cilón

Cilón foi un ambicioso nobre ateniense, xenro do tirano de Megara, Teáxenes, que chegou a ser nomeado arconte, e pensou que podería aplicar o mesmo sistema político na súa cidade, Atenas.

Clístenes de Sición

Clístenes (en grego Κλεισθένης Kleisthénes) foi o tirano de Sición ao redor dos anos 600 e -570.

Décatlon

O Décatlon é unha competición de atletismo composta por dez probas, que se disputan en dous días. Nos Xogos Olímpicos, é exclusivamente practicada por homes, figurando por primeira vez no programa en 1904, mentres que as mulleres compiten en héptatlon. Consta das seguintes probas:

Entre proba e proba haberá, cando sexa posíbel, un intervalo de media hora, e dez horas entre a última proba do primeiro día e a primeira do segundo.

O atleta que non intente tomar unha saída ou facer unha tentativa en concursos non poderá continuar, considerándose que abandona a competición.

Os competidores reciben puntos pola súa actuación en cada unha das probas, de acordo cunha táboa elaborada pola Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAAF) e que periodicamente se modifica, para adaptala á evolución dos récords mundiais.

Koroivos B.C.

O Koroivos B.C. ou Koroivos Amaliadas B.C. (en grego: Κόροιβος Αμαλιάδας KAE) é un equipo profesional de baloncesto da localidade de Amaliada, Grecia. Fundado no ano 1983, é parte do club deportivo Athlitikos Syllogos Amaliadas Koroivos (Αθλητικός Σύλλογος Αμαλιάδας Κόροιβος), cuxo nome é habitualmente abreviado como A.S.A. Koroivos (Α.Σ.Α. Κόροιβος). O club compite actualmente na segunda categoría do baloncesto grego, a A2 Ethniki. O nome do club é unha homenaxe ao primeiro gañador da carreira do estadio dos Xogos Olímpicos da Antigüidade: Corebos de Elis. O Koroivos xoga os seu partidos como local no Pavillón de Amaliadas, recinto con capacidade para 2.000 espectadores.

Lanzamento de xavelina

O lanzamento de xavelina é unha proba de atletismo que, como o seu nome indica, consiste en lanzar unha xavelina.

A xavelina está construída cun material regulamentario de metal ou de fibra de vidro, co obxectivo de que chegue o máis lonxe posíbel.

O lanzamento de xavelina forma parte do programa de atletismo dos Xogos Olímpicos da era moderna desde 1908.

Lista de lugares Patrimonio da Humanidade en Grecia

Actualmente hai 18 sitios Patrimonio da Humanidade da UNESCO en Grecia. Deles, 16 están inscritas en base a criterio "cultural", mentres que os dous restantes (Monte Athos, Meteora) están inscritos para cumprir criterios "culturais" e "naturais". Cinco dos sitios están situados en illas, un atópase entre as illas e terra firme, os 12 restantes están exclusivamente en terra firme. Este primeiro sitio que se inscribiu foi o Templo de Apolo en Bassae en 1986, o máis recente é o Filipos, inscrito en 2016. Hai 14 sitios adicionais na lista tentativa.

Olimpia

Olimpia (en grego Ολυμπία Olympía ou Ολύμπια Olýmpia) é unha pequena cidade da antiga Grecia na prefectura de Élide, na península do Peloponeso, famosa polo próximo xacemento arqueolóxico do mesmo nome, principal santuario relixioso Panhelénico da Antiga Grecia, onde se levaron a cabo os Xogos Olímpicos da Antigüidade. O sitio estaba dedicado principalmente a Zeus e atraía a visitantes de todo o mundo grego como un grupo de centros "Panhelenicos" que axudaron a construír a identidade dos antigos gregos como nación. Malia o nome, non se atopa preto do Olimpo no norte de Grecia, onde se cría que vivían os Deuses olímpicos, as principais divindades da Relixión da Grecia antiga. A cidade atópase ó pé do monte Cronio e na beira dereita do río Alfeo.

Os Xogos Olímpicos disputáronse cada catro anos durante toda a Antigüidade clásica, desde o século VIII a. C. ata o século IV d. C.O sitio arqueolóxico ten máis de 70 edificios significativos, e as ruínas de moitas destes sobreviven, aínda que o principal Templo de Zeus, sobrevive só como pedras no chan. O sitio é unha importante atracción turística e ten dous museos, un dedicado aos xogos antigos e outro aos modernos.

Olímpico

Olímpico pódese referir a:

Os Xogos Olímpicos. Un atleta que participa nuns destes Xogos, un estadio etc., receben o nome de "olímpicos".

O monte Olimpo, en Grecia.

Na mitoloxía grega os deuses olímpicos, que vivían precisamente neste monte.

A península Olympic Peninsula, no Estado de Washington, nos EUA.

Olímpico é o xentilicio de:

A antiga cidade grega de Olimpia, berce dos Xogos Olímpicos da Antigüidade,

A cidade moderna de Olympia, capital do Estado de Washington, nos EUA.

O Olympic era o barco irmao do Titanic.

Olympic Airways foi una liña aérea con sede en Grecia.

Olympic Airlines é a liña aérea grega sucesora da Olympic Airways.

Salto de lonxitude

O salto de lonxitude é unha proba do actual atletismo consistente en percorrer a máxima distancia posible no plano horizontal a partir dun salto tras unha carreira. A carreira previa debe realizarse dentro dunha área existente para iso, que finaliza nunha táboa de batida que indica o punto límite para realizar o impulso. A caída ten lugar sobre un foso de area. A distancia do salto mídese desde a táboa de batida ata a marca máis atrasada sobre a area feita por calquera parte do corpo do atleta, e consta de catro partes: carreira, impulso, voo e caída.

Os competidores realizan tres saltos cada un e os oito mellores pasan á seguinte rolda doutros tres saltos. Sempre se ten en conta o salto máis longo. En caso de empate gañará, entre os dous atletas, o que realice o segundo salto máis longo.

É proba olímpica na categoría masculina desde a súa primeira edición celebrada en Atenas en 1896. A categoría feminina da proba debutou nos Xogos celebrados en Londres en 1948. Porén esta proba xa se realizaba nos Xogos Olímpicos da Antigüidade, polo menos desde o ano 708 aC incluída dentro da proba do péntatlon.

Xavelina

Unha xavelina é unha lanza deseñada para ser guindada.Historicamente usouse como arma, empregada polos cazadores prehistóricos para conseguir animais de mediano ou gran tamaño, como os xavarís, e polos guerreiros nas súas batallas, pero na actualidade utilízase case exclusivamente en competicións atléticas.

Xogos Olímpicos

Para os Xogos Olímpicos na Antigüidade véxase este artigo.

Para os Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016 véxase este artigo.Os Xogos Olímpicos (XX. OO.) (Jeux Olympiques en francés, e Olympic Games en inglés), ou Olimpíadas son o maior evento deportivo internacional multidisciplinario no que participan atletas de diversas partes do mundo. Os Xogos Olímpicos son considerados a principal competición do mundo deportivo, con máis de duascentas nacións participantes. Existen dous tipos: os Xogos Olímpicos de Verán e os Xogos Olímpicos de Inverno, que se realizan cun intervalo de dous anos, segundo a Carta Olímpica: «Os Xogos da Olimpíada celébranse durante o primeiro ano dunha Olimpíada, e os Xogos Olímpicos de Inverno durante o seu terceiro ano».Os Xogos Olímpicos modernos inspiráronse nos do século VIII a. C. organizados polos antigos gregos na cidade de Olimpia, entre os anos 776 a. C. e o 393 d. C. No século XIX, xurdiu a idea de realizar uns eventos similares aos organizados na antigüidade, os que se concretarían principalmente grazas ás xestións do nobre francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin. O barón de Coubertin fundou o Comité Olímpico Internacional (COI) en 1894. Desde entón, o COI converteuse no órgano coordinador do Movemento Olímpico, coa Carta Olímpica que define a súa estrutura e autoridade.

A primeira edición dos chamados Xogos Olímpicos da era moderna levaronse a cabo en Atenas, capital de Grecia, a partir do 6 de abril de 1896. Desde aquela oportunidade, foron realizados cada catro anos en diversas cidades do mundo, sendo as únicas excepcións as edicións de 1916, 1940 e 1944, debido ao estalido da primeira e segunda guerra mundial.

A evolución do movemento olímpico durante os séculos XX e XXI deu lugar a varias modificacións nos Xogos Olímpicos. Algúns destes axustes inclúen a creación dos xogos de inverno para deportes invernais, os Xogos Paralímpicos para atletas con algún tipo de discapacidade e os Xogos Olímpicos da Mocidade para atletas adolescentes. Os Xogos Olímpicos de inverno realizáronse por primeira vez en 1924, na localidade francesa de Chamonix. Orixinalmente realizados como parte do evento de verán, o COI considerounos como un evento separado retroactivamente, e desde esa data comezaron a realizarse no mesmo ano que os xogos orixinais. Posteriormente, co fin de potenciar o desenvolvemento dos eventos invernais, o COI decidiu desfasar a realización dos Xogos invernais a partir de Lillehammer 1994. Desde esa data, os Xogos Olímpicos de Inverno realízanse nos anos pares entre dous Xogos de Verán. Os primeiros Xogos Olímpicos da Mocidade de Verán celebráronse en Singapur en 2010, mentres que os Xogos Olímpicos da Mocidade de Inverno celebráronse en Innsbruck en 2012.

O COI tivo que adaptarse a unha variedade de avances económicos, políticos e tecnolóxicos. Como resultado, os Xogos Olímpicos afastáronse do amateurismo puro, segundo o previsto por Coubertin, para permitir a participación dos atletas profesionais. A crecente importancia dos medios de comunicación de masas iniciou o tema de patrocinio das empresas e a comercialización dos Xogos. Grandes boicots realizáronse durante a Guerra fría nos Xogos de 1980 e 1984.

O Movemento Olímpico consta de Federacións Internacionais de cada deporte, Comités Olímpicos Nacionais e Comités Organizadores de cada edición. O COI é responsable da elección da cidade sede. Segundo a Carta Olímpica, a cidade anfitrioa é responsable da organización e o financiamiento dos Xogos. O programa olímpico, composto polos deportes disputados nos Xogos, tamén está determinado polo COI. Existen diversos símbolos e cerimonias olímpicas, como a bandeira e a facho olímpico, así como as cerimonias de apertura e clausura. Preto de 13 000 atletas compiten nos Xogos Olímpicos de Verán e Inverno en 33 deportes diferentes e en aproximadamente 400 eventos. Os gañadores do primeiro, segundo e terceiro lugar en cada evento reciben medallas olímpicas: ouro, prata e bronce, respectivamente.

Os Xogos Olímpicos constitúen unha oportunidade para o país e a cidade sede de darse a coñecer ao mundo.[Cómpre referencia]Na actualidade case todos os países están representados nos Xogos Olímpicos. Isto provocou diversos problemas: dopaxe, subornos e actos de terrorismo. Cada dous anos, os Xogos Olímpicos e a súa exposición aos medios, proporcionan aos atletas descoñecidos a oportunidade de alcanzar a fama nacional e internacional, ao tempo que lles fai estar suxeitos a múltiples presións, o cal fai que algúns deles utilizen substancias dopantes para mellorar os seus logros, moitas veces poñendo en perigo a súa saúde. O Comité Olímpico Internacional estableceu dende 1968 os chamados controis anti-dopaxe que poden ser realizados en calquera momento a petición do COI e que poden desencadear a descualificación inmendiata do atleta que dea positivo nese control.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.