Xogos Olímpicos

Para os Xogos Olímpicos na Antigüidade véxase este artigo.
Para os Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016 véxase este artigo.

Os Xogos Olímpicos (XX. OO.)[2] (Jeux Olympiques en francés, e Olympic Games en inglés),[3][4]:54 ou Olimpíadas[5] son o maior evento deportivo internacional multidisciplinario no que participan atletas de diversas partes do mundo. Os Xogos Olímpicos son considerados a principal competición do mundo deportivo, con máis de duascentas nacións participantes.[6] Existen dous tipos: os Xogos Olímpicos de Verán e os Xogos Olímpicos de Inverno, que se realizan cun intervalo de dous anos, segundo a Carta Olímpica: «Os Xogos da Olimpíada celébranse durante o primeiro ano dunha Olimpíada, e os Xogos Olímpicos de Inverno durante o seu terceiro ano».[4]:23

Os Xogos Olímpicos modernos inspiráronse nos do século VIII a. C. organizados polos antigos gregos na cidade de Olimpia, entre os anos 776 a. C. e o 393 d. C. No século XIX, xurdiu a idea de realizar uns eventos similares aos organizados na antigüidade, os que se concretarían principalmente grazas ás xestións do nobre francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin. O barón de Coubertin fundou o Comité Olímpico Internacional (COI) en 1894. Desde entón, o COI converteuse no órgano coordinador do Movemento Olímpico, coa Carta Olímpica que define a súa estrutura e autoridade.

A primeira edición dos chamados Xogos Olímpicos da era moderna levaronse a cabo en Atenas, capital de Grecia, a partir do 6 de abril de 1896. Desde aquela oportunidade, foron realizados cada catro anos en diversas cidades do mundo, sendo as únicas excepcións as edicións de 1916, 1940 e 1944, debido ao estalido da primeira e segunda guerra mundial.

A evolución do movemento olímpico durante os séculos XX e XXI deu lugar a varias modificacións nos Xogos Olímpicos. Algúns destes axustes inclúen a creación dos xogos de inverno para deportes invernais, os Xogos Paralímpicos para atletas con algún tipo de discapacidade e os Xogos Olímpicos da Mocidade para atletas adolescentes. Os Xogos Olímpicos de inverno realizáronse por primeira vez en 1924, na localidade francesa de Chamonix. Orixinalmente realizados como parte do evento de verán, o COI considerounos como un evento separado retroactivamente, e desde esa data comezaron a realizarse no mesmo ano que os xogos orixinais. Posteriormente, co fin de potenciar o desenvolvemento dos eventos invernais, o COI decidiu desfasar a realización dos Xogos invernais a partir de Lillehammer 1994. Desde esa data, os Xogos Olímpicos de Inverno realízanse nos anos pares entre dous Xogos de Verán. Os primeiros Xogos Olímpicos da Mocidade de Verán celebráronse en Singapur en 2010, mentres que os Xogos Olímpicos da Mocidade de Inverno celebráronse en Innsbruck en 2012.

O COI tivo que adaptarse a unha variedade de avances económicos, políticos e tecnolóxicos. Como resultado, os Xogos Olímpicos afastáronse do amateurismo puro, segundo o previsto por Coubertin, para permitir a participación dos atletas profesionais. A crecente importancia dos medios de comunicación de masas iniciou o tema de patrocinio das empresas e a comercialización dos Xogos. Grandes boicots realizáronse durante a Guerra fría nos Xogos de 1980 e 1984.

O Movemento Olímpico consta de Federacións Internacionais de cada deporte, Comités Olímpicos Nacionais e Comités Organizadores de cada edición. O COI é responsable da elección da cidade sede. Segundo a Carta Olímpica, a cidade anfitrioa é responsable da organización e o financiamiento dos Xogos. O programa olímpico, composto polos deportes disputados nos Xogos, tamén está determinado polo COI. Existen diversos símbolos e cerimonias olímpicas, como a bandeira e a facho olímpico, así como as cerimonias de apertura e clausura. Preto de 13 000 atletas compiten nos Xogos Olímpicos de Verán e Inverno en 33 deportes diferentes e en aproximadamente 400 eventos. Os gañadores do primeiro, segundo e terceiro lugar en cada evento reciben medallas olímpicas: ouro, prata e bronce, respectivamente.

Os Xogos Olímpicos constitúen unha oportunidade para o país e a cidade sede de darse a coñecer ao mundo.[Cómpre referencia]Na actualidade case todos os países están representados nos Xogos Olímpicos. Isto provocou diversos problemas: dopaxe, subornos e actos de terrorismo. Cada dous anos, os Xogos Olímpicos e a súa exposición aos medios, proporcionan aos atletas descoñecidos a oportunidade de alcanzar a fama nacional e internacional, ao tempo que lles fai estar suxeitos a múltiples presións, o cal fai que algúns deles utilizen substancias dopantes para mellorar os seus logros, moitas veces poñendo en perigo a súa saúde. O Comité Olímpico Internacional estableceu dende 1968 os chamados controis anti-dopaxe que poden ser realizados en calquera momento a petición do COI e que poden desencadear a descualificación inmendiata do atleta que dea positivo nese control.

Olympic flag
Os Cinco Aneis, son o principal símbolo dos Xogos Olímpicos modernos, un dos emblemas máis recoñecidos no mundo e un símbolo da paz.[1]

Orixe e nome

O termo olímpico ou olimpíada vén do nome da cidade de Olimpia, en Grecia, onde por volta do ano 776 a.C., comezáronse a celebrar polo verán na honra de Zeus, un certame de xogos deportivos cada catro anos, até que o emperador romano Teodosio I decidiu suprimilo, no final do século IV d.C. Polo tanto a cidade de Olimpia (Olumpía, na forma grega orixinaria, en relación co Olimpo (Ólumpos, ‘o alto entre o máis alto’), a morada dos deuses–, empregando para iso o xenitivo olumpiádos, que pasa ao latín como olympiadis) é o eixo vertebrador de todo o léxico asociado ás Olimpíadas (do adxectivo olímpico -a, o adverbio olimpicamente ou o substantivo olimpismo, “o conxunto de valores e ideais propios dos xogos olímpicos”) e tamén o piar de boa parte da simboloxía propia do certame, como o rito de inauguración que consiste en prender a flama olímpica no estadio desta cidade para logo levala acesa nun facho ata o país de acollida dos xogos que corresponda en cada edición[7].

Moitas veces o termo Olimpíadas[8] (período de catro anos que media entre distintos Xogos Olímpicos, que na Grecia Antiga constituía unha unidade de medida do tempo, que servía para situar historicamente os feitos) faise sinónimo de Xogos Olímpicos, esta definición é tamén empregada con frecuencia na linguaxe xornalística, porén fan referencia a conceptos distintos e, en certa medida, opostos, xa que de forma xeral a olimpíada é xusto o tempo que non é xogo olímpico. Existe, polo tanto, a nivel lingüístico, certa polémica e aínda que a denominación institucional aposta por definir olimpíada como período entre xogos, na práctica en portugués, castelán, francés, inglés ou galego, Olimpíada pasou tamén a designar a celebración deportiva[9].

En 2016 comezou a 31ª Olimpíada da era moderna, e os Xogos Olímpicos de 2016 de Río de Xaneiro foron conseguintemente os Xogos Olímpicos da XXXI Olimpíada. Catro anos despois comezará a trixésimo segunda olimpíada, cuxos Xogos Olímpicos terán lugar en Toquio (Xapón) no ano 2020. Porén, non houbo ata a data 31 Xogos Olímpicos de verán, senón unicamente 28. Os Xogos da sexta olimpíada (Berlín 1916), da duodécima (Helsinqui 1940) e da décimo terceira (Londres 1944) non se chegaron a realizar por mor das guerras mundiais, pero o calendario de olimpíadas seguiu correndo. En 1906 realizouse na cidade de Atenas unha edición extraordinaria dos Xogos Olímpicos co pretexto de conmemorar o 10º aniversario do comezo dos xogos en 1896. Esta edición dos Xogos Olímpicos de 1906, que tería sido a cuarta, non é considerada oficial polo Comité Olímpico Internacional por ter sido realizada fóra do ciclo de catro anos denominado Olimpíada e, xa que logo, os cuartos Xogos Olímpicos considéranse os celebrados en 1908 en Londres.

Xogos Olímpicos da antigüidade

Artigo principal: Xogos Olímpicos da Antigüidade.
Olympia-stadion
Estadio en Olimpia, Grecia.

Os Xogos Olímpicos antigos —chamados así por celebrarse na cidade de Olimpia— foron festas atléticas celebradas cada catro anos no santuario de Zeus en Olimpia, Grecia. Ás competicións acudían participantes de varias cidades-estado e reinos da antiga Grecia. Nestes xogos realizábanse diversos eventos deportivos, combates e carreiras de cuádrigas. Durante os xoegos, os conflitos entre as cidades-estado participantes pospoñíanse ata a finalización das competicións deportivas. Este cesamento das hostilidades foi coñecido como paz ou tregua olímpica.[10]:54 A orixe dos Xogos Olímpicos está rodeada de misterio e lenda.[11]:12 Segundo o relato do historiador grego Pausanias, o Dáctilo Heracles Ideo (non confundir con Heracles o fillo de Zeus) e catro dos seus irmáns correron a Olimpia para entreter ao recentemente nacido Zeus. Ao ganar, Heracles coronouse cunha coroa de olivo e estableceu o costume de celebrar cada catro anos unha serie de eventos deportivos en honor a Zeus.[12]

Píndaro, noutro relato, atribúe os Xogos Olímpicos a Heracles, o fillo de Zeus,[13][14] ademais persiste na idea de que despois de completar os seus doce traballos, construíu o estadio olímpico en honor a Zeus. Trala súa finalización, dirixiuse en líña recta douscientos pasos, e chamou a iso "distancia estadio" (en grego: στάδιον), que máis tarde se converteu nunha unidade de lonxitude. Outro mito asocia os primeiros Xogos co antigo concepto grego da tregua olímpica (ἐκεχειρία).[15]:229-230 A data de inicio máis aceptada para os Xogos Olímpicos da Antigüidade é a do ano 776 a. C., basándose nunha inscrición en Olimpia que é unha lista de ganadores dunha carreira pedestre celebrada cada catro anos a partir do ano antes mencionado.[16] Na antigüidade celebráronse eventos de carreiras, boxeo (moito máis cruel có actual, sen apenas normas), loita libre (practicamente tal como a coñecemos actualmente), pankration (loita a morte), eventos ecuestres coma as carreiras de carros, música (considerada unha competición máis) e un pentatlón —consistente en salto de lonxitude, lanzamentos de disco e xavelina, carreira pedestre e loita —.[17]:59-61[18] A tradición di que Corebo, un cociñeiro da cidade de Elis, foi o primeiro campión olímpico.[19]:24

Os Xogos Olímpicos tiñan unha importancia cultural e relixiosa fundamental. Ademais dos eventos deportivos, había sacrificios rituais na honra de Zeus (cuxa estatua, realizada por Fidias, foi colocada no templo de Olimpia) e de Pélope, heroe divino e rei mítico de Olimpia. Pélope foi famoso pola súa carreira de carros co rei Enómao de Pisa.[20]:95 Os atletas participantes, cidadáns (só homes), adestrábanse durante anos nos ximnasios e competían completamente espidos. Os ganadores dos eventos foron admirados e inmortalizados en poemas e estatuas.[21]:90-93 Celebrábanse cada catro anos, e ese período, coñecido como Olimpíada, foi utilizado polos gregos como unha das súas unidades de medida do tempo. Os Xogos formaban parte dun ciclo coñecido como os Xogos Panhelénicos, que incluía tamén aos Xogos Píticos, os Xogos Nemeos e os Xogos Ístmicos.[22]

Os Xogos Olímpicos da antigüidade chegaron ao seu cénit nos séculos VI e V a. C., porén o seu poder diminuíu gradualmente tralo aumento de poder dos romanos en Grecia. Se ben non hai consenso entre os expertos sobre cando finalizaron oficialmente, a data máis aceptada é a do ano 393 a. C., cando o emperador Teodosio I decretou que todos os cultos e prácticas pagás serían eliminadas (porén, o decreto de Teodosio non contiña ningunha referencia específica a Olimpia). Outra data comunmente citada é o ano 426 a. C., cando o seu sucesor, Teodosio II ordenou a destrución de todos os templos gregos.[17]:54

Xogos Olímpicos da era moderna

Antecedentes

Olympiade de la République 1796, Musée de la Révolution française - Vizille
Olympiade de la République o 22 de setembro de 1796, (Museo da Revolución francesa).

Documentouse que durante o século XVII se empregou de diversas formas o termo "olímpico" para describir eventos deportivos da época. O primeiro destes eventos foi o Cotswold Olimpick Games, unha reunión deportiva anual realizada nas proximidades de Chipping Campden, Inglaterra. Foi organizado polo avogado Robert Dover entre 1612 e 1642, con varias celebracións posteriores que chegaron ata hoxe en día. A Asociación Olímpica Británica describe a estes xogos como «os primeiros movementos dos comezos olímpicos de Gran Bretaña».[23]

Stamp of Greece. 1896 Olympic Games. 2l
Selo grego dos primeiros Xogos Olímpicos.

L'Olympiade de la République, era un festival olímpico nacional celebrado entre 1796 e 1798 na Francia revolucionaria tamén tratou de emular aos antigos Xogos Olímpicos.[24]:133[25]:19 A competición incluía diversas disciplinas dos Xogos Olímpicos antigos. O evento de 1796 marcou a introdución do sistema métrico no deporte.[25]:19[26]

En 1850, o doutor William Penny Brookes iniciou unha "Clase Olímpica" en Much Wenlock, Shropshire, Inglaterra. En 1859, Brookes cambioulle o nome polo de Xogos Olímpicos Wenlock. Este festival deportivo anual continúa celebrándose ata a actualidade.[11]:144 A Sociedade Olímpica de Wenlock foi fundada por Brookes o 15 de novembro de 1860.[11]:28

Entre 1862 e 1867, Liverpool celebrou o "Grand Olympic Festival", un festival anual.[27] Foi deseñado por John Hulley e Charles Melly. Estes xogos foron os primeiros en seren de natureza totalmente amateur e teren perspectiva de proxección internacional, aínda que só os "cabaleiros amateurs" podían competir.[28]:53-54[29] As competicións incluían carreiras pedestres, salto de altura, boxeo, loita libre, esgrima e ximnasia.[27] O programa dos primeiros Xogos Olímpicos da era moderna, celebrados en Atenas en 1896, foi case idéntico ao dos Xogos Olímpicos de Liverpool.[30]:38 En 1865, Hulley, Brookes e E. G. Ravenstein fundaron a Asociación Olímpica Nacional en Liverpool, un predecesor da Asociación Olímpica Británica. Os seus artigos fundacionais serviron de base para a Carta Olímpica Internacional.[11]:24 En 1866, celebráronse uns Xogos Olímpicos Nacionais no Reino Unido no Crystal Palace londiniense.[31]

Renacemento

Evangelos Zappas
Evangelos Zappas.

O interese grego por revivir os Xogos Olímpicos comezou coa Guerra da Independencia de Grecia do Imperio Otomán en 1821. A primeira proposta de restablecer os Xogos foi do poeta e editor de xornais Panagiotis Soutsos no seu poema Diálogo da Morte, publicado en 1833.[11]:1 En 1856, Evangelos Zappas, un rico filántropo grego, escribiu ao rei Otto de Grecia ofrecéndose a financiar a reinstauración permanente dos Xogos Olímpicos.[11]:14 Zappas patrocinou os primeiros Xogos Olímpicos de 1859, que se celebraron nunha praza de Atenas. Os atletas participantes eran gregos e do Imperio Otomán. Zappas custeou tamén a restauración do antigo Estadio Panatenaico para que puidese acoller todas as futuras edicións dos Xogos.[11]:14

O Estadio Panatenaico albergou as edicións dos xogos de 1870 e de 1875.[11]:2, 13-23, 81 Trinta mil espectadores presenciaron os xogos de 1870, non habendo rexistros oficiais de asistencia aos xogos de 1875.[11]:44 En 1890, despois de asistir aos Xogos da Sociedade Olímpica de Wenlock, o barón Pierre de Coubertin tivo a inspiración para fundar o Comité Olímpico Internacional (COI).[32] Coubertin baseouse nas ideas e os traballos de Brookes e Zappas co obxectivo de crear uns Xogos Olímpicos internacionais que se celebraran, cambiando de sede, cada catro anos.[32] Presentou estas ideas durante o primeiro congreso do incipiente COI, celebrado na Universidade de París entre o 16 e o 23 de xuño de 1894. O derradeiro día do congreso decidiuse que os primeiros Xogos Olímpicos organizados polo COI terían lugar en Atenas en 1896.[33]:8 O Comité Olímpico Internacional elixiu ao escritor grego Demetrius Vikelas como o seu primeiro presidente.[11]:100-105 Dous anos máis tarde, Coubertin substituíu a Vikelas como presidente deste organismo.

Os Xogos de 1896

1896 Olympic opening ceremony
Cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de 1896 no Estadio Panatenaico.

Os primeiros Xogos celebrados baixo os auspicios do COI celebráronse no Estadio Panatenaico de Atenas en 1896. Competiron 241 atletas de 14 nacións en 43 eventos.[34] Evangelos Zappas e o seu primo, Konstantinos Zappas, deixaron ao goberno grego un fideicomiso para financiar futuros Xogos Olímpicos. Este fideicomiso usóuse para axudar a financiar os Xogos de 1896.[11]:117[35][36] George Averoff contribuíu xenerosamente á remodelación do estadio.[11]:128 O goberno grego tamén aportou fondos, que esperaban recuperar coa venda de entradas e selos conmemorativos dos primeiros Xogos Olímpicos.[11]:128

Os funcionarios gregos e o público en xeral estaban entusiasmados coa experiencia de albergar os Xogos Olímpicos. Este espírito foi compartido por moitos atletas, quen demandaban que Atenas fose a sede permanente dos Xogos. Porén, o COI insistía na idea de levar o evento a distintas cidades por todo o mundo. Así, foi elixida París como sede dos Xogos Olímpicos de 1900.[37]

Cambios e adaptacións

Despois do éxito dos Xogos de 1896, os Xogos entraron nun período de estancamento que ameazou a súa supervivencia. Os Xogos de 1900 en París e de 1904 en St. Louis foron presentados coma atraccións secundarias das Exposicións Universais respectivas. Os Xogos de París non tiñan estadio, mais foron notables por seren os primeiros nos que participaron mulleres. Nos Xogos de St. Louis participaron 650 atletas, pero 580 eran estadounidenses. O carácter homoxéneo destas celebracións xogou en contra do Movemento Olímpico.[38] Os Xogos conseguiron un novo pulo cos Xogos Intercalados de 1906 celebrados en Atenas para conmemorar o décimo aniversario dos primeiros Xogos da era moderna (son chamados "intercalados" para indicar que se celebraron na metade da terceira Olimpíada, sendo ademais a única vez que se celebraron dous Xogos Olímpicos nunha mesma Olimpíada). Estes Xogos, aínda que foran recoñecidos polo COI, non son hoxe recoñecidos oficialmente. Os Xogos atraeron a unha ampla representación de participantes e xeraron un grande interese público. Isto marcou o comezo do ascenso tanto da popularidade coma da envergadura dos Xogos Olímpicos.[39]

Relación dos Xogos Olímpicos da era moderna

Ano Evento Sede  
Xogos Olímpicos de Verán
1896 I Xogos Olímpicos Atenas Reino de Grecia Grecia
1900 II Xogos Olímpicos París Flag of France.svg Francia
1904 III Xogos Olímpicos Saint Louis Flag of the United States (1896–1908).svg Estados Unidos
1906 Edición extraordinaria Atenas Reino de Grecia Grecia
1908 IV Xogos Olímpicos Londres Reino Unido Reino Unido
1912 V Xogos Olímpicos Estocolmo Suecia Suecia
1916 VI Xogos Olímpicos Berlín Imperio Alemán Imperio Alemán
Suspendidos por mor da Primeira Guerra Mundial Ano Evento Sede 3by2white.svg
1920 VII Xogos Olímpicos Antuerpen Bélxica Bélxica Xogos Olímpicos de Inverno
1924 VIII Xogos Olímpicos París Flag of France.svg Francia 1924 I Xogos Olímpicos Chamonix Flag of France.svg Francia
1928 IX Xogos Olímpicos Ámsterdan Países Baixos Países Baixos 1928 II Xogos Olímpicos Sankt Moritz Suíza Suíza
1932 X Xogos Olímpicos Os Ánxeles Flag of the United States (1912-1959).svg Estados Unidos 1932 III Xogos Olímpicos Lake Placid Flag of the United States (1912-1959).svg Estados Unidos
1936 XI Xogos Olímpicos Berlín Alemaña nazi Alemaña 1936 IV Xogos Olímpicos Garmisch-Partenkirchen Alemaña nazi Alemaña
1940 XII Xogos Olímpicos Helsinqui Finlandia Finlandia 1940 V Xogos Olímpicos Garmisch-Partenkirchen Alemaña nazi Alemaña
Suspendidos por mor da Segunda Guerra Mundial
1944 XIII Xogos Olímpicos Londres Reino Unido Reino Unido 1944 V Xogos Olímpicos Cortina d'Ampezzo Reino de Italia Italia
Suspendidos por mor da Segunda Guerra Mundial
1948 XIV Xogos Olímpicos Londres Reino Unido Reino Unido 1948 V Xogos Olímpicos Sankt Moritz Suíza Suíza
1952 XV Xogos Olímpicos Helsinqui Finlandia Finlandia 1952 VI Xogos Olímpicos Oslo Noruega Noruega
1956 XVI Xogos Olímpicos Melbourne Australia Australia 1956 VII Xogos Olímpicos Cortina d'Ampezzo Italia Italia
1960 XVII Xogos Olímpicos Roma Italia Italia 1960 VIII Xogos Olímpicos Squaw Valley Estados Unidos de América Estados Unidos
1964 XVIII Xogos Olímpicos Toquio Flag of Japan.svg Xapón 1964 IX Xogos Olímpicos Innsbruck Austria Austria
1968 XIX Xogos Olímpicos Cidade de México Flag of Mexico.svg México 1968 X Xogos Olímpicos Grenoble Flag of France.svg Francia
1972 XX Xogos Olímpicos Múnic República Federal de Alemaña República Federal Alemá 1972 XI Xogos Olímpicos Sapporo Flag of Japan.svg Xapón
1976 XXI Xogos Olímpicos Montreal Flag of Canada.svg Canadá 1976 XII Xogos Olímpicos Innsbruck Austria Austria
1980 XXII Xogos Olímpicos Moscova Unión Soviética Unión Soviética 1980 XIII Xogos Olímpicos Lake Placid Estados Unidos de América Estados Unidos
1984 XXIII Xogos Olímpicos Os Ánxeles Estados Unidos de América Estados Unidos 1984 XIV Xogos Olímpicos Saraxevo Iugoslavia Iugoslavia
1988 XXIV Xogos Olímpicos Seúl Flag of South Korea.svg Corea do Sur 1988 XV Xogos Olímpicos Calgary Flag of Canada.svg Canadá
1992 XXV Xogos Olímpicos Barcelona España España 1992 XVI Xogos Olímpicos Albertville Flag of France.svg Francia
1996 XXVI Xogos Olímpicos Atlanta Estados Unidos de América Estados Unidos 1994 XVII Xogos Olímpicos Lillehammer Noruega Noruega
2000 XXVII Xogos Olímpicos Sidney Australia Australia 1998 XVIII Xogos Olímpicos Nagano Flag of Japan.svg Xapón
2004 XXVIII Xogos Olímpicos Atenas Grecia Grecia 2002 XIX Xogos Olímpicos Salt Lake City Estados Unidos de América Estados Unidos
2008 XXIX Xogos Olímpicos Pequín Flag of the People's Republic of China.svg China 2006 XX Xogos Olímpicos Turín Italia Italia
2012 XXX Xogos Olímpicos Londres Reino Unido Reino Unido 2010 XXI Xogos Olímpicos Vancouver Flag of Canada.svg Canadá
2016 XXXI Xogos Olímpicos Río de Xaneiro Flag of Brazil.svg Brasil 2014 XXII Xogos Olímpicos Sochi Rusia Rusia
2020 XXXII Xogos Olímpicos Toquio Flag of Japan.svg Xapón 2018 XXIII Xogos Olímpicos Pyeongchang Flag of South Korea.svg Corea do Sur
2024 XXXIII Xogos Olímpicos París Flag of France.svg Francia 2022 XXIV Xogos Olímpicos Pequín Flag of the People's Republic of China.svg China
2028 XXXIV Xogos Olímpicos Os Ánxeles Estados Unidos de América Estados Unidos

Notas

  1. "Who Made the Olympic Rings?". The New York Times. Consultado o 31 de marzo de 2018.
  2. Juegos Olímpicos, claves de redacción
  3. O inglés e o francés son os dous idiomas oficiais do Movemento Olímpico.
  4. 4,0 4,1 Comité Olímpico Internacional (ed.). "Olympic Charter" (PDF) (en inglés). Consultado o 30 de agosto de 2018.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para olimpíada.
  6. "Olympic Games". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 24 de xaneiro de 2013.
  7. Artigo sobre as Olimpíadas no Porta das Palabras
  8. Olimpíadas, escrito normalmente en plural e letras maiúsculas.
  9. Servizo de Normalización Lingüística da USC.
  10. Swaddling, Judith (2000). The Ancient Olympic Games (en inglés) (2ª ed.). Austin: University of Texas Press. ISBN 978-0-292-70373-5. OCLC 10759486.
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 11,11 11,12 Young, David C. (2004). The Beginnings. A Brief History of the Olympic Games (en inglés). Wiley-Blackwell. ISBN 978-1-4051-1130-0.
  12. Pausanias. "5". En Gregory R. Crane (Tufts University). Descrición de Grecia. Perseus Digital Library (en inglés). seccións 6-9. Consultado o 29 de agosto de 2018.
  13. "What Is the Origin of the Ancient Olympic Games?" (en inglés). About.com. Consultado o 19 de marzo de 2013.
  14. Píndaro. Gregory R. Crane (Tufts University), ed. Odas Olímpicas. Perseus Digital Library (en inglés). poema 10. Consultado o 29 de agosto de 2018.
  15. Spivey, Nigel Jonathan (2004). Olympia: the Origins. The Fifth Century BC (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-280433-4.
  16. "Olympic Games". Encyclopædia Britannica (en inglés).
  17. 17,0 17,1 Crowther, Nigel B. (2007). The Ancient Olympic Games. Sport in Ancient Times (en inglés). Greenwood Publishing Group. ISBN 978-0-275-98739-8.
  18. "Ancient Olympic Events". Perseus (en inglés). Consultado o 29 de agosto de 2018.
  19. Golden, Mark (2009). Helpers, Horses, and Heroes. Greek Sport and Social Status (en inglés). University of Texas Press. ISBN 978-0-292-71869-2.
  20. Burkert, Walter (1983). Pelops at Olympia. Homo Necans (en inglés). University of California Press. ISBN 978-0-520-05875-0.
  21. Swaddling, Judith (1999). The Ancient Olympic Games (en inglés) (1ª ed.). University of Texas Press. ISBN 978-0-292-77751-4.
  22. "The Olympic Games in Antiquity" (PDF). The Olympic Museum (en inglés). Comité Olímpico Internacional. Consultado o 24 de xaneiro de 2013.
  23. Robert Dover's Games Society (ed.). "400 Years of Olimpick Passion" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2013. Consultado o 25 de xaneiro de 2013.
  24. Tolleneer, Jan; Sterckx, Sigrid; Bonte, Pieter (2013). Athletic enhancement, human nature and ethics (en inglés). Springer. ISBN 978-9-4007-5101-9.
  25. 25,0 25,1 Taneja, Anil (2009). World of sports indoor (en inglés). Gyan Publishing House. ISBN 978-8-1783-5767-6.
  26. Voxxi (ed.). "The history behind the Olympics" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2013. Consultado o 25 de xaneiro de 2013.
  27. 27,0 27,1 Streets of Liverpool (ed.). "How the olympic movement started in Liverpool" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2012. Consultado o 25 de xaneiro de 2013.
  28. Matthews, George R. (2005). "America's first Olympics: the St. Louis games of 1904" (en inglés). University of Missouri Press. ISBN 978-0-8262-1588-8.
  29. Weiler, Ingomar (2004). The predecessors of the Olympic movement, and Pierre de Couberti. European Review (en inglés) 12 (Cambridge University Press).
  30. Girginov, Vassil; Parry, Jim (2005). The Olympic Games Explained: A Student Guide to the Evolution of the Modern Olympic Games (en inglés). Routledge. ISBN 978-0-415-34604-7.
  31. Wenlock Olympian Society (ed.). "Much Wenlock & the Olympian Connection" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2009. Consultado o 31 de xaneiro de 2009.
  32. 32,0 32,1 "Rugby School motivated founder of Games". Sports Illustrated (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2 de decembro de 2015. Consultado o 25 de xaneiro de 2013.
  33. Coubertin, Pierre de; Philemon, Timoleon J.; Politis, N.G.; Anninos, Charalambos (1897). Charles Beck, ed. The Olympic Games: BC 776 – AD 1896 (PDF) (en inglés). The Olympic Games in 1896 – Second Part.
  34. Comité Olímpico Internacional (ed.). "Athens 1896" (en inglés). Consultado o 8 de febreiro de 2010.
  35. de Martens, Frédéric (1893). printer Anestis Constantinides, ed. Mémoire sur le conflit entre la Grèce et la Roumanie concernant l'affaire Zappa (en francés). Atenas. Consultado o 2 de agosto de 2017.
  36. Streit, Geōrgios S. (1894). L. Larose, ed. L'affaire Zappa; Conflit Gréco-Roumain (en francés). París. Consultado o 2 de agosto de 2017.
  37. Sports Reference (ed.). "1896 Athina Summer Games" (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2009.
  38. ESPN (ed.). "St. Louis 1904 – Overview" (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2009.
  39. Canadian Broadcasting Centre, ed. (28 de maio de 2008). "1906 Olympics mark 10th anniversary of the Olympic revival" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2008. Consultado o 31 de xaneiro de 2009.

Véxase tamén

Outros artigos

Xogos Olímpicos de 1920

Os Xogos Olímpicos de 1920 foron realizados en Antuerpen, en Bélxica, nunha homenaxe do COI ó sufrimento inflixido ó pobo belga durante a I Guerra Mundial, que inclusive impediu a realización dos Xogos de 1916, anteriormente marcados para Berlín. Atletas de 29 países, nun total de 2.561 homes e 65 mulleres participaron de 24 deportes nun total de 154 modalidades. Abertos polo Rei Alberte o 20 de abril, duraron até o 12 de setembro.

Os Xogos de Antuerpen foron notables polo feito de ser izada por primeira vez a bandeira olímpica (branca con cinco aneis no centro representando os cinco continentes), ter habido unha pioneira solta de pombas simbolizando a paz e terse realizado o Xuramento dos Atletas, lido polo esgrimista e xogador de waterpolo Victor Boin.

Xogos Olímpicos de 1924

Os Xogos Olímpicos de 1924 foron realizados en París, en Francia, entre o 20 de abril e o 27 de xullo, coa participación de 2956 atletas, entre eles 136 mulleres, representando 44 países, un récord até entón, para felicidade e gloria de Pierre de Coubertin, que vía os Xogos volver á súa terra natal, após vinte anos, coa presenza de 1000 xornalistas e a primeira transmisión radiofónica das probas. Estes foron os últimos Xogos organizados baixo a presidencia do Barón de Coubertin.

Ó contrario dos primeiros e fracasados Xogos na cidade, en 1900, desta vez París preparou un suntuoso complexo olímpico para hospedar os diversos deportes, en particular o confortable e moderno Estadio Olímpico de Colombes, con capacidade para 60.000 persoas, onde os nomes dos campións olímpicos destes Xogos foron gravados en mármore nas súas paredes. Foi tamén a primeira vez que os atletas se instalaron nunha pequena vila olímpica, formada por varias pequenas casas de madeira.

Foi nesta edición dos Xogos nos que por primeira vez foi empregado o lema olímpico Citius, Altius, Fortius , ou, máis rápido, máis alto, máis forte, cuñado en latín por un monxe francés, Frei Henri Didon e no que as tres bandeiras, olímpica, do país anfitrión e do próximo país en recibir os Xogos, foron izadas lado a lado na cerimonia de clausura.

Xogos Olímpicos de 1928

Os Xogos da IX Olimpíada realizáronse en 1928 na cidade de Ámsterdan (Países Baixos), nun clima de paz e prosperidade que viría a anteceder vinte anos de guerras e incertezas económicas, entre o 17 de maio e o 12 de agosto, coa participación de 3014 atletas, entre eles 290 mulleres, representando a 46 países, dous máis que os Xogos anteriores, disputando dezasete modalidades deportivas.

Nestes Xogos, as mulleres puideron finalmente competir no Atletismo.

O nivel de competividade aumentou, coa volta ós Xogos Olímpicos dos países derrotados na Primeira Guerra Mundial e até entón prohibidos de participaren: Alemaña, Austria, Hungría e Bulgaria.

Os Xogos de Ámsterdan marcan os primeiros Xogos sen a presenza e a lideranza de Pierre de Coubertin, que, doente, non compareceu, permanecendo no seu refuxio en Suíza.

A cerimonia de apertura foi realizada de maneira grandiosa no belo estadio Olympisch, construído para os Xogos, con lugar para 65.000 espectadores. O mundo viu por primeira vez a chama olímpica no estadio, traída de Olímpia especialmente para a ocasión.

Xogos Olímpicos de 1932

Os Xogos Olímpicos de 1932 tiveron lugar nos Ánxeles (California) entre o 30 de xullo e o 14 de agosto, coa participación de 1.332 atletas (1.206 homes e 126 mulleres), representando 37 países, en 17 modalidades deportivas.

Xogos Olímpicos de 1936

Os Xogos Olímpicos de 1936 foron realizados en Berlín, en Alemaña, entre o 1 e o 16 de agosto, coa participación de 4066 atletas, sendo 328 mulleres, representando 49 países, en 22 modalidades deportivas, tornándose até entón os máis grandiosos, ben realizados, ricos e politicamente explotados Xogos Olímpicos até entón.

Abertos con grande pompa no espectacular e moderno Estadio Olímpico de Berlín por Adolf Hitler, o Führer do III Reich alemán, os Xogos se propoñían, subliminarmente, demostrar na práctica as teorías de superioridade racial aria pregoada polo líder nazi e os seus seguidores, que non escatimaron tempo, adestramento e recursos para producir o mellor equipo olímpico nacional montado para disputar este evento. Infelizmente para o Führer, un pequeno grupo de atletas, os negros norteamericanos, demostraría a falacia das teorías hitlerianas, conquistando a maioría das medallas do atletismo, a modalidade máis importante dos Xogos, liderados por Jesse Owens, un neto de ex-escravos, que gañou catro medallas de ouro nos 100m, 200m, relevo 4x100 e salto de lonxitude, en pleno estadio de Berlín cheo de arios loiros e estupefactos, no máis emblemático episodio da historia dos Xogos Olímpicos.

España boicoteou estes Xogos coa súa non participación. Organizou como alternativa a Olimpíada Popular en Barcelona. Suspendeuse por comezar a guerra civil o día antes da inauguración destes xogos. Algúns atletas, tanto españois como estranxeiros, permaneceron na cidade para loitar contra o levantamento militar.

Berlín asistiu á última presentación pública dun dos maiores heroes olímpicos, o grego Spiridon Louis, campión do maratón nos I Xogos, en Atenas, corenta anos antes. Xa vello, Louis entregou en cerimonia a Adolf Hitler un ramo de olivo collido nas montañas sagradas de Olimpia, inxenuamente, en nome da paz entre os pobos.

Xogos Olímpicos de 1952

Os Xogos Olímpicos de 1952 foron realizados en Helsinqui, en Finlandia, patria dalgúns dos maiores atletas olímpicos de antes da segunda guerra mundial e de todos os tempos; e foron os maiores deles, Hannes Kolehmainen e Paavo Nurmi, os responsables do momento máis emocionante da apertura do evento, cando, xa homes de certa idade, entraron no estadio conducindo a facho olímpico e acendendo o pira olímpica.

Helsinqui conquistou o dereito de sediar os Xogos no congreso do COI de 1947, derrotando como cidade candidata as pretensións de Ámsterdan, Atenas, Lausana, Estocolmo e cinco cidades norteamericanas; antes, ela xa fora escollida para sediar os Xogos de 1940, cancelados por causa da II guerra mundial.

Participaron nestes Xogos un total de 4.955 atletas, sendo 519 deles mulleres, representando 69 estados, un récord até entón.

Xogos Olímpicos de 1956

Os XVI Xogos Olímpicos de 1956 foron realizados na cidade de Melbourne, en Australia, entre os días 22 de novembro e 8 de decembro, coa participación de 72 estados, representados por 3314 atletas, sendo 376 mulleres.

Por primeira vez unha das modalidades deportivas dos Xogos non foi realizada nin na cidade nin no país anfitrión, xa que a hípica transferiuse a Estocolmo, Suecia, disputándose cinco meses antes de Melbourne polo que se impedía a entrada de cabalos estranxeiros no país.

Infelizmente, a política internacional, extremadamente tensa naqueles días de guerra fría, foi responsable dos primeiros boicots e desistencias dos Xogos Olímpicos. A invasión da Hungría por tropas soviéticas naquel ano causou a desistencia de España, Países Baixos e Suíza. Os exipcios, iraquís e libaneses boicotearon o evento en protesta pola presenza anglo-francesa, intervindo con tropas na cuestión do Canal de Suez.

Xogos Olímpicos de 1960

Os Xogos Olímpicos de Verán de 1960 foron realizados en Roma, a Cidade Eterna, capital de Italia, cincuenta e dous anos despois de desistir da organización dos Xogos por causa dunha erupción do volcán Vesuvio, que consumiu a maior parte dos recursos do Estado na atención das vítimas da catástrofe. Tendo finalmente a súa oportunidade, os romanos aproveitaron para xuntar a tradición antiga dos gregos coa súa propia antiga e dramática historia. As competicións de levantamento de peso realizáronse na Basílica de Maxentius, a ximnasia nas Termas de Caracalla e o Arco de Constantino, o famoso monumento en homenaxe ó primeiro emperador romano cristián, marcou a chegada do maratón.

Abertos o 25 de agosto e rematando o 11 de setembro, os Xogos de Roma tiveron a participación de 5.338 atletas, entre eles 611 mulleres, representando a 83 estados dos cinco continentes e foron transmitidos en vivo por máis de cen canles de televisión de 18 países de Europa e mostrados en vídeo tape horas despois nos Estados Unidos, Canadá e Xapón.

Xogos Olímpicos de 1968

Os Xogos Olímpicos de 1968 foron realizados en Cidade de México entre o 12 e o 27 de outubro de 1968. Por primeira vez os Xogos celebráronse en América Latina e a altitude de 2.300m por riba do nivel do mar da capital mexicana xerou controversias sobre os danos que o aire menos denso podería causar no desempeño dos atletas. Realmente, a altitude prexudicou o desempeño dos atletas nas probas de resistencia e de longa distancia, como o ciclismo, a natación e o maratón, mais en compensación axudou a provocar un torrente de marcas mundiais e olímpicas nos eventos máis curtos e de esforzo mais rápido como as carreiras de menos de 800m, halterofilia, lanzamento de xavelina e outros.

O ano de 1968 foi un ano bastante confuso e violento, coa guerra de Vietnam, a Revolución Cultural na China, a invasión soviética de Checoslovaquia acabando coa chamada Primavera de Praga , revoltas estudantís, marchas polos dereitos civís e enfrontamentos raciais por todo o planeta. México tamén deu a súa contribución ó clima que marcaba esta época, cando tropas federais do goberno reprimiron sanguinariamente a centenares de estudantes durante manifestacións na Praza das Tres Culturas, dez días antes da cerimonia de apertura dos Xogos, no que ficou coñecido como o Masacre de Tlatelolco, manchando irremediablemente o espírito olímpico pregado polo COI e polo seu fundador, o Barón de Coubertin, provocando case o cancelamento do evento.

Por primeira vez o número de estados participantes pasaba de cen, nunha demostración de prestixio, interese e popularidade inegables conquistados polos Xogos Olímpicos, que atraeron o comparecemento de 112 países, nun total de 5.516 atletas, sendo 781 mulleres.

Xogos Olímpicos de 1972

Os Xogos Olímpicos de 1972 foron realizados en Múnic entre o 26 de agosto e o 10 de setembro de 1972 e até o comezo de setembro estaban a ser considerados os mellores, máis pacíficos e tecnicamente perfectos de todos os tempos, cando foron transformados no maior pesadelo ocorrido na historia das Olimpíadas.

Coa participación récord de 121 estados e 7.134 atletas, foron organizados polos alemáns para celebrar a paz e nos seus primeiros dez días a competición deportiva de alto nivel alí realizada maravillaba ó mundo. Mais na madrugada do día 5 de setembro, cinco palestinos do grupo terrorista Setembro Negro invadiron a Vila Olímpica, mataron a dous membros do equipo de Israel e tomaron a nove reféns. O que se seguiu, coa paralización temporal dos Xogos e a morte de todos os reféns israelís, ficou coñecido como o Masacre das Olimpíadas de Múnic.

Con todas as bandeiras dos países participantes a media hasta e unha misa no estadio olímpico en honra das vítimas, após 34 horas de interrupción os Xogos volveron a reanudarse, despois da insistencia e a célebre frase do Presidente do COI, Avery Brundage: “Os Xogos deben continuar!”

Xogos Olímpicos de 1976

Os Xogos Olímpicos de 1976 foron realizados en Montreal, Canadá, entre o 17 de xullo e o 1 de agosto de 1976, coa participación de 6.804 atletas de 92 estados competindo en 21 deportes, foron os primeiros marcados por un grande boicot de estados integrantes do movemento olímpico.

Xogos Olímpicos de 1984

Os Xogos Olímpicos de 1984 foron realizados na cidade dos Ánxeles, EUA, entre o 28 de xullo e 12 de agosto de 1984, sen a participación dos países da Europa Oriental, liderados pola URSS, ademais de países comunistas como Cuba, Corea do Norte e Etiopía, en resposta ó boicot liderado polos norteamericanos ós Xogos de Moscova, realizados catro anos antes.

A pesar do boicot, que prexudicou o nivel técnico de varias modalidades dominadas polos europeos do leste e polos cubanos, Os Ánxeles –candidata única á realización destes Xogos, debido ó receio xeral provocado polos grandes prexuízos económicos sufridos por Montreal nos seus Xogos Olímpicos de 1976- recibiu a presenza dun número récord de atletas, 6.829 (1566 mulleres, outro récord) de 140 países e foi cuberto por máis de 9.000 xornalistas de todo mundo.

A rica e suntuosa cerimonia de apertura, oficialmente feita polo presidente Ronald Reagan, un nativo do estado de California, sede dos Xogos, ocorreu no mesmo estadio olímpico, o Memorial Colyseum completamente remodelado, onde foron realizados xa os Xogos Olímpicos de 1932 e contou coa emoción da entrada da chama olímpica cargada pola neta de Jesse Owens, o máis emblemático dos heroes olímpicos americanos e gran nome dos Xogos Olímpicos de 1936 de Berlín, alén da inesquecible participación do home-foguete, nunha demostración da tecnoloxía dos anfitrións.

Mais o feito máis importante destes Xogos foi o anuncio, feito polo Presidente do Comité Organizador Peter Ueberroth meses após do seu término, de que deran un beneficio de 200 millóns de dólares, alén do lucro indirecto á propia cidade, o que significaba que os Xogos Olímpicos poderían ser economicamente viables, afastando a sombra dunha extinción provocada pola imposibilidade económica que vagaba sobre eles.

Xogos Olímpicos de 1992

Os XXV Xogos Olímpicos foron realizados en Barcelona, Cataluña, terra natal do presidente do Comité Olímpico Internacional, Juan Antonio Samaranch, entre o 25 de xullo e o 9 de agosto de 1992 coa participación de todos os países filiados ao COI, 169 estados, por primeira vez dende os Xogos de Múnic en 1972.

Dende os Xogos anteriores, en 1988, o mundo testemuñou importantes mudanzas políticas. O Apartheid foi abolido en Suráfrica, o que permitiu o retorno deste país aos Xogos, despois de 32 anos de ausencia. Coa caída do Muro de Berlín en 1989, Alemaña volveu a participar como un só estado, así como Iemen. A URSS foi dividida en quince países independentes após o colapso do comunismo que participaron baixo unha soa bandeira, a CEI, Comunidade dos Estados Independentes. As repúblicas bálticas de Estonia, Letonia e Lituania, so dominio soviético dende a II Guerra Mundial, participaron baixo a súa propia bandeira como nacións independentes, a primeira vez dende 1936.

O desmembramento de Iugoslavia levou a Croacia, Bosnia e Hercegovina e Eslovenia a participaren cos seus propios equipos nacionais. A Iugoslavia remanescente non foi aceptada nos Xogos, por causa da súa agresión militar aos pobos veciños, mais atletas iugoslavos participaron individualmente, baixo bandeira olímpica.

A cerimonia de apertura dos Xogos, feita polo Rei Xoán Carlos I, contou coa entrada da delegación española levando á cabeza o propio Príncipe de Asturias, herdeiro do trono español, Filipe de Borbón, integrante do equipo español de Vela, 32 anos após a participación de súa nai, a Raíña Sofía, grega de nacemento, no equipo de Vela de Grecia nos Xogos de Roma en 1960. A pira olímpica, nun efecto visual espectacular, foi acesa por unha frecha en fogo disparada polo arqueiro parapléxico Antonio Rebollo.

Xogos Olímpicos de 1996

Os XXIII Xogos Olímpicos de Atlanta, correspondente á XXVI Olimpíada, marcaron o centenario dos Xogos Olímpicos da Era Moderna e foron abertos polo Presidente dos Estados Unidos de América Bill Clinton. Fixéronse entre o 19 de xullo e o 4 de agosto de 1996, coa presenza de todos os 196 estados afiliados ao Comité Olímpico Internacional, cun total de 10.318 atletas, sendo 3.512 deles, mulleres, competindo en 26 deportes.

Xogos Olímpicos de 2000

Os XXIV Xogos Olímpicos de Sidney, Australia, realizados entre o 15 de setembro e o 1 de outubro do ano 2000 e tamén coñecidos como Xogos do Milenio, foron os maiores organizados até o de entón, con 10.651 atletas de 199 países competindo en 300 eventos deportivos. Sucedéronse nunha atmosfera pacífica e estiveron ben organizados.

Australia, país anfitrión, preparouse para os seus Xogos coa intención de tornarse unha potencia olímpica e conquistou a espectacular marca de 58 medallas, sendo 16 de ouro, ficando na cuarta posición no cadro de medallas final dos Xogos, a mellor participación da súa historia.

Xogos Olímpicos de 2004

Os XXV Xogos Olímpicos de Atenas celebráronse do 13 de agosto ao 29 de agosto de 2004. Durante 17 días xuntaron a delegados de 202 países e máis de 11.000 atletas.

As súas mascotas oficiais foron Atenea (Αθηνα) e Febo (Φοίβος), chamados así en hora da deusa Atenea e do seu irmán Apolo, antigos protectores da cidade.

O símbolo do evento foi a coroa de loureiro, dado o seu significado na Grecia antiga e nos seus primeiros Xogos Olímpicos.

Despois dun difícil período de controversias sobre e capacidade de Grecia de realizar os Xogos, causado polo atraso nas obras planeadas pola organización do evento, Atenas contou cunha popularidade nunca antes observada nos Xogos Olímpicos. Tivo un seguemento masivo a través dos medios de comunicación.

Xogos Olímpicos de 2008

Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 (oficialmente denominados Xogos da XXIX Olimpíada) tiveron lugar na cidade de Pequín, capital da República Popular China, entre o 8 e o 24 de agosto de 2008, aínda que o torneo de fútbol comenzou dous días antes, o 6 de agosto. Ao concluír o evento, leváronse a cabo na mesma cidade os XIII Xogos Paralímpicos, entre o 6 e o 17 de setembro.

O evento deportivo contou con 302 probas en 28 deportes nas que, segundo estimacións, participaron uns 10.500 atletas de 204 países. Ademais de Pequín, algunhas das probas deportivas tiveron lugar noutras cidades de China. O torneo de fútbol tivo lugar nas cidades cidades de Qinhuangdao, Tianjin, Shenyang e Shanghai, namentres as regatas de vela e as probas de hípica efectuáronse no porto de Qingdao e no de Hong Kong, respectivamente.

Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 tiveron un custo que podería superar os 41.000 millóns de dólares, case triplicando o orzamento final do seu antecesor, os Xogos Olímpicos de Atenas 2004, converténdose no evento máis custoso da historia olímpica. A organización deste evento enfrontou diversos problemas dende a súa elección, o 13 de xullo de 2001, especialmente polos problemas de contaminación atmosférica que enfronta a cidade sede e polas acusacións de violacións aos dereitos humanos que recibiu o réxime chinés por parte importante da comunidade internacional, xerando diversas protestas que afectaron o percorrido do facho olímpico. O goberno da China promocionou os xogos co obxectivo de destacar a importancia e influencias do país no resto do mundo.

Xogos Olímpicos de 2012

Os Xogos Olímpicos de 2012, correspondentes aos Xogos da XXX Olimpíada, tiveron lugar en Londres entre o 27 de xullo e o 12 de agosto de 2012.

Xogos Olímpicos de 2016

Os Xogos Olímpicos de 2016, (en portugués: Jogos Olímpicos de Verão de 2016), oficialmente coñecidos como Xogos da XXXI Olimpiada ou máis comunmente coñecidos como Rio 2016, foron un evento multideportivo internacional celebrado no Río de Xaneiro, Brasil, dende o 5 ó 21 de agosto de 2016.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.