Xoana

O antropónimo Xoana (variante feminina de Xoán) pode referirse a:

30 de maio

O 30 de maio é o 150º día do ano do calendario gregoriano e o 151º nos anos bisestos. Quedan 215 días para finalizar o ano.

Afonso V de Portugal

Afonso V, nado en Sintra o 15 de xaneiro de 1432 e finado na mesma vila a 28 de agosto de 1481, foi o décimo segundo Rei de Portugal (terceiro da dinastía de Avis). Alcumado o Africano polas conquistas que fixo no norte de África, era fillo do rei Duarte de Portugal e da súa muller, a princesa Leonor de Aragón. Afonso V sucedeu a seu pai en 1438, con apenas seis anos.

Carlos V, Sacro Emperador Romano-Xermánico

Carlos V, Sacro Emperador Romano-Xermánico, tamén coñecido como Carlos V de Habsburgo, Carlos V de Flandres, Carlos I de Habsburgo ou Carlos I de España e V de Alemaña, nado no palacio Prinsenhof de Gante o 24 de febreiro de 1500 e finado no mosteiro de Yuste o 21 de setembro de 1558, foi fillo de Filipe o Fermoso de Habsburgo e de Xoana, a Tola. Reinou nas Coroas de Castela e Aragón moi novo, aos 16 anos, de 1516 a 1556, e posuíu a coroa imperial alemá de 1519 a 1558.

Casa de Trastámara

A casa de Trastámara foi unha dinastía de reis de orixe castelá. Os seus membros reinaron na coroa de Castela (de 1369 até 1504), en Aragón (de 1412 até 1516), en Navarra (de 1425 até 1479), e en Nápoles (de 1458 até 1501).

A casa colle o seu nome do condado de Trastámara, no noroeste de Galiza, título que tiña antes o rei Henrique II de Castela.

A casa de Trastámara reinou en Aragón polo Compromiso de Caspe (1412) e substituíu a casa de Aragón despois da morte de Martiño I o Humano cando houbo un período de interregno onde se puido chegar a unha guerra civil.

A derradeira raíña desta casa en gobernar na coroa de Castela foi a raíña Xoana I "a Tola", que polo seu matrimonio con Filipe I e a través do fillo dos dous, Carlos I, deu paso ao goberno dos reinos da coroa de Castela e Aragón por reis da casa de Habsburgo.

Coroa de Castela

A Coroa de Castela foi unha entidade histórica da Península Ibérica que desde o 1230 comprendía un conxunto de reinos asociados dinasticamente baixo a figura dun común monarca, que tiñan o seu centro de decisión no reino de Castela. A súa orixe remóntase ao ano 1230, cando Fernando III o Santo, rei de Castela e de Toledo desde 1217, usurpou o goberno dos reinos de Galicia e León ás súas medias-irmás e previsibles futuras raíñas Sancha e Aldonza..

Fernando II de Aragón e V de Castela

Fernando "o Católico", V de Castela, II de Aragón, Valencia e Barcelona, III de Sicilia e I de Navarra, nado en Sos del Rey Católico (Zaragoza) o 10 de maio de 1452 e finado en Madrigalejo (Cáceres) o 22 de xaneiro de 1516, foi rei de Aragón, Valencia, Mallorca, Sicilia (1468-1516), Castela (1474-1504), Sardeña (1479-1516), de Nápoles (1503-1516) e Navarra (1512-1515); rexente de Castela (1507-1516); Príncipe de Xirona e Duque de Montblanc (1472-1478); Conde de Barcelona e de Ribagorza (1458-1469).

Filipe I de Castela

Filipe de Habsburgo, alcumado o Fermoso, nado en Bruxas (Flandres) o 22 de xullo de 1478 e finado en Burgos o 25 de setembro de 1506, foi un nobre da casa de Habsburgo, arquiduque de Austria, duque de Borgoña, Brabante, Limburgo e Luxemburgo, conde de Flandres, Habsburgo, Hainaut, Holanda, Zelandia, Tirol e Artois, señor de Antuerpen e Malinas, entre outras cidades (1482 - 1506), e rei de Castela e de León (1504 - 1506) polo seu matrimonio con Xoana, filla e herdeira dos Reis Católicos.

Foi quen trouxo a liñaxe dos Habsburgo nos territorios da actual España. O apelativo o Fermoso, deullo o rei Luís XII de Francia. En 1501, Filipe e Xoana viaxaban cara a Castela para seren coroados e detivéronse en Blois. Alí o rei francés recibiunos, a velo exclamou: Velaí un fermoso príncipe.

Era fillo de Maximiliano I, emperador de Alemaña e de María de Borgoña. O seu pai pactou o seu matrimonio con Xoana, filla dos Reis Católicos, no marco da Liga Santa que uniu a monarquía castelá-aragonesa co Sacro Imperio, Inglaterra, Nápoles, a república de Xénova e o ducado de Milán contra as pretensións hexemónicas de Francia na península italiana (1495).

Deste matrimonio naceran 6 fillos:

Leonor (Lovaina,1498 - Talavera,1558). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Manuel I de Portugal.

Carlos (Gante, 1500 - Mosteiro de Yuste, 1558). Rei de Castela, Aragón e emperador do Sacro Imperio.

Isabel (Bruxelas, 1501 - Zwijnaerde, Gante, 1526). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Cristián II de Dinamarca.

Fernando (Alcalá de Henares, - Viena,1564), emperador do Sacro Imperio.

María (Bruxelas, 1505 - Cigales, 1558). Archiduquesa de Austria. Casada con Luís II Xagellón, rei de Hungría, Bohemia e Croacia.

Catarina (Torquemada, 1507 - Lisboa, 1578). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Xoán III de Portugal.Nos Países Baixos borgoñóns (Bélxica, Holanda e Luxemburgo) actuou como un administrador competente e un soberano popular e amado, que soubo unir os intereses dos seus diversos territorios, demostrando especial talento para planear reformas e para dar tranquilidade e paz logo de anos de turbulencias políticas.

Mortos os infantes Juan (1497) e Isabel (1498), así como o fillo desta última, o infante Miguel (1500), a súa esposa convértese na herdeira de Castela e Aragón. Morta a raíña Isabel a Católica (1504), ábrese o problema da sucesión nos reinos casteláns. Pola Concordia de Salamanca (1505), acórdase o goberno conxunto de Filipe, Fernando de Aragón e a propia Xoana. Porén, as malas relacións entre el (apoiado pola nobreza castelá) e o seu sogro, o rei Fernando o Católico, obrigaron a este a renunciar ao poder en Castela para evitar un enfrontamento armado. Pola Concordia de Villafáfila (1506), Fernando retírase aos seus estados de Aragón, como rei, e Filipe é proclamado rei de Castela. Hai pois catro monarquías na península neste momento: Portugal, Navarra, Castela-León, Aragón.

Entre tanto, Xoana mostra visos de loucura, segundo algúns polos celos que lle producían as infidelidades do marido, polo que sentía un amor tan apaixonado como pouco correspondido. Aínda que as Cortes de Castela reunidas en Valladolid se negaron a declarar a incapacidade da raíña Xoana, Filipe I exerce o poder efectivo sen contar con ela. Tradicionalmente ténselle censurado polo favoritismo que demostrou polos seus conterráneos flamengos, así como por repartiren dádivas e prebendas entre os nobres casteláns para buscar o seu apoio; mais é posíbel que iso respondese a unha estratexia dirixida a afianzar o poder real e a pór couto as inxerencias de seu sogro nos asuntos casteláns. A figura que atinxira maior preeminencia no seu breve goberno (mais non ata consideralo un valido) foi un escuro nobre, o señor de Belmonte, de nome Juan Manuel.

En xuño de 1506 desembarcou coa súa muller na Coruña para dirixirse á Pobra de Sanabria a reunirse co seu sogro, pasando a noite do día 15 na vila da Gudiña. A súa morte, que ocorreu na burgalesa Casa del Cordón, foi tan súbita que correu o rumor de que seu sogro o envelenara. Segundo parece mentres se encontraba Filipe en Burgos, xogando aos birlos, tras a partida, suando aínda, bebeu abundante auga fría, a consecuencia do cal caeu enfermo con alta febre e morreu uns días despois. Porén, os investigadores máis recentes e autorizados atribúen a súa morte á peste. O falecemento do monarca acrecentou a suposta loucura da raíña Xoana.

Fernando o Católico aproveitou o débil estado mental da súa filla para encerrala no pazo de Tordesillas (Valladolid), do que xa no sairá ata a súa morte, para converterse en rexente dos reinos castelán-leoneses.

Guerra dos Cen Anos

A expresión guerra dos Cen Anos (en francés: guerre de Cent Ans, en inglés: Hundred Years' War) identifica unha serie de conflitos armados, rexistrados de forma intermitente, durante os séculos XIV e XV, que durou en realidade 116 anos (mércores 1 de xaneiro de 1337 - mércores 17 de outubro de 1453) entre as dinastías dos Plantagenet e os Valois arrastrando con elas os reinos de Francia e Inglaterra. Esta guerra foi de raíz feudal, pois o seu propósito non era outro que resolver quen controlaría as enormes posesións dos monarcas ingleses en territorios franceses, desde 1154, debido ao ascenso de Henrique II Plantagenet, conde de Anjou, ao trono inglés. Tivo implicacións internacionais e finalmente, logo de numerosos avatares, saldouse coa retirada inglesa de terras francesas.

A longa duración dese conflito explícase polo grande poderío dos ingleses dun lado e a obstinada resistencia francesa do outro. Foi a primeira gran guerra europea que provocou profundas transformacións na vida económica, social e política da Europa Occidental. Francia foi apoiada por Escocia, Bohemia, a Coroa de Castela e o Papado de Avignon. Inglaterra tivo por aliados aos flamengos, alemáns e portugueses. A cuestión dinástica que desencadeou a chamada guerra dos Cen Anos superou o carácter feudal das rivalidades político-militares da Idade Media e marcou o peor dos futuros enfrontamentos entre as grandes monarquías europeas.

Henrique II de Castela

Henrique II de Castela, nado en Sevilla o 13 de xaneiro de 1334 e finado en Santo Domingo de la Calzada o 29 de maio de 1379, foi rei de Castela, fillo ilexítimo de Afonso XI de Castela e Leonor de Guzmán e polo tanto medio irmán de Pedro I de Castela.

Henrique IV de Castela

Henrique IV, nado en Valladolid o 25 de xaneiro de 1425 e falecido en Madrid o 11 de decembro de 1474, foi rei de Castela e de León entre 1454 e 1474, coñecido vulgarmente como Henrique o Impotente.

Isabel I de Castela

Isabel I de Castela, nada en Madrigal de las Altas Torres o 22 de abril de 1451 e finada en Medina del Campo o 26 de novembro de 1504. Foi raíña de Castela desde 1474 ata 1504, raíña consorte de Sicilia desde 1469 e de Aragón desde 1479, polo seu matrimonio con Fernando de Aragón. É chamada «a Católica», título que lles foi outorgado a ela e ao seu marido polo papa Alexandre VI mediante a bula Si convenit, o 19 de decembro de 1496. É polo que se coñece á parella real co nome de Reis Católicos, título que usarían en diante practicamente todos os reis de España.

Casou en 1469 co príncipe Fernando de Aragón. Polo feito de ser primos segundos necesitaban unha bula papal de dispensa que só conseguiron de Sisto IV a través do seu enviado o cardeal Rodrigo Borgia en 1472. Ela e o seu esposo Fernando conquistaron o reino de Granada e participaron nunha rede de alianzas matrimoniais que fixeron que o seu neto, Carlos, herdase as coroas de Castela e de Aragón, outros territorios europeos e convertésese en emperador do Sacro Imperio Romano.Isabel e Fernando fixéronse co trono tras unha longa loita, primeiro contra o rei Henrique IV e de 1475 a 1479 na Guerra de Sucesión castelá contra os partidarios da outra pretendente ao trono, Xoana. Isabel reorganizou o sistema de goberno e a administración, centralizando competencias que antes ostentaban os nobres; reformou o sistema de seguridade cidadá e levou a cabo unha reforma económica para reducir a débeda que o reino herdara do seu medio irmán, e predecesor no trono, Henrique IV. Tras gañar a guerra de Granada os Reis Católicos expulsaron aos xudeus dos seus reinos e, anos máis tarde, tamén aos musulmáns.

Isabel concedeu apoio a Cristovo Colón na procura dunha nova ruta cara ás Indias, o que levou ao descubrimento de América. Devandito acontecemento provocaría no futuro a conquista das terras descubertas e a creación do Imperio Español.

Isabel viviu 53 anos, dos cales gobernou 30 anos como raíña de Castela e 26 como raíña consorte de Aragón á beira de Fernando II.

Luís XII de Francia

Luís XII de Francia ou Luís de Orleans, tamén alcumado co nome de Pai do pobo, foi un monarca da Casa de Valois quen gobernou como rei de Francia desde 1498 ata 1515 e como rei de Nápoles desde 1501 ata 1504, nado en Blois (Francia) o 27 de xuño de 1462 e finado en París o 1 de xaneiro de 1515. Fillo de Carlos I de Orleans e María de Clèves. É coroado como rei de Francia tras falecer o seu primo Carlos VIII e sen deixar descendencia. Estivo casado con Xoana de Valois, con Ana da Bretaña, con quen tivo dúas fillas, a futura raíña de Francia Claudia (1499-1524) e Renata (1510-1575), e con María Tudor.

Panteón Real da Catedral de Santiago

O Panteón Real é o lugar, dentro da catedral de Santiago, que contén os sepulcros de dous reis e outras destacadas personalidades do Reino de Galiza.

Iniciouse no ano 1107 co soterramento de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza, e coa promesa do seu fillo o emperador Afonso VII de levar tamén os seus restos á Catedral. Este compromiso non foi cumprido por Afonso VII mais si pola súa esposa a emperatriz Berenguela, e continuado polo seu fillo Fernando II e polo seu neto Afonso VIII, reis de Galiza e León. No ano 1211, Afonso VIII oficializou definitivamente a capela rexia na cerimonia de consagración da Catedral que presidiu xunto ao seu herdeiro Fernando Afonso, sepultado tamén no panteón.

O espazo funerario foi instalado na "capella dos reis", hoxe capela de Santa Catarina, e permaneceu alí até o ano 1535, momento no que foi trasladado á Capela das Reliquias. Durante este traslado mudouse o acomodo de cinco sarcófagos que foron atribuídos naquel momento a Raimundo de Borgoña (†1107), Berenguela de Barcelona (†1149), Fernando II (†1188), Afonso VIII (†1230) e Xoana de Castro (†1374). A documentación histórica confirma a inhumación na catedral destes cinco persoeiros mais só no caso da raíña Xoana existen ademais testemuños epigráficos e heráldicos da mesma época que confirmen a súa identidade. No ano 1926 incorporouse ao panteón unha última sepultura contendo os restos do conde Pedro Froilaz de Traba (†1126).

Príncipe de Asturias

Príncipe de Asturias é o principal dos títulos que ostenta o herdeiro da Coroa Española. Na actualidade é Leonor de Borbón. Regulados polo Real Decreto dende 1977 os títulos históricos dos herdeiros ao trono nos diferentes reinos hispanos son:

Príncipe de Asturias, como herdeiro do Reino de Castela e León con orixe en 1388;

Príncipe de Xirona, como herdeiro do Reino de Aragón con orixe en 1351;

Príncipe de Viana, como herdeiro do Reino de Navarra con orixe en 1423;

Duque de Montblanc, como herdeiro do Principado de Cataluña con orixe en 1387;

Conde de Cervera, como herdeiro do Reino de Valencia con orixe en 1351;

Señor de Balaguer, como herdeiro do Reino de Mallorca con orixe en 1413.Ademais por medio da fundación homónima, cuxa presidencia ostenta, entréganse anualmente os prestixiosos Premios Príncipe de Asturias nun solemne acto en Oviedo, capital do Principado de Asturias.

Reis Católicos

Os Reis Católicos foi a denominación que recibiron os reis Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela, soberanos da Coroa de Castela (1474-1504) e da Coroa de Aragón (1479-1516).

Os Reis accederon ao trono de Castela trala Guerra de Sucesión Castelá (1475-1479) contra os partidarios da princesa Xoana a Beltranexa, filla do rei Henrique IV de Castela. En 1479 Fernando herdou o trono de Aragón ao morrer o seu pai, o rei Xoán II de Aragón. Isabel e Fernando reinaron xuntos ata a morte dela en 1504. Entón Fernando quedou unicamente como rei de Aragón, pasando Castela á súa filla Xoana, alcumada "a Tola", e ao seu marido Filipe de Austria, alcumado "o Fermoso", Arquiduque de Austria, duque de Borgoña e conde de Flandres. Con todo Fernando non renunciou a controlar Castela e, tras morrer Felipe en 1506 e ser declarada Xoana incapaz, conseguiu ser nomeado rexente do reino ata a súa morte en 1516.

A historiografía española considera o reinado dos Reis Católicos como a transición da Idade Media á Idade Moderna. Co seu enlace matrimonial uníronse provisionalmente, na dinastía dos Trastámara, dúas coroas: a Coroa de Castela e a Coroa de Aragón dando nacemento ao Imperio Español e, apoiados polas cidades e a pequena nobreza, estableceron unha monarquía forte fronte ás apetencias de poder de eclesiásticos e nobres. Coa conquista do Reino de Granada, do Reino de Navarra, de Canarias, de Melilla e doutras prazas africanas conseguiron a unión territorial baixo unha soa coroa da totalidade dos territorios que hoxe forman España –exceptuando Ceuta e Olivenza que entón pertencían a Portugal–, que se caracterizou por ser persoal, xa que se mantiveron as soberanías, normas e institucións propias de cada reino e coroa.

Os Reis estableceron unha política exterior común marcada por enlácelos matrimoniais con varias familias reais de Europa que resultaron na hexemonía dos Habsburgo durante os séculos XVI e XVII.

Por outra banda, o descubrimento de América, en 1492, modificou profundamente a historia mundial.

Reis de España

A lista dos reis de España comeza cos Reis Católicos porque se considera que España comezou a existir cando a Coroa de Castela e a Coroa de Aragón uniron os seus reinos a través do matrimonio de Isabel I de Castela con Fernando II de Aragón, aínda que os reinos seguiron tendo leis separadas e a denominación da Monarquía incluía varios reinos (a máis común sería Rei de Castela, Aragón, León, Granada e Toledo, aínda que variaba moito). O termo España referíase á Península Ibérica en conxunto até o recoñecemento definitivo da independencia de Portugal en 1668 e o título rei de España só se comezou a utilizar polos monarcas en 1874 (anteriormente Isabel II utilizou o de Raíña das Españas).

Xoana I de Castela

Xoana I de Castela ou Xoana I de Aragón e Castela, coñecida tamén como Xoana a Tola, nada en Toledo en 1479 e finada en Tordesillas, Valladolid, en 1555, foi entre outras cousas raíña de Aragón e Castela.

Xoana a Beltranexa

A infanta Xoana de Castela, nada en Madrid o 28 de febreiro de 1462 e finada en Lisboa en 1530, foi unha infanta castelá, raíña proclamada de Castela e de León e raíña consorte de Portugal. Destituída do seu rango, tivo que renunciar por tratado a todos os seus títulos e señoríos, ata á súa calidade de infanta castelá e de alteza, tralo cal foi chamada oficialmente, por real decreto portugués, «a Excelente Senhora» ata o final da súa longa vida no exilio de Portugal. Foi a única filla e herdeira de Henrique IV e da súa segunda esposa a raíña Xoana de Portugal, filla de Duarte I de Portugal. Unha parte da nobreza castelá non a aceptou como filla biolóxica do rei, seu pai, a quen acusou de obrigar á raíña –a súa muller– a ter un fillo co seu favorito, Beltrán de la Cueva, primeiro duque de Alburquerque, malia que ambos xuraran solemnemente que non fora así. Beltrán non se atopaba en lugar necesario para iso nas datas concretas. Había sospeitas sobre a impotencia de Henrique IV, xa que previamente estivera casado coa infanta Branca de Navarra e o matrimonio declarouse nulo porque nunca chegou a consumarse. Ademais, Henrique IV non tivo máis fillos nin coa súa muller nin con ningunha dos seus amantes.

Xoana de Arco

Xoana de Arco (francés: Jeanne d'Arc), nada o 5 ou o 6 de xaneiro de 1412 en Domrémy-la-Pucelle, un pequeno poboado sito no departamento francés de Vosgos, e finada o 30 de maio de 1431 en Ruán, tamén coñecida como a Doncela de Orleáns (ou, en francés, la Pucelle d'Orléans), foi unha heroína, militar e santa francesa. A súa festividade conmemórase o día da súa morte, o 30 de maio, como é tradición na igrexa católica.

Nada entre 1407 e 1412, con 17 anos encabezou o exército real francés. Convenceu o rei Carlos VII de que expulsaría os ingleses de Francia e este deulle autoridade sobre o seu exército no sitio de Orleáns, a batalla de Patay e outros enfrontamentos en 1429 e 1430. Estas campañas revitalizaron a facción de Carlos VII durante a guerra dos Cen Anos e permitiron a coroación do monarca. Como recompensa, o rei absolveu Domrémy, vila natal de Xoana, de pagarlle o imposto anual á coroa (esta lei estivo en vigor ata hai cen anos). Os borgoñóns capturaron a Xoana e entregárona aos ingleses. Os clérigos condenárona por herexía e o duque Xoán de Lancaster queimouna viva en Ruán.

A gran maioría de datos sobre a súa vida baséanse nas actas dese proceso, pero están en certa forma provistos de descrédito, pois segundo diversas testemuñas do xuízo, estiveron cheos de correccións e datos falsos introducidos por orde do bispo Pierre Cauchon. Entre estas testemuñas estaba o escribán oficial, designado só como Manchon, que afirma que en ocasións había secretarios agochados detrás das cortinas da sala agardando instrucións para borrar ou agregar cousas das actas.

Vinte e cinco anos logo da súa condena, o rei Carlos VII instigou a Igrexa a que revisase aquel xuízo inquisitorial, ditaminando o papa Nicolao V a inconveniencia da súa reapertura naqueles momentos, debido aos recentes éxitos militares de Francia sobre Inglaterra e á posibilidade de que os ingleses o tomasen, naqueles delicados momentos, como unha afronta por parte de Roma. Doutra banda, a familia de Xoana tamén reuniu as probas necesarias para a revisión do xuízo e envioullas o Papa, pero este negouse definitivamente a reabrir o proceso.

Á morte de Nicolao V, foi elixido papa o valenciano Calisto III (nado como Alfons de Borja i de Llançol) o 8 de abril de 1455, e foi el quen dispuxo que se reabrise o proceso. A súa inocencia foi recoñecida ese mesmo ano nunha apelación do xuízo, grazas a un proceso onde houbo moitos testemuños e declarouse herexes aos xuíces que a condenaron. Finalmente, xa no século XX, foi beatificada en 1909 polo papa Pío X e posteriormente declarada santa en 1920 polo papa Bieito XV. Ese mesmo ano, foi declarada como a santa patroa de Francia.A súa fama estendeuse inmediatamente logo da súa morte: venerada pola Liga Católica no século XVI, adoptada como símbolo cultural polos círculos patrióticos franceses dende o século XIX, foi unha inspiración para as forzas aliadas durante a primeira e a segunda guerra mundial.

Popularmente, Xoana de Arco é contemplada por moitas persoas como unha muller notable: valente, vigorosa e cunha grande fe. Hoxe en día é obxecto de especial interese na República de Irlanda, Canadá, Reino Unido e Estados Unidos. No movemento do Escultismo é a Santa Patroa dos guidistas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.