Xoán Gato

Xoán Gato Díaz, nado en Ferrol o 5 de febreiro de 1946, é un político galego, foi coordinador nacional de Terra Galega e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións do 1 de marzo de 2009 por este mesmo partido. Desde finais de 2010, abandonou esta formación[1] para crear un novo partido chamado Converxencia Galega de corte galeguista e liberal[2], no que actualmente milita.

Xoán Gato
Xoan Gato
Datos persoais
Nacemento1946
 Ferrol
OrganizaciónUnidade Galega
ANGN
PSG-EG
Unidade por Narón
Terra Galega
Converxencia Galega
ProfesiónPolítico

Biografía e traxectoria

Diplomado en Relacións Laborais pola Universidade de Santiago, este antigo traballador do estaleiro ASTANO, foi concelleiro de obras e urbanismo en Narón por Unidade Galega do entón alcalde e ex-sacerdote Antonio Martínez Aneiros durante a primeira corporación municipal da democracia. Na segunda corporación, esta vez na ANGN volve acadar acta de concelleiro, integrándose no PSG-EG ó tempo que Martínez Aneiros era elixido deputado no parlamento galego, en 1985. Naquel momento Xoán Gato toma posesión á fronte da alcaldía de Narón.

Coa integración de Unidade Galega (partido), a sucesora do PSG-EG no BNG, o equipo de goberno do concello de Narón, descontento coa decisión do partido, fundou Unidade por Narón, formación de carácter localista naronés. Con ese partido gobernou en coalición con Esquerda Unida (95-99) e co BNG (99-03), e xa en 2003, acadou a maioría absoluta con 13 concelleiros de 21.

Para as Eleccións Municipais de 2007 presentouse como candidato por Narón de Terra Galega, obtendo 10 concelleiros, e ficando a un da maioría absoluta. Foi un dos membros fundadores desta formación política, no que ocupou o posto de coordinador nacional, presentándose como candidato á presidencia da Xunta. O 20 de xaneiro de 2009 foi substituído como alcalde por Xosé Manuel Blanco[3], logo da súa dimisión para centrarse nas eleccións galegas, onde non conseguiu os votos necesarios para entrar no Parlamento.

En febreiro de 2010, apoiado por un grupo de empresarios, presenta a súa candidatura a Cámara de Comercio de Ferrol, candidatura que acada 20 dos 25 representantes elixidos. Antes do seu nomeamento prodúcese unha división interna dentro da candidatura que salva coa a súa elección en xuño. Convértese así no 18º presidente da Cámara[4].

Datos persoais

Está casado e ten tres fillos e catro netos.

Predecesor:
Antonio Martínez Aneiros
 Escudo de Narón.svg
alcalde de Narón
 
1985-2009
Sucesor:
Xosé Manuel Blanco

Notas

  1. El Correo Gallego."Terra Galega sufre una escisión de la que nacerá el partido Converxencia Galega"
  2. "Web de Converxencia Galega". Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2011. Consultado o 16 de febreiro de 2011.
  3. Gato cédelle a alcaldía de Narón a Blanco Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., A Nosa Terra, 20/1/2009
  4. O pleno da Cámara elixe a Gato como presidente,La Voz de Galicia

Véxase tamén

Outros artigos

5 de febreiro

O 5 de febreiro é o 36º día do ano do calendario gregoriano . Quedan 329 días para finalizar o ano, 330 nos anos bisestos.

Agrupación Nacionalista Galega de Narón

Agrupación Nacionalista Galega de Narón foi unha agrupación electoral de carácter municipalista, independente, nacionalista e de esquerdas.

Fórmase en Narón (provincia da Coruña) para dar continuidade á coalición Unidade Galega, que acadara neste concello a alcaldía nas eleccións municipais de 1979. Nas eleccións de maio de 1983 obtén 6 concelleiros que sumados ós 5 do PSOE volven dar a alcaldía a Antonio Martínez Aneiros, alcalde na etapa anterior.

En 1985, a ANGN intégrase no PSG-EG. Como consecuencia desta integración Antonio Martínez Aneiros resulta elixido, nas Eleccións ó Parlamento Galego de 1985, parlamentario, pasando a ocupar o seu posto como alcalde Xoán Gato Díaz.

Antonio Martínez Aneiros

Antonio Martínez Aneiros, coñecido como Antón Aneiros, nado no Val (Narón) en 1933, é un sacerdote e político galego.

Converxencia Galega

Converxencia Galega é un partido político nacionalista galego que se autodefine a si mesmo coma centrista, progresista no senso social e liberal no senso económico, europeísta, interclasista e confederalista.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009

As eleccións autonómicas de Galicia de 2009 foron as oitavas eleccións ao Parlamento de Galicia. Nestas eleccións parlamentarias foron convocados ás urnas 2 646 872 galegos, dos cales 335.452 (12,7%) residen no estranxeiro.

Eleccións municipais de 1999 en Galicia

As eleccións municipais de 1999 celebráronse o 13 de xuño nos 315 concellos de Galicia e indirectamente decidían tamén a composición das catro deputacións galegas. As eleccións coincidiron coas eleccións europeas que tiñan unha única circunscrición estatal.

O Partido Popular de Galicia foi o único partido que presentou candidaturas en todos os concellos e en tres (Beariz, O Bolo e Trabada) foi a única candidatura presentada. O Partido dos Socialistas de Galicia presentou candidaturas en 305 concellos mentres o Bloque Nacionalista Galego facíao en 297. O resto de forzas presentaron candidaturas nun número moito máis reducido de concellos, Democracia Galega presentouse en 44 concellos, Esquerda Unida-Izquierda Unida en 26, Esquerda de Galicia en 21 e en 78 concellos presentáronse candidaturas independentes.

As primeiras enquisas outorgaban o PP a maioría absoluta nas cidades de Ourense e Santiago porén perdía as alcaldías de Vigo, Lugo, Pontevedra e Ferrol. O BNG subía en todas as cidades e o PSOE situábase en terceiro lugar na maioría das cidades, non obstante mantiña a maioría absoluta na cidade da Coruña.

Eleccións municipais en Narón

Corporacións democráticas en Narón desde a aprobación da Constitución de 1978.

1979 Alcalde: Antonio Martínez Aneiros — Unidade Galega.

1983 Alcalde: Antonio Martínez Aneiros — Agrupación Nacionalista Galega de Narón. Logo da entrada de ANGN no PSG-EG, Antonio Martínez Aneiros é elixido deputado no Parlamento de Galicia, pasando a ocupar a alcaldía en 1985 Xoán Gato.

1987 Alcalde: Xoán Gato — PSG-EG.

1991 Alcalde: Xoán Gato — PSG-EG.

1995 Alcalde: Xoán Gato — Unidade por Narón.

1999 Alcalde: Xoán Gato — UN.

2003 Alcalde: Xoán Gato — UN.

2007 Alcalde: Xoán Gato — TEGA.

2011 Alcalde: Xosé Manuel Blanco — TEGA.

2015 Alcalde: Xosé Manuel Blanco — TEGA. Dimitiu por idade es setembro de 2017 sendo elixida alcaldesa Marián Ferreiro Díaz.Candidatos: Xosé Manuel Blanco Suárez (TEGA), Miguel de Santiago Boullón (PP), Catalina María García Blanco (PSdeG-PSOE), Pablo Villamar Díaz (BNG), André Abeledo Fernández (EU), Alfonso Casal Pita (Eliximos Narón Electores), Hugo Rodríguez Boo (C's) e María José Rodríguez Porto (CG).

Nacionalismo galego

O nacionalismo galego é unha corrente política que reivindica o recoñecemento de Galiza como nación e do dereito de autodeterminación para o pobo galego. Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego definiuno así:

É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e políticas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa época, a formación dun pobo galego e da súa peculiar unidade. A corrente política á que se refire o nacionalismo galego nace a finais do século XIX con movementos culturais que logo foron ós poucos dando o paso a partidos políticos.

Narón

Narón (xentilicio «naronés/naronesa») é un concello da provincia da Coruña situado entre a ría de Ferrol e o océano Atlántico e pertencente á comarca de Ferrolterra, sendo na actualidade a área de expansión urbana máis importante da comarca. Narón limita cos concellos de Ferrol, Valdoviño, San Sadurniño e Neda. Segundo o IGE en 2016 tiña 39.426 habitantes, o que a converte na oitava vila de Galicia (38.285 no 2010, 35.664 no 2006, 35.083 no 2005, 34.404 no 2004, 33.825 en 2003), sendo o cuarto núcleo de poboación na provincia da Coruña despois da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.

É un concello mixto, con sete parroquias (Castro, Doso, Pedroso, San Xiao de Narón, Sedes, Trasancos e O Val) eminentemente rurais nas que viven menos da cuarta parte da poboación e cun núcleo urbano de máis de 29.000 hab. formado polos barrios da Gándara, A Solaina, O Alto do Castiñeiro, Piñeiros, O Couto, Freixeiro e Xuvia, destacando pola súa poboación as catro primeiras. Reordenado polo Concello de Narón baixo o nome de Narón ou Cidade de Narón, que agrupa máis das 3/4 partes da poboación de Narón.

Terra Galega

Terra Galega (Tega) é un partido político de centro progresista e galeguista que se formou o 4 de novembro de 2005, aínda que está rexistrada dende maio dese ano.

Unidade por Narón

Unidade por Narón é unha formación política de carácter municipalista, independente, nacionalista e progresista.

A súa orixe primeira foi a Unidade Galega de 1979. Logo da súa desintegración os seus compoñentes fundaron a Agrupación Nacionalista Galega de Narón, que máis tarde se integraría no PSG-EG e despois na Unidade Galega de 1991. Trala integración de Unidade Galega (sucesora do PSG-EG) no BNG, o alcalde de Narón Xoán Gato e o seu equipo de goberno no concello de Narón, descontentos coa decisión do partido, fundaron Unidade por Narón. Nas súas primeiras eleccións acadaron 10 concelleiros que sumado ó único concelleiro de EU déronlles a gobernabilidade no período 95-99. No período 99-03 acadaron 9 concelleiros ós que se lle engadiron os 3 do BNG cos que formaron goberno. Finalmente no 2003 acadou a maioría absoluta con 13 concelleiros dos 21 totais.

Para as Eleccións Municipais de 2007 integrouse en Terra Galega, obtendo 10 concelleiros.

Xosé Manuel Blanco

José Manuel Blanco Suárez, nado en Catabois (Serantes, Ferrol) o 7 de xullo de 1952, é un político galego que foi alcalde de Narón.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.