Xeopolítica

A xeopolítica é a especialidade da xeografía que estuda as actuacións do poder, tanto dos estados como das grandes organizacións internacionais ou calquera outra forma de poder no ámbito xeográfico. é a ciencia que, a través da xeografía política, a xeografía descritiva e a historia, estuda a causalidade espacial dos sucesos políticos e os seus futuros efectos. A xeopolítica tamén representou un dos instrumentos para definir as estratexias da colonización do mundo.

Ciencia fundada polo xeógrafo de orixe sueco Rudolf Kjellen (1864-1922). En 1900 co seu libro "Introdución á xeografía sueca" expuxo os bases da mesma. En 1916 produciu o seu libro máis importante: "O Estado como organismo vivente" ("Der Staat als Lebensform"), onde o termo xeopolítica foi utilizado por primeira vez. Os alicerces primarios da devandita ciencia no pensamento xeoestratéxico foran tratados polo tamén xeógrafo alemán Friedrich Ratzel. Segundo este, os Estados teñen moitas das características dos organismos viventes. Tamén introduciu a idea de que un estado tiña que crecer, estender ou morrer dentro de "fronteiras viventes", por iso tales fronteiras son dinámicas e suxeitas ao cambio.

Friedrich Ratzel.jpeg
Friedrich Ratzel

A principios do século XX varios xeógrafos anglosaxóns amplían as reflexións de Ratzel a problemas militares e xeoestratéxicos. Así xeógrafos como o almirante estadounidense Alfred T. Mahan postulaban a importancia estratéxica do dominio naval como clave para a dominación mundial (Quen domine o mar domina o comercio mundial; quen domine o comercio mundial domina o mundo) ou o político Sir Halford John Mackinder, que desenvolveu a teoría do Heartland (rexión cardial) ou áreas pivote, grandes zonas continentais nas que o seu control facilitaría o dominio do mundo.

A xeopolítica tivo grande auxe na Alemaña de principos do século XX e alcanzou unha gran difusión durante o nazismo. O xeneral alemán Karl Haushofer modernizou a xeografía política, utilizándoa como instrumento que xustificaba a expansión territorial de Alemaña durante o Terceiro Reich e desenvolvendo as teorías de Ratzel do espazo vital (Lebensraum).

Países como Rusia, China e Xapón deron tamén grande importancia a esta ciencia durante os anos 1930 e 1940 como camiño para alcanzar un poder global. A utilización propagandística da xeopolítica carrexou, tras a derrota alemá, o seu descrédito e esquecemento, sobre todo no ámbito académico. Porén, outras persoas, como militares ou diplomáticos, seguiron interesándose por esta rama da xeografía.

A partir dos anos 1970 a xeopolítica recuperou o interese perdido e volveu a crecer actualmente ao amparo das tensións internacionais xurdidas. Conceptos como eixo, estado tapón, países aliados, área comercial etc., son termos xeopolíticos comunmente utilizados. En Francia, Yves Lacoste, o autor de "A xeografía é un arma para a guerra", inicia unha aproximación á xeopolítica desde un ángulo diferente coa publicación da revista "Hérodote", ónde os diferentes autores contemplan as realidades xeográficas desde puntos de vista sociais e populares, máis críticos cos poderes . Tampouco se pode esquecer unha nova vertente da xeografía política: o desenvolvemento de grandes compañías ou organizacións multinacionais de gran poder económico e político (algunhas similares a moitos estados), que fomentan estratexias territoriais próximas ao estudo da xeopolítica (xeopolítica macroeconómica).

Véxase tamén

Ligazóns externas

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Activismo

O activismo e a actividade a favor dunha doutrina ou organización que implique un cambio social ou político.

O termo apareceu pola primeira vez na prensa belga en 1916 para facer referencia ó movemento nacionalista flamengo.

O activismo pode consistir en realizar múltiples tarefas como escribir cartas ós xornais, poñer mensaxes en foros de internet, participar en campañas políticas, boicots, manifestacións ou folgas e mesmo nalgúns casos tode asumir tácticas de guerrilla, o que pode levar a que sexa considerado terrorista por uns e liberador por outros.

En especial, o activismo de carácter relixioso, feminista ou ecoloxista pode tratar de convencer á xente para cambiar os seus hábitos no canto de dirixirse ós gobernos.

Anarquía

A anarquía é unha doutrina política que se opón a calquera clase de xerarquía ou poder político que goberne á sociedade, tanto como se se consolidou de forma democrática ou se se estableceu de forma ditatorial.

Os anarquistas cren que o maior logro da humanidade é a liberdade do individuo para poder expresarse e actuar sen que llo impida ningunha forma de poder, sexa terreal ou sobrenatural, polo que o seu principal principio é o de abolir calquera tipo de goberno e loitar contra todo tipo de relixións ou seitas xa que isto representa un desprezo pola autonomía dos homes (e mulleres) e a escravitude económica.

Balcáns

Os Balcáns é o nome histórico e xeográfico que se usa para designar o sueste de Europa. A rexión ten unha superficie total de 550 000 km² e unha poboación de preto de 53 millóns de habitantes. Presenta unha orografia de abrupta. De feito, a rexión tomoa o nome da cordilleira dos Balcáns, que se estende desde o centro de Bulgaria até o leste de Serbia, no seu límite occidental, e até o mar Negro pola parte oriental.

Por outra parte conforma unha península que, aínda non respondendo ao modelo clásico de península, xa que non está unida ao continente europeo por medio dun istmo, é unha denominación aceptada para designar a rexión, que tamén se coñece como a península Balcánica ou península dos Balcáns.

Bloque do leste

Durante a guerra fría, o Bloque do Leste, tamén chamado Bloque soviético e campo socialista, comprendía os seguintes países de Europa central e oriental: Bulgaria, Romanía, Hungría, a República Democrática Alemá, Polonia, Albania, a Unión Soviética e Checoslovaquia. O Bloque do Leste adoita considerarse idéntico ao Pacto de Varsovia. Outra das organizacións que reunían aos países do bloque era o Consello de Axuda Mutua Económica.

Iugoslavia nunca formou parte do Bloque do Leste nin do Pacto de Varsovia. Malia ser un estado socialista, o seu líder Josip Broz Tito chegou ao poder grazas ao seu mando sobre a resistencia partisana durante a segunda guerra mundial e sempre mantivo unha política de distanciamiento e autonomía respecto da influente Unión Soviética. O goberno iugoslavo mantívose neutral durante a guerra fría e foi un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados.

Pola súa banda, o goberno de Albania (tildado de estalinista) tamén logrou o poder sen axuda soviética como consecuencia da segunda guerra mundial. Albania rompeu a súa relación coa Unión Soviética a comezos dos anos 1960, aliñándose coa República Popular Chinesa e a súa posición antirrevisionista.

As nacións do Bloque do Leste foron, en ocasións, mantidas dentro da esfera de influencia soviética mediante a forza militar. O Exército Vermello invadiu Hungría en 1956 logo dunha revolta anticomunista. Tamén Checoslovaquia foi invadida, en 1968 e por tropas do Pacto de Varsovia, co obxecto de poñer fin a un período de liberalización coñecido como a Primavera de Praga. Esta política foi denominada Doutrina Brezhnev e se convalidaba, segundo a argumentación soviética, na obrigación que tiñan os estados socialistas de sosterse uns a outros de acordo ao establecido no Pacto de Varsovia. A Primavera de Praga non era para os seus críticos outra cousa que un retorno progresivo ao capitalismo, o que xustificaba segundo este razoamento a intervención militar. Os críticos da Unión Soviética falaban á súa vez de social-imperialismo.

O Bloque do Leste disolveuse polo colapso dos diferentes estados socialistas que o formaban, case todos os cales deixaron directamente de existir. O golpe definitivo foi a disolución da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas mesma, bastión político e militar do Bloque, a fins de 1991.

Condado

Na antigüídade, un condado era o territorio rexido por un Conde.

Esta denominación tamén se refire a unha forma de división administrativa dun territorio, utilizada frecuentemente polos pobos anglosaxóns, como o Reino Unido, Canadá ou os EUA. En Luisiana a parroquia (en inglés: parish) e en Alasca o borough, representan a mesma entidade que o condado baixo distintas denominacións.

Exclave

Exclave é un estranxeirismo, empregado en xeografía política para referirse a un territorio que pertence politicamente a outro pero que non está conectado por terra con este (a excepción das illas).

ExemplosEn España:

A vila navarra de Petilla de Aragón en Aragón.

O municipio cántabro de Valle de Villaverde en Biscaia.

A vila catalá de Llívia en Francia.

O Rincón de Anchuras na provincia de Cidade Real rodeado das provincias de Toledo e Badaxoz.

O Rincón de Ademuz, situado entre a provincia de Teruel e a de Cuenca.

O Condado de Treviño, pertencente á provincia de Burgos, situado dentro da provincia de Áraba.

O municipio biscaíño de Orduña entre Áraba e a provincia de Burgos.

A madrileña Dehesa da Cepeda, situada entre as provincias de Ávila e de Segovia.

A localidade de Villar (provincia de Córdoba) na provincia de Sevilla.En Galiza:

Bruma, parroquia do concello de Mesía.

Vilar de Mouros, lugar na parroquia de Doade no concello de Sober.

A Lampaza, lugar na parroquia de Doade no concello de Sober.No mundo:

A rexión rusa de Kaliningrado, entre Polonia e Lituania.

A antiga Berlín Occidental dentro da República Democrática Alemá.

A República autónoma de Najicheván, que está entre Irán e Armenia. Podería pertencer a algún deles dous pero é un territorio pertencente a Acerbaixán.

A península de Copacabana, que pertence a Bolivia pero conecta territorialmente a Perú.

A Illa Martín García que pertence a Arxentina pero está no sector uruguaio do Río de la Plata.

A Illa da Liberdade de Nova York, atópase no territorio de Nova Jersey.

O distrito de Temburong de Brunei, único distrito que se atopa separado do resto do territorio e que está rodeado por Malasia e con costas sobre a baía de Brunéi.

A rexión chamada Likoma en Malawi.

Fame

A fame é a sensación que indica a necesidade de alimento. En condicións de normal alimentación, adoita aparecer unhas 14 horas logo da última comida, aínda que este tempo pode variar moito.

Hexemonía

Hexemonía é a supremacía que unha poboación, unha nación ou bloque de nacións pode ter, grazas ó seu maior potencial económico, militar ou político, e que exerce sobre outras poboacións, aínda que estas non a desexen. Por hexemonía mundial enténdese o dominio do mundo por parte dunha soa nación ou un grupo de nacións.

Fálase de hexemonía política ou de grupo hexemónico para referirse a aquel grupo as propostas do cal gozan dun nivel de aceptación preeminente entre as clases dirixentes, o tema da hexemonía política e cultural é a base do pensamento de Antonio Gramsci un dos pais do Partido Comunista de Italia (PCI).

Independencia

A independencia, termos políticos, é a situación dun país que detenta e goza, ademais do dereito de autodeterminación, o de soberanía.

Instituto de Estudos Políticos de París

O Instituto de Estudos Políticos de París (en francés Institut d'études politiques de Paris) tamén coñecido polo nome de Sciences Po Paris, é unha escola de negocios con vocación internacional, con campus propios en París.

Esta institución, fundada en 1872, é famoso polos seus graos en ciencia política, administración, economía, xeopolítica, ciencias sociais e humanas.

François Hollande, presidente da República Francesa gradouse nesta institución. En canto aos docentes de sona, cabe destacar a Pierre George, xeógrafo.

Mar de Scotia

O mar do Scotia ou máis frecuentemente mar de Scotia (tamén denominado mar das Antillas do Sur) é o nome que recibe unha área marítima situada maiormente no océano Atlántico Sur e o seu sector máis meridional no océano Glaciar Antártico. O mar de Scotia áchase encerrado polo arco das Antillas Austrais tamén chamado arco de Scotia desde o banco Burdwood ou Namuncurá cara ás illas Aurora (Corvo mariño e Rocha Negra), Xeorxia do Sur, as rochas Clerke, Sandwich do Sur, Orcadas do Sur e Shetland do Sur, limitando polo oeste co mar de Hoces, ao noroeste co mar Arxentino e ao sur co mar de Weddell. As súas illas (as Antillas do Sur) son as cúspides do volcánico Arco das Antillas Austrais, cordilleira maiormente submarina que delimita polo norte, leste e sur ao mar de Scotia.

O mar de Scotia cobre unha área duns 900 000 km², atopándose sumariamente dividido en dous sectores: a conca Occidental e a conca Oriental, ambas as concas abarcan extensións similares e posúen a súa superficie submarina bastante anfractuosa con profundidades media de 4500 metros correspondentes á placa tectónica Scotia. Con todo, as maiores profundidades ou simas sitúanse na conca occidental uns 200 km ao sur do banco Namuncurá cara a, aproximadamente, as coordenadas 55°35'S/57°58'W; nesa zona a profundidade alcanza os 5840 metros baixo o nivel do mar (véxase Fosa das Sandwich do Sur).

O mar de Scotia é frecuentemente tormentoso e frío, as súas augas frías son ricas en vida mariña existindo grandes bancos de krill. Durante os invernos, gran parte da súa superficie conxélase e cóbrese con banquisa procedente da inlandsis da Antártida, mesmo no verán é frecuente a presenza de grandes icebergs ou témpanos.

Poboación

En socioloxía e bioloxía, unha poboación é un grupo de persoas, ou organismos dunha especie particular, que viven nunha área xeográfica, ou espazo, e cuxo número se determina normalmente por un censo.

A demografía é o estudo estatístico das poboacións humanas. Aspectos varios do comportamento humano nas poboacións estúdanse en socioloxía, economía, e xeografía, en especial, na xeografía da poboación. O estudo de poboacións normalmente está gobernado polas leis da probabilidade, e as conclusións dos estudos pode non ser sempre aplicables a algúns individuos.

Poder executivo

Seguindo o esquema de Montesquieu, o poder executivo é un dos tres poderes do Estado moderno, cuxa función é executar as leis aprobadas polo poder lexislativo.

O poder executivo é desenvolvido polo goberno do Estado. Este está sometido ao control parlamentario e ao control xudicial, nun sistema de pesos e contrapesos no que cada poder controla aos demais a través de distintos mecanismos, que se estudan na teoría da separación de poderes.

Presidencialismo

O presidencialismo é un sistema de goberno no que o líder do poder executivo é escollido polo pobo para mandatos regulares acumulando a función de xefe de Estado e xefe de goberno. Este sistema de goberno foi creado polos norte-americanos no século XVIII. A monarquía inglesa actuava como xefe de Estado sobre as trece colonias. O descontento coa actuación do monarca e as influencias de autores que se opoñían ó sistema absolutista, principalmente Locke e Montesquieu, foron determinantes para que os americanos adoptasen un sistema onde houbesen mecanismos que impedisen a concentración de poder.

Xuridicamente o presidencialismo caracterízase pola separación de poderes. O presidente é o xefe de Estado, e é el quen escolle os xefes dos grandes departamentos (ministerios). O lexislativo, o xudicial e o executivo son independentes entre si.

Protectorado

Denomínase protectorado á soberanía parcial que un Estado exerce, especialmente no referido ás relacións exteriores, nun territorio que non foi incorporado plenamente ao da súa nación e no cal existen autoridades autóctonas propias.

Como exemplo, podemos citar o protectorado que no seu día exerceron España e Francia sobre Marrocos, onde a autoridade sobre a poboación nativa era exercida polo Sultán, existindo forzas militares e policiais autóctonas, pero tuteladas polos exércitos dos países protectores.

Os gobernos destes países estaban representados, no caso da zona controlada por España, polo Alto Comisario, normalmente un xeneral, e no da zona francesa polo Residente Xeral.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

Represión

Represión política é a acción de conter, deter ou castigar actuacións políticas ou sociais dende o poder por parte das autoridades públicas, negando ou impedindo o exercicio dos dereitos e liberdades (expresión, reunión, manifestación, asociación, sindicación) que adoitan considerarse propias dos sistemas democráticos.

Decotea vai acompañada de violencia, tanto legal como informal. A forza do exemplo de quen sofre esa violencia fai que, por temor, o resto da sociedade se reprima a si mesma no exercicio da liberdade, que queda así anulada para todos, agás para o poder e para aqueles no beneficio dos cales se realiza a represión.

Rexencia

A rexencia (do latín regentia) é un período transitorio durante o cal unha personalidade (xeralmente da familia real) exerce o poder en nome do monarca titular xa sexa porque este é demasiado novo ou vello, por ausencia do mesmo, ou pola súa incapacidade para gobernar por si mesmo.

A rexencia cesa cando desaparece a causa que a motivou. A rexencia pode ser individual ou colectiva. Xeralmente exercen a rexencia persoas achegadas á Coroa como o pai ou a nai do rei, tamén o príncipe herdeiro no suposto caso de ausencia ou incapacidade do rei.

Socialdemocracia

A socialdemocracia é unha ideoloxía política que xurdíu a finais do século XIX e principios do XX do seo do marxismo, crían que a transición a unha sociedade socialista podería lograrse mellor mediante unha evolución dentro da democracia representativa que mitigara os efectos do capitalismo antes que por algún outro método. Os socialdemócratas pretenden reformar o capitalismo democráticamente mediante a regulación estatal e a creación de programas e organizacións patrocinados polo Estado para aliviar ou quitar as inxustizas que eles pensan son inflixidas polo sistema capitalista de mercado.

Con anterioridade, describirase aos socialdemócratas como socialistas reformistas (dado que avogaban polo desenvolvemento do socialismo a través de reformas parlamentarias graduais) en contraste cos socialistas revolucionarios, que pretendían acadar o socialismo mediante unha revolución obreira ou caso contrario por medio dunha evolución extraparlamentaria non estatal. A socialdemocracia tamén aborda os temas valóricos desde un prisma progresista. É o sector da esquerda partidista máis importante do mundo contemporáneo.

Con frecuencia, utilízanse os termos "socialismo" ou "socialista" en referencia á socialdemocracia e aos socialdemócratas, aínda que o concepto "socialismo" é máis amplo, xa que en diferentes países poden incluír a socialistas democráticos, marxistas, comunistas e anarquistas. Mentres algúns consideran á socialdemocracia unha forma moderada do socialismo, outros, definindo o socialismo no significado tradicional ou marxista, rexeitan esta designación

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.