Xeada

A xeada[1] é un fenómeno climático que consiste nun descenso da temperatura ambiente a niveis inferiores ao nivel de conxelación da auga, e fai que a auga que está no aire se conxele, depositándose en forma de xeo nas superficies.

Para que se dea este tipo de meteoro cómpre que a humidade relativa do aire sexa superior á máxima humidade relativa á temperatura da xeada; en caso contrario, non haberá suficiente auga na atmosfera para depositarse nas superficies aínda que exista a sensación de 'frío de xeada'. Se o vento é intenso, o depósito de auga será asemade pequeno.

Window-frost

Tipos

Xeada por radiación

Geada bgc
Xeada por radiación en Braganza, Portugal.

A xeada por radiación débese a un arrefriamento progresivo e intenso do chan, pola radiación do seu calor, producíndose maiormente nas noites de ceo despexado. A humidade atmosférica, que pode ser relativamente cálida e seca, condénsase sobre as superficies sólidas en forma de rosada ou conxelándose, se aquelas se atopan a menos de 0 °C.

Este tipo é frecuente en terras mornas e subtropicais.

Xeada por advección

A xeada por advección é ocasionada pola invasión dunha corrente ou masa de aire frío con temperatura inferior a 0 °C. A acción do aire frío, xeralmente procedente das rexións polares, pode ser continua e durar por varios días.

Xeada por evaporación

Rose - frost
Unha rosa con carazo durante o transcurso dunha xeada.

A xeada por evaporación é debida ao transporte de aire húmido sobre unha superficie cuxa temperatura está a 0 °C ou menos. É un tipo bastante raro de xeada.

WindowFrost121609
Xeada acristalada.

En relación ós cultivos, obsérvanse dous tipos de xeadas:

  • Xeada negra: efectúase un arrefriado xeral na atmosfera que ataca, pola súa amplitude de acción, ata especies vexetais "resistentes", como parrales; é por iso que o fume e a rega que se pon en práctica desde a madrugada pode dar bos resultados para combatela.
  • Xeada branca: dado o estado de floración da planta imponse introducir unha boa poda, ou convén que o agricultor a practique dentro de catro a oito días e non postergala máis aló de vinte, de modo que se desenvolvan as xemas latentes que existan nos brazos e os troncos. Este labor debe ser axudado pola rega inmediata e traballos superficiais que ao manter abrandado o terreo impidan a perda de humidade, o desenvolvemento de malas herbas e a produción de costra. Ademais a aplicación de nitratos reforzan o sistema vexetativo danado. Convén tamén a aplicación de caloríficos distribuídos en forma adecuada.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xeada.
Caducifolio

Aplícase o adxectivo caducifolio (do latín decidere, caer) ás árbores ou arbustos que perden a súa follaxe durante unha parte do ano, a cal coincide na maioría dos casos coa chegada da época desfavorable, a estación máis fría nos climas temperados ou polares; algunhas árbores perden a follaxe durante a época seca do año nos climas áridos. Estas árbores coñécense, tamén, como árbores de folla caduca ou deciduas.

Moitas árbores e arbustos caducifolios florecen durante este período, xa que isto aumenta a efectividade da polinización. A ausencia de follas beneficia a dispersión do pole polo vento ou, no caso das plantas polinizadas por insectos, consegue que as flores sexan máis visibles por estes. Así e todo, esta estratexia non carece de riscos, xa que as flores poden resultar danadas pola xeada.

Cando as follas das árbores e arbustos caducifolios finalizan o período vexetativo e co cambio de cor da follaxe fican na árbore de nomínanse marcescentes. Dáse case sempre durante toda a estación fría (outono e inverno) até practicamente a saída das follas novas na seguinte primavera. É común en moitas especies de carballos, especialmente no cerquiño(Quercus pyrenaica), o (Quercus faginea), numerosos pés de faia (Fagus sylvatica) e mailos carpes (Carpinus ssp.). No sur de Galicia ás veces tamén se dá no carballo común.

Calendario xermánico

Os calendarios xermánicos eran os calendarios rexionais utilizados polos primitivos pobos xermánicos, antes de que adoptaran o calendario xuliano na baixa Idade Media.

Os pobos xermánicos tiñan as súas propias designacións para os meses, as cales variaban segundo a rexión e o dialecto, estas denominacións foron posteriormente substituídas por adaptacións locais dos nomes dos meses romanos. Os rexistros existentes dos nomes dos meses en inglés antigo e alemán antigo remóntanse ós séculos VIII e IX, respectivamente. Os rexistros máis antigos dos nomes dos meses en antigo nórdico remóntanse ó século XIII. Ó igual que a maioría dos calendarios premodernos, a asociación utilizada na cultura xermánica primitiva posiblemente foi lunisolar. O calendario rúnico desenvolvido en Suecia é lunisolar, fixando o comezo do ano coa primeira lúa chea logo do solsticio de inverno.

Os nomes dos meses non coinciden, polo que non é posible postular nomes dunha etapa en xermánico común, excepto posiblemente o nome do mes da primavera e do inverno, *austr- e *jehul-. Os nomes das estacións son tamén xermánico común, *sumaraz, *harbistoz, *wentrus, e talvez *wēr- "primavera". As denominacións en xermánico común de "día", "mes" e "ano" eran *dagaz, *mēnō-þ- "Lúa" e *jǣrom. As dúas últimas proveñen de raíces protoindoeuropeas *me(n)ses-, *iero- mentres que *dagaz é unha innovación xermánica dunha raíz que significa "que se atopa quente, que queima".

Tácito na súa obra Xermania (cap. 11) dá algúns datos sobre como os pobos xermánicos do século I identificaban os días. En contraste co uso romano, eles consideraban que o día comenzaba co solpor, un sistema que na Idade Media foi coñecido baixo o nome de "asociación florentina". Este mesmo sistema era utilizado polos galos segundo se describe nas Commentarii de Bello Gallico de Cesar.

"Xuntábanse, agás en caso de emerxencia imprevista, en certos días fixos, coa lúa nova ou a lúa chea; xa que eles consideraban a estes os días máis auspicios para realizar transaccións comerciais. No canto de guiarse polos días coma nós, eles referíanse ás noites, deste xeito eles fixaban tanto os seus compromisos ordinarios como tamén os legais. Eles consideran a noite como a orixe do día."Por outra parte, o concepto de semana foi adoptado polos romanos cara o século I, as distintas linguas xermánicas adoptaron o sistema grecorromano de nomear os días da semana segundo os planetas clásicos, enxertando calcos semánticos para os nomes dos planetas, substituíndo os nomes dos deuses xermánicos nun proceso denominado interpretatio germanica.

Calisto (lúa)

Calisto (do grego Καλλιστώ) é un satélite do planeta Xúpiter, descuberto en 1610 por Galileo Galilei. O seu diámetro é de aproximadamente 4.800 km, o que o converte na terceira lúa máis grande do sistema Solar, con case o mesmo tamaño que o planeta Mercurio. Xira arredor de Xúpiter a unha distancia media de 1 800 000 km, cun período de 16,6 días.

Aínda que o nome "Calisto" foi suxerido por Simón Marius pouco despois do seu descubrimento, este nome e os nomes dos outros satélites galileanos non se usaron ata mediados do século XX. Usábase a forma numeral romana e se denominaba "Xúpiter IV" ou "cuarto satélite de Xúpiter". O seu nome procede dun dos moitos amores de Zeus.

Carambelo

Un carambelo, tamén coñecido como carambo, candea ou caramelo, é un pedazo de xeo longo e de forma cónica que se forma cando a auga que pinga dun obxecto se conxela por efecto da xeada. Adoitan formarse cando se derrete a neve ou o xeo e a auga formada entra en contacto de novo con temperaturas inferiores a 0 °C, volvéndose conxelar.

En galego, carambelo ou caramelo, tamén pode facer referencia á capa de xeo que se forma na superficie dun líquido cando vai moito frío.

Chuvia

A chuvia ou choiva é un fenómeno físico que consiste na precipitación de auga sobre a superficie da Terra. Este tipo de meteoro fórmase nas nubes. Non todas as choivas chegan ao chan: algunhas evapóranse mentres están aínda a caer, nun fenómeno que recibe o nome de virga e acontece principalmente en períodos locais de ar seco.

A choiva ten un papel básico no ciclo hidrolóxico. A cantidade de choivas mídese usando un instrumento chamado pluviómetro, de funcionamento simple: un tubo de colecta da choiva, cunha escala graduada (xeralmente de 0,25 mm en 0,25 mm) capaz de indicar a cantidade de choivas no lugar.

Corisco

O corisco ou chuvia xeada é unha precipitación de auga líquida que se conxela ao entrar en contacto co chan ou calquera obxecto presente na superficie. A conxelación prodúcese de xeito instantáneo, formando unha película uniforme de xeo sobre o terreo co cal entrou en contacto.

Europa (lúa)

Europa ( pronunciación ) é unha das lúas de Galileo do planeta Xúpiter, que son catro lúas masivas e exóticas co tamaño de verdadeiros planetas.

Europa é única por si propia, preséntase cunha superficie xeada moi brillante con riscos coloridos. Pénsase que sexa un mundo oceánico cuberto por unha capa de xeo que protexe o mar interior da adversidade do espazo exterior. Debido ás condicións existentes no seu interior, algúns científicos xulgan que podería existir vida, tal como a que existe nas profundidades dos mares da Terra. É con Marte, o lugar máis probable onde se pensa que é posible atopar vida extraterrestre.

Frimario

Frimario é o nome do terceiro mes do calendario republicano francés, o terceiro tamén da estación do outono, que dura desde o 22, 23 ou 24 de novembro ata o 20, 21 ou 22 de decembro, segundo o ano. Coincide aproximadamente co paso aparente do Sol pola constelación zodiacal de Saggitarius.

O nome do mes deriva de frimas, que en francés denota poeticamente a xeada. Segundo o informe á Convención proposto por Fabre d'Églantine, o devandito nome refírese "ao frío, ás veces seco, ás veces húmido, que se fai sentir de novembro en decembro". O sufixo -ario denota que o mes pertence á estación do outono, igual que Vendimario e Brumario.

Humidade

A humidade é a cantidade de vapor de auga presente no aire. Pódese expresar de forma absoluta mediante a humidade absoluta, ou de forma relativa mediante a humidade relativa ou o grao de humidade.

A Humidade absoluta é o número de gramos de vapor de auga contido nun metro cúbico de aire. Exprésase en g (de vapor de auga)/m³ (de aire). Esta medida é independente da temperatura ou a presión.

A cantidade de auga máxima que pode admitir o aire sen condensación varía coa temperatura e a presión atmosférica. Tamén a facilidade coa que este absorbe o vapor de auga.

No caso de que aire non poida admitir máis auga dise que o aire está saturado e tería unha humidade relativa do 100%.

A Humidade relativa é a humidade que contén unha masa de aire, en relación coa máxima humidade absoluta que podería admitir, sen producirse condensación, conservando as mesmas condicións de temperatura e presión atmosférica. Esta é a forma máis habitual de expresar a humidade ambiental.

Se unha masa de aire ten o 50% de auga respecto á máxima que podería admitir, a súa humidade relativa é do 50%.

Como a capacidade do aire para absorber humidade varía coa temperatura, a humidade relativa aumenta cando descende a temperatura; inda que a humidade absoluta se manteña invariable.

Para a comodidade humana é moito máis interesante a humidade relativa posto que canta maior sexa a capacidade do aire para absorber o vapor, mellor funciona o sistema de evapotranspiración, mecanismo de regulación da temperatura do corpo, inda que se é excesivamente baixa, sécanse as mucosas (nariz, boca) e o ser humano é máis propenso á entrada de microbios patóxenos. O grao de humidade máis adecuado para a comodidade do ser humano está comprendido entre 40-70%.

Cando vai calor e humidade, dise que a calor é pegañenta porque á suor lle custa evaporarse e permanece na pel.

Para o clima, tamén é máis interesante a humidade relativa, xa que unha masa de aire saturada, ou próxima á saturación, é unha masa de aire húmido e as plantas poden aproveitar esa humidade, mentres que dunha masa de aire máis seco non, inda que teña maior humidade absoluta.

Cando a humidade chega ó 100%, e empeza a condensarse a humidade, estase no punto de orballo. Esta condensación prodúcese sobre os obxectos, o chamado orballo ou, se vai moito frío, a xeada. Se se produce no mesmo aire, fórmase unha borraxeira.

Para que se produza esta borraxeira debe haber unhas pequenas partículas no aire, chamadas núcleos de condensación, onde se condense a auga.

Os núcleos de condensación, poden ser po, grans de pole, esporas, cristais de sal etc.

En caso de que non existisen núcleos de condensación no aire, algo moi difícil de conseguir, poderían alcanzarse humidades relativas de ata o 300% sen producirse ningunha borraxeira.

A humidade relativa pódese medir mediante un instrumento denominado higrómetro ou un psicrómetro. Un psicómetro esta formado por un termómetro de bulbo húmido e un termómetro seco. Mídese a temperatura húmida e pode obterse a humidade relativa mediante o ábaco higrométrico, comparándoa coa temperatura real do termómetro seco.

Para obter a humidade absoluta, debe facerse un cálculo a partir da humidade relativa e a temperatura.

A humidade pódese modificar artificialmente mediante un deshumidificador para baixala ou un humidificador para aumentala.

Mar de Ross

O mar de Ross é unha baía profunda entre o Océano Glacial Antártico e a Antártida entre a Terra de Vitoria e a Terra de Marie Byrd, ao sur de Nova Zelandia. Foi descuberto por James Clark Ross en 1841. No oeste do mar de Ross atópanse a Illa Ross e o monte Erebus, famoso volcán e no oeste a Illa Roosevelt. A parte meridional está cuberta por unha plataforma xeada: a Barreira de xeo de Ross. Roald Amundsen comezou a súa expedición ao Polo Sur en 1911 desde a Baía das Baleas, que se atopa na placa de xeo. Na parte occidental do mar de Ross, o estreito de McMurdo é un porto normalmente libre dos xeos durante o verán. A zona máis ao sur do mar de Ross é a costa de Gould, a uns trescentos quilómetros do Polo Sur Xeográfico.

Case todas as terras emerxidas a beiras do mar de Ross están baixo reclamación de Nova Zelandia, segundo a cal estarían baixo a xurisdición da Dependencia Ross. A maior parte dos países que non pertencen á Commonwealth non aceptan esta reivindicación, que se atopa conxelada polo Tratado Antártico.

Mauna Kea

Mauna Kea é un dos cinco volcáns que forman a illa de Hawai (ou Illa Grande), Hawai, Estados Unidos de América. En hawaiano, Mauna Kea significa "montaña branca", porque fica coberto pola xeada e neve regularmente en inverno. O punto máis elevado de Mauna Kea é Pu'u Wēkiu, que posúe 4208 m. Mauna Kea é un volcán adormecido.

Mímisbrunnr

Na mitoloxía nórdica, Mímisbrunnr (Antigo nórdico "Manancial de Mímir") é un pozo relacionado con deus Mímir, situado baixo a árbore do mundo Yggdrasil. Mímisbrunnr aparece atestado na Edda poética, unha compilación do século XIII baseada en fontes tradicionais, e a Edda prosaica, escrita no século XIII por Snorri Sturluson. Ambas fontes relatan que o deus Odín deixou un dos seus ollos na fonte. A Edda prosaica detalla que o pozo está localizado baixo as tres raíces da árbore do mundo Yggdrasil, unha raíz que pasa pola terra xeada dos xigantes, onde o plano primordial de Ginnungagap existiu unha vez. Ademais, a Edda prosaica relata que a auga do pozo contén moita sabedoría, e que o sacrificio de Odín foi en troques dunha copa daquela auga.

Prometheus (volcán)

Prometheus é un volcán activo que está situado na superficie da lúa de Xúpiter, Ío. As súas coordenadas na superficie de Ío son 1,52° S 153,94° O. Prometheus consiste nun cumio de 28 kms de ancho chamado Prometheus Patera e 100 kms de coladas de lava, todo isto rodeado dunha gran extensión circular de depósitos de sulfuro vermello e de brillante dióxido de sulfuro, procedentes dos materiais depositados polas columnas (plumas) volcanicas. O volcán foi visto por primeira vez en imaxes tomadas pola sonda Voyager 1 en marzo de 1979. Ese mesmo ano, a Unión Astronómica Internacional deulle oficialmente o nome de Prometheus, deus grego do lume.

Prometheus é un lugar volcanicamente activo coma mínimo dende o encontro da Voyager 1 con Ío no ano 1979. Entre a chegada da Voyager e as primeiras observacións da sonda Galileo, foron depositadas coladas de lava sobre superficie duns 6.700 km2. Observacións posteriores da Galileo amosaron numerosas fendas no leito volcánico, especialmente na parte occidental destes campos de lava.Prometheus é un volcán con dúas columnas volcánicas: unha máis pequena, rica en sulfuros procedentes do magma que se descarga cara ao final da parte oriental dos leitos de lava, acadando unhas alturas que oscilan entre 75 a 100 km; e a outra columna eruptiva rica en SO2 que está activa en fronte de onde finaliza a outra. A primeira forma un deposito difuso e vermello cara ao leste de Prometheus. A segunda forma un brillante e circular deposito ó redor da totalidade do volcán e dos seus campos de lava. A columna eruptiva rica en SO2 é xerada da lava que corre cara ao final da parte occidental dos leitos de lava, cubrindo, quentando e vaporizando a xeada de dióxido de sulfuro. Isto vai acompañado da aparición de moitas fendas, as cales xeran gas e po que se suma para forma-la columna (pluma) volcánica. A columna de Prometheus foi vista tanto pola Voyager coma pola Galileo, coma pola New Horizons, cando cada sonda tivo a oportunidade de tomar imaxes.

Rea (lúa)

Rea é o segundo satélite de Saturno pola súa masa, e o décimo cuarto máis afastado do planeta (uns 527.000 km); tarda uns 4,5 días terrestres en completar un xiro.

A súa órbita é case circular e lixeiramente inclinada con respecto ao ecuador de Saturno.

É esférico e mide uns 1.529 km de diámetro, aproximadamente a metade que a Lúa, o que o converte no segundo maior satélite de Saturno. Crese que ten un núcleo rochoso que supón algo menos dunha terceira parte do diámetro, e manto e cortiza compostos por auga xeada e impurezas diversas.

Foi descuberto en 1672 polo astrónomo francés Jean-Dominique Cassini, que lle deu o nome da figura mitolóxica grega Rea, irmá e esposa de Cronos (Saturno no panteón romano). A lúa foi fotografada pola sonda estadounidense Voyager 1 en novembro de 1980, cando esta pasou polo sistema de Saturno.

Sarabia

A sarabia, saraiba, saragana, pedra ou pedrazo, é un tipo de precipitación que consiste en partículas irregulares de xeo. A sarabia xérase en treboadas intensas en que se producen pingas de auga sobrearrefriadas, líquidas pero a temperaturas por debaixo do seu punto normal de fusión (0ºC), e ocorre tanto en verán coma en inverno. Pero dáse máis cando está presente a canícula.

Cando as pingas de auga sobrearrefriada chocan na nube con outras partículas xeadas ou grans de po, poden cristalizar sen dificultade conxelándose rapidamente ó seu redor. Nas treboadas máis intensas prodúcese precipitación xeada en forma de sarabia especialmente grande cando esta se forma no seo de fortes correntes ascendentes. Neste caso o gran de sarabia pode permanecer máis tempo na atmosfera dispoñendo dunha maior capacidade de crecemento. Cando o empuxe cara a arriba cesa ou a sarabia acadou un tamaño elevado, o aire xa non pode aguantar o peso do gran de sarabia e este acaba caendo.

Os grans de sarabia acostuman ser pequenos, dalgúns milímetros de diámetro, xeralmente en forma de bólas. Así a todo, de vez en cando orixínanse grans moito maiores, de varios centímetros de diámetro, debido a que na circulación ciclónica da treboada os pequenos grans ascenden e descenden varias veces, formándose distintas capas de xeo, unhas sobre outras. Dependendo do seu tamaño, poden non ser máis ca unha pequena molestia, causar danos en automóbiles e estruturas de cristal ou incluso matar a persoas. Debido ó seu proceso de formación todos eles teñen unha estrutura en forma de capas de cebola.

O gran de sarabia máis pesado rexistrada caeu en Coffeyville, Kansas (Estados Unidos), o 3 de setembro de 1970, e pesaba 770 gramos, tendo un radio de 14,5 cm. E o máis grande rexistrado caeu en Aurora, Nebraska o 22 de xuño do 2003 e tiña un radio de 17,8 cm, inda que o seu peso era inferior ao que se encontrou en Coffeyville.

Sorbete

Un sorbete é un xeado que contén en masa, como mínimo, un 15% de froitas e un 20% de extracto seco total Tómase coma sobremesa xeada que, ao contrario do xeado, non contén nata (ou crème fraîche), leite ou xema de ovo. Prepárase cun puré de froita ao que se lle engade auga e xarope de azucre. Son sabores comúns de sorbetes: limón, laranxa, mandarina, framboesa, amora, manga, viño, cava, licores ou café.

Tritón (lúa)

Tritón é un satélite natural de Neptuno que se encontra a 4.500 millóns de quilómetros da Terra. Posiblemente sexa o astro máis frío do Sistema Solar (-235 °C).

Xeado

Na súa forma máis simple, o xeado é unha sobremesa conxelada feita de leite, nata ou cremas, ingredientes combinados con aditivos como saborizantes, estabilizantes, edulcorantes e azucre.

En xeral os produtos utilizados na súa elaboración son: leite, azucre, edulcorantes, nata de leite, ovo, froitas, chocolate, froitos secos, iogur, auga mineral e estabilizantes.

No proceso antigo de elaboración facíase unha mestura de leite, azucre, nata e algún estabilizante. Esta mestura conxelábase, axitándoa durante o proceso para previr a formación de grandes cristais de xeo. Tradicionalmente, a temperatura reducíase colocando a mestura nun recipiente que se mergullaba nunha mestura frigorífica de xeo moído e sal. O sal diminúe a temperatura de fusión do xeo, absorbendo así unha maior cantidade da calor liberada pola crema, xeándoa durante o proceso.

En 1913 inventouse a primeira máquina continua para elaborar xeados. Basicamente consta, na súa parte exterior, dunha gran marmita de aceiro que se conxela mediante un potente equipo de frío; e na parte interior, dunha batedora con aspas (conectada mediante un eixe a un motor eléctrico) que van raspando as paredes do cilindro e movendo a mestura continuamente até que esta alcance a consistencia dunha crema xeada.

Os xeados véndense principalmente nas xeadarías. Estas ás veces conteñen obradoiros onde se fabrican os xeados e sorbetes.

Ártico

O Ártico (do grego ἄρκτος "oso, osa", en referencia á constelación da Osa Menor á que pertence a Estrela Polar) é a rexión que rodea o Polo Norte da Terra. Inclúe partes de Canadá, Groenlandia (que é un territorio dinamarqués), Noruega, Suecia e Finlandia, así como o océano Ártico.

Existen numerosas definicións da rexión ártica. Considérase xeralmente que o seu límite está ao norte do Círculo Polar Ártico (66° 33’N), que é o límite do sol de medianoite e a noite polar. Outras definicións baséanse no clima e a ecoloxía, como a isoterma 10 °C de xullo, que tamén corresponde aproximadamente coa liña de árbores na maior parte do Ártico. Socialmente e politicamente, a rexión ártica inclúe os territorios setentrionais de oito estados, incluíndo Laponia, aínda que, segundo as definicións científicas, moito deste territorio é realmente subártico.

O Ártico é fundamentalmente un océano recuberto de xeo e rodeado de terra xeada e desprovista de árbores. A vida é abondosa e inclúe organismos que viven no xeo, peixes e mamíferos mariños, paxaros, animais terrestres e comunidades humanas.

A rexión ártica é, pola súa natureza, unha área única. As culturas da rexión e os pobos indíxenas do ártico téñense adaptado ás súas condicións frías extremas. Ten un papel relevante no equilibrio físico, químico e biolóxico do mundo. Reacciona sensibelmente ás mudanzas no clima, que repercuten de volta na situación global do ambiente. Desde a perspectiva da investigación na mudanza climática, a rexión ártica considérase un sistema de aviso temperán.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.