Xardinaxe

A xardinaxe ou xardinaría é a práctica, arte ou actividade de cultivar ou coidar plantas como parte da horticultura. Dáse principalmente en xardíns con plantas ornamentais que se cultivan polas flores, a follaxe ou pola aparencia xeral. As plantas útiles, como as hortalizas de raíz, as de folla, as froitas, as herbas, cultívanse para alimentación, como colorantes, ou para uso medicinal ou cosmético. Porén en lingua galega, e en xeral nas linguas latinas, o termo xardinaxe só designa o eido ornamental, deixando o eido do cultivo de especies útiles e comestíbeis á olericultura, pomoloxía, fruticultura, ou horticultura en xeral.

Un xardineiro, é aquel que practica a xardinaxe, xa sexa de xeito profesional coma por hobby.

A xardinaxe vai logo dende os pomares e bulevares, cun ou máis tipos diferentes de árbores, arbustos, ou herbáceas, até os xardíns residenciais, incluíndo céspedes, plantas en vasos e contedores, tanto de exterior coma interior. A xardinaría pode ser moi especializada, centrándose nunha soa especie ou cultivo, ou acoller un gran número de especies vexetais en plantacións mixtas. Ademais se envolve moito no cultivo intensivo das plantas, de xeito que se diferenza da agricultura ou do sector forestal.

Galicia salienta polos xardíns históricos dos pazos, influenciados pola xardinaxe moderna inglesa. Tamén polos xardíns, pomares e hortas nos eidos privados característicos do espallamento territorial do país onde se mesturan especies autóctonas e foráneas, froiteiras e ornamentais.

Pazo de Castrelos, xardín francés
Xardín francés no Pazo de Castrelos, Vigo.
Parterre2
Parte do parterre nun xardín inglés.

Historia

Forestgarden2
Xardín forestal do horticultor Robert Hart en Shropshire, Inglaterra.

O xardín forestal, un sistema de produción baseada en plantas para a alimentación, é a forma de xardinaxe non ornamental máis antiga do mundo.[1] Os xardíns forestais orixináronse en tempos prehistóricos ao longo da beira dos ríos selvosos e ao pé dos outeiros húmidos das rexións monzónicas.

A medida que os pobos foron mellorando a contorna e o xeito de vida, fóronse identificando as especies arbóreas útiles (froiteiras, videiras, madeira...), desbotando as non útiles. Ás veces seleccionáronse e incorporáronse a hortas e xardíns especies foráneas, como é o caso do castiñeiro en Galicia.[2]

Despois do xurdimento das primeiras civilizacións, os individuos máis ricos comezaron a crear xardíns con propósitos puramente estéticos. As pinturas das tumbas exipcias do 1500 antes de Cristo proban a existencia das primeiras hortas ornamentais e intentos de deseño da paisaxe; adoitan representar encoros con lotos arrodeados por ringleiras simétricas de acacias e palmeiras.

Os xardíns ornamentais xa eran coñecidos no mundo antigo, o exemplo de máis sona é o dos desaparecidos Xardíns pénsiles da Babilonia, unha das Sete marabillas do mundo antigo, así coma patrimonio da humanidade; os romanos tamén gostaban dos xardíns e atrios.

O deseño de xardíns remóntase ao antigo Exipto, onde os ricos empregábanos principalmente para se abeirar do sol. Os exipcios asociaban as árbores e os xardíns cos deuses; estes xardíns adoitaban estar coutados de valados ou sebes con palmeira en ringleiras. Entre as especies máis populares estaban as datileiras, os sicómoros, as figueiras, as amendoeiras e os salgueiros. Estes xardíns eran símbolo dun status social elevado. Ademais os antigos exipcios tiñan viñas, sendo o viño xa un distintivos das clases sociais acomodadas. Roseiras, papoulas, margaridas e lis eran tamén plantas comúns nestes verxeis.

Os asirios tamén foron coñecidos polos seus fermosos xardíns. Estes acostumaban ser largos e amplos, moitos usados para cazarías e outros para lecer. Alciprestes e palmeiras eran das árbores máis sonadas. Crese que cando o imperio asirio caeu Babilonia desenvolveuse coma un vizoso imperio cos xardíns pénsiles coma símbolo de fortaleza.

Os xardíns da antiga Roma eran coñecidos polas súas estatuas e esculturas, sempre presentes na vida romana. Deseñábanse con sebes e videiras e contiñan gran cantidade de flores, coma Acanthus, centáureas (Centaurea cyanus), sasafrán (Crocus spp.), ciclames (Cyclamen spp.), xacintos (Hyacinthus orientalis), lis (Iris spp.), hedras, cantroxos, lirios (Lilium candidum), mirtas (Myrtus commun), amarelles, papoulas (Papaver rhoeas), romeu (Rosmarinus officinalis) e violas (Viola odorata).[3] Os leitos de flores ou parterres xa eran populares nos atrios dos romanos máis podentes.

Mendel II 073 v
Un xardineiro a traballar, 1607.

A Idade Media representa un período de declive no que se refire á xardinaxe. Despois da caída de Roma a xardinaxe tivo só o propósito de menciñar (cultivo de herbas medicinais), ou para enfeitar igrexas, altares e aras.

Os xardíns islámicos deseñáronse seguindo os modelos persianos e acostumaban estar choídos por valados ou muros e divididos en catro seccións con canles de auga. Adoitaban ter no centro do patio unha pía, un pequeno encoro ou un pavillón ornamental. Característico dos xardíns islámicos son os mosaicos e azulexos usados para decorar os regueiros e fontenlas cos que se enfeitan os atrios.

A finais do século XIII, europeos ricos comezaron a cultivar xardíns para lecer, para o cultivo de plantas medicinais e hortalizas.[3] Choeron os xardíns con muros e valados para os abeirar de animais bravos e ter illamento. Nos dous séculos a seguir, comezou en Europa a sementeira de céspedes, arriates de flores e enreixados de roseiras e rubideiras. As froiteiras eran comúns nestes xardíns. Asemade xorden os xardíns dos mosteiros, cheos de flores e plantas medicinais, onde monxes e freires podían gozar da natureza e se relaxar.

Os xardíns dos séculos XVI e XVII era simétricos, proporcionados e equilibrados cunha aparencia máis clásica. Moitos deles deseñábanse arredor dun eixo central, ficando divididos en partes iguais son sebes de buxos e outras especies. Adoitaban ter leitos de flores dispostos en figuras xeométricas separadas polos buxos e carreiros de grixo ou pedrullo.

Na Renacenza enfeitábanse con esculturas, topiaria e fontes que a miúdo tiñan chafarices con xogos de auga. No século XVII popularízanse en Inglaterra os knot gardens (literalmente xardíns de entrelazados), cheos de complexos deseños con labirintos de sebes. Comeza en Europa asemade o cultivo de novas flores coma os tulipáns, maravallas (Calendula officinalis) ou xirasois.

No século XVIII, os xardíns ficaron coma un privilexio reservado para as clases podentes. Os novos movementos paisaxistas, sempre encabezados en Inglaterra, tórnanos máis naturais, sen muros ou deseños xeométricos. Os xardíns deste tempo, acostuman ter grutas e furnas feitas con matos, pavillóns, quioscos, pontes, pontellas e toleiras coma imitacións de pequenos templos. Xa no século XIX os xardíns tórnanse accesíbeis ás clases medias dos países máis evolucionados, coma Inglaterra. En 1804 fórmase precisamente nese país a Horticultural Society (Sociedade hortícola). Os xardíns do XIX incorporan novas árbores de especies exóticas coma as araucarias (Araucaria araucana) ou as camelias. Os xardíns de rocallas tamén comezan no século XII.

O século XX vén marcado por unha revolución artística en todos os eidos, tamén na xardinaxe, onde xorden innumerábeis estilos.

En Galicia a xardinaría formal xorde na Idade Moderna nos pazos cun estilo propio moi influenciado pola xardinaxe inglesa. A xardinaría colle folgos no século XIX co deseño de alamedas co desenvolvemento das grandes cidades coma Vigo e A Coruña, axeitando antigos campos de feiras e carballeiras en novos parques e xardíns urbanos.

Excluíndo os pazos e casas grandes, a xardinaxe popular non colle forma en Galicia até ben entrado o século XX. Anterior a estas datas o xardín galego só acollía especies útiles e comestíbeis: pomares de froiteiras, viñas, soutos ou hortas ocupaban o eido arredor da casa. Algún signo ornamental podía atoparse á beira das casas: hortensias, margaridas, roseiras, e pouco más.

Se ben nos espazos públicos, coma nos campos de feira xa se tiñan plantado especies para dar sombra, principalmente carballos que formaban as populares carballeiras que chegan aos nosos días; moitas delas convertidas en parques. Tamén salientan especies ornamentais nos adros das igrexas (principalmente oliveiras e teixos) e nos cemiterios (alciprestes e teixos).

O espallamento territorial característico de Galicia facilita que a meirande parte das casas teñan hoxe un xardín no seu eido. As condicións climáticas de Galicia (alta humidade e temperaturas pouco extremas) fan posíbel en boa parte do territorio o desenvolvemento de especies atlánticas, mediterráneas e incluso tropicais. Así atopamos unha desorde moi característica no xardín da casa galega de hoxe, onde se mesturan dende especies autóctonas até foráneas, e dende froiteiras a ornamentais; maceiras, videiras, carballos e roseiras conviven nun mesmo verxel con palmeiras, feixoas, oliveiras, camelias ou pradairos xaponeses...

Ver sección 'Galicia' deste artigo.

Tipos

Jardim santa barbara
Xardín de Santa Bárbara, en Braga, Portugal.
Hanging baskets in thornbury arp
Queipos florais pénsiles en Thornbury, South Gloucestershire, Inglaterra.

A xardinaxe particular ou residencial dáse derredor da casa, no espazo coñecido coma eido. Malia que o xardín acostuma acharse no terreo á beira da residencia, tamén pode ficar na terraza ou eirado, nun patio, nun balcón, nunha solaina, nunha xardineira, nun corredor, nun invernadoiro, nun viveiro ou mesmo nun parladoiro ou na soleira dunha fiestra.

A xardinaxe tamén se dá en zonas verdes non residenciais, coma parques, xardíns públicos, xardíns botánicos, zoolóxicos, parques de atraccións, nos bulevares e avenidas, nas alamedas, ou nos xardíns de hoteis, factorías etc. Os xardineiros son os encargados de manter estes terreos.

  • Xardín de interior, é o relativo ao cultivo de plantas de interior dentro da vivenda ou nun invernadoiro. Ás veces comportan ar acondicionado ou sistemas de calefacción.
  • Xardín paisaxista, é o xardín ecolóxico que emprega na plantación especies nativas ou co fin de crear un hábitat axeitado para a vida silvestre. Preténdese crear un xardín en harmonía coa contorna. Este tipo de xardín reduce o consumo de auga para rega, mantemento, custos de fertilización, ademais de incrementar o interese da fauna nativa. Un bo exemplo en Galicia serían as carballeiras.
  • Xardín acuático ou de auga; sería o cultivo de plantas adaptadas a encoros e pozas. Os xardíns de turbeira ou brañas son tamén considerados xardíns de auga, xa que requiren solos lamacentos. Estes xardíns cómpren de coidados especiais. O exemplo máis sinxelo e frecuente de xardín acuático é unha pía chea de auga con algunha planta. Os acuarios con vexetación tamén se incluirían nesta categoría.
  • Xardín en contedor; trátase do cultivo de plantas en vasos, testos, cestas, canastras ou calquera contedor, tanto no interior coma no exterior. Este tipo de xardinaxe é típico en patios, soleiras, atrios, balcóns e terrazas. Tamén é típico pór testos na eira diante da casa.
  • Hügelkultur, é o cultivo de plantas e flores en leitos ou pías de madeira podre, compost ou estrume, dándose a compostaxe in situ.[4] É un termo do alemán que significa xardín amoreado. Toby Hemenway, destacado autor e profesor de permacultura, considera que soterrar estelas ou achas de madeira en sucos tamén é un xeito de hügelkultur, xa que as plantas non deixan de medrar en madeira en descomposición aínda que sexa nun rego.[5] A hügelkultur practícaa Sepp Holzer como un xeito de xardinaxe forestal e agroforestal, e tamén Geoff Lawton en xardinaría desértica.[6] Pode ser un bo método ecolóxico de fixación de carbono cando se cultiva en grandes volumes de estrume ou restos vexetais ou madeireiros.[4] É tamén unha forma de xeroxardinaxe (xardinaxe con pouco uso de auga).
  • Horta comunitaria, é unha leira xestionada por un grupo de xente, converténdose máis ben nunha actividade social. Nesta agra prodúcense hortalizas frescas pero tamén serve coma área de lecer, esparexemento, sociabilidade e contacto coa natureza. É típica no norte de Europa, estando en Galicia aínda pouco desenvolvida.[7][8] Estes xardíns comunitarios adoitan ser propiedade dos concellos.[9]
  • Xardín compartido; son xardíns típicos das urbanizacións anglosaxoas de casas acaroadas. Un mesmo terreo (diante ou detrás da vivenda) poder pertencer a varios veciños. Empréganse como zonas de lecer ou coma hortas ou cortiñas.

Xardineiros

Artigo principal: Xardineiro.
Gardening
Xardineiro.
Royal Gardener John Rose and King Charles II - Hendrick Danckerts 1675.jpeg
Hendrick Danckerts, xardineiro real de John Rose e do rei Carlos II de Inglaterra, 1675.

Un xardineiro é calquera persoa que participa da xardinaxe,[10] posibelmente é un dos traballos máis vellos, que vai dende un simple hobby até un traballo profesional. A xardinaría implica o deseño de xardíns, o cultivo de pequenas hortas para se fornecer de alimentos: pomares, viveiro, alcouves, ou a propia profesión de coidado dun gran xardín.

Tamén pode se referir aos paisaxistas, enxeñeiros ou arquitectos, que acostuman ser principalmente deseñadores de áreas verdes, máis ca da parte hortícola.

Elementos

Maceta. Rianxo. Galicia-Galiza
Maceta con flores nunha rúa de Rianxo.
Artigo principal: Elementos arquitectónicos de xardín.

A xardinaxe pode ser realizada tanto dende un punto de vista profesional coma de hobby; con fins estéticos, terapéuticos, ou como xeito de obtención de alimento.

Ademais das ferramentas de traballo no xardín, e da propia plantación, hai un grande abano de elementos e accesorios dispoñíbeis no mercado para que tanto o xardineiro profesional coma o principiante amosen a súa creatividade. Estes elementos axudan a enfeitar, decorar as diferentes áreas do xardín, dende vieiros ou carreiros até parterres ou pérgolas.

Localización, tamaño e orzamento son tres compoñentes a ter en conta á hora da escolla dos accesorios para mellorar a decoración dun xardín.

Os accesorios poden estar feitos de diferentes materiais coma cobre, pedra, madeira, bambú, vime, aceiro inoxidábel, arxila, vidro, formigón, ferro etc, polo que o clima onde estea o xardín ha determinar a escolla dun ou outro material para garantir unha maior vida útil do elemento.

Unha decoración cos elementos axeitados engade personalidade e beleza ao xardín, e, dependendo da situación, tamén achegará funcionalidade.

Os camiños, por exemplo, son funcionais para o mantemento do xardín, pero ademais poden ser un elemento decorativo se se cobren con diferentes materiais coma frouma ou arume, casca de piñeiro, estelas de madeira, grixo, ladrillos ou cachotes. Así mesmo no deseño son importantes os fondos que poden incluír muros, valados, ou sebes, que aportan privacidade á zona , agochan elementos ou vistas non desexadas, e salientan outras.[11]

Os enreixados, pérgolas, parreiras e arcos aportan altura e se empregan para que as rubideiras gabeen. Cos enreixados créanse separación a xeito de xardíns verticais. As pérgolas aportan sombra nun camiño ou nunha mesa; denomínanse parras cando a especie plantada é unha videira. Mentres que os arcos adoitan situarse en camiños e entradas para decorar principalmente con roseiras e outras gateadoras, ademais de dar profundidade á paisaxe.[12]

Tamén o alumeado é importante nos xardíns que se usan á noite. Os accesorios van dende candeas, lanternas, lámpadas de aceite, candís até farois, tochas, ou fachas.

Comedeiras, manxadoiras, bebedoiros, e bañeiras son boas opcións para convidar aos paxaros a encher o xardín. Poden estar feitos de madeira, mentres que os bebedoiros e bañeiras acostuman ser pías ou maseiras. Ademais aportan un bo punto estético. Tamén pendurar casetos nas árbores para que os paxaros aniñen é unha boa escolla.

Os accesorios máis grandes coma bancos, fontes, figuras de pedra, cántaros e estatuas deben usarse con moderación ou darán unha aparencia desordenada do xardín.

A auga pode ser un elemento importante, que pode ir dende unha pía cun chafariz até unha lagoa. Encoros, poceiras e regueiros artificiais adoitan ser elementos típicos en xardíns de todos os estilos. Moitas veces inclúen pontellas e pasadoiros para atravesalos, especialmente nos xardíns xaponeses. As fontes poden ser de moi diversos estilos, dende os máis tradicionais aos máis modernos. Ademais de seren un elemento decorativo, teñen un efecto calmante no ambiente.[13] As pozas poden estar feitas de fibra de vidro, material lixeiro e resistente, e contar cunha bomba impulsada cun panel solar.[14]

Outros accesorios que poden personalizar os xardíns son as bólas de xardinaxe, gongs, figuriñas de gnomos, trasnos ou animais, cestos, testos, espeques, traveseiros do camiño de ferro, pequenos muíños etc.[15]

O novo xardín particular galego ten elementos especiais e diferenciais, moitas das veces é unha transformación da antiga casa, onde o eido transfórmase en xardín, a horta e o pomar en arboredos ou zonas de céspede con piscina, a eira e o eirado en patios, parras en pérgolas de flores e rubideiras, a palleira e o alpendre en garaxe ou casas de verán. É por isto que elementos e ferramentas da antiga vida agrícola pasen a ser reempregados na xardinaxe moderna coma elementos decorativos: rodas do carro, candís, xugos ou cangas etc. O hórreo acostuma conservarse no novo xardín, incluso en ocasións son novos ou se trasladan dende outro lugar simplemente coma elemento decorativo. Nalgunhas ocasións a caixa de madeira desaparece e se empregan os esteos e tornarratos coma pezas decorativas do xardín, o mesmo que fan en Inglaterra cos pés (chamados staddles stones) dos seus antigos celeiros, moi semellantes aos hórreos, desaparecidos coa chegada da revolución industrial. Tamén é común atopar nos xardíns galegos pías de pedra coma floreiros ou fontes, antigos bebedoiros das galiñas, ou incluso grandes maseiras empregadas outrora coma manxadoiras dos porcos.

Nalgunhas ocasións aparecen as moas ou capas dos antigos muíños hidráulicos e até cruceiros coma elementos decorativos.

Viveiros e centros de xardinaría

Os viveiros e centros de xardinaría principalmente venden plantas, substratos, fertilizantes e agroquímicos, artigos diversos, ferramentas, maquinaria e accesorios de xardín, porén recentemente tamén comezan a vender artigos de lecer coma moblaxe, churrasqueiras, randeeiras, jacuzzis, agasallos, artigos para mascotas, roupa etc.

Comparación coa agricultura

A xardinaxe con fins estéticos é case tan vella coma a agricultura hortícola, porén ao longo da historia a maioría da xente preocupouse máis polas plantas útiles que pola estética. Mais a pequena escala é difícil distinguir a agricultura de subsistencia da xardinaxe. Unha cortiña de patacas para un labrego peruano ou para un irlandés podería describirse coma un xardín ou coma unha leira dependendo do punto de vista. En xeral o termo xardinaría ten máis connotacións estéticas ca produtivas, aínda que nos países desenvolvidos a tendencia é unha xardinaxe semiprodutiva (combinar a horta co xardín).

Con todo, o propósito produtivo nunha horta ou xardín privado pouco ten que ver coa escala produtiva da agricultura profesional. Por isto podemos considerar que as actividades agrícolas da meirande parte do rural galego, a pequena escala, non son senón xardinaxe. A agricultura dáse a grande escala, cunha motivación económica e produtiva, mentres que a xardinaxe faise a pequena escala, por pracer ou para producir unha pequena colleita para a familia ou a comunidade. En xeral o termo xardinaxe (gardening) mestúrase máis co de agricultura nos países anglosaxóns.

Brian Farrell plants
A plantar nun xardín.

Outra diferenza é que a xardinaxe ou horticultura particular faise de xeito intensivo e caracterízase polo minifundismo (bocage) cun pequeno desembolso de diñeiro, un abonamento simple (esterco, estrume...), cunhas poucas ferramentas (legóns, sachos, fouciños, angazos, queipos, regadores, aspersores...). Pola contra a agricultura usa sistemas de rega, fertilizantes especiais, agroquímicos, maquinaria pesada. Aínda así a xardinaxe cada vez está máis especializada e tecnificada: maquinaria, cortadores de céspede automáticos, aspiradores de follas etc.

As máis das veces a agricultura a pequena escala ou xardinaxe é moito máis produtiva por unidade de terreo que a profesional. Na Unión Soviética, a metade da subministración de alimentos viña de pequenas hortas e das granxas colectivas promovidas polo goberno, malia seren pequenos cachos de terra.[16] Algúns argumentan con isto a superioridade fronte ao capitalismo, xa que os labregos do comunismo conseguían a venda de toda a colleita. Outros consideran que foi a traxedia do comunismo, xa que se descoidaban as coutadas colectivas e se derivaban fertilizantes e auga para a rega do agro privado.

Ás veces tamén se emprega o termo agricultura de precisión para describir unha xardinaxe que usa unha tecnoloxía intermedia (máis que simples ferramentas tradicionais e algo menos que as grandes máquinas colleiteiras), especialmente na agricultura ecolóxica ou orgánica. Unha boa xardinaxe a pequena escala con hortas pode alimentar a unha aldea cunha poboación de 100 habitantes. Unha variante é a xardinaxe comunitaria, que ofrece pequenas hortas para cidadáns urbanos.

Xardinaxe coma arte

Véxase tamén: Paisaxismo.
Schultenhof Mettingen Bauerngarten 8
Xardín en Mettingen, Alemaña.

O deseño de xardíns considérase unha arte na maioría das culturas, diferenciándose da xardinaría, que só acostuma se referir ao coidado dos mesmos. O deseño de xardíns pode dividirse nunha temática moi variada: xardíns perennes, de bolboretas, salvaxes, xaponeses, acuáticos, tropicais, sombrizos.[17] No Xapón, Samurais e monxes Zen dedicábanse acotío ao deseño de xardíns decorativos, ou habilidades como arranxos florais (coñecidos coma ikebana). Na Europa do século XVIII, moitas propiedades rurais foron redeseñadas por xardineiros converténdoas en xardíns formais ou parques paisaxistas; é o caso de Versalles en Francia ou Stowe, Buckinghamshire en Inglaterra.

Hoxe, os paisaxistas e deseñadores de xardíns continúan a producir deseños artisticamente creativos para espazos públicos e privados.

En Galicia o deseño paisaxístico e de xardíns está moi pouco desenvolvido.

Aspectos sociais

Os xardíns poden ser considerados un bo reflexo da sociedade. Isto vese ben en Galicia, onde a desorde e a falla de planificación da xardinaxe vai en par dun estilo arquitectónico denominado feísmo, propio dunha sociedade pouco desenvolvida, polo menos no eido estético.

Moitas veces a sociedade necesita de espazos verdes para se relaxar. Outras moitas, os parques son lugares de expresións sociais.

A xente adoita arrodear os seus terreos con sebes e xardíns para obter privacidade. En Galicia abúsase dos muros para conseguir un espírito de privacidade aínda maior. Especies axeitadas para as sebes serían o alfaneiro (Ligustrum vulgare), o estripeiro, a faia, o teixo, o alcipreste de Leyland (Cupressus x leylandii ), a tsuga (Tsuga sieboldii), a tuia (Thuja occidentalis), os Berberis, o buxo, o acivro, a camelia, o loendro, as forsythias e o cantroxo. A idea dun xardín sen valos, malia ser vantaxoso para a vida salvaxe, carece de privacidade.

O movemento Slow Food tense visto nalgúns países como un xeito de engadir nas escolas infantís clases de horticultura e xardinaxe en pequenas hortas, como xa ocorre nalgunhas escolas de Fergus, Ontario no Canadá.

Os xardíns compartidos urbanos é outra actividade social interesante; os donos dos terreos dalgunhas cidades alugan as terras a usuarios que queiran plantar unha horta; trocándolles parte da colleita no canto de diñeiro. Ambos os dous obteñen hortalizas, herbas e froitas de calidade e autocontroladas, contribuíndo á vez a un bo uso do solo urbano.[18]

Nos Estados Unidos de América e na Gran Bretaña, a produción de plantación e coidado de plantas ornamentais arredos das zonas residenciais chámanlle lasdcaping (paisaxismo), mentres que no resto dos países, incluíndo Galicia, adoita chamarse simplemente xardinaxe.

Tamén está a gañar popularidade o concepto de "xardinaxe verde" ("green gardening"), que, o mesmo que ocorre na agricultura ecolóxica profesional, implica o cultivo de plantas usando tan só fertilizantes e pesticidas ecolóxicos ou orgánicos, de xeito que se respecta máis o medio ambiente á vez que a saúde humana.

Pragas e pestes no xardín

Man applying fertilizer
Home a aplicar pesticidas.

Unha peste ou praga de xardín é xeralmente un insecto, planta ou animal que o xardineiro considera indesexábel na súa leira.

No caso das plantas denomínanse malas herbas ou herbas daniñas ou adventicias. Cómpre desfacerse delas co uso de herbicidas ou apañándoas manualmente, pola contra provocarán un dano nas plantas ornamentais, ou empeorarán o seu aspecto. No caso das hortas, diminúen as colleitas ou danan a calidade da froita.

Posto que os xardineiros e horticultores poden ter diferentes finalidades, os organismos considerados coma pragas poden ser considerados dun xeito moi diferente duns a outros. Por exemplo, a planta chamada cinco chagas (Tropaeolum speciosum), aínda que é bonita e ornamental considérase daniña se comeza a medrar onde non se quere, tornándose planta invasora. Outro exemplo en céspedes poden ser os brións, ás veces imposíbeis de erradicar. Nalgúns prados os liques como Peltigera lactucfolia ou P. membranacea, poden ser difíciles de controlar e se consideran pestes.

Ademais pulgóns, arañas, lesmas, caracois, escaravellos, formigas e mesmo algúns paxaros, toupas ou gatos, considéranse pragas do xardín.[19]

Hai diferentes xeitos de eliminar as pragas do xardín. A técnica depende da praga, o obxectivo final e mais da filosofía do xardineiro. Por exemplo, os caracois poderíanse eliminar con pesticidas químicos, orgánicos, apañándoos a man ou incluso co uso de plantas resistentes aos mesmos. Cómpre ter en conta que algúns bechos, como as xoaniñas ou algunhas aves son beneficiosas, e poden verse afectadas polo uso de pesticidas. Un exemplo é a toxicidade dos neonicotinoides, que poden ser fatais para as abellas do mel.[20]

Galicia

Artigos principais: Xardinaxe en Galicia e Xardíns de Galicia.
Pazo de Castrelos, xardín
Xardín no Pazo de Castrelos, Vigo.

A xardinaxe en Galicia remóntase a época castrexa coa aparición das primeiras hortas. As casas romanas trouxeron a xardinaxe ornamental aos primeiros patios. Na idade media tan só subsistiu nos claustros dos mosteiros, rexurdindo con forza na Idade Moderna nos pazos cun estilo propio moi influenciado pola xardinaxe inglesa, onde a pedra ten unha presenza especial, e colle folgos no século XIX co deseño de alamedas co desenvolvemento das grandes cidades.

Excluíndo os pazos e casas grandes, a xardinaxe popular non colle forma en Galicia até ben entrado o século XX. Anterior a estas datas o xardín galego só acollía especies útiles e comestíbeis coma xa comentamos anteriormente.

Se ben nos espazos públicos, coma nos campos de feira xa existían carballeiras artificiais para dar sombra; moitas delas convertidas hoxe en parques.

O espallamento territorial característico de Galicia, unido á bonanza climática, facilitan que a meirande parte das casas teñan hoxe un xardín que inclúe especies tropicais, mediterráneas e oceánicas. Malia que adoitan carecer dun estilo definido ou un deseño paisaxístico estudado, conta con elementos especiais e diferenciais con outras zonas de Europa e da península ibérica. Podemos dicir que é unha mestura entre a xardinaxe mediterránea e a inglesa ou atlántica.

Moitas das veces incorpóranse elementos da antiga casa e é a propia eira a que pasa a xardín; as antigas parras en pérgolas de rubideiras, ou o alpendre en garaxe. Ademais elementos e ferramentas da antiga vida agrícola pasen a ser reempregados na xardinaxe moderna coma elementos decorativos: rodas do carro, xugos. O hórreo acostuma conservarse no novo xardín, ou polo menos os esteos e tornarratos coma pezas decorativas. Tamén é común atopar nos xardíns galegos pías de pedra, moas dos antigos muíños hidráulicos, e até cruceiros.

Exemplos de xardinaxe en Galicia

Artigo principal: Xardíns de Galicia.

Galicia conta con moi bos exemplos de xardíns formais, principalmente nas cidades, vilas e castelos. Pero a máxima e máis pura representación de xardín galego dáse nos pazos. A seguir algúns dos maiores exemplos de xardinaxe en Galicia.

Pazo Quiñones de León
Xardíns no Pazo de Castrelos, Vigo.

Situado en Vigo, corresponde á antiga quinta do Pazo Quiñones de León, que pertenceu entre 1678 e 1918 á familia Gago de Mendoza Oca Sarmiento e Montenegro, dende Antonio Feliz Tavarés Ozores e Soutomaior até Fernando Quiñones de León e Elduayen, marqués de Valadares e de Mos. Hoxe pertence ao concello de Vigo. Salienta a superficie arborada de todo o parque, atravesado polo río Lagares, con árbores de interese, e dominando o plátano (Platanus x hispanica) como especie principal. Nos anos 90 do século XX ampliouse con acerto paisaxístico unha zona con varias lagoas e fontes. A horta traseira do pazo transfórmase a finais do século XIX, segundo parece coa firma lusa Jacintho de Mattos do Porto, ofrece cinco hectáreas con categoría de xardín histórico e unha ruta botánica de alto valor estético. Está dividido en cinco sectores: acceso, roseiras da parte superior, xardín francés, xardín inglés e bosque.

Orientados ao sur, todo o contraste entre os diferentes conceptos de xardín. Ao pé das fiestras, o racionalista: simétrico, estable e proporcionado no que salienta a escultura vexetal da sebe de buxos. Na parte baixa, o romántico inglés: estilo subxectivo, camiños imprevistos, especies de crecemento libre e elementos sacados do orientalismo como pavillóns e pagodes a escala. Destaca o paseo con dobre fileira de camelias chamado Paseo de Antonio Odriozola en honra do estudoso deste xénero. Conduce cara o viveiro e a cancha de tenis, que data da introdución deste deporte en Galicia cando na ría ancoraban naves inglesas. Asemade, atoparemos nesta zona estremeira do bosque unha liña dos eucaliptos plantados no ano 1872 e un orixinal pombal ergueito sobre un emerxente penedo, no cal cría unha colonia controlada de pombas zuras. Salientan moitos exemplares ornamentais, entre eles a camelia máis vella de Galicia, algúns Ficus, magnolias (Magnolia grandiflora), árbores das tulipas (Liriodendron tulipifera), faias, teixos, palmeiras, acacias etc.

Foi declarado Xardín Histórico e Ben de Interese Cultural en 1955.

O xardín fica nunha coutada duns 16 mil metros cadrados que conta cunhas 200 especies botánicas. En 2012 obtivo, durante o Congreso Internacional da Camelia celebrado na cidade chinesa de Chuxiong, o recoñecemento coma Xardín de Excelencia Internacional, unha distinción única na península, o sétimo en Europa en acadar tal recoñecemento, do que só hai 18 exemplos no mundo; ademais de en Galicia, no Xapón, en Australia, en Italia, na Suíza, en Suráfrica, na China e nos Estados Unidos de América. A Sociedade Internacional da Camelia (SCI) valorou o peso da camelia nos xardíns do castelo, con 330 cultivares, 25 especies e 29 híbridos de camelias. Ademais posúe unha colección de camelias históricas do século XIX –entre elas o exemplar máis vulminoso de camelia do Xapón de Galicia. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, preto de Pontevedra leva programas de investigación sobre a camelia.

Salientan ademais 12 exemplares de árbores incluídas no Catálogo de Árbores Monumentais de Galicia, como algúns exemplares de castiñeiros con 800 anos de antigüidade.[21]

Pazo de Oca estanque 2
Encoro nos xardíns do Pazo de Oca, A Estrada.

O pazo, situado na parroquia de Santo Estevo de Oca, no concello da Estrada, constrúense entre os séculos XVII e o XVIII xunto a unha vella fortaleza medieval. Posúe os xardíns máis soados de todos os pazos galegos, con especies de árbores pouco frecuentes e, entre outros elementos, pombal, capela, pontellas e un encoro con parrulos e gansos. Algúns dos exemplares botánicos coma a Camellia reticulata (camelia reticulada) a Cryptomeria japonica (cedro do Xapón) ou as formacións de buxos e de tileiros figuran no catálogo de Árbores senlleiras de Galicia.

Áchase en Santa Cruz de Ribadulla, no concello de Vedra. O xardín do pazo teñen máis de 200 variedades de plantas, moitas delas árbores centenarias, estanques, bancos de pedra, así como o camiño das oliveiras en forma de cruz. O que fora presidente do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra Esteban Areses Vidal (1888-1984) dixo deste xardín en 1951:

Alfonso Armada, o propietario actual, expresa, nun parágrafo revelador, o legado recibido, do que se converteu en celoso conservador:

Áchase en Bergondo (A Coruña). O xardín do pazo conta con exemplares botánicos de grande importancia, tres deles figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia: unérbedo, a pacana de Illinois Carya illinoensis, e os eucaliptos azuis. Ademais o grupo de Plátanos comúns figura no mesmo catálogo, na categoría de formacións senlleiras.

Xoia do patrimonio botánico de Galicia que conta cun arboredo de 54 hectáreas con máis de 1900 grandes exemplares de todo o mundo arrodea o romántico pazo. Ademais atopamos o herbario Merino. A primeira casa-granxa data do século XV, que foi restaurada até se converter na residencia estival do avogado e político galego Montero Ríos. Da vella casa só se conserva o pombal ameado de planta circular. O pazo actual é unha obra decimonónica do arquitecto Genaro de la Fuente, cunha orixinal mestura de clasicismo modernista, con reloxo no canto de escudo, terraza superior, escalinata imperial, estatuas de inspiración clásica e grande fiestraxe acristalada que dotan os interiores de luz e lixeireza. O pazo de Lourizán, ademais dun lugar para o descanso, foi un centro de referencia política e social, onde se tomaron decisións de transcendencia un nacional. Dende os anos 40 pertence á Deputación de Pontevedra. En 1946 constitúese coma Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes; hoxe é un centro de investigacións forestais, mantendo conxunto o pazo e o predio, cunha flora de carácter monumental, conservando a estrutura do xardín herdeira da época de Montero Ríos.

Entre as especies, numerosas árbores autóctonas coma carballos, castiñeiros, bidueiros, videiras e outras foráneas coma cedros, araucarias, magnolias, camelias, alciprestes, ligustros ou palmeiras. A contorna vexetal fora realizada por especialistas franceses en xardinaxe, unha parte destinada ao cultivo da vide e outra a especies exóticas. A nómina de árbores monumentais amosa unha tendencia ao orientalismo. Así, por exemplo, no fermoso exemplar da árbore das pagodes na á dereita do edificio, ou no fento arborescente de Tasmania ou na elección no céspede ofiopogon ou herba Mondo.

A pedra e a auga xunto ás plantas outorgan ao predio esa fermosura dos xardíns dos pazos galegos. Entre o mobiliario os bancos e unha mesa de peza granítica, os celeiros, ou o pombal. Sen dúbida un dos elementos máis rechamangueiro do recinto é o grande invernadoiro de deseño modernista, único no país polas súas dimensións e fábrica de metal e vidro. Na parte traseira, xunta a estación meterorolóxica áchase un alpendre e un hórreo de oito pares de pés datado no ano 1798. Dende aquí parte un camiño cara ao bosque de variadas especies e enlaza cos vieiros avesedos do regato dos Trois que atravesa parte do predio. O circuíto por el conduce á parte máis agreste pero con recunchos de grande plasticidade visual alén do interese científico.

A elegancia do mármore branco transfórmase e dá forma ás estatuas, alzándose esveltas na entrada e ocultas entre a vexetación. Achegándose a calquera das fontes: a da Cuncha (século XVIII), a dos Tornos (século XVII) con lavadoiro, a dos Tres Canos, a do Patio, a da Gruta dos Espellos (século XIX), escóitase o manar da auga formando parte do ciclo da vida.[22]

  • Xardín botánico da Universidade de Santiago de Compostela, ambicioso proxecto aínda en fase de execución nas aforas de Santiago de Compostela xunta o río Sarela. Acadará as 11 hectáreas e será chamado Xardín da deusa Sacia, estará dedicado principalmente á investigación do xénero Camellia, e á preservación da flora autóctona e ameazada do país.
  • Xardín Botánico-Artístico de Padrón, Unha hectárea de superficie, declarado Ben de Interese Cultural e Xardín Histórico en 1946.[24]
  • Carballeira de Santa Susana, é a alameda de Santiago de Compostela, parte do antigo bosque do Libredón que arrodeaba o achado da tumba do Apóstolo. Dende o Paseo da Ferradura hai unhas fermosas vistas da catedral. O xardín ocupa aproximadamente 80.000 m2, na zona denominada Campo da Estrela áchase unha das partes máis humanizadas do xardín, con elementos que falan desde a súa creación como parque no século XIX, aínda que a historia do terreo remóntase ao XVI, até elementos das reordenacións principais a partir do 1918 e outros contemporáneos. Exemplificado nas estatuas, é o camiño que vai desde a monumental dedicada a Méndez Núñez con gran soporte, á representación a rentes do chan das Dúas en Punto. Estes xardíns acumulan interesantes referencias botánicas e conducen asemade ao paseo central con dúas fileiras de bancos e o palco da música. Contabilízanse unhas cincuenta especies diferentes que supoñen un total de mil trescentas unidades repartidas por todo o parque. De xeito individual salientamos as magnolias doadas pola Sociedade Económica de Amigos do País en 1878. A denominada Ferradura co paseo dos Leóns e o Campiño arrodea un outeiro miúdo sobre o que se ergue unha das dúas igrexas que se achan dentro do perímetro da alameda. É esta a igrexa e couto de santa Susana coa soada carballeira cuxa estampa enxebre se completaba coa feira do gando que aquí se celebraba até hai unhas décadas. Cara ao oeste aínda queda a zona axardinada do Paseo das Letras Galegas presidida pola monumental estatua homenaxe a Rosalía de Castro e o Paseo de Bóveda. Comunica co campus universitario mediante unha formidábel escalinata e un miradoiro. Así mesmo son rechamantes os edificios de fasquía modernista que tamén podemos atopar dentro do parque.
  • Alameda e Xardíns de Vicente, alameda de Pontevedra.
  • Parque Rosalía de Castro, en Lugo, conta cunha superficie de 23 hectáreas.
  • Illa das Esculturas, en Pontevedra. O maior museo ao ar libre de Galicia, unha illa nas marxes do río Lérez, antigo eucaliptal, hoxe reconvertido en xardín escultórico.
  • Alameda da Praza de Compostela, en Vigo, conta cunha extensión de 9.000 m2, deseñado no século XIX nun recheo do antigo Areal para o ensanche da cidade. O piñeiro de Australia (Casuarina equisetifolia) que se atopa cara a zona final da alameda, preto do Areal, figura no Catálogo de Árbores senlleiras de Galicia pola súa monumentalidade.

Notas

  1. Douglas John McConnell (2003). The Forest Farms of Kandy: And Other Gardens of Complete Design. p. 1. ISBN 9780754609582.
  2. Douglas John McConnell (1992). The forest-garden farms of Kandy, Sri Lanka. p. 1. ISBN 9789251028988.
  3. 3,0 3,1 "A Brief History of Gardening". Consultado o 2010-06-04.
  4. 4,0 4,1 http://www.richsoil.com/hugelkultur/
  5. Hemenway, Toby (2009). Gaia's Garden: A Guide to Home-Scale Permaculture. Chelsea Green Publishing. pp. 84-85. ISBN 978-1-60358-029-8.
  6. http://permaculture.org.au/2009/12/11/greening-the-desert-ii-final/
  7. "What is a community garden?". American Community Garden Association. 2007. Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2007. Consultado o 26 de novembro de 2012.
  8. Hannah, A.K. & Oh, P. (2000) Rethinking Urban Poverty: A look at Community Gardens. Bulletin of Science, Technology and & Society. 20(3). 207-216.
  9. Ferris, J., Norman, C. & Sempik, J. (2001) People, Land and Sustainability: Community Gardens and the Social Dimension of Sustainable Development. Social Policy and Administration. 35(5). 559-568.
  10. Gardener
  11. "Decorating Your Shade Garden". Consultado o May 31, 2010.
  12. "Garden Arbors, Arches & Trellises". Consultado o May 31, 2010.
  13. "Garden Accessories Deals Online". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2013. Consultado o May 31, 2010.
  14. "Waterbury Solar Fountain". Consultado o May 31, 2010.
  15. "Gardening Accessories Tools". Consultado o May 31, 2010.
  16. "A Brief History of Gardening". Consultado o 2010-08-25.
  17. "Flower Gardens Care and Supplies". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2013. Consultado o 2010-06-04.
  18. Meet the urban sharecroppers The Guardian, Sep 4, 2008
  19. "10 Common Garden Pests And How To Deal With Them". TH Services. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2012. Consultado o 27 de xaneiro de 2012.
  20. "A Common Pesticide Decreases Foraging Success and Survival in Honey Bees". Consultado o 29-3-2012.
  21. [1]
  22. [2]
  23. Decreto 77/2000, de 25 de febreiro (DOG nº 72, de 12 de abril de 2000).
  24. [3]

Véxase tamén

Hayes-Valley-Farm by Zoey-Kroll fava-hillside
Fabeiras plantadas na granxa Hayes Valley Farm, unha granxa escola comunitaria con terreos nos noiros dunha autoestrada de San Francisco (EUA).

Outros artigos

Ligazóns externas

Abeto

Para o xénero máis común ver artigo Abies.

O abeto é o nome co que se coñece a diversas especies de árbores dos xéneros Picea e Abies da familia Pinaceae nativas de bosques temperados de Europa, Asia e América do Norte. Acostuman ser especies de montaña ou alta montaña no sur de Europa. En Galicia non aparece ningunha especie de xeito natural malia seren comúns en xardinaxe.

Algunhas especies dos xéneros Pseudotsuga e Cunninghamia tamén reciben o nome de abeto, por exemplo o abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii).

Adoitan ser especies forestais de bos crecementos e madeira de calidade. Pola súa forma cónica e o seu arume sempre verde acostuman empregarse coma ornamentais, especialmente en xardinaxe ou coma árbores de Nadal.

O bosque formado por abetos denomínase abetal.

Alcipreste

Os alciprestes ou cipreses son árbores coníferas do xénero Cupressus. Téñense naturalizado en moitas rexións temperadas do Hemisferio Norte, especialmente de clima mediterráneo, coas temperaturas e solos axeitados, medrando espontaneamente e polo xeral de xeito espallado. Cultívanse comercialmente en África oriental, Suráfrica e Nova Zelandia. Moitas das especies cultívanse coma árbore ornamental en parques e xardíns de Europa. En Galicia só os atopamos en xardíns formais, sendo comúns na xardinaxe de pazos e cemiterios, especialmente a especie Cupressus sempervirens.

Alcouve

Un alcouve, sementeiro ou pebideiro é un lugar onde se botan as sementes de certas plantas e onde se crían estas durante un curto período de tempo, para seren logo transplantadas xeralmente a un viveiro. Tamén pode denominarse sementeiro ou pebideiro ao lugar onde se gardan as sementes.

É unha área de terreo preparado e arranxado especialmente para botar as sementes co obxectivo de que estas grelen ou xermolen nas mellores condicións e coidados, de xeito que medren sen dificultade até que a plantiña estea pronta para o transplante.

O alcouve é o sitio axeitado para que a semente inicie a súa primeira fase de desenvolvemento. Despois a planta medrará e será transplantada ao terreo definitivo.

Arbusto

Un arbusto é un vexetal leñosos de mediano porte, entre as herbáceas e os árbores; é un termo difícil de describir e algunhas especies consideradas arbustos poden acadar tamaño de árbores en boas circunstancias.

A diferenza das árbores, que só teñen un só talo ou toro, considérase que os arbustos ramifican dende o chan, tendo polo tanto varios talos. Os arbustos poden ser miúdos, incluso de tamaños inferiores a moitas herbáceas, tamén son chamados neste caso gamallos (como é o caso das urces); outros poden acadar varios metros de altura, sendo considerados ás veces arboriñas (é o caso da abeleira).

Non todas as plantas lígneas ramificadas dende a base son consideradas arbustos; por exemplo, o tomiño (xénero Thymus) ou o cantroxo (xénero Lavandula) son matos leñosos ou, como tamén se di, subarbustos. Termos coma árbore, arbusto ou gamallo/mato describen biotipos na lingua común e son máis ou menos equivalentes doutros técnicos; os equivalentes botánicos para este concepto son os termos caméfito, nanofanerófito e microfanerófito.

É frecuente que especies que se presentan normalmente coma arbustos crezan coma árbores, ou onde as circunstancias ecolóxicas son distintas, como ocorre co Quercus coccifera no norte de África, ou por un esforzo deliberado no cultivo, como se ve ás veces co loendro (Nerium oleander).

As plantas rubideiras considéranse por algúns coma arbustos gateadores.

Bonsai

O bonsai é unha árbore en miniatura. O seu cultivo e poda é tradición en Xapón.

Cultivar

Cultivar é a designación dada a determinada forma dunha planta cultivada e corresponde a un determinado xenotipo e fenotipo que foi seleccionado e recibiu un nome único e debidamente rexistrado con base nas súas características produtivas, decorativas ou outras que o tornen interesante para o cultivo. O cultivar debe presentar durante o cultivo, e manter durante o proceso de propagación, un conxunto único de características que o distingan de maneira consistente de plantas semellantes da mesma especie. O termo foi cuñado polo especialista en horticultura Liberty Hyde Bailey, que o derivou das palabras inglesas "cultivated" e "variety" ("cultivado" e "variedade"), co que significaría estritamente "variedade cultivada" dunha especie vexetal. O termo non ten o mesmo significado ca a designación taxonómica variedade ou ca o termo legal variedade de planta utilizado no comercio de plantas e as súas sementes. O concepto foi oficialmente adoptado no XIII Congreso de Horticultura, realizado en Londres (1952), co obxectivo de distinguir as variedades cultivadas das de ocorrencia natural.

Céspede

O céspede, herba ou pasto é o nome dunha ducia de especies de gramíneas (familia Poaceae) que medran formando unha cuberta densa. Utilízanse como plantas ornamentais en prados e xardíns ou como terreo para a práctica de diversos deportes e actividades recreativas.

Céspede artificial

O céspede, herba ou pasto artificial, ou sintético, é unha moqueta industrial que se asemella ao céspede natural, pero fabricada con plástico e materiais sintéticos. Actualmente é moi frecuente o seu uso en terreos deportivos nos que orixinalmente se utilizaba céspede natural. Aínda que o seu uso é maioritariamente deportivo, tamén é usado en zonas residenciais e comerciais.

Invernadoiro

Un invernadoiro é unha construción acristalada na cal se cultivan plantas, a maior temperatura ca no exterior. Aproveita o efecto producido pola radiación solar que, ó atravesar un vidro, quenta os obxectos que hai detrás; estes, á súa vez, emiten radiación cunha lonxitude de onda maior cá da (radiación infravermella) solar que ten dificultade para saír a través dos cristais. Por outro lado os peches do recinto, paredes e fiestras, encerran o aire quente impedindo a súa saída e intercambio por aire máis frío do exterior.

Paisaxismo

O paisaxismo ou arquitectura da paisaxe consiste na arte, planificación, deseño, proxecto, xestión, conservación e rehabilitación do espazo público, os espazos abertos e o solo. O ámbito da profesión inclúe o deseño arquitectónico, a planificación do local, o desenvolvemento residencial, a restauración da contorna, o urbanismo, o deseño urbano, a planificación de parques e dos espazos de lecer, a planificación rexional e mais a conservación histórica.

A un experto da arquitectura da paisaxe ou paisaxismo denomínaselle como arquitecto paisaxista ou paisaxista. Adoitan ser arquitectos, enxeñeiros de montes, forestais ou agrónomos.

En Galicia é un dos eidos menos desenvolvidos da horticultura. O paisaxismo é unha das disciplinas estudadas en Arquitectura na Universidade da Coruña e nos graos de Enxeñería agrícola e do Medio Rural e Enxeñería forestal e do Medio Natural da Universidade de Santiago de Compostela nas materias de Xardinaría e Paisaxismo Forestal e Ordenación e planificación do Territorio e do Medio Natural.

Pazo

Un pazo (paço en portugués) é un tipo de casa señorial tradicional galega, grande para o seu tempo, posuidora de signos heráldicos (escudo ou brasón) e de proporcións e riscos suntuarios que a diferenza das demais do hábitat rural da zona. Eran a residencia de persoas importantes na súa comunidade (baixa nobreza galegae s fidalgos, e antes, de reis ou nobres). Estes posuían os foros (cesión das terras aos campesiños nos séculos XVII e XVIII a cambio de recibir rendas) e polo tanto tiñan un gran poder económico. Foron de importancia crucial nos séculos XVII a XIX, relacionados coa arquitectura rural e monástica e o sistema de organización feudal, xa que constituían unha especie de unidades de xestión local ao redor dos cales transcorría a vida dos aldeáns. Co tempo foi converténdose na marca social e refuxio da decrecente clase fidalga, que retrataron nas súas novelas escritores coma Otero Pedrayo, Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán.

Ao pazo coma estrutura arquitectónica asociábaselle unha rede social: a dos serventes do fidalgo e dos tributarios de foros, que mesmo chegaban a vivir no mesmo recinto (sobre todo os primeiros). Como palabra, pazo (en portugués: paço) é un cognado de palacio, pois procede do latín palatiu(m). Os pazos de Galiza son un excelente exemplo de arquitectura civil tradicional, aínda que moitos tamén teñen unha capela propia para celebracións relixiosas.

Sitúanse sempre no rural, en zonas de microclima benigno e solos fértiles. Erguíanse nas abas dunha ladeira ou nun outeiro, sempre en locais estratéxicos dende onde o señor puidese ollar as súas posesións.

A orixe dos pazos son castelos da Idade Media, polo que soen ir asociados a unha antiga torre, que os seus donos ampliaron para facer unha estancia máis confortábel na época moderna. Non se coñecen os nomes dos arquitectos, polo que debían ser simples canteiros ou arquitectos que copiaban outros modelos de arquitectura culta, como igrexas; é por iso que a súa arquitectura está a medio camiño entre a culta (influencias renacentistas, barrocas e neoclásicas) e a vernácula.

Os pazos salientan hoxe en día, ademais dende o punto de vista arquitectónico, pola súa xardinaxe, con bos exemplos de formacións de buxos e plantas e árbores senlleiras exóticas coma palmeiras, camelias etc.

Picea

As piceas son un xénero de coníferas: Picea pertencentes á familia Pinaceae que conta cunhas 35 especies. Son árbores entre 20 e 60 metros con porte piramidal, follas illadas, planas ou tetragonais a xeito de agulla e estróbilos pendurados que non se disgregan até madurar. Entre os seus representantes máis coñecidos atopamos a Picea abies, o abeto vermello ou abeto rubio europeo, empregado comunmente en Galicia coma árbore de Nadal; ou a Picea glauca. A meirande parte das especies do xénero son árbores lonxevas e que medran amodo.

Ademais do uso ornamental, en xardinaxe, e coma árbore de Nadal, a madeira é de boa calidade (uso madeireiro e silvícola) e serve na construción, así coma para fabricar instrumentos musicais, coma violíns ou guitarras.

Planta ornamental

Unha planta ornamental, tamén chamada planta de xardín, é a que se cultiva e/ou comercializa con fins decorativos polas súas características estéticas, coma as flores (camelias), follas (pradairos), perfume (roseiras ou cantroxo), a textura da súa follaxe (alciprestes), froitos (espiños de fogo) ou mesmo talos (salgueiros choróns) en xardíns e deseños paisaxísticos, como planta de interior ou para flor cortada. O seu cultivo forma unha parte fundamental da horticultura.

Existen numerosas plantas que teñen un uso duplo, alimentario e ornamental como a oliveira, a laranxeira ou o romeu.

Estas plantas adóitanse vender en centros de xardinaxe con ou sen testo para seren transplantadas ao xardín ou simplemente ficaren coma plantas de interior.

A importancia deste tipo de plantas tense incrementado co desenvolvemento económico da sociedade e o incremento das áreas axardinadas das vilas, así coma co uso de plantas de exterior e interior polos particulares.

Actualmente hai máis de 3000 plantas que se consideran de uso ornamental.

Galicia ten pouca tradición ornamental e paisaxística, porén veuse incrementada nos últimos anos.

Planta rubideira

Unha planta rubideira ou planta gateadora é aquela que medra suxeitándose nun soporte, ben enrolándose, ben a través de órganos fixadores especiais. As rubideiras non se manteñen erguidas por si mesmas, necesitando doutra planta, un muro, un penedo, unha parra, un espaller, unha pérgola, unha rede etc. Para iso poden utilizar órganos como gabiáns, raíces adventicias etc. ou se enrodelan arredor do soporte, chamándose logo plantas volúbeis. Certas rubideiras non necesitan dun apoio, e poden estenderse polo chan sen problema ningún. As plantas gateadoras poden chegar a secar outras plantas ou árbores, se non se poidan, pola competencia de luz solar. Porén non poden ser consideradas plantas parasitas, xa que só procuran un soporte para recibir máis luz; ou ben, para buscar o lugar perfecto para o seu desenvolvemento.

Un exemplo deste tipo de plantas, é a fabeira (Vicia faba) que debe o seu rápido crecemento ao feito de gabear por soportes ou outras plantas, e deste xeito evistar o desenvolvemento dun talo leñoso; Outro exemplo son as sandías (Citrullus lanatus) e mailas cabaceiras (Cucurbita spp) que son extensas gateadoras que adoitan estarricarse por chan, por mor do gran peso dos seus froitos.

As plantas rubideiras acostuman medrar axiña, e algunhas desenvolven talos leñosos despois de se enrolar, como a videira (Vitis vinifera) ou a glicinia (Wisteria sinensis). Pola contra, a meirande parte das gatuñantes son herbáceas.

Rododendro

Os rododendros son arbustos pertencentes ao xénero Rhododendron (do grego: rhodos, rosa; dendron, árbore). É un xénero de anxiospermas pertencente á familia Ericaceae, que contén máis de 1000 especies, algunhas das cales son coñecidas comunmente como azaleas. Axéitanse moi ben ao clima galego, por iso son moi comúns na xardinaxe do país. Dado que é un xénero moi extenso, as plantas se organizan en subxéneros, seccións, subseccións e series. Estes subxéneros divídense basicamente en catro grupos:

Azaleastrum

Candidastrum

Hymenanthes: follas grandes (sen escamas no envés). Tipo: Rhododendron degronianum Carr.

Mumeazalea

Pentanthera

Rhododendron: follas miúdas (con escamas no envés). Tipo: Rhododendron ferrugineum L.

Therorhodion

TsutsusiRBG, Edinburgh

Sebe

Unha sebe (do latín saepe 'valado'), sebeiros ou barda é unha asociación de zonas de matogueira e árbores situadas entre os campos de cultivo ou leiras das casas co fin de marcar os lindeiros das terras. As sebes constitúen auténticas "illas" de biodiversidade.

Nalgúns casos constitúen redutos da vexetación autóctona que se mantiveron como valados naturais, porén tamén poden ser creados de xeito artificial (sebe morta), coma os bardados, valados feitos con paus e recubertos con bardas (silveiras, hedras ou outras plantas coma os toxos e mailas xestas).

Na paisaxe rural das campiñas, composto de praderías rodeadas de sebes, estas garanten unha función de fronteira e de retención das augas de escorrentía. Nas rexións onde a vexetación é máis escasa ou naquelas suxeitas aos climas oceánicos onde a vexetación ten dificultades para desenvolverse as sebes substitúense por muros de pedra. Así, na zona do Salnés chámaselle sebe aos muros que delimitan as leiras.Ás leiras pechadas con valados chámaselles zarra, chousa, chouso ou chouselo.

Vigozoo

Vigozoo é o nome oficial do parque zoolóxico de Vigo, chamado popularmente A Madroa (lugar da parroquia de Candeán onde se atopa). Ostenta a categoría xurídica de organismo autónomo municipal.[Cómpre referencia]

Xardineiro

Chámase xardineiro á persoa que ten por ocupación o coidado e mantemento dos xardíns.

Entre as ocupacións dos xardineiros atópanse a conservación de sementes ou bulbos dentro do sementeiro; o cultivo de flores e plantas ata que teñan a idade suficiente para ser transplantadas etc. Estas primeiras actividades adoitan realizarse baixo cuberto, no invernadoiro, pero tamén poden realizarse en terreos habilitados no exterior.

Os xardineiros tamén se ocupan da preparación e o tratamento da terra na que deben ser colocadas, da poda, os enxertos, a retirada de flores e plantas mortas e a súa substitución por outras, a mestura e preparación de insecticidas e outros produtos para o tratamento de pragas ou fertilizante do xardín. No xardín, plantan as flores e outras plantas segundo o programa establecido atendendo a criterios estéticos. Ademais, preparan os terróns ou a herba artificial que deba ser colocada.Para o seu traballo axúdanse de diferentes ferramentas e maquinaria eléctrica tales como:

angazos, utilizados para preparar o terreo

pas, utilizadas para retirar a terra

eixadas, de diferentes tamaños, serven para remexer a terra

vasoira de xardineiro, úsase para retirar os desperdicios xerados no traballo

cortacéspede, máquina que corta o céspede e almacénao nun recipiente

mochilas con tratamentos

Xardín

Un xardín é unha zona de terreo onde se cultivan especies vexetais para o pracer dos sentidos. Facer estas hortas sen finalidade económica vén dunha larga tradición, e xa eran famosos os Xardíns colgantes de Babilonia, considerados como unha das marabillas do mundo antigo, o que denota que estes espazos de ocio teñen desde entón unha larga tradición.

Un xardín pode incorporar tanto materiais naturais como feitos polo ser humano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.