Xabaril

O xabaril (do árabe djabalí[1])) ou porco bravo (Sus scrofa, L. 1758) é un mamífero artiodáctilo e suídeo de medio porte e corpo robusto. É considerado o antepasado a partir do cal evoluíu o actual porco doméstico (Sus domesticus ou Sus scrofa domesticus). A forma xabarín está considerada polo DRAG como menos recomendable.[2] Pola súa semellanza co porco, antigamente recibiu tamén denominacións derivadas deste: cocho bravo[3], porco montés[4] e porco fero[5].

Ten unha ampla distribución xeográfica, desde a área mediterránea de Europa ata Asia e Indonesia. En Galicia tamén está amplamente distribuído.

Das diferentes subespecies que existen do Sus scrofa, na Península Ibérica danse dúas:

  • Albar ou Sus scofra castilianus: de distribución máis norteña, tamaño maior e pelaxe máis clara e tupida, formada por sedas e borra.
  • Arocho ou Sus scofra baeticus: propia do sur da península, menor có anterior, de cor máis moura e menos pelo, formado só por sedas.
Xabaril
20160208054949!Wildschein, Nähe Pulverstampftor (cropped)

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)

Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Suidae
Xénero: Sus
Especie: S. scrofa
Nome binomial
Sus scrofa
Linnaeus, 1758
Distribución Sus scrofa

Distribución Sus scrofa
Distribución no mundo. En azuis onde foron introducidos.

Distribución no mundo. En azuis onde foron introducidos.

Descrición

O peso medio oscila entre os 70 e os 90 quilos dos machos e os 45 e 65 das femias, aínda que hai machos que poden acadar os 150 kg [6]. Mide entre 110 e 160 cm de cumprimento e 65–70 cm de altura. O corpo é robusto, co pescozo curto. A cola é de tamaño medio, cun penacho no cabo. Ten unha cabeza relativamente grande, triangular, cun longo fociño. Ollos pequenos e orellas relativamente grandes. Nos machos, a mandíbula superior está provista de dous caninos grandes e encorvados cara arriba (que se valoran como trofeo de caza [1]). Posúen un oído e un olfacto moi desenvolvidos, mentres que a vista é regular, particularmente a longa distancia.

Dzik w Rezerwacie Pokazowym Żubrów w Białowieży 01
Grupo de rellos.

A pelaxe, máis longa e densa no inverno, é rixa, con presenza de sedas moi fortes, e de cor parda escura. Medra especialmente no lombo e na base das orellas, formando unha crina abundante. As crías presentan unha pelaxe mimética característica (á que deben o nome en castelán: rayones), a base de raias leonadas e marróns; os exemplares subadultos -a partir dos seis meses de idade- preséntana máis acastañada, polo que reciben o nome de vermellos.

O tempo de vida medio é de 10-12 anos, alcanzando os 20 nos exemplares en catividade.

Ecoloxía

O xabaril habita en zonas boscosas e de matogueira densa, pero tamén en zonas asulagadas e brañas, sen mostrar temperamento territorial definido; pode atoparse tanto á beira do mar como nas terras máis altas dos Ancares. Son animais gregarios que, fóra da época de celo, viven en grupos familiares formados por unha femia, as súas crías e exemplares xuvenís de partos anteriores, constituíndo mandas de entre 5 e 20 individuos. Os machos adultos viven illados e arrexúntanse ao grupo soamente na época de reprodución, que ten lugar entre novembro e xaneiro. A xestación vén sendo dunhas 12 semanas (114 días) e o parto prodúcese entre marzo a abril, parindo en cada camada de 3 a 12 crías (normalmente, 4-5).

A madurez sexual alcánzase ós 8-20 meses, nas femias, e ós 10 meses, nos machos.

Stado dzików na Strzemięcinie w Grudziądzu 2007

É un animal omnívoro pero con clara preferencia polos produtos vexetais: herbas, landras, tubérculos, millo, cogomelos, castañas e froitas diversas, pero tamén come insectos, miñocas, réptiles, ovos e carniza. Por outra banda, o xabaril vén sendo unha presa habitual do lobo.

É de hábitos principalmente crepusculares e nocturnos pero resulta habitual que tamén saia dos seus agochos durante o día. Unha das actividades características desta especie son os baños de lama que teñen unha función de termorregulación e, probablemente, algún papel na selección sexual, xa que durante o período de celo as balsas de baño están ocupadas case exclusivamente por machos adultos, mentres que no verán son utilizados por exemplares de calquera idade e ámbolos dous sexos. Neste sentido, a lama que se fixa á pelaxe podería intervir na persistencia do olor sexual [7].

O xabaril é quen de provocar danos na agricultura ó realizar incursións nas terras de cultivo (preferentemente millo e patacas), nas que provoca maiores danos có valor dos froitos que consome. Tamén estraga os prados ó fozar neles na busca de raíces e invertebrados. Para compensar ós agricultores, a Xunta de Galicia inclúe estes danos entre os prexuízos subvencionables, realizando por este concepto pagos de 51.353 euros en 2006, 79.104 en 2007 e 109.576 en 2008 [8].

En Galicia, debido á súa caza masiva, ficou reducido á zona oriental ata que a partir da década dos sesenta comezou a espallarse de novo por case todo o país. Este aumento dos censos deuse tamén no resto do Estado Español, probablemente polo efecto combinado do control da caza, o descenso nas poboacións dos seus predadores (especialmente do lobo) e o abandono do medio rural (especialmente das zonas de monte, co que aumentaron as zonas aptas para a súa cría). López Seoane catalogouno en 1861 como escaso en Galicia pero nos anos 1980-1985 puido comprobarse a súa presenza en todo o país agás nas áreas costeiras da Coruña e Pontevedra [9].

Non dispón de ningunha figura de protección ó ser unha especie abundante e cazable.

Porcoril

Dende o ano 2015 téñense detectado nos montes galegos un novo híbrido de porco bravo, froito do cruzamento entre o xabaril e porco vietnamita. Os porcos vietnaminas úsanse coma mascotas, porén, debido ao gran tamaño dos individuos adultos, moitos foron abandonados nos bosques. Estes conseguiron adaptarse bastante ben, chegando a cruzárense co porco bravo e dando lugar a unha nova variedade. No pelame é semellante ao xabaril, mais a forma do corpo lembra máis á dun porco vietnamita. Disque as maneiras son torpes e que non conseguiu adaptarse ben ao medio polo de agora. Se ben, supón unha ameaza ecolóxica para o monte galego xa que ademais de conseguir introducirse por moitos dos cerramentos polos que o xabaril non é quen, supón tamén un perigo para a sobrevivencia do xabaril autóctono. Téñense identificado máis dun centenar nas catro provincias galegas[10].

O recente nome: porcoril (de porco– polo porco vietnamita e mais –ril, en alusión ao xabaril), aínda non aceptado pola Real Academia Galega, é unha solución que foi prendendo entre os falantes galegos, coa empuxada da difusión polos medios de comunicación; de feito, é desde este ámbito de onde reclaman a autoría do neoloxismo (TVG, agosto de 2016)[11].

Especie cinexética

Xabaril femia
Xabaril femia.

Desde a Antigüidade clásica á Idade Media, o xabaril foi sempre considerado como especie cinexética de prestixio, especialmente os machos adultos que eran vistos como o paradigma da coraxe e bravura. Antes das armas de fogo, o xabaril era cazado usualmente cun tipo de lanza específico para o obxectivo. A caza ao xabaril é aínda hoxe en día moi popular.

En Galicia, segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, o número de exemplares cazados foi medrando paseniño desde os 1.603 na tempada de caza 2000-2001 ata os 7.452 na tempada 2007-2008.

Na actualidade existe granxas nas que se cría o xabaril en réxime de semiliberdade.

Gastronomía

A carne do xabaril adulto é de cor moura e con moi pouca graxa, e resulta dura aínda tras un cociñado prolongado, polo que se prefire a dos exemplares novos. Por mor dos seus hábitos nutritivos e da lonxevidade que poden alcanzar, o consumo de carne de xabaril presenta o risco de transmitir a triquinose, polo que cómpre realizar en todo caso un detido exame parasitolóxico.

Os xabarís na cultura e mitoloxía

Betanzos, San Francisco 01-21
Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, na igrexa de San Francisco (Betanzos).
Wappen von Ebern
Escudo da cidade alemá de Ebern.

As referencias culturais ao xabaril son abundantes desde polo menos a Grecia Antiga:

  • A caza do xabaril é unha escena que aparece con frecuencia na mitoloxía céltica irlandesa.
  • Un dos Doce Traballos de Hércules foi cazar o xabaril de Eurimanto.
  • O xabaril foi o símbolo das lexións XX Valeria Victrix e X Fretensis.
  • É un animal común na heráldica medieval europea.
  • Foi o símbolo persoal do rei Ricardo III de Inglaterra.

O xabaril na cultura popular galega

O unto de porco bravo emprégase para cura-lo fogo ardente (denominación popular do ergotismo) (LIS QUIBÉN:24).

Os cairos do xabaril utilizábanse adoito como amuleto protector. Púñase atado na man dos meniños para protexelos do mal de ollo e outras doenzas. Tamén se levaba, co mesmo fin, cosidos na roupa ou convertidos en colgantes.

Cantigueiro

  • Miña nai botoume fóra/ por enriba dun tellado;/ vaite, miña filla, vaite,/ vai tornar un porco bravo.

Adiviñas

  • Era pinguín que pingaba,/ veu funguín que fungaba/ a comer a pinguín que pingaba,/ e veu rapín que rapaba/ e comeu a funguín que fungaba.[12]

Locucións

  • Coma un porco bravo: ser moi irascible, ter mal xenio.
  • Ser de canteiro revirado, como ten o porco bravo: ser malintencionado.

Notas

  1. Orixe do nome no artigo porcoril do Portal das Palabras da RAG.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xabarín.
  3. Ana Isabel Boullón Agrelo e Xermán García Cancela. Diccionario normativo galego-castelán (en castelán). p. 217. Consultado o 22 de maio de 2019.
  4. Víctor López Seoane (1861). Fáuna Mastológica de Galicia, ó historia natural de los mamiferos de este antiguo Reino, aplicada á la medicina, á la agricultura, á la industria, á las artes y al comercio (en castelán). p. 525. Consultado o 22 de maio de 2019.
  5. Juan Cuveiro y Piñol (1876). Diccionario gallego: el más completo en términos y acepciones de todo lo publicado hasta el día con las voces antiguas que figuran en códices, escrituras y documentos antiguos, términos familiares y vulgares y su pronuciacion. Para la escuela de diplomática, anticuarios, jueces, abogados, escribanos, párrocos y otras personas a quienes es indispensable su frecuente uso (en castelán). p. 254. Consultado o 22 de maio de 2019.
  6. Cítase o caso excepcional dun exemplar de 210 kg cazado en Faramontaos (Atlas de vertebrados de Galicia, 305). A fonte non especifica a que Faramontaos se refire.
  7. Pedro Fernández-Llario.
  8. La Voz de Galicia, 1.03.2009.
  9. Atlas de vertebrados de Galicia, 304.
  10. Noticia en El Progreso sobre o porcoril
  11. Artigo sobre o porcoril no Portal das Palabras da RAG.
  12. Solución: O castiñeiro ou a mesma castaña (pinguín), o xabarín (funguín) e o lobo (rapín).

Véxase tamén

Bibliografía

  • "El imparable abandono del campo apuntala el imperio del jabalí", en La Voz de Galicia, 1.03.2009.
  • DACOSTA ALONSO, Marta et al: "Breves vocabularios da caza e da pesca" en Cadernos da Lingua 7, Real Academia Galega 1993.
  • DIRECCIÓN XERAL DE MONTES: Guía das especies cazables. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, 1992.
  • GÁRFER, José Luis e FERNÁNDEZ, Concha: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones, Madrid, 1984.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid, 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña, 1885-1886 (reed. facs. Akal, Madrid 1979).
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL: Atlas de vertebrados de Galicia, I. Consello da Cultura Galega, Santiago 1995.

Ligazóns externas

Alcubilla de Avellaneda

Alcubilla de Avellaneda é un concello español da provincia de Soria (Castela e León). A súa poboación é de 161 habitantes (INE 2012).

Ten 176 habitantes e a súa economía baséase no cultivo de trigo, cebada, centeo, avea e xirasol; o gando lanar e porcino (once naves) e as colmeas e viñas.

Flora: Enciñeira, xenebreiro, carballo e té.

Fauna: Corzo, xabaril, lobo, charrela.Festas principales: 3 de febreiro "As Candelas" e 22 de xullo Santa María Madalena, patroa da vila.

Outras festas e tradicións: 14 de setembro, Exaltación da Santa Cruz.

O 17 de agosto Festa de Verán. O 11 de xuño, San Bernabé. O 13 de setembro, Festa do Prado. O 10 de xullo, San Cristóbal e o 17 de xaneiro, san Antonio. O 25 de abril, San Marcos.

Arduinna

Arduinna (tamén Arduina, Arduinnae ou Arduinne) é unha deusa celta do bosque e da rexión de Ardennes, representada como unha cazadora montada nun xabaril. O seu culto orixinouse no que hoxe se coñece como Ardennes, unha rexión que abrangue zonas de Bélxica, Luxemburgo e Francia. Foi asimilada na relixión galo-romana como a deusa Diana.

Autol

Autol é un municipio da comunidade autónoma da Rioxa, España. Polo municipio transcorre o río Cidacos.

Cairo (dente)

Un cairo ou cabeiro é un dente excepcionalmente longo de certos mamíferos que sobresae cando a boca está pechada. Usados para defenderse máis que para atacar, os cabeiros, que unha vez foron dentes normais, desenvolvéronse a través de procesos adaptativos-evolutivos, converténdose nun sinal de identidade para os animais que os posúen.

Algúns exemplos de mamíferos viventes con cabeiros son o elefante, o xabaril, o hipopótamo, a morsa e o narval, e entre os mamíferos extintos atópanse o mamut e o tigre dentes de sabre.

Os dentes que co tempo se converteron en cabeiros non son os mesmos en todas as especies de animais: no elefante trátase de dous incisivos superiores, no xabaril son os caninos inferiores, que son máis desenvolvidos nos machos adultos, no hipopótamo, por último, son os caninos superiores.

Os cabeiros empréganse para producir marfil, que se usa en decoración e en xoiaría, e antigamente utilizábanse tamén para elaborar outros artigos, como teclas de piano. Posto que os animais con cabeiros están en perigo de extinción (especialmente o elefante africano), o comercio co marfil está totalmente prohibido pola Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES) das Nacións Unidas.

Caninea

Unha caninea ou canzada é un equipo de cans adicado á caza. Normalmente enténdese co nome de manda un equipo de sabuxos que pode estar adicado á caza menor (coello, lebre e raposo) ou ben á caza maior (xabaril ou ben corzo). Unha caninea de rastro normalmente está especializada na caza dunha soa especie, polo tanto unha manda de cans do xabaril estará especializada só na caza do xabaril sendo un demérito importante que persiga calquera outra especie de animal.

Polo xeral unha manda de sabuxos destinada á caza con armas de fogo está composta por entre 4 e 8 cans.

Carnyx

O carnyx foi un instrumento de vento da Idade de Ferro Celta, entre os anos -300 e o 500. Era unha especie de trompeta de bronce, suspendida verticalmente e coa campá en forma de cabeza de xabaril. Empregouse na guerra, probablemente para incitar as tropas á batalla e intimidar ós inimigos. O porte vertical do instrumento permitía que as súas notas se elevasen por riba das cabezas dos participantes nas batallas e cerimonias.

Castelo de Doiras

O castelo de Doiras, tamén coñecido como Castelo da Ferrería, é unha fortificación medieval. Sitúase no alto dun risco á beira do río Cancelada, no lugar de Doiras, na parroquia de Vilarello, do concello lugués de Cervantes, preto da Ferrería de Fonquente.

El Coll

El Coll é un barrio de Barcelona situado no distrito de Gràcia. Ten 6.850 habitantes e está situado a 300 metros por encima do mar.

Miño

Miño é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE a súa poboación no 2018 era de 6.056 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «miñense».

Miño, Miño

Santa María de Miño é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Miño. Segundo o IGE en 2013 tiña 2.895 habitantes (1.467 mulleres e 1.428 homes) distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 2.071 habitantes.

Montería

A montería ou montaría é unha modalidade de caza maior. Nela teñen un especial protagonismo os cans de caza, xa que sen eles sería imposible levala a cabo. Existiron e existen diferentes tipos de montería segundo o territorio onde se practica, o xeito de entender a caza e a utilización dunhas ou doutras razas de cans.

Montes do Invernadeiro

O Invernadeiro é un espazo natural de carácter montañoso situado nos montes de Vilariño de Conso(Ourense), ó sur do macizo central na provincia de Ourense. O Invernadeiro foi declarado parque natural o 5 de xuño de 1997, cunha superficie de 5.722 ha. Está situado entre os ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, e formado polas serras de San Mamede, Queixa, Manzaneda e o Fial das Corzas, que constitúen o Macizo Central Ourensán, con altitudes contorno ós 1.000-1.600 m.

As altas montañas de cumes cubertos de pastos mostran nas súas abas grandes extensións de queirogais que, en chegando ás ribeiras dos ríos, ceden o protagonismo ás fragas e soutos fluviais nos que a vida bole de forma sorprendente. Aquí e alí, escuras e espalladas manchas de piñeiros recordan a que foi a árbore predominantes no pasado. A fauna que ten aquí o seu fogar asombra pola súa riqueza e adaptación ó medio.

O espazo destaca pola súa riqueza faunística, botánica e enorme interese xeomorfolóxico e paisaxístico.

Conta coa categoría de parque natural desde o 5 de xuño de 1997 , pero foi refuxio de caza como espazo natural en réxime de protección xeral coa Orde do 15 de novembro de 1989 e coa regulación das actividades de uso público segundo a Orde do 8 de xaneiro de 1990, ocupando unha extensión de 5.500 ha.

Reino de Macedonia

Macedonia (en grego: Μακεδονία Makedonía) é unha rexión xeográfica e histórica do sueste de Europa na península Balcánica, cunha área de aproximadamente 67.000 km2 e unha poboación de preto de 4,65 millóns de habitantes.

A historia de Macedonia está moi vinculada á Grecia clásica. Alexandre o Grande naceu e foi rei desta rexión.

Requeixo, Chantada

Santiago de Requeixo é unha parroquia que se localiza no concello de Chantada. No ano 2011 tiña 166 habitantes km², segundo datos do INE e do IGE, dos que 84 eran homes e 82 eran mulleres.

Ría de Ortigueira

A ría de Ortigueira, tamén coñecida como ría de Ortigueira e Ladrido e como ría de Santa Marta de Ortigueira, é unha ría galega situada ao norte da provincia da Coruña, en Galicia, España.

Está formada pola desembocadura do río Mera, as súas augas bañan os concellos de Cariño e Ortigueira. Debe o seu nome á vila de Ortigueira, e conta con dous portos pesqueiros, o de Espasante, actualmente sen apenas actividade pesqueira, e o de Cariño, moito máis importante.

Está catalogada como unha zona especial de conservación (ZEC) e unha zona de especial protección para as aves (ZEPA). Ademais, por ser un importante lugar de paso e invernada de aves acuáticas está dentro do Convenio de Ramsar como zona húmida protexida.

Sabuxo español

O sabuxo español é unha raza de can de rastro orixinaria do extremo norte da Península Ibérica, incluída no Grupo VI da clasificación da Federación Cinolóxica Internacional. Vén sendo utilizada nesas rexións dende hai séculos para a caza de toda clase de animais de pelo: xabaril, lebre, oso, lobo, cervo, raposo, corzo e rebezo. Trátase dunha raza exclusivamente de traballo, dedicada á caza con armas de fogo.

Súidos

A dos súidos (Suidae) é unha familia de mamíferos artiodáctilos da suborde dos suínos na que se inclúen o porco doméstico, o

xabaril e os seus parentes máis próximos.

Comprende 6 xéneros viventes cun total de 19 especies, todas elas distribuídas orixinariamente en Eurasia e África, aínda que Sus scrofa foi introducido en Estados Unidos, Australia e varias illas oceánicas tanto na súa forma doméstica como na salvaxe.

Trátase de ungulados non ruminantes de alimentación omnívora e características primitivas.

Os seus parentes máis achegados son os pecarís americanos (familia dos Tayassuidae) que, canda eles, constitúen a suborde dos suínos.

Terios

Os terios (Theria) constitúen unha subclase de mamíferos que se caracterizan porque o embrión dos mesmos se alimenta a través dunha placenta. Apareceron durante o Cretáceo, hai uns 120 millóns de anos.

Triquinose

A triquinose, triquinelíase ou triquiníase é unha enfermidade parasitaria, de carácter zoonósico, provocada pola invasión no tecido muscular das larvas dun verme denominado triquina (Trichinella spiralis Raillet 1885). O contaxio prodúcese pola inxestión de carne de porco contaminada polos quistes do parasito.

En 2011 diagnosticáronse en España 33 casos, o que representa unha prevalencia de 0,07 casos por 100.000 habitantes, cunha única morte (un varón de 56 anos). Deste 33 casos, 30 corresponden a tres abrochos producidos por consumo de carne de xabaril (2 abrochos) e de porco. Por comunicades, concentráronse en Madrid (16 casos), Castela-A Mancha (8 casos), Aragón (7 casos) e Castela e León (2 casos); non houbo ningún caso en Galicia .

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.