Wikipedia

Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.
Www.wikipedia.org screenshot 2018
Captura de pantalla de wikipedia.org.

A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre[1], multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger[2], e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas[3]. En 2015 recibiu o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional[4] e o Premio Erasmus[5].

Proxecto

A data de abril de 2008, a Wikipedia tiña máis de 10 millóns de artigos en 253 linguas, das que a cuarta parte formaban parte da versión inglesa[6]. Os artigos da Wikipedia foron escritos de xeito colaborativo por persoas voluntarias ao redor do mundo e case que todos os seus artigos poden ser editados por calquera que teña acceso a este sitio web[7]. Desde que comezou, a Wikipedia foi obtendo constantemente máis popularidade[8], e, actualmente, é a maior e máis grande referencia de traballo en Internet[9][10][11].

Os críticos da Wikipedia obxectan o seu sistema de prexuízos, as súas incoherencias[12] e a súa política en favor do consenso por riba das credenciais no seu proceso editorial[13]. A fiabilidade e precisión da Wikipedia tamén son outros asuntos discutidos[14]. Outras críticas están centradas na súa susceptibilidade ao vandalismo e á adición de información falsa ou non verídica[15].

Ademais de ser unha referencia enciclopédica, a Wikipedia recibiu a atención principal nos medios de comunicación como unha fonte en liña de noticias de última hora dado que é constantemente actualizada[16][17].

A versión da Wikipedia en lingua galega, máis coñecida como Wikipedia en galego ou, amigablemente, Galipedia, existe desde o 8 de marzo de 2003 e, actualmente conta coa cifra de 159.122 artigos na súa base de datos[18][19].

Etimoloxía

A palabra Wikipedia foi construída a partir de:

  • Wiki, que provén de wiki wiki, a cal significa rápido en hawaiano,
  • pedia, que provén de paideia (παίδεια), educación en grego clásico.

Isto dá como resultado que Wikipedia significa "educación rápida" ou "enciclopedia rápida".

Historia

Nupedia logo and wordmark
O logotipo de Nupedia.
Jimmy-wales-frankfurt2005-alih01
Jimbo Wales, fundador da Wikipedia.

En marzo do ano 2000, Jimbo Wales creou Nupedia, un proxecto de enciclopedia libre baseado nun ambicioso proceso de revisión por pares, deseñado para facer os seus artigos dunha calidade comparable á das enciclopedias profesionais grazas á participación de eruditos (principalmente doutorandos e académicos), aos que se propuña colaborar de modo non remunerado.

Debido ao lento avance do proxecto, en 2001 creouse un wiki (UseModWiki) vinculado a Nupedia cuxa finalidade inicial era axilizar a creación de artigos de forma paralela, antes de que estes pasasen ao sistema de revisión por expertos. Existe certa polémica entre os fundadores de Nupedia sobre quen lle propuxo orixinalmente a Jimbo Wales a idea de usar un wiki, se Larry Sanger ou ben unha terceira persoa[20], pero o caso é que o éxito daquel "pequeno proxecto paralelo" (Wikipedia) acabou eclipsando a Nupedia, que deixou de funcionar en 2003.

Larry Sanger, editor responsable da Nupedia, pasou a colaborar coa Wikipedia e traballou activamente na organización e directrices do proxecto, marchando en 2002. Nese ano, Wikipedia abarcaba 26 linguas que se converteron en 46 en 2003, e, a finais de 2004, xa eran 161. Ambas as dúas enciclopedias, Wikipedia e Nupedia, coexistiron ata a extinción da segunda, no ano 2003[21]. En 2007, a Wikipedia en inglés superou os 2 millóns de artigos, converténdose na maior enciclopedia da historia, superando á Yongle Dadian do ano 1407, que sostivo a marca durante varios séculos[22].

Características esenciais

Existen tres características esenciais que representan o proxecto que é a Wikipedia. Estas son as que definen, conxuntamente, a función que ten a Wikipedia na web:

  1. A Wikipedia é, ou, polo menos, intenta converterse nunha enciclopedia.
  2. Trátase dun wiki, polo que, con pequenas excepcións, pode ser editado por calquera persoa que a visite.
  3. Ademais, é de contido aberto e utiliza a licenza GFDL.

Políticas

Wikipedia scale of justice
Un dos principios da Wikipedia é a imparcialidade.
Artigos principais: Wikipedia:Cinco piares e Wikipedia:Política e normas.

Os participantes da Wikipedia habitualmente acordan e manteñen un número reducido de políticas básicas para o correcto funcionamento e mantemento do wiki. Para redactar as devanditas políticas, estas deben basearse nas normas básicas dos cinco piares. Entre as políticas máis destacadas atópanse as seguintes:

  1. A causa da diversidade de participantes e ideoloxías, que proveñen de todas partes do mundo, a Wikipedia intenta construír os seus artigos da forma máis englobadora posible. O obxectivo non é escribir artigos dende un suposto único punto de vista obxectivo, senón presentar abertamente cada postura sobre un determinado tema.
  2. Séguense un número de convencións con respecto ao nomeamento de artigos, optando preferentemente pola versión máis comunmente utilizada na súa respectiva lingua.
  3. As conversas acerca do contido e edición dun artigo ocorren nas páxinas de conversa e non na mesma páxina do propio artigo.
  4. Existe un número de temas que resultan excluídos de Wikipedia por non constituír artigos enciclopédicos estritamente falando. Por exemplo, Wikipedia non contén definicións de dicionario (como verbos, adxectivos etc.); para iso xa está o Wiktionary (ou Galizionario na correspondente versión en galego).

Vandalismo

Artigo principal: Wikipedia:Vandalismo.

Un dos problemas grandes e constantes da Wikipedia é o vandalismo. Dado que o lema de todas as wikipedias é «a enciclopedia libre que calquera pode editar» («the free encyclopedia that anyone can edit») os vándalos aos que lles gusta estragar o traballo dos demais poden facelo libremente. Estes vandalismos son modificacións parvas ou ofensivas que se fan de artigos da enciclopedia.

Malia os graves problemas que isto semella presentar a simple vista, o vandalismo en xeral non prospera na Wikipedia. Dado que a maior parte do público da Wikipedia ten boas intencións e, daquela, os vandalismos son minoritarios nas edicións diarias, as desfeitas rara vez conseguen permanecer por moito tempo sen seren borradas ou revertidas.

A maioría dos vándalos son anónimos, pois Wikipedia permite a edición dos seus artigos sen rexistrarse previamente. Algúns casos extremadamente raros teñen pasado nos que un usuario rexistrado comete actos de vandalismo reiteradas veces. Estes últimos casos adoitan corresponder coa expresión de motivacións ideolóxicas, culturais ou relixiosas que empurran o vándalo a continuar editando e tentar impoñer as súas crenzas.

Persoal

Artigo principal: Wikipedia:Wikipedistas.

Na edición da Wikipedia participan miles de persoas en todo o mundo que son coñecidas como wikipedistas. No ano 2007, segundo un estudo realizado por investigadores da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid chamado Wikipedia: A quantitative analysis[23], constatouse que o número de editores nas 10 maiores wikipedias en número de artigos[24] fora decrecendo ao superar o número de wikipedistas que abandonaban o proxecto o número dos que se incorporaban. Ademais, a tese predi que isto irá a peor xa que, en palabras de Felipe Ortega, "o número de abandonos tende a medrar cada vez máis rapidamente"[25].

Notas

  1. Algunhas versións, tales como a inglesa, conteñen imaxes que non son libres.
  2. Miliard, Mike (01-03-2008). "Wikipediots: Who are these devoted, even obsessive contributors to Wikipedia?". Salt Lake City Weekly. Arquivado dende o orixinal o 16-04-2008. Consultado o 21-02-2008.
  3. Slashdot | Wikipedia Founder Jimmy Wales Responds
  4. "Wikipedia, todo el conocimiento abierto a todo el mundo" La Opinión. A Coruña, 28/6/2015 (en castelán).
  5. Fundación Wikimedia (ed.). "Wikipedia turns 14, receives prestigious Erasmus Prize 2015". Consultado o 9 de novembro de 2015.
  6. Wikipedia en inglés (ed.). "Estatísticas". Consultado o 21-06-2008.
  7. Nalgunhas partes do mundo, o acceso á Wikipedia está (ou estaba) bloqueado.
  8. Alexa Internet (ed.). "Five-year traffic statistics for wikipedia.org". Consultado o 15-07-2008.
  9. Tancer, Bill (2007-05-01). "Look Who's Using Wikipedia". Time. Consultado o 01-12-2007. (the author's blog post on the article Arquivado 25 de marzo de 2012 en Wayback Machine.)
  10. Woodson, Alex (08-07-2007). "Wikipedia remains go-to site for online news". Reuters. Consultado o 16-12-2007.
  11. Alexa (ed.). "Top 500". Consultado o 04-12-2007.
  12. Larry Sanger, Why Wikipedia Must Jettison Its Anti-Elitism, Kuro5hin, 31 de decembro de 2004.
  13. Danah Boyd (04-01-2005). Many-to-Many, ed. "Academia and Wikipedia". Arquivado dende o orixinal o 21-08-2011. Consultado o 11-02-2007. [fonte non fiable?]
  14. Simon Waldman (26-10-2004). The Guardian, ed. "Who knows?". Consultado o 11-02-2007.
  15. Frank Ahrens (09-07-2006). The Washington Post, ed. "Death by Wikipedia: The Kenneth Lay Chronicles". Consultado o 01-11-2006.
  16. Jonathan Dee (01-07-2007). "All the News That's Fit to Print Out". The New York Times Magazine. Arquivado dende o orixinal o 21-08-2018. Consultado o 01-12-2007.
  17. Andrew Lih (16-04-2004). "Wikipedia as Participatory Journalism: Reliable Sources? Metrics for evaluating collaborative media as a news resource" (PDF). 5th International Symposium on Online Journalism. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29-10-2007. Consultado o 13-10-2007.
  18. Wikimedia Foundation. "Estatísticas".
  19. Historial da primeira portada da Galipedia.
  20. Slashdot (2005). "The Early History of Nupedia and Wikipedia: A Memoir". Consultado o 10-01-2008.
  21. Wikipedia Foundation (2008). "Wikipedia:Multilingual statistics". Consultado o 08-01-2008.
  22. Juliana Boersner (2008). "Reeditada la Enciclopedia más antigua del mundo". Arquivado dende o orixinal o 16-01-2008. Consultado o 08-01-2008.
  23. "Documento PDF coa tese doutoral.". Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2009. Consultado o 27 de abril de 2010.
  24. A saber: inglesa, alemá, francesa, polaca, xaponesa, neerlandesa, italiana, portuguesa, castelá e sueca.
  25. J. M. (09-07-2009). "La Wikipedia pierde editores". elpais.com (en castelán). Consultado o 09-07-2009.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Alfabeto cirílico

O alfabeto cirílico ou азбука (azbuka) é o alfabeto utilizado para escribir seis linguas eslavas: bielorruso, búlgaro, macedonio, ruso, serbio e ucraíno, ademais de moitas outras linguas da antiga Unión Soviética, Europa Oriental e Asia como: abkhazo, azarí, casaco, komi, mongol, taxico e iakut, noutras aínda que non é oficial o seu uso segue a ter arraigo como no caso do uzbeko e o turcomán. O moldavo, a variedade do romanés oficial na República Socialista Soviética de Moldavia utilizou o alfabeto cirílico de forma oficial ata 1989. Na República de Transnistria, non recoñecida internacionalmente, o moldavo segue a utilizarse oficialmente co alfabeto cirílico. En Rusia unha lei aprobada no ano 2002 prescribe que todas as linguas do país teñen que ser escritas no alfabeto cirílico, o que atopou unha forte oposición por parte do goberno e dos medios culturais tártaros, que avogan polo alfabeto latino.

Calendario gregoriano

O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea utilizado en Europa, as súas antigas colonias e en boa parte do resto do mundo. Recibe este nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, e substituíu en 1582 ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a. C.

Clasificación científica

Clasificación científica ou clasificación biolóxica é a maneira en que os biólogos agrupan e categorizan especies extinguidas ou actuais de organismos. A clasificación moderna ten as súas raíces no sistema de Carl von Linné, que agrupou as especies de acordo con características físicas compartidas. Estas agrupacións foron revisadas dende a época de Linneo para mellorar a consistencia co principio de descendencia común de Charles Darwin. A sistemática molecular, que utiliza a análise do ADN xenómico, levou a moitas revisións recentes e é probable que o continúe facendo. A clasificación científica pertence á ciencia da taxonomía ou bioloxía sistemática.

Especie

En bioloxía denomínase especie (do latín Species) a cada un dos grupos en que se dividen os xéneros.

Europa

Europa ( pronunciación ) é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. Europa esténdese pola metade oriental do Hemisferio Norte, dende o océano Glacial Ártico polo norte ata o mar Mediterráneo polo sur. Polo leste, chega ata o océano Atlántico, admitíndose que polo leste limita con Asia nos Montes Urais e o Cáucaso, compartindo entre ámbolos continentes o mar Caspio.

En Europa naceu a cultura occidental, os países europeos xogaron un papel predominante desde o século XVI, especialmente despois do comezo da colonización doutros continentes polos europeos. Entre os séculos XVII e XIX os europeos controlaban a maior parte de África, América, Oceanía e unha parte substancial de Asia. A Primeira Guerra Mundial e a Segunda Guerra Mundial levaron a un devalo do dominio europeo nos asuntos mundiais e os Estados Unidos e a Unión Soviética ocuparon esa preminencia. A Guerra Fría entre esas dúas superpotencias dividiu Europa ata o colapso da URSS.

Fútbol

O fútbol é un deporte por equipos, o máis popular do mundo, tanto respecto ó número de espectadores como ó número de participantes activos. O organismo reitor do fútbol é a Fédération Internationale de Football Association (FIFA). Millóns de persoas xogan en clubs de afeccionados ou van a acotío ó estadio para apoiaren o seu equipo favorito. Os países de Europa e Sudamérica son os que dominan o xogo a nivel internacional.

A FIFA é o organismo encargado de organiza-lo fútbol a nivel mundial, e para facilitar ese traballo, creou diversas organizacións continentais. Así, temos en Europa á UEFA; en África á CAF; en América do Norte, Central e Caribe, á CONCACAF; en Sudamérica á CONMEBOL; en Asia á AFC; e en Oceanía á OFC.

Dentro das competicións a nivel mundial, o torneo máis relevante é o Copa do Mundo, polo que a seleccións nacionais se refire, que se disputa cada catro anos. En canto a clubs, o torneo máis importante é a Copa Mundial de Clubs da FIFA, que disputan os campións de tódalas confederacións. Este torneo substitúe á antiga Copa Intercontinental.

Galipedia

A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 158.828 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade. Existen tamén diversas páxinas de estatística, entre as que figuran Especial:Estatísticas e Wikipedia:Estatísticas.

Home

O home ( pronunciación ), ou varón, é un ser humano macho, de sexo oposto á muller. Este tipo de oposición non é antinómica: existen casos intermedios tanto bioloxica (hermafroditismo) coma psicoloxicamente (transexualidade). O termo home pódese utilizar tamén para se referir ao ser humano de maneira xeral, sexa el home ou muller e mais tamén se pode restrinxir para referirse ao ser humano masculino que chegou á idade viril.

Industria

A industria é un proceso de transformación de materias primas en produtos elaborados. Por extensión, conxunto de instalacións nas que se realizan ditas transformacións.

Se ben a actividade industrial así definida pode facerse extensiva ó que comunmente se denomina artesanía, a diferenza fundamental entre ambas estriba principalmente en que mentres o artesán realiza por si mesmo todas as operacións necesarias para obter o produto final, a industria caracterízase pola súa especialización, de modo que as diferentes etapas do proceso son realizadas por diferentes traballadores, ou incluso empresas.

Para que o sistema así concibido funcione correctamente é necesaria a intercambiabilidade, é dicir, os produtos obtidos en cada etapa deben cumprir unha serie de requisitos que permitan o seu uso como materia prima na etapa seguinte.

En efecto, mentres o artesán realiza creacións únicas na súa especie, a industria dedícase a clonar indefinidamente un determinado produto. A recente introdución da robótica e a fabricación flexible na industria, pretende rematar con esta disxuntiva, tendéndose actualmente cara á fabricación de produtos á carta, de modo que o consumidor se figure que adquiriu un produto exclusivo.

Tamén se coñece como industria ó conxunto de actividades económicas clasificadas no sector secundario.

Lingua francesa

O francés (français) é a terceira das linguas románicas en número de falantes, despois do castelán e do portugués. En 1999, o francés era a 11a lingua máis falada no mundo, con uns 77 millóns de falantes como lingua materna (chamados francófonos) e uns 128 millóns no total, incluíndo os que a usan como segunda lingua.É unha lingua administrativa ou oficial en moitas comunidades e organizacións (como a Unión Europea, ONU, Unión Postal Universal, Unión Africana etc). Antes da Segunda Guerra Mundial o francés era considerado a lingua internacional por excelencia, particularmente na diplomacia, e unha lingua franca no comercio, navegación e transporte.

Lingua grega

A lingua grega (en grego moderno: ελληνικά, elliniká, ou ελληνική γλώσσα, ellinikí glóssa, "lingua grega") é a lingua materna de 12 millóns de falantes, dos cales 11 millóns viven en Grecia onde é lingua oficial, como en Chipre. Tamén se fala en comunidades illadas de Albania, Turquía e Italia. É lingua oficial na Unión Europea. É a lingua viva con historia documentada máis longa, con 34 séculos de fontes escritas. O seu sistema de escrita foi o alfabeto grego durante a meirande parte da súa historia; outros sistemas como o Lineal B e o silabario chipriota, foron usados anteriormente. O alfabeto xurdiu a partir do alfabeto fenicio e foi a base do latino, do cirílico, do armenio, do copto, do gótico e moitos outros sistemas de escrita.

Lingua latina

O latín é unha lingua indoeuropea morta que foi utilizada polos antigos romanos. Mantívose como lingua litúrxica da relixión católica, e aínda é oficial no Vaticano, factores polos que era aprendida polos cregos e falada nos seminarios. Por extensión, o adxectivo latino, latina emprégase para designar ás persoas que proceden de países con linguas neolatinas (que proceden do latín) ou que falan estas linguas. En termos xerais, úsase en Europa para designar ós habitantes meridionais e nos EUA e España para designar ós habitantes de procedencia iberoamericana.

Metro

O metro é a unidade fundamental de lonxitude, pertencente ó Sistema Internacional de Unidades. Definiuse inicialmente como a 10 000 000 parte do cuadrante do meridiano terrestre, mais actualmente, o metro defínese como a lonxitude do traxecto percorrido pola luz no baleiro durante un intervalo de tempo de 1/299 792 458 de segundo (Unidade de Base ratificada pola 17ª CGPM - 1983.)

A palabra metro provén do grego metron (μέτρον), e posteriormente foi convertida nunha medida en Francia coa palabra mètre.

Moeda

Unha moeda é un ben económico que ten tres funcións: é un instrumento de unidade de conta, é un instrumento de troco e é un instrumento de reserva de valor. A moeda particular dun país denomínase divisa.

Océano Atlántico

O océano Atlántico é o océano que separa Europa e África, ao leste, de América, ao oeste. Ten unha área de 82.400.000 km² (106.200.000 km², incluíndo os mares locais como o mar Mediterráneo, o que corresponde a aproximadamente un terzo das augas oceánicas mundiais).

Peixes

Os peixes (Pisces) son animais vertebrados, ovíparos, acuáticos e con respiración branquial. A especialidade da zooloxía que se ocupa especificamente dos peixes chámase ictioloxía. O grupo dos peixes é un taxon parafilético, é dicir, un caixón de xastre definido pola exclusión dun taxon (os tetrápodos) doutro maior (os vertebrados), e non pola posesión de características derivadas comúns. Inclúense nesta definición os mixíns, a lamprea, os condrictios (ou peixes cartilaxinosos) e os osteíctios (ou peixes óseos), así coma diversos grupos relacionados extintos. A maioría dos peixes son ectotérmicos, é dicir, dependen de fontes externas para obter calor, o que provoca que a temperatura do seu corpo varíe segundo a temperatura do ambiente. Algúns dos grandes peixes coma o tiburón branco e o atún teñen unha temperatura máis alta de seu. Como é propio dos primeiros vertebrados, son acuáticos e, a diferenza do que observamos nos tetrápodos, a respiración prodúcese por branquias situadas nas fendeduras da farinxe. A locomoción baséase nunha forma hidrodinámica, con movementos laterais do corpo auxiliados por extremidades que son aletas.

Os peixes son abundantes en tódalas masas de auga da Terra e poden ser atopados en case tódolos ambientes acuáticos, dende as correntes de alta montaña ata as zonas máis profundidades dos océanos. É un grupo moi heteroxéneo con preto de 32.000 especies, máis ca ningún outro grupo de vertebrados.

Quilogramo

O quilogramo (comunmente quilo cando se usa para quilogramo-forza) é a unidade básica de masa do SI e o seu padrón, que se conserva na Oficina Internacional de Pesos e Medidas. O seu símbolo é kg.

Un quilogramo equivale a 1000 gramos pero, dado que no SI é a unidade fundamental de masa, non debe ser considerado como derivado do gramo.

Tamén é común que se utilice á vez como unidade de peso, aínda que se debería facer baixo o nome de quilogramo forza. O quilogramo-forza correspóndese, aproximadamente, co peso dunha masa de 1 quilogramo situada na superficie terrestre, a nivel do mar. A definición só é correcta na Terra, por canto intervén o valor da gravidade.

Roma

Roma é unha cidade, capital da Italia e da rexión do Lazio, provincia de Roma, con 2.754.440 habitantes (2010). Esténdese por unha área de 1.285 km², tendo unha densidade de poboación de 2.136,13 hab/km². Ten máis de 3,33 millóns de habitantes na súa zona metropolitana.

A cidade, que xurdiu no século VIII a.C., foi capital do Imperio Romano, e antes dun reino e unha república (ver Roma Antiga).

Roma é unha das cidades con maior importancia na historia mundial, sendo un dos símbolos da civilización europea e centro espiritual do catolicismo. Conserva numerosas ruínas e monumentos de tres milenios na parte da cidade antiga, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e que congrega cada ano a millóns de visitantes.

No interior da cidade encóntrase tamén o estado do Vaticano, residencia do Papa desde o século I. Tras o repregamento do dominio de Bizancio no século VII, foi centro dos Estados Pontificios ata a súa anexión en 1870 por parte do Reino de Italia.

Wiki

Un wiki é unha aplicación web que permite aos internautas engadir, modificar ou borrar contido mediante software colaborativo que permite a edición colectiva dos documentos usando un sistema sinxelo sen que teña que ser revisado antes da súa publicación, toma o seu nome dunha palabra hawaiana que significa rápido. O meirande wiki do mundo é a Wikipedia, que ten o obxectivo de elaborar unha enciclopedia libre.[Cómpre referencia]O obxectivo dunha wiki é democratizar un pouco a creación e mantemento das páxinas; ou eliminar a "síndrome dun só webmaster".[Cómpre referencia]O potencial do wiki radica na non necesidade de aprender a usar complicadas etiquetas en HTML para escribir de xeito sinxelo documentos e establecer enlaces no sitio web.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.