WikiLeaks

WikiLeaks (WikiFiltracións ou WikiFugas en inglés) é unha organización mediática internacional sen ánimo de lucro que publica a través do seu sitio web informes anónimos e documentos filtrados con contido sensíbel en materia de interese público, preservando o anonimato das súas fontes.[1] O lanzamento da páxina web realizouse en decembro de 2006, e a súa actividade comezou en xullo de 2007 e desde esta data a súa base de datos creceu constantemente até acumular 1,2 millóns de documentos.[2] Está xestionado por The Sunshine Press.[3]

Wikileaks logo

Historia e características

A organización ofrécese a recibir filtracións que desvelen comportamentos non éticos por parte de gobernos, relixións e empresas de todo o mundo, e concretamente dos países que consideran que teñen réximes totalitarios. Polo de agora as actividades máis destacadas de WikiLeaks centráronse na actividade exterior dos Estados Unidos,[4] especialmente en relación coas guerras de Iraq e de Afganistán.[5]

WikiLeaks descríbese a si mesma como unha organización fundada por disidentes chineses, así como por periodistas, matemáticos e tecnólogos de empresas start-up dos Estados Unidos, Taiwán, Europa, Australia e Suráfrica.[6] Os creadores de WikiLeaks non foron formalmente identificados.[7] Un dos seus asesores, editor xefe e actual director é o australiano Julian Assange. O voceiro, desde setembro de 2010, é Kristinn Hrafnsson, despois da renuncia de Daniel Domscheit-Berg, o cal planea fundar o seu propio portal de filtracións.[8][9]

A pesar do seu nome, Wikileaks non é un sitio wiki habitual, xa que actualmente os lectores que non teñen os permisos adecuados non poden cambiar o seu contido. WikiLeaks usa unha versión modificada do software de MediaWiki[3] e o seu servidor principal está aloxado no ISP sueco PRQ.[10] Para protexer o anonimato dos seus informantes, WikiLeaks utiliza OpenSSL, Freenet, Tor e PGP.[3] En agosto de 2010 o Partido Pirata sueco firmou con Wikileaks un acordo para aloxar a súa páxina web e poder conseguir a inmunidade da súa páxina.[11] Non obstante, debido á derrota electoral deste partido, non prosperou a iniciativa de ofrecer inmunidade a Wikileaks.[12]

Ante os ataques de denegación de servizo (DDoS), pola filtración Cable Gate o 30 de novembro de 2010 WikiLeaks traslada a súa información aos servidores Amazon EC2 de computación en nube de Amazon.[13] O día 1 de decembro Amazon, ante as presións do senador Joe Liebermann, deixa de albergar a WikiLeaks. WikiLeaks, a través de Twitter, sinala que se Amazon está en contra da Primeira Emenda debería deixar de vender libros[14].

Filtracións máis relevantes

Julian Assange 20091117 Copenhagen 1 cropped to shoulders
Julian Assange, fundador da WikiLeaks.

Informe da intelixencia estadounidense acerca de Wikileaks

O 15 de marzo de 2010 Wikileaks publicou un informe do Departamento de Defensa dos Estados Unidos no cal trataba varias filtracións protagonizadas por esta web relacionadas con intereses estadounidenses e propoñía diversas vías para marxinala.

Video de asasinato de xornalistas

O día 5 de abril de 2010 WikiLeaks publicou un vídeo[15] onde se ven soldados estadounidenses asasinando o reporteiro de Reuters Namir Noor-Eldeen, o seu axudante e nove persoas máis, algunhas delas cando ían recoller os mortos e feridos. Vese claramente que ningún deles fixo o amago de atacar o helicóptero Apache desde o cal lles dispararon: nin tan sequera o miraron. Aínda que a axencia Reuters solicitou en numerosas ocasións o material, negóuselles até que WikiLeaks o conseguiu inédito e puxo en xaque o aparato militar dos EUA, manchando a imaxe deste exército no mundo[16]. O material foi subministrado por Chelsea Manning.[17]

O exército dos EUA negou que incumprise as súas normas de enfrontamento.

Diarios da Guerra de Afganistán: 31 de xullo de 2010 (Afghan War Diary)

En relación coa Guerra de Afganistán iniciada en 2001, o 25 de xullo de 2010 os periódicos The Guardian,[18][19] The New York Times[20][21] e Der Spiegel[22] fixeron públicos un conxunto duns 92.000 documentos sobre a guerra de Afganistán entre os anos 2004 e 2009. Estes chegaron a través de Wikileaks sen compensación económica á páxina.[23]

Entre os documentos inclúense sucesos non revelados até aquela altura: vítimas civís provocadas por soldados dos Estados Unidos e por soldados dos países aliados, fogo amigo, conexións entre a intelixencia pakistaní e os talibáns insurxentes.[24][25][26][27] Outros documentos, ao redor de 15.000, non foron liberados por falta de comprobar que non supoñan un perigo para xente inocente, namentres que outros non serán filtrados polo mesmo motivo.[28][29]

O goberno dos Estados Unidos acusou a WikiLeaks de pór en perigo a vida de civís aos que se tomou declaración para elaborar os informes militares. O fundador de WikiLeaks, Julian Assange, manifestou que a Casa Branca estaba informada unha semana antes da publicación co obxecto de "minimizar a aparición dos nomes dalgúns informantes". Segundo Assange, o Goberno dos EEUU negouse a colaborar e non deu resposta ningunha.[30][31] Estes contactos previos á publicación foron negados polo El Pentágono.[32]

O 29 de xullo colgouse na páxina un arquivo denominado Insurance file ("Arquivo seguro" en inglés). O arquivo, de 1,4 GB, está cifrado con AES polo que se precisa dunha clave, de 256 bits, para o descifrar. Especúlase con que se trataría dunha filtración cuxo contrasinal se faría pública en caso de que Wikileaks sufrira algún ataque grave, como a detención de Julian Assange.

Rexistros da Guerra de Iraq: 22 de outubro de 2010 (Irak War Logs)

Artigo principal: Rexistros da Guerra de Iraq.

O 22 de outubro de 2010 Wikileaks publícase Irak War Logs (Documentos da guerra de Iraq), 391.831 documentos filtrados desde O Pentágono (sede do Departamento de Defensa dos Estados Unidos) sobre a guerra de Iraq e a súa ocupación entre o 1 de xaneiro de 2004 e o 31 de decembro de 2009 nos que se revelan, entre outros asuntos, o uso sistemático de torturas, a cifra de 109.032 mortos en Iraq -dos que 66.081 foron civís, o 63%; 23984 'inimigos etiquetados como insurxentes'; 15.196 do "país anfitrión" (as forzas do goberno iraquí) e 3.771 foron mortos "amigos" (forzas da coalición)-. Cada día, de media, morreron 31 civís, durante un período de seis anos. Nos 'Diarios da Guerra Afgá', publicado anteriormente por Wikileaks, que abrangue o mesmo período, morreron unhas 20.000 persoas. Ademais do número de mortos e outros crimes,[33] a filtración confirma a axuda de Irán ás milicias iraquís. Como na filtración dos Diarios da Guerra de Afganistán o seguimento da filtración fíxose a través da páxina de wikileaks e das edicións dixitais de The Guardian[34] e The New York Times,[35] Le Monde,[36] Der Spiegel,[37] Al Jazeera[38] e o Bureau of Investigative Journalism.[39][40][41][42]

The Guardian informou que o 21 de outubro recibira todos os documentos.[43] O 22 de outubro de 2010 Al Jazeera, adiantándose media hora ao horario establecido, lanzou a filtración denominada Rexistros da Guerra de Irak. Pouco despois de que o material de orixe estivese dispoñíbel nos medios indicados colgouse na páxina WikiLeaks con funcións de buscas, debido á cantidade de material filtrado. A BBC, citando o Pentágono, considera os Rexistros da Guerra de Irak "a maior filtración de documentos clasificados da súa historia."[44]

Segundo Julian Assange, os documentos da guerra de Iraq publicados reflicten a verdade da guerra de Iraq:[45] as autoridades estadounidenses deixaron sen investigar centos de informes que denunciaban abusos, torturas, violacións e incluso asasinatos cometidos sistematicamente pola Policía e o Exército iraquí, aliados das forzas internacionais que invadiron o país. Oficiais británicos e estadounidenses insistían até agora en que non había rexistro oficial das vítimas. Os informes, apoiados por evidencias médicas, describen a situación de prisioneiros cos ollos vendados, coas mans atadas, recibindo golpes, lategazos e soportando descargas eléctricas. Todas estas torturas foron realizadas co coñecemento do Pentágono, das autoridades militares e políticas dos Estados Unidos e tamén doutras forzas internacionais que participaron na guerra de Irak (basicamente Gran Bretaña xunto cos EUA). A pesar de que non consta que os soldados estadounidenses realizasen abusos, si que utilizaron a ameaza de abusos por parte das forzas iraquís para obter información dos detenidos.[41][46]

Os papeis do Departamento de Estado (Cable Gate)

O 28 de novembro de 2010, Wikileaks filtroulle á prensa internacional unha colección de 251.187[47] cables ou comunicacións entre o Departamento de Estado estadounidense coas súas embaixadas por todo o mundo (denominados en inglés United States diplomatic cables leak, Cable Gate ou Secret US Embassy Cables).[48][49] Trátase da maior filtración de documentos secretos da historia. WikiLeaks proporcionoulles esa información aos xornais The Guardian,[50] The New York Times,[51] Le Monde,[52] El País[53][54][55] e ao semanario Der Spiegel[56].

Outros portais especializados en filtracións

Ademais da intención de Daniel Domscheit-Berg (antigo portavoz de Wikileaks) de fundar o seu propio portal de filtracións, existen outras páxinas que, en defensa da liberdade de prensa e a transparencia exixíbel aos gobernos, institucions e empresas, publican documentos prohibidos ou sensíbeis:

  • Cryptome, creada en 1996, contén 54.000 documentos. Acepta documentos para a súa publicación que estean prohibidos por gobernos en todo o mundo, en especial material sobre a liberdade de expresión, privacidade, criptoloxía, seguridade nacional, intelixencia...”. Os documentos non desvelan asuntos clasificados.[8]
  • Secrecy News, Blog fundado en 2006. Publica segredos de seguridade nacional. Steven Aftergood, o seu autor, publica posts sobre o armamento do Exército dos EEUU, os planos orzamentarios da Casa Branca ou as relacións da primeira potencia mundial coa India.

Proxecto alleo á Wikipedia

O Wikileaks non está afiliado á Wikipedia ou a calquera proxectos da Fundación Wikimedia. O termo wiki é xenérico e pode ser usado por calquera persoa, xurídica ou física, para calquera razón. O sitio Wikileaks só coincidentemente utiliza o software libre MediaWiki, que é o mesmo utilizado pola Fundación Wikimedia, e que calquera pode operar.

O xornal The Daily Telegraph, do Reino Unido, publicou unha reportaxe na que Jimmy Wales, o fundador da Wikipedia, afirma que non está relacionado ao Wikileaks.org e que moitas persoas están confundido.[57]

Notas

  1. Wikileaks: de como destapar escándalos en Internet, El País, 26/7/2010
  2. WikiLeaks. "WikiLeaks has 1.2 million documents?" (en inglés). Consultado o 03/08/2009.
  3. 3,0 3,1 3,2 WikiLeaks. "About" (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2009.
  4. Wikileaks acorrala a Diplomacia de Estados Unidos
  5. Iraq and Afghan War Diaries na páxina principal de Wikileaks
  6. "Wikileaks:About". WikiLeaks. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2008. Consultado o 3 June 2009.
  7. Paul Marks (13 January 2007). "How to leak a secret and not get caught". New Scientist. Consultado o 28 February 2008.
  8. 8,0 8,1 A WikiLeaks le crecen los enanos, 10/11/2010, lainformacion.com
  9. Revelacións en WikiLeaks documentan crimes tolerados polos EEUU en Iraq, 22/10/2010, CNN, México
  10. Así figuraba na base de datos de RIPE o 4 de outubro de 2009.
  11. {{Cita web |url=http://www.nacionred.com/acceso-a-informacion/el-acuerdo-por-la-inmunidad-entre-el-partido-pirata-sueco-y-wikileaks-en-manos-de-los-votantes |título=O acordo pola inmunidade entre o [[Partido Pirata |3=Partido Pirata sueco |data-acceso=02 de decembro de 2010 |urlarquivo=https://web.archive.org/web/20101222031043/http://www.nacionred.com/acceso-a-informacion/el-acuerdo-por-la-inmunidad-entre-el-partido-pirata-sueco-y-wikileaks-en-manos-de-los-votantes |dataarquivo=22 de decembro de 2010 |urlmorta=si }}
  12. Wikileaks e Pirate Bay non terán inmunidade parlamentaria
  13. A web de Wikileaks trasládase aos servidores de Amazon, Público, 1/12/2010
  14. "Estados Unidos estrecha el cerco sobre Wikileaks", artigo en El País, 1 de decembro de 2010 (en castelán).
  15. Un video muestra cómo el Ejército de EEUU mata a un fotógrafo de Reuters. Público. 5 de abril de 2010
  16. "El vídeo de la matanza de EEUU triunfa en YouTube", artigo de Europa Pressen Público, 7 de abril de 2010 (en castelán).
  17. Ugarte, Iñigo Sáenz de. "Por qué EEUU persigue a Julian Assange (y no tiene que ver con la clave secreta de un ordenador)". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-04-16.
  18. Afghanistan war logs: Massive leak of secret files exposes truth of occupation, The Guardian, Nick Davies and David Leigh, 25/7/2010
  19. Wikileaks' Afghanistan war logs: how our datajournalism operation worked, The guardian, guardian.co.uk, Simon Rogers, 27/7/2010
  20. In Disclosing Secret Documents, WikiLeaks Seeks ‘Transparency’, The New York Times, Eric Schmitt, July 25, 2010
  21. Editorial: Pakistan’s Double Game, The New York Times, July 26, 2010
  22. Thema Wikileaks, Spiegel Online, 26/7/2010
  23. Davies, Nick; Leigh, David. "Afghanistan war logs: Massive leak of secret files exposes truth of occupation" (en inglés). The Guardian. Consultado o 26 de xullo de 2010. No fee was involved and Wikileaks was not involved in the preparation of the Guardian's articles.
  24. "Afghanistan war logs: the unvarnished picture" (en inglés). Consultado o 26 de julio de 2010 editorial= The Guardian.
  25. "WikiLeaks-Afganistán. La guerra al descubierto, en nacionred.com, David Ballota, 26/7/2010". Arquivado dende o orixinal o 22/12/2010. Consultado o 02/12/2010.
  26. Amy Goodman. WikiLeaks lo hizo de nuevo, en Sin Permiso, tradución do orixinal en democracy now, 1/8/2010
  27. Wikileaks afghan war diary, en democracy now
  28. [1]
  29. [2]
  30. WikiLeaks may already have blood on its hands over Afghan revelations, US says, 30 de julio de 2010, The Times
  31. WikiLeaks se defiende de las acusaciones de EEUU, Público, 29/7/2010
  32. [3]
  33. Los crímenes de Irak se revelan al mundo, El País, 24/10/2010
  34. Iraq war logs: secret files show how US ignored torture, The Guardian, 22/10/2010
  35. The War Logs, The New York Times
  36. Irak : l'horreur ordinaire révélée par Wikileaks, Le Monde, 23/10/2010
  37. Iraq War Logs. Der Spiegel
  38. Secret Iraq Files Arquivado 23 de outubro de 2010 en Wayback Machine.. Al Jazeera English.
  39. iraqwarlogs.com Arquivado 24 de outubro de 2010 en Wayback Machine. Bureau of Investigative Journalism thebureauunviestigates.com
  40. Wikileaks revela que EE UU permitió torturas sistemáticas en Iraq, El País, 22/10/2010
  41. 41,0 41,1 páxina de wikileaks, consultada o 23 de outubro de 2010
  42. Estados Unidos permitiu torturas sistemáticas en Irak, Público, 23/10/2010
  43. "Iraq war logs: secret files show how US ignored torture". The Guardian. 22 October 2010. Consultado o 22 October 2010.
  44. editorial=BBC (23 October 2010). "Huge Wikileaks release shows US 'ignored Iraq torture'". Consultado o 23 October 2010.
  45. O fundador de Wikileaks: "Os documentos revelan a verdade da guerra de Irak", A ONU pide aos Estados Unidos que investigue as torturas que revelan os novos documentos publicados por wikileaks, El País, 23/10/2010
  46. Wikileaks revela que EE UU permitiu torturas sistemáticas en Irak, El País, 22/10/2010
  47. Preguntas y respuestas sobre los papeles del Departamento de Estado, diario El País, 28 de noviembre de 2010.
  48. Cable Gate - Secret US Embassy Cables, Wikileaks
  49. A maior filtración da historia deixa ao descuberto os segredos da política exterior dos EE UU, diario El País, 28 de novembro de 2010
  50. US embassy cables: browse the database, The guardian, 28/11/2010
  51. State's Secret, Cables Depict U.S. Haggling to Find Takers for Detainees, The New York Times, 29/10/2010
  52. Documents Wikileaks, en Le Monde, 30/11/2010
  53. Os papeis do Departamento de Estado, El País, 29/11/2010
  54. http://www.elpais.com/articulo/internacional/mayor/filtracion/historia/deja/descubierto/secretos/politica/exterior/EE/UU/elpepuint/20101128elpepuint_25/Tes
  55. "China apuesta por dominar una Corea unificada" artigo en El País, 30 de noviembre de 2010 (en castelán)
  56. Der Spiegel, Portada e páxinas do especial sobre as filtracións dos papeis do Departamento de Estado dos EUA -WikiLeaks-.
  57. The Daily Telegraph:Jimmy Wales:people think I'm responsible for Wikileaks (en inglés)

Véxase tamén

Ligazóns externas

2010

2010 (MMX) comezou un venres no calendario gregoriano, non sendo un ano bisesto. Foi ano santo xacobeo.

2019

2019 (MMXIX) é un ano común do calendario gregoriano dentro do século XXI.

Arquipélago Chagos

O arquipélago de Chagos (antigamente, illas aceite, e en inglés, Chagos Archipelago) é un grupo de sete atois que comprenden máis de 55 illas tropicais individuais, que se atopan no centro do océano Índico.

Chagos atópase a uns 500 km ao sur das Maldivas, o seu veciño máis próximo, e a 1600 km ao suroeste da India, a metade de camiño entre Tanzania e Xava. Os habitantes das Maldivas chámano Folhavahi e tamén se coñece como Phehandweep (Hindi: फेहंद्वीप) nas linguas do norte da India e Paeikaana Theevukal (támil: பேகான தீவுகள்).

O grupo das Chagos é unha combinación de diferentes estruturas coralinas que coroan unha cadea submarina que corre en dirección sur atravesando o centro do océano Índico, a cal está formada por volcáns sobre o punto quente de Réunion. A diferenza das Maldivas non existe nas Chagos un patrón evidente de formación dos atois, o que fai que o arquipélago ofreza un esquema un tanto caótico. A maioría das estruturas coralinas das Chagos son atois submarinos.

Oficialmente forma parte do Territorio Británico do Océano Índico (British Indian Ocean Territory, coñecido polas súas siglas BIOT), inicialmente as Chagos aloxaron unha poboación nativa durante máis de 150 anos ata que o Reino Unido e os Estados Unidos expulsáronos na década de 1960 no desenvolvemento dos plans militares británicos e de EE.UU. para que os norteamericanos construísen unha base na illa de Diego García, a maior das illas Chagos. As illas estaban habitadas por uns 1.100 chagosianos que foron trasladados a Mauricio e as Seychelles entre 1967 e 1973. As instalacións militares de Diego García foron arrendadas ao Exército dos EE.UU. ata 2016. O acordo contou coa aprobación de Denis Healey, Secretario Británico de Estado para a Defensa.

Este territorio é reinvindicado por Mauricio.

Baltasar Garzón

Baltasar Garzón Real, nado en Torres (Xaén) o 26 de outubro de 1955, é un xuíz español. Foi xuíz dende 1981 e maxistrado do Xulgado Central de Instrución n.º 5 da Audiencia Nacional dende 1988 até 2012 (agás dende maio de 1993 até maio de 1994), tivo ó seu cargo a investigación dalgúns dos delitos de maior relevancia que se produciron en España durante aquela época: crimes contra a humanidade, terrorismo, terrorismo de Estado, narcotráfico, corrupción política e delincuencia económica.

Presentouse como candidato independente a deputado nas listas do PSOE en 1993 e, ó constituírse o executivo, foi nomeado delegado do Goberno no Plan Nacional sobre Drogas, con rango de secretario de Estado. En maio de 1994 abandonou ámbolos dous cargos.O 22 de febreiro de 2012 foi expulsado da carreira xudicial logo de ser condenado polo Tribunal Supremo a once anos de inhabilitación por un delito de prevaricación cometido durante a instrución do caso Gürtel. Dende entón, exerceu, entre outros cargos, o de asesor do Tribunal Penal Internacional da Haia ou o de director da defensa xurídica do fundador de Wikileaks, Julian Assange. O 29 de novembro de 2012 recibiu de mans da presidenta da Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, o seu documento de identidade de residente estranxeiro na Arxentina. Alí foi coordinador de asesoramento internacional na secretaría de Dereitos Humanos do Ministerio de Xustiza, até que renunciou ó posto en xaneiro de 2016, logo do fin do mandato de Kirchner. En Colombia, asesorou á Fiscalía Xeral. En Ecuador foi designado coordinador da Veeduría Internacional á Reforma da Xustiza, cuxo informe final foi presentado o 13 de decembro de 2012.

Caza de baleas

A caza de baleas (tamén chamada ás veces pesca de baleas) consiste na obtención de recursos a partir de cetáceos, principalmente misticetos. O termo "balea" en sentido amplo e popularmente emprégase para referirse a calquera cetáceo de gran tamaño, incluso a odontocetos como o cachalote e mesmo ás veces a candorca, pero cómpre recordar que, en sentido estrito, resérvase aos misticetos non pertencentes ao xénero Balaenoptera (os rorcuais) e, moi especialmente, aos integrantes da familia dos balénidos.

Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao 3000 a.C. Varias comunidades costeiras desde hai moito tempo cazaron e recolleron baleas varadas para a súa subsistencia. A caza industrial das baleas comezou no século XVII. A principios do século XX o uso da tecnoloxía e o aumento da demanda de recursos superaron o límite de sustentabilidade das poboacións de baleas, causando un drástico descenso destas. Na década de 1930 matábanse máis de 50.000 baleas ao ano.En 1986 a Comisión Baleeira Internacional (CBI) prohibiu a caza comercial de baleas co fin de permitir que as poboacións de cetáceos puideran recuperarse. Porén, permíteselle a certas comunidades continuar coa cacería de subsistencia, como parte da súa cultura. Por outra parte, o artigo VIII da Convención que regulamenta a caza de baleas permite a cacería con fins científicos.

Década de 2010

A década de 2010 é a década actual, que abrangue o período entre o 1 de xaneiro de 2010 até o 31 de decembro de 2019.

É unha década que na súa primeira metade segue fortemente marcada pola crise económica mundial que comezou en 2008. A día de hoxe, fálase dela como a «Segunda Gran Recesión». A crise de débeda soberana puxo en xaque á Unión Europea, xa que catro estados membros da Zona Euro (Grecia, Irlanda, Portugal e Chipre) tiveron que ser rescatados. O Reino Unido no 2016 tras un referendo converteuse no primeiro estado membro da UE que decidiu abandonaa a Unión.

A Primavera árabe marcou os primeiros meses do ano 2011. Unhas revolucións sen precedentes en varios países árabes serviron para acabar con réximes ditatoriais que os gobernaron por varias décadas en países como Túnez, Exipto ou Libia. Porén, a gran inestabilidade dos países árabes provocou que grupos fundamentalistas islámicos como o Estado Islámico apareceran e tomaran extensas zonas en Siria, Iraq, Exipto e Libia. Aínda que se formou unha coalición contra o EI non se evitou que este cometera numerosos atentados en Europa, en lugares como Francia (Atentado na sede de Charlie Hebdo e Atentados de París de novembro de 2015, ambos no 2015 e o Atentado de Niza de 2016 no 2016), ou Bélxica (Atentados de Bruxelas de 2016). Ademais, os terroristas islámicos cometeron numerosos atentados en países musulmáns como Turquía, Túnez, Exipto ou Iraq.

Forzas Armadas de Rusia

As Forzas Armadas da Federación Rusa (en ruso: Вооружённые силы Российской Федерации, , tr.: Vooruzhénniye síly Rossíyskoy Federátsii) é o poder militar de Rusia, estabelecido en 1992 tras a caída da Unión Soviética e o máis poderoso do mundo xunto co estadounidense, sendo o exército máis potente de Europa.

O Comandante en Xefe das Forzas Armadas é o Presidente de Rusia (actualmente Vladímir Putin), funcionando o Ministerio de Defensa como corpo administrativo das mesmas. Hoxe en día as tropas activas son aproximadamente 1 070 000 e a reserva 2 000 000, todos os homes dispoñibles en total suman 3 070 000.

Historia do mundo actual

Para outras páxinas con nomes similares, véxase Actual.Historia do mundo actual, historia inmediata, historia do presente ou historia do tempo presente son distintos nomes para unha disciplina historiográfica de recente creación e de utilización non xeneralizada no ámbito académico. Xorde por unha escisión da historia contemporánea, inevitabelmente dilatada polo paso do tempo.

Como nova área de coñecemento historiográfico nace pola necesidade de recuperar o sentido do termo contemporáneo como tempo coetáneo ao da experiencia vivida. A delimitación da historia do presente ou do mundo actual depende non só das vivencias das diversas xeracións que coexisten nun momento dado, senón da conciencia histórica e do uso público do pasado pola política, os grupos sociais e os medios de comunicación. Os estudos sobre a memoria histórica, de gran difusión na actualidade, están estreitamente vinculados.

Co uso de termos explicitamente ligados ao presente e ao inmediato insístese na súa aplicación preferentemente para referirse á máis recente actualidade, co que o seu obxecto está en permanente construción. A diferenza co periodismo, que se ocupa tamén da narración da actualidade consiste na aplicación da metodoloxía propia da ciencia histórica. O problema da obxectividade é o que máis facilmente pode afectar ao historiador da historia inmediata ou do tempo presente; aínda que tampouco ocorre que para épocas máis pretéritas se consiga totalmente, a pesar de que para elas debese operar a perspectiva e os intereses lonxincuos que dá o paso do tempo. Eric Hobsbawm argumenta que o historiador mantén unha relación moi persoal incluso co período non vivido directamente por el, pero que viviu de forma intermediada, influído pola súa familia ou outros testemuños (o que denomina zona de sombra). Para períodos máis afastados no tempo, a identificación cunha relixión, unha nación, unha civilización ou calquera outro trazo (que, aínda que careza de validez para o presente, pode ser incluso adoptado polo historiador) operaría no mesmo sentido.

Tales etiquetas historiográficas son tamén utilizadas para periodizar o segmento máis actual da Idade Contemporánea, cuxa determinación non suscitou un acordo xeralizado entre os historiadores do período: poden referirse ao mundo posterior á caída do muro de Berlín (1989) e á desaparición do bloque comunista ligado á Unión Soviética, ou ao posterior aos atentados do 11-S, aínda que na súa orixe se acuñou (por historiadores franceses como Pierre Chaunu ou Jean-Pierre Azéma,) para designar o mundo posterior á Segunda Guerra Mundial (1945). Para as historias nacionais, como por exemplo a de España, tamén se utilizan distintas datas: 1939 (final da Guerra Civil Española) ou 1975 (morte de Francisco Franco).

Julian Assange

Julian Paul Assange, nado en Townsville (Queensland) o 3 de xullo de 1971, é un xornalista, programador e activista de internet australiano, coñecido por ser o portavoz e editor do sitio web WikiLeaks.

Khalifa bin Zayed Al Nahyan

Khalifa bin Zayed bin Sultan Al Nahyan (en árabe: خليفة بن زايد بن سلطان آل نهيان), nado o 7 de setembro de 1948, é o actual presidente dos Emiratos Árabes Unidos, emir de Abu Zabi, comandante supremo das Forzas de Defensa da Unión e presidente do Consello Supremo do Petróleo.

O xeque Khalifa tamén é presidente do fondo soberano de inversión Abu Dhabi Investment Authority, que xestiona 875 millóns de dólares en activos, a maior cantidade xestionada por un xefe de estado no mundo. Crese que a familia Al Nahyan posúe unha fortuna de 150.000 millóns de dólares.O xeque Khalifa sucedeu ao seu pai, Zayed bin Sultan Al Nahyan, como emir de Abu Zabi o 2 de novembro de 2004 e converteuse no presidente dos Emiratos Árabes Unidos ao día seguinte. Como príncipe herdeiro, xa manexaba de facto algúns aspectos da presidencia dende finais dos noventa, mentres seu pai se enfrontaba a problemas de saúde.

En xaneiro de 2014, Khalifa sufriu un ictus pero recuperouse. Con todo, dende entón non participa tanto nos asuntos do Estado, aínda que conserva os poderes presidenciais. O seu medio irmán o xeque Mohammed bin Zayed Al Nahyan agora leva algúns asuntos públicos de Estado e toma de decisións cotiás do emirato de Abu Zabi.

Lannion

Lannion (en bretón Lannuon) é unha cidade de Bretaña, situada no departamento de Côtes-d'Armor.

Mohamed Ghannouchi

Mohamed Ghannouchi, grafado en árabe محمد الغنوشي, nado o 18 de agosto de 1941 en Sousse (daquela Tunisia Francesa), é un político tunisiano que foi primeiro ministro do seu país do 17 de novembro de 1999 ao 27 de febreiro de 2011 e presidente durante unhas horas o 14 de xaneiro de 2011, como consecuencia da revolta que depuxo o seu predecesor Zine El Abidine Ben Ali.

Mohamed VI de Marrocos

Mohamed VI (Mohamed Ben Al-Hassan) (الملك محمد السادس للمغرب), nado o 21 de agosto de 1963, é Rei de Marrocos dende o 23 de xullo de 1999 trala morte de seu pai, Hasan II. É o 18º rei da dinastía alauí, que reina en Marrocos desde 1666, e de acordo coa a Constitución de Marrocos ostenta ademais o cargo de Amir al-Mu'minin (protector ou guía relixioso dos fieis).

Nova Zelandia

Nova Zelandia ou Nova Celandia (en inglés: New Zealand /njuːˈziːlənd/, e en maorí: Aotearoa) é un país insular de Oceanía que se localiza no suroeste do océano Pacífico, formado por dúas grandes illas, a Illa Norte e a Illa Sur, xunto a outras moitas illas menores, destacando entre elas a Illa Stewart e as Illas Chatham. O Reino de Nova Zelandia tamén inclúe as Illas Cook e Niue (estados autónomos en libre asociación), e Tokelau.

Nova Zelandia, notable polo seu illamento xeográfico, está situada preto de 2000 quilómetros ao sueste de Australia no mar de Tasmania, e os seus veciños máis próximos ao norte son Nova Caledonia, Fixi e Tonga. Debido a este longo illamento, no país desenvolveuse unha fauna endémica dominada polas aves, moitas das cales se extinguiron logo da chegada dos humanos e os mamíferos que introduciron sen ningún control. A maior parte da poboación neozelandesa é de ascendencia europea; os indíxenas maorís son a minoría máis numerosa. Os asiáticos e os polinesios tamén son minorías significativas, especialmente nas zonas urbanas. Aínda que ten tres idiomas oficiais, o máis falado con diferenza é o inglés.

A xefa de Estado de Nova Zelandia é Isabel II do Reino Unido, como raíña de Nova Zelandia, e está representada por un gobernador xeral, mentres que o poder executivo é exercido polo gabinete e o Primeiro Ministro. As súas cidades sitúanse entre as de mellor calidade de vida no mundo. Nova Zelandia é un país desenvolvido que se sitúa en lugares altos dentro de escalas internacionais sobre moitos temas, incluíndo a ausencia de corrupción, o nivel de educación e a liberdade económica, pero sen dúbida entre o que máis resalta, é no seu índice de desenvolvemento humano, que o sitúa sexto no mundo en 2012, e os seus índices de democracia, os cales sitúano na gran maioría das publicacións e estudos importantes como o país máis libre e co maior respecto aos dereitos civís no mundo.

Operación Payback

Denomínase Operación Payback o conxunto de ataques coordinados aos opoñentes da pirataría informática en internet polos activistas ou hackers da mesma. Cando os opoñentes da pirataría lanzaron un ataque de denegación de servizo en sitios web de torrents, os defensores da pirataría decidiron devolverlles ataques de denegación de servizo aos opoñentes da pirataría. Operation Payback esta asociada con Anonymous en colaboración con 4chan. En decembro de 2010 os organizadores da Operación Payback decidiron centrar todos os seus esforzos en atacar as compañías que boicotearon a normalidade de WikiLeaks na rede.

Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O Premio José Couso de Liberdade de Prensa é un galardón concedido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol en recoñecemento ao traballo de individuos e organizacións comprometidos co dereito á liberdade de información. Creouse en homenaxe ao reporteiro gráfico José Couso, que morreu durante a invasión de Iraq de 2003 polos disparos dun carro de combate estadounidense contra o Hotel Palestine da capital iraquí no que se atopaba.

O galardón é unha estatuíña do escultor Manuel Patinha chamado Ás Ceibes.

Primavera árabe

As revolucións e protestas no mundo árabe de 2010 a 2012, denominadas por distintos medios como a Revolución democrática árabe ou a Primavera árabe, (en árabe: الربيع العربي‎, ar-rabīˁ al-ˁarabī) consisten nunha serie de alzamentos populares nos países árabes, principalmente do norte de África, cualificados como revolución pola prensa internacional, que comezou coa revolución tunisiana.

Robert Woonton

Robert Woonton, nado en 1949 en Manihiki, é un político das Illas Cook que foi o seu primeiro ministro do 11 de febreiro de 2002 ata o 11 de decembro de 2004.

Tawakkul Karman

Tawakkul Abdel-Salam Karman (en árabe: توكل عبد السلام خالد كرمان Tawakkul 'Abd us-Salām Khalid Karmān; tamén transliterado como Tawakul, Tawakel), nada en Shara'b As Salam (Iemen) o 7 de febreiro de 1979,) é unha xornalista, política e activita polos dereitos humanos iemení. Lidera o grupo "Mulleres xornalistas sen cadeas", que cofundou en 2005. Converteuse na face pública internacional do levantamento do Iemen de 2011, que foi parte da primavera árabe. En 2011, foi chamada "muller de ferro" e "nai da revolución" por algúsn iemenís. En 2011 recibiu o Premio Nobel da Paz, sendo a primeira iemení, a primeira muller árabe, e a segunda muller musulmá que o gañou, ademais da segunda Nobel da Paz máis nova ata o momento.Karman gañou protagonismo no seu país despois de 2005 pola súa participación como xornalista e defensora dun novo servizo telefónico de noticias ao que se lle denegou a licenza en 2007, tralo que liderou protestas pola liberdade de prensa. Organizou protestas semanais a partir de maio de 2007 aumentando os asuntos para reformar. Redirixiu as protestas iemenís para apoiar a "revolución de xasmín", como chamaba a primavera árabe, logo de que o pobo tunisiano derrocase o goberno de Zine El Abidine Ben Ali en xaneiro de 2011. Foi unha das voceiras da oposición que reclamou o fin do réxime do presidente Ali Abdullah Saleh.Un cable saudí de WikiLeaks revelou que mentres denunciaba publicamente a Arabia Saudí, estaba organizando reunións secretas cos saudís para requirir o seu apoio. Karman prodigou eloxios aos saudís por forzar un acordo de transición que moitos reformistas viron como unha profunda traizón á revolución. Ela acusou a Abd Rabbuh Mansur Hadi de apoiar os houthis e a Al Qaida.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.