Vitamina C

A vitamina C ou ácido ascórbico é unha molécula usada na hidroxilación de varias reaccións bioquímicas nas células. A súa principal función é a hidroxilación do coláxeno, a proteína fibrilar que dá resistencia aos ósos, dentes, tendóns e paredes dos vasos sanguíneos. Alén diso é un poderoso antioxidante, usándose para transformar os radicais libres de osíxeno en formas inertes. Úsase tamén na síntese dalgunhas moléculas que serven como hormonas ou neurotransmisores.

Todos os efectos da vitamina C son importantes para doentes con deficiencias. Non existe hipervitaminose de vitamina C a través dos alimentos, pero se se toma sinteticamente e en exceso pode ser daniño. Ten os seguintes efectos no organismo en doses moderadas:

  • Favorece a formación dos dentes e ósos;
  • Axuda a resistir ás doenzas.
  • Prevén gripes, fraqueza muscular e infeccións. Axuda sen dúbida en doentes xa con escorbuto.
  • Axuda o sistema inmunolóxico e a respiración celular, estimula as glándulas suprarrenais e protexe os vasos sanguíneos.

A carencia desta vitamina provoca a avitaminose designada escorbuto.

Ambersweet oranges
Aínda que existen outros alimentos máis ricos en ácido ascórbico (véxase a tabela anexa), popularmente considérase que os cítricos son unha fonte natural de vitamina C.

Fontes de vitamina C

A vitamina C non é producida polas células humanas e ten de ser inxerida na alimentación. Algúns alimentos ricos en vitamina C son o Amorodo, melón, laranxa, limón, acerola, verza, ananás, papaia, manga, caxú e pementón.

A acerola é trinta veces máis rica en vitamina C que a laranxa.

Produto
Vit. C (mg/100 g de

produto fresco)

goiaba
273
pemento
131
brócoli
110
kiwi
90
amorodos
60
limón e laranxa
50

Sinais de falta

A deficiencia patolóxica denomínase escorbuto: feridas que demoran en cicatrizar, hemorraxias, dentes moles, perda de peso, dores nas articulacións e xenxivas inflamadas.

Albert Szent-Györgyi

Albert Szent-Györgyi de Nagyrápolt, nado en Budapest o 16 de setembro de 1893 e finado en Woods Hole, Massachusetts, o 22 de outubro de 1986, foi un fisiólogo húngaro, galardoado co Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1937.

O seu pai, Miklós Szent-Györgyi era terratenente. A súa nai, Jozefin, era filla de József Lenhossék e irmá de Mihály Lenhossék, ambos profesores de anatomía na Universidade de Budapest.

Os traballos de Szent-Györgyi estiveron relacionados coa química da respiración. Na Universidade de Szeged, empregou o pemento como fonte de vitamina C (o L-enantiómero do ácido ascórbico) e deuse conta da súa actividade contra o escorbuto. Estudou a oxidación celular e descubriu a vitamina C en 1927.

En 1937 recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina polos seus descubrimentos en relación cos procesos de combustión biolóxica, en especial os referidos á vitamina C e a catalese do ácido fumárico.

Amorodo

Este artigo trata sobre o froito, para o artigo sobre a planta que dá amorodos véxase Amorodeira.

Este artigo trata sobre o froito, para o artigo sobre o rapeiro véxase Rubén David Morodo Ruíz.

O amorodo, morodo, morogo, morango ou morote é o receptáculo da flor da amorodeira, considerada popularmente o seu froito. O amorodo é unha fonte de Vitamina C, Vitamina A e Vitamina B9.

A Fragaria vesca, a amorodeira brava, dá o amorodo ventureiro ou careixón, mentres a Fragaria virginiana e a Fragaria chiloensis producen a maioría dos amorodos cultivados.

Antioxidante

Un antioxidante é calquera molécula capaz de retardar ou evita-la oxidación doutras moléculas. Nos organismos vivos, as reaccións de oxidación e redución son cruciais para a vida e forman parte do metabolismo normal pero o certo é que dan lugar a radicais libres que comezan reaccións en cadea que poden dana-las células, polo que o propio organismo produce (en forma de enzimas) ou inxire cos alimentos (en forma de vitaminas e outros elementos) substancias antioxidantes que controlan estas reaccións e evitan eses efectos prexudiciais.

As substancias con efecto antioxidante son moi diversas: vitaminas, minerais, pigmentos naturais e outros compostos vexetais, así como certas enzimas. Como dixemos, poden proceder dos alimentos que inxerimos ou ser segregados polo organismo. Ademais, cumpren unha función protectora semellante nos propios alimentos, evitando a súa alteración por enranciamento, o que xustifica o seu emprego como aditivos alimentarios, ou noutros compostos (como cosméticos, caucho ou gasolina).

C

O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u.

O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos. O galego reintegracionista, porén, si o usa.

Capudre

O capudre ou cancereixo (Sorbus aucuparia) é unha árbore de tamaño mediano da familia das Rosáceas que raramente pasa dos 15 metros, a súa distribución cobre toda Europa, de Islandia a Rusia e a Península Ibérica, tolerante ao frío pódese atopar en altitudes altas. Os seus froitos, semellantes a cereixas, son doces e acedos a un tempo, cun alto contido en vitamina C.

Castaña

Este artigo trata sobre a castaña europea (xénero "Castanea"), para a castaña brasileira véxase o artigo castiñeiro de Pará.

A castaña é o froito do castiñeiro, árbore da familia das fagaceae, nativa de climas cálidos do hemisferio norte. Preséntase nunha cápsula espiñenta que ten entre 5 e 11 centímetros de diámetro que contén de 2 a 7 castañas.

As castañas son unha importante fonte de alimentación no sur de Europa, no suroeste e no leste de Asia e tamén no leste de Norteamérica, antes da praga da castaña. Durante a Idade Media, no sur de Europa as comunidades que habitaban cerca de soutos e que tiñan escaseza de acceso á fariña cereal, utilizaban as castañas como a súa principal fonte de carbohidratos.

As castañas pódense comer crúas, fervidas, asadas ou doces. En Galicia ademais de asadas (ver magosto), adoitan comerse cocidas con sal e herbas, coma fiúncho e nébeda, para seren máis dixeríbeis. En Francia a miúdo véndese o doce de castaña coñecido como marron glacé, así como a crema de castañas. Un xeito sinxelo de asalas é cortar unha pequena fenda en cada castaña e quentalas nun contedor metálico a 400ª durante 10 ou 15 minutos. O obxecto da fenda é evitar que estouren mentres se asan.

Outro importante uso das castañas é a fariña, coa que se pode preparar pan, pasteis e pasta.

As receitas gastronómicas de castañas están xurdindo ultimamente coa recuperación de receitas tradicionais, especialmente en Italia.

As castañas para se conservaren teñen que estar completamente secas antes de retirar a cápsula espiñenta que as contén e deixalas nunha caixa ou barril cobertas de area fina. Pódese consumir fresca, seca, cocida e asada, a castaña constituíu unha importante contribución calórica para o home e tamén se utilizou na alimentación dos animais domésticos, xa que son ricos en graxas, proteínas, minerais e en vitamina C.

Cereixa

A cereixa é o froito da cerdeira.

Cofactor

Un cofactor é xeralmente definido como un composto non proteico de baixo peso molecular que se une a unha proteína (xeralmente encimática) e requírese para a actividade biolóxica da proteína. Os cofactores considéranse moléculas distintas do substrato, que "axudan" na catálise encimática. Para unha discusión sobre a definición do termo véxase o segundo capítulo.

Os cofactores poden clasificarse segundo a súa natureza química en orgánicos e inorgánicos.

Os inorgánicos son:ións metálicos , como os ións ferro, cobre, magnesio, manganeso, cinc, cobalto, molibdeno, selenio, etc.

grupos ferrosulfurados .Os orgánicos son os coencimas, que poden ser:vitamínicos (vitaminas ou que conteñen na súa estrutura vitaminas), como: vitamina C , biotina , coencima A , NAD+ e NADP+ , FAD, FMN , pirofosfato de tiamina etc.

non vitamínicos, como: ATP , S-adenosilmetionina , coencima B , coencima Q , glutatión , hemo etc.Tamén se poden clasificar segundo a forza con que se unan á proteína en: grupos prostéticos, unidos de forma forte e permanente, e coencimas, unidos máis feblemente. Pero é importante salientar que non hai unha clara división entre unión "feble" e "forte" do cofactor co encima. De feito, moitos, como o NAD+ poden estar fortemente unidos nuns encimas e feblemente noutros.. Os cofactores fortemente unidos rexenéranse, en xeral, durante o mesmo ciclo de reacción, mentres que os que están feblemente unidos rexenéranse nunha reacción posterior catalizada por un encima diferente. Neste último caso, o cofactor podería tamén ser considerado un substrato ou cosubstrato.

Cando un encima require un cofactor, a parte proteica do encima (inactiva) chámase apoencima. O apoencima xunto co cofactor forma o holoencima, que é o encima completo activo.

Holoencima = Apoencima (proteína) + Cofactor (non proteico)Algúns encimas ou complexos encimáticos requiren máis dun cofactor. Por exemplo, o complexo multiencimático piruvato deshidroxenase require cinco cofactores inorgánicos e un ión metálico, que son: o pirofosfato de tiamina (TPP) unido feblemente, a lipoamida unida covalentemente, e o flavín adenín dinucleótido (FAD) unido covalentemente, e os cosubstratos nicotín adenín dinucleótido (NAD+) e coencima A (CoA), e un ión metálico (Mg2+).

Moitos cofactores orgánicos son vitaminas ou derivados delas. Moitos conteñen o nucleótido AMP como parte da súa estrutura, o que pode indicar unha orixe evolutiva común como parte de ribozimas nun primitivo "mundo de ARN", tal como propoñen algunhas teorías sobre a orixe da vida. Suxeriuse que a parte formada polo AMP funcionaría como unha especie de "asa" coa que o encima "agarraría" ao coencima para movelo entre diferentes centros catalíticos.

Cítrico

Cítrico é o nome común do xénero Citrus, que designa as especies de grandes arbustos ou pequenas árbores perennes (entre 5 e 15 m) da familia das Ruteáceas, que teñen froitos ou froitas que posúen un alto contido en vitamina C e ácido cítrico, o que lles fornece ese típico sabor acedo tan característico. Oriúndo da Asia tropical e subtropical, este xénero contén tres especies e numerosos híbridos cultivados, incluíndo as froitas máis amplamente comercializadas, como o limón, a laranxa, a lima, o pomelo e mais a mandarina, con diversas variedades que dependen da rexión na que se cultive cada unha delas.

O froito é un hesperidio, característico do xénero.

Por mor á facilidade de hibridación dos cítricos, todos os cultivos para uso comercial obtéñense enxertando as especies cultivares desexadas en plantóns seleccionados pola súa resistencia ás doenzas.

Escorbuto

O escorbuto (do latín scorbutus) é unha doenza que ten como primeiros síntomas hemorraxias nas enxivas, tumefacción purulenta das enxivas (inchazón con pus), dores nas articulacións, feridas que non cicatrizan, alén de desestabilización dos dentes. É provocada pola carencia grave de vitamina C na dieta.

Hai máis de douscentos anos, xa se sabía que algúns alimentos eran necesarios para manternos saudábeis. Entendeuse, por exemplo, que os mariñeiros que ficaban moito tempo no mar acababan doentes. Eses homes, que consumían principalmente bolachas e carne de porco salgada, pasaban longos períodos sen inxerir follas ou froitas frescas. Por ese motivo eran atacados polo escorbuto.

Por volta de 1800, descubriuse que ese mal podería ser evitado se se engadían á súa dieta zumes de limón e repolo acedo. Moito máis tarde, verificouse que eses alimentos conteñen gran cantidade de vitamina C e que a inxestión diaria de pequenas doses desa vitamina evita o escorbuto.

A vitamina C é importante para o corpo porque ela é un cofactor da encima prolil-hidrolixase, que fai a hidroxilación do aminoácido prolina nas cadeas alfa de coláxeno. Esa hidroxilación é tan importante porque aumenta o número de conexións de hidróxeno na molécula e dá maior rixidez ó coláxeno, que é a principal proteína estrutural do corpo.

Froita

As froitas son os froitos comestíbeis das árbores froiteiras e outras plantas. Na lingua coloquial e en cociña, cando se fala da froita en termos xenéricos, a palabra refírese normalmente a aqueles vexetais cuxos froitos son carnosos e doces, ricos en azucres e vitaminas e frecuentemente consumidos crus como sobremesa, como por exemplo, as ameixas, mazás, laranxas e un longo etcétera.

Porén, en canto ao nome concreto de cada tipo de froita, moitos vexetais moi comúns, así como varios tipos de noces e grans, reciben o seu nome das especies das que proceden.

Habitualmente estes froitos son moi saborosos e relativamente doces, tendo polo normal cores vivas e aromas agradábeis. Case todas posúen pel, polpa (a carne da froita) e sementes ou carabuñas ben diferenciadas.

As froitas diferénciase dos froitos secos en que as primeiras conteñen unha gran cantidade de auga, contrariamente a estes últimos, que a reduciron tras un proceso de secado, natural ou artificial.

Limón

O limón é o froito do limoeiro (Citrus limon), arbusto de 5 a 10 metros de altura, da familia das Rutáceas.

Os limóns existentes son de dous tipos: o limón doce, froito decorativo cuxo zume é pouco ou nada acedo, con todo clasificado Citrus limon (L.) Burm. f. (clasificación de Tanaka); e o máis común limón acedo, cuxo zume ten un pH de aproximadamente 2,5.

Esta froita madura ten unha casca que varía de verde suave a amarelo brillante baixo a acción do frío. No hemisferio norte madura a finais do outono e principios do inverno. A súa carne é suculenta e o seu zume rico en vitamina C (un litro de zume contén aproximadamente 500 miligramos de vitamina C e 50 gramos de ácido cítrico). Ao ser de fácil conservación e dada a súa riqueza en vitamina C, os navíos comezaron a transportalo a bordo e usalo como dieta para combater o escorbuto, ao tempo que o espallaban por todo o planeta. As súas aplicacións na vida doméstica son innúmeras. Co zume da froita, prepáranse refrixerantes, sorbetes, mollos e aperitivos, así como remedios, xaropes e produtos de limpeza. Da casca extráese un aceite esencial, usado en perfumaría e na preparación de licores e xabóns, que contén entre outras substancias o limoneno e o citral.

Mel

O mel é un líquido viscoso e azucrado producido polas abellas a partir do néctar recollido de flores e procesado polos enzimas dixestivos deses insectos, sendo almacenado en favos (ou panais) nas súas colmeas para servirlles de alimento durante o inverno.

É importante salientar que, a pesar de que o mel utilizado actualmente en maior escala na alimentación humana provén da produción das abellas melíferas, existen outros insectos que tamén o producen en menor cantidade e non son explotados economicamente.

Xuntamente co mel, as abellas producen outros importantes produtos: a cera, a xelea real, o própole e o pole.

Números E

Esta lista contén todos os aditivos para os alimentos permitidos pola UE. Dentro da lista menciónase o número E que os identifica.

Sorbosa

A sorbosa é un monosacárido de seis carbonos (hexosa) cun grupo cetona no carbono 2 (cetosa), polo que pertence ao grupo das cetohexosas. O enantiómero L-sorbosa é o que aparece na natureza, o que é pouco frecuente entre os monosacáridos. É isómero da frutosa.

Cristalizado ten o aspecto dun azucre branco. soluble en auga. O seu poder edulcorante é similar ao da sacarosa. É un produto da fermentación bacteriana do sorbitol.

Utilízase na produción comercial de vitamina C (ácido ascórbico) por medio do microorganismo Ketogulonicigenium vulgare.

Unidade internacional

En farmacoloxía, a Unidade Internacional (UI, abreviada alternativamente IU -do inglés International Unit-) é unha unidade de medida da cantidade dunha substancia, baseada na súa actividade biolóxica mediada (ou os seus efectos). É empregada para vitaminas, hormonas, algunhas drogas, vacinas, produtos sanguíneos e substancias bioloxicamente activas semellantes.

A definición precisa de 1 UI difire dunha substancia a outra e é estabelecida por acordo internacional. O Comité de Estandarización Biolóxica da Organización Mundial da Saúde achega unha preparación de referencia dunha substancia determinada, (arbitrariamente) fixa o número de UI contidas nesa preparación e especifica un procedemento biolóxico para comparar outras preparacións coa preparación de referencia. Unha vantaxe deste procedemento é que diferentes preparacións que teñan o mesmo efecto biolóxico conterán o mesmo número de UI.

Para algunhas substancias, a masa equivalente de 1 UI é establecida máis tarde, e a UI é entón oficialmente abandonada para esa substancia. Porén, a unidade normalmente permanece en uso porque é conveniente. Por exemplo, a vitamina E existe en diferentes formas, tendo todas diferentes actividades biolóxicas. Máis que especificar o tipo e a masa precisos de vitamina E nunha preparación, para os propósitos de farmacoloxía é abondo con especificar o número de UI de vitamina E.

As masas equivalentes de 1 UI das substancias seleccionadas:

1 UI de insulina: o equivalente biolóxico de arredor de 45,5 μg de insulina cristalina pura (1/22 mg exactamente).

1 UI de vitamina A: o equivalente biolóxico de 0,3 μg de retinol, ou de 1,8 μg de beta-caroteno.

1 UI de vitamina C: 50 μg de vitamina C.

1 UI de vitamina D: o equivalente biolóxico de 0,025 μg de colecalciferol/ergocalciferol (1/40 μg exactamente).

1 UI de vitamina E: o equivalente biolóxico de 0,666 mg de d-alfa-tocoferol (2/3 mg exactamente), ou de 1 mg de acetato de d-alfa-tocoferol.A UI non debe confundirse coa unidade de encima, que é tamén coñecida como a «Unidade internacional de actividade das encimas» e é abreviada como U.

Uva

A uva ou bago, é o froito da vide. Ten forma esférica, pero pode variar tanto en tamaño (de ½ a 3 centímetros de diámetro) e cor (verde, vermella, negra,...). Ten unha pel que a cobre e pequenas pebidas no interior. É moi apreciada polo seu sabor doce. Dela obtense o mosto (zume de uva) e o viño. Na vide preséntase en forma de acios, nos que o normal é atopar de 15 a 25 uvas.

O nome bago adoita referirse ao elemento individual do acio.

Vitamina

As vitaminas (termo chegado dende o inglés, creación da lingua científica que combina o latín vita ‘vida’ e amine ‘amina’, porque se pensou que as vitaminas contiñan aminoácidos) son compostos heteroxéneos que non poden ser sintetizados polo organismo, polo que este non pode obtelos máis ca a través da inxestión directa. As vitaminas son nutrientes esenciais, imprescindibles para a vida.

Actúan como coenzimas e grupos prostéticos dos enzimas. Os seus requirimentos non son moi altos, pero tanto o seu defecto coma o seu exceso poden producir enfermidades (respectivamente, avitaminoses e hipervitaminoses).

As vitaminas adóitanse clasificar segundo a súa solubilidade en auga ou en lípidos:

Hidrosolubles:

Vitamina C ou ácido ascórbico (antiescorbútica)

Complexo B

Vitamina B1, tiamina, aneurina ou vitamina antiberibérica

Vitamina B2, riboflavina, lactoflavina, verdoflavina ou vitamina Q

Vitamina B3, niacina, ácido nicotínico, nicotinamida ou vitamina PP

Vitamina B5 ou ácido pantoténico

Vitamina B6, piridoxina, piridoxal, piridoxamina ou adermina

Vitamina B7, biotina, factor bios, coenzima R, vitamina H, vitamina B8, vitamina Bw

Vitamina B9, ácido fólico, folacina, factor S, factor U, vitamina 10, vitamina 11 ou vitamina M

Vitamina B12, cianocobalamina ou factor extrínseco de Castle

Vitamina B15* ou ácido pangámico

Vitamina B17*, laetril ou amigdalina

Vitamina BT ou carnitinaNota: as marcadas cun (*) non se consideran realmente vitaminas.

Liposolubles:

Vitamina A, retinol, vitamina antixeroftálmica ou vitamina antiinfecciosa

Vitamina D, calciferol (colecalciferol ou D3) (antirraquítica)

Vitamina E, tocoferol, vitamina antiesterilidade ou vitamina da fertilidade

Vitamina K, naftoquinona, filoquinona, vitamina antihemorráxica

Walter Norman Haworth

Sir Walter Norman Haworth, nado o 19 de marzo de 1883 en Chorley, Lancashire, (Inglaterra) e finado o 19 de marzo de 1950 en Barnt Green, Worcestershire, (Inglaterra) foi un químico e profesor universitario británico galardoado co Premio Nobel de Química do ano 1937.

Liposolubles
Hidrosolubles

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.