Visigodos

O pobo dos godos foi nomeado xa por Tácito, que os chamou Gotones. Entón habitaban o Norte de Xermania, en terras que antes poboaron Boii, Getae e Scythae. Ampliaron os seus territorios e incorporaron a outros grupos veciños (de orixe xermana e sármata) e dominaron do Theiß (en alemán) ou (Tisza) ao Don e do Ponto ao Báltico.

Visigoth migrations
Migracións dos visigodos

O pobo que veu do norte

Visigothic Kingdom
Evolución do reino visigótico até o século VI:
laranxa escuro: reino orixinal de Tolosa
laranxa : Extensión no século VI
laranxa claro: territorio perdido en Vouillé en 507
verde: conquista do reino suevo en 575
Fíbula aquiliforme (M.A.N. Madrid) 01
Fíbula aquiliforme visigótica (s. VI, M.A.N., Madrid).

Integraron a nación dos godos pobos diversos: hérulos, ruxios, lemovios, esciros, helvecóns, sidenios, turcilingos, xépidos, vándalos e outros, algúns dos cales acabaron desaparecendo no conxunto, mentres outros formaron os seus propios grupos. Os godos, propiamente ditos, dividíanse en Theruingi (Tervingos) e Greuthungi. Os primeiros poboaron o territorio entre os Cárpatos e o Dnieper e os segundos as estepas ucraínas ao Leste do Dnieper. Así este río servía de límite entre ambos grupos e os Theruingi foron chamados west gohts (visigodos) por situarse en Occidente (West en xermano), e os Greuthungi foron chamados ost gohts (ostrogodos) por situarse no Leste (Ost en xermano). Outra versión atribúe a denominación visigodos á palabra xermana wisgohts, traducida por homes fortes.

Os visigodos ("Godos do Oeste" –alemán Westgoten ou Visigoten- en comparación cos ostrogodos -alemán Ostgoten -; compárese o paralelismo do nome de Austria en alemán que é Österreich ou "reino do leste"- ou "Godos do Leste") foron un pobo xermánico que penetrou no Imperio Romano tardío. Os visigodos foron a póla occidental dos pobos godos. Logo da caída do Imperio Romano de Occidente, os visigodos tiveron un papel importante en Europa durante os 250 anos que seguiron. Os godos, aproveitando a pasividade dos emperadores romanos con respecto a Xermania, establecéronse alí tranquilamente, ata que a principios do século III se instalaron na beira do mar Negro, na zona de Crimea, de onde foron expulsados polos hunos en 376. Para entón os godos dividíranse xa en dous grupos: visigodos e ostrogodos.

Durante o século III ambos grupos efectuaron incursións contra o Imperio, destacando as do 251 (contra Moesia e Tracia), a do 258-259 (contra a costa do Mar Negro, Propóntide, as illas do Exeo, Éfeso, Atenas e outros puntos) e a do 269 (contra Creta, Chipre, Tesalónica e outros puntos). O 270 Aureliano tivo que abandonar a marxe esquerda do Danubio (Dacia) cesando entón as súas incursións e ocupando os godos esta provincia.

Cristianización

O bispo godo Ulfilas traduciu a Biblia ao gótico e en gran medida foi responsábel da conversión dos godos ao arianismo (que a mediados do século IV contou co favor imperial en Oriente), cara ao 370 xa foran cristianizados, e estaban gobernados por un rei chamado Hermanrico ou Ermrich, o primeiro rei histórico da dinastía dos Amalos, quen tivo que se enfrontar aos hunos dirixidos por Balamir o 375. Hermanrico, xa ancián, foi gravemente ferido nun atentado e suicidouse antes dunha inminente derrota, sucedéndoo Witimiro ou Winithar, cuxo intento de resistir aos hunos non tivo éxito e el mesmo resultou morto. Os magnates ostrogodos elixiron un novo rei para o seu pobo (a dinastía lexitima ostrogoda dos Amalos preconizaba o mantemento da unidade de todos os grupos godos, baixo a súa dirección) e sometéronse aos hunos. Pero os visigodos, que eran uns douscentos mil, reuníronse na beira norte do Danubio e pediron ao Imperio, contra o que combateran uns anos antes, que os aceptasen nos seus territorios e lles outorgasen terras onde se asentaren. Unha parte dos ostrogodos, a cuxo fronte figuraba o xove rei Viderico, da dinastía lexítima dos Amalos, marchou cos visigodos, e un dos seus descendentes enlazou anos despois coa dinastía ostrogoda (en tempos de Teodorico o Grande).

Ao grupo (esencialmente formado por visigodos) permitíuselle asentarse na beira Sur do Danubio e os Balcáns (Tracia e Moesia). Moitos dos que se asentaron en Moesia convertéronse en campesiños e foron coñecidos como mesogodos. Parece ser que existía un xefe ou xuíz chamado Atanarico, pero foi suplantado por Fritigern ou Fritixerno, que era ariano e contou con axuda do emperador Valente (tamén ariano). Pero a explotación a que foron sometidos polos funcionarios imperiais e por xefes militares romanos creoulles unha situación insostíbel para o seu orgullo. Fritixerno e os magnates visigodos presentarían queixas e o xeneral romano Lucipino intentou asasinar a Fritixerno durante un banquete; o intento fracasou e Lucipino resultou morto. Fritixerno e os visigodos rebeláronse (377) en Marcianópolis (Moesia Inferior), vencendo ás forzas imperiais en Adrianópolis (o 9 de agosto do 378), combate no que morreu o Emperador Valente. O seu sucesor, Teodosio, tras combater contra eles algún tempo, axustou con eles a paz (381), pero tivo que asentalos máis firmemente no Imperio e darlles un papel importante no exército. Fritixerno parece gobernar ata despois do 380, e a sucesión debeu recaer en Badengaudo, da familia dos Baltos. Aínda que o arianismo foi condenado pola Igrexa desde o 381 os visigodos conserváronse fieis a esta doutrina. Os godos tiveron como primeiro bispo a Ulfilas, que traduciu a Biblia ao godo. Os visigodos obtiveron unha participación destacada nas guerras civís do 388 (contra Máximo) e 394 (contra o pagán Uxío). Cando morreu Teodosio (17 de xaneiro de 395) os visigodos estaban gobernados por Alarico I, fillo de Badengaudo; Alarico foi o primeiro que gobernou sobre a totalidade dos visigodos; con el restaurouse plenamente a dinastía dos Balthos ou Baltos. Alarico atacou Constantinopla e abordelou Grecia (395 e 396). O xeneral Estilicón logrou expulsalos de Grecia, pero o Emperador, medorento do poder do xeneral, designou a Alarico gobernador de Iliria, logrando con iso cinco anos de paz (396 a 401).

O saqueo de Roma

En 401 Alarico marchou contra Italia, pero foi vencido preto de Pollentia (6 de abril do 402) e despois en Verona. Probabelmente Estilicón negociou con Alarico a súa axuda contra outros bárbaros como Radagaiso, e crese que lle foi ofrecida a confirmación como Magister Militum e gobernador de Iliria, cuns límites que entraban en contradición coas reivindicacións territoriais de Oriente. O partido nacionalista romano, talvez instigado polo goberno de Constantinopla, acusou a Estilicón de preparar a entrega do Imperio a Alarico, e urdiu un complot. Estalou unha revolta de tropas que obrigou a Estilicón a se refuxiar nunha Igrexa, sendo asasinado no momento de saír (tras prometérselle que salvaría a vida se saía) por Olimpo, baixo ordes do Emperador Honorio (23 de agosto do 408). Alarico regresou a Italia e obtivo novas concesións de Honorio que se estableceu en Rávena, pero unha vez que se retiraron os visigodos, Honorio non mantivo as súas promesas. Os visigodos marcharon cara a Roma e apoiaron a proclamación dun usurpador chamado Prisco Atalo (409), que era de orixe xonia e probabelmente ariano, o cal concedeu a Alarico o título de Magister Militum. Pero Atalo non quixo ou non puido cumprir as súas promesas e o rei visigodo regresou a Roma, depuxo ao usurpador (14 de agosto do 410) e os seus homes saquearon a cidade eterna durante tres días, tras o cal abandonárona levándose con eles a Atalo e a Gala Placidia, irmá de Honorio. De Roma pasaron ao Sur devastando Campania, Apulia e Calabria. Alarico morreu no sitio de Cosenza (410) e sucedeuno o seu cuñado Ataúlfo. Este pactou con Honorio a saída de Italia a cambio da concesión do goberno das Galias (territorios que escapaban do control de Roma, pois se someteron a Constantino).

Os visigodos baixo Ataúlfo deixaron Italia (412) e foron ao sur de Galia e o norte de Hispania.

As longas e complexas loitas de Ataúlfo para dominar o sur das Galias ocupáronlle varios anos (411 a 414). No 414 o rei Ataúlfo, que tras unha alianza con Honorio e co Magister Militum Constancio, volvera a actuar pola súa conta, casou con Gala Placidia, irmá de Honorio. Constancio foi enviado á zona e os visigodos foron derrotados en Narbona. Constancio logrou desviar a Ataúlfo cara a Hispania (o que lle permitía conservar o sur da Galia), e os visigodos entraron na Tarraconense o 415. No 416 Ataúlfo propuxo unha alianza co Imperio, en nome do cal se había encargar de combater aos suevos, alanos e vándalos asdingos e silingos que ocupaban as provincias de Hispania, excepto a Tarraconense. Con tal motivo Ataúlfo trasladouse a Barcino (415 ou 416), pero alí foi asasinado polo escravo Dubius, a quen se supón instigado polo seu sucesor Sixerico ou ben polo nobre Barnolfo, suposto amante de Gala Placidia.

A cúspide do poder visigodo foi alcanzada durante o reinado de Eurico (466-484), quen completou a conquista de Hispania. En 507, Alarico II foi derrotado en Vouillé polos francos baixo Clodoveo, quen perdeu todas as súas posesións ao norte dos Pireneos. Toledo foi declarada a nova capital visigótica, e a historia dos visigodos converteuse esencialmente na historia de Hispania

O Reino Visigodo foi debilitado polas guerras cos francos e os vascos, e a penetración bizantina no sur de Hispania. O reino recobrou o seu vigor ao final da sexta centuria baixo Leovixildo e Recaredo. A conversión destes dous reis ao catolicismo facilitou a fusión das poboacións visigoda e hispano-romana. O rei Recesvinto impuxo (c. 654) a lei visigótica común a ambos súbditos, godos e romanos, que ata entón viviran baixo diferentes códigos legais (ver leis xermánicas). Os Concilios de Toledo convertéronse na forza principal do estado visigodo, como consecuencia do debilitamento da monarquía.

O rei Vamba, sucesor de Recesvinto, foi deposto por unha guerra civil, que logo se tornou nunha contenda xeneralizada a todo o reino. Cando o último rei, Roderico ou Rodrigo, alcanzou o trono, os seus rivais chamaron ao líder musulmán Táriq ibn Ziyad, quen, coa súa vitoria (711) nunha batalla preto de Medina Sidonia, terminou co Reino Visigodo e inaugura o período musulmán na Historia da Península Ibérica.

Véxase tamén

Outros artigos

Alanos

Os alanos foron un pobo indoeuropeo da familia irania. Crese que procederon das estepas de Centroasia ou do norte de Irán. Eran nómades, probablemente de orixe escita - sármata (alain, en lingua escita, significa ‘montaña’).

Parece que antes do século -I vivían no norte do Cáucaso e aínda que despois efectuaron varias incursións a territorio romano (e parto) seguían establecidos na zona no século III, pero no século IV foron expulsados de alí polos hunos; os que permaneceron nas montañas do Cáucaso deberon dar orixe ao actual pobo dos osetos.

Desprazáronse cara ao oeste expulsados polos hunos e alcanzaron a actual Ucraína. No seu contacto cos godos transmitiron a estes algunhas das súas artes e destrezas, especialmente o tiro con arco dacabalo e algunhas artes metalúrxicas. Os alanos uníronse aos visigodos e a parte dos ostrogodos, establecéndose con eles en Tracia e Mesia, e rebelándose tamén con eles o 377 contribuíndo á vitoria de Adrianópolis sobre as forzas imperiais, obtendo terras en Panonia o 383. O 387 unha parte dos alanos aliáronse aos hunos e o 405 os alanos de Panonia uníronse a unha confederación organizada en torno a Radagaiso que fracasou. Os grupos de suevos, vándalos, alanos e outros que quedaron alén do Rin, reforzados despois cos que regresaron da desafortunada expedición a Italia, invadiron as Galias o 406.

Dos alanos di Amiano Marcelino que eran moitos, e estaban estendidos por todos os países. Os alanos eran louros, fermosos e arrogantes. Consideraban unha felicidade morrer na guerra e conservaban restos dos inimigos mortos, especialmente a pel do cranio que colgaban como trofeo do petral dos seus cabalos. Non adoraban a ningún deus e rendían culto a unha espada cravada en terra. As súas autoridades eran uns xuíces nomeados entre os guerreiros anciáns máis valentes. Non coñecían a escravitude.

No ano 409 entraron na Península Ibérica xunto a suevos e vándalos, tras cruzar rapidamente a Galia nunha campaña de saqueo e estiveron deambulando por ela ata que no ano 411 o emperador Honorio lles ofreceu un pacto de terras. Os alanos establecéronse entón na zona comprendida entre as actuais provincias de Ávila, Salamanca, Cáceres e Toledo. Non formaron nunca un reino propio en Hispania.

Ante a chegada dos visigodos os alanos hispanos pasaron á África noroccidental xunto cos vándalos.

Alarico I

Alarico I (gótico Alhareiks), nado na illa de Peuce, no delta do Danubio no ano 370 e falecido en Cosenza no ano 410, foi rei dos visigodos (395-410) da dinastía baltinga, fillo do caudillo visigodo Rocesthes.

Década de 370

A década de 370 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 370 e remata o 31 de decembro de 379.

Década de 400

A década de 400 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 400 e remata o 31 de decembro de 409.

Década de 410

A década de 410 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 410 e remata o 31 de decembro de 419.

Década de 460

A década de 460 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 460 e remata o 31 de decembro de 469.

Década de 500

A década de 500 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 500 e remata o 31 de decembro de 509.

Leovixildo

Leovixildo, nado cara ao 525 e finado en Toledo o 21 de abril de 586, foi rei dos visigodos desde o ano 572 ata a súa morte, e rei de Galiza desde o 585.

Lista dos reis visigodos

Lista dos reis visigodos.

Ostrogodos

Cara ao 370, a partir das invasións dos hunos, os godos dividíronse en dúas pólas separadas. Os ostrogodos constituíron un vasto reino ao leste do río Dnister, nas terras ao redor do mar Negro (o que hoxe é parte da actual Ucraína e Belarús). Os visigodos foron os godos do occidente, cuxo dominio territorial se estendía desde o Dniéster ata o Danubio.

Os ostrogodos estiveron sometidos aos hunos desde o 375 ata a morte de Atila, ocorrida en 453, cando recobraron a súa independencia e se estableceron como un pobo federado de Roma. Posteriormente uníronselles outros godos que fuxiran das súas terras á chegada dos hunos. No 474 foi elixido rei Teodorico, o máis coñecido dos monarcas ostrogodos. Houbo varios períodos de guerras e treguas entre el e o emperador bizantino Zenón. En 488 Teodorico invadiu Italia e en 493 derrotou e deu morte en Adda a Odoacro, rei dos hérulos.

Trala súa morte no 526, a situación volveuse tan violenta que no 535 o emperador bizantino Xustiniano I enviou ao seu xeneral Belisario en contra dos exércitos ostrogodos en Italia. A superioridade do exército bizantino foi a clave para o exterminio e o esmagamento da resistencia ostrogoda.

Este pobo foi finalmente asimilado en forma gradual por outras tribos xermánicas tales como os vándalos e os francos.

Pobos xermánicos

Os pobos xermánicos habitaban a rexión de Europa situada alén das fronteiras do Imperio Romano, entre os ríos Rin, Danubio e Vístula e os mares do Norte e Báltico, denominada Xermania. Eran considerados "bárbaros" polos romanos (do grego βάρβαροι, bárbaroi = estranxeiros, que non falan a lingua grega), pois non posuían a mesma cultura. Dividíanse en numerosas tribos.

Recaredo

Recaredo I foi rei dos visigodos, fillo e sucesor de Leovixildo, reinou desde o 586 ao 601, ano da súa morte en Toledo. Irmán de Hermenexildo, foi asociado ao trono polo seu pai, o que levantou as protestas dos nobres visigodos, que viron nesta acción o intento de institucionalizar o herditarismo na monarquía visigoda caracterizada precisamente polo seu carácter electivo.

Casou por dúas veces: a súa primeira esposa chamábase Bauda (tamén aparece en escritos como Baddo) e a súa segunda esposa foi Clodosvinda, filla de Sixeberto I rei de Austrasia, con quen tivo ao futuro rei visigodo Suintila.

Combateu aos francos, aos bizantinos da Bética e aos vascóns, e houbo de sufocar varias revoltas dos nobres visigodos.

O feito máis destacado do seu reinado produciuse no 589, cando convocou o Terceiro Concilio de Toledo no que, xunto con varios nobres e dignatarios eclesiásticos, anatemizou dos erros do arianismo e converteuse ao catolicismo co seu pobo, tan só se produciu algunha revolta illada que foi facilmente sufocada.

Reino visigodo

O reino visigodo (en gótico: Gutþiuda Þiudinassus) foi unha entidade política que xurdiu no ano 419 tras asinar a paz os visigodos cos romanos que foi concluída cun foedus co rei Walia e o seu establecemento dese pobo bárbaro no territorio da Aquitania secunda con capital en Tolosa.

O rei Eurico (466-484) rompeu o foedus tras a desaparición da familia imperial e agrandou o territorio lanzando unha ofensiva sobre Hispania e sobre a Galia con notable éxito. No ano 475 selou a paz co emperador de Oriente Xulio Nepote e Eurico foi recoñecido como rei dun amplo reino entre o Loira e Xibraltar.

No ano 507 perdeu boa parte do seu territorio ultrapirenaico conquistado por Clodoveo, tras anos de presións sobre o episcopado católico para que traizoase ao seu rei que era ariano, os visigodos só conservaron Septimania e unha parte da Provenza fóra da Península Ibérica e a capital acabou trasladándose oficialmente a Toledo no 554, entrementres o reino visigodo atravesou un período caótico ata a chegada de Leovixildo ao poder. No ano 585 os visigodos conquistan o Reino de Gallaecia e pouco despois con Recaredo convértense ao catolicismo arrenegando do arianismo, no 624 os visigodos toman as posesións bizantinas da Bética, finalmente no ano 711 desapareceu como entidade independente coa entrada dos musulmáns na península.

Século VIII

século VII < século VIII > século IX

Tempo que transcorre dende o 1 de xaneiro de 701 ata o 31 de decembro de 800.

Acontecementos destacados

711, os árabes desembarcan na Península Ibérica.

718, os bizantinos deteñen o avance musulmán no sitio de Constantinopla.

Paio á fronte dos últimos resistentes Visigodos fai abortar en Covadonga o perigo dunha incursión musulmá polo Norte, e dá inicio ao proceso de reconquista dos territorios hispánicos.

732, os cristiáns de Carlos Martel deteñen o avance árabe en Poitiers (Francia).

750, a dinastía dos Omeias é substituída pola dos Abásidas.

751, Pipino o Breve funda a dinastía Carolinxia.

Teodorico o Grande

Teodorico o Grande (Dacia, 454 - Rávena, 526). Rei dos ostrogodos (474-526).

Witiza

Witiza ou Vitiza foi rei de Galiza entre o ano 694 e o 710, e ademais de Hispania e Septimania dende o ano 702. Foi un dos últimos reis visigodos, sucedido por Don Rodrigo e precedido polo seu pai Éxica.

Foi nomeado rei de Galicia polo seu pai e tivo a súa corte en Tui. Vitiza foi un gobernante máis suave có seu pai e incluso convidou ós nobres desterrados a volver ao reino, devolvéndolles as súas posesións.

Antes da súa morte asociou o seu trono ó seu fillo, Akhila, mentres que outros nobres tomaron partido por Roderik, Don Rodrigo, que finalmente accedería ó trono non sen oposición dos chamados vitizianos, que un ano despois, no 711, abrirían as portas da Península ós musulmáns, pondo punto e remate ó reino visigodo de Hispania.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.