Virxe María

A Virxe María, Santa María ou simplemente María (Mariam: grego: Μαριάμ; hebreo: מרים; árabe: مَريَمْ) foi unha muller xudía de Nazaret (Galilea), considerada segundo as tradicións cristiá e musulmá a nai de Xesús de Nazaret e, polo tanto, para a meirande parte dos cristiáns, a nai de Deus. Entre outros dos seus nomes e títulos están o de Benaventurada Virxe María e Nai de Deus nas igrexas occidentais, e o seu equivalente Theotokos no cristianismo oriental, e Maryam, nai de Isa (Xesús) no islam. Os cristiáns manteñen que o seu fillo Xesús é Cristo (é dicir, o mesías prometido ao pobo xudeu) e Deus Fillo encarnado, mentres que para os musulmáns é o mesías e un dos profetas más importantes enviados por Deus á humanidade.

Segundo os Evanxeos canónicos de Mateo e Lucas, María era unha virxe (en grego παρθένος, parthénos)[3] que concibiu ó seu fillo Xesús sen intervención de ningún home (de aí o título de "Virxe"), por obra do Espírito Santo. Os musulmáns cren que concibiuno de xeito milagroso por intervención divina. Isto tivo lugar cando ela xa estaba prometida a San Xosé mais aínda non estaba casada. Casou con el e acompañouno a Belén, onde naceu Xesús.

O Novo Testamento comeza a súa crónica da vida de María coa Anunciación, cando o arcanxo Gabriel se lle apareceu e lle anunciou a súa escolla divina para ser nai de Xesús. A tradición da Igrexa e o Protoevanxeo de Santiago (apócrifo) falan dos seus pais como unha parella de avanzada idade, San Xoaquín e Santa Ana.

Os cristiáns da Igrexa católica, da Igrexa Ortodoxa, da ortodoxia oriental, da Comuñón Anglicana e das igrexas luteranas cren que María, como nai de Xesús, é Nai de Deus (Μήτηρ Θεοῦ) e a Theotokos, "portadora de Deus". María ten recibido veneración dende os comezos do cristianismo, a través de numerosas advocacións (Virxe de Fátima, de Lourdes etc.). Hai unha grande diversidade na marioloxía e prácticas devocionais das diferentes tradicións cristiás. A Igrexa católica ten unha serie de dogmas marianos, como a Inmaculada Concepción, a Virxindade perpetua de María e a súa Asunción ao Ceo.

Virxe María
The Madonna in Sorrow
María na súa advocación das Dores, por Sassoferrato.
Theotokos ("Nai de Deus")
Benaventurada Virxe María
Nosa Señora
Contémplalla en todos os momentos da súa vida e pedindo a súa intercesión sobre unha localidade ou cousa concreta, con numerosos títulos adaptados a tal fin.
Biografía
NacementoData descoñecida; celébrase o 8 de setembro. Se Xesucristo naceu o 7 a. C., ela faríao entre o 30 e o 20 a. C.[1] en Lugar descoñecido, adoita citarse Séforis,[2] aínda existen muchas tradicións.
Proceso de canonización
Veneración
Festividade
  • 1 de xaneiro - María, Nai de Deus (novus ordo)
  • 25 de marzo - Anunciación
  • 31 de maio - Visitación de María a Isabel
  • 15 de agosto - Asunción de María (considerada a maior e máis universal festividade mariana)
  • 22 de agosto - María Reina
  • 8 de setembro - Natividade de María
  • 12 de setembro - Doce Nome de María
  • 21 de novembro - Presentación de María
  • 8 de decembro - Inmaculada Concepción
Albrecht Dürer 010
A Virxe María, por Alberto Durero.

María nos textos relixiosos cristiáns

Temos dúas fontes principais para achegarnos á primeira visión cristiá sobre María. Os Evanxeos canónicos, sobre todo os relatos da infancia, e os Evanxeos apócrifos, principalmente o Protoevanxeo de Santiago. Non son fontes que se poidan poñer en igualdade en canto a fiabilidade, haberá que telo en conta se queremos achegarnos a un esbozo de biografía de María de Nazaret.

O Protoevanxeo de Santiago

Presenta o nacemento e infancia de María facendo un paralelismo co relato que fan os evanxeos sobre o nacemento e infancia de Xesús de Nazaret. A súa validez histórica é moi pouca, baste dicir que conteñen contradicións cos Evanxeos en puntos importantes (o matrimonio de Xosé e María), ou que está cheo de inexactitudes históricas ou de absoluta ignorancia da cultura xudía (o voto de virxindade de María).

María é filla do matrimonio formado por Xoaquín e Ana. Son un matrimonio xa maior que non ten fillos, pero a súa piedade fai que Deus se apiade deles e lles anuncie o nacemento dun fillo. Eles deciden dedicar o neno que naza ao servizo de Deus. Por iso, cando cumpre tres anos, levan a nena María ao Templo de Xerusalén.

María fai voto de virxindade, e os sacerdotes do Templo, para cumprir coas leis mosaicas, buscan un home bo e ancián que case con ela e que respecte o seu voto. Un sinal divino (a vara florida), designa como candidato ideal a Xosé de Nazaret.

A partir deste punto da narración, o Protoevanxeo segue aos evanxeos da infancia, aínda que enchendo as lagoas con detalles milagreiros e populares, por exemplo:

  • O boi e a mula que dan calor ao neno Xesús.
  • Na fuxida a Exipto, as palmeiras agáchanse para darlle sombra á Virxe e ao neno.
  • O neno Xesús entretense facendo pombiñas de barro e soprándolle para darlles vida. Pombiñas que un Xudas Iscariote neno rompe cun pau.

Evanxeos da infancia

Son os Evanxeos de Mateo e Lucas os que recollen uns relatos sobre o nacemento e os primeiros anos da vida de Xesús. Os relatos difiren en moitos aspectos: Mateo fala dos Magos ou da matanza dos inocentes, Lucas cóntanos a adoración dos pastores ou detense con máis detalle no nacemento de Xoán o Bautista.

Pero aínda coas súas diferenzas, os dous relatos teñen elementos comúns[4]:

  1. Os pais de Xesús son María e Xosé, que están legalmente prometidos pero non casados (Mt 1,18; Lc 1,27.34).
  2. Xosé é da casa de David (Mt 1,16.20; Lc 1,27.32)
  3. Un anxo anuncia o nacemento do neno (Mt 1,20-23; Lc 1,30-35)
  4. María concibe ao neno sen o concurso do marido (Mt 1,20.23.25; Lc 1,34)
  5. A concepción é por obra do Espírito Santo (Mt 1,18.20; Lc 1,35)
  6. O anxo di que o neno debe de chamarse Xesús (Mt 1,21; Lc 1,31)
  7. Un anxo afirma que Xesús é o salvador (Mt 1,21; Lc 2,11)
  8. O neno nace cando os seus país xa viven xuntos como matrimonio (Mt 1,24-25; Lc 2,5-6)
  9. O nacemento ten lugar en Belén (Mt 2,1; Lc 2,4-6)
  10. O nacemento é en tempos de Herodes (Mt 2,1; Lc 1,5)
  11. O neno criouse en Nazaret (Mt 2,23; Lc 2,39)

O que amosan de María os evanxeos da infancia podemos resumilo no seguinte: é unha moza xudía prometida cun home chamado Xosé, á que se lle anuncia que, pola forza do Espírito Santo, concibirá a un neno que será salvador do mundo e que se chamará Xosé.

María corre un gran risco ao aceptar este anuncio, o matrimonio xudeu celebrábase en dous tempos: primeiro a promesa de matrimonio, que xa tiña valor legal, e despois a celebración do inicio efectivo da convivencia conxugal. A pena por adulterio era a morte por lapidación. Sálvase dese destino porque o seu prometido non quere denunciala.

Durante o seu embarazo vai facer compañía e axudar á súa prima Isabel, embarazada de Xoán o Bautista.

O neno nace en Belén, a cidade da casa de David á que pertence Xosé e o seu nacemento vai acompañado de sinais que auguran unha misión especial para el. Mateo dá por sentado que xa estaban alí, segundo Lucas baixaron desde Galilea por mor do censo ordenado polo César.

Co tempo a familia instálase en Nazaret, onde Xosé exerce de carpinteiro ou artesán.

Vida pública de Xesús

Durante a vida pública de Xesús, María aparece de forma puntual pero nunca co seu marido, o que fai pensar aos estudosos que nese tempo xa era viúva. Si que aparece emparentada con outros seguidores de Xesús, como María Cleofé ou os seus fillos.

No Evanxeo de Xoán, no episodio da Vodas de Caná, María intercede polos noivos para que o seu fillo os axude.

Algunhas das aparicións de María nesa etapa non están exentas de controversia. En ocasións aparece enfrontada coa figura de Xesús, pois a familia quere levalo de volta para casa pois pensan que está tolo. Noutra ocasión, predicando Xesús en Nazaret, os veciños queren tiralo por un barranco Acúsano de mentireiro: non pode ser o Mesías posto que todos coñecen quen é: o fillo de Xosé, a súa nai e os seus irmáns son veciños do pobo.

Ten unha destacada presenza no momento da paixón, ao pé da cruz do seu fillo. Xesús encárgalle ao discípulo amado (seguramente Xoán o Evanxelista) que coide da súa nai. Despois do descendemento, Nicodemo pon o cadáver de Xesús no colo de María.

Nos Feitos dos Apóstolos

Cuntis 01-04
Coroación da Virxe, na fachada da igrexa de Santa María (Cuntis, Pontevedra).

María está reunido co resto do grupo de discípulos de Xesús o día do Pentecoste, cando a chegada do Espírito Santo enche de forza a aquela primeira comunidade para saír a anunciar de Xesús é o Cristo e que morreu e resucitou.

Esta é a derradeira aparición de María no Novo Testamento.

Últimos anos segundo a tradición cristiá

House of the Virgin Mary
Casa da Virxe María en Éfeso (en realidade, unha construción do século VII)

Sobre a súa morte, hai dúas tradicións:

  • Na máis antiga, María seguiu vivindo en Xerusalén, na comunidade dirixida polo seu sobriño (ou fillo)[5] Santiago. Alí morreu, foi enterrada e foi asunta aos ceos. No lugar tradicional da súa sepultura existe aínda hoxe unha igrexa, a Basilica da Dormición.
  • Noutra tradición máis serodia, e apoiándose no texto evanxélico e nas tradicións sobre Xoán o Evanxelista, María trasladouse con este Éfeso, alí chegoulle o tempo da súa dormición e a súa Asunción: adormeceu desta vida e foi levada por anxos en corpo e alma ao ceo.

Na evolución que hai dunha tradición a outra (pasar de falar de "morte e sepultura" a "dormición") podemos ver xa unha constante na imaxe que as igrexas católica e ortodoxa, non así as protestantes, transmiten de María. A progresiva espiritualización ou mitificación da súa figura, esquecendo a súa realidade histórica.

Notas para unha biografía

Tendo en conta o recollido ata aquí das fontes dispoñibles, podemos achegar uns elementos cos datos máis seguros que nos poderían achegar á biografía de María:

  • Era unha muller xudía, que naceu, en tempo descoñecido, na rexión de Galilea, seguramente en Nazaret.
  • Casou cun home tamén xudeu, Xosé, un artesán galileo.
  • Tivo, polo menos, un fillo, Xesús, chamado polos cristiáns o Cristo ou o Mesías.
  • Segue ao seu fillo durante a súa predicación ou, polo menos, está presente en distintos momentos.
  • Está con el no momento da súa execución na cruz.
  • Despois da súa morte, forma parte do grupo de discípulos, pero non consta que tivera un papel de liderado ou protagonista.
  • Nada sabemos das circunstancias da súa morte.

Os irmáns de Xesús

En dúas ocasións se nos fala nos Evanxeos dos irmáns de Xesús: cando os veciños de Nazaret queren matar a Xesús e cando a súa familia quere levalo canda eles porque o dan por tolo.

Esta expresión é fonte de interpretacións diversas e de controversia, sobre todo no campo da teoloxía católica, pola dificultade de conciliala co dogma da virxindade de María. Tampouco os termos utilizados axudan a aclarar a discusión, segundo o valor que lles deamos podemos chegar a dúas conclusións:

  • O termo grego usado nos evanxeos "adelfos" (αδέλψος) non deixa lugar a dúbidas de que se trata de irmáns de sangue, polo que o propio texto recoñecería a existencia de irmáns de Xesús.
  • Pero podemos interpretar que ese termo grego é tradución dun termo arameo que serve para designar en xeral aos parentes próximos, co que se podería traducir como irmá ou primo, por exemplo. As familias extensas, formadas polo patriarca, os seus fillos e noras e os seus netos favorecían o uso destes termos xerais para designar o parentesco[6].

O culto á Virxe en Galicia

Véxase tamén: Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de Santa María

Cristianización dos cultos precristiáns

A introdución do cristianismo na Gallaecia caracterizouse, como en xeral sucedeu en toda Europa, por un proceso de asimilación dos vellos cultos orixinais dos pobos cristianizados. Os casos máis notables son, con toda seguridade, as festas de Nadal e San Xoán, versións cristianizadas das festas dos solsticios de verán e de inverno (as saturnais).

En xeral, as divindades femininas da fertilidade ou os lugares de culto relacionados con estas foron cristianizados converténdoos en advocacións marianas e lugares de culto á virxe. Baste lembrar que a tradición cristiá falaba de que a virxe, trala morte e resurrección de Cristo, foi vivir con Xoán a Éfeso, cidade do Templo de Artemisa, a deusa nutricia.

Este xeito de cristianización, aplicado a Galicia, sobre todo ás zonas rurais, dá como resultado que moitas divindades e lugares de culto relacionadas coa terra ou a fertilidade -divindades normalmente femininas- acabaron convertidas en lugares de culto mariano.

De feito, moitos santuarios marianos actuais atópanse preto de fontes ou olleiros de auga, incluso a carón de xacementos arqueolóxicos. Por exemplo, no santuario da Virxe da Franqueira, hai, chegando ao templo, unha fonte chamada "da Virxe" e, no monte de Paradanta, xusto enriba da parroquia, un dolmen, no que a lenda di que apareceu a imaxe, que ten un gravado en espiral ao que lle chaman a "coroa da Virxe".

Outro exemplo pode ser o da virxe de Aguasantas, no que segundo a lenda: Un domingo unha cega do lugar das Boliñas ía a misa acompañada dun familiar, e ó pasar a carón dunha fonte, ó pé da casa, lavouse. Ó pasar a auga polos ollos recuperou a vista, e tralo milagre, impulsada por un presentimento, atopou unha imaxe da Virxe entre a maleza[7]. Ou tamén a Santuario da Virxe dos Milagres de Amil, Moraña, á que lle cantan: Miña Virxe dos Milagres/ que fas milagres na terra,/ fixeches nace-la auga/ na fonte da Rozavella.[8]

No mesmo senso de unión entre auga, fertilidade e advocación feminina, aínda que situado no litoral, está a Nosa Señora da Lanzada, en Noalla, Sanxenxo. Nesta caso, ademais, está ligada aos cultos propios do solsticio de verán, cristianizados como festa da noite de San Xoán.

Influencia das ordes relixiosas

Outras advocacións marianas enraízan en Galicia traídas polas diferentes ordes relixiosas que aquí teñen as súas obras pastorais:

  • A Virxe do Carme, orixinalmente ligada ás distintas ramas dos Carmelitas, asenta en Galicia e, en xeral, en toda a España litoral, como patroa das xentes do mar: dos mariñeiros, da Armada española...
  • Nosa Señora do Perpetuo Socorro, ligada á orde dos redentoristas.
  • María Auxiliadora, traída polos salesianos.

Notas

  1. "Fiesta de la Natividad de la Santísima Virgen María". Enciclopedia Católica. 01-10-1911. Arquivado dende o orixinal o 06-01-2010. Consultado o 02-03-2010.
  2. {{Cita web |url=http://www.christusrex.org/www1/ofm/mag/TSmgesA3.html |título=Séforis, la patria de [[Ana (nai de María) |3=Santa Ana |data-acceso=15 de outubro de 2014 |urlarquivo=https://web.archive.org/web/20110604072838/http://www.christusrex.org/www1/ofm/mag/TSmgesA3.html |dataarquivo=04 de xuño de 2011 |urlmorta=si }}
  3. Mateo 1:23
  4. Brown, Raymond: El Nacimiento del Mesías. Comentario a los Evangelios de la Infancia, pax. 29
  5. Xabier Pikaza Ibarrondo "Muerte y Asunción, la raíz judía de María " Arquivado 22 de agosto de 2013 en Wayback Machine. blog
  6. A lingua wolof de Senegal, onde segue vixente a familia extensa, non ten un vocábulo específico para dicir pai, só unha expresión que designa, en xeral, aos membros maiores da familia.
  7. Ver artigo Aguasantas, Cerdedo-Cotobade
  8. Ver artigo Amil, Moraña

Véxase tamén

Bibliografía

  • Pagola, José Antonio (2007). PPC, ed. Jesús: aproximación histórica. Madrid.
  • Jeremias, Joachim (2000). Ediciones Cristiandad, ed. Jerusalén en tiempos de Jesús. Madrid. ISBN 8470572091.
  • de Santos Otero, A. (1993). BAC, ed. Los Evangelios Apócrifos. Madrid.
  • Brown, Raymond E. (1982). Ediciones Cristiandad, ed. El Nacimiento del Mesías (Comentario a los Relatos de la Infancia). Madrid. ISBN 8470573020.

Outros artigos

26 de xullo

O 26 de xullo é o 207º día do ano do calendario gregoriano e o 208º nos anos bisestos. Quedan 158 días para finalizar o ano.

27 de novembro

O 27 de novembro é o 331º día do ano do calendario gregoriano e o 332º nos anos bisestos. Quedan 34 días para acabar o ano.

8 de decembro

O 8 de decembro é o 342º día do ano do calendario gregoriano e o 343º nos anos bisestos. Quedan 23 días para finalizar o ano.

Alma máter

Alma máter é unha locución latina que significa literalmente "nai nutricia" (que alimenta) e que se emprega para referirse metaforicamente a unha universidade, aludindo á súa función provedora de alimento intelectual, xeralmente para referirse ao sitio onde determinada persoa cursa ou cursou os seus estudos universitarios.

A locución era empregada na Antiga Roma para describir á deusa nai e, máis tarde, á Virxe María, pero a orixe do seu uso actual é o lema Alma Mater Studiorum («nai nutricia dos estudos») da universidade máis antiga do mundo occidental en funcionamento ininterrompido: a Universidade de Boloña, fundada en 1088. A locución pasou a moitas linguas modernas co significado de academia no sentido de comunidade científica.

En relación, ha de engadirse que a palabra matriculación, por exemplo, derívase tamén de mater. De aí suxírese que a institución universitaria alimenta de coñecementos e coida dos seus alumnos.

Emprégase tamén para describir a unha persoa que é a forza impulsora dunha institución ou iniciativa. Este uso é impropio e derívase de interpretar «alma» como o substantivo equivalente a «espírito vivificador» (do latín anima), e non como o adxectivo latino (almus, -a, -um) que significa «nutricio» (do verbo alere, alimentar).

Ana, nai de María

Santa Ana (do hebreo Hannah, חַנָּה, que significa "graza"), descendente de David, foi a nai da Virxe María e avoa de Xesús Cristo segundo a tradición cristiá e islámica. O seu nome non aparece nos Evanxeos canónicos e no Corán.

Anunciación

A Anunciación (do latín annuntiatio), tamén coñecida como a Anunciación para a benaventurada Virxe María, a Anunciación da Nosa Señora, ou a Anunciación do Señor, é a celebración cristiá do anuncio do anxo Gabriel á Virxe María, en Nazaret, segundo a cal ía concibir e ser a nai de Xesús, o Fillo de Deus, na súa Encarnación. Gabriel dixo a María que o nome do seu fillo sería Yeshua, que significa "YHWH é a salvación".Segundo o Evanxeo de Lucas a Anunciación ocorreu "no sexto mes" do embarazo de Isabel con Xoán Bautista. Moitos cristiáns observan este evento coa Festa da Anunciación, o 25 de marzo.

A Anunciación é un tema clave na arte cristiá en xeral, particularmente durante a Idade Media e o Renacemento. Unha obra de arte que representa a Anunciación é ás veces chamada unha Anunciación.

Asunción de María

Asunción de María ou Asunción da Virxe é a crenza, de acordo á tradición e teoloxía da Igrexa Católica, de que o corpo e alma da Virxe María foron levados ao ceo logo de terminar os seus días na terra.

Este traslado é chamado Assumptio Beatæ Mariæ Virginis (Asunción da Benaventurada Virxe María) polos católicos romanos, cuxa doutrina foi definida como dogma (verdade da que non pode dubidarse) polo Papa Pío XII na Constitución Apostólica "Munificentissimus Deus" o 1 de novembro de 1950.

A Igrexa Católica celebrou esta festa en honra da Virxe María en Oriente desde o século VI e en Roma desde o século VII, celebrándose o 15 de agosto.

Catedral de Lugo

A catedral de Santa María é a catedral da cidade galega de Lugo. Está adicada á Virxe María e atópase situada a rentes da muralla, concretamente diante da porta de Santiago, preto da Praza Maior. Foi comezada no século XII, e ten trazas de estilo románico, con engadidos góticos, barrocos e neoclásicos. Desde o ano 2015 é considerada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO como parte dos Camiños Primitivo e Norte.

Convento da Purificación da Sagrada Virxe María

O convento da Purificación da Sagrada Virxe María, tamén chamado convento de San Martiño de Pantón, é un edificio relixioso situado na parroquia de Pantón, no concello do mesmo nome. Atópase ó carón da igrexa parroquial.

Diu vi Salvi Regina

Diu vi Salvi Regina (corso para Deus te salve raíña) é un canto relixioso adicado á Virxe María creado en Italia por san Francisco de Xerónimo cara o 1675, aínda que algunhas tradicións afirman que o autor foi un pastor de Niolu, Salvadore Costa. Foi adoptado coma himno nacional de Córsega na Consulta de Corte, o 30 de xaneiro de 1735, cando a república de Córsega decidiu proclamar a súa independencia de Xénova e pediu a protección da Virxe María. Dende aquela o nacionalismo corso reivindicouno coma Himno Nacional de Córsega.

Iconoclasta

Un iconoclasta é unha persoa que se opón á veneración de imaxes ou ídolos. Etimoloxicamente, o termo refírese a quen esnaquiza iconas, é dicir, pinturas ou esculturas sagradas. Un exemplo de iconoclastas foi a tradición bizantina, especialmente León III, que ordenou a destrución de todas as representacións de Xesús, a Virxe María e, especialmente, todos os Santos.

En linguaxe coloquial, utilízase tamén para referirse a aquela persoa que vai ao contraxeito e cuxo comportamento é contrario aos ideais, normas ou modelos da sociedade actual ou á autoridade de mestres dentro desta, sen que implique unha connotación negativa da súa figura.

Inmaculada Concepción

O dogma da Inmaculada Concepción é un artigo de fe do Catolicismo que sostén a crenza en que María, nai de Xesús, a diferenza de todos os demais seres humanos, non foi alcanzada polo pecado orixinal senón que, desde o primeiro instante da creación da súa alma, estivo libre de todo pecado.

Non debe confundirse esta doutrina coa da maternidade virxinal de María, que sostén que Xesús foi concibido sen intervención de home e que María permaneceu virxe antes, durante e despois do parto.

Ao desenvolver a doutrina da Inmaculada Concepción, a Igrexa católica contempla a posición especial de María por ser nai de Xesús de Nazaret e sostén que Deus preservou a María libre de todo pecado e, aínda máis, libre de toda mancha ou efecto do pecado orixinal, que había de transmitirse a todos os homes e mulleres por ser descendentes de Adán e Eva, en atención a que ía ser a nai de Xesús, que é tamén Deus. A doutrina reafirma coa expresión "chea es de graza" contida no Saúdo do Anxo (Lc. 1,28) e na oración do Ave María este aspecto de ser libre de pecado pola graza de Deus.

Orde de Santa María do Monte Carmelo

A Orde dos Irmáns da Benaventurada Virxe María do Monte Carmelo (en latín: Ordo Fratrum Beatissimae Mariae Virginis de Monte Carmelo), máis coñecida como Orde Carmelita, é unha orde mendicante católica, que ten a súa orixe nas comunidades eremíticas que existían no século XII no Monte Carmelo, en Palestina.

Sant Gervasi-la Bonanova

Sant Gervasi-la Bonanova é un barrio do distrito de Sarrià-Sant Gervasi da cidade de Barcelona. Antigamente fora xunto con Sant Gervasi-Galvany, un municipio independente denominado Sant Gervasi de Cassoles.

O barrio está dividido principalmente en dous sectores diferenciados: o sector de Sant Gervasi, onde se atopa o núcleo máis antigo do municipio de Sant Gervasi de Cassoles, e outro sector, o de La Bonanova, nacido cando se construíu a vía que comunicou Sant Gervasi con Sarrià cara á década de 1890. Este último sector, o da Bonanova, configurouse co pretexto que ao redor do paseo homónimo empezaríanse a edificar casas benestantes de señores que volveran de América con grandes fortunas. Edificáronse torres e chalés, por esta razón pódese ver bastante diferenza arquitectónica entre o sector da Bonanova e Sant Gervasi.

Nos anos 70 e 80 derrocáronse cerca do 40% das torres que había entón, pero actualmente aínda quedan algunhas. Así mesmo pasa co barrio de Sant Gervasi, posto que hai casas que en limiar das portas teñen indicado o ano de construción -ou máis probablemente o de remodelación-, como son a casa do montón de Sant Gervasi de Cassoles nº 119 onde no limiar da porta leva o ano 1845. Isto fai pensar que como mínimo na década do 1840 remodeláronse moitas casas.

O sector da Bonanova toma o nome da Virxe María da Bonanova, que é o nome popular da Virxe María dos Afortunados, á cal dedicouse un altar o século XVIII á antiga igrexa dos santos Gervasi e Protasi situada onde agora hai a igrexa da Bonanova, e que acabou espertando máis fervor que os patróns orixinais. O nome de La Bonanova é de orixe bíblica e significa «a boa noticia», do mesmo xeito que o é o barrio veciño do Tibidabo, que en latino significa «eu dareiche».

Virxe das Dores

A Virxe das Dores é unha advocación da Virxe María. Tamén é coñecida como Virxe da Amargura, Virxe da Piedade, Virxe das Angustias, Virxe da Caridade, Virxe da Soidade ou A Dolorosa. A súa festa é o Venres de Dores ou o 15 de setembro.

A Virxe das Dores aparece frecuentemente representada no momento da Piedade co seu fillo Xesús morto no seu colo, tralo Descendemento da cruz, e outras veces con expresión de desconsolo ao pé da Cruz, sostendo sedente a coroa de espiñas do seu fillo.

En ocasións, represéntase con sete espadas que lle traspasan o corazón en alusión ás sete dores:

A profecía de Simeón.

A persecución de Herodes e a fuxida a Exipto.

Xesús perdido no Templo durante tres días.

María encontra a Xesús, cargado coa Cruz.

A Crucifixión e Morte de Xesús.

María recibe a Xesús baixado da Cruz.

A sepultura de Xesús.

Virxe do Carme

Nosa Señora de Monte Carmelo, referida comunmente e máis coñecida como Virxe do Carme, é unha das diversas advocacións da Virxe María.

Virxe do O

A Virxe do O, Virxe da Esperanza ou Virxe da Expectación, é unha advocación da Virxe María, asociada co advento e a espera da Natividade de Cristo; o período no que a Virxe estaba embarazada (en latín Maria Gravida ou Virgo Gestans).

Virxe do Rosario

Nosa Señora do Rosario, referida comunmente como Virxe do Rosario, é unha advocación da Virxe María venerada na Igrexa católica, que celebra o 7 de outubro a súa festa.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.