Vime

O vime ou vimbio é unha vara longa e fina que provén das pólas moles e flexíbeis do vimieiro, que se emprega para atar monllos, facer cestos e mobles, atar vides etc. É un material utilizado dende tempos primitivos. Hoxe desígnase coma vime calquera materia prima de orixe vexetal con características semellantes.

Mm-viminaio
Elaboración dun cesto de vime.
Plastic wicker chairs 01
Cadeira de vime plástico.

Etimoloxía

A verba galega, coincidente coa portuguesa, vime, vén do latín vimen. Tamén se lle denomina en Galicia: vimbia, vimbio, vimia, bringa.

Materiais

Alén da vimeira orixinal, na cestaría úsanse outros materiais bastante comúns como algunhas gramíneas, pólas doutros salgueiros, como o salgueiro bravo, pólas de abeleira, millo, canas e bambús. Empréganse poliñas, ou mesmo o tronco principal, sempre que sexa fino e flexíbel.

A súa composición semella feble, mais é robusta, tornándose nunha opción de materia prima barata e doada de obter. Despois de ser trenzado con firmeza, posúe gran resistencia e durabilidade.

Histórico

Na Antigüidade utilizouse este material para facer escudos, coma no Imperio Persa. Referencias documentais dan conta da súa existencia no Antigo Exipto e tamén se cre que o seu uso expandiuse na Idade de Ferro, con grande influencia no desenvolvemento da arte celta.

O vime estivo presente nos primeiros prototipos de globos e avións, polo seu baixo peso e resistencia; nos globos, até en tempos actuais, é un dos materias co que se confeccionan os cestos no que van os pasaxeiros.

Nos tempos modernos a súa estética foi influenciada fortemente polo Movemento de Artes e Oficios, do final do século XX.

O rexistro máis antigo nas Américas de artefacto de vime é o de Heywood-Wakefield, en Gardner, Massachusetts. Os artefactos antigos en vime son bastante valorados polos coleccionistas.

Véxase tamén

Artai

Artai, segundo a mitoloxía galega, é o fillo maior de Brigo, o primeiro poboador de Galicia. As lendas din que el foi o fundador do pobo dos ártabros, que se espallaron polas mariñas betanceiras cara ao Cabo Fisterra, e que lle deu nome á vila de Arteixo. Tivo unha filla chamada Celt, proxenitora da raza celta.

El Hierro

El Hierro é unha illa española situada no océano Atlántico, a máis meridional do arquipélago das Canarias. Pertence á provincia de Santa Cruz de Tenerife e a súa capital é Valverde, municipio onde se sitúan o Porto de la Estaca e o Aeroporto de El Hierro. Está formada polos municipios de Valverde, La Frontera e El Pinar de El Hierro.

O 22 de xaneiro de 2000 a illa foi declarada pola UNESCO como Reserva da Biosfera, recoñecemento que tamén ostentan as illas de La Palma e Lanzarote. Na actualidade desenvólvese un plan impulsado polo Ministerio de Fomento para convertela na primeira illa do mundo en abastecerse totalmente de enerxías renovables.Os primitivos habitantes denominábanse bimbaches.

Gabión

En enxeñería, os gabións son contedores de pedras engaioladas con malla de arame. Lévanse a pé de obra desarmados e, unha vez no seu sitio, énchense con pedras.

Gaiola

Unha gaiola é un receptáculo pechado con paredes feitas de reixas de arame de metal, madeira, vime ou outro material resistente, que se emprega para manter animais cativos, especialmente os paxaros. A forma e o tamaño depende do animal ao que se mantén capturado, e adoitan ter no seu interior caixas para a comida e bebedoiros para a auga.

Lusitanos

Os lusitanos eran un dos pobos celtiberos da península ibérica. Durante séculos o estado portugués utilizounos como os antergos máis antigos no novo estado.

Eran un pobo prerromano que habitaba parte do centro do actual Portugal, desde a beira esquerda do Douro até as inmediacións do Algarve. Séguese a dubidar sobre a súa celticidade ou si son un pobo nativo influído por correntes centroeuropeas.

Mártires do século XX en España

Neste artigo móstrase a lista dos santos e beatos mártires do século XX en España.

Os procesos de beatificación instruíronse nos anos corenta e cincuenta, durante o franquismo. En 1964 Paulo VI, despois de consultar aos bispos españois, decidiu introducir unha moratoria, especialmente para evitar interpretacións políticas que puidesen instrumentalizar a decisión da Igrexa. Cara a 1980, xa morto Franco e restablecida a democracia en España, pensouse que a situación cambiara xa o suficiente como para que, en principio, tales interpretacións non se desen. Foi en 1983 cando comezaron a darse os pasos últimos que levaron ás primeiras beatificacións de mártires dos anos trinta.Toda beatificación é un acto do papa que permite o culto local dun Servo de Deus, facendo pública a súa decisión mediante unha Carta apostólica.

Palacio de Topkapi

O Palacio de Topkapi (Topkapı Sarayı en turco, literalmente o 'Palacio da Porta dos Canóns' — por estar situado preto dunha porta con ese nome), situado en Istambul, foi o centro administrativo do Imperio otomán dende 1465 até 1853. A construción do palacio foi ordenada polo sultán Mehmed II en 1459, e foi completada en 1465. O palacio está situado entre o Corno de Ouro e o Mar de Mármara, e dende el tense unha espléndida vista do Bósforo. Está formado por moitos pequenos edificios construídos xuntos e arrodeados por catro patios.

O palacio está construído seguindo as normas da arquitectura segrar turca, sendo o seu máximo exemplo. É un entramado complexo de edificios, unidos por patios ou xardíns sendo a superficie total do complexo de 700.000 m², arrodeados por unha muralla bizantina.

En 1853, o sultán Abdulmecid decidiu trasladar a súa residencia ao recentemente construído e moderno Palacio de Dolmabahçe. Na actualidad, o Topkapi é un museo da época imperial, sendo unha das maiores atraccións turísticas de Istambul.

Palacios de Sanabria

Palacios de Sanabria (en leonés: Palacios de Senabria) é un concello e localidade española da provincia de Zamora, na comunidade autónoma de Castela e León. Atópase ao noroeste da provincia, na comarca de Seabra.

Pan

O pan (do latín panis) é un alimento básico que forma parte da dieta tradicional en Europa, Oriente Medio, India, América e Oceanía. Adóitase preparar mediante o enfornado dunha masa, elaborada fundamentalmente con fariña de cereais, sal e auga; en ocasións engádense outros produtos para conferirlle determinadas calidades, como especias, froitos secos, froitas confitadas, mel etc. A mestura, na maioría das ocasións, adoita conter lévedos para que fermente a masa e sexa máis esponxosa e tenra.A adición do lévedo provoca a fermentación da masa antes do enfornado, e como consecuencia, proporciónalle volume e esponxosidade debido á produción de pequenas burbullas de dióxido de carbono (CO2) que quedan inmersas entre a masa húmida da fariña. Ao pan elaborado sen o emprego de levedo chámaselle pan ácimo e, debido a esa falta de lévedo, carece da esponxosidade típica dos pans "inchados" ou "lévedos"; pode ser cocido no forno, asado nunha prancha ou mesmo frito.

É moi posible que as elaboracións máis primitivas de pan non levasen lévedo, e a fariña consistise en grans malamente moídos mesturados con auga que se deixaban secar ao sol ou que acababan entre as cinzas dun lume. Os pans aplanados, moi populares nalgunhas culturas, é moi posible que sexan os de fabricación máis antigos. Unha variante do pan con denominación propia, son as galletas e os pasteis, que posúen diferentes masas azucradas. É moi posible que xurdisen do coñecemento panadeiro como unha necesidade de facer pans "máis manexables" e nutritivos.Á masa pódenselle dar diferentes formas, debido ao emprego de diversos moldes e técnicas de amasado. Desta forma existen: as barras, os moletes, os roscóns, o pan de molde, as roscas etc.

A fariña máis habitual é a de trigo, pero tamén se elabora coa fariña doutros cereais, como o centeo, cebada ou millo (a broa) e mesmo doutros produtos, como o arroz, a pataca e a soia.

As partes principais son a codia (parte exterior, que adoita ser rexa e torrada) e mailo miolo (parte interior branda e esponxosa).

O pan foi tan importante na alimentación humana, que se considera como sinónimo de alimento en moitas culturas. Así mesmo, participa en moitos rituais relixiosos e sociais, como o matzoh, na Pascua xudía, a hostia na eucaristía cristiá, o rito de benvida dos pobos eslavos que involucra o pan e o sal etcétera.

Antigamente nas zonas rurais, o pan era elaborado nos núcleos familiares e os poucos establecementos para dispensar o pan, as panaderías, foron cobrando importancia nas zonas urbanas. Hoxe en día existen electrodomésticos específicos cos que se pode elaborar pan de forma moi sinxela, como por exemplo na máquina panificadora.

Na actualidade o pan é un dos alimentos básicos que pode atoparse en case calquera tenda de alimentación e grandes superficies. O seu valor fai que se poidan calcular índices económicos de referencia, como o índice de prezos ao consumo (IPC), empregado para determinar a evolución do custo de vida nas nacións.

RMS Titanic

O RMS Titanic (en inglés: Royal Mail Steamship Titanic) foi un transatlántico construído en Irlanda, que afundiu na súa viaxe inaugural a través do océano Atlántico Norte ao colisionar cun iceberg a noite do 14 ao 15 de abril de 1912 na viaxe a Nova York. Finaron máis de 1500 persoas e recolléronse soamente uns 300 corpos do mar. Considérase popularmente a maior traxedia naval dun só buque da historia, aínda que outros afundimentos producisen máis vítimas, coma os do Steuben (4500) ou o MV Wilhelm Gustloff (7000).

O Titanic era o segundo dun trío de transatlánticos, a clase Olympic, que pretendía dominar o negocio das viaxes transoceánicas a principios do século XX.

O RMS Olympic foi botado ao mar no 1910 e entrou en servizo no 1911, o Titanic foi botado no 1911 e entrou en servizo no 1912, e o HMHS Britannic (orixinalmente RMS Gigantic) foi botado no 1914 e entrou en servizo no 1915, aínda que o comezo da Gran Guerra fixo que nunca prestase servizo comercial, sendo destinado a buque hospital.

Foron deseñados por Thomas Andrews e eran propiedade da White Star Line, construíronse nos estaleiros de Harland and Wolff en Belfast (Irlanda do Norte, Reino Unido), a clase Olympic destacaba polo seu tamaño, luxo e avances técnicos fronte aos Transatlánticos da competencia, o RMS Mauretania e o RMS Lusitania, da Cunard Line. O Titanic foi o barco de pasaxeiros máis grande e luxoso da época xunto co Olympic.

O afundimento do Titanic e o gran número de vítimas supuxo unha modificación da normativa de seguridade naval. En 1914 foi aprobado o convenio SOLAS de seguridade no mar.

Rosquilla

Unha rosquilla (diminutivo de rosca) é unha doce de pequeno tamaño en forma de rosca pequena elaborado principalmente cunha masa de fariña, ovos e azucre, que se enforna ou frixe en aceite e vai cuberta de azucre derretido. Fanse con distintos tipos de masa, desde unhas masas máis ou menos esponxosa até masas de follado.

Un rosquilleiro ou rosquilleira é a persoa que fai ou vende rosquillas.

Salgueiro branco

O salgueiro branco (Salix alba) é unha especie de salgueiro (familia das salicáceas) de rápido crecemento nativa de Europa e do oeste e centro de Asia. O nome deriva do ton abrancazado do envés das súas follas. Desta especie obtense o ácido salicílico usado na menciña. É unha árbore común nas ribeiras galegas.

O vimieiro dourado (Salix alba 'Vitellina') é unha variedade desta árbore de pólas douradas común nos prados galegos para tirar os vimes, coma ocorre co vimieiro común.

Soneira Sociedade Deportiva

O Soneira Sociedade Deportiva é un equipo galego de fútbol da vila de Vimianzo, refundado en distintas ocasións, a última en 1995. Na actualidade xoga no Grupo 2 de Primeira Autonómica de Galicia.

Vimieiro (árbore)

O vimieiro ou vimbieira (Salix viminalis) é unha arboriña ou arbusto do xénero Salix (salgueiros), da familia das salicáceas da que se tiran os vimes.

Xardinaxe

A xardinaxe ou xardinaría é a práctica, arte ou actividade de cultivar ou coidar plantas como parte da horticultura. Dáse principalmente en xardíns con plantas ornamentais que se cultivan polas flores, a follaxe ou pola aparencia xeral. As plantas útiles, como as hortalizas de raíz, as de folla, as froitas, as herbas, cultívanse para alimentación, como colorantes, ou para uso medicinal ou cosmético. Porén en lingua galega, e en xeral nas linguas latinas, o termo xardinaxe só designa o eido ornamental, deixando o eido do cultivo de especies útiles e comestíbeis á olericultura, pomoloxía, fruticultura, ou horticultura en xeral.

Un xardineiro, é aquel que practica a xardinaxe, xa sexa de xeito profesional coma por hobby.

A xardinaxe vai logo dende os pomares e bulevares, cun ou máis tipos diferentes de árbores, arbustos, ou herbáceas, até os xardíns residenciais, incluíndo céspedes, plantas en vasos e contedores, tanto de exterior coma interior. A xardinaría pode ser moi especializada, centrándose nunha soa especie ou cultivo, ou acoller un gran número de especies vexetais en plantacións mixtas. Ademais se envolve moito no cultivo intensivo das plantas, de xeito que se diferenza da agricultura ou do sector forestal.

Galicia salienta polos xardíns históricos dos pazos, influenciados pola xardinaxe moderna inglesa. Tamén polos xardíns, pomares e hortas nos eidos privados característicos do espallamento territorial do país onde se mesturan especies autóctonas e foráneas, froiteiras e ornamentais.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.