Viño da Terra de Betanzos

O Viño da Terra de Betanzos é unha Indicación Xeográfica Protexida galega empregada para designar os viños de mesa orixinarios da zona vitícola de Betanzos. Comprende os concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, e algunhas parroquias dos de Abegondo[1], Oza-Cesuras[2] e Sada[3].[4][5]

Esta indicación xeográfica foi regulamentada en 2000[6], constituíndo unha entidade para a comarca vitivinícola recoñecida e que está máis ao norte da comunidade galega.[5] Esta indicación pretende recuperar o prestixio do viño dunha zona historicamente vitivinícola desde o medievo.[7]

Historia

Areeiro Betanzos
Porto de Betanzos, Adegueiro.

Betanzos foi terra de alta produción de viño desde o medievo, cando menos desde o século XVI. Nese século están documentadas ordenanzas de regulación da produción e os tempos de vendima.[8] Algúns textos recollen como se traballaban as as viñas en Betanzos, ou Bergondo, e se contrataban xornaleiros para iso, e incluso como se exportaba a América.[8] Xa entón era unha das principais mercadorías no porto da cidade[9].

O seu cultivo estivo a piques de desaparecer por varias pragas no século XIX. A tradición na produción e comercialización de viño en Betanzos continuou como viño de mesa en empresas como Coes que tivo aceptación comercial ata xurdir o viño con denominacións de orixe e comercializado con marcas. Actualmente o viño de Betanzos é un viño lixeiro, froiteiro e de pouca gradación. Prodúcese en variedade branca e tinta. A tradición é tomalo nos loureiros, son adegas de particulares sinaladas cunha rama de loureiro na porta. O consumo e venda deste viño está concentrada na zona e non é doado atopalo á venda xa que está centrada a produción no autoconsumo.

Viños e variedades de uva

Nesta indicación prodúcense viños brancos, tintos e monovarietais.[5] As variedades de uva que levan este viño, en cando menos un 60% son[5][4]:

Adegas

En 2017 a extensión das viñas desta variedade ocupaban unhas 9.75 ha. nas que se 6 viticultores producíron 16 toneladas de uvas e 5 mil litros de viño.[10][11] Algunhas das adegas que producen, ou que o produciron deste viño, son as Adegas Beade, Adegas Lorenzo Bescansa, Bodegas Eladio, Bodegas Rilo, Codeseira, Ladeiras de Paderne, Ribeiras de Armea ou Viña Ártabra.[7]

Galería

Betanzos Río Mendo e Mandeo 1

Abas con viñas a carón do Mandeo en Betanzos.

Betanzos Río Mendo e Mandeo 8
Betanzos Brabío Viñas 1

Viñas en Brabío.

Betanzos Brabío Viñas 3

Notas

  1. No caso de Abegondo inclúense as parroquias de Abegondo, Cabanas, Cerneda, Cos, Cullergondo, Leiro, Limiñón, Mabegondo, Meangos, Montouto, Presedo, Sarandóns, Vilacova e Viós
  2. No caso de Oza-Cesuras inclúense as parroquias de Bandoxa, Cis, Cuíña, Mondoi, Oza, Porzomillos, Reboredo, Salto e Vivente
  3. No caso de Sada inclúense as parroquias Osedo e Soñeiro.
  4. 4,0 4,1 Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia (eds.). "Viños da terra: Viños da terra de Betanzos". Arquivado dende o orixinal o 15/09/2017. Consultado o 1/9/2019.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación - Ministerio para la Transición Ecológica, Goberno de España (eds.). "Indicación Geográfica Protegida "Betanzos"".
  6. Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (eds.). "ORDE do 8 de novembro de 2000 sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa comarca vitivinícola.". DOG, Xunta de Galicia.
  7. 7,0 7,1 galiciaenpie.com (eds.). "Vinos de la Tierra: Betanzos". Consultado o 1/9/2018.
  8. 8,0 8,1 Meijide Pardo, Antonio (Abril de 1991). "Aspectos de la vida económica de Betanzos en el siglo XVIII" (PDF). Anuario Brigantino.
  9. "Viño de Betanzos". Turismo Betanzos. Consultado o 04 de setembro de 2018.
  10. Galicia Calidade, Xunta de Galicia (eds.). "Viños da Terra".
  11. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación Territorial, Xunta de Galicia (eds.). "Ficha técnica: Indicación xeográfica protexida Betanzos" (PDF).

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Betanzos

Betanzos é un concello e cidade da provincia da Coruña, pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE no ano 2017 tiña 12.941 habitantes (13.352 no 2015, 13.673 no 2010).

Betanzos foi unha vila creada polo rei Afonso IX, tras aceptar en 1219 o traspaso da poboación de Betanzos O Vello ao lugar de Castro de Untia. Betanzos viviu o seu auxe no baixo medievo, medrando polo comercio da pesca, o viño e dos fornos, e nela instauráronse fidalguías e gremios importantes. Foi declarada cidade do Reino de Galicia polo rei Henrique IV en 1465. Betanzos foi capital de provincia entre os séculos XVI e XVIII. As casas de Fonte de Unta, as súas murallas e portas, as súas igrexas como as de San Francisco e Azougue, a Torre de Lanzós ou a Torre do reloxo na igrexa de Santiago fan que sexa a referencia galega do gótico e unha cidade declarada conxunto histórico-artístico.Outro patrimonio de interese de Betanzos son as súas igrexas románicas de Brabío, Pontellas ou Tiobre; os edificios neoclásicos de San Antonio de Padua, o Arquivo do Reino de Galicia ou o pazo de Piadela; e conxuntos modernistas como a Casa Núñez, a escola de García Naveira ou o Parque do Pasatempo.

A súa ría, coa súa marisma, e os ríos Mendo e Mandeo, que pasan por Betanzos e bordean a cidade, son parte da zona especial de conservación (ZEC) Betanzos - Mandeo. A ribeira de Piadela e a súa parte do encoro forman parte do ZEC Encoro de Abegondo - Cecebre. Destacan destes espazos a súa diversidade de ribeira, e da marisma no caso do Betanzos-Mandeo. Betanzos forma parte da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é betanceiro, brigantino ou popularmente garelo.

Viño romano

O viño romano é un viño tradicional galego de produción caseira destinada ao autoconsumo, manténdose afastado das canles habituais de comercialización.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.