Verniz

O verniz[1] é unha película de acabado case transparente, usada xeralmente sobre madeira e outros materiais para protección, profundidade e brillo. A súa formulación tradicional contén aceite secante, resinas e un disolvente como augarrás, aínda que tamén se utilizan tamén derivados de petróleo como poliuretano ou epoxi. En oposición ás pinturas, o verniz non contén un pigmento para resaltar a textura ou a cor natural. É utilizado tamén como última capa sobre pintura, para a súa protección e para obter un efecto de profundidade. Aplicada como un líquido, cun pincel ou pulverizador, forma unha película ao secar en contacto co ar.

Hermann Hesse Desk Museum Gaienhofen.jpeg
Mobles con acabado superficial vernizado

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para verniz.

Véxase tamén

Outros artigos

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Algodón

Este artigo trata sobre a fibra, para a planta véxase o artigo algodoeiro.

O algodón ou cotón é unha fibra branca ou esbrancuxada que se obtén dos froitos dos algodoeiros (algunhas especies do xénero Gossypium, familia Malvaceae). Hai moitas especies nativas das áreas tropicais de África, Asia e América, e desde o final da última Era glacial xa se confeccionaban tecidos con algodón. Actualmente, soamente se aproveitan 4 especies a grande escala para a confección de tecidos e instrumentos médicos.

Augaforte

A Augaforte é un proceso de impresión no que un ácido forte penetra nas partes desprotexidas dunha lámina de metal coa intención de realizar un gravado na propia lámina (ese é o proceso orixinal; actualmente pódense empregar outros produtos químicos e láminas doutros materiais). Xunto co gravado é unha das técnicas máis empregadas nas antigas obras de impresión, e aínda hoxe é amplamente usada.

Castelanismos léxicos

Os castelanimos léxicos son aqueles que se deixan sentir no apartado léxico dentro da lingua galega.

Castro de Santa Trega

O Castro de Santa Trega é un castro galaico e un sitio arqueolóxico que se atopa no contorno do monte de Santa Trega. Pertencente á cultura castrexa e o máis emblemático e visitado dos castros galegos. Foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931 e tamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural.

No castro atópanse desde petróglifos, en varias das pedras do monte, elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro, que, seguindo a tese mantida por de la Peña Santos, director das últimas campañas de escavacións arqueolóxicas na década dos oitenta, tivo unha ocupación continuada entre o século I a. C., ao pouco de comezar o proceso de romanización de Galicia, e o século I d. C., e que a partir dese momento comezou un lento proceso de abandono, que ben puido ter sido interrompido por reocupacións esporádicas temporais en época tardorromana.

Cerámica grega

Até o século III a.C., a cerámica grega foi especialmente apreciada en todo o Mediterráneo e xerou un intenso comercio. O motivo do seu éxito debeu ser non tanto a beleza da decoración, pois hai fermosas cerámicas das máis diversas orixes, como a calidade da súa factura, que, ademais, permitiu que as pezas se preservasen en grande cantidade e bo estado nos sitios arqueolóxicos.

Colodión húmido

O Colodión húmido é un procedemento fotográfico creado no ano 1851 por Frederick Scott Archer que supuxo un grande avance no desenvolvemento da fotografía. O método supón a utilización do colodión, unha especie de verniz que se aplica ás placas, sobre o cal se entende a emulsión química, así como unha placa de cristal transparente e pulida que permite a obtención de imaxes nítidas en negativo ou, incluso, positivo.

Chámase colodión húmido porque a placa ha de permanecer húmida durante todo o procedemento de toma e revelado das imaxes. Isto supuña que os fotógrafos tiñan que levar consigo o laboratorio fotográfico a fin de preparar a placa antes da toma e proceder a revelala inmediatamente. Xeneralizouse así o uso de tendas de campaña e carromatos reconvertidos en laboratorios para os fotógrafos que traballaban no exterior.

Outro dos grandes inconvenientes deste método era o da fraxilidade das placas de cristal empregadas como soporte, que en multitude de ocasións acababan raiadas ou rotas.

Co emprego deste procedemento conseguiuse reducir o tempo de exposición a un máximo de trece segundos e un mínimo dun segundo, o cal provocou unha diminución dos custos. Outra das grandes vantaxes era a estabilidade da emulsión empregada.

A súa xeneralización motivou o abandono do emprego doutros procedementos como o daguerrotipo ou o calotipo, á vez que supuxo a popularización do acceso ó mercado de imaxes de famosos por parte das clases obreiras.

Na década de 1870 o seu uso acabou sendo desprazado pola aparición da instantánea fotográfica e o carrete fotográfico.

Escritura celtibérica

A escritura celtibérica é unha escritura paleohispánica que é a adaptación case directa da escritura ibérica nororiental ás particularidades da lingua celtibérica. Sobre a orixe das escrituras paleohispánicas non hai consenso: para algúns investigadores a súa orixe esta directa e unicamente vinculado ao alfabeto fenicio, mentres que para outros na súa creación tamén influiría o alfabeto grego.

Como o resto de escrituras paleohispánicas, esta escritura presenta signos con valor silábico, para as oclusivas, e signos con valor alfabético, para o resto de consoantes e vogais. A partir do punto de vista da clasificación dos sistemas de escritura non é nin un alfabeto nin un silabario, senón unha escritura mixta que se identifica normalmente como semisilabario. O signario básico está formado por 26 signos, en lugar dos 28 do signario ibérico nororiental orixinal, posto que se elimina unha das dúas vibrantes e unha das tres nasais: cinco vogais, 15 silábicos e 6 consonánticos (unha lateral, dúas sibilantes, unha vibrante e dúas nasais).

O signo que en ibérico se transcribe como s adóitase transcribir en celtibérico como z porque en ocasións parece representar o resultado fricativo dunha antiga oclusiva dental, mentres que o signo que se transcribe como ś en ibérico transcríbese como s en celtibérico.

O signario celtibérico ten dúas variantes diferenciadas polos valores dos signos nasais: na variante oriental a nasal eliminada é a que en ibérico se identifica con m', mentres que na variante occidental a nasal eliminada é a que en ibérico se identifica con m, circunstancia que se interpreta como proba dunha dobre orixe. Ademais, cabe destacar que algunhas das inscricións da variante occidental presentan indicios de uso do sistema dual que permite diferenciar os silabogramas oclusivos dentais e velares xordos dos sonoros cun trazo engadido: a forma simple representa a sonora e a forma complexa a xorda. Finalmente, tamén cabe sinalar que nun reducido grupo de inscricións documéntase a redundancia vocálica dos signos silábicos.

Esta escritura, ao igual que o seu modelo, escríbese de esquerda a dereita e o seu ámbito natural de uso é a val do Ebro e as cabeceiras do Texo e Douro que corresponden ao territorio dos celtiberos. As inscricións celtibéricas aparecen sobre soportes moi variados (moedas de prata e bronce, téseras de prata ou bronce, plaquetas de bronce, cerámicas de verniz negro, ánforas, fusaiolas, placas de pedra etc.), pero non superan os dous centenares, aínda que algunha delas é excepcionalmente longa como o terceiro bronce de Botorrita (Zaragoza) con máis de tres mil signos que contén un tipo de censo de aproximadamente 250 persoas. Os contextos arqueolóxicos da maioría de inscricións son descoñecidos, circunstancia que non permite precisar excesivamente a cronoloxía real de uso deste signario, aínda que o seu uso en moedas é claro nos séculos -II e -I.

Escritura ibérica nororiental

A escritura ibérica nororiental (tamén coñecida como levantina ou simplemente ibérica por ser con diferenza a máis usada) é a escritura paleohispánica que foi o vehículo principal de expresión da lingua ibérica, lingua que tamén expresan as inscricións en escritura ibérica suroriental, pero cabe destacar que o valor da maioría de signos destas escrituras non coincide en absoluto, aínda que o repertorio de signos é similar. Aínda así, a hipótese máis aceptada considera que a escritura nororiental deriva directamente da escritura suroriental. Sobre a orixe das escrituras paleohispánicas non hai consenso: para algúns investigadores a súa orixe está directa e unicamente vinculado ao alfabeto fenicio, mentres que para outros na súa creación tamén influiría o alfabeto grego.

Como o resto de escrituras paleohispánicas, esta escritura presenta signos con valor silábico, para as oclusivas, e signos con valor alfabético, para o resto de consoantes e vogais. A partir do punto de vista da clasificación dos sistemas de escritura non é nin un alfabeto nin un silabario, senón unha escritura mixta que se identifica normalmente como semisilabario. O signario básico está formado por 28 signos: cinco vocálicos, 15 silábicos e 8 consonánticos (unha lateral, dúas sibilantes, dúas vibrantes e tres nasais). O seu desciframento, culminado o 1922 por Manuel Gómez-Moreno, é practicamente total e baséase principalmente na existencia de numerosas lendas monetarias, algunhas bilingües ou case bilingües, facilmente relacionábeis con topónimos coñecidos polas fontes clásicas. Do signario ibérico nororiental coñécense dúas variantes: a variante dual é case exclusiva das inscricións máis antigas dos séculos -V, -IV e -III e caracterízase polo uso do sistema dual, descuberto por Joan Maluquer de Motes o 1968, que permite diferenciar os silabogramas oclusivos dentais e velares xordos dos sonoros cun trazo engadido de forma que a forma simple representa á sonora e a forma complexa á xorda. A variante non dual é case exclusiva das inscricións máis modernas dos séculos -II e -I.

A escritura ibérica nororiental escríbese moi maioritariamente de esquerda a dereita e usouse fundamentalmente no cuadrante nororiental da Península Ibérica: unha ampla franxa costeira a partir do sur do Languedoc-Rosellón ata Alacant que penetra cara o interior polo val do Ebro e que corresponde á maior parte dos pobos que as fontes clásicas identifican como iberos (indiketes, ausetanos, laietanos, lacetanos, cosetanos, ilerxetes, ilercavóns, sedetanos, edetanos, contestanos etc.). Os contextos arqueolóxicos máis antigos sitúanas a finais do século -V, mentres que as máis modernas son de finais do século -I, ou quizais de principios do século I. As inscricións nororientais aparecen sobre soportes moi variados (moedas de prata e bronce, láminas de chumbo, cerámicas áticas, cerámicas de verniz negro A e B, cerámicas pintadas, dolias, ánforas, fusaiolas, ronseis e placas de pedra, mosaicos etc.) e é con diferenza o signario paleohispánico máis documentado, uns dous milleiros de inscricións, que representan o 95% do total.

Esmalte (revestimento)

No ámbito da tecnoloxía e da arte, o esmalte, (ou esmalte vidrado, ou esmalte porcelánico) é o resultado da fusión do cristal en po cun substrato nun proceso de quecemento, normalmente entre 750 e 850 ºC. O po funde e logo endurécese formando unha cobertura suave e vidrada moi duradeira no metal, o vidro ou a cerámica. A miúdo aplícase o esmalte en forma de pasta, e pode ser transparente ou opaco cando se quece. O esmalte vidrado pode aplicarse á maioría dos metais.

O esmalte vidrado ten moitas propiedades excelentes. é suave, resistente ás agresións mecánicas ou químicas, duradeiro, pode manter cores brillantes durante moito tempo e non é combustíbel. Entre as súas desvantaxes destaca a súa tendencia a romper cando o substrato se somete a deformacións ou esforzos.

A durabilidade do esmalte proporcionoulle moitas aplicacións funcionais, incluíndo os carteis publicitarios de comezos do século XX, as paredes interiores de fornos, cazolas e outros recipientes de cociña, así como xoias e outros obxectos decorativos de artesanía.

Fotografía

A fotografía é a técnica e arte de gravar imaxes fixas e duradeiras sobre unha superficie de material sensible á luz baseándose no principio da cámara escura. Na cámara escura conséguese proxectar unha imaxe captada por unha lente ou un conxunto de lentes sobre unha superficie, de tal forma que o tamaño da imaxe queda reducido e aumenta a súa nitidez. Para almacenar esta imaxe as cámaras fotográficas utilizaban ata hai algúns anos exclusivamente as películas sensibles, mentres que na actualidade empréganse tamén sensores dixitais.

A palabra fotografía procede do grego e significa "debuxar coa luz" (de photos = luz, e graphis = debuxo).

A fotografía pode ser clasificada baixo a máis ampla denominación de tratamento de imaxes e, debido a isto, fascinou tanto a científicos como a artistas dende os seus inicios. Os científicos, sobre todo, aproveitaron a súa capacidade para plasmar con precisión todo tipo de circunstancias e estudos, tales como os estudos sobre locomoción humana e animal de Eadweard Muybridge (1887). Os artistas tamén foron seducidos por estes aspectos pero trataron sempre de ir máis alá da mera representación foto-mecánica da realidade.

Desde 1991, o día 19 de agosto celébrase o Día Internacional da Fotografía. En tal día do ano 1839, as autoridades francesas anunciaron publicamente a patente do daguerrotipo, o sistema desenvolvido por Louis Daguerre nese mesmo ano e que se considera o precursor da fotografía moderna.

Gravado

O gravado é a arte de converter (e tamén a transformación en si) unha superficie plana nunha matriz que serve de punto inicial para a reprodución dunha imaxe.

O gravado (que literalmente é facer unha incisión) faise normalmente sobre metal ou sobre madeira (xilografía). Mediante o proceso de gravar obtense unha matriz que se utilizará para estampar, normalmente sobre papel ou tea, e obter o que comunmente se chama "gravado" pero que especificamente é unha estampa. Este proceso permite obter varios exemplares dunha mesma matriz, aínda que cada unha das estampas ou copias é unha obra única. Segundo a técnica ou material usados, poden ser:

Gravado en relevo (xilografía, linoleografía...)

Gravado en oco (buril, punta seca, maneira negra, augaforte, augatinta, verniz brando...)

Gravado planográfico (litografía, serigrafía...)

Heliografía

A heliografía é un procedemento fotográfico creado por Joseph Nicéphore Niépce, quen distinguía entre as imaxes que sendo obtidas con este método supuñan reproducións de gravados xa existentes, chamadas heliogravado, e as imaxes captadas directamente do natural pola cámara, ás que chamaba puntos de vista.

O procedemento supuña a utilización da cámara escura e o emprego de diferentes materiais como soporte sensibilizado, entre eles o papel, o cristal ou diversos metais como o estaño, o cobre, o peltre, entre outros. Para a obtención das imaxes precisábase un tempo de exposición da placa á luz de dúas horas.

Segundo o contrato de asociación subscrito con Daguerre, o día 14 de decembro de 1829, para o desenvolvemento e comercialización do invento, o método encontrábase composto dos seguintes pasos: nunha pedra, un papel ou unha placa de metal - de cobre prateada, por exemplo- estendíase un verniz realizado con betume de Xudea disolto en aceite esencial de lavanda, posteriormente se expoñía a placa á luz na cámara escura, para pasar despois a bañar a mesma nun disolvente composto de aceite de lavanda e de aceite de petróleo branco e, posteriormente, lavalo con auga temperada, podéndose entón apreciar a imaxe obtida.

Este método non resolveu totalmente a cuestión da fixación das imaxes, motivo polo cal se acababan perdendo.

Joseph Nicéphore Niépce

Joseph-Nicéphore Niépce, nado en Chalon-sur-Saône (Borgoña) o 7 de marzo de 1765 e finado en Saint-Loup-de-Varennes o 5 de xullo de 1833, foi un terrateniente francés, químico, litógrafo e científico afeccionado que inventou, xunto ao seu irmán, un motor para barcos e, xunto a Louis Daguerre, a fotografía.

Louza

Denomínase louza á terracota esmaltada ou vernizada, de pasta fina, porosa, absorbente e opaca. Esta pasta está composta de varias arxilas brancas mesturadas con terras silíceas calcinadas. Segundo sexa a clase de arxila así adquirirá a cor despois de cocida, que pode ser amarela, vermella, parda ou negra. Alcanza unha gran dureza e resistencia. O impermeabilizado da louza conséguese cun verniz fluído que contén sílice, minio, branco de chumbo e galena, todo isto moído en auga antes da súa cocción. É moi útil para os obxectos domésticos.

Mástique

O mástique é unha resina obtida do lentisco (Pistacia lentiscus). A resina véndese no mercado en forma de gotas ou lágrimas arredondadas, de arredor de 5 mm de diámetro.É amarela clara, bastante brillante, ficando máis opaca co tempo. Pode ser quebradiza, mais amolece coas baixas temperaturas. O mástique fresco disólvese en alcol e esencia de terebintina, formando un verniz perfectamente claro, sendo insolúbel nas esencias minerais. A cidade grega de Mastichochoria é coñecida coma un importante centro produtor do mástique.

Emprégase xeralmente na construción, para reencher ocos, tapar xuntas estáticas ou con lixeiro movemento tales como: xuntas de carpintaría (madeira, aluminio e PVC) de obra, vidros, entre outras utilidades.

O mástique utilízase na gastronomía turca coma base do sorbete dondurma.

O seu nome en castelán (almáciga) dálle nome a un barrio e un parque de Santiago de Compostela.

Pílula

En farmacoloxía, unha pílula (probablemente do latín pílula que significa «pelota pequena»), é unha forma farmacéutica sólida, redonda de administración oral, pouco usada dende a aparición dos comprimidos e cápsulas. As pílulas son de preparación artesanal na que se mesturan os ingredientes activos con excipientes como xaropes de glicosa nun morteiro resultando nunha pasta á que se lle dá a forma de cilindro delgado. Logo secciónase ou dividese en porcións individuais de igual tamaño en forma de pequenas esferas e cóbrense cun verniz azucarado para facelos máis agradábeis á inxestión.

Selo postal

Un selo postal é un comprobante do pago previo dos envíos efectuados polo correo en forma de etiqueta, xeralmente engomada, ou directamente impreso. O selo tipo é un pequeno papel rectangular que se pega a un sobre e que indica que a persoa que realiza o envío pagou o servizo.

Terra sigillata

A terra sigillata é un tipo de cerámica romana fina en terra cocida que presenta unha especie de engobe ou verniz, normalmente brillante, de cor vermella ou alaranxada. A vaixela sigillata leva con frecuencia unha marca sobre o fondo interior feita polo oleiro antes da cocción cun punzón (sigillum, en latín, de onde procede o nome). Esta marca reproduce, abreviado, o nome do alfareme. As pezas decóranse con motivos en relevo (métopas, pequenos frisos, barbotina) realizados a partir de formas en terra cocida sobre as que se realizou o negativo da decoración coa axuda tamén dun punzón.

É unha vaixela de medio luxo utilizada fundamentalmente para o servizo da mesa. Para os arqueólogos supón un dos mellores trazadores cronolóxicos xa que a súa produción era normalizada e en serie: nun período dado dábanse formas idénticas en obradoiros ás veces moi afastados entre si.

A cerámica sigillata orixinouse no oriente helénico (Samos, Megara, Pérgamo) entre os séculos II e I a. C. Cara mediados do século I a.C., en época augustal esta técnica de fabricación foi imitada en Italia e suplantou as vaixelas de verniz negro campaniense. Difundiuse rapidamente fóra da península á Galia, Península Ibérica e África do Norte. Durante o primeiro século d.C. a maioría dos obradoiros sitúanse na parte oriental da Galia e até o Rin salientando La Graufesenque que exportaba de xeito masivo ao resto do imperio, en Italia destacaban as producións de Roma, Arezzo e Puzzoles que diminuíron a súa produción pola competencia dos obradoiros da Galia. Este tipo de cerámica deixouse de facer durante o século III d.C.

Na Gallaecia non existiu ningún obradoiro que producise sigillata. As importacións procedían inicialmente de Arezzo ("cerámica aretina") ou das Galias, e posteriormente de Hispania. Estas tres son as variedades principais de cerámica sigillata.

O termo terra sigillata data de finais do século XIX e foi inventado polos arqueólogos, que a consideran como un dos mellores trazadores cronolóxicos. Hans Dragendorff presentou o primeiro repertorio en 1895, agrupando 55 formas que aínda se utilizan hoxe en día.

Témpera

A témpera é unha técnica pictórica que utiliza cores diluídas en auga mesturadas con aglutinantes, por exemplo auga con cola forte ou con xema de ovo batida, o ovo enteiro ou soamente a clara, usada para esluír as cores da pintura ao témpero e fixalas.

Por extensión chámase témpera á preparación pictórica que utiliza esta técnica ou á obra realizada con esta técnica.

Referida na obra de Cennino Cennini, Il Libro dell´Arte, do final do século XIV, a técnica de pintura a témpera foi largamente utilizada na arte italiana nos séculos XIV e XV, tanto en frescos como en paneis de madeira preparados con xeso ou xiz. Dadas as limitacións da técnica na gradación das tonalidades dunha cor, esta sería substituída, por pintores e artesáns, pola pintura ao óleo.

Dende o punto de vista tecnolóxico, a gradación de tonalidades e a fusión de cores son difíciles por mor do secado rápido. De aí, a técnica utilizada para esa fin é a sobreposición de pinceladas coa pintura seca, con puntos ou liñas claras ou escuras, e con cruzamento de riscos. Pódese tamén traballar co verniz resinoso ou cunha goma sobre a tinta, realzando o brillo e os matices. En canto ao resultado final, as cores da témpera son brillantes e translúcidas, no entanto é posíbel crear cores opacas e fortes, sempre que o pigmento sexa menos diluído no aglutinante.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.