Valenciano

O valenciano (valencià) é a denominación histórica, tradicional e estatutaria usada no País Valenciano e de xeito extraoficial na comarca murciana do Carche para referirse á mesma lingua que se denomina catalán en Cataluña, as Illas Baleares, a Franxa de Aragón, Andorra, a Cataluña Norte e a cidade sarda de L'Alguer. Constitúe, por outra banda, unha entidade lingüística propia, denominada moitas veces xa desde a Idade Media lingua valenciana[1], sen prexuízo de constituír unha das principais variantes dialectais do idioma catalán[2], canda o catalán central e o catalán balear.

O País Valenciano conta coa Academia Valenciana da Lingua (AVL) como entidade oficial encargada de elaborar a normativa lingüística da lingua dende a propia modalidade valenciana, canda o Institut d'Estudis Catalans (IEC). Este órgano foi creado pola Generalitat Valenciana en 1998 co consenso maioritario das Cortes Valencianas.

O valenciano, dialectoloxicamente falando, non se pode considerar un dialecto encadrado no marco político-administrativo do País Valenciano. O feito de que os dialectos da lingua catalá formen un continuum lingüístico fai que moitos dos trazos valencianos cheguen alén das Terras do Ebro catalás e aragonesas catalá-parlantes, así e todo, chegando ao Baix Camp e ao Baix Cinca, pódense incluír as falas desta zona dentro do valenciano.

Subdialectes del valencià
Subdialectos do valenciano.
Extensió del valencià al País Valencià
Zonas de predominio lingüístico oficial valenciano (en verde escuro) e castelán (en verde claro).

Denominación e entidade

De acordo coa lei de creación da Academia Valenciana da Lingua, o valenciano: forma parte do sistema lingüístico que os correspondentes estatutos de autonomía dos territorios hispánicos da antiga Coroa de Aragón recoñecen como lingua propia. Este recoñecemento teno o valenciano no País Valenciano e o catalán nas Illas Baleares e en Cataluña, e o sistema lingüístico que conxuntamente forman só recibe academicamente o nome de lingua catalá. A AVL segue as Normas de Castellón, asinadas en 1932.

O 9 de febreiro de 2005, a AVL aprobou por unanimidade de todos os seus membros presentes un ditame coñecido popularmente como "Dictamen del Dimecres de Cendres" no que se establecen os principios e criterios para a denominación e a entidade do valenciano, considerando que "a lingua propia e histórica dos valencianos, dende o punto de vista da filoloxía, é tamén a que comparten as comunidades autónomas de Cataluña (a excepción do val de Arán, de lingua occitana) e das Illas Baleares e o Principado de Andorra. Así mesmo é a lingua histórica e propia de outros territorios da antiga Coroa de Aragón (a faixa oriental aragonesa, a cidade sarda de l'Alguer e o departamento francés dos Pireneos Orientais a excepción da comarca da Fenolleda, que é de lingua occitana)".

Este mesmo ditame tamén avala e xustifica o uso da denominación de valenciano tanto para todo o conxunto do dominio da lingua (lingua catalá), como para a modalidade dialectal falada no País Valenciano. Ademais, a AVL considera que esta modalidade "ten a mesma xerarquía e dignidade que calquera outra modalidade territorial do sistema lingüístico, e presenta unhas características propias que a AVL preservará e potenciará de acordo coa tradición lexicográfica e literaria propia, a realidade lingüística valenciana e a normativización consolidada a partir das Normas de Castellón". Por tanto, a AVL asume a unidade lingüística dende un punto de vista do polimorfismo dunha lingua que ten dúas denominacións.

Historia

Linguistic map Southwestern Europe-en

O catalán foi implantado no País Valenciano polos colonos cataláns que se estableceron neste territorio a raíz da Conquista feudal, levada a cabo por Jaume I o Conquistador. Estes colonos procedían de todas as rexións de Cataluña e o feito de que foran minimamente superiores en número aos colonos aragoneses explica que se fale catalán na maior parte do País Valenciano. Nas comarcas máis próximas a Aragón, pola contra, unha mínima superioridade do número de colonos aragoneses fixo que o castelán fora a lingua predominante. Unha nova repoboación no século XVII, despois da expulsión dos mouriscos e maioritariamente con casteláns, definiu a fala castelá no resto de bisbarras do interior que aínda hoxe a falan. Así e todo, o valenciano é historicamente a lingua predominante e administrativa no País Valenciano.

Ata fai pouco pensábase que a primeira referencia documental da utilización do termo valenciano para referirse á lingua propia dos valencianos encontrábase na tradución de Valeri Màxim realizada por Antoni Canals en 1395, onde se di: perque yo, a manament de vostra senyoria, el l’he tret de lati en nostra vulgada lengua materna valenciana aixi com he pogut, jatssessia que altres l’hagen tret en lengua cathalana. Recentemente atopouse unha referencia anterior, un proceso xudicial de Menorca contra Gil de Lozano, datado entre 1343 e 1346, no que se di que a nai do acusado, Sibila, falaba valencianesch porque era de Oriola. No se volveu documentar máis a palabra acabada en –esch.

No século XV, o denominado Segle d'Or, o nome valenciano era xa a denominación usual da lingua predominante do Reino de Valencia, e as denominacións de vulgar, romance ou catalán caerán en desuso. Joanot Martorell, autor da novela Tirant lo Blanch, afirma: atrevereime a expor: no solament de lengua anglesa en portuguesa. Mas encara de portuguesa en vulgar valenciana: perço que la nacio don yo soc natural sen puxa alegrar.

Dende un punto de vista dialectal, o valenciano pertence ás falas meridionais-occidentais do sistema lingüístico occitano-catalán. Por tanto, comparte moitos trazos co catalán falado nas comarcas de poñente e tamén nas terras do Ebro. Tamén presenta trazos propios, dependendo das comarcas e características compartidas co occitano que foran perdidas en Cataluña.

Dende a transición, a autonomía ou heteronomía do valenciano respecto do catalán ten sido motivo de debate e polémica entre os valencianos, normalmente con intereses políticos. Os filólogos e lingüistas son partidarios da unión das comunidades lingüísticas valenciana e catalá pero existe unha parte da opinión pública valenciana que é partidaria da autonomía por motivos políticos. Tamén existe unha normativa lingüística secesionista alternativa, as Normas de El Puig, elaborada pola Real Academia de Cultura Valenciana, institución fundada en 1915 pola Deputación de Valencia, pero o seu uso é marxinal.

Sociolingüística

O valenciano era durante o século XIX a lingua usada maioritariamente no territorio declarado actualmente coma de predominio lingüístico valenciano.[3] Aínda que foi sufrindo un proceso de minorización lingüística,[4] sobre todo por motivos políticos e movementos inmigratorios, que afectou principalmente no coñecemento da lingua escrita, e de forma máis acusada nas grandes concentracións urbanas.

Porén, hoxe en día o coñecemento do valenciano incrementouse notabelmente dende 1982, cando a Generalitat implanta tanto o ensino do valenciano, como tamén as liñas de escolarización en valenciano no seu sistema educativo. Dende entón, a porcentaxe de alfabetizados pasou dun 4% en 1982 ao 38% en 2001, segundo o censo. Así mesmo, ao redor do 84% afirman entendelo, cerca do 47% afirman saber falalo[5] e, ademais, o seu dominio aumentou tamén no territorio de predominio lingüístico castelán.

Evolución lingüística nas zonas consideradas historicamente valenciano-falantes[6]
Ano Castelán Valenciano Bilingüe Outros
1989 49,6% 45,8% 4,5% 0,1%
1992 45,0% 50,4% 4,6% 0,0%
1995 47,2% 50,0% 2,8% 0,0%
2005 54,5% 36,4% 6,2% 2,9%
2008 56,8% 32,3% 7,6% 3,3%

A Generalitat dispón de datos sociolingüísticos que foi realizando en diversos estudos e son só referentes ao territorio de predominio lingüístico valenciano, exceptuando o coñecemento, que se analiza en toda a Comunidade Valenciana. Non se coñecen, por tanto, datos sociolingüísticos concisos sobre o uso social do valenciano en anos anteriores a 1982, nin no territorio de predominio lingüístico castelán, aínda que se sabe que foi diminuíndo ao longo de todo o século XX como consecuencia dos procesos de substitución lingüística e polo saldo migratorio, positivo en todas as décadas, que atraeu a moitos habitantes de Castela-A Mancha, Andalucía e a Rexión de Murcia cara Valencia.

Con respecto aos estudos existentes, o uso das dúas linguas mantívose estable durante as décadas dos 80 e 90 do século XX, mais nos últimos anos aumentou lixeiramente a porcentaxe de castelán-falantes, así como o de bilingües e falantes doutras linguas, baixando significativamente a porcentaxe de valenciano-falantes. Isto pode deberse á forte inmigración dos últimos anos, procedente maioritariamente de Iberoamérica e do Magreb, a primeira das rexións de lingua castelá, polo que a balanza tende a inclinarse a favor deste idioma.[7]

Ademais, por outra banda, dáse a circunstancia de que o Partido Popular goberna na Comunidade Valenciana dende 1995, ano da anterior sondaxe ao último de 2005, polo que diversas entidades sindicais[8] e culturais[9] asocian o descenso do uso social a motivos políticos.[10] Recentemente, en agosto de 2007, o Sindicato de Traballadores da Ensinanza do País Valenciano (STEPV) afirmou que o número de liñas en valenciano na educación quedouse estancado dende 1997[11] a pesar do medre vexetativo da poboación experimentado nunha década.

Características lingüísticas do valenciano

Características propias da lingua no País Valenciano en comparación co catalán falado en Cataluña.

Fonética

  • Vocalismo átono:
    • Neutralización mínima das vogais átonas. Existen as 5 vogais átonas [a, e, i, o, u] típicas do catalán occidental e non existe a vogal neutra [ə], típica del catalán oriental.
  • Vocalismo tónico:
    • Coma en todo o bloque occidental da lingua catalá, pronúncianse as Ē ("e" longas) e Ǐ ("i" breves) tónicas do latín con "e" pechada como alé [a'le] (alento), què [ke] (que) con "e" pechada, mentres que no catalán oriental "e" é aberta nestas verbas.
    • O ditongo ui é xeralmente crecente: cuina ['kwina] (cociña), hui ['wi] (en Cataluña avui, hoxe). No valenciano alacantino, na Marina Baixa, no Comtat, no Alcoià e na meirande parte do tortosí, ditongo ui é ditongo decrecente: cuina ['kujna] (cociña), buit: ['bujt] (baleiro) a excepción de hui [wí] que si é crecente.
  • Consonantismo:
    • Non existe a iodització (A iodització, é unha característica historicamente propia do bloque oriental de dialectos do catalán que consiste na articulación como [j] (i consonántica) da evolución dos grupos latinos C'L, G'L, LLE, LLE (con i consonántica), un grupo que nunca aparece a principio de palabra e é escrito coma "ll", algunhas palabras con iodització son ull (ollo), palla (palla), fulla (folla))
    • O g diente de "e" e "i" e a j teñen a pronuncia de [dʒ]
    • O r final nunca se enmudece (excepto en boa parte do Maestrat e a zona do Vinalopó).
    • O t dos grupos finais -nt, -lt nunca se enmudece; acontece nunha parte do dialecto balear. Hai excepcións co valenciano castellonenco, tortosí, na Costera, Val de Albaida, o Alcoià e no Vinalopó Mitjà.
    • Mantense o valor labiodental do v (esta característica tamén acontece no balear). Aínda así, en moitas zonas do territorio tende a pronunciarse coma bilabial, é dicir, coma o b do galego.
    • O grupo -tll- do catalán do norte é -tl- nalgunhes verbas (pronunciado -l·l- ou sinxelamente -l- no valenciano (este feito tamén acontece no balear e no tortosí): ametla/ametlla (améndoa), vetlar/vetllar (velar).
    • O d intervocálico, especialmente na forma ad(vogal), non se adoita pronunciar: mocador [mo·ka·'oɾ] (pano), cadira [ka·'i·ɾa] (cadeira). A terminación -ada do participio feminino singular pronunciase -â: cremada [kɾe'ma] (queimada).
  • Outros fenómenos:
    • O pronome feble ho ten unha pronunciación especial dependendo da situación do pronome. Xeralmente pronunciase diante do verbo [u] e detrás [o] (despois de consoante) e [u]/[w] (despois de vogal): Carles ho sap ['kar·le·zu sap] (Carles sabeo), canvia-ho ja [can·'vi·aw ja] (trócao xa), se n'anat a donar-ho [se·na·'nat a do·'na·ro] (foise a darllo); cando o fonema posterior é unha vogal, pasa a [w]: No ho has endevinat [no was an·de·vi'nat] (non o adivinache); cando se produce unha contracción cun outro pronome diante ou detrás do verbo pronúnciase [ew]: No m'ho has dit [no me·waz dit] (no mo dixeche), Dóna-m'ho ['do·na·mew] (dámo).

Morfoloxía

  • Os artigos son el, la, els, les.
  • O artigo non se emprega nunca diante dos nomes propios de persoa: Ha vingut Joan en troques de Ha vingut en Joan (Viu Xoán).
  • Conservación dos tres graos nos demostrativos e adverbios locativos (coma no castelán, aínda que non é un castelanismo) e das formas non reforzadas dos demostrativos de primeiro e segundo grao: este, eixe, aquell; açò, això, allò; ací, aquí, allí ou allà.
  • Os pronomes febles presentan a forma plena (me, te, se en troques de em, et e es) diante das formas verbais que comezan en consoante: me dutxe, te dic, se pentina (dúchome, dígoche, peitéase) (este feito non se da en tódalas variantes, así no alacantino e a meirande parte do meridional (temos: em dutxe, et dic, es canvia, se sap, se certifica), compróbase que só se conserva a forma plena cando o verbo comeza por s ou ce/ci. O pronome feble "ens" (nos) estándar pasa na lingua oral, coma en todo o resto do bloque occidental, a "mos" (non admisíbel na lingua escrita). Por extensión, no valenciano oral non existen as formas "ens" e "us", substituídas por "mos" e "vos". A forma "vos" acéptase no valenciano estándar en posición diante do verbo pola Acadèmia Valenciana de la Llengua.
  • O pronome feble li (le) (que substitúe ao complemento indirecto) sempre precede ao pronome feble que substitúe ao complemento directo (cando este existe), cosa que orixina as combinacións li'l (se lo) (li'l done > l'hi dono), li la (li la done > la hi dono), li'ls (li'ls done > els hi dono), li les (li les done > les hi dono).
  • A primeira persoa do presente de indicativo dos verbos da primeira conxugación toma o morfema -e: jo cante (en troques de jo cant, eu canto). As conxugacións segunda e terceira toman o morfema zero (é dicir un monema que non costa de ningún fonema, é dicir do verbo dorm (durmir): jo dorm): jo tem, jo dorm (eu teño, eu durmo) (este feito non se da na meirande parte do Maestrat, onde estas formas toman o morfema -o, coma no resto do catalán occidental: jo canto, jo temo, jo dormo).
  • O presente de subxuntivo non toma nunca os morfemas en -i propios do catalán central: són -e, -es, -e, -em, -eu, -en para a primeira conxugación (que jo cante, que tu cantes, que ell cante...) e -a, -es, -a etc. para a segunda e a terceira (que jo tema, dorma, que tu temes, dormes, que ell tema, dorma...).
  • O pretérito imperfecto de subxuntivo toma os morfemas coa r feble: -ara, -ares, -ara, -àrem, -àreu, -aren: jo cantara, tu cantares etc.
  • No valenciano central ou valenciano apitxat e nas zonas do valenciano alacantino (Vinalopó) consérvase o pretérito perfecto simple do catalán clásico: jo cantí/jo vaig cantar (eu cantei), jo fiu/jo vaig fer (eu fixen).

Léxico

Subdialectes del valencià
Subdialectos do valenciano
  • Verbas características del valenciano:
Valenciano Catalán Galego
vesprada tarda tarde
bou toro touro
brossat mató requeixo
corder xai año
creïlla patata pataca
eixir sortir saír
hui avui hoxe
llaurador (pron. llauraor) pagès labrego
paréixer semblar semellar
xiquet nen neno
roig vermell vermello
espill/lluna mirall espello

As verbas coma "roig" e "eixir" non son as únicas variedades posíbeis no valenciano, xa que "vermell" pódese atopar na Marina, entre outros lares, e "sortir" pódese atopar no valenciano de transición.

  • Variantes formais
Valenciano Catalán Galego
cementeri cementiri cemiterio
depòsit dipòsit depósito
renyó ronyó ril
seua / teua / meua seva / teva / meva súa / túa / miña
servici servei servizo
xàrcia xarxa rede

Notas

  1. Joan Veny Els parlars catalans. Moll, 1998, páxina 106
  2. Manuel Sanchís Guarner La llengua dels valencians. Eliseu Climent, 19ª ed., 1996, páxina 39
  3. El valencià, Butlletí de Dialectología Catalana VII, Barcelona 1921, referenciado por Josep Giner i Marco en Obra filológica (1931-1991), a cargo de A. Ferrando coa colaboración de Santi Cortés, Valencia: Institut Interuniversitari de Filología Valenciana
  4. Palomero, Josep. Valenciano y castellano en la Comunidad Valenciana, Rosario 2005, III Congreso Internacional de la Lengua Española: Identidad y Globalización, [1], 2007
  5. Datos estatísticos do censo do ano 2001, do Institut Valencià d'Estadística, Generalitat Valenciana [2] Arquivado 06 de setembro de 2005 en Wayback Machine.
  6. Fonte: Servizo de Investigación e Estudos Sociolingüísticos, [3], da Consellería de Cultura, Generalitat Valenciana. Datos de "lingua que fala na casa".
  7. Idem, Josep Palomero
  8. STEPV-IV considera que a situación do valenciano é perigosa xa que diminúe o seu uso a as actitudes lingüísticas non son favorábeis (en catalán), 25 de febreiro de 2005
  9. Miles de persoas esixen ao Consell máis apoio para a lingua (en catalán), nota de prensa da Federació d'Escoles Valencianes, marzo de 2005:
    [Tradución] Tal e como denunciou o presidente de Escola Valenciana, Diego Gómez, "a Generalitat non fai nada pola lingua, encárgase de instalar cortinas de fume que poden acabar por diminuír de forma alarmante o seu uso, e de feito, os últimos datos así o confirman".
  10. A Acadèmia urxe a firmar un "novo pacto cívico" ante o retroceso social do valenciano, El País da Comunidade Valenciana, 26 de outubro de 2005.
  11. Unha carta parte dos alumnos estuda en valenciano tras 24 años de Llei d'Ús, El País da Comunidade Valenciana, 25 de agosto de 2007:
    [Tradución] Explica Vicent Mauri, do STEPV, [...] que o Goberno do PP apenas ofrece máis liñas en valenciano dende que Fernando Villalonga deixou de ser conselleiro de Educación en 1997. "No hai unha política de promoción do valenciano por parte da Administración", función que pasan a desempeñar o profesorado e colectivos sociais como Escola Valenciana.

Véxase tamén

Ademuz

Ademuz é un concello valenciano situado no interior da provincia de Valencia. Ademuz é a capital da comarca do Rincón de Ademuz, un exclave valenciano rodeado completamente por terras de Aragón e de Castela-A Mancha.

Alacant

Alacant (en valenciano: Alacant; en castelán: Alicante, as dúas denominacións cooficiais) é unha cidade e un concello do País Valenciano, capital da comarca do Alacantí e da provincia de Alacant. Situada na costa mediterránea, conta cunha poboación de 328.648 habitantes (2015), e é a segunda cidade da comunidade tras Valencia. Forma unha conurbación de máis de 430.000 habitantes con Sant Vicent del Raspeig, Sant Joan d'Alacant, Mutxamel e El Campello. Ademais, a área metropolitana de Alacant-Elx ten uns 725.000 habitantes.

É unha cidade eminentemente turística e de servizos. Lingüisticamente é unha cidade castelán-parlante, situación reforzada nos últimos anos cun 10% de poboación estranxeira, maioritariamente da América Latina. O uso do valenciano neste territorio é mínimo, pero a maioría sábeo falar ou ben o entende .

Alcanar

Alcanar é un concello de Cataluña, pertencente á provincia de Tarragona. É un pequeno municipio da comarca de Montsià, no límite co País Valenciano.

Catarroja

Catarroja é un concello do País Valenciano que se atopa na bisbarra da Horta Sud. Limita con Albal, Alcàsser, Massanassa, Paiporta, Picanya, Torrent e a cidade de Valencia.

Chiva

Chiva (en catalán Xiva) é un concello valenciano, pertencente á comarca de Foia de Bunyol.

Club Deportivo Castellón

O Club Deportivo Castellón (en valenciano: Club Esportiu Castelló) é un club de fútbol español, da cidade de Castelló de la Plana na Provincia de Castelló. Foi fundado en 1922 e actualmente milita na Terceira División Española, logo de descender desde Segunda B en 2011 por impagamentos.

Comarcas da Comunidade Valenciana

Dende finais do século XIX o País Valenciano estruturouse tradicionalmente nunhas demarcacións territoriais denominadas comarcas. A pesar disto, non foi até as primeiros dos anos 60 do século XX cando empezan a proliferar descricións concretas de delimitacións comarcais, das cales destacaron especialmente dúas: a proposta de Vicenç Maria Rosselló, de 1964, e a de Joan Soler i Riber, de 1974.

En 1987, a Generalitat Valenciana publicou unha proposta oficial de Demarcacións Territoriais Homologadas (Demarcacions Terriotorials Homologades en valenciano) (DTH) de tres graos, onde o primeiro grao coincide en grande medida co concepto territorial de comarca. A consecuencia práctica desas demarcacións, até agora, limitouse como referencia para a descentralización administrativa dos diferentes servizos ofrecidos pola Generalitat, como o ensino, a sanidade, ou a agricultura. De feito, non hai unha disposición legal necesaria para que estas DTH finalmente teñan a "incidencia territorial" prevista, é dicir, órganos políticos ou administrativos de nivel comarcal. Pola contra, as competencias compartidas entre varios municipios están a articularse mediante a mancomunidade.

Comunidade Valenciana

A Comunidade Valenciana (en valenciano: Comunitat Valenciana, en castelán: Comunidad Valenciana), tamén coñecida como País Valenciano (en valenciano: País Valencià, en castelán: País Valenciano), é unha comunidade autónoma na costa mediterránea de España, recoñecida como nacionalidade no seu Estatuto de Autonomía. É así pois un país ou rexión de Europa situado ó leste da Península Ibérica, que popularmente se denomina moitas veces simplemente Valencia.

Esténdese entre o río Sénia en Vinaròs até Pilar de la Horadada, máis aló da desembocadura do río Segura, cunha delimitación terrestre de 834 km de lonxitude, e 644 km de lonxitude de costa. Ademais, as illas mediterráneas de Nova Tabarca e das Columbretes, son tamén de administración valenciana. A súa posición xeográfica é 40º 47' ó extremo norte, 37º 51' ó extremo sur, 0º 31' E ó extremo oriental, e 1º 31' W ó extremo occidental.

As súas orixes remóntanse no histórico Reino de Valencia creado no século XIII como causa da colonización feudal de aragoneses, fundamentalmente e por esta orde, dos reinos de taifas islámicos de Valencia, Dénia, e parte de Murcia. Tras o desmantelamento do Reino en 1707 polos Decretos de Nova Planta do rei Filipe V e dos frustrados intentos de conseguir o autogoberno durante finais do século XIX e comezos do XX, en 1982 finalmente acádao cun Estatuto de Autonomía, que foi reformado en 2006.

Administrativamente limita ó oeste con Castela-A Mancha e Aragón, ó sur con Murcia e ó norte con Cataluña. Ten máis de 4,8 millóns de habitantes, aínda que a cifra é moi superior se contabilizamos os habitantes de segunda residencia de outros países de Europa e os inmigrantes non censados. Así, as cidades con máis de 100.000 hab. son Valencia (807.200 hab.), Alacant (331.750 hab.), Elx (228.348 hab.), Castelló de la Plana (177.924 hab.) e Torrevieja (101.381 hab.).

Elx

Elx ou Elxe (en valenciano: Elx, en castelán: Elche, as dúas denominacións oficiais) é unha cidade e concello do País Valenciano pertencente á provincia de Alacant. Situada ás beiras do río Vinalopó, é cabeceira da comarca do Baix Vinalopó.

A súa poboación alcanza os 228.348 habitantes (INE 2008), sendo o terceiro concello valenciano en poboación, tras Valencia e Alacant. A área metropolitana de Alacant-Elx, que agrupa a Elx coa conurbanización de Alacant e coas localidades próximas de Santa Pola e Crevillent, é a oitava máis poboada do estado, cuns 735.000 habitantes.

Himne de l'Exposició

O Himne de l'Exposició (Himno da Exposición) é o himno oficial de País Valenciano. É obra do mestre Josep Serrano Simeon, coa letra de Maximilià Thous, encargada expresamente para a Exposición Regional de 1909. En 1925 foi declarado "himno rexional", e en 1984 a Lei de Símbolos vaino facer oficial como himno autonòmico.

A música é unha composición do século XVI, de motivación relixiosa que, pese a non ter letra, interpretábase no día de San Xurxo, patrón do antigo Reino de Valencia, ao cal asistía o rei da Coroa de Aragón. O compositor Josep Serrano integrou esta peza musical en parte do Himno da Exposición Rexional de 1909 de Valencia.

Jumilla

Jumilla (en valenciano: Jumella) é un municipio do norte da Rexión de Murcia (España), situado na comarca do Altiplano. Ten 25.484 habitantes (INE 2015). O municipio é famoso polos seus viños e peras.

O seu termo municipal ten unha extensión de 972 km² (o segundo lugar en extensión, do conxunto de municipios da Rexión de Murcia, por detrás de Lorca e por diante de Moratalla). A súa altitude media é de 600 msnm. Ao leste limita co País Valenciano e por iso nalgunhas das súas pedanías fálase valenciano.

Lingua catalá

O catalán é unha lingua románica falada polo pobo catalán nalgúns territorios de España, Francia e Italia, así como tamén en Andorra, feito que propicia a denominación destes territorios como Países Cataláns, dada a súa unidade lingüística e cultural. Cómpre sinalar por outra banda que na Comunidade Valenciana o catalán recibe o nome de valenciano.

É lingua oficial de Andorra, cooficial en Cataluña, País Valenciano e as Illas Baleares xunto ó castelán, e carece de oficialidade na Franxa de Aragón, na Cataluña do Norte (Francia), na cidade sarda de L'Alguer e na zona de El Carche (Murcia). É a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas.

Orihuela

Orihuela (en castelán e oficialmente: Orihuela, en valenciano: Oriola) é unha cidade da provincia de Alacant, capital da comarca do Baix Segura, na Comunidade Valenciana. Foi capital de provincia e do Reino. Foi nomeada cidade o 11 de setembro de 1437, a primeira en toda a actual provincia de Alacant. O símbolo de Orihuela é un vichelocrego (oriol en valenciano).

Unha vez localidade de lingua valenciana, e antes árabe, diversas repoboacións desde o século XV de aragoneses e casteláns e epidemias de peste que a deixaron case despoboada, así como a posterior repoboación por murcianos, contribuíron á mudanza de lingua, transformándose nunha cidade totalmente de lingua castelá desde hai séculos. Tan só se conserva o valenciano na pedanía de Barba-roja.

Provincia de Alacant

A provincia de Alacant (en valenciano: Alacant, en castelán: Alicante) é a máis meridional da Comunidade Valenciana. Limita ao norte coa provincia de València, ao sur coa Rexión de Murcia, ao oeste con Murcia e a provincia de Albacete (Castela-A Mancha), e ao leste co mar Mediterráneo. A súa capital é a cidade homónima de Alacant. A súa área abrangue 5.863 km², cunha poboación de 1.855.047 habitantes (2015).

As cidades da provincia que superan os 50.000 habitantes son Alacant (328.648 hab.), Elx (227.312 hab.), Torrevieja (88.447 hab.), Orihuela (82.675 hab.), Benidorm (69.045 hab.), Alcoi (59.567 hab.), Sant Vicent del Raspeig (56.302 hab.) e Elda (53.248 hab.).

Provincia de Castelló

A provincia de Castelló (en valenciano: Castelló; en castelán: Castellón) é unha provincia do norte da Comunidade Valenciana, con capital en Castelló de la Plana. Limita polo norte con Cataluña, ao noroeste e oeste con Aragón, e polo leste co mar Mediterráneo. Castelló de la Plana é a única localidade que supera os 50.000 habitantes pois conta con 160.714 habitantes. Despois a segue Vila-real con 44.685 habitantes.

Provincia de Valencia

A provincia de Valencia (en valenciano: València) é unha provincia da Comunidade Valenciana. A capital provincial é a cidade homónima de València. Ocupa unha superficie de 10.563 km², na que habitaban 2.463.592 persoas (INE 2006).

No 2005, o 70,14 % dos habitantes da provincia (1.694.970) vivían na área metropolitana da capital. Outros municipios destacados son Xiva, Cheste, Gandia, Paterna, Sagunt, Alzira, Xàtiva, Requena e Utiel.

Situada no Oriente da Península Ibérica, ocupa a posición central da súa comunidade, e limita co mar Mediterráneo polo leste; coas provincias de Castelló e Teruel polo norte; Cuenca e Albacete polo oeste e Alacant polo sur.

A provincia conta cun enclave separado, entre as provincias de Cuenca e Teruel, o Rincón de Ademuz.

Correspóndenlle 16 escanos no Congreso dos Deputados e 36 nas Cortes Valencianas.

Reino de Valencia

O Reino de Valencia (en valenciano: Regne de València) é o antigo reino pertencente á Coroa de Aragón que abranguía grande parte das actuais terras valencianas. Hoxe en día o Rei de España continúa ostentando o título de Rei de Valencia.

Tecnicamente, o reino existiu mentres estiveron en vigor os Furs de València, a partir do 1238 ou 1239 até os Decretos de Nueva Planta no 1707. Así mesmo, este nome vaise utilizar até o século XIX. De feito algunhas vilas da Cuenca e de Toledo, aínda din bajar al Reino, referíndose ao País Valenciano. Tamén utilizase a miúdo nalgunhas tradicións, como por exemplo a Cabalgata do Reino nas festas das Fallas.

Sagunt

Sagunt (en valenciano: Sagunt, en castelán: Sagunto, historicamente coñecida como Morvedre) é unha cidade do País Valenciano situada no norte da provincia de Valencia, sendo a máis importante da comarca do Camp de Morvedre.

A cidade ten dous núcleos principais: o casco histórico ou Sagunt-Cidade, situado ao pé do castelo e do teatro romano, e o Porto de Sagunt, a 5 quilómetros do casco histórico. O término municipal ten máis de 62.702 habitantes (INE 2006) repartidos entre estes 5 quilómetros que separan a praia do antigo castelo romano, vivindo a maioría de eles (preto de 35.000) no Porto.

Valencia

Valencia (en valenciano e oficialmente: València, pronunciado [vaˈlensia]) é unha cidade española situada na costa do mar Mediterráneo, capital da Comunidade Valenciana, da provincia de Valencia e da comarca homónima. Ten 807.200 habitantes, sendo a terceira cidade máis poboada de España por detrás de Barcelona e Madrid, que aumentan até 1.738.690 coa área metropolitana, chamada L'Horta de València. A cidade tamén é coñecida como Cap i Casal ou Capital do Turia.

É unha cidade industrial e portuaria. Aínda que foi fundada a certa distancia do mar, hoxe atópase unida e ten un dos portos máis importantes do Mediterráneo occidental, xunto cos de Barcelona, Marsella e Xénova. A súa economía baséase nas súas funcións administrativas e de servizos, e en ser centro loxístico (porto, feira de mostras, aeroporto de Manises) para a industria rexional (moble, madeira, téxtil, construción etc.). Durante estes últimos anos está a destacar como un importante destino turístico, grazas á recuperación parcial da Ciutat Vella (Cidade Vella), a construción da Ciutat de les Arts i de les Ciències (Cidade das Artes e as Ciencias) e a celebración da America's Cup.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.