Val dos Reis

O Val dos Reis (Biban el-Muluk ou Wadi el-Muluk (وادي الملوك en árabe) é un val de Exipto no que se construíron tumbas para os faraóns das XVIII a XX dinastías do Imperio Novo. O nome oficial do lugar era "A Grande e Maxestuosa Necrópole do Millón de Anos do Faraón, Vida, Forza, Saúde no Oeste de Tebas" ou Ta-sekhet-ma'at ("O Gran Campo").

Valley of the Kings (Luxor, Egypt)
Val dos Reis

Localización

O Val sitúase na beira occidental do Nilo, en fronte de Tebas (actual Luxor), baixo o pico do Al-Qurn ("o corno"). Ao final está separado nos vales Oriental (ou "dos Reis" propiamente) e Occidental (ou dos Monos); a maioría das tumbas importantes están no Oriental; no Occidental só hai unha tumba aberta ao público, a de Ay, o sucesor de Tutankhamon. As tumbas están escavadas nas paredes rochosas e no interior dos outeiros que bordean o val. As entradas foron ocultadas na antigüidade para evitar as profanacións.

O Val estivo en uso entre aproximadamente o 1539 e o 1075 a.C. e conta cunhas sesenta tumbas, sendo a primeira a de Thutmose I e a máis recente a de Ramsés X ou XI.

O Val dos Reis ten tamén tumbas de nobres favoritos e das fillas e fillos tanto dos faraós como dos nobres. Na época de Ramsés I creouse o Val das Raíñas, aínda que algunhas esposas seguiron a ser enterradas cos seus esposos.

A existencia de graffiti nos muros dalgunhas tumbas indica que xa era unha atracción durante a época romana.

As sepulturas

A rocha do Val non é moi consistente. As tumbas construíronse cortando a través de varias capas de pedra calcárea de distinta calidade, o que comporta serios problemas para os restauradores, igual que o fixo para os arquitectos orixinarios. Moi posibelmente os planos construtivos mudaron debido a este feito. O problema máis grave é o das capas de xisto, xa que este material se expande en contacto coa auga, o que ten danado moitas tumbas, especialmente durante as cheas do Nilo.

Todas as tumbas son hipoxeos e presentan unha disposición xeral semellante: unha porta (bab, plural biban) tallada verticalmente na rocha, un corredor longo dividido en seccións que se van estreitando progresivamente, nichos e capelas laterais e un número variábel de dependencias de tamaño diferente, cos teitos apoiados sobre piares. Os corredores miden case sempre máis de 100 m e están en pendente. As escenas gravadas e pintadas en paredes e piares están en permanente escuridade. Ao fondo da tumba, na cámara principal, atópase o enorme sarcófago onde se depositaba a momia real.

As tumbas dos faraóns diferéncianse das demais non só polas súas maiores dimensións e pola riqueza da súa decoración, senón tamén pola súa finalidade específica e pola natureza das escenas e as inscricións que as decoran. Mentres que en Menfis as tumbas tiñan dúas salas, a cripta e a capela, no Val dos Reis, só teñen cripta, xa que as por cada tumba existe un templo funerario no val. Neste as escenas decorativas, moi vivaces, están relacionadas coa vida terrena e nos hipoxeos aparecen os grandes mitos e os textos relacionados coa supervivencia da alma do faraónou imaxes do mundo do alén.

Todas as tumbas teñen os mesmos temas decorativos, aínda que representados seguindo unha estrutura diferente. Nas tumbas da XVIII dinastía hai dous grupos de cámaras que se cortan en ángulo recto e se separan por un pozo cadrado profundo. Nas das XIX e XX dinastías teñen case todas unha liña recta. Os sarcófagos da XVIII dinastía teñen bordos arredondados, imitando o cartucho real (excepto as de Ay, Tutankhamon e Horemheb, que teñen sarcófagos grandes, rectangulares e con catro divindades nos vértices que tenden os brazos). Os sarcófagos a partir da XIX dinastía teñen a forma de momia.

As primeiras decoracións teñen trazos claros e precisos e as posteriores son cada vez máis brandos e imprecisos. Esta decadencia acentúase a partir de Ramsés IV xa que se deixa a pedra e fanse sobre estuco.

Os textos funerarios que se reproducen, integramente ou abreviados, son Ladaíñas do Sol (primeira parte do corredor), Libro da apertura da boca, Libro do Mundo Inferior e Libro das Portas.

Saqueadores de tumbas

Luxor, Tal der Könige (1995, 860x605)
O Val

Case todas as tumbas foron violadas, incluída a de Tutankhamon, aínda que parece que neste caso en concreto os ladróns víronse interrompidos e foi pouco o que levaron. Tutankhamon foi un rei menor e outros reis probabelmente contaban con tesouros maiores.

En 1090 a.C., o ano da Hiena, houbo un colapso da economía exipcia que provocou a aparición de saqueadores de tumbas. Como consecuencia, foi tamén o derradeiro ano en que se utilizou o val para enterramentos.

Parece que o val ten sufrido tamén un saqueo oficial durante a guerra civil que se iniciou durante o reinado de Ramsés XI. As tumbas foron abertas, todos os obxectos de valor retirados e as momias reunidas en dous depósitos. Un, o coñecido como Deir el-Bahri, acollía non menos de cuarenta momias reais e os seus caixons funerarios; o outro, na tumba de Amenhotep II, contiña outras dezaseis.

Arqueoloxía

As tumbas abríronse aos visitantes xa en época tolemaica. O primeiro descubrimento en época recente foi a de Amenofis III, durante a expedición napoleónica, e logo a de Seti I.

O máis sensacional foi o de Howard Carter o 4 de novembro de 1922: a tumba de Tutancamon, que escavou até 1932. A de Tutankhamon foi a primeira tumba descuberta que aínda estaba intacta. Algúns membros dos equipos arqueolóxicos dirixidos por Carter e outros arqueólogos posteriores contraíron virus locais letais a través da comida ou de animais (fundamentalmente insectos), o que deu lugar á lenda moderna da "maldición dos faraóns.

Lista de enterramentos

KV significa King's Valley, Val dos Reis en inglés.

  • KV 1 Ramsés VII, faraón da XX dinastía
  • KV 2 Ramsés IV, faraón da XX dinastía
  • KV 3 descoñecido, Fillo de Ramsés III, XX dinastía
  • KV 4 Ramsés XI, faraón da XX dinastía
  • KV 5 Fillas de Ramsés II, XIX dinastía
  • KV 6 Ramsés IX, faraón da XX dinastía
  • KV 7 Ramsés II, faraón da XIX dinastía
  • KV 8 Merenptah, faraón da XIX dinastía
  • KV 9 Ramsés V e Ramsés VI, faraóns da XX dinastía
  • KV 10 Amenmesse, faraón da XIX dinastía
  • KV 11 Ramsés III, faraón da XX dinastía
  • KV 12 descoñecido, saqueada na antigüidade
  • KV 13 Baja, tesoureiro de Siptah, final da XIX dinastía
  • KV 14 Tausret e Sethnacht, faraóns da XIX dinastía
  • KV 15 Sethos II, faraón da XIX dinastía
  • KV 16 Ramsés I, faraón da XIX dinastía
  • KV 17 Sethos I, faraón da XIX dinastía
  • KV 18 Ramsés X, faraón da XX dinastía
  • KV 19 Mentuhirkschopchef, fillo de Ramsés IX, XX dinastía
  • KV 20 Hatshepsut e Thutmose I, faraóns da XVIII dinastía
  • KV 21 descoñecido, XVIII dinastía
  • WV 22 Amenofis III, faraón da XVIII dinastía
  • WV 23 Ay II, faraón da XVIII dinastía
  • WV 24 descoñecido, abandonada, XVIII dinastía
  • WV 25 descoñecido, abandonada, XVIII dinastía
  • KV 26 descoñecido, recentemente estudada, probabelmente. XVIII dinastía
  • KV 27 descoñecido, XVIII dinastía
  • KV 28 descoñecido, XVIII dinastía, dignatario de Thutmose IV
  • KV 29 descoñecido
  • KV 30 descoñecido, XVIII dinastía
  • KV 31 descoñecido, XVIII dinastía, chea de area, sarcófago
  • KV 32 descoñecido, XVIII dinastía, sen rematar, non explorada
  • KV 33 descoñecido, non explorada
  • KV 34 Thutmose III, faraón da XVIII dinastía
  • KV 35 Amenofis II, faraón da XVIII dinastía, momia
  • KV 36 Maherpra, Wedelträger, XVIII dinastía, momia
  • KV 37 descoñecido, XVIII dinastía
  • KV 38 Thutmose I ?, XVIII dinastía
  • KV 39 Amenofis I dubidoso, XVIII dinastía
  • KV 40 descoñecido, non explorada
  • KV 41 descoñecido, non explorada
  • KV 42 Hatschepsut-Meritre, esposa de Thutmose III, XVIII dinastía
  • KV 43 Thutmose IV, XVIII dinastía
  • KV 44 sete individuos, XVIII dinastía e XXII dinastía
  • KV 45 Userhet, XVIII dinastía
  • KV 46 Juja e Tuja, pais de Teje, XVIII dinastía, momias
  • KV 47 Siptah, faraón da XIX dinastía
  • KV 48 Amenemope gt. Pairi, Wesir, XVIII dinastía
  • KV 49 descoñecido, XVIII dinastía
  • KV 50 un can, un mono, XVIII dinastía (tumba de animais)
  • KV 51 3 monos, 1 babuíno, 3 parrulos, 1 ibis (tumba de animais)
  • KV 52 un mono (tumba de animais), probabelmente da XVIII dinastía
  • KV 53 Tumba en pozo, óstraca, estelas, xa non accesíbel
  • KV 54 Cuarto de embalsamamento de Tutankhamon, XVIII dinastía
  • KV 55 descoñecidoe momia, XVIII dinastía Semenkhare?
  • KV 56
  • KV 57 Haremhab, faraón da XVIII dinastía
  • KV 58 Tumba satélite da KV 57, Horemheb
  • KV 59 Pequenos pozos. KV 37
  • KV 60 Sitre-in, ama de cría de Hatshepsut e unha raíña, XVIII dinastía
  • KV 61 descoñecido
  • KV 62 Tutankhamon, faraón da XVIII dinastía, momia
  • KV 63 Descuberta no ano 2005 polo exiptólogo estadounidense Otto Schaden. Nela, ata o momento, non se atoparon restos humanos, e si gran cantidade de artigos funerarios e materiais para embalsamar.

Curiosidades

  • Tamén se enterraban animais de compañía. Hai un grupo de tres tumbas de animais.
  • A tumba máis grande, coñecida como KV5, foi construída para os fillos de Ramsés II. Contén 67 cámaras funerarias.
  • As tumbas xa eran unha atracción turística desde a época dos antigos gregos e romanos.
ValleeDesRois

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

4 de novembro

O 4 de novembro é o 308º día do ano do calendario gregoriano (309º nos anos bisestos). Quedan 57 días para finalizar o ano.

Exipto

Exipto (en árabe: مصر, Miṣr; en árabe exipcio: مَصر Maṣr; en copto: Ⲭⲏⲙⲓ Khēmi), oficialmente República Árabe de Exipto (en árabe: جمهورية مصر العربية, Ǧumhūriyyat Miṣr al-ʿArabiyyah), é un estado situado no nordeste de África e na península do Sinaí no continente de Asia. Limita ó norte co Mar Mediterráneo e Israel, ó leste co Mar Vermello (incluído o seu saínte norte do Golfo de Acaba), ó sur con Sudán e ó oeste con Libia. A súa xeografía é desértica na case totalidade, que corresponde co deserto do Sahara, onde só está habitado en oasis. A súa capital é a cidade do Cairo, unha das máis poboadas de África.

Egypt ten unha das historias máis antigas entre os países do mundo, cuxa orixe se remonta ós milenios VI e IV a.C. Considerada un berce da civilización, o Antigo Exipto experimentou algunhas das máis antigas formas de escrita, agricultura, urbanización, relixión organizada e goberno central. Monumentos icónicos como as pirámides de Gizeh e a súa Grande Esfinxe, así como as ruínas de Menfis, Tebas, Karnak e o Val dos Reis, reflicten este legado e manteñen un significativo foco de interese científico e popular. A gran e rica herdanza cultural de Exipto é unha parte integral da súa identidade nacional, que padeceu, e ás veces asimilou, varias influencias estranxeiras, como os gregos, persas, romanos, árabes, turcos otománs e nubios. Exipto foi un importante e temperán centro do cristianismo, mais foi amplamente islamizado no século VII e mantense como un país amplamente musulmán aínda que cunha significativa minoría cristiá.

Dende o século XVI até comezos do XX, Exipto foi gobernado por potenciais coloniais estranxeiras, o Imperio Otomán e o Imperio Británico. O Exipto moderno data do ano 1922, cando conseguiu a súa independencia do Imperio Británico como unha monarquía. Porén, a ocupación militar británica continuou, co cal moitos exipcios creron que a monarquía era un instrumento do colonialismo británico. Despois da revolución de 1952, Exipto expulsou os soldados e burócratas británicos e rematou coa ocupación, nacionalizou o Canal de Suez, exiliou o rei Farouk e a súa familia, e declarou a república. En 1958, uniuse con Siria para formar a República Árabe Unida, que se disvolveu en 1961. Ó longo da segunda metade do século XX, Exipto sufiu conflitos sociais, relixiosos e inestabilidade política, loitando en varios enfrontamentos armados con Israel en 1948, 1956, 1967 e 1973, e ocupando a Faixa de Gaza de xeito intermitente até 1967. En 1978, Exipto asinou os Acordos de Camp David, retirándose oficialmente da Faixa de Gaza e recoñecendo o estado de Israel. O país segue afrontando retos, como a inestabilidade política, incluíndo a recente revolución de 2011 e as súas consecuencias, o terrorismo e o subdesenvolvemento económico. O goberno actual de Exipto é unha república presidencial liderada polo presidente Abdul Fatah al-Sisi, que foi descrito por numerosos observadores como autoritario.

O islam é a relixión oficial de Exipto e o árabe é a súa lingua oficial. Con máis de 95 millóns de habitanets, Exipto é o país máis poboado do Norte de África, de Oriente Medio e do Mundo árabe, sendo o terceiro máis poboado de África (despois de Nixeria e Etiopía), e o décimo quinto do mundo. A gran maioría da poboación vive preto das beiras do río Nilo, nunha área de 40 000 km2 onde se atopa a única terra arable. As grandes rexións do deserto do Sáhara, que constitúen a maioría do territorio exipcio, están escasamente poboadas. Arredor da metade dos cidadáns exipcios habitan en áreas urbanas, especialmente nos centros densamente poboados do Cairo, Alexandría e outras grandes cidades do delta do Nilo.

O estado soberano de Exipto é un país transcontinental considerado como unha potencia rexional no Norte de África, no Oriente Medio e no Mundo árabe, así como unha potencia intermedia no contexto mundial. A economía de Exipto é unha das meirades e das máis diversificadas de Oriente Medio, e crese que será unha das maiores do mundo ó longo do século XXI. En 2016, Exipto superou a Suráfrica e converteuse na segunda maior economía de África (despois de Nixeria). Exipto é membro fundador das Nacións Unidas, do Movemento de Países Non Aliñados, da Liga Árabe, da Unión Africana e da Organización para a Cooperación Islámica.

Exiptoloxía

A exiptoloxía é o estudo do Antigo Exipto e das antigüidades exipcias. A exiptoloxía estuda a lingua, historia, relixión, arte e economía da cultura exipcia antiga desde o V milenio a. C. até o fin do goberno romano no século IV. O descoñecemento desta cultura fomentou no pasado un culto a supostos coñecementos ocultos e máxicos que caen dentro do terreo do esotérico.

George Herbert de Carnarvon

George Edward Stanhope Molyneux Herbert, quinto conde de Carnarvon, nado en Highclere Castle (Hampshire) o 26 de xuño de 1866 e finado en O Cairo o 5 de abril de 1923, foi un aristócrata británico, famoso por ser quen financiou a escavación da tumba de Tutankhamon no Val dos Reis.

Howard Carter

Howard Carter, nado o 9 de maio de 1874 e finado o 2 de marzo de 1939, foi un arqueólogo e exiptólogo inglés, que se fixo moi famoso por descubrir, en 1922, a tumba de Tutankhamon (Tut-Ankh-Amon), no Val dos Reis, fronte a Luxor, en Exipto.

Imperio Medio de Exipto

O Imperio Medio de Exipto (2040-1640) viu o afianzamento do poder dos faraóns.

O Imperio Medio comeza para algúns coa XI dinastía, co poderoso caudillo tebano Mentuhotep II e para outros coa XII dinastía, iniciada por Amenemhat I, cando se consolidou a reunificación de Exipto, logrouse centralizar o poder e se emprendeu a expansión das fronteiras, freando as incursións estranxeiras. A XII dinastía trasladou a capital a Menfis e aumentou a burocracia. Sesostris I (1970-1936) iniciou a irrigación do lago Moeris (al-Fayum) e ampliou as fronteiras na Asia e na Nubia. Sesostris III (1887-1850) suprimiu o cargo de nomarca, ou gobernador dun nomo, e dividiu o país en tres sectores, Baixo, Alto e Medio Exipto. Invadiu o Sinaí, Palestina e Siria e conquistou boa parte da Nubia. Nunca antes Exipto atinxira tanta prosperidade. Quen o seguiu, Amenemhat III, é visto como o maior monarca do Imperio Medio.

Moitas das maiores accións dos reis da XII dinastía tiveron lugar fóra do val do Nilo. Tal como antes, houbo moitas expedicións á Nubia, Siria e ao Deserto do Oriente, en busca de valores a minar e de madeira para transportar para o Exipto. Para alén diso, estableceuse comercio coa Creta minoica.

Durante o Imperio Medio, a fase seguinte en deseño funerario foron as tumbas escavadas na rocha. Os mellores exemplos destas tumbas poden verse no Val dos Reis. Tamén se construían grandes templos en áreas máis visíbeis. O proxecto arquitectónico máis destacado foi o impoñente mausoleo de Mentuhotep en Deir al Bahri, que serviría de prototipo para o templo de Hatshepsut cinco séculos máis tarde. É o período clásico da arte e a literatura exipcias.

O faraón perdeu o carácter divino dos séculos precedentes, pero a autoridade real ficou firmemente establecida. Unha táctica moi utilizada para manter o control era substituír os gobernadores provinciais por funcionarios adeptos, moitos eles inmigrantes da veciña Palestina. Tebas converteuse nunha grande metrópole; os faraóns trasladáronse á antiga capital, Menfis, que estaba máis próxima do centro do país. Sesostris III e Amenemhet II construíron grandes pirámides en Saqqara, Dahshur, Illahun e Hawara.

A XIII dinastía é incluída frecuentemente no Reino Medio, se ben que o período parece ter sido un tempo de confusión e de príncipes estranxeiros provenientes da Asia, coñecidos por hicsos, que se aproveitaron da inestabilidade política no Delta do Nilo para obter o control da área e máis tarde estender o seu poder cara o sur. Os hicsos, que eran eses colonizadores que tanto lles serviran aos faraóns, trouxeron consigo a carruaxe de guerra poxada por cabalos. Os exipcios non botaron moito tempo ata recoñecer o poder desta carruaxe e a comezar, eles mesmos, a usala.

Sexa como for, esta quebra no control central marca o comezo do Segundo Período Intermedio.

Imperio Novo de Exipto

O Imperio Novo de Exipto foron os séculos entre 1550 e 1070 cando Exipto atinxiu o seu maior esplendor.

Entre 1580 e 1200 Exipto atinxiu e superou o esplendor dos imperios antigo e medio. É a Idade de Ouro do Antigo Exipto, cando se converteu no imperio máis poderoso da Antigüidade. Durante a loita contra os hicsos formárase un auténtico exército profisional, baixo o mando dunha aristocracia renovada e o afortalamento do sacerdocio de Amón, que se convertera nunha casta moi poderosa co emparentamento con Ra para crear o deus Amón-Ra, rei dos deusesl.

A XVIII dinastía comezou con Ahmosis (1580-1558), que iniciou unha política expansiva dende Siria até a Nubia (onde case chegou á terceira catarata). Amenofis I (1557-1530), Thutmose I (1530-1520) e Thutmose II (1520-1505) proseguiron as conquistas e anexións territoriais até chegar ao Éufrates. Na verdade, non se trataba de conquistas de ocupación, senón que o que se procuraba era un botín. Esta política detívose brevemente durante a rexencia de Hatshepsut (1505-1484), pero Thutmose III chegou aínda máis lonxe e elevou o poderío de Exipto, que os faraóns seguintes mantiveron. Amenofis I fundou tamén Deir-el Medina, dende onde se traballou no Val dos Reis. Os faraóns seguintes naceron de esposas secundarias do rei que ascendían ao trono grazas ao seu ingreso, sempre mediante o matrimonio, na liña sucesoria feminina.

Thutmose II foi seguido da súa esposa e medio irmá Hatshepsut, a raíña máis coñecida de Exipto. Thutmose III chegou até Asia Menor e o Éufrates. O seu fillo, Amenofis II creou o reino que tan sabiamente administou o que, posibelmente, foi o máis grande de todos os faraóns, Amenofis III, chamado de o Magnífico.

O seu fillo, Amenofis IV levou a cabo unha reforma relixiosa radical. Impulsou o culto de Ra e enfrontouse ao clero ao cerrar os seus templos e facer de Atón, o disco solar, a divindade oficial. Tomou o nome de Akhenatón e creou unha capital de nova planta en [[Akhetaton[[ (actual Tell al-Amarna). O nome e a imaxe de Amón foron borrados dos edificios públicos. Para todo isto contou co apoio da súa esposa, Nefertiti. Na arte desenvolveuse un "realismo" que incluía elementos da vida cotiá e retratos non idealizados.

Á súa morte (o sucesor designado, Smenkhare só viviu dous anos), Tutankhamón ordenou o retorno á situación anterior e regresou a Tebas. Horemheb. Foi o último faraón desta dinastía, e tívose que dedicar a recuperar a estabilidade interna; o seu xeneral Horemheb (que reinaría máis tarde), tivo nisto unha importancia fundamental. Deu paso á XIX dinastía ao designar como sucesor a Rameses I, cuxo fillo, Seti I, recuperou o prestixio exterior e consolidou a monarquía reconquistando Tiros e ocupando de novo Palestina e parte de Fenicia e Siria, combatendo contra os hititas en Qadesh. A súa tumba, construída no Val dos Reis foi a maior das das dinastías XVIII e XIX.

Rameses II (1298-1235), de fama bíblica, enfrontouse á primeira invasión dos "pobos do mar". Durante o seu reinado, de 66 anos, construíronse edificios colosais, como o Gran Templo de Abu Simbel.

A debilidade das dúas dinastías seguintes, acosadas por invasores dende o leste e o oeste e a maior autonomía que adquiren os nomos, algúns dos cales mesmo designan reis, conduce á división do reino e ao fin do Imperio Novo.

A forma dos caixóns funerarios mudou da forma retangular do Imperio Médio para a familiar forma de momia, con cabeza e ombros arredondados. A principio, eran decorados con penas esculpidas ou pintadas, mais máis tarde pasaron a ser pintados cunha representación do falecido. Tamén eran sobrepostos como bonecas rusas: un caixón externo de grandes dimensións contiña un outro máis pequeno, que por súa vez contiña un terceiro case moldado ao corpo. Cada un dos caixóns interiores era decorado de forma máis elaborada que o imediatamente exterior. Datan desta época a maioría das momias que chegaron ata nós.

As técnicas de momificación foron sendo gradualmente aperfeizoadas co uso de natrán cristalino. Todos os tecidos moles, como o cerebro e os órgaos internos, eran removidos, despois de o que as cavidades eran lavadas e enchidas con natrán, e o corpo enterrado nunha pilla de natrán. Os intestinos, pulmóns, fígado e estomago eran preservados separadamente e armacenados en "vasos canopos" protexido cada un por un dos "catro fillos de Horus": Duamutef (estomago), Qebhsenuef (intestinos), Hapy (pulmións) e Imsety (fígado).

KV5

KV5 é a denominación moderna da tumba dos fillos de Ramsés II. Situada no leste do Val dos Reis, KV5 (King's Valley nº 5), o seu enorme tamaño fai dela un dos descubrimentos máis asombrosos no Val dos Reis desde o descubrimento da tumba de Tutankhamon.

Ramsés II tivo unha descendencia numerosa e unha lonxevidade impresionante para a época. Enterrou pois a moitos dos seus fillos nesta tumba que lles era dedicada. Repetidas veces, a tumba debeu ser ampliada para engadir novas salas.

Esta tumba foi estudada polo Theban Mapping Project. Máis de 150 salas foron descubertas ata agora e, o traballo prosegue para despexar a tumba.

KV55

A tumba KV55 do Val dos Reis foi descuberta por Edward R. Ayrton o 6 de xaneiro de 1907; O patrocinador de Ayrton, Theodore M. Davis, publicou unha resumo da escavación (The Tomb of Queen Tîyi) en 1910. KV55 é un sitio arqueolóxico da dinastía XVIII problemático: parece ser utilizado para varios enterros, pero atribúese o primeiro á raíña Tiy, basándose na capela de madeira rota dedicada a ela (Tiy foi traída aquí tras o abandono de Amarna, e finalmente levada a KV35). A momia atopada aquí pode ser a do seu fillo, o faraón Akhenaton, ou posiblemente a do seu sucesor, Semenkhkare.

En 1923, Harry Burton utilizouna como cuarto escuro para traballar coas súas fotografías durante a escavación da tumba de Tutankhamon por Howard Carter.

KV62

A tumba KV62, situada no Val dos Reis (Exipto), é a única tumba real exipcia atopada intacta, e a mellor conservada. Nela depositouse o corpo de Tutankhamón, faraón da décimo oitava dinastía. Foi descuberta en 1922 por Howard Carter baixo os restos das vivendas dos traballadores da época ramésida, o que a salvou dos saqueos dese período. Como dato curioso, Carter conseguiu fotografar algunhas ofrendas florais que se desintegraron ao tocalas.

A tumba consta de catro salas e estaba chea de obxectos, pero en desorde. Debido ao seu estado e ao método meticuloso de estudo de Carter, tardouse oito anos en baleirala e trasladar ao Museo Exipcio do Cairo todo o atopado, máis de 5.000 pezas, a máis coñecida a máscara mortuoria de ouro.

Dise a miúdo que a tumba de Tutankhamón nunca foi violada, pero isto non é exacto. De feito foino polo menos dúas veces non moito despois do enterro: hai evidencias de que nas portas seladas practicouse unha abertura nas esquinas superiores, que foi precintada de novo máis adiante. Estimouse que o 60% das xoias depositadas na chamada "Tesourería" foron roubadas, e que os funcionarios da necrópole embalaron as que se salvaron de forma precipitada. De feito, equivocáronse ao rotulalas, segundo as inscricións que deixaron nas caixas. As portas exteriores das capelas, que incluían os cadaleitos xerarquizados do rei, deixáronse abertas e sen selar.

Parece ser que, tras un dos roubos, algúns artigos da KV62 depositáronse na KV54.

Luxor

Luxor (en árabe الأقصر, al-Uqṣur) é unha cidade exipcia na beira leste do Nilo, situada a 670 km ao sur do Cairo. Ten 150.000 habitantes.

A Luxor chámaselle "o museo ao ar libre máis grande do mundo", grazas ás ruínas do complexo de templos de Karnak, o templo de Luxor e os monumentos, templos e tumbas da marxe oeste, que inclúen o Val dos Reis e o Val das Raíñas. Luxor constitúe un punto de partida excelente para visitar o Alto Exipto e é un destino turístico moi popular, tanto en si mesmo como como punto de partida ou final de cruceiros polo Nilo.

A Luxor moderna creceu a partir das ruínas de Tebas, antiga capital do Imperio Novo (1550-1069 a.C.). A súa riqueza, tanto arquitectónica como cultural, fan dela a cidade máis monumental das que albergan vestixios da antiga civilización exipcia. O Nilo separa Luxor en dúas partes: a marxe oriental, outrora consagrada aos vivos, onde encontramos os vestixios dos máis importantes templos consagrados aos deuses da mitoloxía exipcia, e a marxe occidental, consagrada aos mortos, onde se localizan algunhas das máis importantes necrópoles do antigo Exipto, segundas en importancia en relación ás existentes no planalto de Gizé, no Cairo, e onde foron feitos algúns dos achados arqueolóxicos máis significativos da antiga civilización, especialmente o túmulo de Tutankhamon, descuberto en 1922 polo célebre arqueólogo e exiptólogo inglés Howard Carter.

O nome actual procede do árabe El-Uqsur, "os alcázares", que á súa vez vén do latín castra, "campamentos" e débese aos dous campamentos militares construídos polos romanos. En lingua exipcia coñecíase como Waset, designación tamén do nomo, ou Niut ("a cidade"). Os gregos chamárona tamén Dióspolis Magna.

Necrópole

Unha necrópole é un cemiterio ou lugar destinado a enterramentos. Etimoloxicamente significa cidade dos mortos, pois provén do idioma grego: (necro:morte, e polis:cidade). O termo emprégase tanto para designar cemiterios pertencentes a grandes urbes como para as zonas de enterramento que se atoparon preto de cidades de antigas civilizacións.

Necrópole de Tebas

A Necrópole de Tebas é unha área da marxe oeste do Nilo fronte a Tebas en Exipto. Usouse en gran parte para enterros de reis e nobres, especialmente durante o Imperio Novo.

Ao longo do tempo, utilizáronse diferentes sitios: así xurdiu o Val dos Reis e o Val das Raíñas, os nobres conseguian un lugar preto do seu faraón, pero durante a XVIII dinastía construíron túmulos preferentemente en Dra Abu el-Naga e Qurna e os artesáns que traballaban nos templos funerarios e as tumbas dos faraóns construíronse as súas propias tumbas no chamado Vale dos artesáns.

A maioría das tumbas están localizadas na marxe esquerda do Nilo, xa que se pensaba que o Duat (inframundo) estaba no oeste.

Saqqara

Saqqara é o emprazamento da necrópole principal da cidade de Menfis, a uns 17 quilómetros da periferia de Giza, na cidade do Cairo. Estivo en uso dende a Dinastía I (aproximadamente 3100 a.C.) ata época cristián (ano 540).

Sarcófago

Un sarcófago ou sartego é un recipiente, xeralmente tallado en pedra, destinado a conter un cadáver. No Antigo Exipto, os sarcófagos da realeza albergaban polo menos un cadaleito, xeralmente de madeira, onde se custodiaba a momia do defunto que previamente era sometido a un proceso de embalsamamento.

Seti I

Menmaatra Sethy, ou Seti I, fillo de Ramsés I e Sitra, foi o segundo faraón da dinastía XIX que gobernou uns quince anos, de c. 1294 a 1279 a.C.

Tutankhamon

Nebjeperura Tutankhamon, máis coñecido como Tutankhamon, Tutankhamón, Tutankamon ou Tutankamón, foi un faraón pertencente á dinastía XVIII de Exipto que reinou de c. 1336/1335 a.C. a 1327/1325 a.C.. O seu nome orixinal, Tut-ankh-Atón, significa «imaxe viva de Atón», mentres que Tut-ankh-Amón significa «imaxe viva de Amón». É posible que Tutankhamon sexa o rei Nibhurrereya das cartas de Amarna, e probablemente o monarca denominado Ratotis, Intres ou Atoris, que reinou nove anos, segundo os posteriores epítomes da obra de Manetón.Tutankhamon non foi un faraón notable nin coñecido en épocas antigas; o tamaño relativamente pequeno da súa tumba (KV62) foi a razón de que non fose descuberta ata o século XX. Howard Carter atopouna intacta en 1922. O seu descubrimento e os tesouros atopados nela tiveron cobertura mundial na prensa e renovaron o interese do público polo Antigo Exipto, converténdose a máscara funeraria do faraón na imaxe máis popular.

Aínda que formalmente defínese que a dinastía XVIII finaliza co reinado de Horemheb, pódese afirmar cun alto grao de certeza que o mozo Tutankhamon foi o último faraón de sangue real da dinastía. Ascendeu ao trono despois do período de Amarna e devolveu aos sacerdotes de Amón a influencia e o poder que posuíran antes da revolución relixiosa e política de Akhenatón. Durante o seu curto reinado estivo en mans de Ay e Horemheb, que se repartiron o poder: Ay administrou Exipto e Horemheb manexou o exército.

O seu reinado caracterizouse por un retorno á normalidade no plano socio-relixioso despois do interludio protagonizado por Akhenatón. Devandito retorno foi paulatino, restaurando o culto nos templos abandonados de deuses como Amón, Osiris ou Ptah, e permitindo a celebración dos ritos pertinentes.

No plano artístico, os canons inaugurados baixo o escudo de Amarna seguirían fluíndo ata fundirse cos patróns tradicionais da arte exipcia. Nas imaxes oficiais, a imaxe do novo rei sería salientada constantemente xunto á súa Gran Esposa Real conxugando a herdanza visual de Amarna (as imaxes de intimidade familiar da parella real visibles en tronos, cadeiras, cofres etc., atopados na tumba real) coa mensaxe política oficial de continuidade da dinastía, claramente visible pola profusión de imaxes de Ankhesenamon.

O achado da súa tumba, case intacta, supuxo unha achega fundamental para a comprensión da historia e cultura exipcia. Posibilitou sacar á luz unha cantidade apreciable de xoias, mobles, armas e variados utensilios, achegando unha información fundamental que permitiu ampliar o coñecemento da civilización exipcia.

Val

En xeoloxía, un val é un accidente xeográfico que forma unha depresión lonxitudinal, cercada polo tanto por áreas mais altas, como montañas ou outeiros. O seu tamaño pode variar duns poucos quilómetros cadrados a centenas ou mesmo millares.

Un val moi encaixado de vertentes abruptas chámase garganta ou foz.

Os vales fórmanse por diversos procesos xeográficos: os vales glaciares, que normalmente teñen a forma en "U" formáronse hai decenas de millares de anos pola erosión dos glaciares, mentres que os vales en forma de "V" foron normalmente formados polos ríos. Vales de tipo Rift, como o Gran Val do Rift, foron formados pola expansión da costra terrestre debido á actividade tectónica baixo a superficie da Terra. Polo común, os vales son xeralmente formados pola actividade fluvial, onde a acción da auga corrente causa a erosión do terreo.

Val das Raíñas

O Val das Raíñas (Biban el-Harim ou Biban es-Sultanat en árabe) é unha necrópole próxima a Tebas, en Exipto, reservada ás raíñas do final do Imperio Novo e outros membros da familia real, especialmente príncipes ramésidas.

O Val das Raíñas está situado na marxe esquerda do Nilo e penetra na cadea occidental, ou líbica, uns 1500 m. ao suroeste do Val dos Reis. Na antigüidade coñecíase como Ta-Set-Neferu, "o lugar dos Fillos do Faraón". Téñense identificado unhas 80 tumbas, entre elas cando menos as de catro fillos de Ramsés III, pero calcúlase que existirá o dobre.

O val sitúase preto do Val dos Reis e, igual que este, pretendíase que a súa localización fose secreta co obxecto de evitar que os ladróns de tumbas accedesen aos tesouros cos que se enterraban. Comezouse en tempos de Ramsés I e con anterioridade as esposas enterrábanse normalmente cos seus esposos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.