Vía XX

A Vía XX, per loca maritima, era unha calzada romana, recollida no itinerario de Antonino. Unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) bordeando o litoral atlántico da Gallaecia e pasando polas cidades de Brigantium e Lucus Augusti, onde se unía á Vía XIX que comeza na vertente atlántica até Brigantium, que actualmente sería A Coruña ou Betanzos. Certos relevos tamén os menciona o Anónimo de Rávena.[1]

Dela consérvanse varios miliarios.

Notas

  1. Os romanos en Galicia (2001) Lóstrego (colección O saber de peto). ISBN 84-931-301 8-4, páxina 82.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
A Ciadella, Sobrado

Santa María da Ciadella, antigamente Santa María da Ciadella de Curtis (en latín: sanctae Mariae Cidadelie de Curtis), é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Sobrado. Está situada entre as dúas actuais parroquias de Curtis: Curtis, pertencente ó concello de Curtis, e San Vicenzo de Curtis, pertencente ó de Vilasantar. Segundo o IGE en 2009 tiña 83 habitantes (43 mulleres e 40 homes) distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 94 habitantes.

Por outra banda, a parroquia eclesiástica da Ciadella está integrada na de Armental (Vilasantar) do arciprestado de Sobrado, xa que foi suprimida en 1867.

Abegondo

Abegondo é un concello da provincia e comarca da Coruña. Está no partido xudicial de Betanzos e forma parte do consorcio das Mariñas e da área metropolitana da Coruña. Limita con Cambre, Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Mesía, Ordes e Carral. Abegondo ocupa 87,9 km2 de terreo, que se reparte en 19 parroquias.

En 2017 tiña unha poboación de 5467 persoas. O norte do concello é o máis poboado.

A metade norte do concello delimítano o río Barcés e o Mero. Vai subindo de altitude cara o sur, pasando dos 100 aos 400 metros de altitude en Vizoño. Boa parte das augas do encoro de Cecebre están nas súas parroquias do norte: Orto e Crendes. O encoro e as ribeiras do ríos Barcés e Mero están declarados como espazo natural ZEC encoro de Abegondo-Cecebre. Un punto de ancoraxe na AP-9 en Folgoso foi declarado de interese xeolóxico polo perfil estratigráfico da serie de Ordes que mostra. Abegondo forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo.

Entre o patrimonio destacan os castros e mámoas e o posible paso da calzada romana Vía XX per loca marítima por Vizoño, as minarías de ouro no Barcés, a Torre Figueroa e as Torres de Peito Bordel do século XII, o pazo de Quiroga do XVII ou os Cruceiros Bonitos. Dúas variantes do Camiño Inglés, seguen os Camiños Reais e pasan por Abegondo desde A Coruña e Ferrol. Os abegondeses Antonio de Parga e Juan Armada foron ministros nos reinados de Fernando VII e Afonso XIII.

En Mabegondo están o Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo e a cidade deportiva do Deportivo da Coruña.

O xentilicio local é «abegondés»/«abegondesa»

Arteixo

Arteixo é un concello costeiro da comarca da Coruña. A súa superficie é de 95,9 km². Segundo o IGE en 2015 tiña 30.950 habitantes (15.471 homes e 15.479 mulleres) (En 2012 30.725, 30.255 no 2010, 27.713 no 2007, 26.739 no 2006, 26.272 no 2005, 25.295 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «arteixán».

A súa economía é principalmente industrial. Conta con varios polígonos, coa sede corporativa do grupo téxtil Inditex e a refinería de Repsol. En Punta Langosteira construíuse o Porto Exterior da Coruña.

As Cruces, Sobrado

As Cruces é un lugar do concello coruñés de Sobrado, que forma parte de dúas parroquias: Cumbraos e Grixalba. Segundo o IGE, en 2018 a parte de Cumbraos tiña 35 habitantes (18 homes e 17 mulleres), mentres a de Grixalba tiña 36 habitantes (18 homes e 18 mulleres).

Atricondo

Atricondo foi unha mansión na antiga Vía Romana XX per loca maritima do itinerario de Antonino entre Glandimiro st. CLXXX e Brigantium m.p.. Descoñécese a súa posición exacta na vía pero suxeriuse que podería estar preto da lagoa de Alcaián antes de Coristanco ou que puidese estar ao saír da vía de Ardemil, Ordes, como no lugar do Castro Maior de Vizoño, Abegondo.

Boiro

Boiro é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Barbanza. Segundo o IGE no 2014 tiña 19.060 habitantes (19.165 no 2012, 19.106 no 2011, 19.079 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é boirense ou boirés.

Bruma, Mesía

San Lourenzo de Bruma é unha parroquia exclave do concello de Mesía, que linda con Ardemil (Ordes), Beira (Carral) e Vizoño, (Abegondo). A súa única aldea é o Hospital, que se lle chama así xa que nel se atopaba unha pousada e hospital de peregrinos. A Bruma chega o camiño inglés de Santiago, xusto cando as súas dúas variantes da Coruña e Ferrol e Neda se unen. O antigo hospital é agora un albergue do camiño. Bruma, segundo o padrón municipal de 2017, tiña 41 habitantes (19 homes e 22 mulleres) distribuídos en 1 entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 54 habitantes.

Campamento romano da Ciadella

O campamento romano da Ciadella (ás veces chamado A Cidadela de xeito erróneo) foi un asentamento militar activo entre os séculos II e IV, sito no tramo viario entre Brigantium e Lucus Augusti, entre as actuais parroquia galegas da Ciadella (Sobrado) e Vilariño (Vilasantar). Nel mantíñanse entre 500 e 600 militares da Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, que tiña a súa sede en Lucus Augusti. Esta unidade auxiliar do exército imperial romano tivo como función a vixilancia da Vía XX, traballo que desempeñou entre os anos 123 e 395.

Curtis, Curtis

Santaia de Curtis, tamén coñecida coma Santa Eulalia de Curtis, é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Curtis. Cunha extensión de 31,6 km², tiña segundo o padrón municipal de 2018 unha poboación de 1.772 habitantes (875 mulleres e 897 homes) distribuída en 54 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.793 habitantes.

A parroquia dá nome ao concello. Está dividida en dous distritos: Santaia e Teixeiro. Dos 54 núcleos de poboación, 36 son do distrito de Santaia e 18 do distrito de Teixeiro. A capital municipal áchase na vila de Teixeiro.

Curtis forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo. Varias rutas do Camiño de Santiago pasaban antigamente pola parroquia. Unha variante do Camiño do Norte está sinalizada desde o ano 2010.

Eclesiasticamente denomínase Santa Baia de Curtis e pertence ao arciprestado de Sobrado, igual cás demais parroquias do concello.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Itinerario de Antonino

O denominado Itinerario Antonino ou Itinerario de Antonino é unha recompilación de rutas do Imperio Romano. Deste itinerario soamente se conserva a copia procedente da época do emperador Diocleciano (século IV), mais suponse que foi redactado en torno ó século III.

En cada ruta identificábanse mansións (paradas de postas) coas súas correspondentes millas (sinaladas por un ou varios miliarios). Nun principio pensouse que era unha especie de guía de viaxes, mais polas súas características, semella ser feito co fin de facilitar a localización das mansións con fins recadatorios.

Miliario

Os miliarios (procedente do latín milliarium) son columnas cilíndricas, ovaladas ou paralelepípedas que se colocaban no bordo das vías romanas para sinalizar as distancias (de mil pasos ou milla romana, unha distancia duns 1450 metros) e indicar o trazado das vías construídas por eles para a explotación pesqueira, comercial ou militar.

Acostumaban ser de granito, cunha base cúbica ou cadrada e medían entre 2 e 4 metros de altura, cun diámetro de entre 50 e 80 centímetros. Algún levaba inscricións gravadas directamente, dependendo da importancia da calzada ou da proximidade ou afastamento de Roma. A maioría dos miliarios presentan uns caracteres descoidados e rústicos, sen preocupación polo estilo. Noutros non se conservan restos de inscrición, o que leva a pensar que poderían ter un texto pintado de modo que se puidese modificar a dedicatoria.

Na antiga Gallaecia consérvanse 674 miliarios e inscricións viarias. Boa parte pertencen ás catro vías do Itinerario de Antonino que percorrían o traxecto entre Braga e Astorga (a vía XVII, vía XVIII, vía XIX e vía XX), amais doutras vías menores entre vilas, mansións e outros lugares.

Ponte de Brandomil

A ponte de Brandomil é unha ponte de pedra altomedieval que se atopa no lugar de Brandomil, na parroquia de Brandomil, no concello coruñés de Zas.

Ponte de Fillaboa

A ponte de Fillaboa é unha ponte baixo-medieval de orixe romana situada na parroquia de San Lourenzo de Salvaterra, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño. Atravesa o río Tea no antigo camiño que unía as vilas de Ribadavia e Tui. É a máis próxima da desembocadura das catro pontes centenarias do río Tea, xunto á de Cernadela, á dos Remedios, e á das Partidas. O nome de Fillaboa débese a unha grande insua do Miño que se atopa a dous quilómetros abaixo da ponte, na desembocadura do Tea.

Vizoño, Abegondo

San Pedro de Vizoño é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Abegondo na comarca da Coruña. Segundo o IGE en 2016 tiña 185 habitantes (95 homes e 90 mulleres) distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 247 habitantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.