Vía Láctea

A Vía Láctea é a galaxia na que está o sistema solar, e por tanto o planeta Terra. Segundo as observacións posúe unha masa de 1012 masas solares e é, moi posiblemente, unha espiral barrada. Cun diámetro medio duns 100 000 anos luz calcúlase que contén uns 100 000 millóns de estrelas. A distancia dende o Sol ao centro da galaxia é duns 27 700 anos luz (8,5 kpc).

O nome de Vía Láctea provén do latín e significa camiño de leite. Foi denominada así pola aparencia de banda leitosa de luz tenue que atravesa o ceo nocturno de lado a lado. Esta banda non é máis que a luz emitida polo conxunto de estrelas que forman disco galáctico. En Galiza e noutros lugares de Europa occidental coñécese tamén polo nome de Camiño de Santiago.

A Vía Láctea forma parte dun conxunto dunhas corenta galaxias, chamado Grupo Local, do que é unha das galaxias maiores, xunto con Andrómeda e Triángulo.[1] Debido ás curvas de rotación que presenta crese que gran parte da masa da Vía Láctea é materia escura.

A galaxia divídese en tres partes ben diferenciadas: halo, disco e bulbo.

Milky Way galaxy
Recreación artística da Vía Láctea.
Milky Way 2005
Estrutura da Vía Láctea.
Galaxia
Diagrama da estrutura galáctica.
Milky Way infrared
Vía Láctea.

Halo

O halo é unha estrutura esferoidal que envolve a galaxia, tal e como se ve no diagrama anterior. No halo a densidade de estrelas é moi baixa e apenas ten nubes de gas polo que carece de rexións con formación estelar. En cambio é no halo onde se atopan a maioría de cúmulos globulares. Estas formacións antigas son reliquias da formación galáctica. Estas agrupación de estrelas debéronse formar cando a galaxia era, aínda, unha gran nube de gas que colapsaba e se ía aplanando cada vez máis. Outra característica do halo é a presenza de gran cantidade de materia escura. A súa existencia deduciuse a partir de anomalías na rotación galáctica. Os obxectos contidos no halo rotan cunha compoñente perpendicular ao plano moi forte cruzando en moitos casos o disco galáctico. De feito, é posible atopar estrelas ou outros corpos do halo no disco. A súa procedencia delátase cando se analiza a súa velocidade e traxectoria así como a súa metalicidade. E é que os corpos do halo presentan unha compoñente perpendicular ao plano moi acusada ademais de ser corpos formados antes cós do disco. Tamén é moi probable que unha estrela de poboación II (pobre en metais) pertenza ao halo, pois estas son máis antigas cás de poboación I (ricas en metais).

Disco

O disco componse, principalmente, por estrelas novas, de poboación I. É a parte da galaxia que máis gas contén e é nel onde aínda se dan procesos de formación estelar. O máis característico do disco son os brazos espirais. Estas formacións son rexións densas onde se compacta o gas e, xa que logo, dáse a formación de estrelas. Os brazos son, en realidade, ondas de densidade que se desprazan independentemente das estrelas contidas na galaxia. O brillo dos brazos é maior có resto das zonas porque é alí onde se atopan as estrelas xigantes azuis. Estas estrelas de curta vida nacen e morren no brazo espiral converténdose así en excelentes marcadores da súa posición. Outros trazadores dos brazos espirais son as rexións HII (nubes de hidróxeno ionizado). Estas nubes reemiten a enerxía captada facéndose visibles. Son altamente enerxéticas pois foron ionizadas polas potentes xigantes azuis que varren extensas áreas cos seus ventos estelares. As estrelas de vida máis longa sairán e entrarán repetidas veces nos diferentes brazos espirais da galaxia.

Así como a galaxia se compón de dúas partes segundo o seu grosor (halo e disco), o disco tamén se divide en dúas partes: Disco delgado e disco groso. Crese que o disco groso é o remanente dun segundo proceso de colapso e esmagamento da galaxia. Así como o halo é o remanente do colapso inicial o disco groso seríao dunha segunda fase de colapso.

Bulbo

O bulbo ou núcleo galáctico sitúase, como é lóxico, no centro. É a zona da galaxia con maior densidade media de estrelas. Aínda que a nivel local pódense atopar algúns cúmulos globulares con densidades superiores. O bulbo ten unha forma esferoidal achatada e vira como un sólido ríxido. Por outra banda sábese que no noso centro galáctico hai un gran buraco negro dunhas 2,6 millóns de masas solares. A súa detección foi posible a partir da observación dunhas estrelas que viraban ó redor dun punto escuro a velocidades de máis de 1500 km/s.

Formación

A Vía Láctea comezou como unha ou varias pequenas sobredensidades na distribución da masa do Universo pouco despois do Big Bang. Algunha desas sobredensidades foron a orixe dos cúmulos globulares nos cales as estrelas máis antigas permaneceron no que hoxe é a Vía Láctea. Esas estrelas e cúmulos agora forman o halo estelar da galaxia. Aos poucos milleiros de millóns de anos do nacemento das primeiras estrelas, a masa da Vía Láctea era o suficientemente grande como para xirar con relativa velocidade. Debido á conservación do momento angular, isto levou a que o medio gasoso interestelar colapsase nunha forma de disco máis ou menos esférica. Polo tanto, posteriores xeracións de estrelas formáronse neste disco espiral. A meirande parte das estrelas máis novas, incluído o Sol, obsérvanse no disco.

Dende que as primeiras estrelas comezaron a formarse, a Vía Láctea medrou a través da fusións de galaxias e da acreción do gas directamente dende o halo galáctico. A Vía Láctea na actualidade atópase nun proceso de extracción de material das súas dúas galaxias satélites máis próximas, a Gran e a Pequena Nube de Magalhães, a través da corrente magallánica. A acreción directa de gas pode observarse en nubes interestelares como a nube de Smith. Para o seu estudo están a usarse datos do satélite GAIA, que xa ten permitido predicir a evolución do choque entre a Vía Láctea e a galaxia de Andrómeda.[2]

Idade

As idades das estrelas individuais da Vía Láctea poden estimarse medindo a abundancia de elementos radioactivos de longa vida, como o torio-232 e o uranio-238, e comparar os resultados coas estimacións da súa abundancia orixinal, unha técnica chamada nucleocosmocronoloxía. Estas estimacións dan uns resultados duns 14,0 ± 2.4 Ga para a estrela CS 31082-001 e duns 13,8 ± 4 Ga (Gigaannum) para BD+17° 3248. Cando se forma unha anana branca, comeza a experimentar enfriamento radiante e a temperatura da superficie diminúe constantemente. Medindo as temperaturas da máis fría desas ananas brancas e comparándoas coas temperaturas iniciais previstas pode estimarse unha idade. Con esta técnica, a idade do cúmulo globular M4 estimouse en 12,7 ± 0.7 Ga. Os cúmulos globulares están entre os obxectos máis vellos da Vía Láctea, polo que permiten fixar un límite inferior na idade da galaxia.

En 2007, estimouse a idade dunha estrela do halo galáctico, HE 1523-0901, en 13 200 millóns de anos, ao redor de 500 millóns de anos menos que a idade do Universo. Como o obxecto máis vello coñecido da Vía Láctea nese tempo, esa medida situou un límite inferior na idade da galaxia. Esa estimación foi determinada usando o UVES (Ultraviolet and Visual Echelle Spectrograph) do Very Large Telescope para medir as forzas relativas das liñas espectrais causadas pola presenza de torio e outros elementos creados polo proceso-r (un proceso de captura neutrónica para elementos radioactivos que se dá en condicións de alta temperatura e alta densidade neutrónica). As forzas das liñas indicaban a presenza de diferentes isótopos elementais, dos cales podía estimarse a idade da estrela usando a nucleocosmocronoloxía.

A idade das estrelas no delgado disco galáctico tamén foron estimadas usando a nucleocosmocronoloxía. Coas medidas destas estrelas estimouse que o disco formouse hai uns 8.800 (± 1.700) millóns de anos. Eses datos suxiren que houbo un hiato de case 5 000 millóns de anos entre a formación do halo galáctico e do disco.

Os datos de Gaia, permitindo profundizar na arqueoloxía galáctica, aumentarán a precisión das estimacións de idade.[3]

Véxase tamén

Bibliografía

  • Thorsten Dambeck in Sky and Telescope, "Gaia's Mission to the Milky Way", March 2008, p. 36–39.
  • Cristina Chiappini, The Formation and Evolution of the Milky Way, American Scientist, November/December 2001, pp. 506–515
  • AA.VV (2002). L'Universo - Grande enciclopedia dell'astronomia. Novara: De Agostini.
  • Gribbin, J. (2005). Enciclopedia di astronomia e cosmologia. Milano: Garzanti. ISBN 88-11-50517-8.
  • Melia, Fulvio (2005). Bollati Boringhieri, ed. Il buco nero al centro della nostra galassia. Torino. ISBN 88-339-1608-1.
  • Owen, W. (2006). Atlante illustrato dell'Universo. Milano: Il Viaggiatore. ISBN 88-365-3679-4.
  • Lindstrom, J. (2006). Stelle, galassie e misteri cosmici. Trieste: Editoriale Scienza. ISBN 88-7307-326-3.

Outros artigos

Ligazóns externas

Notas

  1. esa. "Nuevas velocidades para la colisión entre la Vía Láctea y Andrómeda". European Space Agency (en castelán). Consultado o 2019-02-08.
  2. "Gaia clocks new speeds for Milky Way-Andromeda collision". European Space Agency (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2019. Consultado o 2019-02-07.
  3. esa. "Gaia creates richest star map of our Galaxy – and beyond". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-02-08.
A vía láctea

A vía láctea (en francés: La Voie lactée) é un filme francés de 1969 do director aragonés Luis Buñuel, ambientado no Camiño de Santiago. Está protagonizado por Laurent Terzieff, Paul Frankeur, Delphine Seyrig, Georges Marchal e Michel Piccoli. Buñuel considerou A vía láctea a primeira parte dunha triloxía (xunto con O discreto engado da burguesía e A pantasma da liberdade) sobre "a busca da verdade."Mestura simbolismos do catolicismo e o comunismo cunha estética surrealista e unha narrativa cinematográfica non linear, nunha visión persoal da herexía cristiá dende a época romana e a través do relato de dous peregrinos que atravesan Francia e España percorrendo o Camiño.Estreouse en galego o 18 de febreiro de 1989 a través da TVG.

Centaurus

Centaurus, ou Centauro, é unha extensa constelación que se atopa ó norte de Crux e no extremo norte da Vía Láctea. Rodea a Cruz do Sur formando unha das máis ricas e fermosas constelacións do ceo.

Cygnus

Cygnus ou Cisne é unha constelación do hemisferio norte que atravesa a Vía Láctea. Dado o patrón das estrelas principais, ás veces é coñecida coma a Cruz do Norte (en contraste coa Cruz do Sur). Contén a Deneb, unha estrela de primeira magnitude e un grupo de seis estrelas que forman a Cruz do Norte.

Edwin Hubble

Edwin Powell Hubble, nado o 20 de novembro de 1889 en Marshfield, Missouri) e finado en San Marino, California o 28 de setembro de 1953 en California, foi un astrónomo estadounidense. Fillo de John Powell Hubble e Virginia Lee James. É coñecido por ser o astrónomo que acadou a primeira evidencia observacional da expansión do universo, a unha taxa ou velocidade coñecida coma constante de Hubble ou Lei de Hubble, que se indica co símbolo H0. Foi o primeiro astrónomo en acreditar que a galaxia de Andrómeda non era unha galaxia satélite da Vía Láctea, cando determinou a súa distancia calculando a luminosidade das estrelas Cefeidas localizadas en Andrómeda.

Galaxia

Unha galaxia é un sistema de estrelas, restos estelares, gases interestelares, po cósmico e materia escura ligados gravitacionalmente entre si. O termo "galaxia" provén do latín galaxĭas, que deriva do grego galaxías γαλαξίας, que significa literalmente 'leitoso', en referencia á Vía Láctea. As galaxias poden variar en tamaño dende as ananas que conteñen uns poucos miles (103) de estrelas ata as xigantes que poden chegar a ter un trillón (1014) de estrelas, con cada unha destas orbitando o centro de masa da galaxia. As galaxias categorízanse segundo a súa morfoloxía visual en elípticas, en espiral e irregulares. Pénsase que o núcleo activo de moitas galaxias é un burato negro. O burato negro central da Vía Láctea coñécese co nome de Sagittarius A*, e ten unha masa catro millóns de veces maior que o Sol. A data de xullo de 2015, EGSY8p7 era a galaxia máis vella e distante coñecida con respecto a Terra, a unha distancia de 13 200 millóns de anos luz da Terra e observada como existía 570 millóns de anos tralo Big Bang. Previamente, a data de maio de 2015, EGS-zs8-1 era a galaxia máis remota coñecida, a uns 13 100 millóns de anos luz e cun 15% estimado da masa da Vía Láctea.Existen aproximadamente entre 170 mil millóns (1.7 × 1011) e 200 mil millóns (2.0 × 1011) de galaxias no universo observable. A maioría das galaxias son de entre 1000 ata 100 000 parsecs de diámetro e atópanse separadas entre elas a distancias da orde de millóns de parsecs (ou megaparsecs). O espazo entre galaxias contén un gas tenue cunha densidade media menor a un átomo por metro cúbico. A maioría de galaxias organízanse gravitacionalmente en asociacións coñecidas como agrupacións galácticas, cúmulos e supercúmulos. Nas maiores escalas estas asociacións distribúense xeralmente en forma de filamentos rodeados de baleiros inmensos.

Galaxia anana

Unha galaxia anana é unha pequena galaxia composta por desde uns 100 millóns ata varios miles de millóns de estrelas, o que é unha cifra pequena comparada cos 200 a 400 mil millóns de estrelas que ten unha galaxia grande como a Vía Láctea. A Gran Nube de Magalláns, que orbita moi próxima á Vía Láctea e contén uns 30 mil millóns de estrelas, é ás veces clasificada como galaxia anana, aínda que outros a consideran unha galaxia normal de pleno dereito. A formación de galaxias ananas e a súa actividade crese que están moi influenciadas polas interaccións con galaxias grandes. Os astónomos identificaron numerosos tipos de galaxias ananas, baseándose na súa forma e composición.

Gallus

Gallus, o galo, é unha antiga constelación introducida polo teólogo holandés Petrus Plancius e apareceu por primeira vez no seu globo celeste de 1612. Gallus residía na Vía Láctea, ó sur do ecuador celeste na parte norte do que agora é Puppis. Aínda que varios astrónomos aprobaron Gallus, esta non se amosa no influente atlas de Johann Elert Bode.

O astrónomo alemán Jakob Bartsch, que estaba desexoso de atopar referencias bíblicas para tódalas constelacións, di no seu libro Usus Astronomicus (1624) que Gallus representa ó galo que cantou despois de que Pedro negara a Xesús tres veces.

Gran Nebulosa de Magalhães

A Gran Nebulosa de Magalhães (abreviada como LMC, do inglés Large Magellanic Cloud) és unha galaxia anana, satélite da Vía Láctea e membro do Grupo Local.

Encóntrase a 136 000 anos luz (uns 41 700 pársecs) de distancia, sendo a terceira galaxia máis próxima á Vía Láctea despois da galaxia Anana do Can Maior e a galaxia Anana Elíptica de Saxitario (SagDEG).

É visíbel a simple vista como un débil obxecto no hemisferio austral terrestre situado entre as constelacións de Dorado e Mensa. Forma unha das chamadas Nubes de Magalláns do hemisfero sur xunto á Pequena Nebulosa de Magalhães (galaxia anana NGC 292).

Grupo Local

Na astronomía, denominase Grupo Local ó grupo de galaxias na que se atopa a nosa, a Vía Láctea.

Está dominado por dúas galaxias espirais xigantes, Andrómeda e a Vía Láctea. O resto de galaxias, unhas 30, son máis pequenas; moitas delas son galaxias satélite (ver galaxia anana) dunha das máis grandes.

As galaxias libres xiran en torno ó centro de masas do grupo, situado entre Andrómeda e a Vía Láctea. Ademais, o noso Grupo Local está contido dentro do supercúmulo de Virgo, o seu centro gravitatorio é denominado Grande Atractor, cara ó cal se dirixe o Grupo Local.

Dentro do Grupo Local, coñécense tres sistemas dominados por galaxias masivas actuando coma centros de gravidade, e varias galaxias actuando coma satélites:

Sistema de Andrómeda (M31): M32, M110, NGC 147, NGC 185, Andrómeda I, Andrómeda II, Andrómeda III, Andrómeda IV, Andrómeda V, Andrómeda VI e Andrómeda VII.

Sistema da Vía Láctea: Anana de Saxitario, Gran Nube de Magalláns, Pequena Nube de Magalláns, Anana da Osa Menor, Anana de Draco, Anana de Carina, Anana de Sextans, Anana de Sculptor, Anana de Fornax, Leo I, Leo II e Anana de Tucana.

Sistema do Triángulo (M33): a terceira maior galaxia e a única espiral no Grupo Local, pode ou non ser unha compañeira da Galáxia de Andrômeda, apenas ten unha galaxia satélite, a Anana de Pisces (LGS 3)

Ignacio Vilar

Xosé Ignacio Vilar Díaz, coñecido como Ignacio Vilar, nado en Petín en 1951, é un director galego de cinema.

Ilegal (filme)

Ilegal é unha longametraxe dirixida por Ignacio Vilar, unha coprodución galega estreada en 2003.

Pradolongo (filme)

Pradolongo é un filme galego dirixido por Ignacio Vilar que foi estreado no 2008. Rodado integramente en galego, a rodaxe fíxose na comarca de Valdeorras. Está protagonizado por Tamara Canosa, Rubén Riós, Mela Casal e Roberto Porto.

Sagittarius

Sagittarius ou Saxitario é unha constelación do zodíaco, xeralmente representada coma un centauro sostendo un arco. Saxitario atopase entre Scorpius ó oeste e Capricornus ó leste.

Scutum

Scutum, ou Escudo, é unha pequena constelación do hemisferio sur celeste. É unha das 88 constelacións aceptadas pola Unión Astronómica Internacional. Foi creada por Johannes Hevelius no 1690 baixo o nome de Scutum Sobiescii ou Scutum Sobiescianum (o "escudo de Sobieski"), para honrar o rei e heroe polaco Xoán III Sobieski. É a única constelación moderna que se asocia a unha figura histórica.

Cunha área de 109 graos cadrados, Scutum é a quinta constelación de menor tamaño. A máis brillante das súas estrelas é Alfa (α) Scuti (mag. 3.85). Porén, a Vía Láctea atravésaa, e unha das súas rexións máis brillantes localízase no extremo nordeste desta constelación. Esta área comunmente recibe o nome de Nube Estelar de Scutum.

The Milky Way (filme de 1940)

The Milky Way é unha curtametraxe clásica de animación producida en Technicolor e estreada nos cines co filme The Captain Is a Lady por Metro-Goldwyn Mayer. A curtametraxe, producida e dirixida por Rudolf Ising e co-producida por Fred Quimby coa supervisión musical de Scott Bradley, conta as aventuras dos "tres pequenos gatiños" e a súa exploración do mundo dos soños onde a Vía Láctea está feita de leite e a Lúa de queixo.

Gañou o Oscar á mellor curtametraxe animada na 13ª edición dos premios, e foi o primeiro filme que non era de Disney en facelo.

Vilamor (filme)

Vilamor é un filme galego dirixido por Ignacio Vilar que foi estreado no 2012 e rodado nos Ancares, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. A estrea do filme fíxose na cidade de Lugo o 30 de marzo de 2012.

Vía Láctea (homónimos)

Vía Láctea pode referirse a:

Vía Láctea, galaxia na que se atopa o sistema solar.

Via láctea, disco do grupo Milladoiro (1993).

Vía Láctea Editorial, editorial coruñesa.

Vía Láctea Filmes, produtora galega de cine.

A vía láctea, filme francés de 1969 dirixido por Luis Buñuel.

Vía Láctea Filmes

Vía Láctea Filmes é unha produtora de cine galega creada en Vigo e fundada por Ignacio Vilar. A produtora traballa na produción cinematográfica, de documentais e na produción televisiva. Dende a súa fundación leva producidas cinco longametraxes: Ilegal (2003), Un bosque de música (2004), Pradolongo (2008), Vilamor (2012) e A esmorga (2014).

Xosé María Dobarro

Xosé María Dobarro Paz, nado en Ferrol o 7 de outubro de 1950, é profesor e escritor, investigador da literatura galega.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.