Urheimat dos indoeuropeos

As hipóteses da Urheimat protoindoeuropea son unha serie de conxecturas que tentan explicar as orixes da lingua protoindoeuropea. A identidade dos indoeuropeos foi un un argumento recorrente dos estudos de indoeuropeística a partir do século XIX. Se ben son moitas as hipóteses propostas, ningunha ten reunido un acordo suficientemente amplo dentro da comunidade dos investigadores.

Urheimat ipotesi
Algunhas das hipóteses sobre a localización da Urheimat.

O problema da localización da "Patria ancestral"

Un filón amplamente percorrido pola indoeuropeística desde as súas orixes foi o da individuación da patria orixinaria dos indoeuropeos (Urheimat, como a miúdo lle chaman recorrendo á expresión alemá), ou sexa, na ciencia lingüística, cal foi o lugar onde se falaba o indoeuropeo reconstruído.

No século XIX os estudosos da época aprenderon que "todos" os pobos de Europa e unha parte dos de Asia foran nun tempo un "único pobo", os indoeuropeos, e comezaron a se preguntaren: "onde vivira este pobo"? Xa que isto equivalía a preguntárense de onde viñeran todos, cales eran as súas raíces, cal era a súa "Patria Orixinaria" (Urheimat). Nesta óptica o problema da individuación da sede orixinaria é tamén a cuestión da europeización de Europa e, polo tanto, o problema da historia da súa civilización[1].

Propuxéronse moitas localizacións para unha Urheimat indoeuropea; sobre isto o estudoso J. P. Mallory escribiu: “Non nos deberiamos preguntar ‘onde é a patria dos indoeuropeos?' no canto de ‘onde a puxeron agora?' ”Mallory (1989:143)[2]

Espansione indoeuropea Kossinna
A Urheimat indoeuropea (círculo vermello) e a expansión das poboacións indoeuropeas segundo Kossinna.
IE expansion
A rexión de orixe (Urheimat) dos indoeuropeos (violeta) e a súa expansión segundo a teoría kurgánica.
As distintas hipóteses
Lista coas numerosas localizacións propostas en orde cronolóxica e coa indicación das figuras que as sostiñan:
  • India: con Friedrich Schlegel[1] que propuña o Indostán noroccidental e Th. Young que sostiña a tese de Kachemira; aínda no 1856 esta tese era sostida por Curzon[3]. Foi proposta novamente na forma da "Out of India theory" (1999-2000), hipótese que porén se desacredita por ela mesma, polas súas evidentes connotacións ideolóxicas e políticas.
  • Cáucaso meridional: H. F. Link[3], baseándose nunha lectura errada do Avesta, no 1821 localizaba o asentamento orixinario nos altiplanos de Media, Armenia e Xeorxia.
  • hipótese dunha patria setentrional: no 1830 J. G. Klaproth[3] argumentando sobre a difusión xeográfica do bidueiro (especie vexetal cuxo nome era recoñecido como indoeuropeo orixinario) deducía unha Patria orixinaria relativamente setentrional.
  • Babilonia: J. Schmidt[1], pero tamén Theodor Mommsen[3] na primeira edición da "Historia Romana" (1856) pensara en Mesopotamia.
  • Europa: a tese dunha orixe europea foi formulada por primeira vez, con métodos xa rigorosos e sobre base científica, por Robert G. Latham[4], no 1851, pero esta hipótese non foi aceptada inmediatamente como opinión dominante, polo mesnos non ata o 1870. no 1869 T. Benfey[3], sobre a base das especies animais indoeuropeas coñecidas, consideraba máis probábel unha orixe europea e cara o leste poñíase como límite máximo a área comprendida entre a Bacía do Danubio e o Mar Caspio, de todos xeitos ao norte do Mar Negro. N. Trubeckoij[3] (1939) situaba a patria ancestral entre o Mar do Norte e o Caspio.
  • Area danubiana ou sexa a Teoría do Asentamento danubiano-centroeuropeo: a Tese do asentamento orixinario danubiano foi a hipótese definitiva avanzada por R. G. Latham a principios da segunda medade do século XIX. Peter Giles (1922) pensaba que a Urheimat se podería localizar entre Hungría e a chaira Panónica[1], P. Bosch-Gimpera (1960) colócaa a medio camiño entre a Chaira alemá occidental e a Chaira sarmática occidental, Giacomo Devoto (1962) nunha área comprendida entre a Alemaña e a Polonia actuais.
  • Bactriana ou outro lugar da Asia central: Adolphe Pictet[3] (1878) e máis recentemente Johanna Nichols (1997) que propón a hipótese da Bactriana-Sogdiana.
  • Báltico: Th. Poesche (1878), pensando que o lituano é a lingua indoeuropea máis arcaica, avanzou a tese de Lituania como patria orixinaria, hipótese que tamén R. G. Latham[1] sopesara inicialmente (e indicando en particular Volinia e Podolia como os lugares máis probábeis)[3]; Wolfgang Schmid sitúa a Urheimat entre Pomerania e Lituania.
  • Escandinavia: Karl Penka (1883)
  • Alemaña setentrional e Escandinavia meridional: Gustaf Kossinna (1902)
  • Polo norte: Bal Gangadhar Tilak[1] (1903)[5]
  • Rusia meridional: Otto Schrader, V. G. Childe (1926), Marija Gimbutas (1960) nai da Teoría kurgánica que permanecer aínda hoxe como a hipótese máis acreditada, Francisco Villar Liébana (1991), J. P. Mallory (1989[6] e 1997[7]).
  • Área Ponto-caucásica, entre Mesopotamia e os Balcáns: Thomas V. Gamkelidze e V. V. Ivanov (1980) coñecida tamén como "Armenian hypothesis".
  • Anatolia: Andrew Colin Renfrew (1987) pai da hipótese anatólica, coñecida tamén como "Renfrew Hypothesis" e que leva adiante autonomamente algunhas consideracións xa formuladas por V. G. Childe, e desenvolvidas despois de con liñas propias por outros estudosos como o xenetista Luigi Luca Cavalli-Sforza (1993) e o glotóologo Mario Alinei (1996-2000), este último ampliando ulteriormente a Teoría da continuidade ou TCP de Marcel Otte.

Hipóteses sobre a Urheimat protoindoeuropea

Inicialmente, e estando o nacemento mesmo da indoeuropeística en gran parte conectado co "descubrimento" do sánscrito por parte dos europeos, os primeiros estudosos propuxeron unha colocación asiática da patria ancestral. A primeira teoría proposta foi, xa que logo, a de que a India fose a Patria orixinaria e o sánscrito a lingua orixinaria .

A finais do século XIX e principios do século XX, tras dos estudos feitos por Karl Penka e Gustaf Kossinna, chegouse a crer que a chamada raza aria proviña da Europa setentrional, en particular da Alemaña setentrional e da Escandinavia meridional, precisamente da área xeográfica que era tamén o lugar de orixe dos xermanos, ou polo menos que neses países a orixe étnica aria orixinal se tería conservado no tempo[8]. esta idea estaba difundida tanto na cultura intelectual como na popular a principios do século XX e apropiouse dela o nazismo. A "teoría xermánica" sobre as orixes arias non era a única que circulaba durante ese século, de feito moitos eruditos británicos, americanos e alemáns teorizaron que os indoeuropeos proviñan do nordeste: de Rusia e de Ucraína incluíndo as montañas do Cáucaso.

A hipótese da invasión aria, formulada claramente por Gordon Childe (The Aryans,1926) é famosa entre estas teorías de difusión. Ve ao ario como un cabaleiro nómade que se estendeu desde as estepas eurasiáticas tanto ao sur como ao oeste. Nesta teoría a cultura kurgán sería a responsábel da difusión da propia lingua, relixión e cultura. Esta teoría foi reformulada despois pola arqueóloga Marija Gimbutas e aínda é hoxe a teoría máis acreditada.

Véxase tamén: Hipótese kurgán.

Outra teoría máis recente propón unha orixe anatólica dos pobos arios. Esta teoría propúxoa Colin Renfrew e Luigi Luca Cavalli-Sforza de xeito independente. Afirma que as linguas indoeuropeas se desenvolveron a partir da actual Turquía cara a Europa. Nun segundo tempo a expansión tería proseguido a partir das estepas eurasiáticas (culturas Yamna e Andronovo) cara o Irán e a India.

Véxase tamén: hipótese anatólica.

Indoeuropeos como invasores do norte

Kurgan map
As "ondas Kurgan" e a propagación nos Balcáns e en Europa central.

As bases científicas a favor da difusión desde o norte dos indoeuropeos: indicios entre lingüística e paleontoloxía

A idea de que os indoeuropeos proveñen do norte, malia nacer sobre bases teóricas non sempre científicas, logo atopou apoio en amplos estudos de carácter lingüístico e no que o léxico reconstruído semella indicar sobre a fauna e a flora das rexións onde poderían ter vivido as tribos que falaban a protolingua.

O léxico reconstruído semella ter palabras comúns facilmente individualizábeis para plantas como a faia ou o carballo, para animais como o cervo, o salmón, o lobo, mentres que animais como o león non teñen unha marca léxica clara e unívoca. Cruzando as áreas das especies que se identifican cos animais cuxos nomes son comúns no protoléxico, pensouse que se había poder extraer con suficiente exactitude a situación da Urheimat.

En xeral, as indicacións da paleontoloxía lingüística semellan excluír a Europa mediterránea. A área antiga das especies consideradas, e doutras, semella estar comprendida entre o Elba, o Danubio e o Volga e o Ural[1]. A partir destas grandes indicacións, os diversos estudosos collen por camiños diferentes: así, por exemplo, Giacomo Devoto coloca a patria orixinaria nunha área comprendida entre a Alemaña e a Polonia actuais; segundo a hipótese de Bosch-Gimpera a Urheimat estaba a metade de traxecto entre a chaira alemá occidental e a chaira sarmática occidental; Wolfgang Schmid coloca a Urheimat decididamente no Báltico, entre Pomerania e Lituania; e está finalmente a hipótese de Marija Gimbutas[9] (reproposta por J. P. Mallory) da colocación da Urheimat na estepa uralo-póntica.

Velaquí algúns exemplos do estudo de nomes ligados á flora e á fauna:

  • cervo: o termo indoeuropeo correspondente è *ker-wo-s, da raíz *ker *kr, cabeza, relacionada entre outros grego κέρας kéras, "corno" (toda Europa).
  • alce: a raíz indoeuropea correspondente é *ark-, variante alk- (ser forte, protexer), relacionada entre outras co grego ἀλκή alkē, "valor, vigor" (na antigüidade, Europa, agás zonas mediterráneas).
  • lobo: o termo indoeuropeo para este animal é *wlkwós, que nas linguas indoeuropeas mediterráneas está testemuñado na variante *lukwos, con metátese entre *l e *w.
  • can: o termo indoeuropeo *kwōn (xen. *kunós) define o primeiro animal domesticado polo home; as reconstrucións dos estudosos que conectan o indoeuropeo á máis vasta superfamilia nostrática, semellan indicar que a palabra e´común a máis familias lingüísticas, indoeuropeas e non indoeuropeas; a reconstrución nostrática e eurasiática da palabra can é unha das máis dignas de confianza (o nostrático é unha hipotética protolingua do mesolítico tardío, época na que ten lugar a domesticación do can)- non é relevante canto á súa área de distribución.
  • salmón: a palabra indoeuropea é *laks, que nas linguas indoeuropeas mediterráneas (como o latín: salmo) foi substituída por unha palabra derivada dunha raíz *sal- que significa, "saltar, subir, remontar" (área de dispersión: ríos que desembocan no Báltico, pero tamén Danubio e Volga);
  • faia: a palabra indoeuropea é *bhāghos, que podería tanto referirse a fagus silvatica (Europa occidental), como a fagus orientalis (Cáucaso e Urais).
  • león: para o león quíxose reconstruír unha raíz *singho-s, a partir do sánscrito simha (león) e do albanés inj (leopardo). Dado que se atopa en áreas tan remotas a unha da outra, a raíz debe ser por forza orixinaria (Walde-Pokorny-Devoto). Porén é de notar que esta, en dúas linguas distintas, se refire a dous animais diferentes, que non teñen máis en común que o feito de seren grandes felinos salvaxes. Débes e considerar o feito de que, respecto ao conxunto dos outros lemas referidos a animais, que son bastante unívocos (en cada caso, a distinción entre dous tipos de faia salta menos á vista cá que hai entre un leopardo e un león), este lema é particularmente inseguro na súa interpretación. A idea que resulta é que *singho- indicaría máis que nada un gran felino. Aparecen, pois, dúas posibilidades: ou o albanés ou o sánscrito testemuñan o significado orixinario. Pero, se o significado orixinario é "león", terían razón os que propugnan a hipótese que quere a Urheimat na India. Porén, este dato estaría en forte contradición cos outros, en particular con *bhāghos, a faia. Se no canto diso partimos do presuposto de que o étimo orixinario se conservou no albanés, as cousas cambian radicalmente. O leopardo, na idade antiga, estaba difundido na Europa oriental, preto do Cáucaso, e en Anatolia. Agora, se aceptamos que *singho- significa "leopardo", as posibilidades da Urheimat restrínxense: ou Cáucaso-área anatólica (Renfrew, Gamkrelidze, Ivanov), ou interesamento primitivo da área nor-póntica (Gimbutas). Dado que cada elemento debe ser considerado no contexto de todos os outros elementos dispoñíbeis, o conxunto dos datos relativos ás áreas de dispersión das especies identifican unha zona restrinxida ao leste do Mar de Azov, pouco ao norte do Cáucaso, como o lugar no cal os indoeuropeos podían ter atopado todos os animais e as plantas notábeis das que fala o protoléxico.

Ao carón das indicacións da paleontoloxía lingüística, outros elementos a favor dunha Urheimat nórdica (como mínimo sarmática) dos indoeuropeos, semellan vir de elementos da tradición das culturas antigas de lingua indoeuropea, en particular dalgúns mitos cosmogónicos testemuñados nos Veda da antiga India. Os estudosos de antropoloxía saben ben que algúns tipos de mito cosmogónico arcaico están ligados aos cultos astrais. Atendendo a esta interpretación dos arquetipos mitolóxicos, parecera que nalgúns himnos védicos se ocultasen efectivamente (segundo unha linguaxe figurada e en base á concepción do mundo típica do home arcaico) descricións de configuracións astrais observábeis só en áreas do hemisferio boreal non moi afastadas do círculo polar ártico, nunha época moi anterior á fixación per escrito dos mesmos Vedas.

Considerando as circunstancias xeoetnolingüísticas nas que se produciron os himnos védicos, é moi improbábel que tales descricións mitolóxicas de configuracións astrais teñan podido chegar desde fóra: trataríase, xa que logo, de memorias ancestrais, conservadas desde as orixes polos sacerdotes astrónomos das poboacións indoeuropeas que despois migraron á India: memorias mitolóxicas e elementais coñecementos astronómicos que os indoiranios terían levado canda eles desde unha remota Urheimat setentrional.[5]

Outras "patrias indoeuropeas"

Dentro do máis xeral "problema indoeuropeo" desenvólvese tamén a cuestión da individualización dos Asentamentos orixinarios dos maiores agrupamentos indoeuropeos históricos (á súa vez Centros secundarios de indoeuropeización). Entre os diversos ámbitos de investigación os que suscitaron unha máis vasta discusión están[10] os seguintes:

  • Urheimat indoiránica, probabelmente a identificar coa Cultura de Andronovo (2000-1200 a.C.).
  • Urheimat balto-eslava
    • Urheimat báltica, asociada á Cultura da cerámica cordada (entre o -3200/-2900 e o -2300/-1800). Esta teoría ten sido rexeitada de moitas maneiras, mesmo se tivo unha importancia central no debate sobre a Urheimat indoeuropea xeral ao principio do século XX. Cómpre subliñar que nos territorios ocupados pola cultura da cerámica cordada existen amplas áreas (Finlandia, Estonia) nas que xamais se testemuñaron poboacións indoeuropeas.
    • Urheimat eslava, asociada a diferentes grupos de Culturas.
  • Urheimat dos dialectos balcánicos.
  • Urheimat dos dialectos Centum.
    • Urheimat italo-céltica, usualmente identificada coa Cultura dos túmulos (-1600--1200)<Cultura de Unetice<Cultura do vaso campaniforme.
      • Urheimat céltica (Cultura dos túmulos>Cultura dos campos de urnas>Cultura de Hallstatt>Cultura de La Tène).
      • Urheimat itálica (Cultura dos túmulos>Terramare(?)[11]>Cultura dos campos de urnas>Cultura protovillanoviana).
    • Urheimat xermánica (Cultura da cerámica cordada>Cultura da Idade de bronce escandinava>Cultura de Jastorf).

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Francisco Villar Liébana, Los indoeuropeos y los orígenes de Europa, Madrid, Gredos, 1991.
  2. Mallory, J. P. 1989. en Search of the Indo-Europeans. London: Thames and Hudson.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Giacomo Devoto, Origini indeuropee, Florencia, Sansoni, 1962.
  4. R. G. Latham foi ademais o primeiro en formular o Principio do Centro de gravidade lingüístico segundo o cal o máis probábel punto de orixe dunha grande familia lingüística é a área na que esta presenta o meirande grado de diversidade.
  5. 5,0 5,1 Bal Gangadhar Tilak, The arctic home in the Vedas, 1903.
  6. J. P. Mallory, in Search of the Indo-Europeans: Language, Archaeology and Myth ("á busca dos indoeuropeos: lingua, arqueoloxía e mito"), Thames & Hudson, 1989. Citado en Enrico Campanile, Bernard Comrie e Calvert Watkins, Introduzione alla lingua e alla cultura dei indoeuropei, Boloña, il Mulino, 2005.
  7. Mallory, J. P., R. Blench and M. Spriggs, eds. (1997). The Homelands of the Indo-Europeans ("A patria dos indoeuropeos"). Archaeology and Language I: 93–121.
  8. Karl Penka, Gustaf Kossinna
  9. Marija Gimbutas. Proto-Indo-European culture: the Kurgan culture during the fifth to the third millenia B.C. in George Cardona, Henry M. Hoenigswald, Alfred Senn Indo-European and Indo-Europeans: Papers Presented at the Third Indo-European Conference at the University of Pennsylvania, Philadelphia University of Pennsylvania Press, 1970, pax. 155–198.
  10. No esquema, aínda bastante tradicional, proposto, en última instancia, por Frederik Kortlandt; pero hai outros moitos e con aproximacións máis innovadoras, como o proposto por James Patrick Mallory.
  11. A civilización de Terramare desaparece de xeito súpeto sobre o século -XII para ser suplantada pola cultura protovillanoviana (derivada dos campos de urnas centroeuropeos). A ligazón entre os itálicos e as terramare non está recoñecido universalmente, algúns estudosos tentaron asociar os latino-faliscos ás terramare e os oscoumbros ao protovillanoviano, mentres que outros prefiren asociar tanto os oscoumbros como os latino-faliscos ao foco protovillanoviano.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Villar Liébana, Francisco (1991). Gredos, ed. Los Indoeuropeos y los origines de Europa: lenguaje e historia (en español). Madrid. ISBN 84-249-1471-6.

Outros artigos

Robert Latham

Robert Gordon Latham, nado en Billingborough, Lincolnshire, o 24 de marzo de 1812 e morto o 9 de marzo de 1888 en Londres, foi un etnólogo e lingüista inglés.

Linguas indoeuropeas
Pobos indoeuropeos
Protoindoeuropeos
Hipóteses Urheimat

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.