Unión do Povo Galego

A Unión do Povo Galego (UPG) é un partido autodefinido como "comunista patriótico, porque asume a loita de liberación nacional"[2]. Ao seu redor fóronse aglutinando durante os anos setenta os sectores que logo confluirían no BNG. Ten 1.300 militantes e o seu voceiro dende 1965 é Terra e Tempo. O seu secretario xeral é Néstor Rego e dende o XII Congreso Nacional, o posto da presidencia da UPG quedou vacante trala decisión de Bautista Álvarez de non volver presentarse á presidencia, tras ostentar este cargo dende 1977, sendo tamén o cofundador da UPG.

A Unión da Mocidade Galega que se constituíu en 1977 é a organización xuvenil do partido.

Unión do Povo Galego (UPG)
Partido político de Galiza (membro do BNG)
Upg2
Dirixentes e organización
LíderNéstor Rego (Secretario Xeral)
MocidadesUnión da Mocidade Galega
Filiación internacionalAlianza Libre Europea
(Como membro do BNG)
Historia
Fundación1963
Posicións políticas
IdeoloxíaMarxismo-leninismo
Nacionalismo galego
Independentismo galego [1]
Representación
Representación-
Outros datos
SedeAvda. de Lugo, 219 -1º 15703 Santiago de Compostela
PublicaciónTerra e Tempo
Páxina webwww.uniondopovogalego.org

Historia

Primeira fundación

En novembro de 1963 Xosé Luís Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Reimundo Patiño, Luís Gonçales Blasco e Xosé Antonio Arjona, integrantes do grupo Brais Pinto de Madrid fundaron a Unión do Povo Galego como partido marxista e nacionalista que se integra no Consello da Mocedade no que acaba por diluírse.

Refundación

En 1964 o grupo maioritario do Consello da Mocedade, afín a Ramón Piñeiro, expulsa ao sector esquerdista[3], que refunda a UPG en Compostela o 25 de xullo de 1964 integrando ao grupo Brais Pinto, antigos militantes da Federación de Mocedades Galeguistas (Celso Emilio Ferreiro), do PCE (Luís Soto) e nacionalistas de esquerda, en total non máis de 25 persoas. Nos primeiros dous anos as actividades do partido redúcense a contactos esporádicos dos seus membros e á publicación da revista Terra e Tempo[4], na que aparece no primeiro número en 1965 o seu primeiro ideario:

Unión do Povo Galego
Un frente que se propón a todolos galegos que aceiten os seguintes 10 principios mínimos:
1. Galicia é unha nación, e como tal ten dereito á sua autodetermiñación.
2. O povo galego exercerá o poder en Galicia.
3. Os meios de produción, distribución e creto perteñecen ó povo.
4. A coleitivazación do agro comenzará cunha etapa cooperativa, como fase previa a formas máis desenvolvidas de socialización.
5. A pequena empresa e a industria artesá serán concentradas en unidás produtivas superiores.
6. A grande empresa capitalista será socializada dun xeito imediato.
7. A organización adeministrativa do campo galego terá por núcleos as agrupaciós tipo Parroquia, que se integrarán na Bisbarra. O territorio urban será adeministrado por Concellos, compostos de Distritos.
8. A educación estará ó servizo do povo.
9. O idioma oficial de Galiza será o galego, de ensino obrigatorio.

Nun primeiro momento mantén liñas de colaboración co PCE pero non durou moito tempo transformándose en rivalidade acusando os comunistas de españolismo. A oposición á construción do encoro de Castrelo de Miño (1966) constituía a primeira actuación pública importante da UPG. Nestes primeiros anos a UPG contaba con tres núcleos de militantes, o de Vigo no que Xosé Luís Méndez Ferrín era a figura principal, o de Madrid no que salientaba Bautista Álvarez e o americano con Luís Soto como a súa principal figura.[5] Tamén se foi artellando a partir de 1966 un grupo de estudantes na Universidade de Santiago de Compostela encabezado por Xesús Sanxoás que conseguiu ter certa presenza nos acontecementos de 1968 na universidade galega.[6] En 1967 aumentan as accións da UPG, con pintadas na rúa, distribución de adhesivos con lemas como Libertade para Galicia e Por unha Galiza ceibe e socialista e a convocatoria para o 25 de xullo de 1968 do Día da Patria Galega por primeira vez dende a Guerra Civil[7]. Ao tempo a UPG consegue unha forte influencia no seo das asociacións culturais que proliferan por todo o país tras da entrada en vigor da lei de asociacións en 1966.

En 1971 a expulsión de Xosé Torres e os seus seguidores, que se uniron ao Movemento Comunista, deixou a organización case sen militantes en Ferrol e Santiago. Vigo converteuse no principal núcleo dunha organización que nese momento non superaba os 50 militantes, reforzando a súa primacía cando Galicia Socialista, na cal estaba Camilo Nogueira, se integrou na UPG. A partir de 1971 aumentan os intentos de espallar a organización no medio rural, Ramón Muñiz membro do comité central será clave nesta estratexia que dará orixe máis adiante ás Comisións Labregas (CC.LL.)[8]

Expansión

Non será ata a formación de ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) por parte de Manuel Mera en 1972 cando a UPG comece a aumentar a súa base social, ao que lle segue na primavera de 1973 a formación da Fronte Obreira da UPG dirixida por Moncho Reboiras e ao ano seguinte Comisións Labregas.

No marco das relacións que establece con outros partidos nacionalistas europeos asina en febreiro de 1972 coa Unión Democrática Bretoa e o Movemento Republicano Irlandés (do que formaban parte o IRA e o Sinn Fein) a Carta de Brest, no que se defendía o dereito á autodeterminación dos pobos europeos para formar unha futura Europa Socialista dos Pobos, ao documento sumáronse posteriormente Herriko Alberdi Sozialista, Cymru Goch, PSAN(p), Esquerra Catalana dels Traballadors, Su Populu Sardu e Loita Occitana. Tamén desenvolve os contactos que viña mantendo despois de 25 de abril de 1974 con forzas da extrema esquerda portuguesa favorables á toma armada do poder como a LUAR, Partido Revolucionario do Proletariado ou o Movemento das Forzas Armadas. Como consecuencia da política de pactos que seguía a UPG, un sector encabezado por Manuel Mera e que tiña detrás ao comité local de Santiago deixa o partido, aínda que a maioría regresou pouco despois.

Desde 1970 había voces dentro do partido que falaban da necesidade dunha fase armada no marco da revolución nacional-popular e co apoio de ETA (p-m) a UPG formou unha Fronte Armada (de non máis de 10 persoas) co que realizou algúns atracos, pero en agosto de 1975 a policía matou a Moncho Reboiras e detivo 4 membros do grupo armado.

Transición

A dirección do partido pasou provisionalmente a Portugal e aínda que se realizaron aínda algúns actos conxuntos con ETA a UPG deixou de realizar accións armadas dando prioridade á acción política para o que apoia á AN-PG que se presenta publicamente en xaneiro de 1976 e que tiña obxectivo a formación dun goberno galego provisional tras conseguir o poder. Ao tempo, tamén en xaneiro de 1976 pola iniciativa da UPG fórmase o Consello de Forzas Políticas Galegas, no que estaban o PSG, PGSD e a UPG, en abril de 1976 publican as Bases constitucionais, no que se recollía o dereito á autodeterminación de Galicia, e máis tarde entran o Partido Carlista e o MCG. En novembro o CFPG entra en crise tras a inclusión do Movemento Comunista que se negaba a que os seus membros deixasen CCOO para ingresar no Sindicato Obreiro Galego como lle pedía a UPG, polo que esta e o PGSD marchan do Consello.

Para concorrer ás primeiras eleccións democráticas, en 1977, a UPG artellou unha fronte nacionalista, BN-PG, que integraban a UPG e a AN-PG, que aínda estaban sen legalizar. Tras as eleccións escíndese o sector encabezado por Camilo Nogueira que formou o Partido Obreiro Galego, antes saíra o sector que deu orixe á UPG-liña proletaria. En agosto de 1977 a UPG celebrou o seu I Congreso que definiu os seus estatutos e elixiu a Elvira Souto secretaria xeral e Bautista Álvarez presidente. En xullo de 1978 trala dimisión da secretaria xeral asumiu o cargo Pedro Luaces.

Entre abril e maio de 1981 a UPG vive unha crise interna entre os partidarios de profesionalizar e dar máis peso ao BN-PG, o sector minoritario, e aqueles que se opuñan, o sector maioritario. A crise rematou coa expulsión do sector minoritario, pero maioritario en Vigo, encabezado por Francisco García Montes, secretario xeral da INTG; Bernardo Fernández Requeixo, secretario xeral de CCLL e Agustín Malvido, pouco despois, en xullo, dimite o secretario xeral, Pedro Luaces, substituído de xeito provisorio por Francisco Rodríguez. Logo destes enfrontamentos a UPG vira cara a esquerda e deu apoio a campañas a favor dos presos de ETA, aumentou as súas relacións con HB e foi protagonista de actos conxuntos co Partido Comunista-Reconstituído pero ao tempo abandonou as teses de partido único para Galicia. En febreiro de 1982 marchou o sector máis á dereita da UPG encabezado por Pedro Luaces (ex-secretario xeral) e forte en Lugo. Tras a vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982 a UPG mostrouse contrario a calquera colaboración, xa que vía ao goberno socialista como a cara amable do capitalismo, neste ambiente en decembro de 1983 Mariano Abalo foi elixido secretario xeral da UPG.

Aceptación das institucións

En 1986 a UPG e o BNG aceptan participar nas institucións, levando a Xosé Manuel Beiras ao parlamento, e prometer a Constitución, o que leva á escisión en xullo de 1986 de 13 membros do Comité Central e unhas ducias de militantes que fundan o PCLN, entre os escindidos estaban Mariano Abalo, Xan Carballo e Ramiro Oubiña.

Notas

  1. http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/01/19/galicia/1358628050_337250.html
  2. Artigo 1 dos Estatutos da UPG
  3. Fermí Rubiralta, De Castelao a Mao. Laiovento, 1998. páx. 88
  4. Manuel Anxo Fernández Baz, A formación do nacionalismo contemporáneo (1963-1984), Santiago, 2003, páx. 47 n. 44
  5. Fermí Rubiralta, De Castelao a Mao. Laiovento, 1998. páx. 106
  6. Justo Beramendi e Xosé Manoel Núñez Seixas. O nacionalismo galego. A Nosa Terra. Vigo, 2ª ed. 1996, páx. 214
  7. Fermí Rubiralta, De Castelao a Mao. Laiovento, 1998. páx. 114-116
  8. Ramón Muñiz, Historia das Comisións Labregas, A Nosa Historia 5. A Nosa Terra, 1988 páx. 48

Véxase tamén

Ligazóns externas

Alternativa pola Unidade

Alternativa pola unidade, tamén coñecida como ApU é unha corrente de pensamento dentro do Bloque Nacionalista Galego na que se xuntan a Unión do Povo Galego (UPG) e militantes independentes do propio BNG. O seu líder e voceiro é Guillerme Vázquez. En 2010 é a corrente maioritaria dentro do partido.

Asemblea Popular Galega

A Asemblea Popular Galega (APG) foi unha organización política creada o 10 de outubro de 1976 por un grupo escindido da Asemblea Nacional-Popular Galega por considerar a esta última próxima de máis á Unión do Povo Galego. Os seus líderes eran Xan López Facal, César Portela, Carlos Vázquez e Mario López Rico e celebrou o seu primeiro Congreso en decembro de 1976. A APG apoiaba ao Partido Socialista Galego e formaban parte dela un sector escindido das Comisións Labregas denominado Comisións Labregas Terra e os Comités de Traballadores Galegos. Participou na posta en marcha da revista Teima (1976-1977). A APG deixou de existir o 4 de decembro de 1977.

Bautista Álvarez

Bautista Goyel Álvarez Domínguez, nado en Loucia (Las, San Amaro) o 30 de marzo de 1933 e finado en Beariz o 16 de setembro de 2017, foi un político galego de ideoloxía nacionalista.

Bloque Nacional Popular Galego

O Bloque Nacional Popular Galego (BNPG ou BN-PG) foi unha organización política constituída en abril de 1977 pola Unión do Povo Galego e a Asemblea Nacional-Popular Galega. Tiña un obxectivo soberanista para Galiza, presentándose como alternativa ao autonomismo.

Colectivo Socialista

O Colectivo Socialista é unha organización política que forma parte do BNG. Conta con arredor de 150 militantes (2002). Os seus dirixentes son Mario López Rico e Francisco Trigo Durán.

Cando o Partido Socialista Galego decidiu saír do BNG no congreso extraordinario do 15 de xaneiro de 1983 un grupo de militantes desconformes formaron o Colectivo Socialista, ingresando no seo do BNG.

Compromiso por Galicia

Compromiso por Galicia é unha formación política galega nacionalista, socialdemócrata e progresista constituída en maio de 2012 por Máis Galiza, o Espazo Ecosocialista e Acción Galega (Rafael Cuíña, Teresa Táboas, Xosé Manuel Pérez Bouza), así como outras tamén pequenas formacións, Terra Galega, PNG-PG, PG, PGD e CG. Máis Galiza, algúns integrantes de Acción Galega, e o PNG-PG, proveñen do BNG. Porén, unha das formacións fundadoras, o Espazo Ecosocialista, decidiu posteriormente a súa saída da organización.Formouse tras diferenzas co novo proxecto común liderado polo Encontro Irmandiño, liderado por Xosé Manuel Beiras, que leva outra folla de ruta.O 21 de xuño de 2012, anunciouse a incorporación do colectivo Unidade da Esquerda Galega, grupo escindido do PSdeG-PSOE.. Porén, apenas un mes máis tarde, o seu responsable, Óscar Lomba, abandonaría CxG para integrarse en Anova - Irmandade Nacionalista, a formación de Beiras.

Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia 2012 participou en solitario, despois de fracasaren as negociacións para concorrer con Anova - Irmandade Nacionalista e Esquerda Unida en coalición.O 21 de xaneiro de 2017, tralo segundo Congreso Nacional de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro substituíu a Xoán Bascuas como Secretario Xeral.

Confederación Xeral de Traballadores Galegos

A Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en 1985 como unha escisión da INTG. En outubro celebrou o seu primeiro congreso, no que Fernando Acuña foi elixido secretario xeral. Nas eleccións sindicais de 1986 conseguiu 1.087 delegados.

Editou a revista Adiante entre 1987 e 1993.

En 1990 formou coa INTG a Converxencia Intersindical Galega para concorreren as dúas en coalición ás eleccións sindicais. En 1994, ao se fusionaren as dúas organizacións, a Converxencia Intersindical Galega deu paso á Confederación Intersindical Galega (CIG).

Federación Rural Galega

A Federación Rural Galega, FRUGA, é un sindicato agrario galego creado en 2009 coma unha escisión do Sindicato Labrego Galego.

Galicia Socialista

Galicia Socialista foi un grupo político clandestino de esquerdas e nacionalista organizado en Vigo en 1968 arredor de Camilo Nogueira Román e Xan López Facal composto fundamentalmente por traballadores, en especial da fábrica de Citroën, e que intentou, sen éxito, crear un sindicato nacionalista, contaba tamén con outro grupo en Compostela composto por estudantes universitarios, nun principio mantivo contactos coa FLP e traballou na vida sindical no seo de Comisións Obreiras. En 1972 integrouse na Unión do Povo Galego.

Intersindical Nacional Galega

A Intersindical Nacional Galega (ING) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en marzo de 1977 da unión do Sindicato Obreiro Galego, UTEG, UTSG, UTBG e o SGTM. Francisco García Montes foi o seu secretario xeral. Celebrou o seu primeiro Congreso en outubro de 1977.

Nas primeiras eleccións sindicais de 1978 a ING converteuse no terceiro sindicato de Galicia con 722 delegados (13'5%). En setembro de 1980 fusionouse coa Central de Traballadores Galegos, co que a finais de ano conseguiron o status de sindicato máis representativo ao superar o 15% e obteren 1.679 delegados (17'5%). Denominouse Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) a partir de 1981.

Inzar

Inzar foi unha formación política galega de esquerdas que estivo activa entre 1991 e 2012.

Liga Gallega (Santiago de Compostela)

A Liga Gallega foi unha organización rexionalista católico tradicionalista fundada en Santiago de Compostela. Activa entre 1898 e 1900. Presidida por Alfredo Brañas e con Salvador Cabeza de León na secretaría. Tivo escasa actividade.

Foi unha das correntes nas que se bifurcou a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Manuel Murguía. A Liga Gallega de Santiago tivo unha inspiración conservadora, fronte á Liga Gallega da Coruña, máis liberal.

Partido Comunista de Liberación Nacional

O Partido Comunista de Liberación Nacional foi un partido comunista e independentista galego formado o 25 de xullo de 1986 polo Colectivo Comunista 22 de marzo que formaran 13 membros do Comité Central da Unión do Povo Galego desconformes coa decisión do seu V Congreso (nunha votación non exenta de polémica) de aprobar o xuramento da Constitución española no Parlamento de Galicia. As principais figuras do PCLN eran Mariano Abalo (secretario xeral), Manuel Camaño e Xan Carballo, secretario xeral da INTG. Editaron un voceiro (cun único número) baixo o título PCLN, saíndo á rúa o 1 de maio de 1988.

Os membros do PCLN tiveron unha forte influencia no mundo sindical (Vigo, Ourense, O Morrazo, Compostela ou A Coruña) e presenza nas Comisións Labregas e en Mulleres Nacionalistas Galegas.

Na III Asemblea Nacional do BNG (O Carballiño, 1987) decidiuse expulsar ó PCLN polo apoio que este dera a Herri Batasuna nas eleccións ó Parlamento Europeo.

O PCLN iniciou un proceso con outros grupos do independentismo, como Galiza Ceive-OLN e distintos colectivos nacionalistas locais, para constituír en 1988 a Frente Popular Galega. Finalmente acabou disolvéndose nela contra 1990.

Partido Galego do Proletariado

O Partido Galego do Proletariado (PGP) foi un partido galego independentista e marxista-leninista formado en marzo de 1978 ao adoptar ese nome a Unión do Povo Galego-liña proletaria que se consideraba continuadora da Unión do Povo Galego. O Comité Central actuaba na clandestinidade e os militantes descoñecían a súa identidade. Era partidario da loita armada, que consideraba antiimperialista e antioligárquica. O seu voceiro chamábase Sempre en Galicia.

En 1979 Unidade Galega incluíu como candidatos independentes a militantes do PGP nas eleccións municipais, co que o PGP conseguíu que tres dos seus membros saíran elixidos concelleiros (Santiago de Compostela, Monforte de Lemos e Vilaboa). Tamén constituíu unha plataforma que concorriu ás eleccións municipais no concello de Vigo e que posteriormente se transformou na súa propia fronte asemblearia, Galicia Ceibe-OLN e súa fronte armada, a Loita Armada Revolucionaria, o que provocou que en 1980 a policía detivera a varios dirixentes, entre eles Xosé Luís Méndez Ferrín. Ademais tivo unha notable influencia na Confederación Sindical Galega. O partido deixou de existir en 1980.

Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas

O Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas (SLG - CC.LL) é un sindicato nacionalista galego de agricultores/as e gandeiros/as. A súa sede central está en Santiago de Compostela e, tras a dimisión de Carme Freire na Dirección Nacional do 14 de xuño de 2012, a súa secretaria xeral é Isabel Vilalba Seivane.

Sindicato Obreiro Galego

O Sindicato Obreiro Galego (SOG) foi un sindicato galego de orientación nacionalista e de esquerdas. O seu voceiro era O Eixo e editaba outros voceiros comarcais e sectoriais.

Unidade Galega (coalición)

Para o partido político formado en 1991, vexa Unidade Galega (partido)

Unidade Galega (UG), foi unha coalición formada polo Partido Obreiro Galego, o Partido Socialista Galego e o Partido Galeguista en 1979.

A fin da coalición era a defensa dunha autonomía semellante á de Cataluña e o País Vasco e a consecución dun grupo nacionalista no Congreso dos Deputados para negociar o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Aínda que nas eleccións xerais de 1979 obtivo 58.391 votos (5'35 %) non conseguiu representación parlamentaria. Nas eleccións municipais de 1979 tivo 68.759 votos (6'35 %) e conseguiu 141 concelleiros e a alcaldía da Coruña para Domingos Merino.

As diferenzas no seo da Unidade Galega sobre a estratexia a seguir no proceso autonómico e a diferente postura dos partidos integrantes sobre a conveniencia de entrar na Comisión dos 16 (encargada de elaborar o proxecto de Estatuto) levaron á desaparición da coalición a finais de 1980.

Unión da Mocidade Galega

A Unión da Mocidade Galega (UMG) é a organización xuvenil da Unión do Povo Galego. Foi creada en 1977. Supón a principal corrente interna de Galiza Nova, mocidades do BNG.

Unión do Povo Galego-liña proletaria

A Unión do Pobo Galego-liña proletaria (UPG-lp) foi un partido galego independentista e comunista que apoiaba a loita armada. Editaba o voceiro Terra e Tempo.

Partidos políticos
Sindicatos
Organizacións armadas
Asociacións xuvenís e de estudantes
Movementos sociais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.