Unión Cultural San Bernabé

A Unión Cultural San Bernabé foi unha agrupación de coro e teatro fundada polo mestre Argimiro Rico Trabada na aldea de San Bernabel (Martín, Baleira) durante a Segunda República.

Estaba formada por máis de vinte persoas, e o propio Argimiro Rico era o director. Na actuación da Festa da Árbore en San Bernabel o día 10 de maio de 1934, o coro interpretou a varias voces "Os Pinos", un himno á árbore e o himno das Xuventudes Galegas [1]. Logo varios nenos da agrupación cultural recitaron as poesías de Rosalía de Castro "Terra a Nosa", "Adeus ríos, adeus fontes" e "Airiños". En canto ás actuacións teatrais representaron A Morriña de Antón Presa Viso , Bodas de Ouro e Coroa de Flores. Outra das súas actuacións foi na Fonsagrada o 8 de novembro de 1934 co obxectivo de recadar fondos para unha Biblioteca Popular en San Bernabel [2]. Entre as obras que representaron estaban Noite de Ruada de Leandro Carré ou Bodas d´Ouro de G. Galicianas. En canto á parte musical interpretaron entre outras pezas "Alborada Gallega", "Lonxe da Terriña", "Dous Amorores" e "Os Pinos". En canto á actuación do día da inauguración da citada biblioteca, o 20 de outubro de 1935 [3] estaba prevista a interpretación entre outras obras de Alalá da Mariña, Alalá de Triacastela, Alalá de Betanzos, varios himnos e muiñeiras.

Notas

  1. El Pueblo Gallego, xoves, 17 de maio de 1934, px. 12.
  2. El Pueblo Gallego, sábado, 13 de novembro de 1934, px. 13.
  3. El Pueblo Gallego, sábado, 17 de outubro de 1935, px. 11.
Argimiro Rico Trabada

Argimiro Rico Trabada, nado en San Bernabel (Baleira) o 14 de setembro de 1905 e finado en Montecubeiro o 16 de outubro de 1937, foi un mestre e político galego.

San Bernabel, Martín, Baleira

San Bernabel é un lugar da parroquia de Martín no concello lugués de Baleira na comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE, en 2011 estaba deshabitado.

Durante a Segunda República existiu a Unión Cultural San Bernabé, fundada polo mestre Argimiro Rico Trabada.

Unión Cultural de Santalla de Piquín

A Unión Cultural de Santalla de Piquín foi unha agrupación cultural creada na parroquia de Santalla no concello de Ribeira de Piquín durante a Segunda República. Colaboraban con outras asociacións culturais da rodeada como a Unión Cultural San Bernabé. O 20 de outubro de 1935 asistiron á inauguración da biblioteca escolar na aldea de San Bernabel.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.