Ulex

Para ver a especie máis común en Galicia ver o artigo toxo arnal

Toxos (xénero Ulex)
Toxo en flor

Toxo en flor
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Fabales
Familia: Fabaceae
Subfamilia: Faboideae
Tribo: Genisteae
Xénero: Ulex
L.
Especies

Ver no texto

Toxo é o nome común que reciben as especies do xénero Ulex; un xénero de arredor de 20 especies de arbustos perennes da familia Fabaceae, nativos da Europa occidental atlántica e do norte África, coa maioría das especies na península Ibérica, e concretamente en Galicia.

A especie máis espallada é o toxo arnal (Ulex europaeus), que medra en sitios asollados, e solos areentos, acadando unha altura de até 2-3 metros. As flores, chamadas chorimas ou choridas, teñen un forte recendo a coco. Considérase a flor nacional de Galicia. A semente recibe o nome de nabía de toxo.

En lugares coma América do Norte, América do Sur, Nova Zelandia e Australia introduciuse coma planta ornamental. Nalgunhas zonas naturalizouse polo que se considera especie invasora.

Especies

Galicia

Especies

En Galicia aparecen catro especies principalmente:

  • Ulex europaeus, toxo arnal, toxo bravo ou toxo albar.
  • Ulex gallii, toxo femia, máis espiñento (aínda que as espiñas son un pouco máis pequenas, até 3 cm) e baixo que o anterior e probabelmente o máis frecuente de Galicia, xa que ten maiores límites de tolerancia que o toxo bravo, medrando desde os solos húmidos das brañas até os solos máis secos, e dende o nivel do mar até os 1500m.
  • Ulex minor, toxo gateño ou toxo molar, máis termófilo, e con máis peluxe que os anteriores, con espiñas un pouco máis miúdas (até 2 cm). Atópase en todo o territorio agás nas zonas máis mediterráneas.
  • Ulex micranthus, toxo brañego, termófilo e menos frecuente, sendo endemismo do sur de Galicia e norte de Portugal, tendo o seu límite setentrional na cidade de Pontevedra. É o máis pequeno dos toxos galegos, pois apenas acada os 80 cm, as súas espiñas chegan a 1 cm e posúe pólas curvas. Tamén chamado Ulex lusitanica, aínda que un nome máis correcto sería Ulex gallaica.

Etnoloxía

O toxo servía coma alimento do gando, coma estrume e tamén para roxar o forno. A parte lígnea, moi dura, servía tamén coma combustíbel nas cociñas de leña e nas lareiras. Tamén para facer os caxatos (cos que tamén se xogaba á choca).

Refráns

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

A Uz, Oleiros, Carballedo

A Uz é un lugar da parroquia de Oleiros, no concello lugués de Carballedo, na comarca de Chantada. No INE en 2016 non figura esta entidade de poboación, aínda que figura no Nomenclator de Galicia.

Arbusto

Un arbusto é un vexetal leñosos de mediano porte, entre as herbáceas e os árbores; é un termo difícil de describir e algunhas especies consideradas arbustos poden acadar tamaño de árbores en boas circunstancias.

A diferenza das árbores, que só teñen un só talo ou toro, considérase que os arbustos ramifican dende o chan, tendo polo tanto varios talos. Os arbustos poden ser miúdos, incluso de tamaños inferiores a moitas herbáceas, tamén son chamados neste caso gamallos (como é o caso das urces); outros poden acadar varios metros de altura, sendo considerados ás veces arboriñas (é o caso da abeleira).

Non todas as plantas lígneas ramificadas dende a base son consideradas arbustos; por exemplo, o tomiño (xénero Thymus) ou o cantroxo (xénero Lavandula) son matos leñosos ou, como tamén se di, subarbustos. Termos coma árbore, arbusto ou gamallo/mato describen biotipos na lingua común e son máis ou menos equivalentes doutros técnicos; os equivalentes botánicos para este concepto son os termos caméfito, nanofanerófito e microfanerófito.

É frecuente que especies que se presentan normalmente coma arbustos crezan coma árbores, ou onde as circunstancias ecolóxicas son distintas, como ocorre co Quercus coccifera no norte de África, ou por un esforzo deliberado no cultivo, como se ve ás veces co loendro (Nerium oleander).

As plantas rubideiras considéranse por algúns coma arbustos gateadores.

Bembecia uroceriformis

Bembecia uroceriformis é unha avelaíña da familia Sesiidae. Habita en Francia, España, Portugal, Suíza, Italia e a maioría da península dos Balcáns. Tamén se pode atopar en África do Norte (incluíndo Marrocos) e dende Anatolia até o Cáucaso.

Ten unha envergadura de 20–24 mm.As larvas aliméntanse de especies Dorycnium (incluíndo Dorycnium herbaceum), Lotus corniculatus, Ulex europaeus, Ulex nanus, Coronilla emerus, Chamaecytisus, Cytisus procumbens, Cytisus hirsutus e Corothamnus procumbens.

Chorima

A chorima ou chorida é a flor do toxo. É unha flor moi olorosa de cáliz amarelo e pétalos de 13–20 mm de cor amarela clara. O froito é negro, dun tamaño arredor dos 15 mm, moi veludo e tóxico.

Existen numerosas variantes dialectais: charuma, cherumia, chirumia, chorida, chorimas, chourima, churida, churuma e chusmigo. Na fala mindoniense dise xorima.

Nunha canción do grupo galego Saraibas, a cal leva o mesmo nome co da flor, fáiselle unha oda resumindo claramente as súas características. Di así:

"Chorima nosa chorima, tan amarela no monte, ti e-la fror dos galegos, dos de onte e dos de hoxe. Fror de toxo, fror de toxo, fror da galeguidade as raíces son a ialma a chorima a saudade. Arrecendes os toxales, non te quixeches na casa, ergueita brava e ceibe como os galegos de raza. Somente a nosa terra abona a túa semente, chorima ti sí es nosa, fúche-lo e sera-lo sempre".

Galería de imaxes de toxos de Galicia

O toxo é un arbusto espiñento da clase das dicotiledóneas (nome científico: Ulex europaeus)

Genisteae

Genisteae é unha tribo de arbustos da subfamilia Faboideae da familia dos legumes Fabaceae, principalmente cos tres xéneros Chamaecytisus, Cytisus e Genista, porén tamén inclúe outros pequenos xéneros que teñen flores amarelas, mais tamén brancas, rosas ou púrpuras. En Galiza atopamos moitos arbustos pertencentes a esta tribo, coma os toxos ou as xestas.

Ignacio Ribas Marqués

Ignacio Ribas Marqués, nado en Palma de Mallorca o 12 de abril de 1901 e finado en Santiago de Compostela en 1996, foi un químico español, catedrático de Química Orgánica das universidades de Salamanca, Valencia e Santiago, esta última desde 1942 até a súa xublilación en 1971.

É coñecido sobre todo polos seus traballos sobre as substancias naturais, especialmente polos alcaloides vexetais, dos que descubriu dous novos para a ciencia, e pola fundación da Escola Compostelá de Produtos Naturais, famosa a nivel internacional.

Illas Malveiras

As Illas Malveiras son un subarquipélago galego na provincia de Pontevedra que forman parte do arquipélago de Cortegada, e con ela integradas no Parque nacional das Illas Atlánticas. Pertencen ó concello de Vilagarcía de Arousa.

Sitúanse a poñente da Illa de Cortegada e están formadas por dúas pequenas illas (Malveira Grande e Malveira Pequena) e un illote (Illa das Cabras); no seu conxunto suman 5,5 hectáreas de superficie. A meirande está arrodeada de area en toda a súa parte sur e é rochosa na súa parte norte; contén vexetación (especialmente toxos (Ulex europaeus), fentos, figueiras bravas e loureiros) e posúe un par de piñeiros na súa cima. Está coroada por unha vella cruz de pedra e tamén pode verse os restos dunha caseta de ladrillo. A Malveira Pequena é máis baixa e pedregosa que a anterior, e nela só medra o toxo.

Señor San Bartolomeu/ que estás no medio da Ría,/ dunha banda tes Rianxo/ e doutra Vilagarcía .

Matogueira

Matogueira é o conxunto espeso de matas ou maleza. Aínda que pode existir mato coma sotobosque, considéranse matogueiras as formacións vexetais compostas maioritariamente por arbustos (ou matos) que crean ecosistemas de por si sen estrato arbóreo ou con árbores moi dispersas. En galego son sinónimos de matogueira: bremia, coucheira, fraguiza, matagueira, mato, e vedramio.

Son formacións naturais importantes en Galicia, especialmente as toxeiras e as uceiras, ecosistemas predominantes nos montes e cantís galegos. Porén a súa superficie diminuíu no último século por mor das reforestacións con especies foráneas coma piñeiros e eucaliptos.

Ría de Ortigueira

A ría de Ortigueira, tamén coñecida como ría de Ortigueira e Ladrido e como ría de Santa Marta de Ortigueira, é unha ría galega situada ao norte da provincia da Coruña, en Galicia, España.

Está formada pola desembocadura do río Mera, as súas augas bañan os concellos de Cariño e Ortigueira. Debe o seu nome á vila de Ortigueira, e conta con dous portos pesqueiros, o de Espasante, actualmente sen apenas actividade pesqueira, e o de Cariño, moito máis importante.

Está catalogada como unha zona especial de conservación (ZEC) e unha zona de especial protección para as aves (ZEPA). Ademais, por ser un importante lugar de paso e invernada de aves acuáticas está dentro do Convenio de Ramsar como zona húmida protexida.

Serra do Xistral

A serra do Xistral forma o núcleo do serras setentrionais de Galiza que separa a Terra Chá do mar, do que irradian os serra da Toxiza cara ao leste, a Carba cara ao poñente, e montes de Buio e dos Cabaleiros, na caída do macizo cara ao litoral. Este conxunto montañoso esténdese polos concellos das Pontes de García Rodríguez, Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo.

É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC).

Toxo

O toxo é a denominación xenérica en galego das especies do xénero Ulex, entre as que destacan:

o toxo arnal, U. europaeus

o toxo femia, U. gallii

o toxo gateño, U. minor

o toxo brañego, U. micranthos (endemismo galego)Como fitónimo pode referirse a:

Toxo, lugar da parroquia de Rairiz de Veiga, no concello de Rairiz de Veiga;

O Toxo, lugar da parroquia de Régoa, no concello de Cedeira;

O Toxo, lugar da parroquia de Xiá, no concello de Friol;

O Toxo, lugar da parroquia de Goiás, no concello de Lalín;

O Toxo, lugar da parroquia de Pías, no concello de Ponteareas;

O Toxo Brañío, lugar da parroquia dos Vilares, no concello de Guitiriz;

Toxos Outos, parroquia do concello de Lousame. Nela estaba o mosteiro de Toxos Outos;

Toxoso, lugar da parroquia de Amboares, no concello de Ourol.Amais, como apelido pode referirse a:

Ignacio Fernández Toxo, sindicalista galego (n. 1952);

Xaime Domínguez Toxo, mestre e escritor galego (n. 1955);Tras castelanizarse como Tojo, tamén é o apelido de:

Ramón Tojo Pérez, escritor e político galego (1860 - 1944);

Enrique Tojo, político galego (1933 - 2013);

Luís Baltar Tojo, cirurxián galego (1931 - 1999);

Rafael Baltar Tojo, arquitecto galego (1933 - 2004);

Fernando Baltar Tojo, traumatólogo galego (n. 1937);

Alberto Baltar Tojo, arquitecto galego (1939 - 1993);

Ramón Tojo Lens, empresario e político galego (n. 1965);

Toxo arnal

Para o xénero de plantas chamadas normalmente toxos ver o artigo Toxo (xénero Ulex).

O toxo arnal, tamén chamado simplemente toxo, é un arbusto espiñento da clase das dicotiledóneas (nome científico: Ulex europaeus) e da familia das leguminosas, de flores amarelas moi rechamantes que mide entre 0,5 ata 3 metros segundo a variedade. Os agromos son verdes e as follas son espiñas de entre 1 e 3 cm. Cando a planta é aínda nova, as follas son normais, trifoliadas.

Toxo femia

O toxo femia é o nome común da especie de toxo Ulex gallii da familia das fabáceas, subfamilia das Faboideae. Tamén recibe os nomes de toxo mouro e toxo molar (aínda que este último nome tamén se lle dá as especies Ulex micranthus e Ulex minor). O U. Minor tamén recibe nalgunhas zonas o nome de toxo femia.

Foi descrito por Planchon en 1849 nos Anais de Ciencias Naturais de París (Ser. 3,11 : 213).

É un arbusto perenne da familia das fabáceas, nativo da Europa atlántica : sur da Escocia, Illa de Man, Inglaterra, Irlanda, País de Gales, oeste de Francia e norte da Península Ibérica, salientando en Galiza. Atópase polo xeral en zonas non moi frías, con solos acedos, frecuentemente en marítimos e de montañas. Distribúese en distintas subespecies. En Galicia concretamente aparecen dúas, a máis abundante é a subespecie breoganii. A subespecie gallii aparece só no norte das provincias da Coruña e Lugo.

Medra até 90 cm de altura. Os abrochos novos son verdes, con follas modificadas de 1 a 3 cm de lonxitude. A flor (chamada chorima) é amarela, 1 a 2 cm de longo, coa estrutura típica das flores da familia dos legumes.

O froito é un legume ( vaíña), parcialmente incluído na rexión marrón pálida da flor.

Como todas as especies de Ulex, é unha planta cuxas raíces tornan a agomar despois dos lumes. As súas sementes están adaptadas tamén para xermolaren cando foron lixeiramente chamuscadas.

O nome científico da especie (gallii) débese a Nicolas Joseph Marie Le Gall, quen foi o primeiro a diferenciar este toxo do Ulex parviflorus (toxo da Provenza). Porén, non conseguiu publicar a descuberta antes que Planchon a describise en 1849. De calquera modo, Planchon dedicoulle o nome científico da nova especie.

Toxo gateño

O toxo gateño ou toxo molar (Ulex minor) é un gamallo espiñento da familia das fabáceas. Tamén é chamado toxo femia (cómpre non confundilo co Ulex gallii) e toxo albariño. Común en Galicia.

Uceira

Unha uceira ou uzal é un monte ou terreo poboado principalmente de uces (especies dos xéneros Erica e/ou Calluna). Outros nomes destas formacións son breixeira, moural e urceira.Atopamos uceiras en diferentes partes do mundo, sendo moi abundantes na Europa atlántica, como nas Illas Británicas e Galicia.

Ulex micranthus

O toxo brañego (Ulex micranthus), é unha especie arbustiva de toxo, da familia das fabáceas, máis termófila que as especies relacionadas. É un endemismo galego. É o máis miúdo dos toxos. Mora en solos lamacentos, illós e brañas do sur da provincia de Pontevedra e norte de Portugal (Atópase por exemplo nas Gándaras de Budiño). É o toxo máis escaso de Galicia. Tamén se coñece co nome científico de Ulex lusitanica.

Ulexita

A ulexita é un mineral do grupo V (boratos), segundo a clasificación de Strunz. É un borato hidratado de sodio e calcio. Pode ser incoloro ou de color branca.

Foi nomeado así en homenaxe ao químico alemán George Ludwig Ulex (1811 – 1883), que foi o primeiro en describilo, en 1850.

Uz galaico asturiana

A uz galaico asturiana ou uz das brañas (Erica mackaiana Bab.) é unha pequena uz pertencente á familia das ericáceas que aparece no norte de Galiza, Asturias, Cantabria e Irlanda.

É semellante á carroucha das brañas (Erica tetralix). Unha das principais diferenzas desta uz é que as flores van en umbelas no extremo das pólas, sen bractéolas basais.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.