Turkmenistán

Turkmenistán,[1][2][3] tamén chamado Turcomenistán,[4] ou oficialmente a República de Turkmenistán (en turcomán: Türkmenistan Riespublikasy) é un país de Asia central, que limita con Afganistán, Irán, o mar Caspio, Casaquistán e Uzbekistán.

Coordenadas: 40°N 60°L / 40, -60

República de Turkmenistán
Türkmienistan Riespublikasy
Bandeira de Turkmenistán
Emblema de Turkmenistán
BandeiraEmblema
Turkmenistan on the globe (Turkmenistan centered)
Capital
 • Poboación
Achkhabad
773 400
Cidade máis poboadaAchkhabad
Lingua oficialTurcomán
Forma de gobernoRepública unipartidista presidencialista
Gurbanguly Berdimuhamedow
 • Data

 • Recoñecida
27 de outubro de 1991
12 de decembro de 1991
SuperficiePosto 52º
 • Total488 100 km²
 • % auga4,9
Costas970 km
PoboaciónPosto 112º
 • Total5 042 920 hab.
 • Densidade10,3 hab./km²
PIB (nominal)
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
PIB (PPA)Posto 85º
 • Total (2006)44 219 millóns US$
 • per cápita8 768 US$
MoedaManat turcomán
IDHn/d
XentilicioTurcomán, turcomá ou turkmeno, turkmena
Fuso horarioUTC+5
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.tm
Prefixo telefónico+993
Prefixo radiofónicoEZA-EZZ
Código ISO795 / TKM / TM
Membro de: ONU, OSCE

Historia

O territorio de Turkmenistán estivo poboado desde a antigüidade. Tribos turcomás dedicadas á cría de cabalos chegaron ao territorio en tempos remotos, posiblemente procedentes das Montañas Altái, e establecéronse nos arredores do deserto de Karakum, chegando ata Persia, Siria e Anatolia.

O exército ruso fixo a súa entrada no territorio entre as décadas de 1860 e 1870. En 1869, créase o porto de Krasnovodsk, e xa en 1874 consolidouse a presenza rusa coa creación do distrito militar do Transcaspio. Anexado polo Imperio Ruso entre 1865 e 1885, en 1890 o control ruso sobre Turkmenistán era completo.

Ventos de revolución chegarían en 1917, e durante a guerra civil (1918-1920) Turkmenistán tamén estivo nas frontes de pelexa. Establecida a Unión Soviética, o territorio do Transcaspio (desde 1921 reorganizado como Turquestán) é establecido como unha república autónoma, para pasar ese mesmo ano a ser unha das repúblicas constituíntes da Unión.

Durante esta época, fíxanse as fronteiras da república soviética, e desenvólvense ambiciosos proxectos para aproveitar os seus recursos naturais para o beneficio da Unión Soviética. Créanse tamén sistemas de irrigación e, aos poucos, a produción de algodón e petróleo convértense nas actividades económicas principais.

Trala disolución da Unión Soviética, Turkmenistán converteuse nun estado independente. O controvertido presidente Separmurat Niyazov dominou a vida política do país ata o seu falecemento o 21 de decembro de 2006.

O seu sucesor, Kurbanguly Berdymukhamedov, convocou a eleccións o 11 de febreiro de 2007, nas cales resultaría electo polo 89,2% dos votos. Segundo datos oficiais, participou o 98,65% dos electores. Con todo, a oposición política denunciou a existencia de fraude.[5] Berdymukhamedov puxo en funcionamento algunhas reformas ás políticas aplicadas ata o momento, como a eliminación do nome do seu predecesor da bandeira nacional e a derrogación dunha lei que esixía dous anos de traballos antes para poder ingresar á universidade,[6] con todo ratificou a continuidade do rumbo político encarado por Niyazov.

Política

Artigo principal: Política de Turkmenistán.

Turkmenistán é unha república presidencialista integrada na Comunidade de Estados Independentes.

Despois da morte do presidente Separmurat Niyazov, o entón primeiro ministro Kurbanguly Berdymukhamedov asumiu o poder e iniciou tentativas de abrir o país. A constitución do país, aprobada no 2008, permite a formación de partidos políticos e a libre asociación de persoas. A anterior, de 1993, establecía un réxime de partido único.

O goberno de Niyazov, morto no 2006, chegou a esaxeracións coma a prohibición da ópera e do circo por "non seren suficientemente turcománs". Niyazov gobernaba de maneira absoluta sobre o país e non toleraba ningunha oposición. No seu goberno había un moi importante culto á súa personalidade, atopábase o seu rostro por todo o país, desde os billetes de banco ata as botellas de vodka. Era chamado o Turkmenbachi (ou en galego a «Cabeza dos turcománs»). A festa nacional correspondía ao aniversario do presidente, o 19 de febreiro. Unha estatua del, en ouro fino, atopábase na capital Achkhabad.

Xeografía

Turkmenistán é un país de Asia central situado ao norte da cadea de montañas Kopet-Dag entre o mar Caspio e mailo río Amu-Daria. O país ten fronteiras con Casaquistán e Uzbekistán ao norte e ao nordeste, con Irán e Afganistán ao sur e ao sueste. A característica xeográfica máis significativa é o deserto do Karakorum que é o deserto máis grande do mundo, cubrindo o 80 por cento da superficie do país. A maior parte das montañas de Turkmenistán son inaccesíbeis. Os vestixios da antiga ruta da seda van da China central ata a costa mediterránea, pasando polo Turkmenistán.

O país está situado nunha das rexións sísmicas máis elevadas do mundo.

O clima é desértico subtropical con pouca chuvia.

Organización político-administrativa

Turkmenistán está dividido en cinco provincias (welayatlar,singular welayat): (Balkan, Ahal, Daşoguz, Lebap e Mary) e unha cidade Autónoma Achkhabad.

Provincias de Turkmenistán.
División ISO 3166-2 Capital Superficie (km²) Poboación (2005) Mapa
Achkhabad Achkhabad 470 871.500
Ahal TM-A Annau 97.160 939.700 1
Balkan TM-B Balkanabat  139.270 553.500 2
Daşoguz TM-D Daşoguz 73.430 1.370.400 3
Lebap TM-L Türkmenabat 93.730  1.334.500 4
Mary TM-M Mary 87.150 1.480.400 5
Turkmenistan satellite photo
Turkmenistán

Economía

Artigo principal: Economía de Turkmenistán.

Demografía

Turkmenistan demography
Evolución da demografía entre 1992 e 2003 (cifra da FAO, 2005). Poboación en milleiros de habitantes.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para turkmeno.
  2. Forma empregada no VOLG (buscar "turcomán").
  3. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1446. ISBN 9788482893419.
  4. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 108. ISBN 84-8158-266-2.
  5. Turkmenistán celebra hoy elecciones parlamentarias para legitimar el cambio de régimen
  6. El presidente turcomano retira el nombre de su predecesor de la bandera nacional
.tm

.tm é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Turkmenistán.

Achkhabad

Achkhabad (transliterado do ruso Ашхабад; en turcomán Aşgabat) é a capital de Turkmenistán e a principal cidade dese país, con 773 400 habitantes (xaneiro de 2004). Atópase situada nun oasis no deserto de Karakum, xunto aos montes Kopet Dag, preto da fronteira con Irán.

Asia Central

Asia Central é unha rexión no corazón do continente asiático dende o Mar Caspio no oeste, a China no leste, Afganistán no sur, e Rusia no norte. Existen varias definicións da súa composición exacta, e ningunha definición é aceptada universalmente. A pesar desta incerteza na definición das fronteiras, ten algunhas características xerais importantes. Por unha banda, Asia Central historicamente estivo estreitamente ligada a seus pobos nómade e a ruta da seda. En consecuencia, actuou como unha encrucillada para o movemento de persoas, bens e ideas entre Europa, Asia Occidental, Asia Meridional e Asia Oriental.

Todas as definicións de Asia Central inclúen estas cinco repúblicas da antiga Unión Soviética: Casaquistán (poboación: 16´0 millóns), Kirguizistán (5´5 millóns), Taxiquistán (7´3 millóns), Turkmenistán (5,1 millóns), e Uzbekistán (27´6 millóns), cunha poboación total de 61´5 millóns de 2009. Outras áreas que se inclúen a miúdo son Mongolia, Afganistán, no norte e o oeste de Paquistán, nordés de Irán, Caxemira, e, ás veces Xinjiang no oeste da China e o sur de Siberia en Rusia.

Durante a época pre-islámica e principios da islámica, Asia Central era predominantemente iraniano, rexión que inclúe sogdianos sedentarios, corasmianos e semi-nómades escitas e alanos. A antiga poboación sedentaria xogou un papel importante na historia de Asia Central. Logo da expansión dos pobos turcos, Asia Central tamén se converteu na patria de moitos pobos turcos, como os uzbekos, casacos, kirguises, e uigures.

Bandeira de Turkmenistán

A bandeira de Turkmenistán foi adoptada o 24 de xaneiro de 2001. A bandeira presenta un fondo verde cunha franxa vermella na que aparecen cinco motivos representando alfombras típicas do país e as pólas da oliveira do emblema da ONU. Ademais, no rectángulo verde ten unha lúa crecente con cinco estrelas de cinco puntas.

Cabalo

O cabalo, ou egua se é femia, (Equus ferus caballus) é un animal mamífero perisodáctilo da familia dos équidos (Equidae), herbívoro, cuadrúpede e de pescozo longo e arqueado. É unha das dúas subespecies existentes de Equus ferus ou cabalo salvaxe. O cabalo evolucionou ó longo dos pasados 45-55 millóns de anos dende o pequeno Hyracotherium ata o animal de hoxe en día. Os humanos comezaron a domesticar cabalos no -4000, e a súa doma crese que se estendeu no -3000. Os cabalos da subespecie caballus son domésticos, pero algunhas poboacións viven en liberdade ou semiliberdade. Estas poboacións de cabalos asilvestrados non son verdadeiros cabalos salvaxes, xa que este termo emprégase para describir cabalos que nunca foron domesticados, como o ameazado cabalo de Przewalski, unha subespecie separada e o único cabalo salvaxe que aínda existe.

A anatomía do cabalo permítelle facer uso da velocidade para escapar de depredadores e teñen un ben desenvolvido sentido do equilibrio e unha forte resposta de loita ou fuxida. Relacionado coa necesidade de fuxir de depredadores na vida salvaxe, os cabalos son quen de durmir tanto de pé como deitados. As femias, chamadas eguas, coidan das súas crías durante aproximadamente 11 meses, e un cabalo novo, chamado poldro, pode correr coa nai pouco tempo despois do nacemento. A maioría dos cabalos domesticados comezan a adestrarse coa cadeira de montar ou co arnés entre os dous e os catro anos. Acadan a madurez completa ós cinco anos, e chegan a vivir entre 25 e 30 anos.

As razas de cabalo divídense en tres categorías baseadas no seu temperamento: de "sangue quente e enérxicos" con velocidade e resistencia; "sangue frío", como o cabalo albardeiro e algúns ponis, axeitados para traballos lentos e pesados; e de "sangue morno", produto de cruces entre os de sangue quente e de sangue frío, centrándose a miúdo en crear razas para fins específicos de monta, especialmente en Europa. Existen máis de 300 razas de cabalo no mundo, desenvolvidas para diferentes usos.

Cabalos e humanos interveñen en gran cantidade de actividades competitivas e non competitivas, así como actividades de traballo como policía, agricultura, entretemento e terapia. Tamén foron historicamente usados na guerra, do cal desenvolvéronse unha ampla variedade de técnicas de equitación e condución, con moitos estilos diferentes de equipos e métodos de control. Por outra banda obtéñense moitos produtos destes animais, como a carne, o leite, pel, pelo, óso e os produtos farmacéuticos extraídos dos ouriños de eguas embarazadas.

Casaquistán

Casaquistán ou Kazhakhstán é un país fundamentalmente asiático, aínda que tamén inclúa unha rexión relativamente pequena que, xeograficamente, pertence á Europa: a área entre o río Ural e a fronteira rusa, o punto máis oriental do continente europeo. Limita ao norte e oeste con Rusia (6.846 quilómetros de fronteira), ao leste coa China (1.533 km), a sur co Kirguizistán (1.051 km), o Uzbekistán (2.203 km) e Turkmenistán (379 km) e a oeste co Mar Caspio.

É o noveno país máis grande do mundo por superficie, mais ten unha densidade de 6 hab./km².

Casaquistán foi un dos países que se volveron independentes coa disolución da Unión Soviética, proclamando a súa independencia o 16 de decembro de 1991.

Comunidade de Estados Independentes

A Comunidade de Estados Independentes (CEI) é unha organización supranacional composta por 9 das 15 ex-repúblicas soviéticas, coa excepción dos 3 estados bálticos (Estonia, Letonia e Lituania, que na actualidade son membros da Unión Europea); Turkmenistán (que abandonou a organización o 26 de agosto do 2005 para converterse en membro asociado); Xeorxia, que se retirou o 18 de agosto de 2009 e Ucraína que de iure non é membro da CEI, ao non ratificar o estatuto da organización, malia que é un estado fundador e membro da Comunidade. Mongolia participa nalgunhas estruturas da CEI como observador..

A súa creación asinou a disolución da Unión Soviética e, segundo Vladimir Putin, o seu propósito foi o permitir un "divorcio civilizado" entre as repúblicas que conformaban a Unión. Dende a creación da CEI asináronse numerosos documentos sobre cooperación económica, defensa e relacións internacionais entre os seus estados membros.

A CEI é unha asociación pouco firme de estados, e non pode compararse de ningunha maneira a unha federación, confederación ou unión supranacional como pode ser a Unión Europea. É máis comparable á Commonwealth de Nacións. Aínda que a CEI ten poucos poderes supranacionais, pretende ser máis ben unha organización simbólica, nominalmente posúe competencias nos campos do comercio, finanzas, lexislación e seguridade. Tamén promove a cooperación na democratización e a prevención do crime trasfronteirizo.

Máis aínda, oito dos nove estados membros da CEI formaron unha Área de Libre Comercio, e cinco deles a Unión Euroasiática, unha unión económica e de aduanas de 180 millóns de persoas. No aspecto defensivo, seis estados da CEI participan nunha alianza de defensa mutua: a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva.

Garaşsyz, Bitarap, Türkmenistanyň Döwlet Gimni

O Garaşsyz, Bitarap, Türkmenistanyň Döwlet Gimni (Himno do Estado Turcomán Independente e Neutral, en galego) é o himno nacional de Turkmenistán dende o 27 de setembro de 1996. A música é de Veli Mukhatov, autor tamén do antigo himno oficial da República Soviética de Turkmenistán.

Idade de Bronce

A Idade de Bronce é un período na civilización en que se desenvolveu o emprego deste metal na metalurxia, resultado da mestura de cobre e estaño. O bronce foi inventado en oriente medio cara ao IV milenio a. C. substituíndo ao cobre, que dera lugar ao período Calcolítico, aínda que noutros lugares esta última idade foi descoñecida e o bronce substituíu directamente ao período Neolítico. Na África negra o Neolítico foi seguido da Idade de Ferro.

A data de adopción do bronce varía segundo as culturas:

Na Asia central o bronce chega ao redor do 2000 a.C. en Afganistán, Turkmenistán e Irán.

Na China adóptao a dinastía Shang (1766 a.C.- 1122 a.C.).

Lingua casaca

A lingua casaca ou casaco é unha lingua turca da familia altaica, con grafía ben árabe en China, Irán ou Afganistán; ben cirílica. Durante a década de 1930 experimentouse coa latina en Turquía. É idioma oficial xunto coa lingua rusa de Casaquistán; fálase nos territorios do que foi o amplo imperio mongol: a provincia china de Xinjiang, Mongolia, Quirguistán, Uzbekistán, Turkmenistán, Ucraína e Rusia. No 2000 era lingua materna de 11 000 000 de falantes aproximadamente, aínda que segundo outras fontes hai aproximadamente 8,5 millóns de falantes. Dende a segunda metade do século XX, Alemaña ten unha comunidade de falantes de casaco. Esta comunidade está constituída principalmente polos descendentes de alemáns do Volga que foron deportados a campos de concentración e Gulags en Casaquistán desde 1941 por decreto de Stalin e que, podendo sobrevivir, mesturáronse coa poboación local ou adoptaron a súa cultura, e máis tarde volveron a Alemaña.

Qazak significa vagabundo; o pobo casaco que fala este idioma foi historicamente nómade.

Lingua rusa

O ruso (antigamente coñecido como gran ruso, para diferenciala do ucraíno ou "pequeno ruso") é a lingua eslava con máis falantes. Forma co ucraíno e o bielorruso o grupo das linguas eslavas do leste. A variedade do dialecto ruso medio falada na área de Moscova é a base da forma estándar da lingua. Hai minorías rusófonas significativas en tódolos estados que fixeron parte da antiga Unión Soviética e mantén aínda un certo status como lingua de cultura. O número total de falantes podería estar ó redor dos 300 millóns de persoas.

Lingua turcomá

O turcomán (adaptación de türkmençe, türkmen dili, en cirílico түркмен дили e en árabe تورکمن ﺗﻴﻠی ,تورکمنچه), é unha lingua turca falada por 5 millóns de persoas en Turkmenistán, onde é a lingua oficial do estado, así como por 1 400 000 persoas no nordeste de Irán, 700.000 falantes no noroeste de Afganistán, e pequenas comunidades turcomás en Iraq, Siria, Turquía e Rusia.

Mar Caspio

O mar Caspio é un mar interior que ocupa a parte máis fonda dunha depresión entre Asia e Europa, a depresión cáspica, que forma parte da gran depresión aralo-cáspica. É a masa de auga interior (Conca endorreica) máis grande do mundo, cunha superficie de 371.000 km² (sen incluír o lago de Kara Bogaz Gol) e un volume de 78.200 km³ con características comúns tanto cos mares como cos lagos. A miúdo é considerado o lago máis grande do mundo, aínda que non é de auga doce senón salgada. Ten numerosos Illas, a maior das cales é a de Ada Ogurja, que ten 47 quilómetros de lonxitude; cara ao norte a maioría das illas son pequenas e deshabitadas. Baña Rusia, Daguestán, Acerbaixán, o Turkmenistán, o Casaquistán e Irán, coas estepas da Asia Central ao norte e ao leste. Na antigüidade, coñecíase como o océano Hircaniano ou tamén mar Khazar e mar Khvalisian.

Pobo ruso

Os rusos (en ruso: русские, russkiye) son un grupo étnico eslavo oriental nativo de Europa Oriental. A maioría dos rusos habitan no estado nación de Rusia, tendo notables minorías noutros estados veciños como Ucraína, Casaquistán e Belarús. Unha grande diáspora rusa está presente en todo o mundo, con poboacións importantes nos Estados Unidos, Alemaña, Israel e o Canadá. Os rusos son o meirande grupo étnico de Europa.

Os rusos comparten moitos trazos culturais con outros pobos eslabos orientais, como os belarusos e os ucraínos así como con certos eslavos do sur como os búlgaros, os macedonios, os montenegrinos e os serbios. Son maioritariamente de relixión ortodoxa. A lingua rusa é lingua oficial en Rusia, Belarús, Casaquistán, Kirguizistán e Taxiquistán, e tamén é falada como segunda lingua en moitos dos antigos estados soviéticos.

Pobo uzbeko

Os uzbekos (Oʻzbek/Ўзбек, pl. Oʻzbeklar/Ўзбеклар) son un grupo étnico turco, sendo o meirande pobo turco de Asia Central. Representan a maioría da poboación de Uzbekistán pero tamén forman minorías importantes en países como Afganistán, Taxiquistán, Kirguizistán, Casaquistán, Turkmenistán, Rusia e a China. Tamén existen comunidades da diáspora uzbeka en Turquía, Arabia Saudita e Paquistán.

República Socialista Soviética de Turkmenistán

A República Socialista Soviética de Turkmenistán, abreviado en RSS de Turkmenistán (en turcomán: Түркменистан Совет Социалистик Республикасы Türkmienistan Soviet Socialistik Riespublikasy ) foi o nome dado ao actual Turkmenistán cando formaba parte da Unión Soviética, sendo unha das 15 repúblicas da URSS.

S7 Airlines

OJSC Siberia Airlines (en ruso: ОАО «Авиакомпания „Сибирь“» "ОАО Aviakompania Sibir"), operando como S7 Airlines, é unha aeroliña baseada no Óblast de Novosibirsk, Rusia, con oficinas en Moscova. Cara o ano 2008 era a maior aeroliña do país en número de pasaxeiros domésticos.

S7 opera voos regulares a destinos en Rusia, ademais de servizos internacionais a Armenia, Austria, Acerbaixán, Bulgaria, China, República Checa, Exipto, Xeorxia, Alemaña, Hong Kong, Irlanda, Italia, Casaquistán, Kirguizistán, Moldavia, Montenegro, Corea do Sur, España, Taxiquistán, Tailandia, Turquía, Turkmenistán, Uzbekistán, Ucraína e os Emiratos Árabes Unidos. Entre as súas bases e centros de conexión principais están o Aeroporto Internacional de Moscova-Domodédovo e o Aeroporto Internacional de Novosibirsk-Tolmachevo. Dende 2004 leva operando a rede doméstica máis grande en Rusia.

Uzbekistán

Uzbekistán (en uzbeko: Oʻzbekiston), é unha república ex-soviética de Asia Central, limitada ao norte por Casaquistán, ao leste por Kirguizistán e por Taxiquistán, ao sur por Afganistán e a sur e ao oeste por Turkmenistán. Alén do territorio principal, inclúe tamén os enclaves de Sokh e de Iordan, no Kirguizistán. A súa capital é a cidade de Tashkent.

Países
Países con parte asiática

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.