Tumba de andadeiro

Unha tumba de andadeiro é aquela que ten unha estreita pasaxe de grandes pedras, ortostatos, e unha ou varias cámaras funerarias cubertas de terra ou de pedra. Os megálitos adoitaban empregarse na construción de tumbas de andadeiro, que polo xeral datan do Neolítico. Os que teñen máis dunha cámara poden ter múltiples subcámaras na apertura da cámara mortuoria principal. Un deseño común, a cruciforme, ten, como o seu nome indica, forma de cruz. Ás veces as tumbas de andadeiro están cubertas cun cairn, especialmente as que datan de épocas posteriores. Non en tódalas tumbas de andadeiro se atoparon probas de conter corpos, como no caso de Maeshowe.

As tumbas de andadeiro do tipo cairn a miúdo teñen elaborados tellados con ménsulas no canto de laxes sinxelas, tales como a bóveda de Newgrange. Atopouse arte megalítica tallada nas pedras nalgúns sitios. O mesmo andadeiro, nunha serie de casos notables, está aliñado de tal maneira que o sol penetra na pasaxe nun momento importante do ano, por exemplo no amencer do solsticio de inverno ou no solpor do equinoccio.

Nunha recompilación de 1961 de tumbas megalíticas de Irlanda, Seán Ó Nualláin e Ruaidhrí De Valera describen catro categorías de tumbas megalíticas: cairns de patio, dólmenes de portal, tumbas de andadeiro en cuña, e tumbas de andadeiro.[1] Este último termo serve para describir estas tumbas en Cantabria, Galicia e o País Vasco. Dos catro tipos enriba descritos só as tumbas de andadeiro parecen terse distribuído dunha maneira ampla por toda Europa.

As tumbas de andadeiro distribúense amplamente ó longo da fachada atlántica de Europa. Atópanse en Irlanda, Gran Bretaña, Escandinava, no norte de Alemaña e a rexión de Drenthe dos Países Baixos. Tamén se atopan na península ibérica, algunhas partes do Mediterráneo, e ó longo da costa norte de África. As tumbas de andadeiro máis temperás semellan tomar a forma de pequenos dólmenes. En Irlanda e Gran Bretaña, as tumbas de andadeiro encóntranse acotío en grandes grupos, dando lugar ó termo de cemiterios de tumbas de andadeiro.

Thap passage tomb
Unha tumba de andadeiro sinxela en Carrowmore, preto de Sligo, en Irlanda.

Notas

  1. Valera & Nualláin 1961.

Véxase tamén

Outros artigos

Bryn Celli Ddu

Bryn Celli Ddu é un lugar prehitórico da illa galesa de Anglesey, localizado preto de Llanddaniel Fab. O seu nome significa 'o túmulo do bosque escuro'. Foi saqueado en 1699, e as escavacións arqueolóxicas fixéronse entre 1928 e 1929.

Durante o período neolítico, tiña un crómlech e un henge. Do lugar recuperouse unha pequena parte dun recipiente queimado que contiña un oso humano do oído.

A comezos da idade de bronce, as pedras foron removidas para construír unha típica tumba de andadeiro na parte superior do centro do henge. Unha pedra tallada cun deseño en serpentina atopábase orixinalmente no lugar. Dende o seu descubrimento, foi trasladada ó Museo Nacional de Gales e foi substituída por unha réplica colocada a carón da entrada. O túmulo de terra que cobre a tumba é unha restauración do século XX. O orixinal era probablemente meirande.

Norman Lockyer, que publicou en 1906 o primeiro estudo sistemático de astronomía megalítica, sostiña que Bryn Celli Ddu marcaba o solsticio de verán. No seu momento, foi ridiculizado, pero as investigacións de Christopher Knight e Robert Lomas en 1997 e 1998 demostraron que estaba no certo. Knight e Lomas tamén declararon que os aliñamentos do lugar servían como calendario agrícola. Steve Burrow, conservador do Amgueddfa Cymru (Museo Nacional de Gales), sostivo máis recentemente a relación dos aliñamentos co solsticio de verán. O aliñamento relaciona Bryn Celli Ddu con outros llugares, como Maes Howe e Newgrange, que sinalaban o solsticio de inverno.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.