Trigo

O trigo é o termo xeral que designa as distintas especies bravas e cultivadas do xénero Triticum spp, cereal anual que se cultiva en todo o mundo.[2] Globalmente, é o segundo gran comestíbel máis cultivado, xunto ao millo; sendo o terceiro o arroz; e o máis consumido polo ser humano na civilización occidental dende a antigüidade. En Galiza cultívase dende hai séculos, aínda que outros cereais, como o millo, que ten máis importancia no país [3].

O glute do trigo dálle ao pan unha consistencia elástica á masa de fariña e auga. Por mor da intolerancia ao glute (doenza celíaca) moitas persoas non poden consumir trigo nin outros cereais (orxo, centeo).

O gran de trigo utilízase para facer fariña triga, sémola, cervexa e unha gran variedade de produtos alimentarios.[4] Coa fariña faise:

Trigo (xénero Triticum)
Wheat close-up

Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Liliopsida
Orde: Poales
Familia: Poaceae
Subfamilia: Pooideae
Tribo: Triticeae
Xénero: ''Triticum''
L.
Especies
  • Triticum aestivum
  • Triticum aethiopicum
  • Triticum araraticum
  • Triticum boeoticum
  • Triticum carthlicum
  • Triticum compactum
  • Triticum dicoccoides
  • Triticum dicoccum
  • Triticum durum
  • Triticum ispahanicum
  • Triticum karamyschevii
  • Triticum macha
  • Triticum militinae
  • Triticum monococcum
  • Triticum polonicum
  • Triticum repens
  • Triticum spelta
  • Triticum sphaerococcum
  • Triticum timopheevii
  • Triticum turanicum
  • Triticum turgidum
  • Triticum urartu
  • Triticum vavilovii
  • Triticum zhukovskyi

Referencias: ITIS 42236 2002-09-22

Sinonimia
  • Crithodium Link
  • Deina Alefeld
  • Frumentum Krause
  • Gigachilon Seidl
  • Nivieria Ser.
  • Spelta Wolf[1]
Lalin. Corpino. Galiza 35
Venda de melindres no Corpiño, Lalín

Etimoloxía

En galego a palabra trigo designa tanto á planta coma ás súas sementes comestíbeis, coma ocorre cos nomes doutros cereais. Tamén trigo e triga son adxectivos que designan a algo que está feito de fariña de trigo: ex. fariña triga, pantrigo[5].

A palabra «trigo» provén do vocábulo latino triticum, que significa ‘crebado’, ‘triturado’ ou ‘triscado’, facendo referencia á actividade que cómpre realizar para separar o gran de trigo da casca que o recobre. Triticum significa, polo tanto, "[o gran] que cómpre triturar [para poder ser consumido]"; asemade a verba galega millo (derivada en realidade do millo miúdo) deriva do latín milium, que significa "moído", ou sexa, "[o gran] que cómpre moer [para poder ser consumido]". O trigo (triticum) é, polo tanto, unha das palabras máis antigas para denominar os cereais.

Descrición do xénero

O trigo medra en ambientes coas seguintes características:

  • Clima: temperatura mínima de 3 °C e máxima de 30 a 33 °C, sendo unha temperatura óptima entre 10 e 25 °C.[6]
  • Humidade: require unha humidade relativa entre 40 e 70%; dende o espigado até a colleita é a tempada que ten maiores requirimentos neste aspecto, xa que esixe unha humidade relativa entre o 50 e 60% e un clima seco para a súa maduración.[6]
  • Auga: ten uns baixos requirimentos de auga, xa que se pode cultivar en zonas onde chove entre 25 e 2.800 mm anuais de auga, aínda que un 75% do trigo medra entre os 375 e 800 mm. A cantidade óptima é de 400–500 mm/ciclo (menor á precipitación de Galiza).[6]
  • Solo: os mellores solos para o seu crecemento deben ser soltos, fondos, vizosos e libres de asolagamentos, e deben ter un pH entre 6,0 e 7,5; en terreos moi acedos, coma os galegos, é difícil acadar un crecemento axeitado.[6]

A sementeira en cultivos rotativos de trigo é moi benéfica para os solos xa que, como a meirande parte das gramíneas, ten raíces en cabeleira, axudando a mellorar a estrutura dos mesmos, e fornecendo maior aeración, permeabilidade e teor de humidade.

Morfoloxía

Illustration Triticum aestivum1
Ilustración da morfoloxía da planta de trigo.

As partes da planta de trigo pódense describir do xeito a seguir:

Raíz

O trigo posúe unha raizame fasciculada ou raizame en cabeleira, é dicir, con numerosas ramificacións, que acadan na súa maioría unha profundidade de 25 cm, chegando algunhas delas até un metro de fondo. [7]

Talo

O talo do trigo é unha cana oca con nós que se alongan cara a parte superior, acadando entre 0,5 a 2 metros de altura, e é pouco ramificado.

Follas

As follas do trigo teñen unha forma linear-lanceolada (alongadas, rectas e rematadas en punta) con vaíña, lígula e aurículas ben definidas.

Inflorescencia

A inflorescencia é unha espiga composta por un raque (eixo graduado), talo central de entrenós curtos, sobre o que van dispostas de 20 a 30 espiguetas, de xeito alterno, laxas ou compactas, levando cada unha nove flores, a maioría das cales abortan, arrodeadas por glumas, glumelas, lodículos ou glomélulas.[8]

Grans

Os grans son cariópsides que presentan forma oval cos seus extremos arredondados. O xerme sobresae nun deles e no outro hai unha mecha de pelaxe fina. O resto do gran, denominado endosperma, é un depósito de alimentos para o embrión, que representa o 82% do peso do gran. Ao longo da cara ventral do gran hai unha depresión (suco): unha invaxinación da aleurona e todas as cubertas. No fondo do suco hai unha zona vascular fortemente pigmentada. O pericarpo e maila testa, xunto coa campa de aleurona, conforman o farelo de trigo.

O gran de trigo contén unha parte da proteína que se chama glute. O glute facilita a elaboración de lévedos de alta calidade, que son necesarios na panificación.

Xenética

A xenética do trigo é máis complicada que a da maioría das outras especies de plantas domesticadas. A especie trigo é un poliploide estábel, que ten máis de dous conxuntos de sete cromosomas. Tanto o Triticum durum coma o Triticum turgidum evoluíron como especies de tetraploides polo cruzamento natural de dúas especies bravas, Triticum urartu e unha especie hoxe extinta, Sitopsis. O trigo vulgar do pan (Triticum aestivum) evoluíu coma unha especie de hexaploide posterior hai arredor de 2000 anos, despois do cruzamento natural de Triticum turgidum e Aegilops taushii.

  • A especie de trigo cultivado Triticum monococcum é Diploide (2n=2x=14 cromosomas).
  • Os trigos Tetraploides (por exemplo trigo durum) son derivados da especie brava Triticum dicoccoides (amidoeiro), e este á súa vez é o resultado dunha hibridación entre dúas herbas bravas diploides: Triticum urartu e Aegilops searsii ou Aegilops speltoides. A hibridación que xerou o Triticum dicoccoides ocorreu en terra virxe, moito antes da súa domesticación.[4]
  • Os trigos Hexaploides evoluíron xa en leiras cultivadas. Tanto o trigo dicoccoides coma o durum hibridaron con outra herba diploide brava (Aegilops tauschii) para crear os trigos hexaploides (cromosomas 6x), Triticum spelta e Triticum aestivum.

A heterose ou vigor híbrido ocorre nos trigos hexaploides, mais a semente é difícil de producir en variedades híbridas cultivadas nunha escala comercial como se fai coas flores de millo, porque as flores do trigo son completas e adóitanse autopolinizar. A semente híbrida comercial do trigo produciuse utilizando axentes químicos hibridantes, reguladores do crecemento da planta que interveñen selectivamente co desenvolvemento do pole, ou ocorrendo naturalmente en sistemas masculinos citoplasmáticos de esterilidade. O trigo híbrido tivo un éxito comercial limitado en Europa (especialmente en Francia), nos Estados Unidos e en Suráfrica.

Historia

O trigo ten as súas orixes na antiga Mesopotamia. As máis antigas evidencias arqueolóxicas do cultivo do trigo veñen de Siria, Xordania, Turquía e Iraq. Hai arredor de 8.000 anos, unha mutación ou unha hibridación ocorreu no trigo silvestre, dando por resultado unha planta tetraploide con sementes máis grandes, a cal non podería terse espallado co vento. Existen achados de restos carbonizados de grans do trigo Triticum dicoccoides[9] e pegadas de grans en barro cocido en Jarmo (Iraq setentrional), que datan do ano 6700 a. C.[8] Mentres que esta planta non podería ter éxito en estado silvestre, dentro dos campos de cultivo produciu máis alimento para os seres humanos. Este feito provocou unha auténtica revolución agrícola no denominado Crecente Fértil. Simultaneamente, desenvolveuse a domesticación da ovella e a godalla, especies bravas que moraban na rexión, o que permitiu o asentamento da poboación e, con isto, a formación de comunidades humanas máis complexas, como o demostra tamén o xurdimento da escritura, concretamente a escritura cuneiforme, creada polos sumerios, e, polo tanto, o principio da historia e o fin da prehistoria.

Wheat close-up
Espigas de trigo.

A agricultura e a gandaría nacentes esixían un coidado continuo, o que xerou unha conciencia respecto do tempo e as estacións, obrigando a estas pequenas sociedades a gardar provisións para as épocas menos xenerosas, tendo conta dos beneficios que brinda o gran de trigo ao facilitar o seu almacenamento durante tempadas considerábeis.

A semente de trigo foi introducida na civilización do antigo Exipto para dar comezo ao seu cultivo no val do Nilo dende os seus primeiros períodos e de alí ás civilizacións grega e romana. A deusa grega do pan e mais da agricultura chamábase Démeter, cuxo nome significa ‘deusa nai’, o seu equivalente na Mitoloxía romana é Ceres, de onde xorde a verba «cereal».

En Roma, o goberno aseguraba o mantemento dos cidadáns sen posibilidades económicas fornecendo trigo a un baixo prezo e regulando a moedura e fabricación do pan, xa que era unha práctica común o seu racionamento. A moedura e mais a cocción eran actividades que se realizaban á vez, de tal xeito que se deseñaban muíños-fornos cunha alta capacidade de produción.

O consumo de trigo e de pan no Imperio romano revestiu unha grande importancia que xa confirma a Biblia, xa que de acordo coas traducións máis exactas é posíbel contar no seu texto 40 veces a palabra «trigo», 264 veces a palabra «pan» e 17 veces a palabra «pans», acepcións estas últimas que poden referirse a pantrigo ou a pan de orxo (común daquela), aínda que nas citas bíblicas son frecuentemente utilizadas para se referir ao concepto máis amplo do conxunto de cousas que se requiren para vivir, coma na expresión «gañar o pan». Na parábola do sementador faise referencia á adulteración dos grans, comparando o trigo (a bondade) co xoio (Lolium temulentum) (a maldade).

Campo de Criptana Molinos de Viento 2
Muíños de vento.

Até o século XVII non se presentaron grandes avances nos métodos de cultivo e procesamento do trigo. En case toda Europa cultivouse o gran de trigo, aínda que nalgunhas rexións, coma en Galiza, foron preferidos o centeo e o orxo (especialmente no norte). A invención do muíño de vento xerou unha nova fonte de enerxía, mais non variaron moito os métodos de traballo empregados.

A finais do século XVIII presentáronse algúns desenvolvementos mecánicos no proceso de moedura como ventiladores, montacargas e métodos modernos para a transmisión de forza, co cal se aumentou a produción de fariña.

No século XIX aparece o muíño de vapor con rodetes ou cilindros de ferro que representou un cambio radical na moedura. O cultivo do trigo foi aumentando á vez que estes e moitos outros desenvolvementos tecnolóxicos que permitiron mellorar o rendemento da planta e chegar a diversas rexións do planeta coma América do Norte ou Oceanía.

Clasificación

A nivel xeral, o trigo clasifícase de acordo á textura do endosperma, porque esta característica do gran está relacionada coa súa forma de crebar na moedura,[4] a cal pode ser vítrea ou fariñenta, e de acordo á riqueza proteica, porque as propiedades da fariña e a súa conveniencia para diferentes obxectivos están relacionadas con esta característica. Deste xeito, pódense mencionar as variedades de trigo: aestivum (fariñento), aethiopicum, araraticum, boeoticum, carthlicum, compactum (club), dicoccoides (escanda), dicoccum (farro), durum, ispahanicum, karamyschevii, macha, militinae, monococcum, polonicum (polonés), repens, spelta (espelta), sphaerococcum, timopheevii, turanicum, turgidum, urartu, vavilovii e zhukovskyi.

Os trigos monococcum, dicoccum e spelta son vestidos, é dicir, a lemma e pálea forman unha cuberta que fica unida ao gran trala malla.

Os trigos máis importantes para o comercio son o Triticum durum (utilizado principalmente para pastas e sémola), o Triticum aestivum (utilizado para elaborar pan) e mais o Triticum compactum (para facer galletas).

Cultivo do trigo

O trigo é o cereal máis importante do mundo tanto en termos de área cultivada (232 millóns de hectáreas), coma de gran producido (595 millóns de toneladas). Cultívase nun amplo abano de temperaturas (no norte de Europa até os 60º N) e nalgunhas rexións tropicais e subtropicais a maior altitude.[10].

O maior produtor mundial de trigo foi por moitos anos a Unión Soviética, que superaba os 100 millóns de toneladas de produción anuais. Hoxe China representa a maior produción deste cereal cunhas 96 millóns de toneladas (16%), seguida pola India (12%) e polos Estados Unidos (9%). Séguenlle despois Rusia, Francia, Alemaña e o Paquistán.[11]

A información a seguir é principalmente para Triticum aestivum, aínda que tamén é válida para Triticum durum.

É unha planta anual, existen variedades de sementeira outonal (trigo de inverno) e variedades que se sementan na primavera (trigo de verán). A colleita de trigo é principalmente para produción de gran, pero tamén apáñase a planta verde, e ás veces a palla para colmo (palla colma).

Fertilización

As características desexadas dependen das necesidades e polo tanto da fertilización:

Finalidade

  • Se se procura gran para fariña triga para produción de pan e pasta: requírese un contido proteico (endosperma) alto.
  • En gran para malte e cervexa: procúrase alto contido en amidón, pouca proteína crúa e ausencia de agromación.
  • Para alimentación animal: moita proteína, especialmente lisina.
  • Para amidón industrial: alta concentración de amidón porén de maduración lenta, tamén alto contido de proteína (endosperma).
  • Para produción de alcohois: alto contido de amidón, baixo contido de proteína crúa.
  • A palla para leitos e almadraques debe estar ben seca e ser absorbente.
  • A palla para papel e cartón debe ter un alto contido en amidón, pouca lignina e poucas cinsas.
  • A palla para construción de illamento debe ser seca e de pouca densidade.
  • A planta enteira para forraxe verde: alto contido proteico, grande enerxía.
  • A planta enteira para ensilaxe, alta concentración de carbohidratos facilmente solúbeis.

A calidade da proteína no gran depende en gran medida da variedade. A relación proteína/amidón no gran depende tanto da variedade coma do xeito no que o cultivo madurou.

Solo

O trigo, o mesmo que o orxo, xeralmente prefire solos fértiles, mais pode medrar en case todos os tipos, agás en solos moi pouco areentos ou tipo turba, sempre que os requirimentos de auga sexan cubertos coa rega e a demanda de nutrientes sexa axeitada co uso de fertilizantes.

A sementeira do trigo de inverno cómpre facela cedo de abondo para termos polo menos dúas folliñas antes do comezo do período de repouso vexetativo. O tempo de crecemento dispoñíbel para comezar a producir diferentes talos a partir da plántula inicial (tillering en inglés) debería ser de polo menos 21 días.

No caso do trigo de verán, cómpre sementar axiña, sempre que o solo sexa axeitado e sempre que a temperatura e a humidade do solo o permita.

Densidade de plantación

A densidade de sementeira adoita estar no rango de 140-380 grans/m2 para o trigo de inverno e 200-350 grans/m2 para o trigo de verán, sementando en ringleiras separadas de 13 a 20 cm para o trigo de inverno e de 12 a 18 cm para o de verán.

Porén idealmente a densidade de sementeira debería basearse na pluviometría, na densidade óptima de espigado e no número de espigas por planta; segundo a variedade e o rendemento de gran por hectárea previsto; tendo tamén en conta a porcentaxe de emerxencia prevista e, no caso do trigo de inverno, a porcentaxe esperada de supervivencia ao inverno.

Etapas de desenvolvemento do trigo

Estado de desenvolvemento Duración en días (trigo de inverno) Duración en días (trigo de verán)
Sementeira e xerminación 7 7
Emerxencia e crecemento cedo 28 12
Comezo do Tillering (afillamento), comezo do espigado 35 35
Elongamento do talo, formación da espiga primordial 25 19
Folla bandeira, flósculo, arranque 16 10
Emerxencia da espiga 6 5
Floración e inicio do gran 11 14
Formación do gran 20 20
Maduración 21 21
Período total de crecemento 169 143

Demanda de nutrientes

As cantidades precisas de nutrientes que o trigo precisa para un correcto desenvolvemento varían segundo múltiples condicións. En xeral, tanto para o trigo de inverno coma para o de verán, o 60% dos nutrientes (N + P2O5 + K2O) que a planta toma é antes do espigado, no alongamento da planta.

O trigo de inverno apaña uns 130 kg/ha de N, 39 kg/ha de P2O5 e uns 51 kg/ha de K2O. Para o trigo de verán, 100 kg/ha de N, 50 kg/ha de P2O5 e 25 kg/ha de K2O (para unhas condicións medias de 550 mm de precipitación dispoñíbel por planta e un rendemento de gran agardado de 6,7 t/ha).[12]

Na análise de micronutrientes a comezos da etapa de alongamento, detectáronse en ppm (partes por millón) de materia seca os contidos a seguir: Fe: 40-59; Mn: 40-59; Zn: 30-49 ; Cu: 6,0-7,9; B: 6,0-9,9 ; Mo: 0,30-0,49.

É posíbel calcular as taxas de fertilización a partir de datos da análise do solo, mais a información dispoñíbel é xeralmente moi imprecisa para o cultivo intensivo do trigo. Ademais, a dispoñibilidade de nutrientes do solo cambia coa dinámica climática, e os cereais en si mesmos varían na súa capacidade de mobilizar e absorber nutrientes do solo. Os datos de modelos de extracción de solo xerais deben usarse con cautela. En moitos países onde a recomendacións de fertilización é a partir dos resultados das análises de solo, os valores adóitanse agrupar en rangos (sobre todo de P, K, Ca e micronutrientes), en vez de dar valores específicos.

Recomendacións de fertilización

O crecemento dos cereais vese influenciado principalmente pola temperatura e as precipitacións. Se estas non están nos límites desexábeis, polo xeral será difícil que se poida compensar co uso de fertilizantes (particularmente se a espigua fica pequena por mor de temperaturas excesivas na fase de desenvolvemento). Con todo, se só unhas poucas plantas se ven afectadas, as plantas adxacentes aínda poden ser estimuladas coa subministración de nutrientes, formándose máis rebentos e minimizando, así, o efecto global, co risco de que as plantas non maduren á vez.

Posto que en sistemas intensivos de produción de cereais, o número de plantas por metro cadrado acada case a capacidade de campo, calquera adubado mineral debe ser distribuído o máis uniformemente posíbel, na data correcta, e cunha cantidade (especialmente de N) coidadosamente axustada tendo sempre en conta as reservas do solo e a demanda do cultivo. A aplicación excesiva de nitróxeno (N) tamén pode aumentar o risco de enfermidades xa que fai que aumente a densidade vexetativa.

Un espigado improdutivo e a formación de ramos secundarios pode evitarse, restrinxindo a subministración de nutrientes (especialmente de N), durante o crecemento inicial (fases N1 e N3). Do mesmo xeito, pódese aumentar o contido de proteínas do cereal aumentando a cantidade de N subministrado no período axeitado (fases N5 e N6, especialmente). Hai, con todo, o perigo de que o exceso de N neste momento pode perturbar a uniformidade do proceso de maduración por retardar a mesma, co resultado de que só se forman os precursores do proteínas asociadas coa variedade en cuestión , baixando así a calidade da proteína no gran. É importante a elección dunha variedade axeitada á produción arelada e ás condicións meteorolóxicas agardadas.

Se existe o perigo de que os nutrientes aplicados fiquen inmobilizados no solo, especialmente o P nos solos alcalinos ou acedos, cómpre tomar medidas correctoras antes da aplicación, por exemplo, aplicar fertilizantes acidificantes, ou adicionando calcaria, ou, en rexións áridas, asolagando.

Posto que a resistencia ás xeadas e ás secas está determinada segundo a hidratación dos tecidos vexetais, cómpre ter sempre K dispoñíbel de abondo.

Preferencias na forma dos nutrientes

  • Nitróxeno: a eficacia de diferentes tipos de fertilizantes nitroxenados en cereais é case idéntica. As diferenzas son principalmente o resultado de influencias ambientais (precipitación, temperatura, desnitrificación). Normalmente conteñen N nítrico e amoniacal, como nitrato de amonio, nitrato de calcio amonio, nitrato amonio sulfato, o solución de nitrato e urea-amonio (UAN). O N amoniacal xeralmente mellora a calidade de panificación.
  • Fósforo: a aplicación depende, sobre todo, da dispoñibilidade de P no solo. Polo tanto, a solución do solo debe ter P de abondo, especialmente na primavera, no inicio do período de crecemento. Prefírense fertilizantes que conteñen P2O5 solúbel en auga, que poden aplicarse xunto co K2O e coa primeira aplicación de N en forma dun fertilizante composto NPK.
  • Nitróxeno-Fósforo: os fertilizantes que conteñen N e mais P aceleran especialmente o crecemento inicial de plantas novas, particularmente cando se aplican por baixo da semente ("starter"). Son xeralmente máis eficaces que cando se aplican os fertilizantes de N e de P por separado (sinerxía). Con todo, en contraste cos nitrofosfatos, o fosfato de diamonio ou o fosfato de urea poden queimar as sementes, especialmente en solos calcários, secos, se se botan doses maiores que 11 kg/ha de N.
  • Potasio: cloruro de potasio.
  • Xofre: se existen deficiencias de xofre no cultivo, cómpre usar fertilizantes que conteñan S na composición.
  • Magnesio: os fertilizantes potásicos conteñen Mg. Se as deficiencias de Mg son severas poden ser tratadas por aplicación foliar, normalmente con sulfato de magnesio (se é necesario en combinación con micronutrientes, manganeso por exemplo).
  • Micronutrientes: as deficiencias poden ocorrer en lugares cálidos, secos desde a fase final de crecemento até comezos da floración e poden tratarse con tratamentos foliares As taxas de aplicación de fertilizantes deben basearse no equilibrio de nutrientes para a rotación do cultivo en xeral, apoiándose sempre nos datos de análise de solo e incluíndo unha previsión da eliminación de nutrientes polo cultivo.

Doses

  • P-K: as cantidades precisas e a época de aplicación dos fertilizantes P-K non son particularmente importantes para o trigo, xa que o solo adoita ter cantidades de abondo destes dous nutrientes. Así, na práctica, P e K non se aplican tanto para o trigo en si, como para os requisitos da rotación en conxunto.
  • N: o cálculo exacto da demanda de N para un rendemento especificado é particularmente importante na produción intensiva de cereais. A orientación xeral para o cálculo da demanda N obtese grazas a "modelos" precalculados. Tales cálculos fanse pouco antes da tempada de primavera cunha análise do N dispoñíbel no solo.

Aplicación foliar

A vantaxe da aplicación foliar é a absorción directa dos nutrientes que se incorporan no metabolismo dos tecidos das plantas. Deste xeito, o consumo de enerxía para o transporte no interior da planta é moi baixo, ademais a absorción é practicamente independente dos factores ambientais, como a humidade do solo. A desvantaxe é que a cantidade aplicada de nutrientes pode ser limitada por mor do risco de queimadura das follas, pero se calculamos ben a concentración e aplicamos axeitadamente non ten que supor unha limitadción grave. Outra vantaxe é a posibilidade de combinar a aplicación de fertilizantes con pesticidas e reguladores de crecemento, en moitos casos con beneficiosos efectos sinérxicos. En condicións secas a aplicación foliar de mesturas moi concentradas reduce a evaporación, e así redúcese a vaporización dos compoñentes activos, permitindo unha redución no uso de pesticidas cun beneficio resultante para o ecosistema.

Enfermidades do trigo

Wheat field
Plantación de trigo.

O trigo é susceptíbel a máis enfermidades que calquera dos demais grans,[13] e, nas estacións húmidas as perdas máis grandes prodúcense por mor das patoloxías doutros cereais que afectan a planta de trigo.

A planta de trigo pode ser afectada principalmente por enfermidades causadas por bacterias, fungos, parasitos ou por virus.[14] O trigo ademais pode sufrir o ataque de insectos na raíz; tamén pode sufrir o ataque de pragas que afectan principalmente á folla ou ao farelo (casca do grao), e que finalmente privan ao gran de alimento de abondo; con maior gravidade tamén pode ser afectado pola Fusariose, que é un efecto da presenza de mofo na espiga, que se manifesta principalmente na decoloración da planta (dáse moito nos celeiros) e a Septoriose, un fungo que aparece nas sementes e se espalla polas follas e o tecido verde da planta.

Na súa almacenaxe, o gran de trigo tamén pode ser atacado por catro tipos de pragas: os insectos (principalmente gurgullos e traza), os microorganismos (principalmente fungos e bacterias por efecto da temperatura e a humidade), os roedores e os paxaros. Calquera deles pode contaminar o produto e impedir o seu consumo.

Datos do mercado do trigo

Produción mundial

A nivel mundial, a mellora das técnicas de cultivo e mais a selección xenética (por exemplo a creación da variedade Norin 10) conduciu a un incremento considerábel do seu rendemento,[9] pasando de menos de 560 kg/ha en 1900 a máis de 1151 en 1990. O rendemento do trigo nos países de América do Sur mantense estábel cuns 920 kg/ha, e en África e no Oriente próximo cuns 460 kg, Exipto e Arabia Saudí acadan en terreos irrigados de 1600 a 2000 quilogramos. En Europa, os rendementos máis altos obtéñense en cultivos intensivos. O rendemento medio pasou de 1400 a 2700 kg/ha durante os últimos 30 anos, logrando un crecemento medio de 46 kg/ha/ano.

Así pois, o aumento do rendemento e das superficies cultivadas levou a un grande incremento da produción, que acadaba 275 millóns de toneladas en 1965 e 628 en 2005. O trigo é igualmente o primeiro cereal desde o punto de vista comercial (45% dos intercambios totais en 1998).

Anualmente prodúcense 100 kg de trigo por cada habitante no mundo. Case toda a súa produción destínase á alimentación humana. A produción mundial de trigo desde 1996 até 2005[15] foi:

Produción mundial de trigo[15]
(millóns de toneladas)
1996 1997 1998 1999 2000 2001 2002 2003 2004 2005 2012
585,4 613,4 593,5 587,7 586,1 590,0 574,4 561,1 629,9 628,1 674,9

Principais países produtores

O trigo pode medrar en diversidade de latitudes, climas e solos, aínda que se desenvolve mellor en zonas temperadas. Por mor disto, é posíbel atopar colleitas de trigo en todos os continentes.

Os principais países produtores de trigo en 2008 foron:

Cultivo trigo
Cultivo de trigo no mundo.
País Produción[15]
(millóns de toneladas)
Flag of the People's Republic of China.svg China 96,3
India India 72,0
Estados Unidos de América Estados Unidos 57,1
Rusia Rusia 47,7
Flag of France.svg Francia 36,9
Flag of Canada.svg Canadá 25,5
Australia Australia 24,1
Alemaña Alemaña 23,6
Flag of Pakistan.svg Paquistán 21,6

Comercio mundial

Logo da caída do prezo mundial do trigo producida no ano 2010 e a súa rápida recuperación, o prezo tivo unha tendencia a se estabilizar nos anos posteriores abaleando entre os 140 e 150 dólares estadounidenses por tonelada.

En 2011 as exportacións de trigo ascenderon a 121,3 millóns de toneladas sendo os principais países exportadores Estados Unidos (20%), Australia (12,1%), Francia (11,3%) e o Canadá (10,1%), seguidos por Rusia e Ucraína.

Por outra banda, 32 países importaron no 2002 máis dun millón de toneladas representando un 80% do total. Os maiores importadores de trigo foron Italia (6,5%), Brasil (5,5%), España (5,3%), Alxeria (5%), Xapón (4,9%), seguidos de Exipto, Indonesia, Irán, Corea do Sur, Holanda, Bélxica e Marrocos, entre outros.

Consumo de trigo

Trigo
Valor nutricional por 100 g
Enerxía1,368 kJ (327 kcal)
71.18 g
Azucres0.41
Fibra alimentaria12.2 g
1.54 g
12.61 g
VitaminasCantidade
%DV
Tiamina (B1)
33%
0.383 mg
Riboflavina (B2)
10%
0.115 mg
Niacina (B3)
36%
5.464 mg
Ácido pantoteico (B5)
19%
0.954 mg
Vitamina B6
23%
0.3 mg
Ácido fólico (B9)
10%
38 μg
Colina
6%
31.2 mg
Vitamina E
7%
1.01 mg
Vitamina K
2%
1.9 μg
MineraisCantidade
%DV
Calcio
3%
29 mg
Ferro
25%
3.19 mg
Magnesio
35%
126 mg
Manganeso
190%
3.985 mg
Fósforo
41%
288 mg
Potasio
8%
363 mg
Sodio
0%
2 mg
Cinc
28%
2.65 mg
Outros constituíntesCantidade
Auga13.1 g
Selenio70.7 µg

As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos.
Fonte: Base de datos USDA Nutrient

O trigo xeralmente é moído como fariña triga para a súa utilización.[4] Unha gran porcentaxe da produción total de trigo é utilizada para o consumo humano na elaboración de pan, galletas, tortas e pastas; outro tanto é destinado a alimentación animal e o restante emprégase na industria ou como semente; tamén se utiliza para a preparación de aditivos para a cervexa e outros licores.

Torrefacción ou resecamento

O gran de trigo pódese consumir torrado, aínda que o seu valor nutritivo vese reducido polo efecto da calor.

Este método de tratamento consiste en retirar a humidade do gran de trigo proporcionándolle calor, para consumilo directamente sen elaboración culinaria. Adóitase tamén moer o gran para facelo po antes de o consumir nalgunhas rexións de América do Sur. No Tíbet tórrase o trigo antes de o moer.

Papas

A papa é unha masa mol feita de fariña de trigo cocida con auga e sal e adubada con leite, mel ou outros ingredientes. É un prato consumido dende o Antigo Exipto, moi tradicional entre os pastores e na civilización grega, quen o consumían con aceite.

Na India e Paquistán é tradicional a súa elaboración a base de fariña triga integral e de preferencia da de trigo durum. En Arabia elabóranse unha especie de papas chamadas fereek a base de grans de trigo non madurecidos. En Inglaterra facíanse antigamente un prato chamado frumenty a base de grans de trigo enteiro, que se poñían a remollo e se cocían no leite. Algo semellante facíase en Galiza, as papas ou polenta, mais adoitaba cocerse fariña de millo en leite, xa que a fariña triga era reservada para días especiais, considerándose un luxo. En África faise o cuscús, que se elabora preferibelmente a base de sémola de trigo duro; o cuscús foi introducido na cociña francesa a través dos restaurantes alxerianos. Tamén son moi famosas as gachas manchegas, un prato típico español.

Pan

Artigo principal: Pan.

Antes de coñecer os métodos para levedar a masa de fariña triga, era moi popular o consumo de pan asmo ou sen fermento. Faise mesturando a fariña con auga e formando unha masa á que se lle engade sal e se lle dá forma antes de cocela. Na antigüidade usábanse pedras quentes ou cinsas como fonte de calor antes de desenvolverse o forno. En Arabia e no norte de África aínda se elabora pan asmo.

Various grains
Variedades de pan.

A maior evolución na panificación deuse no antigo Exipto, xa que descubriron o proceso de fermentación. O fermento orixinario consistía en lévedos naturais. Os lévedos son diversos fungos microscópicos unicelulares que levedan os hidratos de carbono na masa de fariña e auga producindo diversas substancias. Pode facerse pan fermentado de calquera clase de fariña, porén se se quere que a masa creza para termos un pan poroso e lixeiro, cómpre termos forza na fariña, o que depende dun maior contido en glute e da natureza das súas proteínas. Engadir sal inflúe na actividade dos encimas e na estrutura da masa.

Algúns pans elabóranse engadindo diversas substancias químicas que lle brindan á fariña un tratamento especial. Durante o século XVIII utilizouse o alume coma aditivo da fariña en diversos países de Europa coma Inglaterra, xa que o seu uso permite que o pan sexa máis branco, teña un maior tamaño e presente unha textura máis branda, mais foi rexeitada polos consumidores pola orixe desta substancia, o que produciu a súa prohibición.[16] Máis recentemente téñense empregado outras substancias como o ácido ascórbico, o bromato potásico, o persulfato amónico, o fosfato monocálcico, o dióxido de cloro e o peróxido de benzoilo, que lle provocan un avellentamento artificial á fariña e melloran as cualidades que conveñen para a cocedura.

O pan fermentado ten moitas variedades en diversas rexións do mundo.

O pan en Galiza

Aínda que hoxe o pan en Galiza sexa feito con fariña triga, até hai ben pouco eran máis populares o pan centeo e o pan millo. O pan branco, de trigo, moito máis valorado, era o pan das ocasións especiais, e por iso chamábano pan de festa, pan dos días de festa ou pan feiral. Máis usual era a denominación apocopada pantrigo. En Galiza, a importancia do pan é capital desde hai séculos, sendo a base de alimentación para a poboación. O xeito tradicional de elaboración do pan é con fermento, o que fai que haxa que gardar un chisco de masa madre para a elaboración da seguinte quenda de pan. Os estilos son variados: dende o pan de bóla, pasando polo tradicional molete —o cal adoita ter unha especie de "moño" na zona central da parte superior—, ata a boroa, o pan centeo ou o pan co que se fan as empanadas.

Segundo a Federación Galega de Panadeiros e Pasteleiros, cada galego consumía en 2009, anualmente, ao redor de 56 quilogramos de pan, o que supón un 37% menos que nos anos 90, cando o consumo medio dos galegos elevábase aos 90 quilos.[17]

Empanada

Artigo principal: Empanada.
Empanada
Anacos de empanada.

Outro xeito de consumo de trigo en Galiza moi común é coa empanada. É unha preparación culinaria consistente nunha masa e un recheo que se frixe ou coce no forno. A masa de fariña, elaborada máis ou menos como unha masa de pan, énchese de carne ou outros produtos (tamén verduras peixes, ou mariscos variados), previamente cociñados de formas moi variadas segundo a gastronomía local. A masa está preparada xeralmente con trigo, pero pode estar feita con outros cereais, coma o millo, engadíndoselle ás veces na preparación algún tipo de graxa (que pode ser aceite, manteiga ou graxa de porco).

Galletas

As galletas son anacos pequenos e máis ou menos finos que resulta de cocer unha pasta composta de fariña, auga, azucre e outros ingredientes, coma ovos, manteiga etc.

O trigo utilizado para as galletas é da variedade Compactum (tamén coñecida como Club), considerada feble pola pouca cantidade de glute e de proteína e case sempre de baixa extracción. A maior produción deste tipo de trigo dáse no Reino Unido, importante fabricante de galletas a nivel mundial.

Pastas alimenticias

Artigo principal: pasta.

As pastas son alimentos elaborados a base de sémola de trigo mesturada con auga e á que se lle pode engadir ovo, sal ou outros ingredientes, conformando un produto que se coce en auga a ferver. A elaboración de pastas alimenticias a base de trigo é unha práctica antiga, que segue especialmente nos países onde se cultiva o trigo. Normalmente utilízase a variedade de trigo Durum para a súa elaboración, polo que é dun alto valor nutritivo, aínda que en lugares como Italia (onde o consumo de pasta é o máis elevado do mundo) fanse de fariña triga dura soa ou mesturada con fariña candeal dura en iguais proporcións. En Francia, unha lei di que os macarróns e produtos semellantes só poden facerse de sémola de trigo duro.

Puttanesca-1
Pastas alimenticias.

"Carne vexetal"

Dende o Extremo Oriente, particularmente dende China e Xapón espallouse un alimento de alto valor proteico baseado no glute do trigo; pola súa consistencia, aspecto ao ser cociñado e pola mencionada alta cantidade de proteínas, tal alimento é chamado "carne vexetal" ou seitán.

Cereais prontos para consumir

A elaboración de produtos a base de cereais listos para o almorzo obtivo unha crecente importancia nos últimos anos. Un gran número deles están elaborados a base do endosperma de trigo, millo, arroz ou avea. Ás veces o endosperma simplemente se creba ou esmaga e algunhas veces se torra para obtermos cereais como fariña de avea ou para seren cociñados antes de os consumir.[18]

O desenvolvemento destes cereais xorde a finais do século XIX cando os doutores William Keith Kellogg e seu irmán John Harvey Kellogg da vila de Battle Creek (Estados Unidos), seguidores das crenzas adventistas de vida sa consistentes en abstención de alcol, tabaco e carne, descobren o proceso de temperado no trigo e posteriormente inventan un método de procesamento dos cereais que inclúe cocedura, temperado, laminado e torrado do gran para obter flocos e láminas torrados, un alimento lixeiro que contrarrestaba os costumes de aquela época de alimentos cheos de graxas. Inicialmente os cereais dos irmáns Kellogg só se producían para a dieta alimenticia dos pacientes do hospital Battle Creek Sanitarium e posteriormente comezou a venda aos consumidores en xeral en 1906, cando se funda a compañía The Battle Creek Toasted Corn Flakes Company (hoxe The Kellogg's Company).

Cervexa

Artigo principal: cervexa.

A cervexa é unha bebida alcohólica obtida de grans de cereal fermentados e aromatizados con lúpulo. A elaboración da cervexa iniciouse de xeito simultáneo á elaboración do pan. O uso de trigo para a elaboración desta bebida é común en moitos países.

A cervexa a base de trigo e orxo tipo Weissbier ten principalmente dúas variedades: a Witbier en Bélxica e a Weizenbier en Alemaña, que ten variantes en diversas rexións do país.

A cervexa de trigo tipo Lambic elabórase en Bélxica empregando lévedos bravos obtidos por fermentación espontánea.

Outros produtos a base de fariña triga

Ademais do pantrigo e da empanada, existen infinidade de produtos típicos de Galiza feitos con fariña triga, especialmente de repostaría: filloas, melindres, roscas, orellas, torta de Santiago etc.

Etnoloxía

Galiza

Artigo principal: O pan na cultura popular galega.

En Galiza, a importancia do pan é capital desde hai séculos, sendo a base de alimentación para a poboación. O xeito tradicional de elaboración do pan é con fermento.

O pan feito de trigo, chamado tamén pan branco, era moito máis valorado, reservado para as ocasións especiais, e por iso chamábano pan de festa, pan dos días de festa ou pan feiral. Máis usual era a denominación apocopada pantrigo. Frei Martín Sarmiento falaba no século XVIII do pantrigo da vila, referíndose a Pontevedra onde, dicía, cocíanse moitos pans miúdos de trigo para o gasto da vila e para o consumo das aldeas achegadas. Dicía que o pantrigo era un agasallo común.[19]

De sempre, o pan recibiu un trato de respecto debido, seguramente, das implicacións relixiosas derivadas do seu uso por Xesús Cristo en momentos relevantes do nacemento do catolicismo. O feito de considerar o pan coma o corpo de Cristo esixía darlle un trato especial. Por todo o anterior, nunca se debe tirar o pan ao chan e, se cae, debe recollerse inmediatamente e bicalo. Se alguén atopa un anaco de pan caído nun camiño, debe recollelo e colocalo onde ninguén o poida pisar.

Literatura

Dende a antigüidade, o trigo é un dos cultivos que máis aparece na literatura, en especial, no mundo occidental.

Rosalía de Castro citou o trigo en varias ocasións na súa obra, e amosaba a importancia que tiña este cereal así coma o pantrigo, reservados en Galiza, para ocasións especiais:

  • Unha muller sin home...¡santo bendito!, é corpiño sin alma, festa sin trigo

Notas

  1. Watson L, Dallwitz MJ. (2008). "The grass genera of the world: descriptions, illustrations, identification, and information retrieval; including synonyms, morphology, anatomy, physiology, phytochemistry, cytology, classification, pathogens, world and local distribution, and references". The Grass Genera of the World (en inglés). Consultado o 16 de marzo de 2010.
  2. Cendrero, Orestes (1938) Nociones de historia natural. Sétima Edición, París. pp. 243.
  3. Segundo o Anuario de Estatística Agraria e Contas Económicas da Agricultura, a superficie dedicada en Galiza ó cultivo do millo en gran, en 2011, era de 18.085 hectáreas, cunha produción de 127.425 toneladas; o trigo ocupaba 15.478 ha e alcanzaba unha produción de 45.542 tn. O centeo só ocupaba 4.909 ha cunha produción de 8.544 toneladas.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Kent, Norman Leslie (1983) Technology of Cereals: An introduction for students of food science and agriculture. Pergamon Press Ltd, Oxford.
  5. http://www.realacademiagalega.org/dicionario#loadNoun.do?current_page=1&id=46417
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Ruiz Camacho, Rubén (1981): Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá. pp. 19-20.
  7. Léase botánica del trigo en Infoagro (en castelán).
  8. 8,0 8,1 Ruiz Camacho, Rubén (1981): Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá. pp. 9-12.
  9. 9,0 9,1 Kent, Norman Leslie (1983): Technology of cereals: An introduction for students of food science and agriculture. Pergamon Press Ltd, Oxford. pp. 13.
  10. http://www.fertilizer.org/ifa/HomePage/LIBRARY/Our-selection2/World-Fertilizer-Use-Manual/by-type-of-crops
  11. http://faostat3.fao.org/home/index_es.html?locale=es#VISUALIZE_TOP_20
  12. http://www.fertilizer.org/
  13. Forero, Daniel Gonzalo (2000): Almacenamiento de granos. UNAD, Facultad de Ciencias Agrarias, Bogotá. pp. 25.
  14. Ruiz Camacho, Rubén (1981): Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá. pp. 32.
  15. 15,0 15,1 15,2 Todas as estatísticas de produción mundial baséanse nos datos oficiais da FAO (Food and agriculture organization of the United Nations), 2006.
  16. Oriol Ronquillo, José (1857). Diccionario de materia mercantil, industrial y agrícola, que contiene la indicación, la descripción y los usos de todas las mercancías IV. pp. 48–49. Consultado o 31 de outubro de 2010.
  17. Cada galego consume ao ano 56 quilos de pan La Voz de Galicia 15/05/09.
  18. Potter, Norman (1995): Ciencia de los Alimentos, Editorial Acribia, Zaragoza. pp. 436.
  19. http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=pantrigo&tipo_busca=lema

Véxase tamén

Bibliografía

  • Aykrod, W.R. & Doughty, Joyce (1970) El trigo en la alimentación humana. FAO, Roma, ISBN 92-5-300437
  • Belderok, Bob & Hans Mesdag & Dingena A. Donner. (2000) Bread-Making Quality of Wheat. Springer. ISBN 0-7923-6383-3
  • Cendrero, Orestes (1938) Nociones de historia natural. Sétima Edición, París.
  • Dendy, David & Dobraszczyk, Bogdan (2001) Cereals and Cereal Products: Chemistry and Technology. Kluver Academic Plenum Publishers, New York. ISBN 84-200-1022-7
  • Forero, Daniel Gonzalo (2000) Almacenamiento de Granos. UNAD, Facultad de Ciencias Agrarias, Bogotá.
  • Hoseney, Carl (1991) Principles of Cereal Science and Technology. American Association of Cereal Chemists, St Paul, Minnessota. ISBN 84-200-0700-X
  • Kent, Norman Leslie (1983) Technology of Cereals: An introduction for students of food science and agriculture. Pergamon Press Ltd, Oxford. ISBN 84-200-0608-4
  • Kent, Norman Leslie (1975) Technology of Cereals with special reference to wheat. Pergamon Press Ltd, Oxford. ISBN 0-08-018177-5
  • Potter, Norman (1995) Ciencia de los Alimentos. Editorial Acribia, Zaragoza. ISBN 84-200-0891-5
  • Ruiz Camacho, Rubén (1981) Cultivo del Trigo y la Cebada. Temas de Orientación Agropecuaria, Bogotá. ISBN 0049-3333
  • Saltini Antonio, I semi della civiltà. Frumento, riso e mais nella storia delle società umane,, Prefazione di Luigi Bernabò Brea, Bologna 1995
  • Salvat Editores (1985) Diccionario enciclopédico Salvat básico. Salvat, Barcelona ISBN 958-620-003-5

Outros artigos

Ligazóns externas

Alcubilla de Avellaneda

Alcubilla de Avellaneda é un concello español da provincia de Soria (Castela e León). A súa poboación é de 161 habitantes (INE 2012).

Ten 176 habitantes e a súa economía baséase no cultivo de trigo, cebada, centeo, avea e xirasol; o gando lanar e porcino (once naves) e as colmeas e viñas.

Flora: Enciñeira, xenebreiro, carballo e té.

Fauna: Corzo, xabaril, lobo, charrela.Festas principales: 3 de febreiro "As Candelas" e 22 de xullo Santa María Madalena, patroa da vila.

Outras festas e tradicións: 14 de setembro, Exaltación da Santa Cruz.

O 17 de agosto Festa de Verán. O 11 de xuño, San Bernabé. O 13 de setembro, Festa do Prado. O 10 de xullo, San Cristóbal e o 17 de xaneiro, san Antonio. O 25 de abril, San Marcos.

Arancón

Arancón é un concello español da provincia de Soria (Castela e León). A súa poboación é de 95 habitantes (INE 2012) e ocupa unha superficie de 77,76 km². Está situado a 19 km de Soria. Arancón é a cabeza de municipio e o seu termo está formado por Cortos, Calderuela, Nieva de Calderuela, Omeñaca e Tozalmoro. Polo termo desta vila discorren os ríos Chavalindo e Cañuejo. A súa economía baséase no cultivo de trigo, cebada e xirasol.

Arroz

O arroz ([aˈrɔθ]; en gran parte do territorio pronunciado con seseo como [aˈrɔs] (arrós)) é o gran da planta do arroz (Oryza sativa), unha planta da familia das gramíneas que alimenta máis da metade da poboación humana do mundo.

O arroz necesita de auga en abundancia e man de obra intensiva. Dáse ben mesmo en terreos moi inclinados e é costume, nos países do sueste asiático encontrárense socalcos onde se cultiva.

É o terceiro maior cultivo cerealista do mundo, só superado polo millo e o trigo.

Centeo

O centeo (Secale cereale (L.) M.Bieb.) é unha gramínea que se cultiva polo seu gran e como planta forraxeira. É un membro da familia do trigo e relaciónase estreitamente co orxo.

O gran do centeo utilízase para facer fariña (fariña centea) e na industria da alimentación. É altamente tolerante á acidez do solo. O primeiro uso posible do centeo doméstico remóntase a Abu Hureyra ao norte de Siria, no val do Éufrates no Paleolítico tardío. É un cultivo común en Galiza, sendo a fariña centea unha das máis empregadas noutrora para facer pan.

Cereal

Este artigo trata sobre as plantas gramíneas, para o alimento industrial que se toma de mañá, véxase o artigo Cereal para o almorzo.

Os cereais(da deusa romana da agricultura; Ceres) son plantas que se aproveitan principalmente polos seus grans, que botánicamente denomínase cariópside, o cal ten o endosperma con amidón que se pode transformar en fariña e que se presta a varias preparacións alimentarias (pan, pasta, bicas, etc.), e que tamén son a materia prima para a fabricación de bebidas alcohólicas (cervexa, whisky, sake). Ademais do seu uso dietético e en alimentación animal, sácase aceite deles, especialmente do millo.

En sentido estrito só son cereais algunhas gramíneas pero tamén se adoita a considerar como cereais os grans dalgunhas outras familias cultivadas para consumo humano ou animal. Seguindo esta interpretación estrita hai que considerar só seis cereais: o trigo, o millo, o arroz, a cebada, a avea e o centeo; nun sentido máis amplo, téndese a considerar como cereais o millo miúdo, o sorgo e mesmo o alforfón.Actualmente os cereais abastecen a maior parte (45%) das calorías alimentarias da humanidade.En termos botánicos os cereais pertencen ás familia poáceas (ou gramíneas). Algúns grans doutras familias botánicas asimílanse ás veces cos cereais: o gran de alforfón (polygonaceae), a quinoa (quenopodiaceae) e o sésamo (pedaliaceae).

Comarca da Limia

A comarca da Limia é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Xinzo de Limia. A cal pertencen os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

A Limia é unha das comarcas naturais máis nítidas de Galicia. Está situada no centro da provincia de Ourense ocupando en gran parte unha ampla depresión tectónica de fondo plano, na cal estivo a lagoa de Antela, desecada a partir do ano 1958. Ten unha altitude media duns 600 metros, cunha topografía de chaira rodeada polo sur pola serra do Larouco.

Os concellos que se inscriben nesta depresión son: Xinzo de Limia, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Trasmiras e un pequeno sector de Os Blancos, xa fóra da depresión, o mesmo cós concellos de Calvos de Randín e Baltar, xa na serra do Larouco. No nordeste, o concello de Vilar de Barrio, xa comeza a situarse na depresión de Maceda, así como nas serras centrais ourensás.

A comarca ocupa unha extensión de 801,9 km² e tiña unha poboación de 21.964 habitantes no 2014 (IGE), cunha densidade de poboación de 27.39 habitantes por quilómetro cadrado. Arredor do 40% desta poboación concéntrase no concello de Xinzo de Limia. Esta comarca está a experimentar un forte proceso de despoboamento, sobre todo nos concellos situados nas zonas montañosas como o de Baltar e o de Calvos de Randín.

O cultivo de cereais e a pataca, produto con denominación de orixe, predominan na maior parte das terras de labradío. A maior superficie dedicada ó cultivo da pataca por produtores a título principal dáse, con moita diferenza, nos concellos de Xinzo de Limia e no de Sandiás.

A Limia é a comarca agrícola extensiva máis importante de Galicia, con 350 familias vivindo exclusivamente da agricultura e outras 500 dedicadas a ela como unha segunda actividade. No relativo ós cultivos, colléitanse unhas 16.000 Has de cereais, cun 55% de trigo; seméntanse unhas 4000 Has de pataca, a maior parte para consumo en fresco, sostendo a única indicación de pataca protexida de Europa. Estes cultivos manteñen un sector de servizos directos (fertilizantes, sementes, fitosanitarios, cereais, talleres) moi desenvolto.

Nos diferentes concellos atopámonos cun maior ou menor aproveitamento gandeiro, avícola e cunícola, destacando os complexos da cooperativa Coren nos concellos de Sarreaus e Porqueira. Esta comarca conta con 350 explotacións de bovino, 319 de ovino-caprino, 91 de aves, 71 de porcino e 9 de coellos. Esta capacidade produtiva dá lugar a un sector de transformación e comercialización agrogandeira que xera máis de 150 empregos directos.

A actividade industrial máis destacada está relacionada co sector da construción, (serradoiros de madeira, canteiras, areeiras etc.).

A vila de Xinzo de Limia actúa como centro comercial de toda a comarca, concentrando asemade a maioría das actividades industriais e de servizos.

Fariña

A fariña é un po resultante de moer o gran, xeralmente dos cereais (especialmente trigo, millo etc). É o principal ingrediente do pan, o alimento básico en moitas partes do mundo. Tamén se obtén fariña dalgúns legumes e de froitos secos, como a soia e a améndoa.

A fariña é rica en amidón, que é un hidrato de carbono complexo. Cando a fariña se mestura con auga, o glute, unha proteína, actúa dándolle unha estrutura elástica á masa que permite "traballala" e que reteña burbullas de gas, o que resulta nunha textura final esponxosa. Este é un efecto buscado no pan, pasteis etc.

Algúns individuos padecen dunha intolerancia ao glute denominada celiaquía ou enfermidade celíaca, o que lles impide comer pan, pastas, pasteis ou calquera produto derivado do trigo, avea ou cebada, cereais que conteñen glute, pero hoxe pódense atopar no mercado produtos derivados de fariña sen glute.

Glicosa

A glicosa, glucosa ou dextrosa é unha forma de azucre que se atopa nas froitas e no mel. É un monosacárido coa mesma fórmula empírica que a frutosa pero con diferente estrutura. É unha hexosa (6 átomos de carbono) do tipo aldosa (presenta e grupo carbonílico de tipo aldehido), mentres que a frutosa é do tipo cetosa (presenta o grupo carbonílico de tipo cetona).

Todas as froitas naturais teñen unha certa cantidade de glicosa (a miúdo con frutosa), que pode ser extraída e concentrada para preparar un azucre alternativo. Pero a nivel industrial tanto a glicosa líquida (xarope de glicosa) como a dextrosa (glicosa en po) obtéñense a partir da hidrólise enzimática do amidón procedente de cereais (xeralmente trigo ou millo).

A molécula (C6H12O6) é unha aldohexosa (aldehido pentahidroxilado) de tipo monosacárido. A glicosa é o segundo composto orgánico máis abundante na natureza, despois da celulosa. É a principal fonte de enerxía das células, mediante a degradación catabólica, e constitúe o compoñente principal de polímeros estruturais, como a celulosa, e de reserva enerxética, como o amidón.

Na súa forma (D-Glicosa) sofre unha ciclación cara a súa forma hemiacetálica para lograr as súas formas furano e pirano (D-glucofuranosa e D-glucopiranosa) que á súa vez presentan anómeros Alpha e Beta. Estes anómeros non presentan diferenzas de composición estrutural, pero si difiren polas súas características físicas e químicas. A D-(+)-glicosa é un dos compostos máis importantes para os seres vivos, incluíndo os humanos.

Na súa forma ß-D-glucopiranosa, unha molécula de glicosa únese a outra grazas ós -OH dos seus carbonos 1-4 para formar Celobiosa[1-4] a través dun enlace ß, e ó unirse varias destas moléculas, forma a celulosa.

Kansas

Kansas é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na rexión Medio Oeste (Midwest) do país. O centro xeográfico dos 48 Estados Unidos continentais -é dicir, sen Alasca e Hawai- está localizado na rexión norte de Kansas, no condado de Smith. O centro xeodésico de América do Norte localízase tamén en Kansas, no condado de Osborne. Este centro utilízase como punto de referencia para todos os mapas feitos polo goberno dos Estados Unidos.

Limita ao norte co estado de Nebraska, ao oeste con Colorado, ao sur con Oklahoma e ao leste con Missouri.

Kansas é un dos líderes nacionais da industria agropecuaria. O estado é o maior produtor de trigo do país, o que fai que sexa coñecido como Wheat State (Estado do Trigo) e Breadbasket of America (Panera de América, ou Celeiro de América). Kansas posúe tamén un dos maiores rabaños de gando bovino do país. A agricultura e a gandería foron durante gran parte da historia de Kansas a súa principal fonte de renda. Dodge City é considerada por moitos como a "Capital Mundial dos Cowboys". Kansas tamén posúe unha forte industria mineira, e é un líder nacional na produción de petróleo e gas natural. Actualmente, as principais fontes de renda do estado son o comercio e a industria.

Durante a década de 1850, coa Lei de Kansas-Nebraska, gran número de abolicionistas e defensores do traballo escravo instaláronse en Kansas. Moitos enfrontamentos entre milicias abolicionistas e escravistas sucedéronse en Kansas, así como no estado veciño de Missouri (onde o traballo escravo estaba permitido). Estes conflitos eran tan violentos que Kansas recibiu o alcumo de Bleeding Kansas (Kansas Sangrante) na década de 1850. Outro apelativo de Kansas, que posúe as súas orixes neste conflito, é Jayhawker State. Jayhawker é como se coñece un acto común dos abolicionistas, de invadir granxas escravistas en Missouri, saquear facendas e liberar escravos. O 29 de xaneiro de 1861, Kansas converteuse no 34º estado estadounidense.

O alcume máis coñecido de Kansas é The Sunflower State (O Estado Xirasol). Os xirasois cobren boa parte das extensas chairas do estado. O nome Kansas posúe a súa orixe na tribo amerindia kansa, que vivían na rexión ata o século XVIII. Kansa significa "pobo dos ventos do sur".

Luís Trigo Chao

Luís Trigo Chao, coñecido como O Gardarríos e O Chao, nado en San Pantaleón de Cabanas (Ourol) o 24 de decembro de 1889 e finado en Lourenzá o 25 de xuño de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Missouri

Missouri é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Missouri é o estado americano que limita con máis estados no país. Son en total oito estados cos cales Missouri fai límite: con Iowa ao norte, Illinois, Kentucky e Tennessee ó leste (separados polo río Mississippi), ao sur con Arcansas e ó oeste con Oklahoma, Kansas e Nebrasca.

O produto interno bruto de Missouri, en 2003, foi de 29 464 dólares, o vixésimo sétimo maior do país. As principais industrias do estado son a industria aeroespacial, equipamentos de transporte, procesamento de alimentos, produtos químicos, material impreso e publicitario e equipamentos electrónicos. Os principais produtos agropecuarios de Missouri son bovinos, porcinos, soia, palla, trigo e ovos. O estado posúe a sétima maior produción de carne bovina do país, e preto de 108 mil facendas, o segundo maior número, atrás só de Texas. O turismo é tamén unha importante fonte de renda do estado.

Missouri facía parte orixinalmente da Compra de Luisiana, tendo sido admitido como un estado americano en 1821 por causa do Compromiso de Missouri. O Estado recibiu o seu alcume de Portal para o Oeste porque o estado serviu como un punto de partida para persoas partindo rumbo ao Oeste americano. Durante a Guerra Civil Americana, Missouri, un estado escravista, dividiuse, con partes adherindo á Unión e partes secedendo da Unión e xuntándose cos Estados Confederados de América. Derrotado, foi readmitido na Unión en 1867.

Muíño

Un muíño (do latín serodio molinum, por redución da expresión saxum molinum 'moa') é un artificio para moer algo; o máis habitual son os cereais, especialmente o trigo e o millo, para obter fariña.

Xeralmente constaban dunha pedra circular fixa sobre a que se move outra de forma troncocónica que ao xirar segue a forma da anterior. Tamén pode ter forma de disco e entón chámase moa.

Para mover a pedra utilizábase a enerxía eólica (muíño de vento), a hidráulica (muíño de auga), animais (muíño de sangue) e, en muíños pequenos, a manual (un exemplo doméstico deles son os muíños do café, aínda que actualmente son eléctricos a maioría).

Nebrasca

Nebrasca ou Nebraska é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América. Está situado na rexión das Grandes Chairas, no centro do país. Limita ao norte con Dacota do Sur, a leste con Iowa e Missouri, con Kansas ao sur, con Colorado a suroeste e o Wyoming a oeste. Os alemáns son o maior grupo étnico do Estado, compondo o 38,6% da poboación.

O produto interno bruto é de 68 000 millóns de dólares, e a renda per capita é de 31 339 dólares. A economía do Estado baséase na agricultura, maioritariamente millo, trigo e sorgo, e tamén na pecuaria, tendo grandes rabaños bovinos e unha relativamente forte industria alimenticia. A rexión foi explorada inicialmente por franceses e españois no século XVII que se dedicaban ao comercio de peles. Tornouse territorio en 1854 e, en 1867, tornouse Estado da Unión.

Oídio

Oídio, é o nome dun fungo do filo dos ascomicetos, do que existen varias especies que poden ser parasitos da vide e outras plantas, sobre as que provocan unha enfermidade que as cobre dunha camada pulverulenta e cinsenta abrancazada de micelio en forma de estrela principalmente na parte axial. Os talos tamén poden verse afectados. Nun ataque forte as follas tórnanse amarelas e despois muchan.

Refraneiro galego sobre o pan

Véxase tamén O muíño na cultura popular galega

A seguir recóllense os refráns que fan alusión ó pan, sexa pantrigo ou pan de centeo, pero tamén ó trigo, a fariña, o forno, ós panadeiros, etc. Debe terse en conta que en ocasións se utiliza o nome de pan para designar outros gran, como o centeo, e mesmo o cereal aínda no campo.

A anguía en empanada e a lamprea escabechada .

A auga de san Xoán, leva o viño e tolle o pan .

A auga de san Xoán quita o viño e tolle o pan .

A auga de san Xoán tolle o viño e non dá pan .

A auga en San Xuán tolle o viño e non dá pan .

A auga no forno, tras da fariña vai .

A auga polo san Xoán tolle o viño e non dá pan.

A can que os dentes regaña dalle pan ou talladas .

A cebada, na lameira; o trigo, na poeira .

A choiva no abril dá millo e dá pan.

A chuvia por san Xoán, tolle o viño e non dá pan.

A costureira, moi sentadiña; e o pan, na criba .

A falta de pan, bo é pantrigo .

A mera no San Xoán leva o viño e mais o pan .

A mozo respostón, pan e moito legón .

Á mesa sin pan non te poñas a xantar .

Á muller e ó can o pau nunha man, e noutra mau o pan .

A pan de quince días, fame de tres semanas .

A pan duro, dente agudo .

Á porta do orador non botes o trigo ó sol.

A pouco pan, tomar primeiro.

Á que amasa fariña, nunca pan lle falta .

Á que ten pan e capelo nunca lle falta mancebo .

A quen coce i amasa non lle fúrtela masa .

A quen come ben o pan, é pecado darlle compango .

A quen come ben o pan, é pecado o compango que lle dan.

A quen come pan, migallas lle quedarán .

A quen lle sobre pan, que manteña ben o can .

A quen non lle sobre o pan, que non críe can .

A quen queiras mal, cómelle o pan, e a quen ben, tamén .

A sardiña en san Xoán xa molla o pan.

A sardiña polo abril, cóllea polo rabo e déixaa ir; por maio ásaa no borrallo, e por San Xoán xa molla o pan .

A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan.

A todo o que come pan, migallas lle cairán.

Abril frío e fornos quentes, alegría pros meus dentes ..

Abril frío, moito pan e pouco viño .

Abril frío, pan e viño .

Abril frío quer compango, viño e pantrigo .

Abril frío trai poias de trigo .

Abril, pendoril; maio, engraio; e san Xoán, segaio .

Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.

Aceite, carne, pantrigo e sal, mercadoría real.

Aceitonas acedas, pan con elas.

Achegador da cinza, derramador da fariña.

Achegador de cinza, e esparexedor de fariña .

Adiós, amo e ama, que tan bo pan como aquí fano na miña casa.

Adoece, can, porque non che dan pan .

Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado .

Agradecédemo, veciñas, que boto farelo ás miñas galiñas .

Alá vai serodio con temporao, mais non na palla nin no grao .

Alá vaias, pan emprestado, onde volvas millorado .

Alegraivos, veciñas, que lle dou farelo ás miñas galiñas .

Amasade, panadeiras, que miña nai quer un pan .

Amasando faise o pan .

Amigo por amigo, o bo pan e o bo viño.

Ano de laceira, en cada esquina unha panadeira .

Ano de nevadas, ano de fornadas .

Ano hortelán, máis palla que gran.

Ano hortelán, moita palla e pouco gran.

Ano malo, panadeiras no mercado .

Anque comas azafrán, a boca que che sepa a pan.

Antes de pan viño, antes de viño touciño, e antes touciño que liño.

Antes de san Martiño, pan e viño. Despois de san Martiño, fame e frío .

Antes o pan que o viño e antes o touciño que o viño .

Antes pan que viño, antes viño que touciño, e antes touciño que liño .

Ao que ten fillos non lle apodrece o pan .

Ara ben e fondo, e collerás pan dabondo .

As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.

Astra san Martiño, pan e viño; de san Martiño adiante, frío e fame .

Astra san Xoan, toda a herba é pan .

Ata curto, esterca a modo, ara xusto e fondo, e collerás pan dabondo .

Ata san Martiño, pan e viño; de san Martiño adiante, fame e frío.

Ata san Martiño, pan e viño; de san Martiño pra diante, fame e frío bastante.

Ata San Martiño, pan e viño; de San Martiño pra diante, pan e frío bastante .

Auga, da serra; pan do que se malla na eira .

Auga de febreiro, enche o graneiro.

Auga de maio, pan pra todo o ano.

Auga de san Xoán, tolle o viño e non dá pan .

Auga e pan, sopas na barriga fan .

Auga en maio, pan para o ano .

Auga en maio, pan todo o ano .

Auga fría e pan quente nunca fan bo ventre.

Auga fría e pan quente, nunca fixeron ventre .

Auga no San Xoán tolle o viño e non dá pan .

Auga panada, feita e tomada .

Auga por agosto, nin pan nin mosto .

Azadós moi relocentes, escaleiras dos xuzgados, auntamentos con musgo, o panadeiro a cabalo, o médico de pé: o universo ben gobernado.

Ben está o can cando non quer pan .

Benia ó pan que presta i a moza que o come .

Bo é o pan con algo máis .

Bo é pan con algo de compango máis .

Busca pan pra maio e leña pra abril, e bótate a dormir .

Cada meniño ó nacer trai un pan baixo do brazo .

Cada un busca o pan do seu mastigo .

Caia auga e veña maio, que xa temos pan pro ano .

Caian pans e veñan días .

Caldo sen pan no inferno o dan .

Caldo sin grasa, pan sin tasa .

Caldo sin pan dáselle ó can Eladio Rodríguez González, s. v. caldo..

Cando a carballeira zoa, sabe ben a broa.

Cando canta o cuco logo vèn o grau ó suco .

Cando comas pan quente, non bebas auga fría .

Cando Dios dá a fariña vén o demo e quítaa .

Cando fores a chan alleeiro leva o pan no capelo .

Cando hai trigo na eira, hai pan na maseira .

Cando non hai fariña, sobra a peneira.

Cando o home ten leiras que traballar, e a muller fariña que amasar, na casa non falta pan .

Cando o trigo é louro, é o barbo coma un touro.

Cando o trigo é louro, o muge é d'ouro .

Cando o trigo está louro, o barbo é coma un touro .

Cando o trigo está louro, o múxele vale ouro .

Cando o trigo está na eira, anda o pan por enriba da artesa .

Cando o trigo está no celeiro, é do que ten diñeiro .

Cando o trigo está nos campos, é de Dios e dos santos .

Cando o trigo está nos campos, é de Dios e mais dos Santos.

Cando o trigo vai louro, o muxe vale ouro .

Cando tiven dentes non tiven pan; e agora que teño pan non teño dentes .

Canta máis aughiña, máis fariñiña .

Casou Pedro e non foi mal; casou en terras de pan .

Catro cartos para pan, tres e medio para viño, un carto para tabaco, alá vai un realiño.

Cava fondo i terás gran.

Cava, labor e barbeito, en maio han de estar feitos .

Cebada, a que eu quixere; e trigo, o que Dios me dere .

Cebada, pra marzo; leña pra abril e trigo, pra maio .

Chámame can e dame pan .

Chocolate con petada na casa dos probes é comida rara, porque é cara .

Chova ou non chova, pan ha de haber de sobra .

Chuvia en san Xoán, tolle o viño e non dá pan.

Chuvia en San Xoán, tolle viño e non dá pan .

Chuvia na semana da Ascensión, cría nos trigos mourón .

Chuvia na semana da Ascensión cría nos trigos mourón, pro é un regalo San Pedro co seu xerro, San Cristobo co seu cobo, Santa María coa súa regazadiña, Santiago co seu canado, San Lorenzo co seu caldeiro penso, Nosa Señora coa súa ola e San Miguel co seu tonel .

Chuvia por San Xoán, tolle o viño e leva o pan .

Coa chegada do cuco vén o pan ó suco .

Comas ben ou comas mal, a boca deixarala de pan .

Come máis pan un día de sol de febreiro, que os cabalos de todo o reino .

Come pan, bebe viño e tira pra diante polo camiño.

Cómeo Deus na eira e cólleo Marta na maseira.

Comer sempre con pan chega a cansar, se non hai algo pra compangar.

Comín fariña por engordar, e saíume por cea e por xantar .

Con aceitonas e pan quente, mórrese a xente.

Con afán gánase o pan.

Con ben pan e moita leña, o inverno a ninguién empeña .

Con pan caseiro non vende o panadeiro .

Con pan e viño anda calquera o camiño.

Con pan e viño ándase o camiño .

Con pan e viño ben se pasa o camiño .

Con pan e viño faise o camiño.

Con pan e viño lévase o camiño.

Con pan e viño pásase o camiño .

Con pan e viño xa se anda o camiño .

Con pan ou sin pan, o que non morra vivirá por san Xoán .

Coza quen quixer, e amase quen souper .

Da bola e a rebola, que veña o demo e escolla.

Dá Dios pan a quen non ten moas .

Dalle ó rabo o can, non por ti senón polo pan .

Dame pan e chámame can .

Dame pan e di que son parvo .

Dáo Dios na eira, e tólleo Marta na maseira.

Dar do pan, e do pau .

De mal trigo nunca boa fariña .

Derramando a fariña non se goberna a casa miña .

Des que chega o cuco, logo vén o pan ó suco.

Desta maneira o que non ten fariña, escusa peneira .

Día de san Adrián sécalle a primeira raíz ó pan

Diga a miña veciña e teña o meu fol fariña .

Diñeiro que gardado está non gana pan .

Dios che dea poder na vila e na túa casa fariña.

Dios me dea paz na vila e na casa pan e fariña.

Dios nos dea moito pan e mala colleita.

Dios nos dea moito pan na mala anada .

Dios nos dea pan e pacencia e morte con penitencia.

Dixo o viño moi campante: "No corpo do home son valente e voante". E dixo o pan: "Se eu vou diante" .

Dixo o viño: "No corpo do home sou valente e boiante". E dixo o pan: "Se eu vou diante".

Do pan de meu compadre boa rebanda, miña comadre .

Do pan do meu compadre, grandes anacos ó meu afillado .

Do pan encetado calquera pilla un bocado .

Do pan encetado podese tallar boa arrebada sin conocerse nada .

Domingo de Entroido Larafuzán comícheme a carne, deixácheme o pan .

É millor pan duro que figo maduro .

En abril e maio fai fariña pra todo o ano .

En abril e maio fai fariña pro ano .

En abril, espigas mil.

En abril, espigas mil, no maio todo espigado.

En agosto máis vale que sobre pan que non que falte viño.

En chegando san Brais pon pan e viño na alforxa que día non faltará .

En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes.

En marzo, abrigo e pantrigo .

En marzo, abrigo, mozas e pan de millo.

En marzo abrigo, noces e pan de millo.

En marzo, abrigo, noces e pan trigo .

En marzo, abrigo, noces, pan e trigo.

En marzo, espigarzo.

En marzo, ó abrigo con noces e pan trigo.

En marzo, o trigo nin por sementar nin nado .

En pan encetado corta quen quer .

En saco de liño non lévela fariña ó muíño .

En san Adrián sécalle a primeira raíz ó pan.

En san Martiño, pan e viño.

En san Xoan a fouce na man .

En san Xoán, a sardiña molla o pan.

En san Xoán a sardiña pinga o pan .

En san Xoán, bótalle a fouciña ó pan; en Santa Mariña, da meda fai fariña.

En San Xoán pinga a sardiña no pan .

En san Xoán seca a raíz o pan.

En san Xoán, tanto queixo como pan .

En san Xoán, tanto viño coma pan.

En san Xoán, xa a sardiña molla o pan .

En toda terra espiga o pan .

En todo tratar, e pan labrar.

En todas partes cocen pan .

Ende chegando o San Bras pon pan e viño na alforxa, que día non faltará .

Entre abril e maio, fai fariña para o ano .

Entre san Xoán e san Pedro, vén o pan ó vencello.

Esparexedor de fariña, recolledor de cinza .

Fai boa fariña e non toques a buguina .

Fale a miña veciña e teña o meu fol fariña.

Fariña abalada, que non cha vexa sogra nin cuñada .

Fariña do demo, toda se volve farelo .

Fariña do diablo toda se volve salvado .

Fol mollado, masa leva.

Fol sobado, mala fariña leva.

Garda do pan para maio e da leña para abril .

Garda leña pra abril e pan pra maio .

Garda pan para maio e leña para abril.

Garda pan para maio e leña para abril, que che ha de cumprir.

Garda pan para maio e leña para todo o ano.

Gracias a Dios que cocemos sete petadas e nove debemos .

Gran debaixo do terrón, gran morto, e debaixo da pedra, torto.

Home morto nunca come pan .

Hoxe viño e pan, o resto mañán.

Inda agora se come o pan da voda .

Invernía de San Xoán, tolle o viño e non dá pan .

Labrador chalán, non colle viño nin pan.

Ladra, can, que pra eso gánalo pan .

Limpa e arranxa a eira cando está agosto á beira.

Madeira de serra e pan de cazola, nunca sobran.

Maio airoso fai o pan garboso .

Maio come o trigo, e agosto bebe o viño .

Maio fai o trigo, e agosto o viño .

Maio frío, moito trigo .

Maio frío, moito trigo; maio pardo, ano farto.

Maio un pouco frío cría trigo; pero se é moi frío, nin palla nin trigo .

Máis val pan con amor, que galiña con door .

Máis val pan con mel que pan sin el .

Máis vale que sobre pan que non que falte viño.

Máis vale un día alegre con medio pan, que un triste cun faisán.

Marzo, espigarzo .

Marzo espigarzo, abril penderil, en maio gramado, en San Xoán segado .

Marzo espigarzo, abril pendoril, maio granado, San Xoán segado, Santa Mariña a airiña .

Marzo, espigarzo; abril, penduril; maio, granado; san Xoán, curado. Na santa Mariña, metelo na arquiña .

Marzo, espigas catro; abril, espigas mil.

Mesa de catalán, moita vianda e pouco pan.

Meu pai chámase fogaza, i eu morrome de fame .

Millor é un pouco pan duro que un figo enteiro maduro .

Moitos fillos e pouco pan, contento con afán .

Moitos oficios tiña Galván e de ningún ganou pan.

Mordedura de alacrán, busca viño e busca pan, que mañá te enterrarán.

Muller e forno, con unha hai dabondo .

Na cama do can non busques o pan, nin no fuciño da cadela busques a manteiga .

Na cama do can non cáte-lo pan, nin no fuciño da cadela búsque-la manteiga .

Na mesa chea, ben cabe a fogaza allea.

Na noite de san Xoán andan os probes pedi-lo pan, e na noite do ceboliño andan os vellos a pedi-lo viño.

Na noite de san Xoán andan os tolos pedi-lo pan, e na noite do ceboliño andan os vellos a pedi-lo viño.

Navidá en venres, sementa onde poideres; Navidá en domingo, vende os bois e bótao en trigo.

Nin mesa sen pan, nin soldados sin capitán.

Nin o teu pan en bolas, nin o teu viño en sopas .

Nin o teu pan en roscas nin o teu viño en botas .

Nin o teu pan en sopas, nin o teu viño en probas .

Nin viña no baixo nin trigo no cascallo .

No agosto a fariña e no setembro a fouciña.

No ano caro, a peneira espesa i o cribo raro.

No bo ano a palla é grau. No mal ano o grau é palla .

No inverno, forneira; no vran, taberneira .

No marzo, abrigo; na eira, pantrigo .

No marzo abrigo, noces e pantrigo.

No san Xoán deixa o touciño e come pan.

Non botes leña no forno cando xa quente estivere .

Non busques o pan na cama do can .

Non che dea Dios máis mal que moitos fillos e pouco pan .

Non dá bo pan a mala fariña .

Non é o mesmo predicar que dar trigo .

Non hai mellor ciruxán que a boa carne, o bo viño e o bo pan.

Non hai pan sin afán .

Non hai pior afán, que moitos fillos e pouco pan .

Non hai pra pan e mercamos rosquillas .

Non hai tal viño como o pantrigo e o leite macizo

Non lle negues o pan ó probe que de porta en porta vai, que ese amóstrache o camiño que mañán podes levar .

Non negues o neno ó bolo, nin ó santo o voto .

Non pon a galiña senón a fariña .

Non sexas forneira, se tes a cabeza de manteiga .

Non temos pra pan e mantemos un can .

Non ten razón o que xunta a fariña co relón .

Non xantei, nin merendei, nin hoxe probei bocado, sinón un bolo de trigo, que tiña medio ferrado .

Nunca está sin pan a casa en que se traballa .

O ano que non hai pan, ou muiñeiro ou hortelán .

O barbo é coma un touro cando o trigo está louro .

O barbo val ouro cando o trigo é louro .

Ó corricán, non perdas o pan .

O burro do xitano, en vendo o pan alonga o paso .

O caldo sin pan no inferno o dan.

O can baila polo pan .

O can de boa raza pensa no pan e na caza .

Ó can que lambe a cinza, non lle fíes a fariña .

O día de san Xoán créballe a primeira raíz ó pan, o día de san Pedro, créballe a do medio, e o día de santa Isabel ...¡fouciñas a el! .

O día de san Xoán molla o viño no pan.

O día que a miña muller amasa, hai alegría na casa .

O día que amaso, mal día paso, pero é pior non ter que amasar nin que peneirar .

O día que cozo, é día de alborozo' .

O día que se amasa, mal se pasa .

Ó enfornar fanse os pás tortos .

Ó enfornar tórcense os pás .

Ó estar xuño xa na beira busca a fouce e limpa a eira.

O fillo da miña filla ponmo onda lareira na cociña; i o da miña nora, dalle un codecho de pan pra que vaia pra fóra .

O fillo do mesquiño, pouco pan e moito vicio .

O forno i a vella, pola boca se quentan .

O forno pola boca se quenta .

O home mesquiño non colle forzas nin co pan nin co viño .

O lus mollo, o martes lavo, o miércoles seco, o viernes peneiro, o sábado amaso; e o domingo, que eu fiaría, todos me din que estou noutra semana e que xa non é día .

O moito pan tamén chega a cansar .

O morto á cova, o vivo á bola.

O mozo que lle sabe ben o pan, é pecado o compango que lle dan .

O pan alleo sempre é malo .

O pan alleo ten sete codias .

O pan ben arrendado, énchelle a eira ó seu amo .

O pan centeo é bo cando é alleo .

O pan comido e a compaña desfeita .

O pan, con ollos; o queixo, cego, e o viño, anexo .

O pan, con ollos; o queixo, sin ollos, e o viño, que salte ós ollos .

O pan da casa, farta .

O pan de trigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.

O pan, pan, e o viño, viño .

O pan polo coor, e o viño polo sabor .

O pan que foi ben sachado, enche o horrio do seu amo .

O pan que non se vende dispois dir á feira, é coma a fariña que non se peneira .

Ó pan quente ábrelle a gorxa .

O pan raro carga o carro .

O pan trigo e centeo máis val na barriga que no seo .

O pantrigo fíxoo Dios, a broa mandouna facer .

O pantrigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.

O peixeiro trae peixe, o panadeiro trae pan e as trasnadas san Xoán.

O que a can alleo dá pan, perde o pan e perde o can.

Ó que amasa e coce, ben se lle conoce .

Ó que amasa e coce, todo lle loce .

O que aúna en San Xoán, ou é parvo ou non ten pan .

O que aúna en san Xoán, ou é tolo ou non ten pan.

O que coce i amasa, ben sabe as que pasa .

Ó que come ben o pan, é pecado o compango que lle dan .

O que fala do coitelo é que ten gana do pan .

Ó que non lle sobra o pan, sóbralle o can .

O que non ten pan sementado, agosto fáiselle maio .

O que non ten pan teno que buscar, porque sin comer non se pode pasar .

O que non ten pra pan, que non críe can .

O que queira comer patacas en san Xoán, bóteas cando o pan.

O que queira comer patacas polo San Xoan, bóteas cando o pan .

O que queira comer patacas por san Xoán, bóteas cando o pan.

O que sementa no camiño cansa os bois e perde o trigo.

O que sementa sen semente, sega sen fouciño.

Ó que te quer mal, cómelle o pan; e ó que te quer ben, cómello tamén.

O que ten can é que lle sobra o pan .

Ó que ten fillos pequenos, non se lle apodrenta o pan .

O que ten moito mel, cómeo con pan, cómeo sin el, ou cómeo como quer .

O que xexúa en san Xoán, ou é parvo ou non ten pan.

O trigo centeoso fai un pan moi proveitoso.

O trigo que non se axunta na leira, xúntase na eira .

O viño é pan e medio .

O viño i o pan sempre se dan: us anos ben, outros mal e outros menos mal.

O viño polo coor i o pan polo sabor .

Obreiro en xaneiro, pan che comerá e obra non fará.

Onde hai pan non hai fame .

Onde hai pan sempre hai fartura .

Onde non hai fariña nin relón, todos falan sin razón.

Onde non hai fariña nin relón, todos roñan e todos teñen razón .

Onde non hai fariña, todo é morriña .

Onde non hai pan non o comen os ratos .

Onde non hai pan vaise hastra o can .

Onde pan se come migallas quedan .

Onde se come pan frangullas quedarán.

Ós seis meses sentarei, daranme pan e comerei.

Pan adentado non se pon na mesa .

Pan albeiro, máis val na barriga que no seo .

Pan albeiro ou pan centeo, millor quero do meu que do alleo .

Pan alleo custa caro .

Pan alleo pouco engorda .

Pan balorento, alegra ó famento .

Pan ben sachado énchelle o cabazo ó amo .

Pan centeo, antes comido que no seo .

Pan centeo, millor no meu papo que no alleo .

Pan comido, compaña desfeita .

Pan con fartura, cansa logo se moito dura .

Pan con fartura; e viño, con mesura .

Pan con pan comida de parvos .

Pan da miña falchoca, como el non me falte todo me sobra .

Pan de hoxe, carne de onte e viño de antano, manteñen ó home sano.

Pan de millo nono deas ó teu fillo .

Pan de onte, carne de hoxe, e viño de antano, manteñen ó home sano .

Pan de onte, e carne de hoxe, e viño de antano, salú pra todo o ano .

Pan de onte e viño de antano, salú pra todo o ano.

Pan de panadeira e viño de taberna, nin farta nin goberna .

Pan de trigo ou de centeo, quéroo máis no meu ventre que no alleo .

Pan de voda é carne que consola, a quen a coma .

Pan de voda, pra min sobra .

Pan de voda, quen o queira comer que o coma .

Pan e auga, sopas .

Pan e noces saben a amores .

Pan e viño andan camiño .

Pan e viño andan camiño, millor que mozo garrido .

Pan e viño, un ano teu, e outro do teu veciño .

Pan encetado non te torna .

Pan mal amasado non pide bocado .

Pan mol, moito na man e pouco no fol .

Pan mol vaise ó fol .

Pan, pan, moitos o comen e poucos o dan .

Pan por quilo e viño por medida, o que non rouba algo non leva boa vida.

Pan pra hoxe, fame pra mañán .

Pan pra maio e leña pra abril, e o millor cepón, pra marzo o compón .

Pan que sobre, carne que abonde, viño que non falte e alegría que abaste .

Pan quente e uvas, ás vellas quitan engurras .

Pan quente, fame mete .

Pan quente, moito na man e pouco no ventre .

Pan, viño e carne quitan a fame .

Para o pan engraiar, o boi ha tremar .

Paxaro trigueiro, nono quero no meu celeiro .

Penas e ceas teñen as sepulturas cheas .

Peneirar, peneirar, e nunca fariña sacar .

Pola festa de san Xoán andan os pobres a pedir pan.

Polo pan baila o can ..

Polo pan baila o can pra ver se llo dan .

Polo san Xoán, auga fervida con pan.

Polo san Xoán bébese viño e cómese pan.

Polo san Xoán calquera burro gana o pan.

Polo San Xoán molla a sardiña no pan .

Polo San Xoán tanto viño como pan .

Polo San Xoán xa a sardiña pinga o pan .

Por abril ponte de codín; e se o pan ves verdegar, ponte a cantar .

Por diñeiro baila o can, e por pan, se llo dan .

Por moito pan nunca é mal ano .

Por moito trigo nunca é mal ano .

¿Por qué non te casas Xan? Porque vai moi caro o pan .

Por san Xoán a sardiña molla o pan.

Por san Xoán a sardiña pinga no pan.

Por San Xoán molla a sardiña o pan .

Por san Xoán, tanto queixo coma pan.

Por unha presa de fariña, que as papas non queden moles.

Pra moita fame non hai pan resésigo.

Pra muiñeiro, forneiro e hortelán, non hai ano sin pan .

Pra pan e cebola é mester cazola .

Pra pan non temos e can mantemos .

¿Pra qué queres millor pan que o pantrigo? .

Preguiciña ¿queres pan? Si señora, si mo dan. Vai busca-lo coitelo. Non señora, non o quero .

Primeiro o pan, dispois o can .

Quen aforra o pan non quer ben ós fillos .

Quen ara no san Xoán, ou está tolo ou non ten pan.

Quen colle trigo pode comer pantrigo .

Quen con fariña anda, branco se pon .

Quen dá pan ó alleo can, perde o can e perde o pan .

Quen dá pan pon afán .

Quen di pan di fartura .

Quen dixo pan, dixo trigo .

Quen me dá o pan, dame o afán .

Quen se mantén de pan, moi mal mantido non vai .

Quen xaxúa por san Xoán, ou é tolo ou non ten pan.

Quero saber de qué pan me hei manter .

Ratos arriba, que todo o branco é fariña.

San Xoán come pan e san Andresiño touciño.

San Xoán daime o pan e san Martiño o viño.

San Xoán, deixa vi-lo pan que el cho pagará.

San Xoán e san Martiño foron merendar ó camiño. San Xoán levara o pan e san Martiño o viño.

San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.

San Xoán trae o fol cheo de pan e san Martiño bota de viño.

San Xoán, san Xoán, deixa vi-lo pan que coel cho pagarán.

San Xulián garda o viño e garda o pan .

San Xullán, garda viño e pan.

Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.

Se as penas de Oirán se volveran pan, a Frouseira manteiga e o río de Ouro viño mouro, non había terra coma o Valadouro.

Se che pica un alacrán busca viño, busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañán, pois logo te enterrarán .

Se che vai ben o trigo tardeiro, non llo digas ó teu compañeiro .

Se chove pola Ascensión, horta ruín e trigo rocón .

Se comes sardiña en san Xoán, mollaráchese o pan.

Se pan quente comes, non bebas auga da fonte .

Se queres coller pan, ara polo San Xoán .

Se queres comer patacas por San Xoan, seméntaas cando o pan .

Se queres gañar ó can, dálle pan.

Se qués que te siga o can, dalle pan .

Se te morde un alacrán, busca viño e busca pan, sacerdote e sancristán, quen mañán te enterrarán.

Se te morde un alacrán, garda viño e garda pan, que mañá te enterrarán.

Se te morde un alacrán, tres días comerás pan.

Se te morde un alacrán, xa non comerás máis pan.

Se te pica un alacrán, tres días comerás pan.

Se te roi un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roi a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.

Se te roi un alacrán, busca viño e busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañán, pois logo te enterrarán.

Se te roi un alacrán, tres días comerás pan .

Se te roi un alacrán, xa non comerás máis pan .

Sembra trigo en San Martiño, cada día un pouquiniño.

Sementeira na semana de san Román nin palla nin gran; sementeira na de santa Baia, gran e mais palla .

Sin pan nin viño non se anda ben o camiño .

Tal terra andar, tal pan manxar.

Tanto pan coma queixo e tanto queixo coma pan, ben o como se mo dan.

Tanto o pan coma o queixo, e tanto o queixo coma o pan, cómoo se mo dan .

Tanto queixo como pan, non se debe dar .

Treboada no Miño, pan e millo.

Trigo centeoso, pan proveitoso .

Trigo que lle a palla doura, logo estará pró fouciño .

Trigo que non has de colleitar, deixa de o visitar.

Un gran non fai graneiro, pero axuda ó compañeiro.

Val máis pan duro que pedras moles .

Val máis pouco pan duro, que fame de nove días .

Val máis que sobre pan, que non que falte viño .

Vale máis gran de sobra na moega que muíño de espera.

Vale máis pan duro que consello de burro .

Viño acedo, touciño vello e pan centeo, sosteñen a casa en peso .

Viño de ricos e pan de pobres .

Viño, que salte; queixo, que chore; pan, que cante .

Viva Dios e coza o forno .

Xa que o trigo non é meu, que o acañe quen o colleu .

Xa sei o pan que pra sempre me ha fartar .

Xesta pro forno, que ben coce o pan, e mais o bolo.

Xoaniña, voa, voa, que che dou pan con sebola .

Xoaniña, voa, voa, que teu pai está en Lisboa e túa nai está na cama a comer pan e cebola .

Tracia

Tracia (en grego Thrákē ) é unha rexión do sueste de Europa, na Península dos Balcáns, ao norte do Mar Exeo, situada na actual Grecia e na Turquía europea.

No seu momento, esta rexión histórica estendíase desde Macedonia ata o Mar Negro e o Mar de Mármara; e desde o mar Exeo ata o Danubio. Ocupa a punta do sueste da Península Balcánica e comprende o Nordeste de Grecia, o sur de Bulgaria, e a zona europea de Turquía. Os seus límites variaron nos diferentes períodos. As montañas Ródope separan a Tracia grega da búlgara e o río Maritsa separa a Tracia turca da grega.

As cidades principais da zona son Istambul, Gallipoli, Edirne (antes Adrianópolis) e Tekirdag, todas elas en Turquía. Na zona grega distínguense Komotene, Janto e Alexandrópolis como as cidades máis grandes. A rexión de Tracia é esencialmente agrícola. Alí prodúcese tabaco, arroz, trigo, algodón, seda, aceite de oliva e froitas.

Vitamina B1

A vitamina B1, tamén coñecida como tiamina , é unha substancia que actúa como coenzima no metabolismo dos hidratos de carbono, permitindo metabolizar o ácido pirúvico. Ademais participa na síntese de substancias que regulan o sistema nervioso. A súa forma activa é o pirofosfato de tiamina (TPP).

A súa absorción no intestino realízase facilmente, polo que a súa falta na dieta causa problemas metabólicos, en particular a nivel do metabolismo dos carbohidratos, poucos días despois.

A carencia de vitamina B1 produce unha enfermidade con sintomatoloxía nerviosa denominada beriberi.

A vitamina B1 ou tiamina atópase na carne de vacún ou de porco, noces, garavanzos, millo, ovos, figos secos, fígado, avea, chícharos, cacahuetes, pataca, arroz integral, fabas de soia, trigo e fariña branca enriquecida.

Vitamina B6

A vitamina B6 é a coenzima de numerosas enzimas que actúan no metabolismo das proteínas e dos ácidos graxos, entre outras funcións. En realidade é unha denominación común para tres compostos químicos chamados piridoxina, piridoxal e piridoxamina.

Atópase no xerme do trigo, carne e verduras. Ó tratarse dunha vitamina hidrosoluble elimínase a través dos ouriños e hase de repor diariamente coa dieta. Necesítase en maior cantidade cando se seguen dietas altas en proteínas.

A carencia de vitamina B6 provoca náuseas, parestesia, debilidade muscular e alteracións cutáneas (dermatite, ó que se debe o nome que se lle deu de adermina).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.