Tribo

Unha tribo[1] é un conxunto de persoas que proceden xeralmente dunha familia ou da asociación de varias familias, que habitan un poboado ou aldea nun territorio xeográfico definido, que están dirixidas polas persoas maiores (xefes ou patriarcas). Os humanos que compoñen unha tribo adoitan ser da mesma raza, crenzas e costumes. As tribos xorden no neolítico e tras a asociación das primeiras tribos nas cidades xorden as civilizacións.

Tobas en el Pilcomayo 1892
Tribo de tobas, preto do río Pilcomaio, 1892

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tribo.
Arvernus

Arvernus é un deus celta, un epíteto galo do Mercurio romano. Malia que o seu nome fai referencia á tribo dos arvernos, en cuxo territorio Mercurio tiña un importante santuario Puy-de-Dôme, tódalas inscricións a Mercurio Arvernus foron atopadas lonxe da fronteira co Rin. O nome tamén aparece como Mercurio Arvernorix, 'rei dos Arverni'. Compárase tamén co título Mercurio Dumiatis ('de Puy-de-Dôme'), atopado no territorio arverno. O nome, como o dos arvernos e da zona actual de Auverña, semella derivar do protocelta *φara-werno-s ‘en fronte de ameneiros.’

Camulus

No antigo politeísmo celta, Camulus ou Camulos era deus que os romanos interpretaron como Marte. Foi unha deidade importante na antiga Britania e Galia, especialmente entre os remos, unha tribo gala que viviu nunha área da moderna Bélxica.

Camulus aparece xunto a Marte en cinco inscricións achadas en Reims, Arlon, Rindern, Maguncia, and Bar Hill, Escocia. O nome Camulos aparece nunha inscrición votiva de Roma.En Rindern, Alemaña, Mars Camulos aparece nunha pedra cunha coroa de carballo. Noutro lugar foi representado con cabeza de carneiro. Probas da súa popularidade pódense ver nos numerosos topónimos, sendo o máis salientable Camulodunum.O asentamento de Camulodunum (hoxe Colchester) en Essex pode deber o seu nome ó deus, e é a posible base da cidade lendaria de Camelot.

Esciúridos

Os esciúridos (Sciuridae) son unha familia de roedores esciuromorfos que inclúen os esquíos, as marmotas e os cynomys.

Etnografía

A etnografía (do grego ethnos (έθνος) - "tribo, pobo", grapho (γράφειν) - "eu escribo"; literalmente "descrición dos pobos") é un método de investigación da antropoloxía. Consiste na compilación de datos no terreo e tendo como informantes aos integrantes dunha comunidade dada. Os datos recolleitos consisten na descrición pormenorizada dos seus costumes, crenzas, mitos, xenealoxías, historia etc. Dita información obtense maiormente por medio de longas entrevistas con membros da comunidade ou informantes claves delas.

Filoxenia

A filoxenia (do grego: phylon = tribo, raza, e genetikos = relativo á xénese = orixe) é o termo comunmente utilizado para hipóteses de relacións evolutivas (ou sexa, relacións filoxenéticas) dun grupo de organismos, isto é, para determinar as relacións ancestrais entre especies coñecidas (as que viven e as extintas).

Francos

Os francos aparecen nos inicios do primeiro milenio nas fontes latinas. O termo designa probabelmente unha liga ou confederación de pobos xermánicos instalados na ribeira dereita do Rin inferior, alén das fronteiras do Imperio Romano, e que non se sometían ao Imperio ou a outro pobo máis importante. O latín francus, franci tende a probar que se chamaban así posto que frank significa "libre" en lingua xermánica. Dado que a raíz frank non pertence á lingua xermánica primitiva, pénsase tamén que podería derivar de frei-rancken (libere vacantes) que significa viaxeiros libres.

Homínidos

Os homínidos son os membros da familia taxonómica Hominidae (os "grandes simios"). Das especies actualmente presentes inclúe a:

os humanos, con 1 especie viva

os chimpancés, con 2 especies vivas

os gorilas, con 2 especies vivas

os orangutáns, con 2 especies vivasEsta clasificación ten sido revisada varias veces nas últimas décadas, o que levou a un uso variado da palabra "homínido". O significado orixinal de Hominidae referíase tan só ao significado moderno de Hominina: os "humanos ou especies máis achegadas ca os chimpancés". O significado do termo cambiou gradualmente, ata o significado moderno de "homínido", que inclúe a tódolos grandes simios.

Un amplo número de xéneros extintos están clasificados a canda os humanos na subfamilia Homininae, mentres que outros cos orangutáns na subfamilia Ponginae. O antecesor máis recente dos Hominidae viviu hai 14 millóns de anos, cando os orangutáns se especiaron dos antecesores dos outros tres xéneros Os devanceiros da familia Hominidae xa se tiñan especiado a partir da familia de Hylobatidae, seguramente arredor de hai 15-20 millóns de anos atrás.

Iowa

Iowa, é un dos 50 estados dos EEUU. A súa capital é Des Moines. Ten unha superficie de 145.743 qm2, e 2 926 324 habitantes. Ingresou na unión o 28 de decembro de 1846.

O nome de Iowa está tomado da tribo do mesmo nome, os iowa.

Lenus

Lenus foi un deus celta da curación adorado no leste da Galia, onde foi identificado co deus romano Marte. Foi un importan deus da tribo treveri, que tiñan grandes santuarios en fontes medicinais en Tréveris e en Martberg de Pommern, na actual Alemaña. Tamén se coñecen dedicacións no suroeste de Britania (Chedworth e Caerwent). Edith Wightman descríbeo como “un dos mellores exemplos dun Teutates, ou deus da xente, equiparado co Marte-protector da tribo durante unha batalla, pero tamén [...] dador de saúde e boa fortuna en xeral” (p. 211). O seu santuario ‘Am Irminenwingert’ en Tréveris tiña un gran templo, baños, santuarios máis pequenos e un teatro.

Loucetios

Na relixión celta, Loucetios (Latinizado como Leucetius) foi un deus dos galos identificado co romano Marte. Arredor dunha ducia de inscricións na súa honra foron atopadas, principalmente no leste da Galia, cunha particular concentración entre os vangiones (unha tribo do Rin). Mars Loucetios é acompañado por Nemetona. Foron atopadas inscricións dedicadas a el en Bath e Angers.O nome Loucetios pode ser unha variación da raíz protoindoeuropeo *leuk- ("brillar"). Presumiblemente é análogo do osco Loucetius, "dador de luz", un epíteto de Xúpiter.

Massachusetts

A Commonwealth de Massachusetts (en inglés, Commonwealth of Massachusetts) é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Localízase ao nordés do país, a uns cantos quilómetros da fronteira con Canadá. Massachusetts é o sexto menor estado dos Estados Unidos pero, a pesar do seu pequeno tamaño, é o décimo terceiro en poboación. O seu nome provén dunha voz indíxena local que significa "lugar do monte grande" e historicamente formou parte das 13 colonias orixinais que se rebelaron contra o Reino Unido na Guerra de Independencia dos Estados Unidos.

Massachusetts é o centro económico, cultural e educativo de Nova Inglaterra, e tamén o estado máis populoso da rexión, con aproximadamente a metade de toda a súa npoboación. A capital e a maior cidade é Boston, capital financeira, de transportes e educativo do estado e de Nova Inglaterra.

A rexión onde está localizado o estado foi unha das primeiras en ser colonizada polos británicos. A provincia colonial de Massachusetts foi fundada en 1620 (só a provincia colonial de Virxinia foi fundada antes). Massachusetts é famoso no país por ser pioneira en diversas áreas: o primeiro xornal foi publicado en Massachusetts, e a primeira biblioteca pública tamén, a primeira institución americana de educación superior foi fundada aquí en 1636. Posteriormente, o estado construiría as primeiras escolas públicas de ensino de segundo grao no país, durante a década de 1820.

Massachusetts foi unha das trece colonias británicas que se rebelaron contra o dominio británico en 1775, na Revolución Americana de 1776. Varios eventos que levaron ao inicio da guerra ocorreron en Massachusetts, así como as primeiras batallas da guerra. O 6 de febreiro de 1788, o Massachusetts ratificou a constitución americana, converténdose así no sexto estado dos Estados Unidos de América.

O nome do estado vén da tribo indíxena masachusett, unha tribo indíxena pertecente á familia dos algonquinos. Masachusett significa no idioma algonquino Próximo á gran montaña, unha referencia ao Great Blue Hill, unha montaña localizada ao sur de Boston.

O alcume máis coñecido do Massachusetts é The Bay State. A orixe vén da localización do primeiro asentamento permanente fundado en Massachusetts, ás marxes da Baía de Massachusetts. O xentilicio é Bay Staters. Outros nomes menos usados son The Old Colony State, The Puritan State e The Baked Bean State.

O estado é famoso internacionalmente pola calidade das súas universidades privadas, entre as cales salientan a Universidade Harvard e mailo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, así como os numerosos Colleges como Wellesley College. Tamén é coñecido polos sitios de veraneo, cualidade non privativa do seu Cape Cod famoso, senón de moitos outros lugares de Nova Inglaterra.

Tamén é coñecido por ser o primeiro estado do país en permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Monofilético

En filoxenia dise que un grupo é monofilético se todos os organismos incluídos nel evolucionaron a partir dun devanceiro común, e todos os descendentes dese devanceiro están incluídos no grupo. Dita condición recibe o nome de monofilia (do grego μονο- mono-, de μόνος mónos, "un só", "único", e φυλή phylé, "tribo", "grupo de individuos").

Pola contra, un grupo que contén algúns pero non todos os descendentes do devanceiro común máis recente chámase parafilético, e un grupo taxonómico que contén organismos pero carece dun devanceiro común chámase polifilético.

Nemausus

Nemausus é un deus celta considerado o patrón de Nemausus (Nîmes). Semella que o deus non foi adorado fóra desa localización. Certamente, o nome da cidade deriva de Nemausus, que probablemente era o bosque sagrado no que a tribo celta dos Volcae Arecomici celebraban as súa asembleas (segundo Encyclopædia Britannica 1911), ou se cadra era o espírito gardián da que proporcionaba auga a todo o asentamento, como suxiren diversas fontes modernas.

Existe un importante santuario de fontes termais na vila; estableceuse na Idade de Ferro e expandiuse coa colonización romana da rexión no século -II, momento no cal existía un activo pulo romano cara ese culto. Outros espíritos locais adorados en Nemausus (Nîmes) foron os Nemausicae ou Matres Nemausicae, que eran deusas da fertilidade e da curación pertencentes ó santuario da fonte.

Rennes

Rennes (en bretón: Roazhon, en galó: Resnn) é un concello francés, cabeza do departamento de Ille e Vilaine e da rexión da Bretaña en Francia, así como unha das capitais históricas do ducado da Bretaña. Sitúase ao leste da Bretaña na confluencia do río Ille e do río Vilaine, no Arco Atlántico, a 50 km da canle da Mancha e a 80 km do océano Atlántico.

Rennes xorde entre o II e o primeiro século antes de Cristo como capital da tribo gala dos redóns. A cidade chamábase Condate. Durante a Idade Media, coa chegada dos pobos bretóns e a consolidación do ducado da Bretaña fronte o poder carolinxio e logo dos reis de Francia, Rennes confirmouse como unha das poboacións máis importantes da rexión fronteiriza do ducado, a marca da Bretaña. Após a anexión do ducado da Bretaña ó reino de Francia, Rennes converteuse nunha capital provincial e acolleu o Parlamento da Bretaña.

Trala segunda guerra mundial, Rennes aumentou fortemente a súa poboación, desenvolvendo o sector industrial (destacando a gran fábrica de Citröen) e consolidouse como importante centro educativo grazas ás súas universidades. Hoxe en día, Rennes é un centro de innovación dixital e tecnolóxico recoñecido en Francia.

En 2012, cunha poboación de 210 000 habitantes (incluíndo 60 000 estudantes) e 700 000 habitantes na súa área urbana, Rennes é a décima cidade máis importante de Francia.

Sequana

Sequana é unha deusa celta do río Sena, particularmente da fonte onde nace o río, que foi adorada pola tribo gala dos secuanos. A fonte, chamada Fontes Sequanae está localizada nun val de Châtillon Plateau, ó noroeste de Dijon en Borgoña. O santuario adicado a ela foi tomado polos romanos, que contruíron dous templos nel. Foron feitas moitas dedicacións neses templos a Sequana, incluíndo unha gran pota co seu nome inscrito e cheo de modelos de bronce e prata de partes do corpo para seren curados por ela.

Suíza

Suíza (en alemán: Die Schweiz, en francés: Suisse, en italiano: Svizzera, en romanche: Svizra) é un estado federal da Europa central, sen saída cara ao mar, mais con conexións a través do río Rin. Ten fronteiras ao norte con Alemaña, ao leste con Austria e Liechtenstein, ao sur con Italia e ao oeste con Francia. É tamén coñecida como a Confederación Suíza ou de xeito oficial, aínda que menos usual, Confoederatio Helvetica (en latín para Confederación Helvética).

A nación ten unha forte tradición de neutralidade política e militar, razón pola cal é a sede de numerosas organizacións internacionais, incluíndo a Cruz Vermella, a Organización Mundial do Comercio ou unha das oficinas das Nacións Unidas. Non forma parte da Unión Europea, mais si forma parte do Acordo de Schengen.

É segundo as propias autoridades suízas unha nación multiétnica, multilingüística e multicultural, froito dunha vontade política, onde conviven catro linguas nacionais: o alemán, o francés, o italiano e o romanche. O estado réxese por unha estrutura confederal dende 1848, que consiste en vinte e seis estados chamados cantóns. A súa capital é Berna.

O seu nome deriva dun dos cantóns fundadores da federación, Schwyz (en alemán estándar: Schweiz, ao parecer variante da tribo dos suevos), en canto ao nome de Confederación Helvética deriva da antiga tribo celta dos helvecios que habitaron a metade oeste e parte do centro deste país durante a antigüidade. Suíza é, dende finais do século XIX, un dos estados máis ricos e desenvolvidos do mundo.

Teutates

Teutates (tamén chamado Tutatis) era o deus celta protector da tribo na Galia e as Illas Británicas. Foi o antecesor dos homes e o seu lexislador, gardián, árbitro e defensor dos seus pobos. Formaba parte dos Deuses da Noite (os máis importantes da Galia) xunto a Esus e Taranis. A palabra Teutates ou Toutatis é auténtica e con testemuñas escritas.Actualmente é coñecido como Toutatis (pronunciado [towˈtaːtis] en galo). É coñecido por ser unha expresión usual (¡Por Tutatis!) para os galos das historietas de Astérix, de René Goscinny e Albert Uderzo.

Tribo (bioloxía)

A tribo é, en bioloxía, unha clasificación taxonómica optativa intermedia entre a familia e o xénero (ou os sub ou super correspondentes que existan) empregada para organizar as familias que conteñen moitos membros.

Xénero (bioloxía)

O xénero, no campo da bioloxía, é unha unidade sistemática das clasificacións por categorías taxonómicas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.