Traxe galego

O traxe galego é a vestimenta tradicional que o pobo galego usaba para as súas actividades ata ben entrado o século XX. Aínda que existen diferenzas entre os traxes usados para traballar e os traxes para días de festa, os usados no interior de Galicia respecto ós da costa, as evolucións ao longo do tempo e as normais diferenzas entre as clases socioeconómicas, existen certos patróns comúns que os unifican e caracterizan e que permiten certos contrastes e igualacións cos territorios veciños de Asturias ou a provincia de León.

Traxes tradicionais, Muros
Persoas vestidas con traxes tradicionais en Muros.

Tecidos

O candil, o picote, a urda, o liño, a la e todos os tecidos de confección artesanais foron os máis habituais dentro da xeografía galega ata ben entrado o século XX. Tinxíanse se era necesario tamén con métodos artesanais, sendo limitadas as cores que se podían obter. Importados de Castela e doutras zonas proviñan outros tecidos apreciados pola súa escaseza como a seda, a pana, os panos brocados e sedán, o pardamonte e o veludo. Tamén eran importados os panos estampados e pintados. A industrialización e o comercio variaron non só as posibilidades de cores posibles e a duración do tinxido, senón tamén a calidade, variedade e dispoñibilidade de novos tecidos, que se ampliaron a ranela ou o mahón. Tamén implicou unha uniformidade no traxe e unha redución do número de pezas empregadas dado que os novos tecidos abrigaban dabondo.

Traxe feminino

Serafín Avendaño 1838-1916, Paisaje con gallega 1891
Paisaje con gallega (1891), cadro de Serafín Avendaño.

O traxe feminino compúñase dunha chambra ou unha camisa e unha enauga. A chambra era unha roupa interior composta de dúas partes superior e inferior (chamadas cos e faldra ou aba respectivamente) cosidas entre si. Os pololos era unha especie de calzas que se puñan baixo a faldra ou a enauga (propios, ámbolos dous, unicamente das clases podentes dun contorno urbano). Por riba vestíase unha serie de refaixos, os directamente sobor da chambra de pouco voo e feitos a gancho, e subsecuentemente de xeito ascendente aumentando de voo, (e compostos, en ocasións, dunha parte inferior chamada zagal e outra superposta, algo mais curta). Inda se podía por por riba da saia outras pezas coma o cinguideiro (acotío malamente cruñado 'mantelo') no canto do mandil (prenda decotío) cunha feitura grande que non chegaba a cruzarse na parte traseira, ou lensa (peza da mesma feitura pero feita de materiais e aderezos distintos, propia das zonas de montaña). Tamén unha vasquiña ou saia con moito voo, profusamente adornada, que a diferenza do mantelo cubría os refaixos por completo. Por riba da camisa podíase vestir un mantón cruzado, ben de caxemira ou de la, un corpiño (especie de chaleque moi axustado) que se chamaba xustillo se era interior. O dengue era unha especie de capa que cubría os ombros e que se cruzaba no peito, sendo propio de días de festa, e denotaba unha situación económica podente (normalmente encarnado escuro, e nos derradeiros tempos do seu uso castaño, ou negro na etapa do loito). Inda que era habitual ir descalzos, tamén usaban zapatos con medias caladas nos días de festa, ou escarpíns para andar por casa sobre os que se podía por unhas zocas de madeira se era preciso. Compostos de sola de madeira e copo de pel de becerros, Os zocos ou tamancas tamén eran moi usados tanto por homes como por mulleres. A cabeza ía moitas veces cuberta, ben por panos, cofias, sombreiros. No caso de non ser así o pelo, sempre longo, ía recollido en trenzas ou un moño.

Traxe masculino

Como roupa interior o home usaba un calzón curto, sobre o que se puñan unhas cirolas máis curtas que a deixaban ver, xunto cunhas polainas que chegaban algo mais abaixo do xeonllo. Co tempo pasaron a usarse pantalóns ata os nocellos, pero as polainas de coiro eran útiles nas tarefas agrícolas e gandeiras. A cintura cinguíase unha faixa de la a xeito de abrigo e protección dos cadrís. A faixa ía por riba do pantalón e da camisa, ou incluso do chaleco. A camisa en si era ampla, adornada nas partes visibles e cinguida nos puños e no pescozo. Sobre el púñase un chaleco, unha chaqueta curta ou unha almilla. A diario os homes ían descalzos, pero tamén usaban zapatos se ían de gala, ou tamancas ou zocas no caso de ir traballar. A cabeza cubríase cun pano e sobre el unha monteira ou un pucho, ou mais recentemente sombreiros.

Unha peza especial son as corozas, unha capa feita de xuncos, que as veces tiñan carrapucha, usada en épocas de choiva por resgardar desta e por ser lixeiras. Completábase cunhas polainas do mesmo material.

Partes

As principais pezas do traxe tradicional galego son as seguintes:

Feminino Masculino
Cabeza bonete, chapeu, cinta, cofia, pano da cabeza chapeu, monteira, pano, pucho, pucha, sombreiro
Busto camisa, chambra, chaqueta, corpiño, cós, dengue, gravata, pano do pescozo, xibón, xustillo almilla, camisa, chaleco, chaqueta, chaqueta de abrigo, faixa, xibón
Pezas inferiores baixeira, enagua(s), faldra, frandello, lello, lella, mandil, mantelo, muradana, picote, pololo, calzas, refaixo, sabelo, saia, vasquiña, zagal calzas, calzón, cirolas, pantalóns, zagóns
Sobretodos capa, capote, mantela, manteleta, mantillica, manto, mantón, parlamenta, touca capa, capote, saio, zagón
Outras pezas carpíns, crica, faldriqueira, medias, moña, pano da faldriqueira, pano da man (es)carpíns, faldriqueira, alxabeira, medias, (pau de) moca, varapao, aguillada, pano, pano da faldriqueira
Calzado zocas, zocos, tamancas polainas, zocos, zapatos, tamancas ou zamancas, galochos
Festiva peliqueiro, cigarrón, felo, boteiro, mázcara, vergalleiro, careto, vellarrón, zarramanculleiro

Galería de imaxes

SdC.traxe

Desfile de traxes galegos.

SdC.traxe1

Desfile pola rúa do Vilar, Santiago de Compostela.

SdC.traxe2

Desfile en xullo de 2009.

SdC.traxe3

Traxes galegos.

SdC.traxe4

Desfile da Asociación do Traxe Galego.

SdC.traxe5

Traxes galegos en Santiago de Compostela.

Muiñeira

Baile dunha muiñeira.

Santiago 4

Traxe galego dunha banda.

Traxe tradicional galego, Santiago de Compostela

Traxes galegos.

Traxe tradicional galego. Santiago de Compostela

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Antón Fraguas

Antón Fraguas Fraguas, ou Antonio Fraguas Fraguas, nado en Insuela, na parroquia de Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, foi un destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. En 1923 fundou, xunto con outros compañeiros, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a defensa da lingua e a elaboración dun dicionario. Foi membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de ensino secundario depurado polo franquismo. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Real Academia Galega, foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, membro do Consello da Cultura Galega e Cronista Xeral de Galicia. Dedicouse ó estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e o Premio San Martiño de normalización lingüística. O 7 de xullo de 2018 a Real Academia Galega, decidiu, en sesión plenaria, que Fraguas sería o escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas do ano 2019, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.

Betanzos

Betanzos é un concello e cidade da provincia da Coruña, pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE no ano 2017 tiña 12.941 habitantes (13.352 no 2015, 13.673 no 2010).

Betanzos foi unha vila creada polo rei Afonso IX, tras aceptar en 1219 o traspaso da poboación de Betanzos O Vello ao lugar de Castro de Untia. Betanzos viviu o seu auxe no baixo medievo, medrando polo comercio da pesca, o viño e dos fornos, e nela instauráronse fidalguías e gremios importantes. Foi declarada cidade do Reino de Galicia polo rei Henrique IV en 1465. Betanzos foi capital de provincia entre os séculos XVI e XVIII. As casas de Fonte de Unta, as súas murallas e portas, as súas igrexas como as de San Francisco e Azougue, a Torre de Lanzós ou a Torre do reloxo na igrexa de Santiago fan que sexa a referencia galega do gótico e unha cidade declarada conxunto histórico-artístico.Outro patrimonio de interese de Betanzos son as súas igrexas románicas de Brabío, Pontellas ou Tiobre; os edificios neoclásicos de San Antonio de Padua, o Arquivo do Reino de Galicia ou o pazo de Piadela; e conxuntos modernistas como a Casa Núñez, a escola de García Naveira ou o Parque do Pasatempo.

A súa ría, coa súa marisma, e os ríos Mendo e Mandeo, que pasan por Betanzos e bordean a cidade, son parte da zona especial de conservación (ZEC) Betanzos - Mandeo. A ribeira de Piadela e a súa parte do encoro forman parte do ZEC Encoro de Abegondo - Cecebre. Destacan destes espazos a súa diversidade de ribeira, e da marisma no caso do Betanzos-Mandeo. Betanzos forma parte da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é betanceiro, brigantino ou popularmente garelo.

Buxaina (banda)

Para ver o artigo sobre o xoguete, véxase Buxaina.Buxaina é unha banda de gaitas da parroquia de Taragoña (Rianxo), formada por alumnado da escola musical da parroquia.

Castelo de Sobroso

O castelo de Sobroso é un castelo medieval restaurado no século XX situado dentro do territorio da entidade local menor en Vilasobroso (Mondariz), no sur da provincia de Pontevedra. Encarámase no alto da Pena do outeiro de Landín, con vistas sobre o territorio de Vilasobroso e o val do Condado ata a fronteira de Portugal.

Clodio González Pérez

Clodio González Pérez, nado en Cenlle o 16 de setembro de 1947, é un mestre (xubilado), etnógrafo, historiador e conferenciante galego, membro correspondente da Real Academia Galega, Cronista Oficial do concello de Cenlle, de abundante produción humanística.

Coroza

Unha coroza, caroza é unha peza de vestir galega feita de xuncos empregada en épocas de choiva para resgardarse dela. Completábase cunhas polainas do mesmo material.

Está confeccionada en tres partes, unha exterior que cobre os ombreiros e chega até a cintura, e dúas interiores que comezan dende os ombreiros e que chegan até os pés. Na parte inferior das pernas póñense as polainas e para os pés unhas botas de coiro con sola de madeira. Pode levar un capelo, unha carapucha feita en capas do mesmo material para cubrir a cabeza.

Esta peza de vestir foi caendo en desuso, e o 6 de marzo de 2018, morreu en Castro, Carballedo, Alejandro Regal Regal, o último fabricante de corozas da comarca de Chantada e, poida que o último de Galicia. Alejandro tiña 88 anos e era un dos últimos artesáns que sabían como elaborar este traxe.

Dengue (vestimenta)

O dengue é unha peza de vestir que forma parte da indumentaria tradicional feminina de varias rexións españolas. Está formado por un anaco de tea que ten forma de aspa, de tal forma que ao colocarse sobre o torso, cruza o peito e os seus extremos átanse nas costas.Pode ser liso, ou estar ricamente bordado e adornado, por exemplo con flores bordadas e aplicacións de abelorios multicolores ou prateados, dependendo da tradición da localidade concreta.Utilízase nos traxes rexionais de Galicia, Asturias e a Rexión Leonesa. Nalgúns lugares substitúese por un pano que vai atado ás costas.Posibelmente a orixe desta peza débese á necesidade de abrigar o peito, sen utilizar os pesados e incómodos mantóns de pano propios dos días máis fríos do invierno.A forma do dengue despregado é parecida a un segmento de círculo cos extremos alongados. Está ben cortado se se pode colocar sobre os ombros, cruzado no peito por diante e coas puntas nas costas, á altura da cintura. Xeralmente se coloca poñendo un imperdíbel no cruzamento do peito e outro unindo os dous extremos nas costas, ou cun broche de prata ou outro metal.

Estadio Municipal de Balaídos

O Estadio Municipal de Balaídos é un estadio de fútbol situado na cidade de Vigo. É o estadio no que xoga como local o Real Club Celta de Vigo, equipo da Primeira división española.

Festas de San Froilán de Lugo

As festas de San Froilán teñen lugar en Lugo entre o 4 e o 12 de outubro. Xiran arredor do 5 de outubro, día en que o santoral católico conmemora o día de San Froilán. Foron proclamadas de Interese Turístico Nacional polo Ministerio de Industria e Turismo en 2006. Na actualidade son organizadas exclusivamente polo Concello de Lugo. O pregoeiro das festas de 2015 foi o escritor Darío Xohán Cabana.

Fundación Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro é unha institución cultural galega, constituída o 15 de novembro de 1947 por Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) no Hotel Compostela de Santiago de Compostela baixo o nome Patronato Rosalía de Castro que se converteu en Fundación Rosalía de Castro nun acto celebrado no Colexio de Fonseca da mesma cidade o 29 de decembro de 1995. Os seus estatutos foron legalizados pola Xunta de Galicia en decembro de 1997 e renovados en 2008 (en vigor desde 2009).

En 2015 réxese por unha Presidencia elixida polo Padroado entre os seus membros. O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da Fundación e está composto por quince membros institucionais e por personalidades da cultura que teñan especial vínculo coa obra de Rosalía de Castro. O Padroado designa un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e un Tesoureiro de entre os seus membros. Designará tamén unha Comisión Executiva que se compón pola Presidencia, pola Vicepresidencia, pola Secretaría, pola Tesouraría e por catro vogalías (sendo unha delas a Dirección do Centro de Estudos Rosalianos) cuxas funcións son: a xestión ordinaria dos asuntos da Fundación, a adopción de Acordos por razón de urxencia dando ulterior conta ao Padroado e as funcións que este delegue.

Nos seus 67 anos de historia contou con nove presidentes que foron —cronoloxicamente citados—: Luís Iglesias Iglesias, Juan Gil Armada, Xosé Mosquera Pérez, Octavio Sanmartín Domínguez, Agustín Sixto Seco, Carlos Amable Baliñas Fernández (en funcións tras a morte de Sixto Seco), Helena Villar Janeiro, Ana Blanco Gómez (durante dous meses tras a dimisión de Villar Janeiro) e Anxo Angueira Viturro, que a dirixe a maio de 2015.

Este organismo naceu coa vontade de restaurar a casa na que vivira Rosalía de Castro nos seus derradeiros anos e de a converter nunha casa museo (e sostela posteriormente), coidar do Panteón de Galegos Ilustres e difundir e promover a cultura galega.

Entre as súas finalidades están: fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía, de Manuel Murguía e dos seus fillos; a promoción do estudo, da edición e da divulgación da vida e obra de Rosalía, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior; conservar o conxunto da Casa-Museo de Rosalía, conservar e incrementar o patrimonio rosaliano (mobles, pertenzas, recordos persoais de Rosalía etc.) dispoñéndoo do mellor xeito para que poida ser contemplado e estudado, coidar do Mausoleo de Rosalía sito no Panteón de Galegos Ilustres (Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago) e máis da campa que albergou antes o seu corpo no cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón, A Coruña); celebrar actos, cando menos, nas dúas datas rosalianas (24 de febreiro e 15 de xullo) ademais da celebración da Misa Votiva do 25 de xullo —acto que se viña celebrando desde 1932 e desde 1969 en lingua galega converténdose no único acto público en que se consentían o galego, as reivindicacións galeguistas e a presenza de políticos disidentes durante a ditadura franquista— e da Ofrenda Floral no Panteón de Galegos Ilustres ante a tumba da poetisa e fomentar e difundir a lingua e a cultura galegas.

No ano 2015 estaba representada no Pleno do Consello da Cultura Galega e na Ascociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE).

Ten a súa sede na Casa da Matanza (antigamente coñecida como Horta da Paz), en Padrón (A Coruña).

José Rodríguez Cruz

José Rodríguez Cruz, nado na Gudiña o 29 de novembro de 1956, é un etnógrafo galego.

Manuel Beiras

Manuel Beiras García, nado en Santiago de Compostela o 10 de abril de 1904 e finado na mesma cidade o 28 de xullo de 1996, foi un intelectual galego e político galeguista. Pai do dirixente nacionalista galego Xosé Manuel Beiras.

Manuel Lorenzo Barxa

Manuel Lorenzo Barxa, nado en Ferrol en 1878 e falecido en 1959 foi un gaiteiro ferrolán, fundador do Coro Toxos e Froles.

Museos de Galicia

Esta é unha lista de museos de Galicia.

Os Tempranos de Eirís

Os Tempranos de Eirís da Cruña foi un cuarteto musical galego, o primeiro grupo de gaiteiros da Coruña e As Mariñas.

Pobo galego

Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica.Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego. Dende o punto de vista filoxenético é de orixe común co portugués (co que mantén un 85% de intelixibilidade) e semellante a outros romances ibéricos tales coma o asturiano ou o castelán.

Existiron numerosos persoeiros galegos con relevancia ó longo da historia. O relixioso galaico Prisciliano foi o principal impulsor do priscilianismo, unha corrente relixiosa cristiá, difundida no século IV en Hispania, e sobre todo na Gallaecia. O cristián do século X Paio, foi canonizado pola Igrexa católica. O explorador Joan de Novoa foi un cabaleiro, mariño e explorador descubridor da illa de Ascensión e de Santa Helena, e Luís Vaz de Torres foi un navegante e o primeiro europeo en ver Australia, levando o seu nome o estreito de Torres. Famosos escritores galegos foron Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Álvaro Cunqueiro, Manuel Curros Enríquez e o Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela. O futbolista Luis Suárez Miramontes é considerado un dos mellores xogadores do século XX. Ademais, numerosas personalidades políticas internacionais teñen orixe galega, como o presidente de Cuba, Fidel Castro, o presidente da Arxentina, Raúl Alfonsín e o presidente do Uruguai, Tabaré Vázquez, alén de personalidades do mundo do espectáculo, como A Bela Otero, Julio Iglesias, Manu Chao ou Martin Sheen.

A poboación de Galicia é de 2 718 525 habitantes (2016), pero por mor da emigración de finais do século XIX e comezos do XX, é común atopar descendentes de galegos noutras partes de España, de Europa e de moitos países do continente americano. Historicamente, a emigración do pobo galego debeuse a factores políticos, económicos e sociais. A raíz da diáspora galega, estímase que no presente hai 10 millóns de persoas de ascendencia galega, moitas delas reunidas nos Centros Galegos. O maior grupo de persoas de ascendencia galega reside na Arxentina, con case 150.000 galegos, sendo coñecida polos galegos como a quinta provincia.

Saia

A saia ( pronunciación ) ou faldra é unha peza de vestir cinguida á cintura que cobre as pernas, polo menos en parte. Adoita ser de tea e de forma cilíndrica ou tronco-cónica, e a diferenza dos pantalóns non está dividida. Por extensión denomínanse tamén saias ou faldróns ás teas que colgan da mesa de braseiro ou dos berces.

Na súa versión máis sinxela pode ser un anaco de tea que se enrola na cintura (pareo, sarong), aínda que a maioría das saias son axustadas na cintura e máis amplas segundo se descende. Dependendo das épocas, as modas e o exhibicionismo de quen a leve, a lonxitude da saia pode ir de pouco máis que un cinto até chegar ata o chan, e pasando por calquera outra medida intermedia.

Algunhas saias medievais chegaron a ter máis de 3 metros de diámetro na base. No extremo contrario, as minisaias dos anos 60 (e seguintes) son pezas mínimas que poden chegar a non cubrir a roupa interior estando sentado, e en casos extremos nin estando de pé, para estes últimos emprégase o termo de saia-cinto.

Sancosmeiro

O sancosmeiro é un sombreiro galego de palla utilizado para protexerse do sol durante os traballos, de aba ancha e copa baixa, cunha cinta negra arredor da copa e os cabos que caen por detrás.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.