Tratado dos Touros de Guisando

O Tratado, Xura ou Concordia dos Touros de Guisando son denominacións historiográficas para a reunión que tivo lugar o 18 ou 19 de setembro de 1468 no cerro de Guisando (xunto aos Touros de Guisando, un conxunto de touros de pedra de orixe prerromana, na actual localidade abulense de El Tiemblo), e ao acordo que nela se alcanzou entre o rei de Castela, Henrique IV e a súa medio irmá Isabel. Por mor do tratado, Isabel foi proclamada princesa de Asturias e recoñecida como herdeira da Coroa de Castela.

Tratado de los Toros de Guisando
Inscrición que lembra o tratado

Historia

Os primeiros enfrontamentos que conduciron á Guerra de Sucesión Castelá comezaran en 1464, cando un grupo de nobres rebelouse coa intención de facer abdicar ao rei e depor ao seu valido, Beltrán de la Cueva. Os nobres rebeldes chegaron a realizar unha cerimonia, coñecida como a Farsa de Ávila de 1465, na que depuxeron de xeito simbólico a Henrique IV e entronizaron no seu lugar ao seu medio irmán Afonso de Castela. Tras a morte do infante Afonso en xullo de 1468, a outra medio irmá de Henrique, Isabel de Castela, pasou a ser a candidata dos nobres rebeldes.

Con todo, a infanta Isabel preferiu pactar co seu medio irmán, utilizando como mediador a Antonio de Véneris. Tras unhas vistas realizadas en Castronuevo, ambos irmáns chegaron a un acordo preliminar, polo que finalizaría a guerra. Ese foi o acordo que se formalizou ante os Touros de Guisando. Mediante tal tratado ou concordia, todo o reino volvía á obediencia do rei e a cambio Isabel pasaba a ser princesa de Asturias e recibía un amplo patrimonio. O matrimonio da princesa Isabel debía realizarse só co consentimento previo do rei.

Por outra banda, Xoana, a filla de Henrique IV, quedaba desprazada da posible sucesión, ao declararse nulo o matrimonio do rei e a raíña.

Con todo, a voda de Isabel con Fernando, o herdeiro do trono aragonés, celebrouse en 1469 en Valladolid sen contar coa aprobación do rei. Este enlace motivou o repudio da Concordia por Henrique IV, quen recoñeceu novamente os dereitos da súa filla Xoana na Cerimonia da Val de Lozoya, o 25 de novembro de 1470.

Véxase tamén

Outros artigos

Henrique IV de Castela

Henrique IV, nado en Valladolid o 25 de xaneiro de 1425 e falecido en Madrid o 11 de decembro de 1474, foi rei de Castela e de León entre 1454 e 1474, coñecido vulgarmente como Henrique o Impotente.

Juan Pacheco

Juan Fernández Pacheco y Téllez Girón, nado en Belmonte en 1419 e finado en Santa Cruz, preto de Trujillo o 4 de outubro de 1474), foi o fillo primoxénito de Alfonso Téllez Girón y Vázquez de Acuña e de María Pacheco, e irmán de Pedro Girón, foi un nobre e ricohome de Castela. Dominou a política do reino desde os últimos anos do reinado de Xoán II ata case o reinado de Isabel a Católica. Converteuse en home de confianza de Henrique IV de Castela, de quen foi compañeiro de xogos durante a súa infancia despois que o condestable Álvaro de Luna interviñese para que el e o seu irmán Pedro entrasen na corte, onde xa se documenta a súa presenza en 1436 –como doncel ou paxe do infante– segundo menciónase nun manuscrito gardado na biblioteca do Mosteiro do Escorial, que di que «sendo mozo veu vivir co príncipe Henrique (...) na idade de mozo tivo seso e autoridade de vello.»Foi o III señor de Belmonte, distinción que herdou da súa nai. Sendo xustiza maior de Segovia, recibiu de Henrique IV os títulos de I marqués de Villena, I conde de Xiquena e I duque de Escalona. Polo seu segundo matrimonio foi tamén Señor de Moguer e de Villanueva do Fresno. Así mesmo ostentou os cargos de camareiro maior do infante Enrique, despois o seu mordomo maior, alcaide maior de Asturias, adiantado maior de Castela e mestre da Orde de Santiago.

Pedro Madruga

Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga, tal vez finado en Alba de Tormes en 1486, foi unha das figuras máis salientables do medievo galego, considerado hoxe o prototipo de cabaleiro feudal. De orixe bastarda, foi un home belicoso que chegou ao máis alto escalafón da liñaxe dos Soutomaior. Temido e admirado, os ecos dos seus feitos promoveron centos de estudos sobre a súa figura e mais o seu tempo. Foi un acérrimo inimigo de Alonso II de Fonseca e defensor dos dereitos sucesorios de Xoana a Beltranexa.

Touros de Guisando

Os Touros de Guisando (Toros de Guisando en castelán) son un conxunto escultórico vetón que se sitúa na lomba de Guisando, no termo municipal de El Tiemblo (provincia de Ávila). Está datado entre os séculos IV a I a. C., con preferencia no século II a. C., durante a Idade de Ferro.

Xoana a Beltranexa

A infanta Xoana de Castela, nada en Madrid o 28 de febreiro de 1462 e finada en Lisboa en 1530, foi unha infanta castelá, raíña proclamada de Castela e de León e raíña consorte de Portugal. Destituída do seu rango, tivo que renunciar por tratado a todos os seus títulos e señoríos, ata á súa calidade de infanta castelá e de alteza, tralo cal foi chamada oficialmente, por real decreto portugués, «a Excelente Senhora» ata o final da súa longa vida no exilio de Portugal. Foi a única filla e herdeira de Henrique IV e da súa segunda esposa a raíña Xoana de Portugal, filla de Duarte I de Portugal. Unha parte da nobreza castelá non a aceptou como filla biolóxica do rei, seu pai, a quen acusou de obrigar á raíña –a súa muller– a ter un fillo co seu favorito, Beltrán de la Cueva, primeiro duque de Alburquerque, malia que ambos xuraran solemnemente que non fora así. Beltrán non se atopaba en lugar necesario para iso nas datas concretas. Había sospeitas sobre a impotencia de Henrique IV, xa que previamente estivera casado coa infanta Branca de Navarra e o matrimonio declarouse nulo porque nunca chegou a consumarse. Ademais, Henrique IV non tivo máis fillos nin coa súa muller nin con ningunha dos seus amantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.