Tradición

Tradición[1] é cada un daquelas pautas de convivencia que unha comunidade[2] considera dignas de constituírse como unha parte integral dos seus usos e costumes. A tradición adoita versar xenericamente sobre o conoñecemento e tamén sobre principios ou fundamentos socioculturais selectos, que por consideralos especialmente valiosos ou acertados preténdese que se estendan ao común, así unhas xeracións os transmitirán ás seguintes a fin de que se conserven, se consoliden, se adecúen a novas circunstancias. Tamén se chama tradición aos patróns que poden formar idiosincrasias, como as tradicións: exipcia, grega, romana etc. O cambio social altera o conxunto de elementos que forman parte da tradición.

Tamén se emprega a locución tradición popular para aludir aos valores, crenzas, costumes e formas de expresión artística característicos dunha comunidade, en especial a aqueles que se transmiten por vía oral. O tradicional coincide así, en gran medida, coa cultura e o folclore ou a sabedoría popular, como nos refraneiros.

Da tradición, segundo isto é filla a historia, e a escrita que primeiro foi vocal, e sono todas, pois tradición é narración, opinión e doutrina derivada vocalmente, sen ter escrito, co uso de pais a fillos, e dos que viron as cuosas, aos que non as viron.
—Luis Cabrera de Córdoba, 1611.

Etimoloxía

A palabra provén do substantivo latino traditio, e este á súa vez do verbo tradere, «entregar».

René Guénon

A palabra tradición ten un sentido particular nos escritos do metafísico francés René Guénon. Con ela alude Guénon a contidos e prácticas trasmitidos durante séculos que manteñen aberta unha vía de acceso á verdade absoluta do home e a relación deste con Deus e a creación. Esta tradición é única para toda a humanidade (Traditio perennis), e maniféstase de forma superficialmente distinta nos diferentes pobos e relixións, variando segundo o contexto, pero mantendo sempre intacta a parte interior ou esotérica que é inalterable e incomunicable (pois precisa da propia experiencia ou iniciación). A cadea rómpese coa época moderna, na que se perde (agóchase) a tradición verdadeira e só persisten sucedáneos (a vistas dos non iniciados) que non remiten a ningunha realidade trascendente, pois se trata só de manifestacións físicas reproducibles, e non de realidades interiores que se externalizan a través de múltiples formas, axustándose aos límites estabelecidos pola mesma tradición.

Vicente Aleixandre

A visión conservadora da tradición ve en ela algo que preservar de maneira fiel e acrítica. Desde unha perspectiva aberta ao cambio apréciase, pola contra, que a vitalidade dunha tradición depende da súa capacidade para renovarse, podendo modificar a súa forma para adaptarse a novas circunstancias, sen perder por iso o seu sentido.

O poeta Vicente Aleixandre destaca esta capacidade creadora da tradición ao escribir no seu discurso de recepción do premio Nobel: Tradición y revolución. He ahí dos palabras idénticas (Tradición e revolución. Velaí dúas palabras idénticas.).

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tradición.
  2. "Cultura y compromiso" de M. Mead (1990), México D.F.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Auñamendi Eusko Entziklopedia

Auñamendi Eusko Entziklopedia (ESA), é unha enciclopedia numérica co obxectivo de ser unha ponte entre a tradición, presente e futuro do País Vasco. Tamén é coñecida polo nome de Enciclopedia Auñamendi-Fondo Bernardo Estornés Lasa. A enciclopedia ten como obxectivo actualizar, traducir ó éuscaro os artigos e complementar os contidos da Enciclopedia Auñamendi de Bernardo Estornés Lasa.

Bolero

O bolero é un ritmo que mestura as raíces españolas coas influencias locais de varios países hispanoamericanos. Xurdiu no Caribe, mais sufriu modificacións, especialmente desenvolvendo temas máis románticos e un ritmo mais devagar. Ten tradición en Cuba, Porto Rico, República Dominicana, Colombia, Ecuador, México, Perú, Venezuela , Uruguai, Arxentina e Brasil.

Calendario musulmán

O Calendario musulmán é lunar.

Baséase en ciclos lunares de 30 anos (360 lunacións, de tradición sumeria). Os 30 anos do ciclo divídense en 19 anos de 354 días e 11 anos de 355 días. Os anos de 354 días chámanse anos simples e divídense en seis meses de 30 días e outros seis meses de 29 días. Os anos de 355 días chámanse intercalares e divídense en sete meses de 30 días e outros cinco de 29 días. Anos e meses van alternándose. É dicir, cada 33 anos musulmáns equivalen a 32 anos cristiáns. As intercalacións fanse engadindo un día ao final do mes de dulhiyah nos anos 2º, 5º, 7º, 10º, 13º, 16º, 18º, 21º, 24º, 26º e 29º de cada ciclo de 30 anos.

O ano musulmán componse de 12 meses de 30 ou 29 días:

MoHarran (محرّم (30 ,

Safar (29), صفر

Rabi al Aual (o primeiro) (30) ربيع الأول,

Rabi al Ajir ou al zeni(o último ou segundo) (29) ربيع الآخر أو ربيع الثاني,

yumada al Aual (o primeiro) (30) جمادى الأول ,

Yumada al Ajir (o último) (29), جمادى الآخر أو جمادى الثاني

Rayab (30), رجب

Chaabán (29), شعبان

Ramadán (30), رمضان

Chaual (30), شوّال

Du al Qada (30) ذو القعدةy

Du al Hiyah (29 ou 30) ذو الحجة .Se consideramos a diferenza de días entre o calendario lunar e o solar, e o feito de comezar o ano en datas diferentes, darémonos conta da dificultade de establecer unha correspondencia entre o calendario musulmán e o cristián. Existen táboas de correspondencia de anos, pero para un cálculo rápido e aproximado serven as seguintes fórmulas:

Para pasar do ano musulmán ao cristián G = H + 622 – (H/33)

Para pasar do ano cristián ao musulmán H = G – 622 + (G - 622/32)

Onde:

G = ano cristián (ano gregoriano)

H = ano musulmán (héxira)

Estas fórmulas serven para establecer a correspondencia de anos musulmáns e cristiáns dun xeito aproximado. Para establecer a correspondencia dunha data concreta a cousa é case imposible, e ata os historiadores admiten un erro dun día máis ou menos. A causa deste desfase é que o inicio e o fin de cada mes regúlase segundo o ciclo lunar observable, o que leva a introducir un día de máis cando as observacións non coinciden co cálculo teórico.

Composición musical

A composición musical é o proceso de creación dunha obra musical, tanto na tradición occidental da música clásica, como tamén na música de cinema, de videoxogos ou calquera outra.

Homero

Homero (en grego antigo Ὅμηρος Hómēros; c. século VIII a. C.), é o suposto autor das obras literarias máis antigas coñecidas en Europa, os poemas orais épicos a Ilíada e a Odisea. Considerado o pai da cultura grega, foi o primeiro gran poeta grego que consagrou o xénero, ademais consérvanse del a épica menor cómica Batrachomyomachia (literalmente:"A batalla das rás e dos ratos») e os corpus dos himnos homéricos.

É difícil establecer con certeza se Homero foi un individuo histórico ou unha identidade construída, e se é o autor das dúas célebres epopeas que son os alicerces da literatura occidental. Todo isto é o tratado na cuestión homérica. Malia isto, numerosas vilas xónicas (Quíos, Esmirna, Cime ou mesmo Colofón) dispútanse a orixe do aedo. Por outra banda, a tradición individualízao ó atribuírlle que era cego.

Igrexa católica latina

A Igrexa católica latina, ou Igrexa católica de rito latino, é a maior igrexa particular autónoma da Igrexa católica. Trátase dunha igrexa particular das 23 que existen, englobándose as 22 restantes baixo a denominación de Igrexas católicas orientais.

A Igrexa Latina xurdiu inicialmente na provincia romana de África, para despois estenderse a Roma e ás partes de lingua latina do Imperio Romano (Europa occidental e o norte de África). Nestas areas, dende a antigüidade clásica até o Renacemento, a lingua latina foi o principal idioma da educación e da cultura. Os diferentes ritos litúrxicos latinos que desenvolvéronse nesta área tamén empregan ou empregaron esta lingua.

Igrexas católicas orientais

O termo Igrexas católicas orientais, tamén coñecidas como uniatas, refírese colectivamente ás 22 igrexas particulares autónomas en comuñón coa Santa Sé que, xunto coa Igrexa Latina, forman a Igrexa Católica universal. Conservan moitas antigas tradicións teolóxicas, litúrxicas e devocionais que, en moitos casos, comparten co resto das igrexas cristiás orientais coas que estiveron unidas no pasado, como a Igrexa Ortodoxa ou as igrexas ortodoxas orientais.

Aínda que comparten tradicións similares con estas igrexas ortodoxas, afástanse delas en temas doutrinais e teolóxicos, polo que non admiten a participación de membros destas outras igrexas nos sacramentos, agás baixo as circunstancias previstas polo dereito canónico. No caso da Igrexa Ortodoxa isto é consecuencia, de xeito principal mais non exclusivo, de diferenzas conceptuais en canto ao papel e á autoridade do Bispo de Roma.

Historicamente, estás igrexas tiñan o seu ámbito de actuación en Europa do Leste, Oriente Medio, o Norte de África e a India. Por mor da emigración, teñen presenza tamén en Europa Occidental, América e Oceanía, onde teñen creado eparquías de xeito paralelo ás dioceses latinas.

Islam

O islam (en árabe: الإسلام, al-Islām ) ou islamismo é unha relixión monoteísta abrahámica cuxo dogma baséase no libro do Corán, o cal establece como premisa fundamental para os seus crentes que «Non hai máis deus que Alá e que Mahoma é o último mensaxeiro de Alá». A palabra árabe Allah, galeguizada como Alá, significa Deus e a súa etimoloxía é a mesma da palabra semítica El (אל), coa que se nomea a Deus na Biblia. Os eruditos islámicos definen ao islam como: «A submisión a Deus o Altísimo a través do monoteísmo, a obediencia e o abandono da idolatría». O libro sagrado do islam é o Corán, ditado por Alá a Mahoma a través de Yibril (o Arcanxo Gabriel). Os seguidores do islam denomínanse musulmáns (do árabe muslim مسلم, 'que se somete'). Testemuñan que Mahoma é o último dos profetas enviados por Deus e selo da Profecía.O islam, á semellanza do xudaísmo e do cristianismo, descende da tradición relixiosa do patriarca bíblico Abraham, e é clasificado como unha relixión abrahámica. O islam non nega o xudaísmo nin o cristianismo senón que considera esas relixións monoteístas como parte da súa herdanza e consideran que Adán foi o primeiro musulmán. Ademais do Corán, os musulmáns de tradición sunnita seguen así mesmo os hadices e a sunna do profeta Mahoma, que conforman o Rexistro histórico das accións e os ensinos do Profeta. Aceptan como libros sagrados a Torá (o Antigo Testamento dos cristiáns), os Libros de Salomón e os Evanxeos (o Novo Testamento). Teñen como profetas, entre outros, a Adán, Noé, Abraham, Moisés, Salomón e Xesús.

En 2010 calculábanse en case 1600 millóns de seguidores do Islam que son maioría en 49 países, arredor dun 87/90% dos musulmáns son sunnitas e o 10/13% xiítas. Segundo o Vaticano, o islam (conxuntamente con todas as súas ramificacións) é a relixión máis estendida do mundo, xa que recentemente superou o número de católicos, e a segunda relixión do mundo se se súmase o número de fieis das distintas confesións do cristianismo.

O islam xurdiu coa predicación de Mahoma no ano 622 na Meca (na actual Arabia Saudita). Baixo o liderado de Mahoma e os seus sucesores, o islam estendeuse rapidamente. Existe discrepancia entre os musulmáns e non musulmáns de se se estendeu por imposición relixiosa ou militar, ou por conversión dos pobos ao islam. As ensinanzas de Mahoma están contidos no Corán, ou Alcorán (Qur'an, "recitación" en árabe). Os musulmáns acreditan que Mahoma recibiu estas ensinanzas de Alá (a palabra árabe para Deus), por intermedio do anxo Xibreel (Arcanxo Gabriel) que Mahoma despois recitou para que outros pasasen a escrito, xa que era analfabeto segundo considera a tradición islámica, converténdose no mensaxeiro do islam. Alén do Corán, inclúense entre os conceptos e prácticas relixiosas os piares do islam, cinco para os sunnitas: profesión de fe (non hai máis deus que Alá e Mahoma é o seu profeta), orar cinco veces ao día, a esmola, o xaxún no Ramadán e a peregrinación á Meca que os xíis imamís inclúen entre as derivacións da fe xunto con outras prácticas; os ditos e accións de Mahoma tal como se recolle no corpus dos hadith, distintos segundo a tradición sunnita e a xiíta e que para os sunnitas conforman a sunna, que clarifican e explican as ensinanzas de Mahoma e que forman o Rexistro histórico das accións e as ensinanzas do Profeta.

Ao contrario do xudaísmo e do cristianismo, o islam non atravesou un período de gran reforma ou reformulación fundamental.

Para a maioría dos musulmáns o islam non é só unha relixión senón un xeito de vida, un sistema que dá instrucións que se relacionan con todos os aspectos da actividade humana, sexan políticos, sociais, financeiros, legais, militares ou interpersoais pero entre os crentes hai diversos graos de observancia, para uns é un asunto privado mentres para outros é a base de todo o seu sistema de relacións .

Leipzig

Leipzig ( son ; IPA: [ˈlaɪpt͡siç]) é unha Kreisfreie Stadt (cidade independente) no noroeste de Saxonia (Alemaña) na confluencia dos ríos Pleiße, Weiße Elster e Parthe e ten 297.60 km².

Os seus 520.838 habitantes fana a cidade máis poboada de Saxonia.

A corporación municipal está composta por 19 concelleiros do SPD, 19 do PDS, 19 do CDU, 7 dos Verdes, 3 do FDP, 1 do DSU, 1 do FORUM e 1 outros.

O primeiro documento no que aparece a localidade data do ano 1015. Trala concesión do foro e dos privilexios de comercio no ano 1165, desenvolveuse como importante punto comercial no centro de Europa, cun dos mercados máis antigos do mundo, que data do ano 1190, e a imprenta tivo unha grande importancia.

Xa no ano 1165 a cidade recibiu o dereito de cidade e mercado (agora recinto feiral). Desde entón, Leipzig converteuse nun dos centros de comercio máis importantes de Europa central. A cidade ten unha longa tradición de recinto feiral unha das feiras máis antigas (1190) de Europa. Xunto con Francfort é Leipzig o centro histórico da imprenta e do comercio. Ademais, na cidade atópase unha das universidades máis antigas de Alemaña. Nas últimas dúas décadas, Leipzig foi o centro das manifestacións dos luns (Montagsdemonstrationen) de 1989, as cales lle deron o impulso necesario á reunificación alemá.

En Leipzig, ademais, atópanse unha das universidades e escolas superiores de música máis antigas de Alemaña. A cidade conta cunha grande tradición musical, principalmente debida á actividade de Johann Sebastian Bach e de Felix Mendelssohn Bartholdys e afianzada pola orquestra da Gewandhaus de Leipzig e polo coro da igrexa de Tomás.

Longobardos

Os Longobardos (Langobardi en latín e despois Lombardi por deformación despois do século VIII, agás en Italia meridional, que conserva o nome de langobardi ata o século XII) era un pobo xermánico, chegado do mar Báltico, que pertencía máis especificamente ao grupo dos xermanos do Elba, mais orixinario de Escandinavia meridional segundo a súa propia tradición oral narrada polo seu historiador Paulo Diácono a finais do século VIII. Este pobo, baixo a dirección do seu rei Alboíno, invadiu a Italia do Norte a partir do principio do ano 568.

Mitoloxía grega

A mitoloxía grega comprende a colección de lendas sobre deuses gregos e heroes antigos, orixinariamente creada e difundida dentro da tradición oral e poética desta antiga civilización do Mediterráneo oriental. As fontes supervivintes da mitoloxía grega son transcricións destas narracións faladas, ou ben revisións literarias posteriores. Aínda que os gregos non practicaban a relixión, coñecían estas historias que formaban parte do seu acervo cultural.

Pedro, papa

Simón (hebreo: שמעון , "Ximon"), chamado tamén Pedro ou Cefas, nado en Betsaida, e falecido en Roma en 67, foi segundo a tradición cristiá un dos doce apóstolos, discípulos de Xesús de Nazaret, a quen deixou encargado de dirixir o resto da súa Igrexa. Foi o primeiro patriarca de Antioquía e bispo de Roma e o primeiro papa da Igrexa católica.

Renacemento

O concepto Renacemento aplícase á época artística que dá comezo á Idade Moderna en Europa (finais do século XV e todo o século XVI).

Chamouse "Renacemento" en virtude da redescuberta e revalorización das referencias culturais da antigüidade clásica, que orientaron as mudanzas deste período en dirección a un ideal humanista e naturalista. O termo foi rexistrado por primeira vez por Giorgio Vasari xa no século XVI, mais a noción de Renacemento tal e como hoxe o entendemos xurdiu a partir da publicación do libro de Jacob Burckhardt A cultura do Renacemento en Italia (1867), onde el definía o período como unha época de "descubrimento do mundo e do home"..

De feito o Renacemento racha, conscientemente, coa tradición artística da Idade Media, á que cualifica, con desprezo, como un estilo de bárbaros ou de godos. E coa mesma consciencia oponse á arte contemporánea da Europa do norte.

O Renacemento cultural manifestouse primeiro na rexión italiana da Toscana, tendo como principais centros as cidades de Florencia e Siena, de onde se espallou cara ó resto de Italia e despois cara a practicamente todos os países da Europa occidental. Italia permaneceu sempre como o lugar onde o movemento presentou un maior apoxeo, porén manifestacións renacentistas de grande importancia tamén terían lugar en Inglaterra, Alemaña, Países Baixos e, menos intensamente, en Portugal e España, e nas súas colonias americanas.

Dende unha perspectiva da evolución artística xeral de Europa, o Renacemento significa unha separación da unidade estilística que ata ese momento fora supranacional.

(Á dereita, O home de Vitruvio de Leonardo da Vinci. Aprox. 1492.)

Roma

Roma(AFI: /ˈroma/, pronuncia ) é unha cidade de 2.856.133 habitantes (2018), capital da República italiana e da rexión do Lacio, provincia de Roma. Con unha área de 1.285 km² é municipio máis grande de Italia e a quinta cidade máis grande de Europa despois de Moscova, [[Istambul}}, Londres e San Petersburgo. Así mesmo é o municipio máis poboado de Italia e a cuarta cidade máis poboada da Unión Europea despois de Londres, Berlín e Madrid. Tamén é o municipio europeo coa maior área de zonas verdes. A cidade ten un sistema administrativo especial, chamado Roma Capitale, rexido por unha lei estatal.Fundada segundo a tradición o 21 de abril de 753 a. C. (aínda que escavacións recentes no sitio arqueolóxico de Lapis Níger datan a súa fundación dous séculos antes) durante os seus tres milenios de historia foi a primeira metrópole da humanidade, sendo o corazón dunha das civilizacións antigas máis importantes, que influíron na sociedade, cultura, lingua, literatura, arte, arquitectura, filosofía, relixión, dereito e costumes dos séculos seguintes

É a cidade coa máis alta concentración de bens históricos e arquitectónicos do mundo; o seu centro histórico delimitado polo perímetro que marcan as murallas aurelianas, superposición de pegadas de tres milenios, é a máxima expresión do patrimonio histórico, artístico e cultural do mundo occidental. En 1980, xunto ás propiedades extraterritoriais da Santa Sé que se atopan na cidade e a basílica de San Paulo Extramuros, foi incluída na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco.Roma é unha das cidades con maior importancia na historia mundial, sendo un dos símbolos da civilización europea e centro espiritual do catolicismo, cidade santa do catolicismo e destino de peregrinación (vías romeas) e tamén a única cidade do mundo que ten no seu interior unha entidade estatal autónoma: o enclave da Cidade do Vaticano, que se atopa baixo o poder temporal do papa. Por tal motivo coñecéuselle tamén como a capital de dous Estados.Por antonomasia, coñecese desde a antigüidade como a Urbs, Caput mundi, e tamén é chamada "A Cidade Eterna" (en italiano: Città Eterna).

Sacerdote

O sacerdote é unha persoa que se dedica profesionalmente, en exclusiva ou a tempo compartido, a realizar actos de intermediación entre os seus conveciños e supostos seres superiores. O termo pode variar pero, en xeral e desde un punto de vista cultural, o sacerdote é aquel que exerce como intermediario entre o ser humano e a divindade.

Chámaselle sumo sacerdote a quen exerce a máxima autoridade relixiosa nalgunhas confesións, normalmente como herdeiro dalgunha tradición histórica non comprobada (así os católicos chaman sumo pontífice á súa máxima autoridade, como herdeiro dos secretos construtivos).

En case todas as culturas, a casta sacerdotal constituíu unha clase social dominante.

O corpo de sacerdotes adoita recibir diferentes nomes segundo a cultura. En Galicia recibe popularmente os nomes de crego, cura, párroco ou, debido á influencia dos frades bieitos, abade.

Virxe María

A Virxe María, Santa María ou simplemente María (Mariam: grego: Μαριάμ; hebreo: מרים; árabe: مَريَمْ) foi unha muller xudía de Nazaret (Galilea), considerada segundo as tradicións cristiá e musulmá a nai de Xesús de Nazaret e, polo tanto, para a meirande parte dos cristiáns, a nai de Deus. Entre outros dos seus nomes e títulos están o de Benaventurada Virxe María e Nai de Deus nas igrexas occidentais, e o seu equivalente Theotokos no cristianismo oriental, e Maryam, nai de Isa (Xesús) no islam. Os cristiáns manteñen que o seu fillo Xesús é Cristo (é dicir, o mesías prometido ao pobo xudeu) e Deus Fillo encarnado, mentres que para os musulmáns é o mesías e un dos profetas más importantes enviados por Deus á humanidade.

Segundo os Evanxeos canónicos de Mateo e Lucas, María era unha virxe (en grego παρθένος, parthénos) que concibiu ó seu fillo Xesús sen intervención de ningún home (de aí o título de "Virxe"), por obra do Espírito Santo. Os musulmáns cren que concibiuno de xeito milagroso por intervención divina. Isto tivo lugar cando ela xa estaba prometida a San Xosé mais aínda non estaba casada. Casou con el e acompañouno a Belén, onde naceu Xesús.

O Novo Testamento comeza a súa crónica da vida de María coa Anunciación, cando o arcanxo Gabriel se lle apareceu e lle anunciou a súa escolla divina para ser nai de Xesús. A tradición da Igrexa e o Protoevanxeo de Santiago (apócrifo) falan dos seus pais como unha parella de avanzada idade, San Xoaquín e Santa Ana.

Os cristiáns da Igrexa católica, da Igrexa Ortodoxa, da ortodoxia oriental, da Comuñón Anglicana e das igrexas luteranas cren que María, como nai de Xesús, é Nai de Deus (Μήτηρ Θεοῦ) e a Theotokos, "portadora de Deus". María ten recibido veneración dende os comezos do cristianismo, a través de numerosas advocacións (Virxe de Fátima, de Lourdes etc.). Hai unha grande diversidade na marioloxía e prácticas devocionais das diferentes tradicións cristiás. A Igrexa católica ten unha serie de dogmas marianos, como a Inmaculada Concepción, a Virxindade perpetua de María e a súa Asunción ao Ceo.

Xardín

Un xardín é unha zona de terreo onde se cultivan especies vexetais para o pracer dos sentidos. Facer estas hortas sen finalidade económica vén dunha larga tradición, e xa eran famosos os Xardíns colgantes de Babilonia, considerados como unha das marabillas do mundo antigo, o que denota que estes espazos de ocio teñen desde entón unha larga tradición.

Un xardín pode incorporar tanto materiais naturais como feitos polo ser humano.

Xeografía

A xeografía (provén do latín geographĭa e este dende o grego «γεωγραφία» xeografía 'descrición da terra', composto de "η γη" (hê gê) a Terra e "γραφειν" [graphein] describir, debuxar) é a ciencia que ten por obxectivo o estudo e a representación gráfica da superficie terrestre así como a distribución espacial de fenómenos significativos na paisaxe. Tamén estuda a relación recíproca entre a superficie terrestre e a Lúa e o Sol (xeografía matemática), e entre os humanos e o ambiente (xeografía humana). Un dos temas centrais da xeografía é a relación home-natureza. A natureza enténdese aquí como as forzas que xeraron ou contribúen a moldear o espazo xeográfico, é dicir, a dinámica e interaccións que existen entre a atmosfera, litosfera, hidrosfera e biosfera.

O primeiro autor en utilizar a palabra Xeografía foi Eratóstenes (276-194 a. C.) nunha obra hoxe en día perdida. Con todo, a fundación da xeografía atribúeselle ao tamén considerado pai da Historia, Heródoto (484-425 a. C.). Para os gregos é a descrición racional da Terra, e particularmente para Estrabón, é o estudo das distintas rexións humanas como base para a formación do político.

Existen catro tradicións históricas na investigación xeográfica, as cales son: a análise espacial de fenómenos naturais e humanos, os estudos do territorio (do lugar á rexión), o estudo da relación entre o home e a súa contorna, e a investigación das ciencias da Terra.A Xeografía moderna é unha disciplina cuxo obxectivo primordial é a explicación de toda unha serie de fenómenos naturais e sociais e non se refire só á localización deses fenómenos, senón que tamén estuda como son e como cambiaron para chegar a ser o que son. A Xeografía divídese en dúas ramas principais, a saber, xeografía física e xeografía humana.

A xeografía humana ocúpase do estudo das persoas e as súas comunidades, culturas, economía e interaccións co medio ambiente mediante o estudo das súas relacións co espazo e o lugar e a través del.

A xeografía física ocúpase do estudo de procesos e patróns na contorna natural como a atmosfera, a hidrosfera, a biosfera e a xeosfera.

Isto quere dicir que a xeografía é unha ciencia que se cuestiona simultáneamente polas pegadas deixadas polas sociedades (desenvolvemento dos espazos) ou a natureza (oroxénese das montañas, impacto do clima, etc.); así mesmo, a dinámica e organización espacial das sociedades e á súa vez as do medio físico (como o cambio climático ou o aumento do nivel medio do mar). É por iso que a Xeografía interésase nos fundamentos (físicos e humanos) así como nas dinámicas (demográficas, socio-económicas, culturais, climáticas, bioxeográficas, xeomorfolóxicas) que teñen lugar nas distintas rexións. Doutra banda esta disciplina comezou a integrar aos poucos diversos campos culturais, como a pintura paisaxista, a literatura descritiva e inclusive o cine.

Xudaísmo

O termo xudaísmo (do hebreo יהדות Yahadut, do termo יהודה Yehudá) refírese á relixión, á tradición, á cultura ou á forma de vida do pobo xudeu. É a máis antiga das tres relixións monoteístas, as chamadas «relixións do Libro» ou «abrahámicas» xunto co cristianismo e o islam, e a menor delas en número de fieis. As doutrinas e historia do Xudaísmo constitúen unha parte importante dos fundamentos históricos das outras dúas relixións.

Aínda que non existe un corpo único que sistematice e fixe o contido dogmático do xudaísmo, a súa práctica baséase nas ensinanzas da Torá, tamén chamada Pentateuco, composto por cinco libros. Á súa vez, a Torá ou o Pentateuco é un dos tres libros que conforman o Tanakh (ou Antigo Testamento, segundo o cristianismo), aos que se atribúe inspiración divina.

Na práctica relixiosa ortodoxa, a tradición oral tamén desempeña un papel importante. Segundo as crenzas, foi entregada a Moisés xunto coa Torá e conservada desde a súa época e a dos profetas. A tradición oral rexe a interpretación do texto bíblico, a codificación e o comentario. Esta tradición oral foi transcrita, dando nacemento á Mishná, que posteriormente sería a base do Talmud e dun enorme corpo esexético, desenvolvido ata o día de hoxe polos estudosos. O compendio das leis extraídas destes textos forma a lei xudía ou Halajá.

O trazo principal da fe xudía é a crenza nun Deus omnisciente, omnipotente e próvido, que tería creado o universo e elixido ao pobo xudeu para revelarlle a lei contida nos Dez Mandamentos e as prescricións rituais dos libros terceiro e cuarto da Torá. Consecuentemente, as normas derivadas de tales textos e da tradición oral constitúen a guía de vida dos xudeus, aínda que a observancia das mesmas varía moito duns grupos a outros.

Outra das características do xudaísmo, que o diferencia das outras relixións monoteístas, radica en que se considera non só como unha relixión, senón tamén como unha tradición, unha cultura e unha nación. As outras relixións transcenden varias nacións e culturas, mentres que o xudaísmo considera a relixión e a cultura concibida para un pobo específico. O xudaísmo non esixe dos non xudeus unirse ao pobo xudeu nin adoptar a súa relixión, aínda que os conversos son recoñecidos como xudeus en todo o sentido da palabra. Así mesmo, xudeu foi comisionado polas súas escrituras a ser «luz ás nacións» e propagar o monoteísmo ético por todo o mundo. A relixión, a cultura e o pobo xudeu poden considerarse conceptos separados, pero están estreitamente interrelacionados. A tradición e a cultura xudía son moi diversas e heteroxéneas, xa que se desenvolveron de modos distintos en diferentes comunidades e cada comunidade local incorporou elementos culturais dos distintos países aos que chegaron os xudeus a partir da dispersión.

Ásatrú

Ásatrú (Asa-Trú. Literalmente, Fiel ou Lealdade aos Deuses) é a recreación moderna da antiga relixión precristiana do Centro e Norte de Europa. Esta relixión tamén é coñecida como Norsk Sede (Tradición Nórdica), Forn Sede (Antiga Tradición), Vanatrú (o culto a deuses Vanir), Vor Sidr (A nosa tradición), Teodish (Fe Anglosaxoa),ou Odinismo. Formas clásicas destes cultos foron practicadas en Galicia en tempos dos Suevos, sendo a expresión relixiosa pagá da que mais información se conserva das practicadas no norte peninsular.

Ásatrú é un movemento espiritual orixinado o 16 de maio de 1973 en Islandia polo poeta Sveinbjörn Beiteinsson. Este fundou o grupo Ásatrúarmenn ('Os homes que confían nos deuses'), actualmente chamada Ásatrúarfélagið ('Asociación dos que confían nos deuses'). Esta corrente espiritual busca de recuperar as tradicións e relixión de pobos nórdicos.

Esta tradición pagá baséase no culto aos Deuses Æssir e Vanir, os Elfos, Disar e os Devanceiros familiares. As cerimonias practicadas son coñecidas como Blót, unha libación comunitaria en honra dos deuses. Entre o credo relixioso inclúese elementos do folclore dedicado aos cambios e estacións da Natureza, tradicións populares, poesía tradicional, elementos espirituais e algúns de carácter máxico (Maxia Rúnica e xamanismo nórdico coñecido como Seidr).

Entre os seus Deuses máis coñecidos podemos destacar: Odín (O Altísimo), Freyja, Frigga, Loki, Thor e Balder ou Baldr, e a lista pode continuar.

Esta relixión ten diferentes modelos de reconstrución segundo a súa diferentes tendencias. A base adoita ser a partir do modelo viquingo xa que é o que contén máis información. Algúns grupos reconstruíron a partir de antigas tribos como visigodos, anglosaxóns, teutóns, lombardos, burgundios etc.

Un dos termos para chamar a un Ásatrú é Ásatrúarmadr, pero hai un termo xenérico, Heathens (Pagáns). Durante a Cristianización do Norte de Europa, os misioneiros chamaron aos practicantes desta antiga relixión «salvaxes» (inglés moderno: Heathen / inglés medio: Hethen / inglés antigo: Hæthen / antigo alto alemán: Heidan), debido a que os últimos redutos da antiga relixión foron, precisamente, as zonas «non civilizadas», é dicir os brezales ou terras salvaxes.

O termo Ásatrú é un neoloxismo acuñado no contexto do romanticismo nacionalista do século XIX, utilizado por primeira vez por Edvard Grieg na súa ópera Olaf Trygvason, de 1870, a práctica relixiosa en si é unha reconstrución do culto ancestral dos pobos xermánicos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.