Tríatlon

O tríatlon é un deporte individual e de resistencia, que reúne tres disciplinas deportivas: a natación, o ciclismo e a carreira a pé, por esta orde e ininterrompidamente, de xeito que se realizan unhas transicións altamente regulamentadas entre unha especialidade e outra, sen deixar a proba. A natación pode practicarse tanto en mar como en lago, máis ou menos artificial.

É seguramente un dos deportes máis duros que existen no panorama competitivo internacional actual. Os deportistas que o practican manteñen un severo calendario de adestramentos para poder facer fronte ás esixentes condicións das probas, tanto físicas como psicolóxicas.

Galiza conta con campións de gran renome no tríatlon masculino, como Iván Raña ou Xavier Gómez Noia, ademais dunha selección galega de tríatlon que competiu internacionalmente en probas da Copa de Europa.

O tríatlon foi incluído entre as disciplinas olímpicas nos Xogos Olímpicos de 2000, en Sydney. Administrativamente, o tríatlon depende en Galiza da Federación galega de tríatlon e péntatlon moderno.

Zonadetransicion
Espazo de transición do tríatlon, onde se pasa dunha especialidade a outra. Esta é a do mundial de Lausanne celebrado en 2006

Historia

As primeiras competicións de tríatlon comezan en Francia, contra 1920. Nas ribeiras do Marne, en Joinville-le-Pont, nos arrabaldes de París, disputábanse unhas competicións denominadas os Trois Sports (os tres deportes) nos domingos de verán. As probas eran a carreira a pé, o ciclismo e a natación, aínda que ás veces a natación víase substituída polo piragüismo.

Pero o primeiro tríatlon moderno, aproximadamente tal e como nós o coñecemos, naceu en Fiesta Island, na cidade californiana de San Diego, en maio de 1975. Sobre unha distancia de 800 metros en natación, 8 km de bicicleta e 8 km de carreira a pé decorreu esta primeira proba, que naceu ao abeiro do culto ao corpo da Costa Oeste.

Con todo, a lenda sinala como punto de orixe do tríatlon un evento algo posterior. En 1977, nunha taberna de Hawaii chamada "Le Primo", o capitán de navío veterano da Mariña dos Estados Unidos, John Collins, desafiou os maríns que acababan de vencer o seu equipo de veteranos nunha carreira de relevos a pé. Propúxolles disputar unha competición que agrupase as probas de resistencia máis importantes do arquipélago: a Waikiki Rough Water Swim (3,9 km de natación), a Around Oahu Bike Race (179 km sobre a bicicleta), e mais o maratón de Honolulu (42,195 km a pé). O 18 de febreiro de 1978, 15 candidatos se botan á auga para conseguir o título de ironman, ou home de ferro. O primeiro en chegar foi Gordon Haller, que tardou 11:46'58". Remataron a proba doce. Hawaii segue sendo para moitos a meca do tríatlon mundial.

Hoxe en día o tríatlon é un deporte consolidado en por si, que non pode considerarse unicamente como a unión de nadar, correr en bicicleta e correr a pé: ten adestramentos, campionatos, técnicas, materiais e metodoloxías particulares, sen contar que é precisamente nas zonas de transición entre unha e outra práctica onde moitas veces se deciden as probas.

Distancias

Nome Natación Ciclismo Carreira a pé Comentarios
Super Esprín 375 m 10 km 2.5 km Pouco frecuente.
Esprín 750 m 20 km 5 km Tamén é frecuente nadar unicamente 500 m nas probas de esprín. É unha distancia en progresión, usada particularmente para as categorías de menor idade.
Olímpica 1.5 km 40 km 10 km É a distancia internacional, usada na maior parte dos tríatlons do mundo
Medio ironman 1.9 km 90 km 21.09 Tamén chamada o "70.3".
Longa distancia 3.8 a 4.0 km 120 km 30 km Esta distancia vén equivalendo ao triplo da distancia olímpica, e está oficialmente recoñecida pola federación internacional
Ironman 3.8 km 180 km 42.195 km A proba de longa distancia, a máis dura de todas.

Todas as distancias son iguais para homes e para mulleres.

Principais probas

Deportes e especialidades relacionadas

Principais triatletas galegos

Véxase tamén

Ligazóns externas

Campionato Europeo de Tríatlon

O Campionato Europeo de Tríatlon é o campionato máis importante de tríatlon a nivel europeo.

Dende a edición de 2018 en Glasgow, cada catro anos os campionatos serán parte dos Campionatos europeos multideportivos.

Campionato Europeo de tríatlon de media distancia

O Campionato Europeo de tríatlon de media distancia é unha competición de tríatlon celebrada anualmente pola Unión Europea de Tríatlon. Comezou en 1985 pero deixouse de celebrar despois da edición de 1994. Retomouse en 2013 coa carreira de Barcelona.

Campionato Mundial de Tríatlon de Velocidade

O Campionato Mundial de Tríatlon de Velocidade foi un campionato de tríatlon celebrado sobre a metade da distancia estándar, isto é, 750 m de natación, 20 km de bicicleta e 5 km a pé.

O campionato inaugural celebrouse en 2010, e foi organizado pola Unión Internacional de Tríatlon. En 2011 o campionato celebrouse nunha proba que formaba parte das Series Mundiais de 2011. Con todo, despois de 2011 celebráronse múltiples eventos nesta distancia como parte das Series Mundiais e non se fixo ningunha clasificación con eles nin se entregou ningún título no nivel de elite. Actualmente só se celebra por grupo de idades, o mesmo día que a gran final das Series Mundiais.

Campionato do mundo de tríatlon

O Campionato Mundial de Tríatlon (dende 2009 Series Mundiais de Tríatlon) é a máxima competición internacional de tríatlon.

Está organizado dende 1989 pola Unión Internacional de Tríatlon. Ata a edición de 2008 celebrábase nunha soa proba, pero a partir de 2009 dispútase ao longo de varias carreiras, as Series Mundiais, distribuídas ao longo do ano.

Campionato do mundo de tríatlon 2008

O XX Campionato Mundial de Tríatlon celebrouse en Vancouver (Canadá) o 8 de xuño de 2008 baixo a organización da Unión Internacional de Tríatlon (ITU) e a Federación Canadense de Tríatlon.

Os 1,5 km de natación realizáronse na English Bay, os 40 km de bicicleta e os 10 km de carreira desenvolvéronse no Parque Stanley da cidade canadense.

Campionato do mundo de tríatlon de longa distancia

O Campionato do mundo de tríatlon de longa distancia é unha competición internacional de tríatlon celebrada anualmente dende 1994. As probas comezan, cun sector de natación, outro de ciclismo e rematan cunha carreira a pé, cunhas distancias que varían entre a distancia olímpica (ou estándar) e a distancia dunha carreira do Ironman. Os campionatos están organizados pola Unión Internacional de Tríatlon.

Ciclismo

Ciclismo é un deporte de carreira de bicicleta no que o obxectivo dos participantes é ben chegar primeiro a determinada meta ou ben cumprir un determinado percorrido no menor tempo posíbel.

Foi en Inglaterra, en mediados do século XIX, cando comezou o ciclismo como deporte. As probas ciclistas xeralmente encádranse en tres categorías: probas en estrada, probas en pista e probas de montaña (bicicleta de montaña, ciclocross ou BMX) e practícase con diversos tipos e modelos de bicicletas.

Nas de bicicleta de montaña existen varias especialidades: o cros, que é unha proba de longa distancia que se disputa en todo o tipo de terreo, de preferencia no monte, e combinando distintas inclinacións e dificultades; o free ride, cun andamento máis extremo en que se dá preferencia a saltos e *descidas; o descenso que é a versión máis extrema e perigosa do ciclismo de montaña que consiste soamente en descender, normalmente a velocidades altas, en contra o reloxo, por terreos de monte. Cando se fai en cidade chámase descenso urbano. Unha variante do descenso é o four-cross ou 4x, que consiste nunha competición de descenso de monte onde compiten ao mesmo tempo catro ciclistas e onde ó perigo e á espectacularidade do anterior súmaselle a posibilidade do contacto físico entre as e os participantes.

O ciclismo é ademais parte dalgúns deportes combinados, coma o tríatlon.

Club Atlético San Sebastián

O Club Atlético San Sebastián é unha entidade polideportiva da cidade de Donostia, fundada no ano 1958, que ten seccións de rugby, atletismo, baloncesto, natación, pelota, tenis, sófbol, hóckey, piragüismo, tríatlon e tenis de mesa. O club ten uns 4000 socios e preto duns 1000 deportistas federados.

Copa do Mundo de Tríatlon

A Copa do Mundo de Tríatlon é unha serie anual de probas de tríatlon celebradas arredor do mundo. Está organizada pola Unión Internacional de Tríatlon (ITU).

Inaugurouse en 1991 nunha tentativa de crear unha tempada regular baixo a administración da ITU en paralelo ao Campionato do mundo de tríatlon, que se celebraba nunha soa proba. Con todo, isto significou que había un campión da Copa Mundial así como un campión mundial. Despois da tempada 2008 a ITU reorganizou as súas competicións de máximo nivel e creou a Series Mundiais de tríatlon, unha competición cunha serie de carreiras ao longo do ano que foi a sucesora do Campionato do mundo. Mentres, a Copa do Mundo foi relegada a unha competición de segundo nivel e reducíuselle o número de carreiras. Dende a reorganización, os puntos obtidos na Copa do Mundo aplícanse só nun Ránking Mundial de atletas.

Javier Gómez Noya

Francisco Javier Gómez Noya, nado en Basilea (Suíza) o 25 de marzo de 1983, é un triatleta galego, o máis laureado da historia deste deporte.Entre o seu longo palmarés conta con cinco títulos de campión mundial (2008, 2010, 2013, 2014 e 2015), unha prata olímpica (Londres 2012), tres títulos da Copa do Mundo (2006, 2007 e 2008) e catro títulos de campión de Europa (2007, 2009, 2012 e 2016). É tamén campión do mundo de tríatlon de longa distancia (2019), campión de Europa de media distancia (2013), dúas veces campión do mundo de Medio Ironman (2014 e 2017), campión do mundo de tríatlon Xterra (2012) e subcampión do mundo de tríatlon de velocidade (2011).Foi galardoado en 2016 co Premio Princesa de Asturias dos Deportes.

Pablo Dapena González

Pablo Dapena González, nado en Pontevedra o 19 de xaneiro de 1988, é un deportista galego que compite en tríatlon.Conta no seu palmarés cun Campionato Mundial de Tríatlon de Longa Distancia, ademais dun subcampionato na mesma competición e outro no Campionato Europeo de Tríatlon de Longa Distancia.

Pilar Hidalgo

Pilar Hidalgo Iglesias, nada en Cee o 3 de maio de 1979, é unha ex-triatleta galega.

Tríatlon Xterra

O Tríatlon Xterra ou XTerra é o nome dunha serie de competicións de tríatlon cross pertencentes á empresa privada Team Unlimited que posúe a marca. Organiza un circuíto de competicións internacionais e eliminatorias para a final do Campionato do mundo de XTerra que ten lugar todos os anos en Maui no arquipélago de Hawai.

Fundouse en 1996, como "Aqua-terra" antes de renomearse a Xterra. Foi a precursora do tríatlon cross e ata 2011 foi a única competición mundial de tríatlon de montaña. Cada proba consiste en tres sectores con distancias aproximadamente equivalentes ao tríatlon clásico, con 1,5 km de natación en augas rápidas, 30 km de bicicleta de montaña e 10 km de carreira de montaña .

Unión Internacional de Tríatlon

A Unión Internacional de Tríatlon (ITU) é a asociación que goberna e organiza as competicións internacionais de tríatlon, dúatlon, ácuatlon e outras variacións.A ITU organiza as competicións de máximo nivel mundial do tríatlon: as Series Mundiais e a Copa do Mundo. Recentemente, creou un campionato do mundo oficial de longa distancia, cunhas distancias próximas ás probas de Ironman organizadas pola World Triathlon Corporation.

Uxío Abuín

Uxío Abuín Ares, nado o 14 de maio de 1991 en Lestrobe (Dodro) é un deportista galego, que destaca no tríatlon.

Vanessa Fernandes

Vanessa de Sousa Fernandes, nada en Perosinho o 14 de setembro de 1985, é unha triatleta portuguesa.

Xogos Olímpicos de 2000

Os XXIV Xogos Olímpicos de Sidney, Australia, realizados entre o 15 de setembro e o 1 de outubro do ano 2000 e tamén coñecidos como Xogos do Milenio, foron os maiores organizados até o de entón, con 10.651 atletas de 199 países competindo en 300 eventos deportivos. Sucedéronse nunha atmosfera pacífica e estiveron ben organizados.

Australia, país anfitrión, preparouse para os seus Xogos coa intención de tornarse unha potencia olímpica e conquistou a espectacular marca de 58 medallas, sendo 16 de ouro, ficando na cuarta posición no cadro de medallas final dos Xogos, a mellor participación da súa historia.

Xogos Olímpicos de 2012

Os Xogos Olímpicos de 2012, correspondentes aos Xogos da XXX Olimpíada, tiveron lugar en Londres entre o 27 de xullo e o 12 de agosto de 2012.

Ácuatlon

O ácuatlon é unha especialidade deportiva relacionada co tríatlon e que consiste na agrupación dunha carreira a pé, unha proba de natación, e de novo unha carreira a pé. Non é unha especialidade olímpica.

A diferenza do tríatlon, o ácuatlon ofrece algunhas vantaxes de tipo loxístico, porque reduce o espazo destinado á competición e mais a duración da mesma. Porén, ao igual ca no tríatlon, as probas dispútanse ininterrompidamente e cunhas transicións cronometradas que habitualmente son clave na resolución da proba.

O ácuatlon está adscrito en Galiza á federación deportiva de tríatlon e péntatlon moderno. O campionato do mundo da especialidade dispútase normalmente unha semana antes de que teña lugar o de tríatlon.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.