Toponimia

Para a política de toponimia de Wikipedia, véxase Wikipedia:Toponimia.

Toponimia é a división da onomástica que estuda os topónimos, nomes propios de lugares, a súa orixe e evolución; é considerada unha parte da lingüística, con fortes ligazóns coa historia, a arqueoloxía e a xeografía. Tamén se usa o vocábulo toponimia para referírmonos ao conxunto dos nomes dos lugares dun territorio concreto. A toponimia está constituída polos nomes de carácter xeográfico ou topográfico.

Diversidade toponímica

Os topónimos, aínda que procedentes dun mesmo étimo, poden ser, nunha mesma lingua, totalmente diferentes. Isto débese a:

  • Flexión xenérica e numérica: Casal, Casás, Casais.
  • Aparición de todo tipo de sufixación referencial: Carballosa, Carballal, Carballeda,Carballido, O Carballiño...
  • Formación de numerosos compostos, especialmente coa adxunción dun adxectivo como segundo elemento (-agudo, -baixo, -outo, -maior,...: Monteagudo, Picouto, Vilarmaior) ou coa presenza dun sintagma nominal subst. + de + subst. (Vilar de Frades, Montaña da Agra) ou subst. + de + adv.(Carballal de Arriba).
  • Evolucións dialectais: *FONTANELLA > Fontela / Fontenla, *PLANU > chao/chan (Chaodorrío)

Porén, as leis de evolución fonética (por exemplo, as leis de Grimm) dos topónimos son iguais cós da lingua común, pois os falantes non teñen consciencia de que haxa que pronunciar os topónimos dun xeito distinto ás palabras comúns. Mais ás veces as leis evolutivas ficaran nun determinado estadio, dando lugar a verdadeiros fósiles lingüísticos; así un topónimo como Mazaeda revelaría un estadio intermedio, desde un tardolatino *MATTIANETA fronte Maceda, máis evolucionado.

Evolución da toponimia como ciencia

O desenvolvemento científico dos estudos toponímicos aparece no século XVIII. En Galiza Martín Sarmiento foi o primeiro que aplica o método filolóxico e comparativo non só na lingua galega en xeral, senón tamén á toponimia e antroponimia. Mais houbo que esperar ata finais do XIX para que o desenvolvemento da lingüística impulsara paralelamente a onomástica como unha póla propia.

En diversos países europeos algúns lingüistas son considerados os abandeirados do establecemento da toponimia. Deben destacarse en Francia D'Arbois de Jubainville, Auguste Longnon, Albert Dauzat; na Alemaña H. Groehler, E. Gamillscheg, Gerhard Rohlfs; en Italia V. Bertoldi. En Bélxica Carnoy, Auguste Vincent. Na Suíza, Hubschmied e Paul Aebischer. En Portugal, como en tantas outras cousas, o pioneiro foi José Leite de Vasconcelos. Algúns deles emprestaron tamén atención á Península Ibérica, na que destacan a Ramón Menéndez Pidal, Antonio Tovar, Johannes Hubschmid, Joan Coromines), Antoni Badia i Margarit, Manuel Alvar, A. Griera, ou Luis Michelena. Varias revistas especializadas aglutinaran as investigacións onomásticas, das que compre destacar Onoma, un boletín bibliográfico creado en 1950, en Lovaina.

Tamén en América se desenvolveran entrementres as investigacións toponímicas. No Canadá destacou Robert Douglas. Nos Estados Unidos de América cómpre salientar a Robert L. Ramsay como fundador de toda unha escola onomástica. Os esforzos canalizáronse a través da revista Names, desde 1953, vinculada á Universidade de Berkley. Non faltan tampouco toponimistas en Latinoamérica: Ricardo L.J. Nardi na Arxentina ou Bernardo Pedral Sampaio no Brasil.

Para o estudo da toponimia galega, á parte dalgún dos antes citados (Leite de Vasconcelos, Menéndez Pidal, Coromines) son primordiais os estudos de Joseph-Maria Piel, Abelardo Moralejo Laso, Luís Monteagudo García, Manuel Rabanal Álvarez, José Luís Pensado Tomé, Isidoro Millán González-Pardo, José Santiago Crespo Pozo, Juan José Moralejo Álvarez, Eligio Rivas Quintas, Nicandro Ares Vázquez, Fernando Cabeza Quiles, Gonzalo Navaza, Edelmiro Bascuas. Non houbo unha revista especializada en Galiza ata que o irmán marista Manuel Rodríguez Rodríguez (1898-1975) fundou o Seminario Fontán-Sarmiento de Hagiografía, Toponimia e Onomástica de Galicia, en 1972, con sede no colexio maior Xelmírez, que publica un boletín. Mais a maioría dos traballos toponímicos están dispersos por varias publicacións, non sendo raro que mesmo aparezan en xornais.

Clasificación dos topónimos

A conversión dos topónimos en nomes comúns, ou viceversa, constitúe tamén un procedemento de acrecentamento lexical:

  • VICUS TŬSCUS, barrio etrusco de Roma, dá lugar a TŬSCUS, xente libertina quen vivía en dito lugar > tosco.
  • gal. caolín, fr. Kaolin proceden do topónimo chinés Kao Ling.
  • Ribeiro (viño) procede do topónimo da comarca en que se produce.

Os topónimos sempre se orixinan do léxico da fala, aínda que en momentos posteriores poidan perder a súa transparencia semántica e xa non ser evidente o seu significado.

Temática

Os topónimos poden clasificarse tematicamente:

  • Condicións meteorolóxicas: Bufarda (na acepción de "lugar ventoso"), Corisco, Escuriscada, Invernal, Ventosela.
  • Institucións (políticas, económicas, sociais ou outras): Alfándega, Bailía, O Condado , Couto, Encomenda, Estanco, O Foro, Temple.
  • Pobreza e riqueza: Famelga / Falmega (de (VILLA) FAMELLICA), Laceiras (laceira "pobreza", creado do antropónimo Lazarus, de orixe semita), Podentes (de POTENTES "que poden"), Vilarrica.
  • Topónimos derivados doutros, por razóns diversas (moitas veces como etnotopónimos): Callao, Laciana, Mondego, Rozabales, Santiago, Sarreaus.
  • Anecdóticos ou creacións expresivas diversas ou que lembran unha circunstancia especial actualmente non fácil de explicar (aínda que cómpre confirmar estas explicacións para non caer na etimoloxía popular): Mexadeiro, Mollafariña ou Salsipodes.

Cómpre ter conta de que con frecuencia os topónimos poden solaparse en dúas ou máis variantes temáticas.

Orixe

A orixe dos topónimos galegos, por orde cronolóxica, é:

  • Topónimos prelatinos: Arzúa, Barallobre, Sillobre, Betanzos, Cangas, Nantón, Dubra, Bergantiños, Noia, Sarria, Trives, Barbanza, A Arnoia, Deva, Eo, Tambre, Bar).
  • Orixe latina. Son os maioritarios: Compostela (de COMPOSITA + ELLA, non de *CAMPUS STELLAE), Padrón (de PETRONEM, formado sobre un aumentativo de PETRA), Vigo (de VICUM ), Eiras (de AREAS, "áreas"), Reboira (de *ROBOREA), Taboada e Taboadela (de TABULATA ), Viveiro (de VIVARIUM),... A través do latín entraron no galego topónimos de orixe grega ou xudía, na maior parte por influxo do Cristianismo, como Grixoa (de ECCLESIOLA, diminutivo de ECCLESÍA), Mosteiro (de MONASTERIUM), Vilasol (dunha VILLA SAULI, do nome hebreo latinizado SAULUS).
  • Orixe xermánica, especialmente sueva. Son numerosos como derivados de antropónimos (Hermisende, Vaamonde, Baldomar, Baltar, Goiáns, Gondomar,... e moitos dos rematados en -oi: Filloi, Raxoi, Trastoi, Mondoi, Gadoi, Cendoi; -ei: Forcarei; -il: Samil; e -iz ou -ís en zonas de seseo: Espariz, Mondariz, Sabarís), sobre todo tendo en conta que moitas veces se xuntan en composición con elementos latinos. Como derivados do léxico xermánico común, son menos frecuentes: Boiro (do tema *BÛR "edificación"), Loiba, Lobios (xermánico *LAUBJO, "alpendre") , Sas ou Zas (gótico SALA "pazo").
  • Orixe árabe. Salvo aldea, son pouco frecuentes: Alfoz (arrabalde), Almuíña (horta, herdade), Barrio, Rábade (fronteira), Acea ou Aceña (muíño de auga), posiblemente A Mezquita, ...
  • Orixe franca: co nome de francos englóbanse historicamente os inmigrantes europeos que foran chegando ata os reinos peninsulares ao longo da Idade Media. Na súa maior parte eran franceses (de aí o xentilicio), pero tamén os había xermanos, italianos, languedocianos etc. A influencia maioritaria foi francesa ou provenzal (como se observa na influencia exercida sobre a lingua galaico-portuguesa), debida en parte ó Camiño de Santiago. Podemos observar pegadas tamén na toponimia: Granxa (do francés GRANGE), Temple (forma francesa fronte a autóctone Templo).
  • Orixe castelá. A consecuencia da influencia do español, como lingua oficial: Calle, Venta da Castellana, As Ermitas, Carrete(i)ra, Manzaneda, O Portazgo.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Edelmiro Bascuas, Estudios de Hidronimia Paleoeuropea Gallega. Universidade de Santiago de Compostela. 2002
  • Ana Isabel Boullón Agrelo (2010): "Toponimia de Galicia. Estado da cuestión”, en Mª Dolores Gordón Peral (ed.): Toponimia de España. Estado actual y perspectivas de la investigación. Berlin / New York: Walter de Gruyter, 31–58.
  • Fernando Cabeza Quiles (1992): Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado, Edicións Xerais, Vigo.
  • Fernando Cabeza Quiles (2000): Os nomes da terra. Topónimos galegos, Editorial Toxosoutos, Noia.
  • Fernando Cabeza Quiles (2008): Toponimia de Galicia, Editorial Galaxia, Vigo.
  • Fernando Cabeza Quiles (2014): A toponimia celta de Galicia, Editorial Toxosoutos, Noia.
  • Isidoro Millán González-Pardo, Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz. 1987 - ISBN 84 86040 27 2
  • Abelardo Moralejo Laso, Toponimia Gallega y Leonesa.1977 - ISBN 84 85170 20 2
  • Gonzalo Navaza (2006): Fitotoponimia galega. A Coruña: Fundación Barrié. Biblioteca Filolóxica Galega do Instituto da Lingua Galega.
  • Gonzalo Navaza (2007): Toponimia de Catoira. Catoira: Concello de Catoira.
  • Joseph-Maria Piel, Estudos de Linguística Histórica Galego-Portuguesa. 1989.
  • Joseph-Maria Piel / Dieter Kremer (1976): Hispano-gotisches Namenbuch. Heidelberg: Carl Winter.
  • Antón Santamarina (2002): “A Journey through Galician Onomastics”, en A. I. Boullón Agrelo (ed.): Actas do XX Congreso Internacional de Ciencias Onomásticas: Santiago de Compostela, 20-25 setembro 1999. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 3-32. [Edición en CD-Rom)]. Trad. gal.: “Viaxe pola onomástica galega”, A Trabe de Ouro 62 (2005) 11-38. Versión resumida en “Onomástica galega”, apéndice da Gran Enciclopedia Gallega 35, 140-152.

Ligazóns externas

Buscadores de toponimia galega

Outros recursos de toponimia galega

Toponimia non galega

Exotoponimia en galego

A Baña

A Baña é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Barcala. Segundo o IGE en 2014 tiña 3754 habitantes (3967 no 2012, 4102 no 2011, 4320 no 2010). No ano 1980 a poboación chegou a ser de 8775 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é bañense, avaniense ou bañés.

A Estrada

A Estrada é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Segundo o IGE no ano 2018 tiña 20 661 habitantes, dos cales 419 eran de orixe estranxeira. O concello ten 51 parroquias. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «estradés» (forma oficial), estradense (forma popular) ou estratense (forma culta).

A Fonsagrada

A Fonsagrada é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Fonsagrada, da que é capital. Segundo o IGE en 2018 tiña 3.589 habitantes (4856 no 2006, 4949 no 2005, 5007 no 2004, 4993 no 2003). Cunha superficie de 438,4 km² é o concello máis grande de Galicia. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fonsagradino», «buroego» ou «brañego».

A Grade, Chantada

San Vicente da Grade é unha parroquia do concello lugués de Chantada na comarca de Chantada. Segundo o IGE en 2014 tiña 60 habitantes (27 homes e 33 mulleres), o que supón unha diminución con respecto ao ano 1999 cando tiña 79 habitantes. Segundo o INE en 2017 eran 57 habitantes, 32 mulleres e 25 homes.

Begonte

Begonte é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Terra Chá. Segundo o INE a súa poboación no 2016 era de 3115 habitantes (3413 no 2010, 3587 no 2006, 3616 no 2005, 3682 no 2004, 3684 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é begontés ou begontino.

Carballedo

Carballedo é un concello da provincia de Lugo, pertencente a comarca de Chantada. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é carballedés.

Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade é un concello da provincia de Pontevedra creado o 22 de setembro de 2016 a partir da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade. Ten 5.815 habitantes (suma de datos do IGE 2018) e unha superficie de 214,5 km². Limita cos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, A Estrada, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas.

Elixio Rivas Quintas

Elixio Rivas Quintas, nado en Fondo de Vila (A Abeleda, Xunqueira de Ambía) o 31 de agosto de 1925, é un irmán paúl, profesor, lingüista e etnógrafo galego, cun labor salientábel especialmente nos campos da lexicoloxía, a onomástica e a toponimia. É tamén un recoñecido difusor dos valores do Camiño de Santiago.

Erbedeiro, Carballedo

San Pedro de Erbedeiro é unha parroquia que se localiza no concello de Carballedo, na comarca de Chantada. Segundo o IGE en2016 tiña sete habitantes (cinco homes e dúas mulleres) distribuídos en 3 entidades de poboación, oito menos ca en 2004 (nove homes e seis mulleres) e once menos ca en 1999.

Esmeriz, Chantada

Santa Mariña de Esmeriz é unha parroquia que se localiza na ladeira do monte Faro, no oeste do concello de Chantada, na provincia de Lugo. Segundo o INE en 2008 tiña 47 habitantes (26 homes e 21 mulleres), distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2000 cando tiña 64 habitantes. En 2017 tiña 26 habitantes, 11 mulleres e 15 homes, segundo o INE.

Esmoriz, Chantada

San Xillao de Esmoriz é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Segundo o INE tiña 57 habitantes en 2017, 30 mulleres e 27 homes (4 máis ca en 2016 segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 26 homes e 27 mulleres. O que supón unha diminución de 9 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 62 habitantes (30 homes e 32 mulleres).

Lalín

Lalín é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Deza. O municipio tiña unha poboación de 20.103 habitantes (2018) e divídese entre o núcleo urbano, onde viven máis de 10 000 persoas, e as 52 parroquias do rural. Lalín é a capital e a vila principal da súa comarca e o noveno concello máis poboado da provincia, despois da Estrada. O concello posúe unha densidade de poboación de 63,85 hab./km², e unha superficie de 326,8 km², o que o converte no concello máis grande de Pontevedra e o cuarto de Galicia.

O concello de Lalín atópase no nordeste da provincia de Pontevedra; fai fronteira co concellos de Silleda e Vila de Cruces polo noroeste, con Forcarei polo oeste, con Agolada e Rodeiro polo nordeste, con Dozón polo suroeste e co Irixo polo sur, todos eles pertencentes á comarca pontevedresa do Deza agás O Irixo que pertence á provincia de Ourense.

Nigrán

Nigrán é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. Segundo o IGE no ano 2014 tiña 17.715 habitantes (8.684 homes e 9.031 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é nigranés.

Oleiros

Oleiros é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Coruña. Segundo o IGE no 2018 tiña 35.559 habitantes (34.963 no 2015, 33.550 no 2010, 31.694 no 2007, 31.264 no 2006, 30.467 no 2005, 29.671 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «oleirés/oleiresa».

Ortigueira

Ortigueira é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2017 tiña 5.966 habitantes (6.871 no 2010, 7.376 no 2006, 7.697 no 2005, 7.830 no 2004, 8.022 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ortigueirés» ou «urticariense».

Palas de Rei

Palas de Rei é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Ulloa. Segundo o IGE en 2014 tiña 3.601 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «palense».

Santa Cruz de Viana, Chantada

Santa Cruz de Viana é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. No ano 2011 tiña 83 habitantes distribuídos en 4,45 km², segundo datos do INE e do IGE, deles 40 eran homes e 43 eran mulleres. O que supón unha diminución respecto o ano 2007 que tiña 101 habitantes, deles 46 eran homes e 55 eran mulleres. En 2016 tiña 64 habitantes, 33 mulleres e 31 homes, segundo o INE.

Veascós, Carballedo

Santa Mariña de Veascós é unha parroquia que se localiza no concello de Carballedo, na comarca de Chantada. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 138 habitantes (78 homes e 60 mulleres), distribuídos en 17 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 152 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 99 habitantes, sendo 55 homes e 44 mulleres. En 2016 tiña 97 habitantes, 43 mulleres e 54 homes, segundo o INE.

Vilaquinte, Carballedo

Santa María de Vilaquinte é unha parroquia que se localiza no concello de Carballedo, na comarca de Chantada. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 130 habitantes (70 mulleres e 60 homes), distribuídos en 14 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 145 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 101 habitantes, sendo 50 homes e 51 mulleres. En 2016, segundo o INE, tiña 97 habitantes, 49 mulleres e 48 homes.

Nomes de lugar
Nomes de persoa

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.