Toén

Toén é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Ourense. Segundo o IGE no ano 2015 tiña 2.426 habitantes (2.521 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «toenés».

Coordenadas: 42°18′53″N 07°57′14″O / 42.31472, -7.95389

Toén
Bandeira de Toén
---
Escudo de Toén
Ayuntamiento de Arnoya
Casa do concello
Situacion Toén
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Ourense
ComarcaComarca de Ourense
Poboación2.368 hab. (2018)
Área58,3 km²
Densidade40,62 hab./km²
Entidades de poboación8 parroquias
Política (2019[2])
AlcaldeRicardo González Gómez (PPdeG[3])
Concelleiros
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 4
Eleccións municipais en Toén
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes55,86%
Na rede
http://www.toen.es/
concello.toen@eidolocal.es

Xeografía

O concello está constituído por 41 núcleos de poboación agrupados en oito parroquias. Limita cos concellos de Barbadás polo leste, con Ourense ao norte (separados polo río Miño), con Cartelle ao sur, e con Castrelo de Miño ao sur.

As zonas de maior altitude sitúanse nas franxas sur e leste, pero sen cumios moi elevados, de pouco máis de 600 metros. As terras do norte, oeste e centro forman o extenso val do río Miño. Este río está embalsado no encoro de Castrelo de Miño, onde recibe as augas do rego de Puga, rego de Xestosa e o rego de Fragoso.

Hai un gran contraste nas temperaturas, baixas en inverno e altas en verán, con néboas persistentes e chuvias escasas (uns 800 mm).

Os produtos máis abundantes son a vide no val e a pataca e o centeo no interior, pero a maior parte das terras están marcadas pola masa forestal, sobre todo por matos. O sector agrario en Toén xira fundamentalmente en torno á produción vinícola, cun 53% da superficie total cultivada. As parroquias de Alongos, Puga e Feá pertencen á Denominación de Orixe O Ribeiro, sendo unha das zonas de maior produción de caldos autóctonos.

En relación coas actividades industriais destaca a existencia de varias canteiras de pedra de moita importancia no terzo norte do concello, en torno aos núcleos de Mugares, Puga e Feá.

A estrada secundaria OU-342 comunica a cidade de Ourense co concello entrando pola parroquia de Mugares, mentres que a OU-317 o fai por As Airas. Dende a autovía A-52, tomando a saída de Cortegada, pódese coller cara a Feá á dereita, Alongos á esquerda ou Toén de fronte.

Demografía

Censo total 2.426 (2015)
Menores de 15 anos 200 (8.24 %)
Entre 15 e 64 anos 1.422 (58.62 %)
Maiores de 65 anos 804 (33.14 %)

A poboación municipal sufriu grandes cambios durante o século XX. En 1900 Toén contaba con 3.881 habitantes, alcanzando o seu máximo poboacional en 1950 (4.369). A proximidade coa capital da provincia freou en certa medida unha emigración masiva como ocorreu noutros concellos. Porén, este feito non impediu un descenso paulatino da poboación desde 1950 até a actualidade.

Evolución da poboación de Toén   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
3.881 3.875 4.369 3.474 2.573 2.635 2.605 2.567 2.527 2.511 {{{13}}} {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia

Conta con restos arqueolóxicos do paleolítico na Piteira e O Loureiro (Moreiras)"Colección da prehistoria"..

Da época castrexa queda o castro de Trelle, situado a uns 600 m de altitude, na parroquia de Trelle. Desde el divísanse os vales do Miño e do río Arnoia. É un castro de dous recintos en forma de dúas terrazas ovaladas, superpostas e concéntricas cinguidas polos seus respectivos terrapléns. O castro de Louredo está entre as parroquias de Mugares e Alongos (Freixendo), no límite co concello de Barbadás, emprazado no monte de Louredo (437 m). Nel acháronse numerosos útiles de pedra paleolíticos e neolíticos. Posteriormente foi un asentamento estratéxico na época castrexa, quizais formando parte doutros que controlaban o curso do Miño pertencentes á tribo dos "Coelerni" cuxa capital era Castromao, Celanova (Celanova). Descubriuse abundante cerámica indíxena e romana decorada na zona, así como dúas aras romanas (a Xúpiter e outra a Diana) conservadas no Museo Arqueolóxico de Ourense.

A través da documentación medieval do tombo de Celanova sábese da existencia do mosteiro de Santa Uxía, cara ao Porto dos Abades, e do mosteiro de San Vicente, fundado como mosteiro particular polo converso Esgas e doado polo seu pai Fafila a san Rosendo no ano 952 xunto con varios lugares como Mugares e diversas terras. Existiu tamén un castelo en Louredo, doado polo rei ó bispo Martiño de Ourense. No Pozo Meimón foi asasinado o bispo de Ourense no século XV por Lope de Alongos e uns criados seus a instancias duns nobres (entre eles os Puga) dentro do contexto das guerras civís nobiliarias de finais do XV.

Patrimonio

  • Igrexa de Santa María de Mugares.
  • Capela de San Xoan de Fondón: Unha nave de planta rectangular. Muros de sillería granítica. Sinxela fachada con dous ocos rectangulares flanqueando a porta alintelada e unha soa espadana con arco de medio punto. Nos arredores da capela é costume que os veciños celebren as festividades en honor de San Xoán.
  • Pazo do Olivar: Atópase na parroquia de Puga e é un dos máis característicos da provincia. A casa de Olivar pertencía a mediados do século XIX a Fernando de Puga (dono e señor de moitas terras e casas da comarca).
  • Hospital Psiquiátrico de Toén: Foi inaugurado en 1959. Nel tiveron gran protagonismo os profesionais que traballaron no mesmo agrupados en torno á figura e a obra de Manuel Cabaleiro Goás. Aquí pasou algúns veráns a popular psicóloga ourensá Elena Ochoa iniciándose no mundo da psicoloxía aproveitando que Manuel Cabaleiro era amigo dos seus pais.

Festividades

  • Festa de San Xoán (24 de xuño) en Fondón e Gradeira; popular romaría celebrada na alameda que existe ao redor da capela de san Xoán en Fondón.
  • Festa da Nosa Señora do Perpetuo Socorro, na segunda fin de semana de setembro, na Eirexa de Puga, na Parroquia de San Mamede de Puga.
  • Festa de San Pedro (29 de xuño) en Moreiras.
  • Festa da Nosa Señora dos Anxos (2 de agosto) en Trelle.
  • Festa de San Roque, do 16 ao 19 de agosto en Alongos.
  • Festa de Santo Antón, 6 e 7 de setembro en Toén.
  • Festa dos Remedios, 8 e 9 de setembro en Feá.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Toén.
Igrexa de San Martiño de Alongos, Toén

Igrexa da parroquia de Alongos.

Iglesia de Santa María de Feá

Igrexa de Santa María de Feá.

Centro de Saúde de Toén

Centro de saúde

Lugares de Toén

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Toén vexa: Lugares de Toén.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Ministerio do Interior, Goberno de España (ed.). "Resultado eleccións 2019". Consultado o 11 de xuño de 2019.
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Toén". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
A Conchada, Moreiras, Toén

A Conchada é un lugar da parroquia de Moreiras no concello ourensán de Toén, na comarca de Ourense. Segundo o IGE, en 2013 tiña seis habitantes (seis homes).

Alongos, Toén

San Martiño de Alongos é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 319 habitantes (177 homes e 142 mulleres), un menos ca en 2000. Ten dez entidades de poboación.

As Airas, Moreiras, Toén

As Airas é un lugar da parroquia de Moreiras no concello ourensán de Toén, na comarca de Ourense. Segundo o IGE, en 2013 tiña 139 habitantes (73 homes e 66 mulleres).

Trátase dun lugar situado na ladeira do val do castro de Trelle e ten dúas casas señoriais. Unha delas é o pazo da Pereiriña, de certo renome na provincia de Ourense. A comezos dos anos oitenta foi inaugurada a capela e mais o cruceiro das Airas. Así mesmo, está a piques de abrir o seu primeiro local social, no campo da festa da aldea.

Comarca de Ourense

A comarca de Ourense é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Ourense. Pertencen a esta comarca os concellos de Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín.

Limita ao norte coa comarca de Chantada (Lugo), ao nordeste coa comarca da Terra de Lemos (Lugo) e comarca da Terra de Caldelas, ao leste e sueste coa de Allariz-Maceda, ao sur coa de Celanova e ao oeste coas do Ribeiro e Carballiño.

Eleccións municipais en Toén

Corporacións democráticas en Toén desde a aprobación da Constitución de 1978.

1979 Alcalde: José Luis Freijoso Cortiñas — UCD. Substituído por José Puga Suárez.

1983 Alcalde: José Puga Suárez — CP

1987 Alcalde: José Puga Suárez — CPG

1991 Alcalde: José Puga Suárez. Substituído por José Luis Freijoso Cortiñas

1995 Alcalde: José Luis Freijoso Cortiñas — PPdeG

1999 Alcalde: José Puga Suárez — PPdeG

2003 Alcalde: José Puga Suárez — PPdeG

2007 Alcalde: Amancio Antonio Cid Pérez — PPdeG

2011 Alcalde: Amancio Antonio Cid Pérez — PPdeG

2015 Alcalde: Amancio Cid Pérez — PPCandidatos: Amancio Cid Pérez (PP), María Alida Iglesias Gil (PSdeG-PSOE), Carlos Lorenzo Lorenzo Simón (Son de Toén-ANOVA) e Paula Moreda Gómez (BNG).

Feá, Feá, Toén

Feá é un lugar da parroquia de Feá no concello ourensán de Toén, na comarca de Ourense. Segundo o IGE, en 2013 tiña 59 habitantes (35 homes e 24 mulleres).

Feá, Toén

Santa María de Feá é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 103 habitantes (49 homes e 54 mulleres) distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 6 habitantes en relación ao ano 2000.

Galería de imaxes de Toén

Galería de imaxes do concello de Toén na provincia de Ourense.

Juan Antonio Saco y Arce

Juan Antonio Saco y Arce, nado en San Martiño de Alongos (Toén) o 8 de marzo de 1835 e finado en Ourense o 14 de setembro de 1881, foi un escritor e lingüista, autor da primeira Gramática da lingua galega.

Lugares de Toén

Galicia → Parroquias de Galicia → Lugares de Galicia → Lugares de Toén

Meaba, Mugares, Toén

Meaba é un lugar da parroquia de Mugares no concello ourensán de Toén, na comarca de Ourense. Segundo o IGE, en 2013 tiña 39 habitantes (20 homes e 19 mulleres).

Moreiras, Toén

San Pedro de Moreiras é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 806 habitantes (400 homes e 406 mulleres) distribuídos en 3 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 6 habitantes en relación ao ano 2000.

Mugares, Toén

Santa María de Mugares é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 399 habitantes (212 homes e 187 mulleres) distribuídos en 3 entidades de poboación, o que supón un aumento de 11 habitantes en relación ao ano 2000.

O Moreiro, Mugares, Toén

O Moreiro é un lugar da parroquia de Mugares no concello ourensán de Toén, na comarca de Ourense. Segundo o IGE, en 2013 tiña 26 habitantes (13 homes e 13 mulleres).

Puga, Toén

San Mamede de Puga é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 280 habitantes (145 homes e 135 mulleres) distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón un aumento de 34 habitantes en relación ao ano 2000.

Teresa Seara

María Teresa Seara Domínguez, nada en Toén en 1968, é unha crítica literaria galega.

Toén, Toén

Santa María de Toén é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 476 habitantes (228 homes e 248 mulleres) distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 3 habitantes en relación ao ano 2000.

A igrexa parroquial é un templo de orixe románica, se ben na actualidade quedan poucos restos dese estilo. A portada é renacentista, destacando a porta de acceso adintelada e unha soa torre no lateral dereito. Está formada por unha nave de planta rectangular, co presbiterio máis elevado e a sancristía acaroada a este na súa parte dianteira.

Trelle, Toén

Nosa Señora dos Anxos de Trelle é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 123 habitantes (60 homes e 63 mulleres) distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón un aumento de 8 habitantes en relación ao ano 2000.

A igrexa parroquial é de planta rectangular, con muros de perpiaños. Fachada con porta adintelada e espadana de dous corpos: o inferior de dous arcos xemelgos e o superior dun só.

Xestosa, Toén

Santa María de Xestosa é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 143 habitantes (74 homes e 69 mulleres) nunha soa entidade de poboación, o que supón unha diminución de 13 habitantes en relación ao ano 2000.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.